Revista Administración & Cidadanía, EGAP
Vol. 17_núm. 1_2022 | pp. 123-127
Santiago de Compostela, 2022
https://doi.org/10.36402/ac.v17i1.4960
© María Victoria Álvarez Buján
ISSN-L: 1887-0279 | ISSN: 1887-0287
Recibido: 19/07/2022 | Aceptado: 15/12/2022
Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License
Blockchain y automatización de procedimientos en la Administración pública
Blockchain and automation of procedures in the Public Administration
María Victoria Álvarez Buján
Doutora en Dereito, Persoal docente e investigador
Universidade Internacional da Rioxa
Avogada
https://orcid.org/0000-0001-5858-8984
victoriaalvarezbujan@gmail.com
Pablo García-Valdecasas Rodríguez de Rivera
El Consultor de los Ayuntamientos, Madrid, 2022
496 pp.
ISBN: 978-84-7052-900-9
A monografía obxecto de comentario é da autoría individual de Pablo García-Valdecasas Rodríguez de Rivera, doutor en Dereito e funcionario do Estado do Ministerio de Emprego e Seguridade Social (técnico de xestión de organismos autónomos, especialidade xurídica), que iniciou os seus estudos de doutoramento en 2018, centrándose na modernización das administracións públicas e no emprego de tecnoloxías de transformación dixital para a súa aplicación ao ámbito público. Ademais, o autor participou en proxectos de transformación dixital da Consellaría de Presidencia, en coordinación coa Axencia para a Administración Dixital de Madrid, Madrid Digital, asumindo as competencias de secretario xeral técnico da Consellaría de Presidencia1. Conseguintemente, posúe un perfil singularmente práctico, en atención á súa formación académica, traxectoria e exercicio profesional.
A era dixital é, sen ningún xénero de dúbidas, un dos retos máis desafiantes aos que a sociedade se enfrontou e, como tal, supón un novo campo de actuación para o dereito e os xuristas. Os progresos e as ferramentas tecnolóxicas como o blockchain, os smart contract, a intelixencia artificial e, en definitiva, a automatización de datos e a dixitalización do que ata agora era analóxico proporcionan unha serie de ferramentas que non poden ser ignoradas polo ámbito do dereito e cuxa aplicación se proxecta en diferentes esferas: a contratación electrónica, a mediación electrónica, a dixitalización do sistema de xustiza e tamén aspectos como a posibilidade de empregar sistemas de intelixencia artificial á hora de analizar se procede ou non impor unha medida cautelar. E neste contexto, obviamente, as administracións públicas non están á marxe, xa que son entes que teñen a necesidade de facer uso dos mecanismos tecnolóxicos coa finalidade de mellorar a súa operatividade, axilidade e eficiencia, aínda que con cautela, tendo en conta os riscos que o uso destes instrumentos pode xerar, entre outros aspectos, para o dereito á protección de datos de carácter xeral. Non podemos perder de vista que aplicar as posibilidades que nos brindan as novas tecnoloxías é un labor que debe ir da man do respecto e o cumprimento dos principios polos que se rexe o dereito administrativo e que conforman garantías para a cidadanía (nas súas relacións coa Administración) no marco dun Estado de dereito.
Nestes aspectos concentra precisamente a atención o autor cuxa obra é aquí obxecto de comentario, e así trata, por exemplo, cuestións como a de “asignarlle a un programa informático gobernado por un algoritmo a execución dunha tarefa, sen intervención de empregado público ningún”. Para levar a cabo este tipo de tarefas, cómpre conxugar o proceso de automatización por medio do uso das tecnoloxías cos elementos esenciais do dereito administrativo, como son a discrecionalidade, a responsabilidade patrimonial ou os conceptos de órgano administrativo e acto administrativo. En definitiva, abórdase nesta obra o proceso de transformación dixital no marco das administracións públicas, con todo o que iso implica, tanto desde unha óptica positiva (vantaxes e beneficios) como negativa (desvantaxes, riscos ou perigos).
A obra atópase axeitadamente estruturada en nove capítulos, ademais de introdución, conclusións e as pertinentes epígrafes de bibliografía, glosario terminolóxico, documentación, lexislación e xurisprudencia. O autor demostra un rigoroso manexo das fontes que utiliza para fundamentar o seu traballo, o que pon de relevo o seu bo facer investigador. E, chegados a este punto, correspóndenos sintetizar a continuación o contido esencial dos distintos capítulos que conforman a monografía.
No primeiro capítulo realízase unha aproximación a aspectos xerais do dereito administrativo global. Efectúanse delimitacións conceptuais, estúdase a evolución xurídica, as principais teorías, as críticas ás teorías dun dereito global e as alternativas no ordenamento xurídico actual.
A continuación, no segundo capítulo, descéndese xa ao estudo da Administración electrónica, examinando o seu concepto, orixes, delimitación xurídica, evolución da lexislación e facendo especial mención aos dereitos dos cidadáns fronte á interoperabilidade e harmonización entre administracións públicas. Este capítulo finaliza cunha aproximación ao concepto de “actuación automatizada da Administración pública”.
No terceiro capítulo, o autor concentra a súa atención no concepto de transformación dixital na Administración pública. Parte así da evolución conceptual de Administración electrónica a transformación dixital, o verdadeiro reto actual. Así mesmo, analiza a evolución conceptual no deseño das políticas públicas e os plans nacionais e internacionais, para abordar seguidamente a consolidación da transformación dixital nas administracións públicas, poñendo o acento na organización administrativa e nas políticas públicas.
O cuarto capítulo destínase á análise da tecnoloxía de rexistros distribuídos. Trátase aquí o ámbito conceptual, os elementos identificativos e a operativa de funcionamento. Deseguido, afóndase no blockchain, a súa relación co eido xurídico e a súa regulación. Como colofón do capítulo, o autor plasma unha previsión da evolución da utilización da tecnoloxía blockchain, froito da reflexión detida.
No quinto capítulo continúase o estudo do blockchain, examinando o seu uso, así como a aplicación da tecnoloxía de rexistros distribuídos a determinados ámbitos e sectores. En concreto, disértase sobre os procedementos administrativos de concorrencia competitiva, facendo especial fincapé na contratación do sector público e nos procedementos en materia de subvencións públicas. Igualmente, alúdese á identificación (mecanismos, regulación, funcionamento...) dos cidadáns ante as administracións públicas e inclúese un estudo sobre o intercambio de información entre administracións públicas de distinto ámbito competencial, territorial e material. Ademais, o autor detense aquí no exame do denominado documento electrónico (o seu formato, peculiaridades técnicas ou informáticas, etc.).
No capítulo sexto, continúase a liña de estudo dos dous capítulos anteriores, e así desenvólvese o relativo á habilitación legal da tecnoloxía de rexistros distribuídos e da tecnoloxía blockchain no dereito administrativo. Con particularidade, trátanse os aspectos diferenciables e elementos configuradores da tecnoloxía de rexistros distribuídos e da tecnoloxía blockchain.
O sétimo capítulo versa sobre a regulación do intercambio de información e asistencia mutua entre administracións públicas. O autor realiza aquí unhas primeiras aproximacións xurídicas, a xeito de reflexión académica, e céntrase en apuntar as novas oportunidades lexislativas que formula a temática en cuestión.
No capítulo oitavo lévase a efecto a análise sobre a protección de datos de carácter persoal e os dereitos dixitais, tomando en consideración os riscos e problemas que para estes pon sobre a mesa o uso dos avances tecnolóxicos e os sistemas de blockchain, intelixencia artificial, etc. Examínase así a normativa reguladora, a súa evolución e situación actual, para descender despois a unha análise xurídica da compatibilidade da normativa vixente coa utilización da tecnoloxía de rexistros distribuídos.
Finalmente, no capítulo noveno, como non podía ser doutro xeito, dada a súa importancia, trátanse, desde un prisma técnico, á par que crítico e práctico, os fenómenos do big-data, open data e cloud computing, que tantas interrogantes suscitan para a sociedade e os distintos operadores xurídicos.
En resumidas contas, atopámonos ante un traballo de máis de 400 páxinas que contén un estudo detallado e de notorio interese, por afondar nun tema de máxima actualidade e relevancia para as administracións públicas e, por extensión, para a cidadanía, que é o principal destinatario das súas políticas e actuacións. Indubidablemente, as novas tecnoloxías cambiaron e continuarán cambiando a forma na que as distintas administracións se relacionan e comunican cos administrados. O quid aquí, desde o noso punto de vista, reside en lograr que as sedes electrónicas das distintas administracións se deseñen e implementen de forma que poidan resultar operativas para calquera cidadán que teña un ordenador básico e conexión a Internet2. Para que a comunicación telemática coa Administración resulte operativa e non xere trastornos nin contratempos (que poidan redundar en prexuízos) á cidadanía, non poden orixinarse erros de servidor, problemas á hora de detectar os certificados electrónicos ou realizar as sinaturas dixitais, erros ao subir arquivos por exceso de cabida ou por exceso de caracteres, etc. Todo iso (que ata agora se produce lamentablemente con relevante frecuencia) provoca que o cidadán precise investir máis tempo en presentar unha instancia a través dun rexistro electrónico que acudindo a un rexistro presencial, o cal carece de sentido, sen esquecer a obriga das persoas xurídicas de comunicarse telematicamente coas administracións públicas, quedando “indefensas” ante fallos técnicos e expostas a que expire un prazo por problemas informáticos.
Tras ter salientado sinteticamente o contido global desta obra, non podemos finalizar a nosa recensión sen antes aconsellar a súa lectura, de teor académico e investigador, pero tamén práctico/empírico, o que a converte nun punto de referencia na materia que trata, de especial interese non soamente para os operadores xurídicos (ao abordar un tema directamente relacionado co funcionamento real da Administración pública e que propón retos regulativos para o dereito administrativo), senón tamén para calquera cidadán/a interesado/a en afondar nos desafíos que as novas tecnoloxías presentan no marco do dereito administrativo, co fin de poder coñecer como estes afectan á sociedade e ás relacións da cidadanía coa Administración. É obvio que as TIC provocan polémica e controversia, ao tempo que albergan oportunidades para lograr unha Administración máis áxil, resolutiva e operativa. O éxito da transformación dixital das administracións públicas dependerá de que se conxugue de forma apropiada a implementación, o manexo e a utilización das ferramentas tecnolóxicas e dixitais cos principios e as garantías do dereito administrativo.
Notas
1 É, ademais, director xeral de Transparencia e Atención ao Cidadán na Consellaría de Presidencia, Xustiza e Interior da Comunidade de Madrid.
2 E non pode ignorarse que, a día de hoxe, non todos os fogares e cidadáns no noso país dispoñen de ordenadores ou dispositivos informáticos nin de conexión a Internet, polo que é primordial que se poñan en marcha políticas públicas efectivas para lograr un achegamento real da tecnoloxía (polo menos básica) a toda a poboación.