Revista Administración & Cidadanía, EGAP

Vol. 15_núm. 1_2020 | pp. -202

Santiago de Compostela, 2020

https://doi.org/10.36402/ac.v1i15.4572

© Santiago Calvo López

ISSN-e: 1887-0279 | ISSN: 1887-0287

Recibido: 09/07/2020 | Aceptado: 01/07/2020

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

A gobernanza pública e a perspectiva clásico-liberal. Fundamentos de economía política

La gobernanza pública y la perspectiva clásico-liberal. Fundamentos de economía política

Public governance and the classical-liberal perspective. Political economy foundations

Santiago Calvo López

Bolseiro predoutoral de Economía Aplicada

Universidade de Santiago de Compostela

santiagocalvo.lopez@usc.es

Paul Dragos Aligica, Peter J. Boettke e Vlad Tarko

Oxford University Press, New York, 2019

267 pp.

ISBN: 978-01-9026-703-2

Nun mundo cada vez máis polarizado, as visións contrapostas sobre o papel que deben desempeñar o sector público e os mercados á hora de alcanzar resultados socialmente desexables ocultan ideas brillantes que poden unir dous conceptos de entender o mundo que, a primeira vista, parecen irreconciliables. Por unha banda, é posible atopar aqueles que defenden unha posición preponderante da Administración pública como elemento corrector dos fallos de mercado, onde os policy makers se caracterizan pola súa benevolencia. Por outra, outros sosteñen unha postura moito máis escéptica con respecto ao Estado, abrazando o laissez-faire e a intervención mínima sobre as decisións privadas do individuo.

É certo que o liberalismo clásico renunciou a participar na construción das teorías da Administración pública e do Estado do benestar a comezos do século XX. Non obstante, Paul Dragos Aligica, Peter J. Boettke e Vlad Tarko sosteñen que, aínda que o seu enfoque se achegue a darlles unha maior importancia aos mercados, dista de ser unha perspectiva de corte anarquista; de feito, o seu obxectivo no libro Public Governance and the Classical-Liberal Perspective é o de articular unha teoría da gobernanza e xestión pública desde a perspectiva do liberalismo clásico, facendo referencia a autores como Friedrich Hayek, James Buchanan ou Vincent e Elinor Ostrom. É dicir, os autores tratan de construír, a partir de bloques aparentemente inconexos, os alicerces dunha teórica da Administración pública dando máis importancia á elección, asociación, adaptabilidade e ás relacións público-privado sobre os modelos clásicos baseados na xerarquía, a autoridade e o control social.

A obra consta de tres partes diferenciadas. Na primeira delas póñense as bases da teoría sobre a gobernanza pública. Esta fundaméntase na aceptación da necesidade da intervención pública para xestionar aqueles ámbitos onde o mercado non internaliza os custos e beneficios sociais. Polo tanto, non se trata de responder tanto á cuestión sobre o que debería facer o Estado, senón de como debería comportarse para lograr unha Administración eficiente e eficaz. Para iso, cómpre crear institucións flexibles e adaptativas na dirección do ideal contractualista. É dicir, partindo do individualismo normativo, trátase de construír unhas institucións que respecten a heteroxeneidade de preferencias de modo que se alcance unha coexistencia pacífica.

Neste sentido, o Estado é visto como unha organización complexa que está incrustada dentro da sociedade, ou o que é o mesmo, non é un outsider. Non só se enfronta ao problema de maximizar o benestar dos cidadáns, senón tamén ao dos formuladores de políticas. Así mesmo, como desenvolveu Hayek, non é posible concentrar toda a información que se xera de xeito disperso a través da interacción constante entre individuos e, aínda que iso fose posible, a diversidade de preferencias imposibilita a súa agregación, como así demostrou Kenneth Arrow. Polo tanto, a teoría da gobernanza desde a perspectiva do liberalismo clásico parte da necesidade da intervención pública para corrixir os fallos de mercado, pero pola súa vez fai referencia á Escola da Elección Pública, de modo que os policy makers, que non son benevolentes, non abusen da súa posición.

Máis alá da división clásica segundo a cal o sector público debería encargarse de ofrecer aqueles bens onde, dadas as súas características, non existe rivalidade no seu consumo e están dispoñibles para todos os individuos sen que sexa posible a súa exclusión, a teoría desenvolvida na obra que estamos a analizar fai fincapé na importancia das institucións facendo referencia á obra dos Ostrom e ao cálculo do consenso de Buchanan e Tullock. A xestión pública enfróntase a dous custos principais. O primeiro é o custo de decisión, que é maior canto maior é a heteroxeneidade da poboación e canto máis consenso é necesario. O segundo é o custo das externalidades xeradas ao excluír unha parte da poboación da toma de decisións. Se os ditos custos son maiores que os de mercado, entón a provisión deberá ser privada; se pola contra os primeiros son menores que os segundos, a provisión será pública. Polo tanto, entran en xogo tanto factores culturais e morais como económicos e tecnolóxicos. Deste xeito, as institucións deben ser flexibles e adaptarse aos sinais procedentes da contorna, ambiente e individuos, respectando a liberdade de elección e de organización. En consecuencia, existiría unha interferencia dinámica entre o sector público e o privado.

Deste modo, unha Administración pública exitosa debería basearse nunha “estrutura e unha operativa que envolve unha variedade de arranxos e formas institucionais en múltiples niveis competindo e cooperando en xurisdicións superpostas” (p. 67), ou o que é o mesmo, no policentrismo. É o xeito de asegurar, desde a perspectiva do liberalismo clásico, un contrapeso de poderes onde ningunha estrutura de decisión ten un poder monopolístico. Ademais, o policentrismo tamén se basearía na liberdade de elección e movemento dos cidadáns, onde os diferentes niveis de goberno competirían entre si e emprenderían prácticas de experimentación institucional e de aprendizaxe para satisfacer as diversas preferencias existentes.

Na segunda parte, os autores tratan de ser moito máis específicos no desenvolvemento da súa teoría da gobernanza pública desde a perspectiva do liberalismo clásico, unha vez que os fundamentos foron establecidos na primeira parte. Para iso parten dunha exploración sobre a historia da Administración pública como disciplina, e da contribución de Vincent Ostrom e Elinor Ostrom, os cales a unen coa disciplina da elección pública de modo que inician “un cambio de paradigma cara aos principios básicos da elección pública e un ideal normativo de administración de autogoberno democrático” (p. 101).

O enfoque dos Ostrom relega a un segundo plano a teoría da Administración pública centrada na burocracia e na xerarquía, sendo as súas ideas as precursoras da Nova Xestión Pública. Resaltando a idea de que a xestión pública debe abandonar os enfoques contrapostos dun Estado cunha autoridade monopolística e centralizada e a do laissez-faire, baixo o paraugas dos Ostrom, o liberalismo clásico defende a existencia de sistemas híbridos que “permiten a diversidade institucional dentro de si, capturando os beneficios desa diversidade, e pola súa vez do dinamismo, creatividade e resiliencia, mentres se preserva un conxunto lexítimo de regras e normas xerais que son usadas para reducir as externalidades negativas e resolver conflitos” (p. 126).

Na última parte, os autores mostran a aplicación práctica dos conceptos desenvolvidos previamente. Comezan coa análise da gobernanza nas áreas metropolitanas; para iso toman o exemplo das oficinas de policía en varios estados nos Estados Unidos. Citan os traballos de Elinor Ostrom, Roger Parks e Gordon Whitaker, onde se demostra que os distintos departamentos policiais, cando traballan coordinadamente dentro dunha área metropolitana, son un exemplo de policentrismo, xa que as distintas dependencias policiais desenvolven o seu traballo a diferente escala segundo as necesidades de cada servizo, verbi gratia, a patrulla adoita realizarse por departamentos locais, en cambio, a investigación de homicidios require da coordinación destes últimos co sherif do condado e mesmo coa Oficina Federal de Investigacións. En ausencia desa coordinación, a calidade dos servizos vese minorada, xa que é necesario destinar máis recursos á parte administrativa e, deste modo, degrádase a relación entre a policía e a comunidade. Tampouco é mellor o caso dunha policía máis dependente dunha autoridade central, xa que a súa actuación se desvincula do control comunitario que vixía a satisfacción das súas necesidades de protección.

Outra das cuestións máis relevantes que tratan é o grao de independencia das axencias de regulación dos mercados, cuxa asunción de responsabilidades é “ambigua”, polo que son “mesmo máis vulnerables á captura regulatoria que a lexislación democrática” (p. 171). As axencias de regulación, de acordo cos autores, atópanse nun dilema: por un lado, enfróntanse ao problema de incentivos se son o suficientemente independentes do poder político; por outro lado, se teñen unha forte conexión con este último, atraerán buscadores de renda. Para tratar estes problemas, propoñen un cambio desde unha posición burocrática cara a unha de mercado, xa que, con ela, as axencias reguladoras estarían condicionadas á posibilidade de enfrontarse a “demandas custosas e efectos reputacionais adversos en contexto de procesos dinámicos de competencia” (p. 182).

Dada a natureza híbrida da gobernanza proposta nesta obra, o último capítulo está dedicado ás responsabilidades do sector privado dentro do dominio público; máis concretamente, á Responsabilidade Social Corporativa. Dentro das corporacións conviven preferencias e valores heteroxéneos, e a clave é entender como é posible alcanzar un valor colectivo común que xere beneficios máis alá dos accionistas. A solución adoptada neste libro é coñecida, xa que a teoría do policentrismo volve xurdir como mecanismo para lidar con crenzas e desexos diverxentes dentro dun mesmo grupo, ao mesmo tempo que se minimizan os riscos de reputación e lexitimidade.

En definitiva, a obra aquí comentada integra de xeito correcto as visións de distintos pensadores adscritos ao liberalismo clásico que trataron os problemas da xestión pública, co obxectivo de crear un marco teórico que evidencia a necesidade de combinar as visións máis xerárquicas e as máis anárquicas. A fórmula ofrecida bebe das achegas intelectuais de Vincent e Elinor Ostrom, sendo o policentrismo o eixe central sobre o que pivota todo o libro: a resolución de problemas comúns require a aceptación da pluralidade de visións baixo un esquema bottom-up consistente na variedade de arranxos institucionais, a coordinación para aproveitar economías de escala e a fixación de regras fixas que limiten os problemas de externalidades.