Administración & Cidadanía (A&C)
Vol. 14, n. 2 (xullo-decembro) 2019
Sección: Artículos
ISSN: 1887-0287
https://doi.org/10.36402/

Unidade Militar de Emerxencias (UME): Reflexións xurídicas sobre a defensa ambiental de España

Unidad Militar de Emergencias (UME): Reflexiones jurídicas sobre la defensa ambiental de España

Military Emergency Unit (EMU): Legal reflections on the environmental defense of Spain

Xermán Estévez Janeiro

Doutor en Dereito

Colaborador do CESEG

Universidade de Santiago de Compostela-CESEDEN

xerman.estevez@rai.usc.es

Recibido: 9/12/2019 | Aceptado: 16/01/2020

https://doi.org/10.36402/ac.v14i2.107

“A fe no planeta vivente é o tema máis importante ao que se enfronta a humanidade”
(Gaylord Anton Nelson)

Resumo: A UME, Unidade Militar de Emerxencias, é un órgano que está ao servizo do cidadán nos temas de alta necesidade como inundacións, incendios forestais, nevadas e situacións de especial gravidade. É unha unidade que, grazas á alta preparación dos seus membros, ten unha aceptación plena por parte dos cidadáns. Nos últimos anos, debido ao alto índice de queimas forestais que se producen en Galicia, os expertos sinalan que sería conveniente que a UME puidese contar cunha base de operacións na bisbarra ourensá da Limia.

Palabras clave: UME, defensa, medio ambiente, preparación e especialización militar, seguridade pública, seguridade universal.

Resumen: La UME, Unidad Militar de Emergencias, es un órgano que está al servicio del ciudadano en los temas de alta necesidad como inundaciones, incendios forestales, nevadas y situaciones de especial gravedad. Es una unidad que, gracias a la alta preparación de sus miembros, tiene una aceptación plena por parte de los ciudadanos. En los últimos años, debido al alto índice de quemas forestales que se producen en Galicia, los expertos señalan que sería conveniente que la UME pudiese contar con una base de operaciones en la comarca orensana de A Limia.

Palabras clave: UME, defensa, medio ambiente, preparación y especialización militar, seguridad pública, seguridad universal.

Abstract: The UME, Military Emergency Unit, is a body at the service of citizens in matters of high need such as floods, forest fires, snowfalls and situations of special gravity. It is a unit that due to its high preparation of its members has a full acceptance by citizens. In recent years, due to the high rate of forest fires in Galicia, experts point out that it would be advisable for the UME to have a base of operations in the Ourense region of A Limia.

Key words: Military Emergency Unit, defense, environment, military specialization, public security, universal security.

Sumario: 1 Introdución: a defensa na xestión e administración da política verde en toda España. 2 Que é a Unidade Militar de Emerxencias? 3 Réxime xurídico da UME. 4 Efectivos técnicos da UME e a súa distribución xeográfica. 5 Recursos económicos para o funcionamento operativo da UME. 6 Conclusións.

1 INTRODUCIÓN: A DEFENSA NA XESTIÓN E ADMINISTRACIÓN DA POLÍTICA VERDE EN TODA ESPAÑA

O concepto xurídico de medio ambiente é un ben –recurso– que cada vez se atopa máis deteriorado debido a múltiples elementos negativos que alteran a súa funcionalidade. A Constitución española –CE– de 1978, no seu artigo 45 do capítulo III, título I, dispón que “todos teñen o dereito a gozar dun medio axeitado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de conservalo”. Trátase dun principio reitor que as normas posteriores aprobadas polo lexislador intentaron desenvolver e fraguar a través duns contidos básicos centrados na protección e recuperación ambiental en toda España. Podemos afirmar que estamos ante un principio xurídico e, desde logo, democrático que o autor e profesor Cesare BECCARIA explicaba: “o lexislador, ao aprobar unha norma que articula un sistema racional con certo interese xeral, compórtase como un arquitecto sabio”.

Non obstante, a realidade técnica e legal é complexa e cada verán quéimanse millóns de árbores na maior parte do territorio, polo que se acadan niveis preocupantes na desertización da terra e, ante isto, pódese sinalar que se produce a progresiva destrución da fauna e da flora silvestre existente, é dicir, a deterioración e a perda crecente da biodiversidade. En concreto, en Galicia (Ourense e Pontevedra), en Asturias (Cangas de Narcea e Tineo e Covadonga), en Lorca (Murcia), en Doñana (Andalucía), así como na área mediterránea da costa valenciana, e na rexión de Estremadura, tan só por poñer algúns exemplos, as cifras das agresións ao medio ambiente durante os últimos anos superan posicións sociais e económicas de alto risco e por tal situación, no ano 2017, chegaron a perecer varias persoas polas circunstancias extremas rexistradas pola casuística incendiaria e intencionada dos lumes.

Ante tales feitos e ante a necesidade de que a Administración estableza un protocolo serio e rigoroso, así como unha resposta rápida cunha actuación universal dentro dunha orde de disciplina funcional, o Goberno central, a través do Real decreto do 7 de outubro de 2005, aproba e pon en marcha a Unidade Militar de Emerxencias, UME, que é un órgano adscrito funcionalmente ao departamento do Ministerio de Defensa. A UME conta con máis de 3.600 efectivos –datos de 2017–. Nestes doce anos de actividade ten entre os seus obxectivos, en primeiro lugar, a misión da defensa e o coidado e a protección do dereito ao medio ambiente, sen esquecer a seguridade da poboación e, ao mesmo tempo, o de prestar socorro aos cidadáns nos procesos xerados por circunstancias procedentes das alertas climáticas. As intervencións levadas a cabo por parte do persoal da UME fan da súa vocación un lema de garantía e, sobre todo, un servizo de protección aos intereses da sociedade civil. Ante isto, un dos seus principios e preocupacións da Unidade Militar é atallar o fenómeno incendiario que cada período estival arrasa milleiros de hectáreas boscosas en cada recanto das paraxes españolas.

No ano 2010, a UME realiza o seu primeiro labor fóra de España, levando gran parte dos seus efectivos ata a cidade de Porto Príncipe, en Haití. Neste capítulo, o Goberno español comprometeuse a prestar axuda urxente á poboación tras un terremoto que arrasou vilas enteiras e enterrou miles de persoas –3.000–. O grupo loxístico da UME achegoulles aos veciños dos lugares afectados alimentos –en colaboración coa Cruz Vermella Internacional e a Axencia Española de Cooperación Exterior– e estableceu unha primeira liña de infraestruturas para a subsistencia diaria da poboación. Efectuouse unha axuda material que estaba destinada á creación dunha rede de abastecemento de auga potable, construción e reparación das principais vías de comunicación, arranxo de escolas e de hospitais e, en definitiva, un bo facer para trazar unha esperanza a miles de persoas que estaban sen fogar polas circunstancias da terrible catástrofe.

Tamén cabe citar que, no Distrito Federal de México, a Unidade Militar de Emerxencias interveu no rescate do cidadán español Jorge Gómez Varo, natural de Zaragoza, que desaparecera como consecuencia dun tremor de terra, un sismo que se rexistrou en setembro de 2017 e en que o número de falecidos superou a cifra de 300 persoas.

A UME, de acordo cos principios que a caracterizan nos seus estatutos de funcionamento, desde a eficacia, a eficiencia, a xustiza e, por último, a extrema profesionalidade, neste curto período de tempo presenta unha traxectoria de servizo e de total entrega. Hai que dicir que esta entrega permite así consolidar a acción do Goberno do Estado na conservación dos intereses comúns e na salvagarda dos dereitos dos cidadáns dentro dun ámbito eco-global (globalización).

Neste traballo preténdese abordar a realidade, permanente, das debilidades do sistema ambiental español en termos xerais. Por tal motivo, xorde a necesidade de que as administracións públicas –todas– acheguen unha solución inmediata ante tales eventualidades que soportan de forma continua os nosos bosques e a maioría das paraxes ecolóxicas. Unha solución ante a queima da paisaxe que debe darse é achegar unha actuación rápida e profesional, que ten que estar amparada nos principios de igualdade de dereitos para a defensa dos bens comúns, sempre baixo unha conduta de xustiza social en calquera parte do territorio onde se produza a alerta ambiental. Así, pon en marcha en 2005 o servizo da Unidade Militar de Emerxencias –UME–, que é un órgano técnico, multidisciplinario, eficiente e con garantías para proporcionar e achegar certeza na actividade que desenvolve.

No suposto de conflitos por incendios forestais e por calamidades públicas, a competencia para declarar tales alarmas correspóndelle ao Goberno do Estado, mediante a estratexia regulada –real decreto da Presidencia do Goberno ou real decreto, aprobado en Consello de Ministros extraordinario de emerxencia nacional (art. 6 da Lei orgánica 5/2005, do 17 de novembro, da defensa nacional)–. A Unidade Militar de Emerxencias está repartida estratexicamente nunha base de operacións que está centralizada onde se alberga o seu cuartel xeral e onde se encadran os medios humanos e materiais (Madrid, art. 15 da Orde ministerial 8/2015, do 21 de xaneiro). Os seus órganos de apoio son compartidos polos distintos rexementos, xunto ás unidades e os grupos da base loxística –batallóns– de intervención e de dispersión expeditiva sobre o terreo. O desprazamento dos efectivos ata o lugar dos feitos pode levarse a cabo en poucas horas, posto que o equipo de emerxencias conta con medios propios –por terra, mar e aire– e a súa mobilidade operativa é de prioridade absoluta.

O liderado da UME nos traballos en que opera está considerado como moi eficiente, e a disciplina dos seus efectivos e a súa preparación profesional pódense considerar como óptimas para acometer calquera xénero de operación sobre calquera incidencia que xurda ao longo do territorio español. Trátase dun modelo de xestión de emerxencias que está a ser implantado –reproducido do modelo español– por varios países da nosa contorna, como Italia ou Francia, e que a Unión Europea (UE) valora como unha gobernanza efectiva. Sen esquecer, en ningún momento, a responsabilidade plena dos Estados dentro das situacións de procesos de crise civil que nos toca compartir e por tal situación prodúcense adversidades dentro dun contexto mundi-global.

Nas seguintes páxinas vaise analizar cada unha das claves enmarcadas na execución das misións desenvolvidas pola UME en países como Grecia, México, Portugal, Francia, Italia, Haití, Nepal, Honduras e Chile, entre outros. Así mesmo, podemos destacar que todo mérito de actuación da UME está no desenvolvemento profesional da mesma tropa –equipo humano– e no comportamento profesional dos mandos –oficiais e suboficiais– ao transmitir seguridade á poboación e, o máis importante, ao tutelar o benestar que, hoxe, reforza a creación deste corpo do Estado con estrutura orgánica militar para fixar un mecanismo de control cando se aprecien situacións de emerxencias e risco para a poboación civil. Trátase dunhas situacións que, na Estratexia de Seguridade Nacional, aprobada en 2017, definen o concepto xurídico de seguridade no dereito ao medio ambiente “como un obxectivo prioritario para a súa protección por considerar que a súa conservación é un recurso importante para a calidade de vida das persoas”.

2 QUE É A UNIDADE MILITAR DE EMERXENCIAS?

A Unidade Militar de Emerxencias, UME, é un órgano de carácter militar que ten uns efectivos propios e que alberga unha cadea de mando única e está á disposición do Estado –Goberno– para dar unha resposta eficiente e rápida a situacións adversas que se produzan en calquera parte do territorio español.

Pódense citar entre as súas actuacións –preferentes– os temas ambientais, catástrofes naturais, contaminación mariña, naufraxios, ataques con armas químicas ou bacteriolóxicas, situacións de seca, ou ben rescates de desaparecidos nas augas marítimas españolas ou situacións adversas en alta montaña. A UME conta cun orzamento en orixe e, a través do sistema de procedemento administrativo de encomendas de xestión e dos medios cedidos por parte do Ministerio de Defensa, compón e reforza a súa plataforma loxística para levar a cabo as súas funcións operativas, sempre en atención aos intereses comúns da sociedade.

En xeral, pódese mencionar que, dentro dos seus recursos económicos –Ministerio de Defensa– dedicados ao funcionamento do equipo das Forzas Armadas (FF. AA.), conta cuns orzamentos que redacta o Goberno e que son aprobados como disposición legal –lei ordinaria con tramitación especial– polas Cortes Xerais e que se inclúen na norma orzamentaria estatal –anual–; estes orzamentos son de máis de cinco millóns de euros.

Precisamente, a posta en servizo desta Unidade Militar é un paso importante para que as Forzas Armadas se poñan ao servizo da poboación e a través da súa experiencia e da súa organización se poida prestar un apoio na tutela do benestar da cidadanía. De todos os xeitos, ao longo destes anos de dispoñibilidade, a Unidade Militar está a ter un recoñecemento civil, tanto a nivel internacional como nacional, pola súa entrega e eficacia. O seu agradecemento chega desde alcaldes de pequenos municipios, veciños, entidades sociais e grupos ecoloxistas, e incluso do mesmo Goberno, tanto da Administración xeral do Estado como dos executivos autonómicos.

A UME, pola súa experiencia e pola súa organización, está a ser un reforzo de dereitos para o benestar da sociedade. Pódense citar os resultados das pasadas nevadas, en que centos de condutores quedaron atrapados nos seus vehículos pola dimensión na baixada das temperaturas. No mes de xaneiro de 2018, 3.000 vehículos quedaron bloqueados pola nevada na autoestrada AP-6, Segovia-Madrid. A intervención dos membros da UME foi resolutiva e precisa para xestionar a situación creada. O persoal da UME ten un sistema formativo continuo para adaptarse ás novas tecnoloxías e para manterse cos coñecementos precisos no labor de resolver as situacións existentes e abordar a salvagarda dos bens comúns. En definitiva, a Unidade Militar de Emerxencias presta o seu auxilio e achega respostas inmediatas para solucionar cada unha das (posibles) eventualidades que se produzan en todo o territorio.

3 RÉXIME XURÍDICO DA UME

O día 7 de outubro de 2005, o Consello de Ministros, como órgano superior e colexiado do Goberno, acorda a creación legal da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Neste sentido, a UME dependerá organicamente do Ministerio de Defensa e dentro das súas actuacións ten dispoñibilidade para utilizar os medios materiais e técnicos e de persoal do continxente das bases das Forzas Armadas. As Forzas Armadas –Lei de defensa nacional, art. 15.3–, no seu vínculo xurídico, deben axudar a preservar a seguridade e o benestar de todos os cidadáns.

O presidente do Goberno será a máxima autoridade civil da UME. Na potestade da persoa en quen delegue, sempre con rango de ministro, estará encadrada a coordinación, a dirección efectiva, o mando e as súas posibles actuacións programáticas, así como dispor dos respectivos cesamentos e as dispoñibilidades de provisión de emprego, entre outros supostos.

O obxectivo da creación da UME é xerar e dar unha resposta rápida en caso de emerxencia ou alerta producida en España por calamidades públicas ou outros elementos de grave risco para a poboación, como os incendios forestais e, en todo caso, de elevado perigo por efecto das nevadas, terremotos, contaminación marítima, alertas en mar aberto ou ben situacións de crise. A Directiva de defensa nacional 1/2002 sinala expresamente a orientación de promover a integración da UME no Sistema Nacional de Protección Civil, coa finalidade de canalizar a coordinación e promover a efectividade na defensa nacional dentro do proveito público. É unha integración organizativa e de cooperación e de programación que fortalece o traballo de custodia e de auxilio dos dereitos comúns. Trátase duns dereitos que poden estar amparados pola tutela xurídica da seguridade nacional e, polo tanto, deben estar resgardados en todo momento, a través dun instrumento superior que está coordinado desde o propio piar do Estado.

A unidade e os membros da UME poden intervir en calquera parte do espazo territorial nacional. A súa función procedemental é a preservación dos dereitos e a seguridade da poboación e así, ao mesmo tempo, comisionar a integración das garantías públicas, como o recolle e precisa o artigo 2.5 do RD 416/2006, do 11 de abril. Os apartados regulados de protocolo de actuación teñen que basearse en riscos naturais, entre eles inundacións, aluvións, terremotos, corremento de terreo, grandes nevadas e outros fenómenos climáticos de gran magnitude que teñan ou poñan en transo a sociedade ou intereses cualificados de carácter público e universal.

Realmente, trátase de situacións en que as administracións públicas deben dar unha proposta –inmediata– de socorro e de compromiso, en caso de producirse a necesidade, e tamén organizar unha defensa coordinada dos dereitos da poboación.

Pódese destacar que a UME actúa en reducir os efectos dos incendios forestais que asolan os montes españois cada verán –xullo, agosto e setembro– e que é onde máis participan cada unha destas brigadas militares. As súas competencias tamén poden estar relacionadas cos elementos derivados de riscos tecnolóxicos, tales como os perigos por tratamentos químicos, o perigo por actividade –fuga– nuclear, o escape radiolóxico e os efectos derivados dos procesos biolóxicos. Así, a UME tamén ten competencias en actuacións producidas por atentados terroristas ou ben actos ilícitos ou violentos, incluídos aqueles contra instalacións críticas, tanto civís como militares, infraestruturas perigosas ou con mecanismos producidos por axentes nucleares. Por último, os membros da UME tamén colaboran na loita contra a contaminación do medio mariño –como foi o caso do Prestige, ano 2002, en Galicia, malia que daquela aínda non se creara– ou ben naqueloutras encomendas técnicas que se ordene directamente desde a mesma Presidencia do Goberno de España.

O artigo 15 da Orde ministerial 8/2015, do 21 de xaneiro, do Ministerio de Defensa, subliña que a UME depende organicamente do Ministerio de Defensa e de forma operativa do xefe do Estado Maior da Defensa –XEMAD–, que é nomeado polo Consello de Ministros. En relación coa súa organización funcional e o seu réxime interno, pódese engadir que a UME recibe instrucións de planificación e control desde o negociado da mesma Secretaría de Estado de Defensa. Hai que resaltar, no que respecta á competencia sancionadora, que o artigo 29 da Lei orgánica 8/1998, do 2 de decembro, de réxime disciplinario das Forzas Armadas, dispón que sexa exercida sobre o persoal militar dos membros da UME polo xefe do Estado Maior da Defensa, XEMAD. Concretamente, o Estado Maior da Defensa –EMAD– é o principal órgano auxiliar de mando do xefe da Unidade Militar de Emerxencias. Proporciónalle os elementos de xuízo e técnicos, se é o caso, precisos para fundamentar as súas decisións, traducir as respectivas ordes e velar polo seu cumprimento íntegro dentro da interpretación e profesionalidade do equipo da Unidade Militar.

4 EFECTIVOS TÉCNICOS DA UME E A SÚA DISTRIBUCIÓN XEOGRÁFICA

A UME conta na actualidade con máis de 3.600 efectivos establecidos dentro do seu cadro de persoal de funcionamento. Algunhas fontes do Ministerio de Defensa sinalan que a cifra supera os 4.000 –soldados, cabos, suboficiais, oficiais e mandos– que están repartidos polas distintas bases loxísticas da Comunidade de Madrid, o seu cuartel xeral, León, Sevilla, Zaragoza, Las Palmas –Gando-Telde e Santa Cruz de Tenerife– e, por último, en Valencia. Para tal efecto, a estrutura organizativa da UME dispón dun centro de mando principal na base aérea de Torrejón de Ardoz. Seguidamente, conta cunha agrupación de medios aéreos e cinco batallóns de apoio preparados para calquera intervención procedente dunha emerxencia. Do mesmo xeito, a UME, para o cumprimento das súas misións, poderá utilizar efectivos e medios doutras unidades das Forzas Armadas, de acordo co procedemento regulado que estableza o órgano do Estado Maior da Defensa.

Na base principal de Madrid, a unidade disporá dunha compañía de efectivos e estará apoiada por un batallón de transmisións que ten a súa propia dotación de mando e as respectivas compañías de servizos e de postos superiores fixos e de postos de mando terrestre despregables. Pódese dicir, no que respecta ao equipo de emerxencias que está situado no mesmo cuartel, que contará con compañías destinadas e especializadas nos contidos de Emerxencias Naturais, e a referida dotación estará reforzada por compañías loxísticas do destacamento de infraestruturas, adscrito ao corpo denominado de Enxeñeiros.

Na súa sede principal, a UME tamén alberga un grupo de apoio técnico no ámbito do corpo de emerxencias, que será auxiliado por unha brigada especial de intervención, en caso de producirse situacións de risco de carácter tecnolóxico e de colisión no ámbito da contaminación ambiental.

No que respecta ao financiamento desde a súa creación, ano 2005 e exercicios posteriores, tanto o Ministerio de Defensa como o Goberno dotaron as partidas necesarias para dar cobertura ás necesidades operativas e de consolidación da Unidade Militar de Emerxencias. Hai que destacar que, no ano 2006, cunha cantidade de novecentos tres millóns de euros, a UME comprou dezanove helicópteros de transporte medio e realizou a adquisición de nove avións anfibios, modelo comercial, Canadier Cl-215, de fabricación canadense, mecanizado para a loita contra os lumes forestais. Con iso, o número total de aparellos apagalumes alcanza a cifra de vinte e cada avión no seu interior alberga unha carga de auga –limpa ou ben con retardante– de preto de seis toneladas, que é lanzada desde o aire, sempre a curta distancia, de forma directa ao lugar onde se produce o sinistro; a súa estratexia de traballo está considerada polos especialistas forestais como de moi efectiva.

Podemos engadir que a base principal destes avións anfibios, pertencentes á ala do 43 grupo, se atopa en Madrid, pero conta con plataformas loxísticas nos lugares de Santiago de Compostela, Pollença, Salamanca, Albacete, Málaga, Badajoz e Zaragoza. Por razóns operativas, poden empregar tamén calquera aeroporto da rede civil do ente público AENA, dependente do Ministerio de Fomento, para realizar os seus desprazamentos ou ben para as súas necesidades instrumentais e de carácter loxístico e técnico.

Non obstante, a función do 43 grupo do Exército do Aire adscrito ao 404 Escuadrón é moi ampla, posto que actúa en servizos de busca e rescate de persoas desaparecidas en mar aberto (SAR) e nas respectivas tarefas de colaboración a nivel internacional. Cabe citar a prestación de axuda nos procesos de extinción de lumes forestais nos países de Marrocos, Portugal, Grecia, Francia, Chile, Croacia e Italia.

Os medios da UME están compostos por vehículos autobomba, camións de abastecemento, avións, helicópteros, camións quitaneves, camións anfibios, centros de mando avanzado, máquinas retroescavadoras, redes de transmisións vía satélite, vehículos de transporte tipo eiruga e vehículos de comunicacións móbiles, vehículos de carga, equipos médicos, potabilizadoras de auga, equipos de detección e descontaminación de efectos por gases ou por activos nucleares, ou ben por contaminación de augas. A unidade tamén dispón de laboratorios de análise, autobuses de transporte de pasaxeiros e medios dotados de barreiras anticontaminantes mariñas –empregadas por vez primeira na catástrofe ambiental do Prestige– e a loxística extensiva dos distintos corpos que compoñen no seu conxunto a determinación das Forzas Armadas do Ministerio de Defensa.

5 RECURSOS ECONÓMICOS PARA O FUNCIONAMENTO OPERATIVO DA UME

Os orzamentos en materia de defensa presentan certo estancamento e unha considerable redución económica. As partidas económicas da UME aparecen reducidas e moi axustadas para realizar un mantemento equilibrado dentro dunhas infraestruturas militares cun alto custo na súa custodia e mantemento. Pódese pór o exemplo do capítulo I, gastos de persoal, así como do capítulo VI, que son investimentos en produtos de material e en aspectos tecnolóxicos. Xa no apartado de formación permanente dos equipos humanos consignada no capítulo II, de gastos en bens correntes e servizos, obsérvase unha readaptación considerable.

Cómpre sinalar que as FF. AA. necesitan optimizar os seus recursos e, pola súa vez, actualizar e validar os seus sistemas de transmisións e programas de informática como elementos de alta prioridade para as tarefas de prestación dunha atención útil e eficaz dentro dos traballos de desenvolvemento e control de seguridade pública. Aquí, os expertos prevén que cabería a posibilidade de que as comunidades autónomas e os concellos poidan achegar algún financiamento adicional ao orzamento do Estado co fin de sufragar os custos do servizo no momento en que a UME sexa requirida.

Neste sentido, o Ministerio de Defensa, no ámbito das súas oportunidades, poderá celebrar aqueles concertos ou ben convenios de colaboración ou acordos técnicos ou encomendas de xestión que coadxuven ao mellor funcionamento da UME. Ante este mesmo obxectivo, o Ministerio de Defensa subscribirá coas comunidades autónomas os protocolos sobre a axuda necesarios para o acceso dos membros de emerxencias ás súas redes de alerta e control e do posible acceso ao sistema de comunicación dixital.

Agora ben, é necesario explicar que, aínda que nos referimos aos convenios de carácter público, a normativa vixente –Lei de contratos do sector público– tamén contempla a colaboración público-privada en varias materias –compra de armamento– co Ministerio de Defensa para as dotacións dos produtos que utilizan de forma regular as FF. AA. Mentres tanto, o Goberno tamén autoriza o Ministerio de Defensa para que estableza, en caso necesario, concertos coas administracións públicas, así como con organismos institucionais e empresas colaboradoras co fin de que puidesen ter relación con situacións centradas no modelo de emerxencias químicas, nucleares, bacteriolóxicas e radioactivas que se poidan producir. Trátase dunhas regras que veñen fortalecer as funcións de defensa e de resgardo civil, en caso de detectarse algún tipo de alerta contra un ben considerado como de importancia pública.

A UME pode usar os medios propios ou ben instrumentos privados, segundo dispoñan legal e estratexicamente cada un dos plans que aparecen regulados a través da norma legal de protección civil e de emerxencias, hoxe Lei 17/2015, de protección civil. No asunto do financiamento económico, débese manifestar que o propio Ministerio de Defensa elaborou un plan de traballo interno para poder allear por parte do Estado o material das FF. AA. que teña a cualificación de bens non aptos ou que estean afectados por un baixo rendemento na súa usanza diaria, ao ter unha cualificación de “produto inservible debido á súa deterioración evidente”. A través destas vendas de material poderíase sufragar unha parte –importante– de cada un dos gastos previstos; por exemplo, os gastos correntes –capítulo II–, e neste sentido poderíase completar a renovación progresiva dos programas de traballo que empregan as Unidades Militares de Emerxencias. En efecto, a Lei de patrimonio das administracións públicas de 2003 entende que o alleamento de bens mobles e produtos clasificados de defensa e seguridade e que conten con afectación pola querencia das FF. AA. se rexerá pola súa lexislación propia especial.

O produto final recadado como consecuencia dos alleamentos ingresarase na Tesouraría –conta única– de que dispón o Tesouro Público e, a partir de aquí, o proceso será o de reverter o diñeiro mediante o sistema de transferencia financeira ás partidas –positivas– destinadas ao funcionamento ordinario do Ministerio de Defensa. Expertos como Doncel Paredes, Pareja Centeno, Catalán Armengol e Burgaz Fernández explican e fundamentan que esta vía de financiamento tamén está en vigor noutros países europeos. Non obstante, sería necesario pór en marcha un mecanismo propio para avaliar e cualificar o material inservible do conxunto das FF. AA. Así mesmo, consideramos que o proceso sería aberto e transparente e baseado nun sistema transparente de poxa pública.

Xa no ano 2015, o orzamento das FF. AA. presentaba unha redución do cinco por cento no capítulo VI e a súa cifra ascendía a 421.269,55 millóns de euros. Trátase dun dos capítulos que sofre maior redución de diñeiro en función da tendencia rexistrada, comparativamente, nos orzamentos xerais do Estado atribuíbles ao Ministerio de Defensa dos exercicios anteriores. É necesario lembrar que as Forzas Armadas responden a un concepto de modernización e de innovación de todo o seu material –técnico e de proxectos de intelixencia, I+D– para afrontar novos retos e protocolos de competencias, sempre baixo o principio de protección dos intereses xerais e, iso si, das características de benestar e seguridade da sociedade no seu conxunto.

Por certo, os utensilios de traballo da UME teñen que estar plenamente revisados e os seus profesionais deben dispor dos coñecementos técnicos precisos para o seu funcionamento e rápido manexo, baseándose na aplicación das técnicas máis avanzadas que aparezan no mercado co fin de prestar un mellor servizo.

As autoridades militares establecen varios compromisos no proceso da aprendizaxe ao longo da carreira profesional castrense. Os estudos van desde o nivel un ata o nivel tres, que se considera unha especialización completa nas funcións a desenvolver polo equipo de traballo, soldados, oficiais e suboficiais, desde tarefas completas de adestramento ata a familiarización co material e o formulismo empregado no exercicio do labor de procesos de emerxencias. Neste sentido, as empresas que abastecen –debidamente acreditadas– os equipos técnicos e de comunicacións do ministerio de Defensa tamén participan no asesoramento e nos métodos de adestramento de cada un dos operadores militares da UME para que o seu protagonismo sexa maior no concurso da causa común.

6 CONCLUSIÓNS

Primeira. O papel da UME, Unidade Militar de Emerxencias, no servizo público é unha garantía dun Estado social e democrático de dereito que ten como principio –art. 1.1 CE– a defensa dos valores da persoa e da sociedade no seu conxunto. Ante estes feitos e dereitos, a Administración xeral do Estado decide pór en marcha no ano 2005 un instrumento legal que achegue garantías nas situacións declaradas de emerxencias e de calamidade pública, con risco evidente para a poboación. O Goberno crea así a UME, como un órgano de carácter instrumental de perfil xurídico propio e cun obxectivo de prestación social que ten entre os seus principais labores –prioritarios e constitucionais– o de servir na defensa do interese xeral. Ao longo deste espazo de tempo, 12 anos, a xestión da Unidade Militar foi brillante, tanto a nivel nacional como no ámbito de auxilio e cooperación exterior, en países xa citados como Portugal, Francia, México, Perú, Nepal, Honduras, Ecuador, Chile, etc. O éxito da UME está centrado na mesma organización administrativa e, desde logo, no ámbito dunha aprendizaxe permanente do equipo humano, formado por soldados, cabos, oficiais, suboficiais e mandos da Unidade de Emerxencias.

Segunda. Cómpre lembrar que é necesario preservar a funcionalidade da UME no futuro e no reforzamento dos seus medios no tempo actual.

Consideramos que se deben acometer plans de reformas orzamentarias para levar a cabo o cambio de material de traballo e establecer os plans de programas económicos equilibrados, co fin de fortalecer novos retos que se presenten, tanto no apartado tecnolóxico como á hora de abordar os riscos de tipoloxía ecolóxica. O esquema de acción nuclear da UME, en efecto, é un tema de amplo control técnico –exercido desde as mesmas concesionarias mercantís ata a Administración– e dunha preparación completa, física e profesional, no manexo de elementos sensibles, que a UME debe desafiar cunha programación plena nas tarefas do interese común. Son case 4.000 membros do equipo da UME dedicados aos labores de emerxencias que desempeñan as súas obrigas nas bases de Madrid, Las Palmas, Valencia, Zaragoza, León e Sevilla. Pola súa banda, a UME debería ter unha maior presenza naquelas comunidades autónomas que polas súas singularidades e polas súas condicións orográficas necesitan maior socorro e auxilio, como Galicia e Cantabria, en temas como xestión por nevadas, ou ben en procesos naturais relacionados cos desastres ecolóxicos procedentes dos incendios forestais ou ben por circunstancias climáticas.

A UME tamén debe ser un exemplo de referencia educativa dentro do sistema de aprendizaxe nas universidades. Cada un dos eventos formativos superiores debería incluír como materias –optativas– os programas de cooperación e proxectos dedicados á seguridade pública baixo un principio de capacidade intelectual e como parte da atención prioritaria á cooperación nos exercicios colectivos.

Terceira. Non se pode esquecer que a información e a aprendizaxe desenvolvida nos centros militares teñen o seu valor social e estratéxico. Por iso, o Estado debe seguir apoiando unha estrutura administrativa e técnica intelixente –UME– para exercer a defensa dos principios de liberdade do Estado social e democrático de dereito e a garantía dos dereitos da poboación en particular. A UME está a ser un órgano universal do Goberno que ten e debe ter unha continuidade e desde logo debe contar con apoio económico-financeiro preciso para desenvolver con garantías as súas operacións de protección e de atención dos dereitos dos cidadáns.

A preservación e o coidado ambiental tamén é unha prioridade nos programas estatais de Seguridade Nacional, posto que o medio natural –art. 45 CE– é parte do legado de benestar do conxunto da sociedade. Os danos ecolóxicos convertéronse nun reto para os efectivos que compoñen o corpo da UME e para o conxunto da cidadanía.