Revista Administración & Cidadanía, EGAP

Vol. 15_núm. 2_2020 | pp. -260

Santiago de Compostela, 2020

https://doi.org/10.36402/ac.v15i2.4667

© Marta Ortiz Márquez

ISSN-L: 1887-0279 | ISSN: 1887-0287

Recibido: 15/11/2020 | Aceptado: 21/12/2020

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

A docencia universitaria no ámbito das ciencias xurídicas e sociais. Entre a innovación e a tradición

La docencia universitaria en el ámbito de las ciencias jurídicas y sociales. Entre la innovación y la tradición

University teaching in the field of legal and social sciences. Between innovation and tradition

Marta Ortiz Márquez

Profesora de Dereito Mercantil

Acreditada a profesora contratada doutora

Universidade de Huelva

https://orcid.org/0000-0003-2320-2695

marta.ortiz@dthm.uhu.es

Luis García Lozano e José Neftalí Nicolás García (dirs.)

Aranzadi Thomson Reuters, Cizur Menor (Navarra), 2019

188 pp.

ISBN: 978-84-1309-822-7

O propósito deste traballo é facer unha breve recensión sobre a obra colectiva La docencia universitaria en el ámbito de las ciencias jurídicas y sociales. Entre la innovación y la tradición, dirixida polos profesores García Lozano e Nicolás García. Nesta obra atopamos un conxunto heteroxéneo de estudos en que varios profesores universitarios de toda España analizan as distintas facetas implicadas na universidade actual.

A obra, publicada en 2019, mesmo presenta hoxe en día maior interese e actualidade que no momento da súa publicación. Parece que os seus autores presaxiaban a repercusión que a crise do COVID-19 ía a ter en Europa e, en especial na universidade, en que o confinamento e/ou as restricións fixeron protagonista a docencia en liña e o uso das ferramentas dixitais.

O libro contén un total de dezanove capítulos organizados en cinco partes. A primeira, en que se reflexiona sobre “Os valores universais nos estudos universitarios” (con 3 capítulos); a segunda, titulada “Os plans de estudos universitarios” (con 4 capítulos); a terceira, relativa aos “docentes e o profesorado” (con 5 capítulos); a cuarta, “As novas tecnoloxías e avaliación” (con 5 capítulos); e a quinta, destinada aos “alumnos e estudantes” (con 2 capítulos).

Como é posible deducir pola estrutura desta obra colectiva, o libro ofrece unha panorámica das distintas tarefas docentes e de investigación ás cales debe facer fronte o profesorado universitario na actualidade. Esta diversidade de facetas que van desde as tarefas de investigación e formación do profesorado e labores de docencia ata a innovación docente e implantación das novas tecnoloxías, así como a responsabilidade cara aos discentes, está presente nesta obra.

Na primeira parte, “Valores universais nos estudos universitarios”, pódese observar a vertente investigadora e formativa do profesorado nos tres capítulos que a compoñen. O capítulo I, “A impregnación de Europa e os valores da Unión nos estudos universitarios” (L.M. García Lozano), realiza unha profunda reflexión sobre a perda dos valores que tradicionalmente estaban presentes na sociedade europea recibidos pola tradición histórica do Imperio romano (valores xurídicos), de Grecia (valores políticos-cívicos) e principios relixiosos do cristianismo. Estes valores “impregnaron historicamente o territorio continental. Non obstante, nos últimos tempos sufriron unha perda importante, consecuencia de varios factores, entre outros, a inmigración doutros continentes e civilizacións e a aparición doutros principios” (pp. 23-25). De aí que o autor sinale a necesidade de que a universidade incorpore a formación en valores. Pola contra, esta perda de valores pode dar lugar a unha sociedade “invivible e impracticable” (p. 25) –na miña opinión, esa realidade que presaxiaba o autor xa está a suceder–, o que se traduciría nunha convivencia ingobernable. Por iso, como indica o autor, os valores que tradicionalmente estiveron presentes en Europa deben ser transmitidos e inculcados aos universitarios europeos, con independencia dos estudos universitarios que cursen.

O capítulo II, “A transversalidade dos valores constitucionais no espazo europeo de educación superior” (A. Pérez Miras e V. Faggiani), recolle a necesidade de incluír nos plans de estudos do Espazo Europeo de Educación Superior (en diante, EEES), formación nos valores constitucionais fundamentais aos estudantes, pois, “como cidadáns, deben adquirir competencias, habilidades e destrezas baseadas en coñecementos dos valores constitucionais fundamentais desde os que se desenvolveu o Estado Social e Democrático de Dereito” (pp. 34 e 35). Non obstante, os autores poñen de manifesto a dificultade práctica á hora de dar virtualidade a esta necesidade. No eido das ciencias xurídicas e sociais, si parece factible. Non así nas carreiras técnicas, do ámbito das ciencias, pois é de sobra coñecida a dificultade de encaixar nos plans de estudos actuais os créditos das distintas materias a impartir.

No capítulo III, “A presenza dos valores relixiosos nos plans de estudos universitarios á vista dos tratados da Unión” (L.M. García Lozano), o autor analiza a presenza dos valores do humanismo cristián no continente europeo e a súa influencia na configuración da Unión Europea. O cristianismo, xunto coa influencia da filosofía grega e o dereito romano foron o nexo de unión entre os distintos estados membros e posibilitaron a creación da Unión Europea e a institución da cidadanía europea. A influencia do humanismo cristián foi determinante na configuración da Unión e de aí a importancia da recuperación da formación en valores europeos do humanismo cristián, como elemento configurador e como vía para conseguir un mellor entendemento entre os cidadáns dos distintos Estados e como instrumento para crear unha «categoría» única que evitaría a distinción entre “países e cidadáns de primeira e de segunda dentro da Unión” (pp. 43-58).

A parte II, “Plans de estudos universitarios”, organizada en catro capítulos, analiza distintas cuestións que afectan aos plans de estudos. No capítulo IV, os seus autores analizan brevemente o Real decreto 43/2015, do 2 de febreiro, que modifica a estrutura dos estudos universitarios, e tratan de dar unha verdadeira explicación ao denominado “plan Bolonia”. Os autores cuestionan o cambio da distribución de anos nos estudos universitarios de licenciatura ou diplomatura aos estudos de grao (4+1 ou 3+2), para finalmente facer unha crítica a este e formular como posible xustificación real da reforma a redución do gasto público. O capítulo V recolle unha reflexión acerca dos criterios de avaliación dos traballos fin de grao (desde agora, TFG), cuestionando a idoneidade da valoración polo titor ou por un tribunal. Neste capítulo, os autores poñen de manifesto a dificultade inherente ao TFG non só para o alumno, senón tamén para o profesorado que o dirixe e o cualifica, e propoñen unha mellora metodolóxica tanto para a súa elaboración como para a avaliación destes, concluíndo que resulta necesario homoxeneizar parámetros que permitan unha maior obxectividade. No capítulo VI, a autora recolle as vantaxes e desvantaxes da titorización dos TFG para o docente, chegando á conclusión de que pesan máis as desvantaxes e avogando por desenvolver incentivos tanto para o profesorado como para o alumnado, ao que cómpre incentivar e permitir desenvolver esta investigación sobre a materia que maior interese lle suscite. Pola súa banda, no capítulo VII, os seus autores, a propósito dos TFG e dos traballos fin de máster (en diante, TFM), consideran a duración dos títulos universitarios e cuestionan a obrigatoriedade dos TFG, a súa presenza nos plans de estudos europeos e a posibilidade de articular outra vía máis eficiente para que o alumnado demostrase a asimilación de competencias transversais, por exemplo, mediante a realización dun ensaio ou un ditame.

Na parte III do libro, “Docentes e profesorado”, a través de cinco capítulos (capítulo VIII a capítulo XII), os autores que participan na obra abordan as distintas exixencias a que está sometido o profesorado universitario na actualidade. Realízase unha reflexión profunda sobre o proceso de acreditación docente en que priman máis os criterios cuantitativos que a calidade dos resultados. E, como alternativa, proponse o fomento da “excelencia profesional”, aspiración que debe estar presente en todo “profesional excelente” (capítulo VIII). Ademais, os autores, desde a súa experiencia persoal, aconsellan como debe ser a incorporación do profesorado interino na universidade (capítulo IX). Así mesmo, estúdanse (capítulos X, XI e XII) os distintos rankings e parámetros para determinar a calidade universitaria, cuestiónase a súa utilidade e ponse de manifesto a necesidade de contar con outros parámetros ou sistemas de control que permitan verificar a calidade universitaria para tratar de garantila tanto nas distintas áreas de coñecemento como na docencia.

A parte IV, dedicada ás “Novas tecnoloxías e avaliación”, organízase en cinco capítulos (capítulo XIII a XVIII), nos cales os seus autores tratan distintos temas relacionados co uso das novas tecnoloxías nos distintos sectores universitarios. Así, trátase o papel das páxinas web departamentais, a súa función e utilidade e sobre quen recae a elaboración do seu contido (capítulo XIII). O autor deixa constancia da carga que iso pode supor e da falta de recoñecemento por parte da universidade e dos organismos de acreditación destas tarefas. Por outro lado, tamén de grande actualidade é o estudo que se realiza en relación coas novas tecnoloxías nas profesións xurídicas (capítulo XIV), en que se destaca a presenza que a informática e, en concreto, a plataforma LexNET ten en todos os operadores xurídicos. A implantación destas novas ferramentas de comunicación e instrumentos de relación cos xulgados e coas administracións públicas fai necesario contar con garantías de seguridade informática para a protección de datos e o segredo profesional. Por último, quero destacar que a autora pon de manifesto a necesidade de formar os estudantes universitarios do Grao en Dereito no uso destas novas ferramentas, de tal forma que poidan ir adquirindo e desenvolvendo estas competencias profesionais. No capítulo XV destácase o papel do ensino en liña como instrumento cotián que permite ampliar a cobertura educativa e, ademais, ponse de manifesto a importancia da avaliación en liña. Por outra banda, tamén se mostra a necesidade de avanzar na avaliación en liña e proponse un método de avaliación que non sexa sumativo (malia a súa obxectividade), senón de aprendizaxe e acompañamento profesor/alumno e que permita valorar o grao de asimilación por parte do alumno do ensino recibido, en lugar de limitarse a acumular coñecementos. Trátase de que o alumno sexa capaz de desenvolverse e desenvolver competencias profesionais, cando finalice os seus estudos, con independencia de que a materia ou a lei concreta que lle foi explicada tivese sido derrogada. A autora deste capítulo XV concibe a docencia e avaliación en liña como unha oportunidade para levar a cabo un cambio no sistema de aprendizaxe, en que o labor do docente non sexa controlar e comprobar, senón máis un labor de seguimento e acompañamento ao alumno para ensinar. Esta tarefa resulta máis doado grazas ás ferramentas dixitais que permiten un acompañamento e seguimento do alumno, aínda que poden implicar un maior esforzo e planificación do profesorado. Trataríase de que o alumno, xunto ao profesor –”xestor” da súa aprendizaxe–, poida levar a cabo unha aprendizaxe efectiva que o prepare como profesional, non en coñecementos, senón no saber profesional. En relación co anterior, o capítulo XVI trata sobre as tecnoloxías da información e da comunicación na docencia universitaria e o uso das plataformas dixitais. Neste capítulo os autores poñen de manifesto que os cambios na forma de impartir a docencia universitaria fomentaron o uso de novas plataformas dixitais que funcionan a xeito de campus virtual. Estas plataformas serven de apoio ao ensino universitario e foron evolucionando na súa concepción ao longo dos anos. Actualmente, xa non se limitan a ser un mero “taboleiro informativo”, como refiren os seus autores, senón que se constitúen como unha ferramenta que completa o ensino impartido nas aulas. Son unha vía para lanzar “pílulas educativas”, vídeos con clases maxistrais, ferramentas para realizar ou almacenar traballos planificados polo profesor, mesmo en ocasións certos traballos ou test se autocorrixen, facilitando o labor do profesor. Son instrumentos para completar e acompañar o alumno na súa aprendizaxe, pois permiten facer un seguimento do ensino personalizado, programar exercicios, realizar avaliacións. En definitiva, axudarlle ao alumno a adquirir competencias e habilidades para o seu desenvolvemento profesional e persoal tanto nun escenario de presencialidade como de semipresencialidade e, mesmo, á docencia en liña, como todos estamos a comprobar nos últimos tempos a consecuencia da pandemia do COVID-19. No capítulo XVII abórdase o tema da conformación dos tribunais examinadores dos TFG e cuestiónase a idoneidade de que estean formados por profesores dunha única disciplina ou, pola contra, que sexa multidisciplinaria. Os seus autores, despois de pór de manifesto as vantaxes e desvantaxes dunha e outra opción, conclúen indicando que o debate segue aberto e que a resposta dependerá dos recursos humanos dispoñibles.

A parte V do libro, titulada “Os alumnos e estudantes”, consta de dous capítulos. O capítulo XVIII está dedicado á necesidade de adaptar a metodoloxía docente a estudantes con trastornos do espectro autista nos estudos universitarios. Nel destácase o grande avance que supón que alumnos con este tipo de discapacidade poidan chegar a cursar estudos universitarios, xa que requiren unha adaptación metodolóxica e maior planificación que o resto de alumnos para garantir o éxito do ensino. Ademais, os autores destacan o gran reto que a dita adaptación supón para o caso dos estudos de dereito, en que se require o desenvolvemento de habilidades sociais. Por último, o capítulo XIX, con que se pecha esta obra, fai fincapé na necesidade de esforzarse por facer verdadeiros plans de acollida do alumnado universitario, pois está comprobado que o primeiro ano de carreira adoita haber moitos fracasos e unha gran taxa de abandono. Os autores reflexionan sobre a necesidade de integrar talleres e xornadas que lle permitan ao alumno incorporarse nesta nova etapa da súa formación e sentirse parte dela. A nova etapa vai máis alá de adaptacións de contidos académicos e atende a un proceso de maduración persoal e intelectual. De aí que os autores sinalen que neste primeiro ano os novos discentes estean a arriscar moito máis que un ano de estudos.

Para concluír, gustaríame destacar o valor desta obra colectiva que pon de manifesto as distintas facetas implicadas na organización dos estudos universitarios e as exixencias a que está sometido o seu profesorado. Como sinala no prólogo o profesor J.J. Nicolás Guardiola, esta obra é un claro exemplo do “esforzo que as novas xeracións de académicos fan día a día por consolidar unha actividade como é a educación universitaria, con todas as trabas que se están a pór (...)” (pp. 18-19).