A arquitectura administrativa da Cultura en Italia. Análise do deseño organizativo da Administración para a tutela dos bens culturais

La arquitectura administrativa de la Cultura en Italia. Análisis del diseño organizativo de la Administración para la tutela de los bienes culturales

The administrative architecture of Culture in Italy. Analysis of the organizational design of the Administration for protecting cultural heritage

Luis Miguel García Lozano

Editorial Thomson Reuters Aranzadi, Cizur Menor, 2019

Recibido: 9/12/2019 | Aceptado: 16/01/2020

https://doi.org/10.36402/ac.v14i2.110

Resumo obxectivo e analítico do contido

O volume estuda a organización administrativa realizada en Italia arredor do ámbito da cultura e, especialmente, en relación cos bens culturais.

O autor comeza analizando a regulación constitucional da organización administrativa e territorial do Estado italiano e a repartición competencial entre os diversos niveis territoriais.

Seguidamente, o autor intérnase na Administración estatal como principal organización, examinando a rede que se creou arredor da cultura e, especialmente, dos bens culturais. Neste aspecto, analízanse os órganos individuais do departamento, desde a cúspide encabezada polo ministro ata as institucións técnicas, pasando por todas e cada unha das direccións xerais, analizando as competencias que legalmente lle foron atribuídas a cada un dos órganos.

Dentro dos órganos centrais, inclúese a última novidade na reorganización ministerial, nacida da creación da Unidade Administrativa para a Seguridade do Patrimonio Cultural, co fin de instituír un órgano central para a salvagarda e vixilancia dos bens culturais que se atopen en situación de risco.

Analizados os órganos centrais, continúase cos órganos periféricos creados como núcleos de impulso e decisionais, ou simplemente de transmisión no seo do Ministerio, examinando neste sentido as superintendencias de sector, as bibliotecas, os arquivos, os museos e os polos vinculados a estes.

Para finalizar o volume, o autor intérnase na análise da colaboración entre a Administración estatal e a Administración rexional e municipal, dedicando un breve apartado final á Administración local italiana, en que se destaca a súa colaboración no mantemento e protección dos bens culturais que se atopasen nos seus termos correspondentes.

Valoración crítica

O ámbito da cultura e os bens culturais ten unha grande importancia para o crecemento económico de Italia. Por iso, a análise que propón o autor é sumamente interesante, sobre todo se se ten en conta que, tal como el mesmo sinala, e a diferenza doutros países, non existe repartición constitucional das competencias en materia cultural, co que se consolida en mans da Administración do Estado.

Agora ben, aínda que o resto dos niveis administrativos carecen de xeito directo de ámbito de actuación ningún en materia cultural, si que existen, e o propio autor preocúpase de poñelos de relevo, materias tocantes a aspectos limítrofes que si están atribuídas ás rexións italianas, o cal se analiza na parte final da obra.

En relación coa Administración do Estado, hai que destacar a análise pormenorizada da rede que realiza o autor: non só se mapean todos os órganos que a compoñen, senón que se detén a analizar en detalle as competencias atribuídas a todos e cada un deles. É especialmente interesante que a análise inclúa, ademais, a Unidade Administrativa para a Seguridade do Patrimonio Cultural, de moi recente creación.

En canto aos órganos periféricos da Administración do Estado, o autor pon de relevo a evolución que os órganos periféricos vinculados ao departamento ministerial tiveron, por medio dunha reorganización a través da supresión e a reasignación de novas competencias aos órganos supérstites, o cal reverte un grande interese desde a óptica da comparativa da evolución dos modelos de gobernanza cultural.

Para finalizar o volume, o autor céntrase na análise da colaboración entre a Administración estatal e o resto de niveis administrativos de Italia (o rexional e o municipal).

En relación coa Administración rexional, examínase a asunción de competencias limítrofes ou relativas a aspectos fronteirizos coa protección, tutela e revalorización dos bens culturais. O autor explica como, aínda que as competencias das rexións non son plenamente competencias relativas a estes aspectos, si interveñen de xeito tanxencial nunha correcta protección do patrimonio mediante competencias como a planificación urbanística, a regulación de profesións relacionadas coa cultura ou a regulación dos estudos profesionalizantes neste mesmo ámbito.

En concreto, sobre a regulación dos estudos profesionalizantes no ámbito da cultura, o autor explica como se instituíron as Comisións Rexionais para o Patrimonio Cultural, intentando favorecer unha correcta colaboración e coordinación entre as administracións competentes e o resto de administracións estatais, en especial o nivel rexional.

O apartado final, relativo á Administración local italiana e a súa colaboración no mantemento e protección dos bens culturais que se atopasen nos seus termos correspondentes, supón unha axeitada forma de pechar todo o sistema.

Conclusión

Ao longo desta obra, o profesor García Lozano ofrece unha visión global do deseño institucional da gobernanza cultural de Italia, país en que é sabido que a materia supón un interese prioritario para as políticas públicas, especialmente en relación coa tutela dos bens culturais que é precisamente do que trata esta monografía.

A obra é especialmente interesante non tanto porque o autor non se limita a realizar un resumo da estrutura administrativa, o cal xa tería sido o suficientemente complexo e meritorio, senón que analiza ademais as disquisicións relativas ao deseño constitucional de Italia e ao continuo redeseño das institucións tuitivas da cultura. É especialmente destacable, porque iso redunda no seu interese, que se analicen órganos de moi recente creación e se poñan en relación con todo o sistema.

Por se iso non fose suficiente, o autor analiza ademais as entidades e institucións que, sen teren atribuídas formalmente competencias en cultura, executan políticas públicas cunha clara incidencia cultural.

Por todo iso, esta obra pode considerarse indispensable para a reflexión sobre os pormenores da organización institucional da gobernanza cultural que pode deseñarse en calquera ámbito territorial, xa que ofrece unha análise detallada dun país, Italia, e unha materia, a tutela dos bens culturais, cuxa achega ao dereito comparado pode ter un grande interese tanto desde a perspectiva académica como do deseño de políticas públicas.

Jokin Babaze Aizpurua

Funcionario interino do Goberno Vasco