Revista Administración & Cidadanía, EGAP

Vol. 16_núm. 2_2021 | pp. -198

Santiago de Compostela, 2021

https://doi.org/10.36402/ac.v16i2.4862

© José Manuel González Dona

ISSN-L: 1887-0279 | ISSN: 1887-0287

Recibido: 11/11/2021 | Aceptado: 21/12/2021

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

Administración electrónica no ámbito tributario

Administración electrónica en el ámbito tributario

Electronic administration in the field of taxation


José Manuel González Dona

Doutorando en Dereito Financeiro e Tributario

Universidade de Santiago de Compostela

josemanuel.gonzalez.dona@rai.usc.es


Rafael Oliver Cuello

Thomson Reuters – Aranzadi, Cizur Menor (Navarra), 2021

245 pp.

ISBN: 978-84-1390-236-4


Por medio deste traballo procédese a realizar unha recensión acerca da obra Administración electrónica en el ámbito tributario, monografía desenvolvida polo catedrático en Dereito Fiscal e avogado Rafael Oliver Cuello, artífice de múltiples obras doutrinais de gran calidade nesta rama do ordenamento xurídico.

Co traballo obxecto de análise o autor examina desde múltiples puntos de vista o funcionamento da Administración electrónica no eido fiscal, cuestión de candente transcendencia nos momentos actuais no que respecta ás relacións entre os obrigados tributarios e a Administración.

A obra está integrada por unha introdución e un total de catorce apartados –en palabras manifestadas polo autor, aínda que podería falarse de verdadeiros capítulos–, de distinta extensión, e que, en termos comparativos coa literatura xurídica nestes temas, resultan en xeral máis breves, o que permite acertadamente, a xuízo do que subscribe, indagar en múltiples aspectos de interese sobre a relación electrónica no ámbito tributario sen supor un atordamento cognitivo para o lector, o cal incrementa notoriamente o seu atractivo.

Entrando de xeito máis prolixo no exame do corpo do libro, o primeiro apartado (ou capítulo) alude á regulación, grosso modo, da relación electrónica entre obrigados e Administración Tributaria existente na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. Para iso, partindo do feito de que este corpo legal non cita o sintagma “Administración electrónica” no seu articulado, iso non implica que a norma sexa allea a este fenómeno, o cal se manifesta con consumado desenvolvemento en termos comparativos con outras administracións públicas (vid. p. 21). Precisamente, destaca o autor que a LXT no seu artigo 96 pretende fomentar o emprego das novas TIC tanto pola Administración como polos obrigados, non debendo quedar á marxe aquela dos avances tecnolóxicos, malia ser certo que non se establece un dereito do obrigado tributario a relacionarse coa Administración polos ditos medios. A análise ábrese, nun momento posterior do capítulo, á relación telemática nos procedementos tributarios e á aprobación pola Administración Tributaria do software que se deba utilizar e á validez xurídica do documento dixital.

No segundo capítulo o autor procede a unha análise máis pormenorizada do dereito a relacionarse por vía electrónica coa Administración. Para iso, acode á Lei 39/2015, do 1 de outubro, fundándose na supletoriedade do texto en relación coas normas tributarias.

Tras este contexto normativo, examínase o dereito á relación electrónica polos administrados e a obriga das administracións de dispor dos recursos para iso, así como outros dereitos dos administrados en relación co principal examinado, como son o dereito a comunicarse a través do Punto de Acceso Xeral Electrónico, o dereito á asistencia técnica no uso dos devanditos medios1 –extremo no que considera inoportuno que este se proclame soamente respecto dos que non teñan obriga de utilizalos (p. 45), cuestión na que coincido con rotundidade–, o dereito a utilizar os medios de identificación e sinatura electrónica, e o dereito á protección de datos (a cal desenvolve de xeito máis pormenorizado no capítulo sexto).

Nun momento posterior, conclúese este capítulo cunha sección dedicada aos dereitos do interesado no procedemento administrativo, como son o de coñecer o estado de tramitación do expediente electrónico, a obter copia dos documentos e a cumprir as obrigas de pagamento por medios telemáticos. Segundo o autor, o exercicio destes dereitos vese fortemente condicionado ao transformarse o formato de tramitación, o cal insire relevantes modificacións prácticas mesmo a pesar de que se conserve a dicción empregada polo lexislador (pp. 49-50).

Efectuadas esas apreciacións, o autor escapa do seo do dereito administrativo, que toma como base das relacións e insírese máis no ámbito tributario, ao aludir en primeiro lugar á determinación e ao exame dos suxeitos obrigados e supostos nos que existe obriga de empregar medios telemáticos.

Considerando que iso entraña unha obriga formal para estes suxeitos, o seu incumprimento xera unha infracción administrativa, motivo polo cal o autor procede ao exame do réxime sancionador establecido na LXT, ao que acusa nun primeiro momento de excesivamente gravoso (p. 65), analizando nun momento posterior as condutas tipificadas como ilícitos administrativos neste contexto.

Pola súa banda, no capítulo sétimo o autor procede a expor as actuacións de información tributaria por Internet, as cales considera transcendentais debido á dificultade que entraña a interpretación e aplicación da normativa tributaria para os suxeitos pasivos, o cal conduce en múltiples ocasións a custos fiscais indirectos por contratar profesionais na materia. Por iso, a publicidade destas cuestións que permiten axudar aos suxeitos nun instrumento tan accesible como resulta Internet supón un grande avance na aplicación dos tributos (pp. 131-133). Nesta parte da obra o autor examina as publicacións telemáticas de normativa e doutrina administrativa, a realización de campañas divulgativas na rede e alude á publicación de consultas tributarias, entre outras cuestións.

Pódese apreciar como nos seguintes capítulos da obra o autor pretende incidir de xeito especial no funcionamento dos procedementos tributarios mediante o soporte informático. Así, nun primeiro momento efectúase un exame pormenorizado dun elemento tan transcendental para os procedementos tributarios como son a práctica de notificacións en formato electrónico, interesándose de forma especial no que respecta a aquelas que, segundo a normativa, teñen carácter obrigatorio.

Neste punto débese destacar unha apreciación do autor relativa aos criterios xustapostos á regulación das notificacións. Así, a pesar de que a regulación xeral debe garantir o dereito do cidadán a ser notificado sen que se produza indefensión e o principio de eficacia administrativa evitando comportamentos que dificulten a actuación administrativa na práctica de notificacións, a regulación das notificacións electrónicas acóllese ao principio de cognición, aínda que con matices, posto que se o administrado non accede ao contido no prazo sinalado se entenderá rexeitada (pp. 176-177).

Tras as referidas análises, efectúase o exame de diversas cuestións relativas a fontes de información nos procedementos tributarios, como son as facturas expedidas electronicamente e a subministración inmediata de información, ambos como elementos que son ou poden ser constitutivos de proba das pretensións tanto dos suxeitos pasivos como da Administración Tributaria.

Expostos estes extremos, destina o autor o capítulo 13 á presentación telemática de recursos, centrándose tanto no de reposición como nas reclamacións económico-administrativas. Resulta na actualidade este tema de interesante relevancia posto que algúns suxeitos pasivos, como se apreciou con anterioridade, se achan obrigados a manter estas relacións electrónicas coa Administración Tributaria, e a revisión en vía administrativa non pode quedar á marxe desta situación.

Finalmente, o libro destina un último capítulo ao uso do big data e da intelixencia artificial na aplicación dos tributos. O autor sinala neste punto que o emprego dos macrodatos ten unha enorme repercusión na aplicación tributaria, igual que grandes consecuencias xurídicas para a actuación da Facenda Pública, posto que permitiu modificar radicalmente o sistema de almacenamento de datos pola Administración e o tratamento de toda esa información, así como para utilizar modelos preditivos do risco de incumprimento dos obrigados tributarios (pp. 213-219). Pola súa banda, a repercusión para os suxeitos pasivos está na asistencia ao contribuínte e no emprego de asistentes virtuais nas interfaces das administracións, o cal mellora a calidade da información e reduce os custos de persoal para estas tarefas (pp. 221-223).

Examinando de modo xenérico a obra, pódense extraer unha serie de afirmacións. A primeira de todas é que o autor pretende analizar a realidade que nos ofrece a tecnoloxía no eido fiscal desde unha perspectiva aberta, sen centrarse en ningunha figura impositiva concreta nin en ningunha clase de procedemento tributario, sexa de xestión, de inspección ou de recadación –a excepción dalgúns puntos concretos xa expostos–.

Iso permite, acertadamente, que o lector poida obter unha serie de coñecementos multidisciplinarios sobre o funcionamento da Administración Tributaria no medio informático, o cal resulta moi útil nos momentos actuais, dado o incremento de interaccións telemáticas que se desenvolven no seu seo, especialmente incentivadas polo desenvolvemento cada vez máis acelerado das TIC. Precisamente, a lectura deste tipo de obras pode resultar dun grande interese tanto para académicos como para profesionais do ámbito tributario, xa que facilitará o emprego destas tecnoloxías e invitará á reflexión sobre certos aspectos de procedementos tributarios nos que o exame da norma xurídica podrecía mesmo chegar a resultar insuficiente.

Con carácter conclusivo, ao ter elaborado o autor un traballo no que se poñen de manifesto todos os aspectos da relación telemática entre suxeitos pasivos e Administración, analizando as cuestións máis conflitivas en procedementos tributarios, os dereitos e obrigas das partes, dun xeito sinxelo e sistematicamente ben ordenada, non cabe senón facela completamente recomendable para a súa lectura e estudo.

Notas

1 En relación con iso, a obra dedica capítulos posteriores a tratar esta cuestión, aludíndose a actuacións informáticas tales como a confección de borradores e declaracións e a regulación xurídica do software deses programas de axuda. Do mesmo xeito, efectúase un exame pormenorizado da presentación telemática de declaracións e autoliquidacións polos suxeitos pasivos, así como do pagamento telemático, extremo que considero moi acertado ante a multiplicidade de casos que se están a dar na casuística de pagamentos por pasarelas electrónicas tales como tarxetas virtuais ou o emprego da banca electrónica, sen necesidade de acudir á realización de xestións físicas nas entidades financeiras.