Revista Administración & Cidadanía, EGAP

Vol. 16_núm. 2_2021 | pp. -64

Santiago de Compostela, 2021

https://doi.org/10.36402/ac.v16i2.4886

© Ángel Luis Tarrío Tobar

ISSN-L: 1887-0279 | ISSN: 1887-0287

Recibido: 10/12/2021 | Aceptado: 21/12/2021

Editado baixo licencia Creative Commons Atribution 4.0 International License

O orzamento da Unión Europea a longo prazo 2021-2027 e o Instrumento de Recuperación Next Generation EU

El presupuesto de la Unión Europea a largo plazo 2021-2027 y el Instrumento de Recuperación Next Generation EU

Long-term European Union budget 2021-2027 and Recovery Instrument Next Generation EU


Ángel Luis Tarrío Tobar

Subdirector de Planificación

Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos

Consellería de Facenda e Administración Pública

angel.luis.tarrio.tobar@xunta.gal


Resumo: O marco financeiro plurianual 2021-2027 da Unión Europea e o Instrumento Europeo de Recuperación supoñen un volume de recursos sen precedentes para os Estados membros que permitirá afrontar de maneira inmediata as consecuencias da crise derivada da COVID-19 e financiar os investimentos e as reformas necesarias para acadar unhas economías máis sustentables, dixitais e resilientes. Os fondos da política de cohesión reforzarán, durante esta década, a cohesión económica, social e territorial, e corrixirán os desequilibrios entre países e rexións, atendendo aos obxectivos políticos da Unión.

Palabras clave: Marco financeiro plurianual, Instrumento Europeo de Recuperación (Next Generation EU), mecanismo de recuperación e resiliencia, política de cohesión, fondos da política de cohesión: FEDER, FSE+, fondo de cohesión e fondo de transición xusta.

Resumen: El marco financiero plurianual 2021-2027 de la Unión Europea y el Instrumento Europeo de Recuperación suponen un volumen de recursos sin precedentes para los Estados miembros que permitirá afrontar de manera inmediata las consecuencias de la crisis derivada de la COVID-19 y financiar las inversiones y reformas necesarias para conseguir unas economías más sostenibles, digitales y resilientes. Los fondos de la política de cohesión reforzarán, durante esta década, la cohesión económica, social y territorial, y corregirán los desequilibrios entre países y regiones, atendiendo a los objetivos políticos de la Unión.

Palabras clave: Marco financiero plurianual, Instrumento Europeo de Recuperación (Next Generation EU), mecanismo de recuperación y resiliencia, política de cohesión, fondos de la política de cohesión: FEDER, FSE+, fondo de cohesión y fondo de transición justa.

Abstract: The 2021-2027 multiannual financial framework of the European Union and the European Union Recovery Instrument represent an unprecedented volume of resources for the Member States, which will make it possible to immediately face the consequences of the crisis derived from COVID-19 and finance investments and reforms needed to achieve more sustainable, digital and resilient economies. The cohesion policy funds will strengthen, during this decade, economic, social and territorial cohesion and will correct imbalances between countries and regions and delivering the Union’s policy objectives.

Key words: Multiannual financial framework, European Union recovery instrument (Next Generation EU), recovery and resilience facility, cohesion policy, cohesion policy funds: ERDF, ESF+, cohesion fund and just transition fund.

Sumario: 1 Introdución. 2 O instrumento de recuperación europeo – Next Generation EU. 2.1 O Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. 2.2 O instrumento de axuda á recuperación para a cohesión e os territorios de Europa (REACT-UE). 3 A política de cohesión da Unión Europea 2021-2027. 4 Conclusións. 5 Bibliografía.

1 INTRODUCIÓN

Tras a aprobación do Parlamento Europeo, o 17 de decembro de 2020, o Consello adoptou o Regulamento (UE) 2020/2093, polo que se establece o marco financeiro plurianual (MFP) da Unión Europea (UE) para o período 2021-2027.

O regulamento prevé un orzamento da UE a longo prazo de 1,211 billóns de EUR1. Xunto co instrumento temporal para impulsar a recuperación europea Next Generation EU (NGEU), de 806.900 millóns de EUR, o orzamento permitirá á UE achegar un financiamento sen precedentes de 2,018 billóns de EUR nos próximos anos para axudar a reparar a economía e os danos sociais causados pola pandemia de COVID-19 e financiar as prioridades a longo prazo da UE en diferentes ámbitos de actuación, como as transicións dixitais e ecolóxica e a maior resiliencia das economías e sociedades europeas.

Gráfico 1. MFP e NGEU. Miles de millóns de EUR a prezos correntes.

Fonte: Elaboración propia a partir de información da Comisión Europea.

Máis do 50 % do importe total apoiará a modernización da UE mediante a investigación e a innovación, unha transición climática xusta e dixital, e medidas de recuperación, transformación e resiliencia das economías. Ademais, o 30 % do orzamento da UE destinarase á loita contra o cambio climático e prestarase especial atención á protección da biodiversidade e ás cuestións relacionadas co xénero. Por outro lado, o 20 % de NGEU investirase na transformación dixital e, por primeira vez, as prioridades novas e reforzadas teñen a maior participación dentro do orzamento a longo prazo, un 31,9 %.

O orzamento comunitario estrutúrase por categorías de gasto, que se corresponden cos ámbitos de intervención da UE e que se instrumentalizan a través de distintos instrumentos e programas.

Táboa 1. Asignacións financeiras por categoría de gasto. Miles de millóns de EUR a prezos correntes.

Fonte: Elaboración propia a partir de información da Comisión Europea.

Cos programas da categoría “Mercado único, innovación e economía dixital”, a UE busca incrementar o investimento en áreas como a investigación e a innovación, a transformación dixital, as infraestruturas modernas e sustentables e o mercado único. Na categoría de “Cohesión, resiliencia e valores” refórzase a resiliencia e a cohesión dos territorios da Unión e promóvese un desenvolvemento territorial sustentable. O orzamento dedicado aos recursos naturais e ao medio ambiente inviste na agricultura sustentable e nos sectores marítimos, na acción climática, na protección ambiental, na seguridade alimentaria e no desenvolvemento rural.

No resto das categorías abórdanse os retos relacionados coa inmigración e xestión de fronteiras, a seguridade e defensa de Europa, e as relacións socioeconómicas e de cooperación da Unión cos países en desenvolvemento e co resto do mundo.

Ilustración 1. Principais instrumentos e programas das categorías de gasto do orzamento comunitario.

Fonte: Elaboración propia a partir de información da Comisión Europea.

2 O INSTRUMENTO DE RECUPERACIÓN EUROPEO - NEXT GENERATION EU

Cun orzamento de 806.900 millóns de EUR, NGEU axudará a reparar os danos económicos e sociais causados pola pandemia de coronavirus e a construír unha UE post-COVID-19 máis verde, máis dixital, máis resistente e mellor adaptada aos retos actuais e futuros.

O núcleo de NGEU é o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR ou Mecanismo), un fondo para proporcionar subvencións e préstamos para apoiar reformas e investimentos nos Estados membros da UE, cuns recursos financeiros de 723.800 millóns de EUR, dos cales 338.800 millóns de EUR se constituirán como transferencias non reembolsables e 385.800 millóns destinaranse a proporcionar préstamos aos Estados membros en condicións favorables, que serán reembolsados por eles.

Ademais, NGEU reforzará varios programas e políticas da UE do seguinte xeito:

– Á política de cohesión a través de REACT-EU con 50.620 millóns de euros, no marco da axuda á recuperación para a cohesión e os territorios de Europa, prestando asistencia para favorecer a reparación a curto prazo da crise, no contexto da pandemia de COVID-19, e as súas consecuencias sociais, así como para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía;

– Ao Fondo de Transición Xusta (FTX) con 10.868 millóns de euros, co obxectivo de prestar apoio aos territorios que se enfrontan a retos socioeconómicos graves derivados do proceso de transición á neutralidade climática e contribuír á aplicación do Pacto Verde Europeo2, cuxo obxectivo é lograr unha Unión climaticamente neutra de aquí a 2050;

– Ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (FEADER) con 8.070 millóns de euros, para seguir apoiando os agricultores;

– Ao programa InvestEU con 6.074 millóns de euros, para apoiar os esforzos investidores das empresas;

– Ao programa de Protección Civil da UE (rescEU), para reforzar a capacidade de responder a gran escala ás emerxencias derivadas de catástrofes naturais;

– Ao programa marco de investigación e innovación Horizonte Europa con 5.412 millóns de euros, para asegurarse de que a UE ten a capacidade de financiar a excelencia na investigación.

Para financiar NGEU, a UE tomará préstamos nos mercados. O reembolso realizarase durante un período a longo prazo, ata 2058. Este calendario trata de evitar a presión inmediata sobre as finanzas dos Estados membros e permítelles centrar os seus esforzos na recuperación.

2.1 O Mecanismo de Recuperación e Resiliencia

O Mecanismo establécese no Regulamento (UE) 2021/241, e o seu obxectivo xeral é lograr unha recuperación sustentable e resiliente, á vez que se promoven as prioridades ecolóxicas e dixitais da UE, contribuíndo á aplicación do piar europeo de dereitos sociais, contribuíndo á autonomía estratéxica da Unión xunto cunha economía aberta e xerando valor engadido europeo.

O ámbito de aplicación do Mecanismo inclúe prioridades da UE estruturadas en seis piares:

a) transición ecolóxica;

b) transformación dixital;

c) crecemento intelixente, sustentable e integrador, que inclúa a cohesión económica, o emprego, a produtividade, a competitividade, a investigación, o desenvolvemento e a innovación, e un mercado interior que funcione correctamente con pemes sólidas;

d) cohesión social e territorial;

e) saúde e resiliencia económica, social e institucional, con obxecto, entre outros, de aumentar a preparación e a capacidade de reacción ante as crises; e

f) políticas para a próxima xeración, a infancia e a mocidade, tales como a educación e o desenvolvemento de capacidades.

Os fondos do Mecanismo desenvolveranse segundo os plans nacionais de recuperación e resiliencia elaborados por cada Estado membro, en colaboración coa Comisión Europea, e en liña coa asignación financeira establecida.

Algún dos aspectos máis salientables nos que se sustentan os plans son:

– No contexto do Semestre Europeo, os plans deben abordar as recomendacións específicas por país e ser coherentes cos plans nacionais de reformas. Ademais, deben recoller os retos e prioridades que reforcen o potencial de crecemento, a creación de emprego de calidade, o reforzo dos sistemas sanitarios, a resiliencia económica e social e a cohesión rexional.

– Polo menos, o 37 % da dotación financeira do plan debe contribuír a cuestións relacionadas co clima, nos ámbitos de enerxía, transporte, descarbonización, economía circular, xestión hídrica e biodiversidade.

– Como mínimo, o 20 % da dotación total do Plan de Recuperación e Resiliencia debe contribuír á transición dixital e aos retos que derivan desta.

– O proceso de recuperación e transición debe ser equitativo, contribuíndo á aplicación do piar europeo de dereitos sociais, impulsando unha asistencia sanitaria de calidade e contribuíndo á igualdade de xénero e á igualdade de oportunidades para todos.

– Debe garantirse que ningunha das medidas de execución das reformas e os proxectos de investimento incluídos no Plan de Recuperación e Resiliencia cause un prexuízo significativo aos obxectivos medioambientais no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852.

– O Plan debe contribuír ás sete iniciativas emblemáticas europeas identificadas na Comunicación sobre a Estratexia anual de crecemento sustentable de 2021: activación; renovación; recarga e reposición; conexión; modernización; expansión; reciclaxe e perfeccionamento profesional.

– Deben recoller os obxectivos intermedios de carácter cualitativo e as metas ou resultado cuantitativo de indicadores, cun calendario do seu cumprimento que permita facer un seguimento dos avances do plan. Os pagamentos estarán vencellados ao rendemento, en función dos obxectivos intermedios e as metas establecidas.

– O 70 % das transferencias non reembolsables concedidas polo MRR deberá estar comprometido en 2021 e 2022. O 30 % restante comprometerase enteiramente a finais de 2023 e poderá executarse ata 2026.

O método de repartición por Estado membro dos recursos do Mecanismo correspondentes a transferencias non reembolsables ten en conta variables como a poboación, a inversa do PIB per cápita, a taxa media de desemprego dos últimos cinco anos en comparación coa media da Unión no período 2015-2019 e a caída do PIB real en 2020 e 2021. Así, a España correspóndelle unha asignación de 69.500 millóns de EUR a prezos correntes, o 20,6 % do total, para financiar os investimentos e as reformas incluídas no Plan Nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia elaborado polo Goberno de España e aprobado pola Comisión Europea en xuño de 2021.

España é o Estado que recibe máis recursos do Mecanismo e o terceiro en termos per cápita, tan só por detrás de Grecia e Croacia. En xeral, os países do sur da Unión Europea son os maiores perceptores dos recursos do Mecanismo, debido fundamentalmente á maior caída no PIB e aos maiores niveis de desemprego que presentan.

Gráfico 2. EUR por habitante do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Prezos correntes.

Fonte: Elaboración propia a partir de información da Comisión Europea.

2.2 O Instrumento de axuda á recuperación para a cohesión e os territorios de Europa (REACT-UE)

REACT-UE3 é un programa dotado con 50.620 millóns de EUR e destinado a reparar de maneira inmediata os danos sociais e económicos causados pola pandemia de COVID-19 e a preparar unha recuperación ecolóxica, dixital e resiliente. Estes fondos operan como recursos adicionais á política de cohesión que se integran nos programas operativos (PO) 2014-2020 dos fondos estruturais –Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e Fondo Social Europeo (FSE)– e o Fondo de Axuda Europea para as Persoas máis Desfavorecidas (FEAD), aínda que con maior flexibilidade e axilidade na súa execución.

REACT-UE debe utilizarse para financiar o apoio ao mantemento do emprego, fomentar a creación de emprego e as medidas de emprego xuvenil, reforzar os sistemas de asistencia sanitaria e para facilitar capital circulante e apoio ao investimento ás pemes, en particular nos sectores máis afectados pola crise, como o turismo e a cultura. Esta axuda adicional servirá tamén para investir no Pacto Verde Europeo e na transición dixital.

Os criterios de repartición de REACT-UE entre os Estados membros son o impacto da pandemia na riqueza, no emprego en xeral e no emprego xuvenil. Deste xeito, España é o país que recibe unha maior asignación financeira, tanto en termos absolutos (28,5 % do total) como por habitante. O maior impacto da pandemia na actividade e no emprego e o peso que na estrutura produtiva teñen os sectores máis afectados polas medidas de contención da pandemia son factores que explican estes datos. Os países do sur e do leste da UE son os que reciben un maior financiamento por habitante.

Gráfico 3. EUR por habitante de REACT-EU. Prezos correntes.

Fonte: Elaboración propia a partir de información da Comisión Europea.

Do importe asignado a España, lixeiramente por enriba dos 14.500 millóns de EUR, 10.000 distribuíronse entre as comunidades autónomas para xestionalos nos programas operativos FEDER e FSE rexionais, mentres que o resto son xestionados polo Ministerio de Sanidade no programa plurirrexional de España, fundamentalmente para financiar a adquisición de vacinas.

Galicia xestionará 441 millóns de EUR, o 79 % no PO FEDER Galicia 2014-2020 e o 21 % restante no PO FSE Galicia 2014-2020.

3 A POLÍTICA DE COHESIÓN DA UNIÓN EUROPEA 2021-2027

A política de cohesión é a principal política de investimento da UE. Contribúe a reforzar a cohesión económica, social e territorial, e o seu obxectivo é corrixir os desequilibrios entre países e rexións, atendendo ás prioridades políticas da Unión, especialmente as transicións verde e dixital.

A adopción definitiva do paquete lexislativo da política de cohesión para 2021-2027 polo Consello, o 28 de maio, e a súa aprobación polo Pleno do Parlamento Europeo, o 23 de xuño de 2021, marcan a etapa final do procedemento lexislativo e permiten a entrada en vigor da lexislación sobre cohesión o 1 de xullo.

A política de cohesión 2021-2027 apoia as prioridades da UE concretadas en cinco obxectivos políticos:

a) unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións;

b) unha Europa máis verde, baixa en carbono, en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente;

c) unha Europa máis conectada, mellorando a mobilidade;

d) unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do alicerce europeo de dereitos sociais;

e) unha Europa máis próxima aos seus cidadáns, fomentando o desenvolvemento integrado e sustentable de todo tipo de territorios e iniciativas locais.

A política de cohesión desenvólvese a través do FEDER para investir no desenvolvemento social e económico de todas as rexións e cidades da UE; do Fondo de Cohesión (FC), para investir no medio ambiente e no transporte nos países menos prósperos da UE4; do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) para apoiar o emprego e crear unha sociedade xusta e socialmente inclusiva; e do FTX para apoiar as rexións máis afectadas pola transición cara á neutralidade climática.

Os recursos totais da política de cohesión ascenden a 391.894 millóns de EUR (381.026 procedentes do MFP e 10.868 de NGEU para reforzar o FTX) e destínanse aos obxectivos de Investimento en emprego e crecemento, o 97,7 %, e ao de Cooperación territorial europea (Interreg), o 2,3 %, que se financia co FEDER.

Gráfico 4. Distribución porcentual dos recursos da política de cohesión por fondo.

Fonte: Elaboración propia a partir de información da Comisión Europea.

Dentro do obxectivo de emprego e crecemento, os recursos do FEDER e do FSE+ distribúense por categorías de rexión, clasificación determinada en función da porcentaxe do PIB per cápita en paridades de poder adquisitivo (PIBpc PPA), respecto á media da UE27 no período 2015-2017.

Gráfico 5. Distribución dos recursos da política de cohesión para o obxectivo de emprego e crecemento.

Fonte: Elaboración propia a partir de información da Comisión Europea.

Dada a súa finalidade de reducir as diferenzas socioeconómicas territoriais, nos criterios de repartición dos fondos estruturais (FEDER e FSE+) por Estado membro, a variable que ten maior peso é o diferencial do PIBpc PPA das rexións respecto á media da UE e, en menor medida, outras variables do mercado laboral, educativas e demográficas5.

Ilustración 2. Mapa de elixibilidade para o obxectivo de emprego e crecemento (FEDER e FSE+) 2021-2027.

Fonte: Comisión Europea.

No período 2021-2027 Galicia é unha rexión en transición6, cunha porcentaxe de cofinanciamento para o obxectivo de investimento en emprego e crecemento do 60 %.

A asignación financeira que recibirá España dentro dos recursos da política de cohesión ascende a 36.249 millóns de EUR a prezos correntes, o que representa un 9,2% do total da UE. Por outro lado, a RNB per cápita de España, en paridades de poder adquisitivo, supera o 92 % da media da UE-27 e, polo tanto, non é perceptora da axuda do Fondo de Cohesión.

Gráfico 6. EUR por habitante dos fondos FEDER, FSE+ e Fondo de Cohesión. Prezos correntes.

Fonte: Elaboración propia a partir de información da Comisión Europea.

Como se pode apreciar no gráfico 6, os países con maior financiamento per cápita dos recursos da política de cohesión son os países do leste e sur de Europa, especialmente os menos desenvolvidos, que son perceptores do Fondo de Cohesión.

No que se refire ao FTX, a asignación financeira concéntrase nos países coas rexións máis dependentes do carbón, e coa finalidade de avanzar cara a economías máis ecolóxicas e competitivas (gráfico 7).

Gráfico 7. EUR por habitante do Fondo de Transición Xusta. Prezos correntes.

Fonte: Elaboración propia a partir de información da Comisión Europea.

Recentemente, o Ministerio de Facenda e Función Pública comunicou a asignación por comunidade autónoma dos fondos europeos da política de cohesión para o obxectivo de investimento en emprego e crecemento: FEDER7, FSE+ e FTX8.

Galicia ten asignado un importe global de 3.261 millóns de euros a prezos correntes e, en termos absolutos, é tras Andalucía a comunidade autónoma que recibe máis fondos.

Táboa 2. Recursos da política de cohesión.

Fonte: Elaboración propia a partir de información da Comisión Europea e do Ministerio de Facenda.

O tramo rexional, correspondente á xestión da Comunidade Autónoma de Galicia na devandita asignación, é do 46 %, o que significa que se programarán 940 millóns de EUR no programa operativo FEDER de Galicia 2021-2027, 449 millóns de EUR no programa operativo FSE+ de Galicia 2021-2027 e 111 millóns de euros na prioridade correspondente á provincia da Coruña no programa operativo de Transición Xusta de España.

En termos per cápita, Galicia recibirá 1.207 EUR por habitante para o conxunto do período 2021-2027 a prezos correntes, un 60,6 % superior á media do conxunto do Estado, e un 60,7 % superior á media das rexións en transición (ver táboa 3).

Deste xeito, reciben máis financiamento por habitante que Galicia as rexións menos desenvolvidas, salvo Castela-A Mancha e Ceuta, que son lixeiramente inferiores, e Canarias, que recibe un financiamento adicional por ser rexión ultraperiférica.

Hai que ter en conta que o período de elixibilidade destes recursos comeza o 1 de xaneiro de 2021 e esténdese ata o 31 de decembro de 2029, data na que terán que estar completamente executados os fondos.

Respecto ao anterior período 2014-2020, no que os recursos asignados a Galicia ascenderon a 2.930 M€ a prezos correntes do período 2014-2020 (FEDER, FSE, Iniciativa de Emprego Xuvenil e FEAD) e a Xunta xestionou o 44,3 % deles, tanto a asignación global como o importe xestionado pola Xunta a prezos de 2018 no período 2021-2027 presentan un descenso próximo ao 5 % respecto á asignación 2014-2020.

Táboa 3. Asignación territorial dos recursos 2021-2027 do obxectivo de investimento en emprego e crecemento.

Fonte: Elaboración propia a partir de información da Comisión Europea, do Ministerio de Facenda e do Instituto para a Transición Xusta.

4 CONCLUSIÓNS

A resposta da Unión Europea ás consecuencias da crise derivada da pandemia de COVID-19 é o maior paquete de estímulo xamais financiado en Europa.

Os fondos europeos serán fundamentais nos próximos anos para acelerar a recuperación das economías e das sociedades europeas, e permitirán afrontar os investimentos e as reformas precisas para avanzar de xeito equitativo e inclusivo nas transicións ecolóxica e dixital, aplicando os principios do piar europeo de dereitos sociais.

España é o Estado membro que vai recibir máis financiamento dos fondos do instrumento de recuperación. Polo tanto, proporcionan unha oportunidade extraordinaria para contrarrestar o impacto da pandemia sobre a actividade económica e o emprego, e, fundamentalmente, para impulsar a recuperación e abordar unha modernización da economía española que permita retomar a senda de progreso e prosperidade durante as vindeiras décadas.

Respecto aos recursos da política de cohesión 2021-2027, a Galicia correspóndelle unha asignación financeira similar á do período anterior 2014-2020, o que permitirá seguir a desenvolver medidas que contribúan á converxencia coas rexións máis avanzadas de Europa.

En definitiva, o uso eficaz e eficiente destes recursos europeos e a súa orientación a resultados serán clave para acadar os obxectivos que permitan mellorar as condicións de vida da cidadanía, tanto en Galicia como en España e no conxunto da Unión Europea.

5 BIBLIOGRAFÍA

Calvo, S. 2020. «Impacto do programa Next Generation EU en España: condicionalidade, retos e oportunidades dun acordo histórico», en Revista Administración & Cidadanía, 15(2): 441-476. Dispoñible en: https://egap.xunta.gal/revistas/AC/article/view/4616.

Comisión Europea. 2020. Plan de recuperación para Europa. Dispoñible en: https://ec.europa.eu/info/strategy/recovery-plan-europe_es (4-11-2021).

Comisión Europea. 2021. Política de cohesión 2021-2027. Dispoñible en: https://ec.europa.eu/regional_policy/es/2021_2027/ (4-11-2021).

DOUE. 2020. Regulamento (UE, Euratom) 2020/2093 do Consello de 17 de decembro de 2020, polo que se establece o marco financeiro plurianual para o período 2021-2027. Dispoñible en: https://www.boe.es/doue/2020/433/M00011-00022.pdf (12-11-2021).

DOUE. 2020. Regulamento (UE) 2020/2221 do Parlamento Europeo e do Consello do 23 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) n. 1303/2013 no que respecta aos recursos adicionais e as disposicións de execución a fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia de COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT UE). Dispoñible en: https://www.boe.es/doue/2020/437/L00030-00042.pdf (12-11-2021).

DOUE. 2021. Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello de 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Dispoñible en: https://www.boe.es/doue/2021/057/L00017-00075.pdf (12-11-2021).

DOUE. 2021. Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos Fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados. Dispoñible en: https://www.boe.es/doue/2021/231/L00159-00706.pdf (12-11-2021).

Ministerio de Facenda e Función Pública. 2020. Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Dispoñible en: https://www.hacienda.gob.es/es-ES/CDI/Paginas/FondosEuropeos/Fondos-relacionados-COVID/MRR.aspx (12-11-2021).

Notas

1 Todos os prezos se expresan en termos correntes, agás mención concreta aos prezos de 2018.

2 O Pacto Verde Europeo pretende transformar a UE nunha economía moderna, eficiente no uso dos recursos e competitiva, garantindo que se deixen de producir emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050 e un crecemento económico que estea disociado do uso de recursos sen que haxa persoas nin lugares que queden atrás.

3 Regulamento (UE) 2020/2221 do Parlamento Europeo e do Consello do 23 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) n. 1303/2013 no que respecta aos recursos adicionais e as disposicións de execución a fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia de COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT-EU).

4 Países cunha renda nacional bruta (RNB) per cápita inferior ao 90 % da media da UE-27.

5 A metodoloxía de asignación dos recursos globais por Estado membro figura no anexo XXVI do Regulamento de disposicións comúns 2021/1060.

6 O PIBpc en PPA de Galicia é do 82 % da media da UE-27 no período 2015-2017. No período 2014-2020, Galicia estaba dentro das rexións máis desenvolvidas, xa que o seu PIBpc en PPA no período 2007-2009 superaba o 90 % da media da UE-27, porcentaxe que diferenciaba as rexións en transición das máis desenvolvidas.

7 O dato de Galicia non inclúe a territorialización dos recursos asociados ao obxectivo de cooperación territorial europea.

8 Os territorios beneficiarios do FTX defínense a nivel de NUTS-3, polo que no caso de Galicia é a provincia da Coruña.