Revista Administración & Cidadanía, EGAP
Vol. 16_núm. 2_2021 | pp. -194
Santiago de Compostela, 2021
https://doi.org/10.36402/ac.v16i2.4877
© Alejandro Villanueva Turnes
ISSN-L: 1887-0279 | ISSN: 1887-0287
Recibido: 2/12/2021 | Aceptado: 21/12/2021
Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License
Diálogos metajudiciales en Estrasburgo. El Tribunal Europeo de Derechos Humanos y el Comité para la Prevención de la Tortura
Metajuridic dialogues in Strasbourg. The European Court of Human Rights and the Committee for the Prevention of Torture
Alejandro Villanueva Turnes
Profesor interino de substitución de Dereito Administrativo
Universidade de Santiago de Compostela
https://orcid.org/0000-0002-8044-6189
alejandro.villanueva@usc.es
Ignacio Álvarez Rodríguez
Thomson Reuters – Aranzadi, Cizur Menor (Navarra), 2021
167 pp.
ISBN: 978-84-1345-934-9
A obra obxecto desta recensión leva por título Diálogos metajudiciales en Estrasburgo. El Tribunal Europeo de Derechos Humanos y el Comité para la Prevención de la Tortura. Trátase dun estudo elaborado por Ignacio Álvarez Rodríguez, profesor de Dereito Constitucional na Universidade Complutense de Madrid, no cal se aborda un tema complexo e de sumo interese que procederemos a analizar aquí de xeito sucinto.
A obra estrutúrase en catro capítulos diferenciados precedidos dunha introdución e tras os cales se elaboran unhas conclusións que implican o peche do estudo. Centrámonos agora nos distintos capítulos.
O primeiro deles leva por nome “O marco do diálogo”. Nel, o autor dá inicio ao estudo de xeito preciso cunha referencia a qué debe ser entendido por “diálogo”, tanto desde unha perspectiva xeral como no concernente ao que ten lugar entre o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e o Comité de Prevención da Tortura. Entre outros aspectos, examinan os suxeitos e o obxecto que rodean o dito diálogo.
O segundo capítulo titúlase “Implementación do diálogo”. Ao longo das páxinas que conforman este segundo capítulo, trátase de afondar en como se leva a cabo o diálogo entre os dous órganos mencionados en relación co disposto no artigo 3 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos. Así, préstase atención a distintos supostos e á influencia dos informes do Comité de Prevención da Tortura na súa resolución. Entre outros, terá especial importancia o concernente ao asunto Mursic. Xunto con isto, tamén se fará alusión a diferentes casos resoltos en relación coas “condicións de reclusión en réxime extraordinario”, destacando o relativo a aqueles de presos condenados a cadea perpetua e a pena de morte; tamén acerca das “condicións derivadas da situación persoal do recluso”, onde se aludirá á saúde física e mental, facendo fincapé en situacións de adicións e folgas de fame. Igualmente, trataranse as “condicións derivadas da actuación do funcionariado” e dentro diso focalízase a atención no que concirne ao uso da forza, así como ás medidas de seguridade, referíndose ao uso de sprays, esposas e exploracións corporais, entre outros, referenciando tamén o concernente ao traslado dos reclusos, a situación do recluso fóra e a folga dos funcionarios.
O capítulo terceiro denomínase “Radiografía do diálogo”. Aquí o autor examina unha serie de puntos que permiten ter unha visión esencial do diálogo. Deste xeito, procédese a responder a cuestións básicas como onde e como se leva a cabo o diálogo. Pola súa vez, abórdanse aspectos sumamente interesantes, como o valor probatorio. Xunto con estas dúas cuestións, tamén se trata o tema das “sentenzas-piloto”. Finalmente, e como entendemos que non podía ser doutro xeito no exame do diálogo, analízanse as consecuencias que van derivar deste.
O capítulo de peche da obra é o cuarto: “Balance do diálogo”. O seu propio título representa á perfección o pretendido nas páxinas que o conforman. Deste xeito, realízase un balance xeral, así como a un positivo e negativo, rematando as páxinas desta parte da obra cunha visión de futuro do que podemos esperar.
Toda esta estrutura responde a unha obra que é froito dun estudo pormenorizado dos distintos aspectos dos diálogos que se producen entre os dous órganos europeos que nela se abordan. Pódese observar o encomiable labor que realizou o autor tratando de xeito minucioso e claro os diversos elementos fundamentais que rodean o asunto.
Ao longo das páxinas que conforman o libro, pódese observar todo o traballo de investigación que se desenvolveu e que ve a luz nesta obra que constitúe un estudo de referencia na materia, situándose como bibliografía imprescindible para os estudosos do funcionamento do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos respecto da prevención da tortura considerada no propio Convenio Europeo de Dereitos Humanos.