Revista Administración & Cidadanía, EGAP

Vol. 16_núm. 2_2021 | pp. -159

Santiago de Compostela, 2021

https://doi.org/10.36402/ac.v16i2.4732

© Alfonso A. López Rodríguez

© Andrés Díaz-Varela López

© Álvaro González-Gómez

ISSN-L: 1887-0279 | ISSN: 1887-0287

Recibido: 6/04/2021 | Aceptado: 29/06/2021

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

A nova extrema dereita en Portugal: o caso de Chega

La nueva extrema derecha en Portugal: el caso de Chega

The new extreme right in Portugal: the case of Chega

Alfonso A. López Rodríguez

Profesor axudante doutor de Ciencia Política e Socioloxía

Universidade de Santiago de Compostela

https://orcid.org/0000-0003-3012-5667

alfonsoantonio.lopez@usc.es

Andrés Díaz-Varela López

Investigador predoutoral

Universidade de Santiago de Compostela

diazvarela93@gmail.com

Álvaro González-Gómez

Investigador predoutoral

Universidade de Santiago de Compostela

https://orcid.org/0000-0002-6177-4662

alvaro.gonzalez@rai.usc.es

Resumo: Os cambios producidos no sistema político portugués durante o ano 2019 xeraron transformacións cualitativas na composición da cámara parlamentaria lusa. A entrada dunha forza de extrema dereita por vez primeira implica un cambio do propio sistema de partidos, que pode orixinar cambios tanto no sistema de partidos como no sistema político a longo prazo. O obxecto deste texto é analizar o contexto onde se enmarca a aparición e a irrupción de Chega, así como os elementos e as características propias desta formación.

Palabras clave: Extrema dereita, populismo, partidos políticos, sistema político, Portugal.

Resumen: Los cambios producidos en el sistema político portugués durante el año 2019 han generado transformaciones cualitativas en la composición de la cámara parlamentaria lusa. La entrada de una fuerza de extrema derecha por vez primera implica un cambio del propio sistema de partidos, que puede originar cambios tanto en el sistema de partidos como en el sistema político a largo plazo. El objeto del presente texto es analizar el contexto donde se enmarca el surgimiento y la irrupción de Chega, así como los elementos y las características propias de esta formación.

Palabras clave: Extrema derecha, populismo, partidos políticos, sistema político, Portugal.

Abstract: The changes in the Portuguese political system during 2019 have generated qualitative changes in the composition of the Portuguese parliamentary chamber. The entry of an extreme right-wing force, for the first time, implies a change in the party system itself in the long run, which may imply changes in both the party system and the political system. The aim of this text is to analyse the context of the emergence and irruption of Chega, as well as the elements and characteristics of this formation.

Key words: Far right, populism, political parties, political system, Portugal.

Sumario: 1 Introdución. 2 Caracterización e orixe do partido. 2.1 Chega e a extrema dereita europea. 2.2 Sistema político e sistema de partidos. 2.3 Chega e as súas orixes. 3 Chega e o seu proxecto político. 4 Conclusións. 5 Bibliografía.

1 INTRODUCIÓN

O auxe da extrema dereita no continente europeo tivo un novo impulso tras a Gran Recesión. Actualmente, a máis dunha década do terremoto financeiro que precipitou a maior crise global do século XXI, especialmente profunda en Europa meridional, nun contexto socioeconómico aínda fráxil, golpeounos a crise sanitaria da COVID-19, que segue en evolución, a cal presenta unha saída incerta. As institucións parlamentarias de España e Portugal, tras décadas inmunes aos partidos de extrema dereita, ven como finalmente estas formacións obteñen representación no seu seo. O ano 2019 será, deste xeito, o elo entre o ano no que se consuma unha década desde o inicio da Gran Recesión1 e a antesala da gran crise, en principio sanitaria, da COVID-19. Prodúcese tamén o fin do excepcionalismo e comeza unha etapa cualitativamente distinta dentro dos sistemas de partidos do espazo ibérico. Este proceso político é relevante por aquilo que finaliza, pero, en especial, polo que dá comezo. Os partidos de extrema dereita demostraron unha notable capacidade de adaptación2, así como de influencia dentro dos sistemas de partidos nos que obteñen representación, en ocasións de xeito desproporcionado en relación cos resultados e escanos obtidos. A capacidade de polarizar os discursos e determinar as axendas é un elemento que xustifica a relevancia da entrada deste tipo de forzas dentro das cámaras lexislativas.

O estudo do caso ibérico resulta altamente pertinente, dado que se está a desenvolver nun contexto de marcada excepcionalidade, como o antes sinalado, e se encontra en expansión. Este é o caso da formación lusa Chega, que se atopa nunha situación de crecemento electoral e asentamento institucional, cabe sinalar que con certo atraso cuantitativo respecto á súa contraparte española: VOX.

Deste modo, o obxecto de estudo deste artigo é a formación política portuguesa Chega, polo que resulta esencial comezar coa caracterización e orixes deste partido. Tras iso, o labor necesario é realizar unha descrición do seu programa, estratexia e desenvolvemento. O fin último destas páxinas é determinar como foi o impacto de Chega dentro do sistema de partidos no país veciño polos vínculos deste con Galicia, así como pola capacidade deste tipo de partidos para configurar as axendas de políticas públicas nacionais.

2 CARACTERIZACIÓN E ORIXE DO PARTIDO

Nesta sección analízanse tres dimensións que resultan relevantes para caracterizar e entender a formación portuguesa. Por un lado, a relación de Chega coa extrema dereita actual, que é o ámbito onde se incardina como organización partidista. Por outro, a relación que existe entre a orixe da dita formación e o sistema de partidos portugués. Por último, a relación de Chega coas súas propias orixes orgánicas, en concreto co PSD e o peso do modelo orixinario3, especialmente en termos de personificación e liderado do proxecto.

2.1 Chega e a extrema dereita europea

Chega é un partido que pertence inequivocamente á nova onda de partidos de extrema dereita europeos4, dada a súa aceptación por parte do resto de actores do sistema político e a desaparición de “cordóns sanitarios” ao seu arredor. Concretamente, pertence á extrema dereita populista5, xa que fai un uso do discurso populista como ferramenta discursiva de mobilización electoral. O populismo pode entenderse baixo tres dimensións: discurso, estratexia ou programa. As formacións que se poden encadrar dentro da etiqueta de EDP distínguense por adoptar as tres dimensións, pero adaptándoas de xeito táctico a cada contexto concreto, o que as fai aparecer como unha categoría de partidos lábil e particularmente escorrida e dinámica. Estes son flexibles en termos programáticos e, principalmente, discursivos. Sobre todo, dentro deste tipo de partidos, o populismo é especialmente notable como mecanismo de tensión e mobilización electoral, dentro dunha estratexia de comunicación política netamente conflitiva. Así mesmo, este tipo de partidos presentan notables similitudes en manter unha axenda política extrema (en termos de polarización) que se sitúa no extremo dereito do espectro ideolóxico. En todo caso, non conforman un conxunto homoxéneo de issues ou políticas, malia o compoñente nacionalista de todas elas, e a súa adaptación particularmente intensa aos marcos do Estado nación de pertenza. Os issues comúns, de maior relevancia para este tipo de partidos, tenden a ser expresados nunha linguaxe contenciosa e a erosionar os consensos prevalentes dentro das axendas dos sistemas de partidos establecidos. Este tipo de partidos teñen as súas políticas máis representativas ordenadas en catro eixes principais. Por unha banda, dous deles son a frontal oposición á inmigración e á diversidade. Este tipo de propostas aglutínanse dentro dos postulados nativistas. Os dous eixes restantes aluden á reacción fronte á integración rexional na UE e fronte ao actual paradigma da globalización. As dúas son motor para as propostas euroescépticas, pero tamén as antielitistas e antiglobalistas. Son este segundo bloque de políticas, en particular a súa articulación programática e discursiva, as que definen este tipo de EDP. Aparece como un conxunto de partidos con programas afastados dos manifestos monotemáticos da vella extrema dereita, case unicamente centrados na xenofobia e as políticas antiinmigración. Cabe destacar que esta EDP manifesta as súas posicións en todo este conxunto de ámbitos desde unha posición de defensa da “lei e a orde”6 centrada na protección dos cidadáns nativos fronte ao estranxeiro ou foráneo, particularmente a figura do inmigrante. Ademais, este tipo de partidos carece do estigma de ser vinculados con organizacións de tipo delituoso ou “subculturas violentas”7, como os hammerskins ou movementos similares8. Polo tanto, carecen desa mácula e presentan unha maior credibilidade fronte ao electorado, pasando a ser recoñecidos como unha opción electoral lexítima. Neste sentido, as formacións de EDP víronse crecentemente normalizadas dentro dos sistemas de partidos de Europa occidental, sobre todo tras o impacto a Gran Recesión e a crise do euro en 2012. Cabe destacar, neste sentido, que a recesión producida pola crise de 2008 foi particularmente profunda en Europa, como sinalou, entre outros, STIGLITZ9. Na súa opinión, a deficiente arquitectura da moeda única, xunto ás políticas de austeridade, xerou unha sorte de tormenta perfecta que mantén o continente sumido en problemas macroeconómicos durante xa máis dunha década. Ademais, os custos socioeconómicos das medidas de depreciación interna levados a cabo nos países do Sur10 provocou cambios profundos nos sistemas de partidos. Os problemas da Gran Recesión víronse agravados debido ao contexto da hiperglobalización11 e ao malestar que ela mesma estaba a suscitar12. Este malestar xa era notorio entre os sectores da poboación que acaban por recoñecerse, hoxe en día, dentro da categoría de “perdedores da globalización”, un colectivo que se ve excluído das potenciais vantaxes da economía globalizada, pero que experimenta moitas, ou todas, as súas desvantaxes. A este colectivo hai que sumarlle o dos traballadores pobres13, que, a pesar de que xa se detectaba na Europa anterior á crise, é actualmente un colectivo en crecente expansión. Para os dous, o discurso da EDP centrado na defensa do pobo esquecido fronte ás elites apátridas e globalistas ten un forte impacto electoral. Nalgúns casos, as formacións de EDP comezaron a artellar unha estratexia de defensa e promoción dun estado de benestar, propio de partidos de esquerda ou extrema esquerda14 pero en termos nativistas. Esta idea céntrase nun Estado provisor de bens e servizos públicos, pero excluíndo os non nativos15. A degradación socioeconómica que para Europa supuxo a Gran Recesión foi unha oportunidade aproveitada polos partidos de EDP para consolidar a súa presenza institucional e incrementar o seu volume electoral16.

Por último, en relación coa organización do partido, abandónanse os formatos máis vinculados á vella extrema dereita e ábrense a un público máis amplo en virtude do concepto de “isomorfismo institucional”17. Consúmase a tendencia a adoptar o formato de partido prevalente, que na actualidade é o de catch-all-party18. Non obstante, mantense como trazo constante, desde o seu nacemento, un elemento do seu modelo orixinario, como é no caso destas formacións a relevancia do líder e do liderado, que é o elemento protagónico do partido. Este trazo é tan marcado que aglutinan baixo o seu mando o poder, tanto da cara interna como externa do partido19, sendo o liderado o elemento fundamental do partido20 e tamén o seu maior activo electoral.

Como se verá, a converxencia de Chega con esta familia de partidos complétase tanto que recentemente se integrou no partido europeo Identidade e Democracia21, unha das familias de partidos de extrema dereita xunto cos Conservadores e Reformistas. Deste xeito, a formación lusa converxeu cos seus homólogos do resto de Europa nos elementos esenciais, en particular no seu éxito á hora de obter representación institucional. Unha vez establecidos os vínculos coa familia de partidos de pertenza e referencia de Chega, pódese avanzar cara á súa relación co sistema de partidos de Portugal.

2.2 Sistema político e sistema de partidos

Un primeiro elemento que cómpre destacar é que o sistema de partidos portugués que nace tras a Revolución de Caraveis e se estabiliza a partir de mediados dos 1980 resulta ser un modelo fluído, pero súper estable22. O sistema, que funciona como un multipartidismo moderado23 dentro do cal as dúas opcións maioritarias son PS e PSD, non foi alleo aos impactos socioeconómicos da Gran Recesión. Deste xeito, o modelo portugués configúrase a partir dun sistema político formalmente presidencialista, pero que acabou por consolidar un “presidencialismo de primeiro ministro”24. Dentro deste esquema, de facto, é o primeiro ministro, xefe do goberno, a figura con maior protagonismo. Pola súa banda, o presidente da República acabou por ser unha figura de consenso máis próxima a unha institución influencial25, 26. Esta particularidade da realidade política lusa converte as eleccións parlamentarias nas de maior relevancia política, en detrimento das presidenciais. Isto é así xa que será a configuración da cámara (Asemblea da República), e das súas maiorías, as que investirán o primeiro ministro. No caso portugués, cabe destacar tamén que a fórmula electoral27 é relativamente proporcional, como pode verse na táboa seguinte atendendo a algúns dos indicadores máis usuais no eido da análise de sistemas de partidos28. O número efectivo de partidos parlamentarios en Portugal resultou bastante estable. Durante varias lexislaturas, a finais da década de 1990, o número de partidos con representación parlamentaria foi de 4 (CDU, PS, PSD e CDS-PP29), aumentando en 5 a partir da extensión e consolidación do BE30 a principios do século XXI. Iso motiva que este indicador se manteña estable arredor de 3. Cabe destacar que nas eleccións de 2009 o BE sobe, xa que a distribución de escanos xera un maior equilibrio entre as diversas forzas con representación31.

Táboa 1. NEPP32 en Portugal 2000-2019.

Ano

NEPP

2002

3,4

2005

3,0

2009

4,2

2011

3,7

2015

3,8

2019

3,6

Media

3,5

Fonte: Elaboración propia.

Nos comicios de 2009, ao comezo da Gran Recesión, increméntase o NEPP coa suba de escanos do BE nun contexto de desgaste do partido do primeiro ministro José Sócrates. Na cámara que xorde desa elección os cinco partidos presentes teñen unha representación de dous díxitos (desde os 97 deputados do Partido Socialista aos 15 da CDU). A concentración dos partidos maiores para esas eleccións é dun 77,39 % dos escanos e un 65,66 % dos votos. Pola contra, nas eleccións parlamentarias do 6 de outubro de 2019, onde Chega entra na cámara, hai 9 partidos presentes, dos cales 3 teñen un só deputado e soamente 4 superan a decena de escanos, resultando en que a concentración de escanos nos dous partidos maiores é do 81,30 %, aglutinando un 64,10 % dos votos.

Deste xeito, o modelo portugués mantén unha pauta de sistema con “dous e medio” partidos efectivos a pesar da presenza de máis partidos na cámara, dado o escaso peso destes, algo que se manifesta na dimensión da competitividade que se mostra na táboa seguinte.

Táboa 2. Competitividade electoral Portugal33 (%) 2002-2019.

Ano

Electoral

Parlamentaria

Partidos

2002

2,42

3,91

PSD-PS

2005

16,26

20,00

PS-PSD

2009

7,44

6,96

PS-PSD

2011

10,59

14,78

PSD-PS

2015

4,55

6,96

PSD-PS

2019

8,58

12,61

PS-PSD

Fonte: Elaboración propia.

Cabe destacar que os momentos de maior competitividade electoral coinciden con cambios de goberno. Isto acontece en 2002 co acceso do PSD ao goberno, sendo este o partido con maior número de escanos e votos. Tamén en 2015, onde o PSD se presentou en coalición, impóndose en votos e escanos por unha marxe estreita, aínda que non obtivo os apoios suficientes para gobernar e accedeu ao goberno o socialista Antonio Costa. Hai que resaltar que só se produce unha maioría absoluta dentro do período no ano 2005. Todos os demais executivos emerxen dun partido en maioría relativa que alcanza pactos con outros grupos parlamentarios para soster o goberno.

Esta dinámica de alternancia de goberno monocolor entre dúas formacións, sen integración doutras forzas nunha coalición de goberno (a excepción do executivo xurdido das eleccións de 2011), xunto ao desgaste da aplicación dos programas de austeridade impulsados pola Troika34, poden explicar a existencia dun larvado desencanto coa clase política tradicional do país, en especial nos sectores antes aludidos de traballadores pobres e perdedores da globalización, co cal o propio funcionamento do sistema de partidos, así como o desempeño das elites políticas, puideron ser un factor na creación dunha demanda electoral da que Chega se converteu en oferta oportuna35. Deste xeito, Chega entra como forza con representación institucional nas eleccións parlamentarias de 2019. Tras ese éxito inicial, foise consolidando nas eleccións rexionais dos Azores, onde obtén dous escanos, e acabarán sendo claves para o cambio de goberno na rexión tras máis de cinco lustros de control do PS. En 2021, chegará o seu maior avance electoral: as eleccións presidenciais. Estas desenvólvense no contexto da pandemia de COVID-19 e significaron unha vitoria total (co 60,70 % dos votos) de Marcelo Rebelo de Souza, que repetía candidatura á Presidencia da República. Non obstante, o candidato de Chega, o seu líder e fundador, André Ventura, obtivo unha nada desdeñable terceira praza cun 11,90 % e 496.653 votos, que, a pesar da baixa participación, supoñen un notable avance respecto aos resultados obtidos nos comicios parlamentarios do ano anterior36. Para pór estas cifras en termos comparativos, pode engadirse que a media de participación nas eleccións presidenciais para o período analizado é do 49,24 %, fronte ao 57,99 % de media de participación para os comicios parlamentarios. No caso español, a media para as eleccións ás Cortes desenvolvidas durante o século XXI é do 70,16 %. Pode concluírse que Portugal presenta, ata o momento, unha pauta abstencionista moito máis intensa que a española. Isto indica que o crecemento electoral de Chega nas eleccións municipais portuguesas, onde alcanzou o 4,16 %, con 208.206 votos, abriu o escenario para a consolidación definitiva co adianto electoral de 2022, onde se celebrarán, en xaneiro, novas eleccións lexislativas, de modo que se pecha o ciclo electoral aberto en 2019.

2.3 Chega e as súas orixes

As orixes da formación de EDP lusa son análogas ás do seu homólogo español, VOX. Isto non fai senón incidir nos paralelismos e similitudes entre as dúas formacións. No caso da formación portuguesa, a súa orixe está nunha escisión do partido hexemónico da dereita lusa, o PSD. Por iso resulta obrigado caracterizar a dita formación como requisito indispensable para comprender algúns elementos agora presentes en Chega.

O PSD fúndase durante a transición portuguesa que pon punto final ao lonxevo réxime ditatorial do Estado Novo salazarista, cando se recupera un réxime representativo baixo a héxira da Constitución de 1976. Resulta importante sinalar que o partido adopta unha denominación “socialista” (ou socializante), dado que a conxuntura revolucionaria propia da transición rupturista37 lle outorgou a hexemonía ideolóxica á esquerda. Este feito queda patente no mesmo preámbulo, e na redacción orixinal, da vixente constitución lusa38. Infírese que a propia nomenclatura se adopta como un gancho electoral. Así mesmo, como primeiro trazo destacable da formación, desde un inicio establécese como un partido pragmático, do tipo catch-all39. Este incardínase dentro dun discurso fundamentalmente socio-liberal que irá ocupando o espazo do centro dereita. Isto consúmase en contraposición ao outro partido polo espectro dereito, o CDS-PP, o cal se constitúe en orixe como un partido fundamentalmente de notables40, cunha ideoloxía máis ríxida e unhas propostas máis conservadoras. Non obstante, un punto en común entre as dúas formacións será o seu anticomunismo, forxado durante a transición en oposición á potencial hexemonía do PCP.

Por outra banda, un dos elementos distintivos do PSD é a relevancia do liderado. Esta formación depende, en gran parte, para o seu éxito electoral do rol do líder carismático, elemento que mantén desde a súa fundación. A personalidade do líder e o seu carácter carismático son elementos presentes no seu nacemento. Estes manifestáronse na persoa de Sá Carneiro, primeiro líder e fundador41. Estes trazos desenvolveríanse plenamente na etapa de Aníbal Cavaco Silva como primeiro ministro. De feito, a personalidade deste mandatario e as súas estratexias, en competencia co presidente da República (Mario Soares), explican a particular configuración política do sistema de presidencialismo de primeiro ministro. O propio Cavaco mantívose durante unha década como primeiro ministro (entre 1985 e 1995), protagonizando dúas maiorías absolutas (en 1987 e 1991). É durante o seu liderado cando o PSD consolida o poder territorial e institucional. A permanencia continuada e indiscutida no poder do PSD xerou crecentes casos de corrupción coñecidos como “Estado Laranja”42. Isto motivou o desgaste do partido e a saída do seu líder, que non se presenta ás eleccións lexislativas de 1995, provocando unha crise de liderado e un afundimento nos resultados electorais e consumando o acceso á xefatura do goberno do actual secretario xeral da ONU, António Guterres, naquel momento líder do PS.

O PSD experimentará unha situación similar durante o período obxecto de estudo. En 2011, precipítase un adianto electoral, en parte pola impopularidade das políticas de austeridade e recorte social exixidas pola Troika dentro do paquete de medidas PEC IV. O anteriormente popular primeiro ministro do PS, José Sócrates, vese apeado da xefatura do goberno por Pedro Passos Coelho, líder do PSD. A nova etapa do PSD no goberno con Passos Coelho non foi doada, xa que este obtén o posto de primeiro ministro tras negociar unha coalición co CDS-PP. A situación de crise socioeconómica era profunda e empeorou durante o seu período no executivo, o cal levou á aplicación de novos paquetes de medidas apadriñadas polo FMI, o BCE e a CE. Estas políticas de axuste e recorte, para alcanzar o equilibrio orzamentario segundo as normas comunitarias, provocaron altísimos custos sociais que se traduciron en mobilizacións cidadás43.

Nas eleccións de 2015, Passos Coelho preséntase á fronte dunha coalición do seu partido co, ata daquela, socio de goberno CDS-PP. O resultado foi unha pírrica vitoria electoral. A lista Portugal á Fronte obtivo unha pequena maioría de votos e de escanos non moi lonxe da segunda forza, o PS. A lista liderada por Passos Coelho obtén un 38,50 % dos votos e 107 escanos, pero sen ningún apoio externo para alcanzar os 116 que implica a maioría absoluta na cámara. Por outro lado, o PS, liderado polo futuro primeiro ministro António Costa, alcanza os 86 escanos co 32,31 % dos sufraxios. Non obstante, conta coa posibilidade de ser apoiado polo resto de partidos, á súa esquerda, para poder ser investido.

O fracaso de Passos Coelho vai provocar unha nova crise de liderado dentro do PSD, que se verá incrementada por unha crise de programa e de proxecto. As políticas desenvolvidas por Costa e o PS, cunha inspiración moito máis social, desarman a estratexia discursiva do PSD na oposición. A situación maniféstase nas seguintes citas electorais, onde os resultados da formación de centro dereita empeoran.

En 2017, dentro do contexto das eleccións locais, é onde se orixinará Chega, como escisión do PSD. Durante eses comicios municipais un candidato do citado partido á municipalidade de Loures realiza unhas declaracións polémicas sobre as persoas de etnia xitana. Ese candidato é André Ventura, que primeiro é apartado da campaña por parte do aparato do PSD e logo sairá da formación por vontade propia. Un importante apuntamento é que non o fai só e iso manifesta o malestar das bases e os cadros medios coa deriva do PSD: tanto pola falta de liderado como de proxecto. Este é o punto de inicio da formación da EDP lusa. Esta orixe implica un factor moi importante para a formación e que a diferencia doutros partidos de vella extrema dereita, como o PNR44, activos en Portugal45: a carencia dun estigma46. Esta carencia dun estigma vinculado a grupos violentos, ou a movementos extremos e/ou delituosos, é un factor fundamental para que a formación de EDP goce tanto dunha maior como mellor cobertura mediática. Este elemento é crucial para alcanzar as metas electorais da formación e consúmase nesa normalización citada ao principio en termos mediáticos, sociais e institucionais.

3 CHEGA E O SEU PROXECTO POLÍTICO

O proxecto da formación lusa pódese descompor en dous elementos fundamentais: por un lado, o programa do partido en si e, por outro, o liderado, polo momento o maior atractivo da formación.

No que respecta ao programa, “70 medidas para reerguer Portugal”, mostra unha gran similitude tanto na forma como no contido co que presentou VOX para o ciclo electoral de 2019. Iso non é sorprendente, pois as dúas formacións de EDP operan en dous países similares, como son Portugal e España.

Se nos achegamos á literalidade do contido do seu manifesto electoral e agrupamos os seus eixes temáticos, á par que ponderamos o seu peso respecto ao total das propostas, obtense unha táboa como a seguinte.

Táboa 3. Contido do manifesto programático de Chega.

70 medidas para levantar Portugal

Identificación

Contido

Peso

Identidade nacional e familia

Política exterior e posición nacional, familia tradicional, antifeminismo.

14,5 %

Educación

Bolsas escolares, mobilidade de docentes, autorización parenteral de contidos.

5,7 %

Xustiza

Endurecemento do Código penal. Mellora en dotación de corpos policiais.

17,1 %

Seguridade

Unificación corpos policiais, dotación para a defensa de fronteira marítima.

7,1 %

Economía

Desregulación, privatización, reformas fiscais.

22,8 %

Saúde

Non universalidade. Servizo odontoloxía. Servizos xeriátricos.

11,5 %

RR. II. e inmigración

Rexeitamento pacto inmigración. Euroescepticismo. Medidas contra a inmigración.

12,8 %

Medio ambiente

Conservación forestal. Caza. Suficiencia enerxética.

8,5 %

Fonte: Elaboración propia a partir de Chega (2019).

O manifesto programático de 2019 é relevante porque é o documento vixente dentro da campaña en que a formación chega a obter representación institucional.

En relación co contido, un elemento que destaca dentro da primeira epígrafe, “Identidade nacional e familia”, é a constitución dun grupo de propostas contrarias á lei de igualdade do país. Simultaneamente, hai unha pechada defensa da familia tradicional.

En canto á epígrafe de “Educación”, a de menor peso do conxunto, compóñena 4 propostas. Entre elas destacan a articulación dun sistema de bolsas, que se dirixe ás familias de menores recursos e vincúlao ao mecenado. Así mesmo, ten relevancia un issue puramente nacional e conxuntural, como é a mobilidade de docentes dentro do territorio luso.

Na epígrafe de “Xustiza”, intégranse un conxunto de propostas que se enmarcan dentro dunha instrumentación política do Código penal que se coñece como populismo punitivo47. Ademais, reivindícase unha maior dotación de recursos para as forzas policiais, elemento este congruente co discurso do populismo punitivo e a idea dunhas forzas da orde desbordadas pola criminalidade48.

O conxunto de propostas de “Seguridade” teñen unha vinculación lóxica, pero cunha proxección cara ao exterior e á seguridade de fronteiras, como mecanismo para controlar e evitar a inmigración. Así mesmo, resulta destacable a proposta 31, idéntica a postulados de VOX49, na que se contempla a regulación urxente da lexítima defensa fronte a asaltos e roubos.

O apartado de “Economía” é, sen dúbida, o de maior peso, case unha cuarta parte do total, algo que non resulta sorprendente polos problemas e secuelas que arrastra o país tras a Gran Recesión e a crise do euro50. Pero ademais cabe sinalar que o sistema de partidos portugués se articula en exclusiva dentro do eixe esquerda-dereita cunha marcada preferencia por issues de tipo materialista51. Neste apartado promóvense diversas medidas que poden resumirse na adopción dunha perspectiva propia do “fundamentalismo de mercado”52. As propostas céntranse na privatización, a desregulación e as reformas fiscais. Promóvese unha retirada xeral do Estado de toda a actividade económica, salvo aquela de regulación e arbitraxe, abandonando as tarefas de promoción e fomento, ou de provisión e produción directa. Así mesmo, o labor do sector público no eido do benestar sería puramente residual. A acción do Estado como provisor de servizos de benestar contémplase como único recurso “despois de esgotadas todas as alternativas privadas, sociais, mutualistas ou cooperativas”53. Deste xeito, Chega pretende cambiar o modelo de Estado de benestar luso desde o actual modelo mediterráneo a outro de tipo puramente residual54. O carácter residual e estigmatizante do modelo maniféstase na proposta que pretende implementar unha contraprestación laboral á percepción do subsidio de desemprego. Ademais, no ámbito fiscal, búscase unha reforma centrada na rebaixa impositiva para empresas, herdanzas e propiedades inmobiliarias. Iso complétase con medidas ambiciosas e pouco concretas de reforma do edificio estatal, en particular a eliminación de órganos e fundacións que supoñan reduplicación. En todo caso, malia a retórica populista en contra das elites, son medidas que se centran no beneficio das rendas altas dentro do país.

No ámbito da “Saúde”, as iniciativas concéntranse en evitar unha sanidade universal que poida ser utilizada por non nacionais. A perspectiva nativista é patente, igual que no apartado seguinte: “Relacións internacionais e inmigración”. Dentro deste apartado, maniféstase unha oposición frontal á inmigración (especialmente á ilegal). O anterior materialízase nun rexeitamento explícito ao Pacto Global para a Migración da ONU da man dun aberto euroescepticismo. Este último consúmase na proposta de adhesión aos postulados do grupo de Visegrado, que, en último termo, implica un novo tratado europeo cun novo equilibrio de poder en beneficio dos Estados nacionais. As principais medidas condúcense á dificultade de obter a nacionalidade, impedir a chegada de inmigrantes e, se é o caso, facilitar a expulsión.

Por último, as propostas do bloque sobre “Medio ambiente” concéntranse nunha defensa das actividades cinexéticas e a ambición de obter unha autosuficiencia enerxética. Ademais, cítanse iniciativas para combater os incendios forestais, entre outras.

En liñas xerais, os elementos antiimigración están moi presentes, dentro dunha liña de políticas securitarias que criminalizan, preferentemente, os inmigrantes. No ámbito económico o neoliberalismo militante é común ao seu homólogo VOX e tradicional nos partidos de extrema dereita, polo menos nas súas orixes55.

Por outra banda, o papel do liderado e o rol do líder é en si un activo electoral de Chega que merece ser tido en conta. André Ventura xa era relativamente coñecido dentro da sociedade lusa por ser comentarista deportivo56. Isto indica que é unha figura mediática, con capacidade de comunicación e experiencia nese ámbito. Ademais, afirma ser doutor en dereito e ter traballado como docente universitario, o que lle pode outorgar unha respectabilidade, xa apuntada dentro do concepto de “isomorfismo institucional”.

En relación coa organización partidista, a persoa de Ventura domina o partido na cara interna e externa. Isto sucede, en parte, porque é, polo momento, o único representante no eido nacional e un activo en canto a comunicación e medios. No que se refire ao seu desempeño dentro dos propios medios, o líder de Chega desenvolveu un discurso nos marcos da antipolítica57, cun contido antielitista de acordo cun modelo de populismo contencioso. As elites políticas tradicionais son vistas como un colectivo corrupto e ensimesmado que vive de costas ao pobo58. Neste caso, cabe sinalar o paradoxo de que o propio Ventura se autoerixa como censor inmisericorde dunha elite (política) da que, polo menos ata 2017, pretendía formar parte.

En todo caso, este tipo de estratexia comunicativa e o contido do seu programa chamou a atención do voto de protesta en Portugal. En especial para sectores da demanda electoral que carecían dunha oferta solvente, como é o caso daqueles cidadáns que se consideran perdedores das “guerras culturais”59 e se senten sometidos á ditadura da “corrección política”60. Ademais, parece ter conseguido coa súa retórica antielitista e populista ser unha ancoraxe electoral para o votante do extremo dereito. Este conta agora cunha opción expresiva para o seu voto con oportunidades realistas de materializarse en representación e abandonaría, deste xeito, o voto estratéxico que adoptara no pasado61.

O liderado de Ventura púxose a proba nas eleccións presidenciais de 2021, nas que alcanzou un meritorio resultado, como se sinalou. Aínda que o propio líder afirmou que, se quedaba por detrás de Ana Gomes (candidata do PS), dimitiría, cousa que non sucedeu finalmente, en parte porque os resultados foron moi parellos e, sobre todo, porque Ventura segue a ser o principal atractivo electoral da EDP lusa.

4 CONCLUSIÓNS

Como elementos que destacan da análise realizada, poden establecerse fundamentalmente tres. O primeiro, constatar que a principal forza da formación da EDP lusa é, tamén, a súa maior debilidade. Nestes momentos o personalismo do liderado contaxia o proxecto político. Isto supón riscos en termos de sobreexposición do líder e/ou sobredeterminación do partido, isto é, que a organización sexa percibida como unha extensión orgánica do líder, unha mera estrutura de soporte. Isto pode ser tanto un elemento estratéxico (unha herdanza do modelo orixinario de partido do que provén, o PSD) como unha necesidade puramente táctica determinada pola conxuntura: André Ventura é hoxe en día o maior activo electoral, en parte pola súa visibilidade institucional.

En segundo lugar, cabe destacar a capacidade oportunista de captar voto dentro do clima de desafección política lusa (indicada na súa pauta de abstención). O atractivo de Chega alcánzase por medio de retórica populista antipolítica e antielitista.

En terceiro lugar, de acordo coas súas consignas programáticas, réstalle a materia pendente de pretender o voto dos perdedores da globalización e traballadores pobres, xa que non hai unha articulación programática ou discursiva neste sentido, cousa que outros partidos e formacións do seu ámbito xa aplicaron en países como Francia e Italia, con resultados electorais crecentes.

Por último, é salientable o salto cualitativo da EDP en Portugal, ao acadar a representación nacional. O adianto electoral de 2022 pode clarificar algunhas das cuestións que xurdiron ao longo deste texto; entre elas, o papel do liderado dentro do partido, unha vez que se vaia incrementando a cara externa da organización, isto é, o partido nas institucións.

5 BIBLIOGRAFÍA

Afonso, A. e Rennwald, L. 2018. «Social class and the changing welfare state agenda of radical right parties in Europe», en P. Manow, B. Palier e H. Schwander (eds.), Welfare Democracies and Party Politics. Oxford: Oxford University Press.

Carter, E. 2005. The Extreme Right in Western Europe. Manchester: Manchester University Press.

Casals Meseguer, X. 2004. «La extrema derecha en España (1948-2005)», en M.Á. Simón (coord.), La extrema derecha en Europa desde 1945 hasta nuestros días. Madrid: Tecnos.

Chega! 2019. 70 Medidas para reerguer Portugal. Disponible en: https://partidochega.pt/70-medidas-para-reerguer-portugal/.

Colaço Antunes, L.F. 1982. «Sistema de partidos y participación política en Portugal», en Revista de Estudios Políticos, 27: 113-136.

Crouch, C. 2004. Postdemocracia. Barcelona: Taurus.

Del Pino, E., Ramos, J.A. e Hernández Moreno, J. 2015. «Las políticas de consolidación fiscal y sus efectos en la naturaleza del Estado de bienestar español durante la Gran Recesión», en Panorama Social, 22: 153-165.

Duverger, M. 2012. Los partidos políticos. México: FCE.

Esping Andersen, G. 1995. The Three worlds of welfare capitalism. Cambridge: Polity Press.

Freire, A. 2005. «Party system change in Portugal, 1974-2005: The role of social, political and ideological factors», en Portuguese Journal of Social Science, 4(2): 81-100.

Gambarotto, F., Rangone, M. e Solari, S. 2019. «Financialization and Deindustrialization in the Southern European Periphery», en Athens Journal of Mediterranean Studies, 5(3): 151-172. https://doi.org/ 10.30958/ajms.5-3-2.

Garland, D. 2005. La cultura del control: crimen y orden social en la sociedad contemporánea. Barcelona: Gedisa.

Gideon, L., Repke, M. e Houck, S. 2017. «Donald Trump as a Cultural Revolt Against Percieved Communication Restriction», en Journal of Social and Political Psychology, 5(1): 244-259. https://doi.org/10.5964/jspp.v5i1.732.

González Calleja, E. 2003. «Aproximación a las subculturas violentas de las derechas antirrepublicanas españolas (1931-1936)», en Pasado y Memoria. Revista de Historia Contemporánea, 2: 107-142.

Harguindéguy, J.-B. 2015. Análisis de Políticas Públicas (2.ª ed.). Madrid: Tecnos.

Hemerijck, A. 2015. «European welfare states in motion: from social protection to social investment», en J.M. Magone (ed.), Routledge Handbook of European Politics. Londres: Routledge.

Jaráiz, E., Cazorla, A. e Pereira, M. (coord.). 2020. El auge de la extrema derecha en España. Valencia: Tirant lo Blanch.

Kiersi, H. 2017. «The implications of the euro crisis for democracy», en Journal of European Public Policy, 25(1): 59-82. https://doi.org/10.1080/13501763.2017.1310277.

Krause, W. e Giebler, H. 2019. «Shifting Welfare Policy Positions: The Impact of Radical Right Populist Party Success Beyond Migration Politics», en Representation, 56(3): 331-348. https://doi.org/10.1080/00344893.2019.1661871.

Krowel, A. 2006. «Party Models», en R.S. Katz e W. Crotty (eds.), Handbook of Party Politics. Londres: Sage.

Krugman, P. 2009. El retorno de la economía de la depresión y la crisis actual. Barcelona: Crítica.

Larrauri, E. 2018. Introducción a la criminología y al sistema penal. Madrid: Trotta.

Lazaridis, G., Campani, G. e Beneviste, A. 2016. The Rise of the Far Right in Europe. Londres: Macmillan.

Liang, C. 2007. «Europe for the Europeans; The Foreign and Security Policy of the Populist Radical Right», en C.S. Liang (ed.), Europe for the Europeans; The Foreign and Security Policy of the Populist Radical Right. Ashgaste: Aldershot.

Losada Maestre, A. (2014). «El sistema político de Portugal», en G. Sánchez Medero e R. Sánchez Medero (dirs.), Sistemas políticos en Europa. Valencia: Tirant lo Blanch.

Magone, J.M. 1998. «Portugal: Party System Installation and Consolidation», en M. Donovan e D. Brouhgton (eds.), Changing Party Systems in Western Europe. Londres: Cassel.

Marchi, R. 2013. «The extreme right at the down of Portuguese democracy», en R. Melzer e S. Serafin (eds.), Rigth-wing extremism in europe. Berlín: Friedrich-Ebert-Stiftung.

Marchi, R. 2020. A Nova Direita Anti-Sistema: o caso do Chega. Lisboa: Edições 70.

Marx, I. 2020. «The Working Poor», en B. Greve (ed.), Routledge International Handbook of Poverty. Londres: Routledge.

Mendes, M.S. e Dennison, J. 2020. «Explaining the emergence of the radical right in Spain and Portugal: salience, stigma and supply», en West European Politics, 44: 752-775. https://doi.org/10.1080/01402382.2020.1777504.

Moreira, A. 1988. «El régimen: presidencialismo del primer ministro», en Revista de Estudios Políticos, 60-61: 21-27.

Moreno, L. e Marí-Klose, P. 2016. «Bienestar mediterráneo: Trayectorias y retos de un régimen en transición», en E. del Pino e M.J. Rubio (coord.), Los Estados de Bienestar en la encrucijada. Políticas Sociales en Perspectiva comparada. Madrid: Tecnos.

Nagle, A. 2017. Kill all normies: online culture warss from 4 chan to tumblr. Londres: Zero Books.

Nikolaus, P. 2010. La Gran Recesión: causas y efectos de la crisis que ha dislocado el mundo financiero y la economía cotidiana. Madrid: Destino.

Nohlen, D. 2004. Sistemas Electorales y Partidos Políticos. México: Fondo Cultura Económica (FCE).

Oñate, P. e Ocaña, F. 1999. Análisis de datos electorales. Madrid: Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS).

Pereira, M., Jaráiz, E. e Cazorla, A. 2020. «Hacia la cuarta ola de los partidos de extrema derecha: a modo de conclusión», en E. Jaráiz, A. Cazorla e M. Pereira (coord.), El auge de la extrema derecha en España. Valencia: Tirant lo Blanch.

Piester, K. 2012. Rechter und Linker Populismus. Annäberung an ein Chamäleon. Frankfurt: Campus.

Poy, S. 2020. «Trabajadores pobres en Argentina y en España: un análisis comparativo centrado en las desigualdades ocupacionales», en Papers: Revista de sociología, 1(1): 1-30. https://doi.org/10.5565/rev/papers.2771.

Reis, P. 2020. «André Ventura - por Portugal pelos portugueses», en Revista Movimentação, 7(13): 73-90.

Rodrik, D. 2012. La paradoja de la globalización: la democracia y el futuro de la economía mundial. Barcelona: Antoni Bosch.

Sola Morales, S. 2020. «Precários nos querem, rebeldes nos terão. Tecnopolíticas e indignación, de la Geração à rasca a que se lixe a Troika», en Disertaciones, 13(2): 19-48. https://doi.org/10.12804/revistas.urosario.edu.co/disertaciones/a.7950.

Sanmartín Barros, I. 2007. «La globalización/altermundialización como motores de las guerras culturales», en HAOL, 12: 165-181.

Santana-Pereira, J. e Cancela, J. (2021). «Demand without Supply? Populist Attitudes and Voting Behaviour in Post-Bailout Portugal», en South European Society and Politics, 25(2): 205-208. https://doi.org/10.1080/13608746.2020.1864910.

Sartori, G. 2005. Parties and Parties Systems. Londres: ECPR Press.

Schmitter, P. 1999. Do autoritarismo à Demoracia. Lisboa: Imprensa de Ciências Sociais.

Sieler, D. 2015. «The legacy of Stein Rokkan for European polities», en J.M. Magone (ed.), Routledge Handbook of European Politics. Londres: Routledge.

Stiglitz, J.E. 2002. El malestar en la Globalización. Barcelona: Taurus.

Stiglitz, J.E. 2016. El euro: cómo la moneda común amenaza el futuro de Europa. Barcelona: Taurus.

Stockhammer, E. e Sotiropoulos, D. 2014. «Rebalancing the euro area: The costs of internal devaluation», en Review of Political Economy, 26(2): 210-233. https://doi.org/10.1080/09538259.2014.881011.

Vallés, J.M. e Martí i Puig, S. 2015. Ciencia política: un manual. Barcelona: Ariel.

VOX. 2019. 100 medidas para la España viva. Disponible en: https://www.voxespana.es/noticias/100-medidas-urgentes-de-vox-para-espana-20181006.

Zúquete, J. 2007. «Portugal a new look to the extreme right», en Representation, 43(3): 179-198. https://doi.org/10.1080/00344890701463654.

Notas

1 Krugman, 2009; Nikolaus, 2010.

2 Piester, 2012.

3 Duverger, 2012.

4 Jaraiz, Pereira e Cazorla, 2020.

5 En diante, EDP

6 Liang, 2007.

7 González Calleja, 2003.

8 Zúquete, 2007.

9 Stiglitz, 2016.

10 Gambarotto, Rangone e Solari, 2019; Pérez e Matsaganis, 2019.

11 Rodrik, 2012.

12 Stiglitz, 2002.

13 Marx, 2020; Poy, 2020.

14 Sieler, 2015.

15 Hemerijck, 2015.

16 Krause e Giebler, 2019; Afonso e Rennwald, 2018.

17 Harguindéguy, 2015.

18 Vallés e Martí, 2015.

19 Lazaridis, Campani e Beneviste, 2016.

20 Krowell, 2006.

21 Este grupo aglutina actualmente a FPÖ (Austria), Vlaams Belang (Bélxica), Volya (Bulgaria), SPD (Rep. Checa), EKRE (Estonia), RN (Francia), ND (Grecia), Lega (Italia), KNP (Polonia) o Sme Rodina e o propio Chega, sendo os principais os representantes de Austria, Francia e Italia. En liñas xerais manteñen un perfil de EDP tipo, cun forte acento no nacionalismo e no euroescepticismo. Así mesmo, tamén manteñen políticas económicas afastadas do ultraliberalismo de Chega, como é o caso italiano ou francés.

22 Magone, 1998.

23 Sartori, 2005.

24 Moreira, 1988.

25 Cabe sinalar que, entre as principais competencias con calado político do presidente da República, está a da disolución da Asemblea da República; isto supón a convocatoria de eleccións para a cámara e a ulterior dimisión do goberno, que quedaría en funcións. Tamén pode disolver os órganos das rexións autónomas. Así mesmo, é o órgano encargado da declaración dos estados de sitio e emerxencia (tras consulta ao goberno e asemblea).

26 Losada Maestre, 2014.

27 Nohlen, 2004.

28 Oñate e Ocaña, 1999.

29 Siglas, respectivamente, da Coalición Democrática Unitaria (composta polo Partido Comunista Portugués, Os Verdes e Intervención Democrática). PS, Partido Socialista. PSD, Partido Social Demócrata. CDS-PP, Centro Democrático e Social-Partido Popular.

30 Siglas do Bloco de Esquerda.

31 Debe sinalarse que o poder lexislativo en Portugal é unicameral, a Asemblea da República, que consta de 230 escanos.

32 O número efectivo de partidos parlamentarios é unha forma de ponderar as formacións nunha cámara de representación. O índice foi creado por Laasko e Taagepera e áchase cunha fórmula como a seguinte (Ocaña e Oñate, 1999):

, onde o valor p é a proporción de escanos de cada partido.

33 O índice de competitividade electoral indica a diferenza en porcentaxes de voto e escano entre a primeira e a segunda forza electoral/parlamentaria respectivamente. En termos xerais, considérase que un proceso electoral foi competido se este índice é igual ou (preferiblemente) inferior ao 5 %.

34 Con este nome coñécese aos tres órganos: Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional. Estes, en conxunto, funcionan como grupo de decisión para as políticas de rescate dos países membros da Unión Europea, en especial tras as crises de débeda soberana xeradas polo impacto da Gran Recesión na rexión.

35 Santana-Pereira e Cancela, 2021.

36 Nos comicios parlamentarios de 2019, nos que André Ventura obtén a súa acta de deputado, Chega alcanza uns 67.826 sufraxios, apenas un 1,29 % do total. A participación nestes comicios foi do 48,57 % do censo. Nas eleccións presidenciais, xa dentro da dinámica de pandemia, a participación foi dun 39,49 %. Cabe sinalar que as eleccións presidenciais adoitan presentar niveis de participación máis baixos que as lexislativas.

37 Schmitter, 1999.

38 Losada Maestre, 2014.

39 Freire, 2005.

40 Colaço Antunes, 1982.

41 Magone, 1998.

42 O “Estado Laranxa” alude á cor corporativa do PSD; así mesmo, alude á malla clientelar que foi xurdindo desde mediados da década pola acumulación de poder do partido, completamente hexemónico durante a etapa de Cavaco Silva.

43 Sola Morales, 2020.

44 Santana-Pereira e Cancela, 2021: 208.

45 Zúquete, 2012.

46 Mendes e Dennison, 2020.

47 Garland, 2004.

48 Larrauri, 2018.

49 VOX, 2019.

50 Stockhammer e Sotiropopulos, 2014; Kiersi, 2017.

51 Freire, 2005; Mendes e Dennison, 2020: 17.

52 Stiglitz, 2002.

53 Chega, 2019: 6.

54 Esping Andersen, 1995; del Pino, Ramos e Hernández-Moreno, 2015; Moreno e Marí-Klose, 2016.

55 Carter, 2005.

56 Reis, 2020.

57 Crouch, 2004.

58 Marchi, 2020.

59 Sanmartín Barros, 2007; Nagle, 2017.

60 Guideon, Repke e Houck, 2017: 246.

61 Marchi, 2013: 134.