Escola Galega de Administración Pública
Xunta de Galicia - Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN EGAP ABERTA EGAP HOXE EGAP A MÁIS

AVISO E RECOMENDACIÓN: O seu navegador web (Internet Explorer 6) está obsoleto o cal pode provocar que certos elementos se mostren descolocados ou non se carguen correctamente. Ademáis, tampouco poderá ver ben, populares webs como Youtube ou Facebook, entre outras moitas. Recomendámoslle actualizar o seu navegador nos enlaces seguintes:

Internet Explorer Mozilla Firefox Google Chrome Apple Safari Opera

Benvida do Conselleiro

  • Alfonso Rueda  

    A piques de cumprir 25 anos de historia, a Escola Galega de Administración Pública reforza o seu loable obxectivo de servir a Galicia a través da profesionalización e modernización das Administracións públicas. A Escola, e toda a Consellería, sumamos esforzos para acadar unha administración austera, eficiente e próxima á cidadanía, favorecendo a mellora da calidade de vida da sociedade galega a través do fomento da economía do coñecemento e da innovación (Plan Estratéxico de Galicia 2010-2014).

    Nun período de importantes cambios económicos e sociais, quero manifestar a miña firme convicción de que a formación constitúe unha das ferramentas máis importantes coas que conta a Administración para maximizar a eficacia na prestación dos servizos públicos e a satisfacción das necesidades da cidadanía. Igualmente, teño a certeza de que a inversión en formación para os empregados públicos é esencial para dispoñer dunha administración áxil, eficiente e segura.

    Invítovos a descubrir e a compartir todo o que vos ofrece este sitio web, e a institución que o promove, orientadas non só á Administración, senón tamén á cidadanía en xeral, un proxecto para o que a EGAP traballou intensamente nos dous últimos anos. A Escola está sumida nun proceso de mellora continua da calidade que inflúe de xeito positivo na prestación dos seus servizos, implantando sistemas de calidade internacionalmente recoñecidos e orientados ao usuario, como son o Modelo de Excelencia EFQM da Fundación Europea para a Xestión da Calidade ou a Norma UNE-EN ISO 9001:2008 da Organización Internacional de Normalización (ISO). Coa súa apertura á sociedade, a EGAP pon a disposición da cidadanía un foro aberto no que adquirir e compartir coñecementos, constituíndo unha verdadeira EGAP 2.0.

    Os empregados e empregadas públicos, sustento básico da Administración, atoparán neste espazo formación e información permanente, vías de comunicación directa e fórmulas de participación coa Escola, achegando a Administración aos seus traballadores.

    Non quero deixar pasar a ocasión de destacar e felicitar o entusiasmo e o rigor que a Escola imprimiu a dúas encomendas cardinais deste Goberno e das que atoparedes información completa e puntual neste espazo. Por unha banda, a EGAP está a elaborar e publicar os temarios para os procesos selectivos da Xunta de Galicia, facilitando a tarefa dos opositores libres e de promoción interna, e contribuíndo a unha clara democratización dos procesos selectivos ao facilitar un material que, se ben non conta con carácter oficial para tribunais e opositores, constitúe sen dúbida un material complementario de inestimable valía. Por outra banda, estase a desenvolver o Programa de acreditación de competencias dixitais do funcionariado público da Axenda Dixital 2014.gal, baseado tanto na formación como noutros mecanismos directos de recoñecemento de competencias en materias TIC.

    Benvidos e benvidas pois á nova páxina web da Escola Galega de Administración Pública, froito do compromiso co modelo de formación que asumimos coa nosa chegada á Xunta de Galicia a comezos do 2009; un espazo aberto, dinámico e actual a disposición da sociedade.

    Alfonso Rueda Valenzuela
    Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e Presidente do Consello Reitor da EGAP
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Turismo de Galicia