Revista Administración & Cidadanía, EGAP

Vol. 16_núm. 1_2021 | pp. -40

Santiago de Compostela, 2021

https://doi.org/10.36402/ac.v16i1.4717

© Fernando González Laxe

ISSN-L: 1887-0279 | ISSN: 1887-0287

Recibido: 13/05/2021 | Aceptado: 29/06/2021

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

Galicia: O seu territorio e a súa organización económica. Unha análise dos contrastes e da competitividade

Galicia: Su territorio y su organización económica. Un análisis de los contrastes y de la competitividad

Galicia: Its territory and its economic organization. An analysis of contrasts and competitiveness

Fernando González Laxe

Catedrático de Economía Aplicada

Universidade da Coruña

https://orcid.org/0000-0001-5399-3446

f.laxe@udc.es

Resumo: Os territorios ou rexións, como conxunto coherente de lugares, poñen de manifesto o feito de que un espazo xeográfico distínguese dos seus veciños por medio dunha serie de características diferenciais. Por iso, podemos diferenciar dentro dunha mesma rexión determinadas áreas naturais, áreas homoxéneas ou áreas polarizadas que delimitan as notas singulares e as propias ambigüidades internas de cada rexión. Neste traballo inténtanse reflectir os contrastes dentro do marco natural de Galicia arredor da súa organización económica. Chégase nel a conclusións como o predominio das aglomeracións de microempresas e supervivencia.

Palabras clave: territorios, espazos xeográficos, rexións, economía, organización, supervivencia, microempresa.

Resumen: Los territorios o regiones, como conjunto coherente de lugares, ponen de manifiesto el hecho de que un espacio geográfico se distingue de sus vecinos por medio de una serie de características diferenciales. Por eso, podemos diferenciar dentro de una misma región determinadas áreas naturales, áreas homogéneas o áreas polarizadas que delimitan las notas singulares y las propias ambigüedades internas de cada región. En este trabajo se intentan reflejar los contrastes dentro del marco natural de Galicia alrededor de su organización económica. Se llega en el a conclusiones como el predominio de las aglomeraciones de microempresas y supervivencia.

Palabras clave: territorios, espacios geográficos, regiones, economía, organización, supervivencia, microempresa.

Abstract: Territories or regions, as a coherent set of places, highlight the fact that a geographical space is distinguished from its neighbors by a series of differential characteristics. Therefore, we can differentiate within the same region certain natural areas, homogeneous areas or polarized areas that delimit the singular notes and the own internal ambiguities of each region. This work tries to reflect the contrasts within the natural framework of Galicia around its economic organization. Drawing on it conclusions such as the predominance of micro-enterprise agglomerations and survival.

Key words: territories, geographical spaces, regions, economy, organization, survival, microenterprise.

Sumario: 1 Introdución. 2 Galicia: a economía e os espazos de contrastes. 3 Compoñentes socioeconómicos da organización territorial en Galicia. 4 As dinámicas da organización territorial. 5 Os subsistemas de organización socioeconómica galega. 6 A organización económica territorial. 7 Conclusións. 8 Bibliografía.

1 INTRODUCIÓN

Os espazos xeográficos son múltiples e variados. Cando desexamos analizar cada un deles, necesitamos, en primeiro termo, interrogarnos acerca das súas dimensións e das súas características propias. A continuación da devandita análise, analizamos as lóxicas espaciais e as implicacións que iso encerra e comprende. Polo tanto, basearse nunha idea que non concorde coa realidade rexional levou, a algúns, a considerar de forma errónea o seu potencial de desenvolvemento; a outros, a pasar por alto as correctas decisións públicas e empresariais; e mesmo, a uns terceiros, a subestimar a inercia do medio sociocultural.

Os espazos xeográficos conteñen e abranguen varios elementos. Neste sentido, debemos tomar en consideración tanto os lugares como os territorios, entendidos estes últimos como un conxunto coherente de lugares. Os lugares constitúen, pois, os elementos de base; isto é, son realidades singulares e identificables; e, á vez, identificadas; ou sexa, distintas unhas das outras. Son diferenciables e, polo tanto, son recoñecidos, podendo estar habitados ou simplemente non contabilizar poboación ningunha. Ademais, están definidos polas súas coordenadas; é dicir, están posicionados xeograficamente; pero poden flutuar en función dos seus propios atributos, co que posúen un carácter dinámico e vivo, que se conforma constantemente e que modifica parte das súas características en función da súa propia evolución e adaptación. Así mesmo, os lugares están cargados de valores, xa que todo espazo é produto dunha memoria histórica e colectiva; iso permite que, en definitiva, estean cargados e dotados de lugares emblemáticos. Finalmente, os lugares poden estenderse máis alá do seu espazo prefixado con anterioridade, podendo aparecer como un punto de escala tanto dun país como dunha área máis grande, proporcionando unha nova dimensión de escala a un espazo concreto. Esta concepción inflúe nas ordenacións e nos reescalonamentos das actuacións espaciais, xa que constitúen aspectos básicos para poder interpretar os cambios no tocante á selección de localizacións; ás condicións e aos elementos de atractividade; nos indicadores de frecuencias ou de selección de itinerarios; ou no novo rol e o papel das redes e alianzas que se establezan.

Os territorios ou rexións, como conxunto coherente de lugares, poñen de manifesto o feito de que un espazo xeográfico se distingue dos seus veciños por medio dunha serie de características diferenciais. De aí que, normalmente, se acuda á paisaxe, á poboación, ao sistema de organización, entre outros elementos, para distinguir e categorizar un espazo xeográfico doutro, buscando aqueles elementos internos que posúan unha certa ou unha explicable coherencia interna.

Por iso, podemos distinguir dentro dunha mesma rexión determinadas áreas naturais, áreas homoxéneas ou áreas polarizadas, que van delimitando as notas singulares e as propias ambigüidades internas de cada rexión, co obxecto de clasificar as propias subdivisións internas en función dos niveis e escalas existentes e descritos.

As rexións son, en suma, marcos espaciais cuxos talles e dimensións varían permanentemente e fan máis complexas as comparacións entre áreas territoriais. Neste traballo intentamos reflectir os contrastes dentro do marco natural de Galicia.

O noso traballo estruturarémolo nunha primeira parte, especificando os contrastes existentes dentro do propio territorio, facendo fincapé na combinación dos factores físicos e humanos. Nunha segunda parte, estúdase a relación da base económica co espazo, facendo mención dos compoñentes socioeconómicos da organización territorial para determinar as dinámicas da estrutura económica e demográfica. Nun terceiro apartado, referímonos a constatar e avaliar os contrastes existentes en Galicia, así como a delimitar os diferentes subsistemas da organización económica e a súa estruturación. Finalmente, conclúese practicando unha interpretación da análise da ordenación económica e a súa ligazón coa renda de posición.

2 GALICIA: A ECONOMÍA E OS ESPAZOS DE CONTRASTES

Galicia posúe unha peculiar combinación de factores físicos e humanos, polo que podemos formular unha afirmación do seguinte teor, seguindo a Precedo1 «é un espazo singular, con forte personalidade xeográfica». Así mesmo, é o resultado da combinación de factores xeográficos, socioeconómicos e culturais que van conformando «un complexo sistema espacial, moi interrelacionado e fortemente cohesionado no que se refire aos elementos visibles; e non tanto no que respecta á articulación social e económica do territorio»2.

Estas dúas connotacións permítennos instar á existencia dunha dualidade, resultado tanto de inercias herdadas que manteñen certo sistema de relacións, como dunha organización pouco evolucionada, que subsiste e que, en ocasións, é remisa aos cambios e innovacións.

Se avanzamos un pouco máis nas reflexións chégase a poder dicir que os factores que están a sustentar os procesos das estruturas espaciais e a organización territorial quedan delimitados por dúas notas: a primeira, polos feitos relacionados pola posición xeográfica; e a segunda, polos condicionantes ou barreiras de todo tipo que o propio territorio impón ás relacións socioeconómicas. De aí que unha caracterización territorial do espazo galego veña definida pola combinación espacial que oscila entre a ruralidade das terras interiores e a atlanticidade da fachada marítima, pois a xustaposición de ambos os dous elementos dota de novas formas e dinámicas a organización social e económica.

Os contrastes xeográficos de Galicia veñen dados a través da combinación de catro notas:

a) En primeiro termo pola localización limitada, pois afecta ao desenvolvemento económico e ás súas formulacións. Non cabe dúbida de que as vantaxes de localización poden chegar a favorecer unha especialización produtiva e un posicionamento comercial. Deste xeito, existen territorios que quedan marxinados e afastados dos centros de gravidade económica, provocando un incremento da súa perificidade. Tamén a situación xeográfica pode chegar a determinar un tipo de especialización produtiva, xa que está condicionada polas súas características xeográficas, igual que a dita situación pode chegar a favorecer os distintos niveis de integración ou de participación en redes e/ou alianzas xeoeconómicas e políticas. Por iso se fala, en ocasións, de que certos territorios gozan de vantaxes locacionais en relación con outros e, nalgúns supostos, as mesmas situacións xeográficas condicionan, e mesmo inspiran, as suficientes doses de frustración á hora da determinación dos lugares de situación de certas industrias ou servizos.

b) En segundo lugar, citaremos os aspectos derivados do solo e do clima. No referente aos primeiros, o solo galego é bastante deficiente canto á súa calidade de cara á produción agraria. No seu conxunto, o solo galego caracterízase pola súa escasa profundidade, o seu carácter pedregoso e a escaseza no que atinxe a nutrientes vexetais. Estes trazos son, como un pode supoñer, irreversibles, polo que requiren de solucións proporcionadas pola acción de fertilizantes. E no que atinxe ao clima, Galicia presenta un alto réxime de chuvias, aínda que a súa influencia é desigual e irregular segundo as áreas. Nun principio e ata o momento, a auga non constitúe un factor limitativo para a produción agrícola, pero é de supoñer que de continuar a actual dinámica de cambio climático, as regas condicionaranse e terán carácter restritivo dadas as previsibles escasezas dos recursos hídricos.

c) O terceiro trazo que determina os contrastes de Galicia é o que fai referencia á orografía e á hidrografía. É doado constatar que as características dos ríos galegos están a contribuír a determinar a composición da nosa base natural. Dous datos elocuentes. En Galicia contabilízanse ríos curtos e de escaso caudal, polo que son extremadamente irregulares e posúen unha grande inclinación no tocante ao seu perfil. Os ríos, por tanto, desenvolven catro usos: abastecemento urbano-industrial, regadío, produción de electricidade e unha pequena navegación interior. O maior interese por estes denota un aumento de sensibilidade de cara ao futuro.

d) Por último, as características do solo marcan novos contrastes internos. Dunha parte, Galicia ten sona de ser unha rexión mineira de elevada importancia. En segundo lugar, destacan as materias primas non enerxéticas, posto que as enerxéticas xa se esgotaron industrialmente (exemplo, a extracción dos lignitos).

Cadro 1. Principais datos do territorio de Galicia

Fonte: Instituto Galego de Estatística.

Exposto este cadro de contrastes pasamos a incidir nos factores que nos permiten interpretar a nosa realidade xeoeconómica.

Nesta epígrafe convén mencionar, igualmente, catro notas:

a) Os derivados da renda de posición, baixo estes podemos cuñar a existencia de recursos/materias primas que constitúen activos xenéricos derivados da súa situación; son, polo tanto, factores inmóbiles e de difícil transferencia. Son os chamados «recursos latentes», como os definía Hirschman3; a súa existencia ou o seu valor potencial non depende da súa participación nun proceso de produción concreto. Tamén é preciso determinar os recursos específicos, que son aqueles que poden ser desenvolvidos a partir dun proceso organizativo; son, en consecuencia, potenciais e defínense cando o seu valor de uso alternativo está conectado a unha localización xeográfica específica e a un ámbito económico e social dado. Por iso, en Galicia a existencia e a cuantificación das dotacións dos devanditos factores permiten visualizar as vantaxes diferenciadas derivadas do seu posicionamento xeográfico.

b) En segundo lugar, Galicia como espazo singular está fortemente humanizada; isto é, contabilízase unha elevada presión demográfica sobre o espazo que levou consigo unha intensa acumulación inicial das poboacións chegadas doutros lugares. A abundancia, dispoñibilidade e accesibilidade aos recursos susceptibles de ser utilizados pola sociedade atraeu moitos poboadores e, consecuencia diso, foi a elevada densidade demográfica. Esta dinámica supuxo entre outros trazos os seguintes: ocupación practicamente continua do territorio (máis de 30.000 asentamentos e, anteriormente, chegouse a afirmar a existencia de máis de 5.000 castros); apenas se deixa espazo para paisaxes naturais, a excepción dos enclaves de montaña; e un maior aproveitamento e ocupación de terras agrícolas, onde o sistema agrario tradicional de autoconsumo alimenta e sostivo a devandita tendencia.

c) En terceiro lugar, Galicia é altamente diversa, pero posúe herdanzas históricas particulares. É dicir, conta cunha ampla riqueza, diversidade e densidade de aproveitamentos de diferentes utilidades, que se combina con sistemas tradicionais de produción e de consumo. Esta percepción minifundista da explotación é, así mesmo, reflexo dos usos e construcións sociais, dos sistemas de herdanzas específicos, dos frustrados procesos de desamortizacións e dos disímiles sistemas de explotación das terras. Estes elementos actúan sobre dous procesos xustapostos. O primeiro, sobre a humanización intensa do espazo que vai cedendo terreo ás actuais dinámicas de despoboamento das áreas rurais, da desordenada e difusa urbanización e da caótica urbanización rural; e o segundo, sobre a actual formulación dos asentamentos, que se ve reflectida pola pléiade de entidades singulares e diseminadas, que resisten o tempo e as dinámicas e a evolución socioeconómica.

Cadro 2. Superficie de espazos naturais e protexidos de Galicia

Fonte: Instituto Galego de Estatística, 2010.

d) Finalmente, en Galicia fálase de illamento posicional cando nos referimos ás análises de accesibilidade e de mobilidade. Neste sentido, existen dúas formas de explicación, a primeira é de orde macroespacial, (cando facemos referencia a que as innovacións ou as incorporacións se efectúan con atraso, o que implica diferenciación; ou cando se fala do illamento faise en referencia a que Galicia se converta en periferia, polo seu afastamento); e a segunda é de orde microespacial (cando se explica que Galicia queda á marxe dos procesos de cambios económicos, sociais, culturais e tecnolóxicos debido a que os recursos existentes non chegaron a ser o suficientemente atractivos para compensar os déficits, ou cando as innovacións chegan tardiamente e sempre seguen un proceso de localización selectiva, co que se agudizan os contrastes internos).

Vimos, polo tanto, que, seguindo esas notas, Galicia sofre un illamento posicional dentro dunha perificidade xeral que, ademais, se ve alimentada pola disposición do relevo e a orientación do territorio. Así as cousas, Galicia está aberta ao mar e pechada ao interior, onde o relevo é accidentado (predominan as montañas medias), a topografía indica masivas serras e está pechada nos límites naturais do territorio. É dicir, posúe obstáculos á accesibilidade e os propios límites naturais do territorio exercen de efecto barreira.

3 COMPOÑENTES SOCIOECONÓMICOS DA ORGANIZACIÓN TERRITORIAL EN GALICIA

Galicia está condicionada por factores derivados do marco natural; é heteroxénea no seu interior e chea de contrastes; e asístese a unha irreversible tendencia á concentración demográfica e económica. Estes contrastes acusados con multitude de matices resúmense en dous compoñentes básicos e dous compoñentes complementarios. Os dous básicos fan referencia aos aspectos bioclimáticos e altitudinais; e os dous compoñentes complementarios e subordinados son a acción do mar sobre o clima e a compoñente xeotectónica.

Analizando o compoñente bioclimático, Galicia correspóndese cunha zona de transición climática oceánica a unha oceánica-subtropical; actuando en sentido Norte-Sur, marcando diferenzas ostensibles entre zonas e áreas. Seguindo co compoñente altitudinal, Galicia opera en sentido oposto ao anterior, de poñente a levante, vai desde as terras baixas do litoral ás zonas máis elevadas das serras orientais.

Cadro 3. Extensión superficial por zonas altimétricas (expresadas en km2)

Fonte: Instituto Galego de Estatística, 2015.

A acción do mar vén determinada polos aspectos relacionados cos graos de humidade e de precipitación; apréciase a influencia que vai desde a costa ao interior, a través dos vales abertos. Funciona na dirección oeste-leste. As compoñentes xeotectónicas permiten configurar as unidades de relevo, aceptan a dirección leste-oeste. Por iso, partindo dunha análise moi simple pódese afirmar que Galicia se divide en dúas zonas amplas: a setentrional, con clima oceánico, de relevo aplanado e graduado, con rochas sedimentarias e abundancia de lignitos, con solos arxilosos que permiten a existencia de prados e pasteiros para a explotación gandeira; e a Galicia meridional con clima atlántico pero con variedades submediterráneas, con desniveis topográficos máis acusados, onde emerxen as Rías Baixas, con sedimentos areentos, solos con alta aridez, existencia no subsolo de granito e predominio dos viñedos e cereais.

4 AS DINÁMICAS DA ORGANIZACIÓN TERRITORIAL

Galicia forma parte do grupo de comunidades autónomas en que a deterioración demográfica está a ameazar a continuidade dos procesos económicos e a conservación do medio. A polarización poboacional ten consecuencias moi intensas en dous aspectos: o primeiro, no que concirne á emerxencia dos sistemas periurbanos, e o segundo, no que atinxe á consolidación de cidades-eixes arredor de núcleos moi dinámicos.

A nova división do traballo posfordista provoca o crecemento de novos servizos e empresas en cidades medias ou en pequenas áreas antano consideradas como periféricas. E, á súa vez, advírtese que unhas partes das grandes cidades experimentan unha maior vitalidade grazas ao aumento continuo das actividades terciarias. A medida que a globalización económica aumenta, os tradicionais centros de produción convértense e desaxústanse xeograficamente. Emerxen novos complexos de produción de valor baseados tanto na información como na demanda de man de obra cualificada. Esta estrutura posúe unha innovadora connotación económica, xa que se advirte que nos últimos anos se asiste a unha converxencia sobre a base da produtividade, onde se constata un aumento do emprego e un descenso do paro; e, finalmente, compróbase un forte dinamismo das correntes exportadoras. O territorio internacionalízase ben pola nova revalorización do solo, ben pola nova dependencia dos núcleos urbanos. Ao mesmo tempo, verifícase a consolidación dunha nova elite xestora e resitúanse os novos continxentes de poboación.

En Galicia, o significado desta dinámica pódese resumir en que nos últimos anos se asiste a un intenso proceso de axuste do aparato produtivo e a unha evidente dinámica modernizadora sobre a devandita base económica. Esta nova fase caracterízase por tres procesos xustapostos: a desruralización; a desagrarización e a asalarización. Estas dinámicas asócianse con novos aliñamentos estratéxicos. Estes últimos maniféstanse nos seguintes niveis: a) existencia dunha planificación estratéxica levada a cabo aos distintos niveis territoriais. Corresponde a devandita responsabilidade á Xunta de Galicia que, a partir de 1988, comeza a estruturar o territorio galego a través da súa participación activa, como axente da institución autonómica, por medio de leis como as de cooperación local ou a Lei de coordinación das deputacións provinciais; b) articúlase a través de obxectivos moi variados e variables; en consonancia coas prerrogativas competenciais ou como consecuencia das fases dos ciclos económicos; c) alíñase en función das capacidades constatadas; isto é, sobre aquelas bases sobre as que se estima a existencia de vantaxes comparativas e diferenciadas; e d) estréitase o marco da colaboración cos axentes/actores económicos e sociais, pois cada vez son máis numerosas as mesas de traballo e cada vez é máis intenso o diálogo social.

Galicia mostra unha estrutura demográfica moi singular. Dunha parte, asístese a unha perda poboacional que xera un desequilibrio demográfico territorial na que se produce un estreitamento da base da pirámide poboacional e, doutra parte, móstrase moi restritiva no que atinxe á chegada de inmigrantes e é máis intensa a dinámica no que atinxe aos retornos de emigrantes. Esta decadencia demográfica é máis acusada no medio rural (coincidente con orografías máis accidentadas e máis afastadas de centros urbanos) e, non obstante, reconcéntrase no medio litoral. Esta dualidade enmarca dúas novas liñas de reflexión: a primeira permite o nacemento de zonas de influencia cara a enclaves concretos (revélanse moi acusados no interior, por exemplo cara aos núcleos de Lugo e Ourense); e a segunda, onde se aprecia un transvasamento de poboación cara ás áreas periurbanas, o que referenda as zonas de influencia e as funcións centrais dos municipios da Coruña, Vigo e Santiago. Desta forma é doado comprender os acusados niveis de concentración demográfica na maior parte dos ámbitos urbanos. Esta dinámica pódese resumir afirmando o seguinte: os desequilibrios territoriais maniféstanse a favor das zonas urbanas e litorais, asístese a unha polarización demográfica concentrada nas 7 grandes cidades e advírtese un efecto de difusión urbana arredor das áreas de influencia e os corredores costeiros dos citados ámbitos.

Polo tanto, en Galicia áchanse tres dialécticas: a) desconcentración urbana versus descentralización poboacional (a poboación concéntrase na periferia inmediata dos grandes núcleos urbanos); b) mantemento e desaceleración demográfica das sete grandes cidades; e c) forte concentración nas entidades de entre 5.000 e 20.000 habitantes. En consecuencia, a organización territorial da poboación mostra síntomas de atomización e dispersión. Deste modo contabilízanse máis de 30.000 entidades singulares de poboación; existe unha xerarquía que vai desde cabeceiras de comarca; concellos, parroquias, aldeas; só 15 concellos superan os 20.000 habitantes; a poboación das provincias da Coruña e Pontevedra suma máis do 75 % do total de Galicia; e, no que atinxe á densidade demográfica, Galicia mostra unha ratio de 92,9 habitantes por quilómetro cadrado. Porén, as ratios provinciais son moi dispares, pois Pontevedra acada 211,5 habitantes/km2 e A Coruña contabiliza 142 habitantes/km2; pola súa banda, Ourense apenas logra 44 habitantes/km2 e Lugo só alcanza 34 habitantes/km2.

Iso fai que, nunha análise demográfica máis profunda, se poida afirmar que un total de 200 municipios (o 63 % do total) se sitúe por debaixo dos núcleos inferiores aos 5.000 habitantes e que só alberguen o 16 % da poboación. E, pola contra, os municipios de máis de 50.000 habitantes (só 22) representando aproximadamente o 7 % do número total de municipios, concentran o 52 % da poboación total. Así mesmo, o 82,6 % da poboación de todos os municipios de máis de 10 000 habitantes localízase nas provincias da Coruña e Pontevedra, evidenciando a excesiva polarización territorial das entidades de maior poboación.

Cadro 4. Distribución porcentual da estrutura demográfica municipal en Galicia

Fonte: Instituto Galego de Estatística.

Cadro 5. Estrutura demográfica municipal de Galicia por provincias (2018)

Fonte: Instituto Galego de Estatística.

En suma, os centros urbanos inclináronse cara ás actividades terciarias e están sometidos a pautas de deslocalización industrial. Asistimos a procesos de fragmentación e afastamento das propiedades minifundistas. Finalmente, os procesos de desconcentración urbanos xustapuxéronse entrelazándose en planos industriais, superando amplamente os límites administrativos dos municipios e orixinando unha verdadeira cidade difusa4. Esta dinámica é altamente consumidora de solo, de enerxía y de recursos naturais. Simboliza unha forma de desenvolvemento non sustentable, soportando elevados custos de infraestruturas e de xestión5.

En consecuencia, que apreciamos? Unha relación de homoxeneidade (derivada dos reagrupamentos de espazos –a través de municipios– de características similares no que compete á demografía, economía e formación); unhas relacións de interdependencia (como consecuencia das relacións cruzadas entre municipios á vista das perspectivas profesionais ou dos desprazamentos migratorios); e unhas relacións de coherencia teórica (como resultado da suma de certos valores e pautas).

5 OS SUBSISTEMAS DE ORGANIZACIÓN SOCIOECONÓMICA GALEGA

Podemos delimitar cinco subsistemas de organización socioeconómica:

a) Economías de base familiar, altamente diversificadas e complementarias. Estas economías posúen un alto soporte de autoconsumo e susténtanse sobre múltiples actividades. Os seus integrantes engaden as súas remuneracións a unha unidade común, respondendo as economías familiares ao propio conxunto dos seus membros. Corresponde, normalmente, a un modelo de economía social escasamente produtiva e a súa produtividade é reducida e as rendas por separado son moi débiles, o que esixe unha eficiencia social equilibrada entre os membros da unidade familiar. A súa inserción vén definida por un conxunto de combinacións de distintas actividades, traballos a tempo parcial, a domicilio e estacional. O seu obxectivo é manter o equilibrio social e familiar. Constituíu un sistema amortecedor nas áreas rurais en épocas de recesión.

b) Economías competitivas. Insírense no comercio internacional e onde lideran os seus respectivos sectores e actividades. Destacan sobre as demais as empresas de pesca, téxtiles e confección, madeira, minerais non metálicos e industrias agroalimentarias. As devanditas actividades están vinculadas aos recursos naturais e posúen condicións de traballo moi especiais. Tamén podemos engadir a este grupo aquelas actividades industriais competitivas que están especialmente vinculadas a empresas nacionais ou multinacionais (especialmente os automóbiles, petroquímicas, construción naval) ou aqueloutras dinamizadoras de espazos económicos e situadas en rurais dispersas (tales como lácteas, de madeira, téxtiles e confección).

c) Economías industriais en crise son aquelas que estiveron ligadas ás iniciativas públicas e que sufriron procesos de reestruturación moi fortes derivados de axustes estruturais de gran magnitude (siderurxia, naval, ou aluminio e química). Da mesma forma, podemos incluír nesta epígrafe aqueloutras actividades privadas cuxa localización estivo ligada á existencia de economías de enclaves concretos (relacionados coas políticas do INI e vinculadas ás accións das Grandes Áreas de Expansión Industrial) e que, polo tanto, non puideron adaptarse a mercados abertos e competitivos. Adoitan estar situadas tanto en lugares moi específicos (Ferrol, A Coruña e Vigo) como en oasis industriais (San Cibrao).

d) Economías locais. Son aquelas que están en función dos potenciais endóxenos. Posúen carácter familiar e posúen un tamaño e dimensión medios. Aínda que dispersas polo territorio mostran unha gran predilección polas estruturas urbanas. Outro trazo destas empresas radica na existencia de relacións de complementariedade das actividades. Referímonos, pois, ás industrias lácteas, conservas, madeira, téxtil e confección, construción, metalurxia, vinícola, rochas, distribución e transporte, material, trasporte e cerámica.

e) Economías rurais. Caracterízanse polo minifundismo, pola fragmentación das unidades de produción, pola dispersión da propiedade e, en suma, por posuír uns índices de pobreza elevados. Estas economías mostran, á súa vez, unha reducida infra-utilización dos recursos e non logran alcanzar niveis de competitividade axeitados; son pois economías con segmentos críticos. Adoitan subsistir por medio das transferencias públicas de subsidios e de rendas indirectas.

Cadro 6. Evolución da distribución sectorial da poboación ocupada

Fonte: IGE; Fundación BBVA.

Cadro 7. Evolución da distribución sectorial do VAB

Fonte: IGE; Fundación BBVA.

Polo tanto, o territorio de Galicia caracterízase por un sistema de asentamento propio e singular, que vén determinado por un subsistema económico, á súa vez, diferente dos demais da contorna. O propio subsistema económico adoece dunha forte integración, que o fai, polo tanto, moi desintegrado, ou dito doutra forma, apréciase unha notable desvinculación dun subsistema a outro. A mencionada desarticulación é a que impide a vertebración do territorio, cuestión que acelera os desequilibrios humanos que son máis fortes e intensos que os propios desequilibrios naturais.

6 A ORGANIZACIÓN ECONÓMICA TERRITORIAL

A mencionada organización económica xera desequilibrios internos e permite manifestarse a través dun modelo territorial moi descentralizado tanto económica como demograficamente. É dicir, visualízanse catro trazos de indubidable interese: a) esquema policéntrico para o sistema de cidades; b) dispersión do hábitat, con formas intermedias de urbanización e de rururbanización difusa; c) existencia de dinámicas de descentralización no tocante aos fluxos e relacións económicas; e d) asentamentos baseados na explotación dos recursos endóxenos.

A resultas desta clasificación, o modelo territorial galego componse de cinco subsistemas: a) sistema metropolitano: pivotado sobre dúas grandes áreas, como as de Vigo e A Coruña; b) un conxunto de cidades medias: representan a armazón urbana de Galicia e posúen un desenvolvemento periurbano moi intenso. Son os casos das cidades de Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol; c) os sistemas rururbanos: son moi consistentes e revela unha grande importancia na base económica de Galicia. Compóñeno tanto as áreas costeiras (montaña lucense, Área Ártabra e as Rías Baixas), como a urbanización difusa existente no interior. Está moi diversificado economicamente e mostra unha gran multipolaridade espacial; d) un denso sistema de vilas: son as denominadas redes urbanas de base, son pequenos centros de servizos que actúan como cabeceiras de comarca, localízanse de maneira moi dispersa polo territorio e son puntos de referencia para certas actividades de servizos; e) sistema rural: forma parte deste unha mesta rede de aldeas, de diversa composición e concibidas con diferentes modelos socioeconómicos.

Esta organización espacial no marco do encadramento territorial responde tanto á existencia dunha singular relación organizativa como a un asentamento territorial específico, que está condicionado pola histórica vida asociativa, comunitaria e asistencial, isto é, consecuencia da moi propia e singular dimensión social e mercantil. Estas notas permiten afirmar que son froito das relacións socioeconómicas estreitas coa contorna máis próxima que incita a unha centralización dos fluxos comerciais e das relacións sociais; á vez que tamén permite ir institucionalizando unha xerarquía e unha diferenciación dos centros e asentamentos. É doado deducir, polo tanto, que esta concepción se foi diluíndo no tempo, coa lóxica diferenciación entre áreas, actitude que promove e permite consolidar ao longo da historia os contrastes existentes.

A maior mobilidade da poboación acrecenta os devanditos contrastes ao estimular os desprazamentos e conformar novos espazos. Neste sentido, tanto a modernización como as dinámicas urbanizadoras constitúen os motores dos cambios e da modificación dos sentidos das traxectorias e as dinámicas. Ao abeiro destas dúas conclusións emerxe a conformación das áreas de influencia que, por un lado, reforzan o papel das cidades (xa sexan grandes, medianas ou pequenas) como centros organizadores dos novos espazos económicos; e ao mesmo tempo, subliñan a capacidade de atracción en relación coa captación e accesibilidade. Esta nova dinámica acelera a presión dos novos espazos económicos.

Unha visualización destas revela a existencia de varios espazos funcionais urbanos, dos cales cinco se sitúan en áreas occidentais e só dous en provincias orientais. Aínda que non sexa doado determinar a totalidade dos municipios pertencentes a cada un, si é preciso destacar a existencia de «procesos de captura», que se incrementan a medida que melloran as comunicacións, a accesibilidade e as dinámicas de solapamentos, isto é, a interferencia entre áreas dada a complexidade das interrelacións. Por iso, o corolario do noso encadramento territorial é que en Galicia se palpa a estrutura polinuclear, a carencia dunha vertebración ríxida e a existencia dunha rivalidade que limita as capacidades expansivas.

En Galicia predominaron as aglomeracións de supervivencia, de microempresas e de pequenas empresas que produciron para un mercado local de bens e servizos, de escasa calidade e de reducida proxección no que concirne á xeración de valor. Estas aglomeracións de supervivencia compartiron moitas das características do sector informal da economía, tales como os baixos niveis de especialización e cooperación; ou a súa adscrición a zonas pobres ou rurais, desconectadas do sector formal da economía.

Un dos pais da ciencia económica, David Ricardo, que disertou sobre a vantaxes comparativas de cada territorio, chamaba a atención sobre o concepto de estrutura produtiva dual, ao considerar a coexistencia de dous sectores de distintas produtividades. Foron Singer6 e Prebisch7 os que salientaron o feito da relación existente entre a estrutura económica dunha rexión e a coexistencia dun sector exportador posuidor de alta produtividade e outro de baixa produtividade que producía para o mercado interno. Isto levou á heteroxeneidade estrutural; isto é, a un amplo mosaico que vai desde un extremo moderno a un segmento demorado.

Máis tarde, Lewis8, Kuznets9 e Ranis10 sosteñen que no proceso de crecemento da rexión se produce unha transferencia de recursos produtivos (incluíndo man de obra) desde os sectores de menor produtividade (onde se encontran a agricultura, gandería e pesca) aos segmentos máis produtivos; desde os sectores menos dinámicos aos máis pioneiros; desde a parte das economías máis atrasadas ás máis avanzadas. Estes cambios alentaron a modificación da estrutura da produción e lograron estimular os desprazamentos da poboación.

Que teremos como consecuencia?. A continuación e supervivencia do círculo virtuoso é consecuencia da heteroxeneidade excesiva. Pois, en ocasións, convértese nun obstáculo para a difusión do coñecemento e para redobrar os encadeamentos produtivos. Por iso, todas as análises académicas teñen en conta as transformacións da propiedade; o aumento do peso dos axentes empresariais con empresas de maior tamaño; a presenza de competidores estranxeiros, os servizos prestados polos axentes públicos e os privados; o potencial produtivo dos recursos naturais; as dotacións de infraestruturas e as distancias aos centros dinámicos máis próximos.

Galicia foi pasando dunha sociedade tradicional en que os recursos naturais constituíron a base do desenvolvemento e onde a propiedade foi comunal/colectiva ou persoal, a unha sociedade máis moderna, en que as novas relacións institucionais se despersonalizaron. Iso supón un cambio no propio sistema e nos propios conceptos de «territorio/organización» dando lugar á emerxencia dunha nova distinción público/privado no que atinxe aos recursos; no que concirne ás formas institucionais, apréciase unha nova estruturación do espazo aínda non concluída11.

Cadro 8. O territorio da sociedade tradicional á sociedade moderna

Fonte: Adaptación persoal do traballo de Billaudot, 2004.

Así as cousas, o ámbito institucional é complementario do mercado, incorpora o proceso interactivo dos axentes que interveñen na actividade produtiva, financeira e social. Da mesma forma, baseándose nas actuacións institucionais búscase garantir o benestar dos cidadáns para que as estruturas produtivas non perdan capacidade competitiva nin o propio acervo dos coñecementos xerados para soster a devandita competitividade. En suma, en Galicia, as consecuencias da heteroxeneidade subliñan o seguinte: a) as diferenzas de produtividade implican inexorablemente disparidades no ingreso das persoas asociadas ás devanditas actividades; b) a maior heteroxeneidade adoita estar asociada a unha distribución non equitativa dos beneficios derivados e inherentes procedentes do cambio tecnolóxico; c) incide negativamente na dinámica da produtividade total, xa que sen a existencia dun sector que poida absorber unha proporción alta de man de obra, o seu mellor rendemento non se reflectiría nun aumento da produtividade total da economía.

A devandita heteroxeneidade ou territorio de contrastes tamén posúe o seu correlato no tipo de políticas. Percíbese unha disxuntiva entre fomentar os estratos menos produtivos (mediante políticas de integración e sociais, de reconversión etc.), para atenuar as desigualdades ou fomentar os espazos máis avantaxados (por medio de accións para estimular o crecemento). As primeiras requiren moito esforzo e recursos para lograr elevar a masa crítica e poder exercer as súas sinerxías. As segundas avanzan máis na diferenciación aumentando a propia heteroxeneidade. É evidente, polo tanto, que calquera aposta posúe repercusión directa sobre as aglomeracións, reproducindo a dependencia e inhibindo certas opcións de desenvolvemento endóxeno.

7 CONCLUSIÓNS

Primeira. O concepto da distancia ten efectos innegables sobre o tipo de ben producido, sobre a tecnoloxía aplicada, sobre as unións que induce, sobre o comportamento dos axentes e sobre a configuración das aglomeracións poboacionais. É clave na análise do caso galego. Non soamente é básica para interpretar a realidade de Galicia, senón que tamén debemos resaltar o concepto de distancia cultural (constituínte da diferenza en conceptos, ideas, lóxicas, crenzas, valores e lugares) que pode chegar a provocar certos illamentos sociais no que concirne a unha localidade con respecto aos centros urbanos máis próximos.

Desde a teoría económica sostense que certas rexións remotas e escasamente poboadas e situadas en países desenvolvidos poden quedar illadas dadas as distancias e a dispersión dos seus habitantes; estes elementos constitúen, en ocasións, obstáculos insalvables para atraer factores de produción e, ao mesmo tempo, poder alentar a acumulación de capacidades. De feito, así formulado, pódese advertir o seguinte: a) certas áreas perden de xeito gradual un nivel de importancia fronte a centros máis dinámicos; b) certos espazos teñen capacidade de resituarse grazas á potencia das súas empresas e actividades; c) asístese a unha acentuación da dependencia con respecto aos recursos naturais e, en certas ocasións, ao idealismo romántico de certas actividades e comportamentos.

Segunda. Cada territorio está obrigado a formular e a divulgar as súas análises no que atinxe aos seus niveis de competitividade rexional. Estes pódense tratar desde os ámbitos determinantes da súa competitividade e, neste sentido, as referencias seguen o esquema: tecnoloxía e innovación; emprendedurismo; internacionalización; capital social; infraestrutura do coñecemento; cultura; demografía e inmigración; calidade dos lugares e medio ambiente.

Terceira. Os tres aspectos para incidir para unha estrutura produtiva competitiva é no medio ambiente; o segundo, sobre os recursos humanos; e o terceiro, sobre as infraestruturas básicas e a accesibilidade. Todos eles, dependen do papel das institucións, dirixen tres eixes: capital, traballo e terra, sobre os que asenta a estrutura sectorial, os niveis de especialización e a propiedade das sinaturas. Por enriba de elas, a produtividade, os custos laborais unitarios, os niveis de beneficios e as cotas de mercado van sinalando as distintas especificacións para formular un programa de desenvolvemento rexional.

Cuarta. As dinámicas da recomposición funcional e das transformacións demográficas e territoriais actúan de xeito directo nos marcos territoriais; e caracterízanse, principalmente, pola prevalencia dos movementos centrífugos, tanto das funcións residenciais como das actividades transformadoras e de servizos, que se constitúen en elementos básicos á hora de explicar a descaracterización das periferias. En Galicia non sucede como noutras partes do planeta, cando ao describir o marco de funcionamento dunha sociedade se acode ao chamado déficit de coñecemento científico para poder xustificar xa sexa a falta de eficacia das políticas públicas, xa sexa a incapacidade de mobilizar o coñecemento acumulado ao longo da historia.

Quinta. En Galicia chama a atención a persistente ausencia de política territorial estruturada, tanto a nivel metropolitano como en referencia ás áreas rurais. Esta ausencia permitiu presentar unha tarxeta de reducidas infraestruturas e unha prevalencia das políticas de transportes internos como subsidiaria da política de ordenamento territorial. Iso produciu, como non podía ser doutra forma, aínda que de xeito involuntario, uns elevados custos sociais, ambientais e económicos; acelerando e alimentando os constrinximentos e as debilidades da ineficacia das políticas e instrumentos de plan urbano e metropolitanos en vigor.

Sexta. A xeneralización dos mecanismos de centrifugación aumenta tanto a perificidade como a concepción de distancia, posto que é doado detectar unha maior distancia cos centros de gravidade; á vez que tamén subliña a conformación dunha sociedade dual, enche de contrastes, de proliferación de núcleos fragmentados, ou simplemente unha profusión de diversos espazos interiores

Sétima. Os procesos de reestruturación territorial afectan aos niveis de competitividade, co que podemos identificar tanto factores positivos como negativos. Por iso, cando se fala de Galicia como identidade e como país de contrastes póñense de exemplo as vantaxes competitivas existentes. Estas podémolas clasificar en dúas seccións, as económicas e as estratéxicas. As primeiras inclúen aqueles factores locais de produción, a estrutura do tecido produtivo, as dotacións de infraestrutura e as condicións urbanas. As segundas, as de natureza estratéxica, refírense á eficiencia administrativa, á existencia de proxectos de estratexias e análises prospectivas, ás relacións de partenariado público/privado ou aos soportes institucionais sobre os que se asenta a gobernanza. Isto é, unha análise deste conxunto de factores é o que Van der Meer chama hardware, software ou orgware. O orgware, reúne os actores organizativos; o hardware, refírese ás infraestruturas, redes e equipamentos; e o software, ao capital humano.

Octava. Baixo a perspectiva dun mercado cada vez máis global e cunha aplicación do concepto de competitividade e rivalidade entre rexións e cidades, trátase de asociar posicións de planeamento e de xestión máis eficaces que permitan estar enmarcadas dentro da denominada mercadotecnia territorial. Ou sexa, unha provisión de infraestruturas, equipamentos e ofertas referidos aos niveis de calidade ambiental e de formación humana, factores que permiten aumentar as estratexias de atractividade e que poidan servir para ratificar a importancia das actuacións tendentes a soster a diferenciación de ofertas e poder afrontar os distintos niveis de competitividade dos territorios competitivos e rivais.

8 BIBLIOGRAFÍA

Aguirre, R. 2017. «Recursos Naturales y Desarrollo: los dilemas de una relación critica», en IUDC-UCM. Documento de Trabajo, 39.

Billaudot, B. 2004. «Le territoire et son patrimoine», en Cahier de Recherche, 4. (Laboratoire d´Economie da production et de l´integration international, Université de Grenoble).

Bromley, D.W. 1985. «Recursos y desarrollo económico: un enfoque institucionalista», en Agricultura y Sociedad, 35: 49-75.

Doldan, X. e Villasante, S. 2015. «El metabolismo económico de Galicia 1996/2010», en O. Carpintero (dir.), El Metabolismo económico regional español. Madrid: Editorial Fuhem.

Hirschman, A.O. 1958. The Strategy of Economic Development. New Hagen: Yale University Press.

Kuznets, S. 1966. Modern Economic Growth: rate, structural and spread. New Haven & London: Yale University Press.

Lewis, A. 1968. Reflection on unlimited labour. Discussion Paper n. 5. Princeton N.J.: Woodrow Wilson Shoool, University of Princeton.

Lewis, W.A. 1985. The Theory of Economic Growth. Homewood: Richard D. Irvin.

Martin-Palmero, F. 2004. Desarrollo sostenible y huella ecológica. A Coruña: Editorial Netbiblo.

Nurkse, R. 1953. Problems of capital formation in Underdeveloped countries. Oxford: Oxford University Press.

Prebisch, R. 1962. «El desarrollo económico de América latina y algunos de sus principales problemas», en Boletín Económico de América Latina, 7(1).

Prebisch. R. 1970. Transformación y desarrollo: la gran tarea de América Latina. México: FCE y CEPAL.

Precedo Ledo, A. 1996. «Entre lo rural y lo urbano», en VVAA, Outra visión de Europa: escrita en Galicia. Madrid: Fundación Encuentro.

Precedo Ledo, A. 1998. Geografía humana de Galicia. Barcelona: Editorial Oikos-Tau.

Ranis, G. 1988. «Analytics of development dualism», en H. Chenery e T.N. Srinivasan (eds.), Handbookof Development Economics. Amsterdam: North-Holland (Elsevier).

Singer, H. 1950. «The distribution of gains between investing and borrowing countries», American Economic Review, 40(1-2).

Notas

1 Precedo Ledo, 1996.

2 Precedo Ledo,1998.

3 Hirschman, 1958.

4 De Dematteis, 1998.

5 Martín-Palmero, 2004; Doldán e Villasante, 2015.

6 Singer, 1950.

7 Prebisch, 1962; Prebisch, 1970.

8 Lewis, 1958.

9 Kuznets, 1966.

10 Ranis, 1988.

11 Browley, 1985; Aguirre, 2017.