Revista Administración & Cidadanía, EGAP

Vol. 18_núm. 1_2023 | pp. 115-135

Santiago de Compostela, 2023

https://doi.org/10.36402/ac.v18i1.5046

© Marisol Crego Freijido

ISSN-L: 1887-0279 | ISSN: 1887-0287

Recibido: 19/01/2023 | Aceptado: 22/06/2023

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

A convivencia xeracional no Estado de benestar mediterráneo: unha reforma urbana, sanitaria e dixital

La convivencia generacional en el Estado de bienestar mediterráneo: una reforma urbana, sanitaria y digital

Generational coexistence in the Mediterranean Welfare State: an urban, health and digital reform

Marisol Crego Freijido

Bolseira en materia de comercialización, transformación pesqueira e acuicultura

Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

Grao de dirección e xestión pública

Universidade de Vigo

marisol.crego.freijido@gmail.com

Resumo: Este artigo trata sobre a convivencia xeracional en Portugal, España e Italia. A partir dela propóñense unha serie de reformas para adaptar o modelo de benestar mediterráneo ás pirámides de poboación invertidas. As principais áreas que se abordarán son urbanismo, sanidade e dixitalización. Finalmente, realízase unha valoración destas en Galicia.

Palabras clave: Convivencia xeracional, urbanismo, sanidade pública, dixitalización, covivenda, atención primaria e cidadanía.

Resumen: Este artículo trata sobre la convivencia generacional en Portugal, España e Italia. A partir de ella se proponen una serie de reformas para adaptar el modelo de bienestar mediterráneo a las pirámides de población invertidas. Las principales áreas que se abordarán son urbanismo, sanidad y digitalización. Finalmente, se realiza una valoración de estas en Galicia.

Palabras clave: Convivencia generacional, urbanismo, sanidad pública, digitalización, covivienda, atención primaria y ciudadanía.

Abstract: This article is about generational coexistence in Portugal, Spain and Italy. It proposes a series of reforms to adapt the Mediterranean welfare model to the inverted population pyramids. The main areas to be addressed will be: urbanism, health and digitalisation. Finally, an evaluation of them is carried out in Galicia.

Key words: Generational coexistence, urbanism, public health, digitization, co-housing, primary care and citizenship.

Sumario: 1 Introdución. 2 Os cambios demográficos no Estado de benestar mediterráneo. 2.1 As novas reformas no Estado de benestar mediterráneo 2.1.1 Convivencia xeracional urbana. 2.1.2 Convivencia xeracional sanitaria. 2.1.3 Convivencia xeracional dixital. 2.2 A convivencia xeracional no sur de Europa. 2.2.1 Portugal. 2.2.2 Italia. 2.2.3 España. 3 A convivencia xeracional en Galicia. 4 Conclusións. 5 Bibliografía.

1 INTRODUCIÓN

Ao longo da historia, as cidades europeas contaron coas súas propias transicións e cambios que, por norma, adoitan estar relacionados co desenvolvemento dunha nova fonte de enerxía, con variacións na demografía e cos avances tecnolóxicos correspondentes á súa época. No século XIX imperou o carbón, o transporte ferroviario, a causa da invención da locomotora e o aumento da poboación grazas á redución das epidemias, xunto cunha mellora na alimentación1. Mentres, no século XX os cambios dominantes foron o petróleo, a xeneralización da electricidade e os acusados altibaixos de poboación debido, entre outras razóns, ás dúas guerras mundiais e á propagación de enfermidades como a gripe española ou o VIH. Agora ben, cales son as estimacións para o século XXI en Europa con respecto a estes tres aspectos? A resposta áchase nas transicións xemelgas, a verde e a dixital, intimamente conectadas cos impactos do cambio demográfico. Deste xeito, as enerxías renovables configúranse como as novas fontes de enerxía a explotar, a democratización da dixitalización nun proceso a desenvolver e as pirámides de poboación invertidas nun punto de inflexión para as sociedades europeas no seu conxunto, tras a estandarización das súas principais inquedanzas froito da globalización.

O sociólogo Ulrich Beck consideraba a globalización como aqueles “procesos que teñen como consecuencia que actores transnacionais se introduzan nas capacidades do poder, nas orientacións, identidades e redes dos Estados nacionais e da súa soberanía e pasen a través delas”2. A Unión Europea defínese como ese actor transnacional que comunica unha serie de directrices, co fin de abordar cuestións comúns aos Estados membros, determinando seis puntos clave na súa axenda 2019-2024, pola súa incidencia nos Estados de benestar:

1. O pacto verde.

2. Unha Europa adaptada á era dixital.

3. Unha economía ao servizo das persoas.

4. Unha Europa máis forte no mundo.

5. Unha promoción do modo de vida europeo.

6. O impulso á democracia en Europa3, centrándose este último punto nos cambios demográficos experimentados.

Non obstante, o contexto creado pola globalización non exceptúa a reclamación de actuacións que se axusten ás circunstancias particulares de cada país ou rexión. Por iso, a primeira parte deste traballo céntrase en como se ve afectado o Estado de benestar polo cambio demográfico e, en menor medida, polas transicións xemelgas mencionadas en Portugal, España e Italia, para posteriormente elaborar un diagnóstico a nivel mediterráneo e finalmente valorar a situación demográfica en Galicia, territorio protagonista da segunda parte.

2 OS CAMBIOS DEMOGRÁFICOS NO ESTADO DE BENESTAR MEDITERRÁNEO

A causa do progresivo envellecemento poboacional e a redución continuada da natalidade, igual que dos mozos adultos, no ano 2019 a Comisión Europea tomou a decisión de crear a Vicepresidencia para a Democracia e Demografía, que supervisa o mapa estatístico demográfico da UE e elabora o Libro verde sobre o envellecemento4. Grazas a iso, o actor transnacional observa a evolución destas materias nos Estados de benestar mediterráneos (Portugal, España, Italia e Grecia) que contan cunha serie de trazos comúns arredor dos seus valores, estruturas institucionais e historia debido, entre outros motivos, á durabilidade das súas ditaduras durante o século XX, o que propiciou a construción tardía do seu Estado de benestar, diferenciándoos do resto de Europa5. Por esta razón, as directrices provenientes da Unión son interpretadas de forma específica nestes países, onde as políticas pasivas son predominantes e a familia é o eixe do sistema, de aí que os efectos das novas tendencias demográficas –diminución da taxa de natalidade, incremento da esperanza de vida ou a despoboación rural– inflúan en maior medida sobre eles.

No caso de España, as directrices europeas tomaron forma a través do reto demográfico, unha idea complexa cuxas áreas de atención son as pensións, o mercado de traballo e o equilibrio do sistema sanitario, co propósito de cubrir as demandas dunha sociedade cada día máis envellecida6. Tamén lle son de interese a busca dunha transición verde e dixital que manifeste o compromiso cos dereitos humanos emerxentes, froito do auxe de determinados movementos sociais ou de modificacións na conciencia e estilo de vida da sociedade europea, para pór en práctica unha serie de reformas que dean resposta aos novos desafíos sen socavar a calidade do futuro benestar mediterráneo.

2.1 As novas reformas no Estado de benestar mediterráneo

Antes de internarnos na estrutura dunhas posibles reformas, resulta indispensable explicar a razón que dá lugar ao seu enfoque. Como se mencionou, o mundo somérxese nunha constante evolución, a cal, pola súa vez, se atopa interconectada con novas comprensións sobre os dereitos humanos. É así como Karel Vasak7 desenvolveu, na década dos 70, unha clasificación xeracional destes fortemente criticada pola súa excesiva xerarquización, reducionismo histórico e por vincular os dereitos humanos a eventos históricos observados como lineais8. Deste xeito, xorden en contraposición liñas de pensamento como a descrita por Gloria Ramírez Hernández, quen sinalou como os emigrantes, os residentes ilegais e indíxenas son apartados do desfrute desta clase de dereitos en América, ou a de Marie-Bénédicte Dembour, en 2010, quen avogou pola teoría das escolas para concibir os dereitos humanos9. Estas vertentes descartan relacionar tales dereitos a un progreso histórico universal, pero si os consideran máis inherentes ao concepto de cidadanía, interpretado como unha mera “construción social, unida desde sempre á progresiva adquisición de dereitos, por parte dos membros dun Estado10. Estes quedan reflectidos nos textos constitucionais por medio dos coñecidos como dereitos fundamentais, que contan cunha estrutura de protección multinivel e, a partir dos cambios orixinados na conciencia e no estilo de vida, foron reinterpretados. Algúns deles pasaron a ser valorados de primeira orde a pesar de ser, na súa orixe, de baixa protección.

É así como, a excepción de Italia, a redacción das constitucións mediterráneas tivo lugar a finais do século XX e, a pesar de ter como paradigma os modelos europeos que expresaban unha reducida relevancia aos dereitos fundamentais de terceira orde11, incorporáronse tras emanar e facerse cada día máis vixentes na axenda, tanto política como pública, do sur de Europa. Un reflexo diso é a Constitución portuguesa de 1976, que no seu artigo 66 sinala o seu gran compromiso ambiental12, proba de como os novos requirimentos foron valorados.

En consonancia co descrito, proponse un programa de reformas que integra os novos reclamos, como o serían o dereito ao medio ambiente, á saúde, á cidade ou á era dixital, xa que a súa democratización aspira a mitigar a principal consecuencia da demografía actual: a desigualdade entre xeracións. Este traballo propón entón unha actuación cunha distribución multinivel de goberno13 de acordo coa descentralización dos Estados do sur de Europa, onde as reformas a afondar son a convivencia xeracional urbana, sanitaria e dixital. A través delas preténdese aceptar, así como adaptar, o sistema ás tendencias demográficas14 que se experimentan ou se estima experimentar en Europa nos próximos anos, non loitar en si contra elas. Polo tanto, as cidades son o escenario central das reformas, xunto coa creación dunha convivencia interxeracional do uso e desfrute dos servizos públicos, o que se antepón a enfocar as vindeiras políticas públicas cara a un mero impulso demográfico que estimule unicamente a taxa de natalidade.

2.1.1 A convivencia xeracional urbana

Desde a década de 1950, a concentración da poboación en grandes centros urbanos dispárase e, segundo o informe World Cities Report 2022 Envisaging the Future of Cities de ONU-Habitat, esta tendencia seguirá á alza con independencia da pandemia de 2020, concluíndo que o 75 % da poboación mundial (8 mil millóns de persoas o 15 de novembro de 202215) vivirá en grandes metrópoles16 en 2050. Dado que os estudos acerca da calidade do benestar se proxectan sobre as cidades17, resulta coherente que se inicie unha nova estrutura destas, por medio do chamado urbanismo social, que integre todos os grupos xeracionais, coa finalidade de superar o urbanismo de mercado do século pasado, centrado tanto nos vehículos de motor como na poboación activa, cuxa continuidade18 excluíu do plano urbanístico a nenez e a vellez. Deste xeito, resulta imprescindible limitar a circulación viaria, pois exponse como un factor restritivo. Baseándose nesta idea, emana o crono-urbanismo, que establece un período máximo de 15 minutos de traslado, a pé ou por medio dun vehículo non intrusivo, a calquera servizo considerado básico19: atención sanitaria ou administrativa, tendas de comestibles, educación, cultura ou pequenas zonas verdes e de lecer. A súa aplicación debe expandirse tamén cara ás áreas metropolitanas, cuxo desprazamento a algúns servizos adoita ser maior.

Conforme o exposto, xérase unha compresión do que se coñece como conciencia do medio ambiente construído (MAC)20, un modelo de aprendizaxe que estimula a visión do plano urbanístico, ao aprender a desenvolverse nel e a canalizar un desenvolvemento cognitivo por medio das emocións que producen tanto a arquitectura como a distribución do contorno. Aspírase a contribuír con iso a unha inserción máis temperá na actividade urbanística, pois en termos de capacidade poderíase iniciar a independencia de mobilidade pola cidade entre os 7-12 anos, ademais de formar un cidadán adulto implicado e consciente do MAC co fin de incrementar o civismo social21.

En canto á presenza da poboación anciá, búscase concederlle autonomía, á par que sociabilidade, entre ela e coas demais xeracións, ao dispor áreas de asistencia sanitaria non só próximas, senón tamén compatibles co desfrute dun estilo de vida comunitario. Preténdese configurar un sistema de coidados que non reclúa os maiores nos seus fogares, residencias e/ou hospitais para desalentar o exceso de protección ou dependencia, ademais do abandono social22. É así como gaña popularidade o proxecto da covivenda pola súa compatibilidade coa idea da convivencia xeracional urbana, pois entre as súas vantaxes aparece o fomento da peonalización, das zonas verdes e, sobre todo, a mitigación do illamento dos que padecen unha condición de dependencia, viven sós ou se senten sós23. Deste xeito, inspírase os seus membros a seren partícipes na toma de decisións das zonas compartidas e xérase un sentimento de comunidade24 que frea as emocións desencadeantes da depresión ou da ansiedade, cada vez máis frecuentes en distintas franxas de idade dentro da UE25. Por conseguinte, esta clase de proxectos non deben asociarse coas residencias para maiores, porque na covivenda referéndase o dominio ao espazo público por aumentar a participación cidadá, a causa dunha compresión do MAC, circunstancia que nas residencias non se produce.

De igual forma, de nada serve promover esta clase de ideas se persiste unha masificación constante de persoas a causa da turistificación, escena representativa dos países mediterráneos, onde a ausencia de enfoques proactivos cara ao turismo desencadeou un rexeitamento por parte da poboación local cara aos visitantes polo impacto negativo ocasionado na vida cotiá: interromper os horarios de descanso; transitar polas zonas monumentais da cidade; incrementar os custos de vida, con especial mención aos alugueiros; deteriorar o modelo laboral ao incentivar o emprego estacional de baixa calidade; etc.

En conclusión, o urbanismo do sur de Europa debe superar a conversión do turismo como núcleo do seu deseño e, en contraposición, fomentar o dereito á cidade, é dicir, o seu desfrute ademais do dereito na cidade26, que vén ser a disposición desta para os seus habitantes.

2.1.2 Convivencia xeracional sanitaria

Por medio do urbanismo social, expúxose a importancia de aproximar o acceso a determinados servizos públicos, como a sanidade. Non obstante, non debe confundirse isto coa aproximación á saúde, idea que, tras o colapso dos sistemas sanitarios en 2020, debido á COVID-1927, comezou a gañar certo recoñecemento e expuxo á medicina preventiva como a rama sanitaria encargada de potenciala mediante a promoción de condutas saudables e a detección precoz de posibles doenzas/enfermidades para evadir ou minimizar os seus efectos máis adversos, tanto no sistema como na poboación. O seu punto de partida é o relanzamento28 da atención primaria, que quedou obsoleta e precisa priorizar os coidados sobre a cura, a través dun cambio en e cara ao pensamento sanitario29.

Por este motivo, fomentar hábitos saudables, remediar pequenas doenzas a tempo ou vixiar posibles enfermidades de padecemento común convértense nas áreas ás que dirixir o investimento público co propósito de reducir as incidencias na atención terciaria, aquela na que o paciente precisa dun tratamento co que combater a súa enfermidade ou doenza30. Esta última área adoita ser a máis criticada por asociar a súa alta ocupación e desbordamento por parte da poboación máis adulta, escenario visto como un dos maiores desafíos aos que se enfronta o sistema público31. É aí onde a medicina preventiva xoga o seu papel ao vincular o aumento da esperanza de vida cun incremento da súa calidade, non cunha deterioración desta unha vez cumpridos os 65 anos. Poténciase entón unha xestión dilixente que anticipe un maior tratamento das enfermidades crónicas máis xeneralizadas32: hipertensión, colesterol alto, alerxias, artrose, depresión e ansiedade33 e das enfermidades non transmisibles causantes de morte, como os tumores de pulmón, larinxe e boca; a cardiopatía isquémica, e as enfermidades do sistema respiratorio, das cales se espera notoria incidencia nun futuro polos efectos nocivos do cambio climático e da contaminación. Grazas á medicina preventiva, avívase o respecto á saúde desde idades temperás, conduta que fai os cidadáns conscientes da súa integración no sistema de coidados34, o que dirixe o benestar da sociedade cara a unha saúde comunitaria, definida pola OMS como “o proceso en virtude do cal os individuos e as familias asumen responsabilidades en canto á súa saúde e benestar propio e os da colectividade e melloran a capacidade de contribuír ao seu propio desenvolvemento e ao comunitario”.

Agora ben, a estrutura dos coidados é peculiar nos países mediterráneos. Como se mencionou con anterioridade, a familia é o eixe do modelo e iso ten como consecuencia directa que velar polos maiores, menores e persoas con algunha clase de dependencia sexa responsabilidade do seu núcleo familiar, polo que abundan os coidados informais desempeñados polo sector feminino da poboación ou, no seu defecto, por cidadáns extracomunitarios35 sen formación especializada. Ante este panorama, cabe matizar como a popularización desta clase de coidados en anciáns non obedece a unha preferencia, senón que os poderes públicos son os percibidos como os verdadeiros axentes de protección social fronte a estas realidades, polo que xorden ante a debilidade da asistencia xeriátrica pública36, razón pola que se demanda unha maior profesionalización dos coidados37. Segundo os datos recompilados en 2020 pola Vicepresidencia para a Democracia e Demografía, espérase que o sector da asistencia sanitaria xere ao redor de 8 millóns de postos de traballo na seguinte década. Por conseguinte, resulta primordial, por un lado, dotar de especialización e recursos este ámbito co fin de que poida afrontar a súa futura poboación diana e, por outro lado, facer partícipe esa poboación na medicina preventiva coa intención de converter os coidados no piar dos sistemas sanitarios.

2.1.3 Convivencia xeracional dixital

Desde a popularización do concepto de goberno aberto durante a primeira lexislatura de Barack Obama38, a dixitalización dos procesos de participación cidadá converteuse no punto de mira nas democracias representativas occidentais. Con ela búscase resolver a desafección política que perfeccionou a atmosfera para a xa presente extrema dereita e caracterizou a cultura política dos países do sur de Europa, cuxo liderado público e institucións deben ser reformulados en patrocinio da transparencia e a proximidade con e para os seus cidadáns. Dito isto, concibir a dixitalización como única resposta de reconciliación entre as disparidades protagonizadas pola Administración e a cidadanía supón unha lectura superficial do problema, polo que se debe acudir ao que se cre, segundo os parámetros deste traballo, a orixe da distancia: o persoal empregado público. No informe Government at a Glance 2021 da OCDE, Italia, España, Grecia e Portugal (nesa orde) defínense por teren o maior corpo público envellecido, a menor porcentaxe de funcionarios e o menor recrutamento proactivo, situándose por debaixo da media da OCDE. Todos estes factores configuran a imaxe estancada do aparato público, en vista do perfil dos seus integrantes. É preciso dotar de dinamismo e innovación a función pública, remodelando os seus métodos de acceso, pero sen perder os reforzos positivos inherentes ao persoal de máis idade, como o sería a experiencia. Deste xeito, ínstase desde este traballo a congregar unha convivencia xeracional na Administración pública para asentar unha dixitalización efectiva tanto a nivel interno (entre o seu persoal) como externo (entre o seu persoal e a sociedade).

Con todo isto, nos países do sur de Europa a dixitalización preséntase como un fenómeno dispar, máis alá do seu persoal empregado público. España constitúe a referencia en madureza dixital, feito que provocou que en Italia se revisase a lexislación sobre Administración dixital e electrónica conforme os parámetros españois. Así mesmo, Portugal posiciónase tamén por enriba da media europea39 debido, en gran medida, aos pactos celebrados nos cumios hispano-portugueses, baixo os cales se conseguiu que o número de instalacións con fibra na península Ibérica supere ao de países como Alemaña ou Francia40 e que ascenda, a unha calidade media-alta, o grao de alfabetización dixital das súas sociedades. Este último dato é o que mellor representa os avances dixitais nos dous países, porque no ano 2020 se situaban por debaixo da media e en moi pouco tempo superárona41.

Malia todo, persisten aspectos que entorpecen a transición e integración dos medios dixitais na sociedade, pois o capital humano referente a expertos na área resulta escaso, escenario que desencadea unha fenda entre a sociedade e a Administración por non seren capaces de compenetrarse, igual que entre as diversas xeracións, xa que levar adiante procedementos desta índole non está ao alcance de todos e existe moi pouco persoal encargado de auxiliar e instruír tanto os funcionarios como a poboación. Polo tanto, entorpécese o exercicio dunha serie de dereitos consecuentes coa dixitalización, pois non se acaba de gozar das súas vantaxes no día a día42.

2.2 A convivencia xeracional no sur de Europa

Unha vez expostas as posibles reformas, é conveniente realizar un diagnóstico destas para asentar as valoracións que, tendo en conta como a conxuntura demográfica pon en xaque o futuro do benestar mediterráneo e a súa estabilidade financeira, esperen atenuar a situación que caracterizou a feble resistencia dos países obxecto de estudo.

2.2.1 Portugal

Tras a difusión do urbanismo sostible por parte da Axenda 2030, volvéronse máis frecuentes no país veciño os estudos sobre un deseño da cidade centrado nas necesidades das persoas. Non obstante, a vixencia da circulación viaria ao elaborar as políticas urbanísticas impera en pequenas cidades como Aveiro e, sobre todo, na capital do país, Lisboa43. Por esta razón, propíciase o tránsito a pé a través das chamadas pasaxes urbanas44, espazos públicos que acurtan o desprazamento e enlazan zonas do plano urbanístico divididas. Trátase dunha medida xa existente, pero de escaso uso porque son zonas pouco iluminadas, con mala fama ou, no seu defecto, privadas, non públicas, polo que, coa intención de facelas de desfrute común, se subvenciona a súa construción ao rehabilitar un edificio situado no centro urbano45. Mediante as pasaxes, o acceso a calquera punto da cidade vólvese directo á par que rápido, combate o sedentarismo e garante o dereito á cidade para todos os grupos de idade, en canto a termos de mobilidade, xa que en materia de vivenda a circunstancia cambia. Actualmente prima a construción tradicional46, e a oferta en vangarda arquitectónica, arredor da convivencia entre xeracións, resulta pouco próspera, pois fináncianse as chamadas vivendas colectivas, que, malia a súa finalidade comunitaria47, nesgan os seus ocupantes segundo a idade, parecéndose máis ás residencias de estudantes ou de maiores que a proxectos de covivenda.

En liña con estas reformas, toca valorar tamén os avances dixitais que desde o ano 2008 foron obxecto de modernización recorrente, a partir das políticas de austeridade xeradas pola crise financeira do momento, desde a cal se considerou a dixitalización como a ferramenta controladora do gasto público sen damnificar a calidade dos servizos prestados48. Con todo, a precariedade do benestar en Portugal acentuouse, a ollos dos seus cidadáns, entre os anos 2012-2017, período de frecuentes manifestacións sociais en contra da austeridade reinante. Tivo que esperar a 2022 para rexistrar unha pequena melloría a través do denominado capitalismo de sardiña49, fenómeno que mostra o país veciño como un paradigma de crecemento económico e estabilidade financeira grazas á súa innovación na xestión da inmigración, o investimento estranxeiro ou os coidados sanitarios50. En discrepancia con esta percepción, áchase a opinión pública portuguesa, que, tras observar a baixa cobertura na atención primaria e as urxencias51, froito da marcha dos especialistas ao sector privado ou a outros países, lles atribúe aos servizos públicos unha falta de equilibrio e calidade52, criterio reforzado polo subliñado no informe de Características e indicadores de salud 2019 do Ministerio de Sanidade de España, o cal recompila información dos Estados membros da UE, a partir dos datos extraídos da Comisión Europa, a OCDE e a OMS. Esta última visión do panorama luso pode ser considerada a menos favorecedora, pero son numerosos os estudos que afirman como a ausencia de coidados ao modelo democrático desencadea un sistema de partidos baseado nun pluralismo polarizado53, onde as ideoloxías de extremos son asiduas e apoiadas polos que se manifestan desconformes co funcionamento ou calidade dos servizos públicos54. Aínda que a temática deste traballo non xira arredor da análise da política mediterránea do momento, cómpre sinalar como o descontento e a desafección política dalgúns cidadáns erixiron o partido de extrema dereita Chega! como terceira forza parlamentaria, tras as eleccións xerais de 2022, con independencia da maioría absoluta do Partido Socialista. Por iso, a suba de Chega! pode ser un indicador dunha relación Administración-cidadanía defectuosa, pois a chegada ás institucións públicas de partidos con esta ideoloxía constitúe unha alerta para os que avogan pola conservación e coidado do modelo democrático.

2.2.2 Italia

A diferenza de Portugal, as fontes consultadas achegan información máis homoxénea no caso italiano. Indicadores como eGovernment Benchmark 2022 da UE, Government at a Glance da OCDE ou o Índice mundial sobre a innovación na saúde de FREOPP 2021 posicionan o país mediterráneo por debaixo das medidas estipuladas nas institucións citadas ou cunha valoración modesta en canto ao seu progreso administrativo, dixital, sanitario, reiterando o diagnóstico na área urbanística descrita de difícil solución55.

Con todo, tamén existen proxeccións alentadoras, pois, grazas á disposición territorial descentralizada, tiveron cabida iniciativas urbanísticas alleas ás intermitentes reformas do Goberno central, situadas en Milán e Matera, unha pequena localidade do sur. Ambas as dúas caracterízanse polo seu compromiso co desenvolvemento sostible, o que as leva a actuar cun predominio da visión ambiental sen eximir a súa dedicación aos espazos dinámicos e funcionais para a súa poboación. É así como estes deseños urbanísticos instan a que os elementos que configuran as cidades (enténdase por tal as beirarrúas, farois, formas de edificar...) calmen as vindeiras desavinzas climáticas56. Ordénase, xa que logo, crear zonas verdes co obxectivo de dotar de sombra e reducir a calor, froito do aumento das temperaturas que se espera experimentar en 202657, ou equipar as beirarrúas cun pavimento filtrante que asegure o tránsito a pé, ademais de actuar como medida preventiva ante o risco de inundacións por chuvias torrenciais58. De igual xeito, pero nunha escala menor, Tavernes e Penne, localidades da rexión de Pescara, iniciaron a finais de 2022 un pacto polo clima e a enerxía para enfocar os seus esforzos de ordenación do territorio en accións proactivas contra incendios e inundacións coa aspiración de repercutir, pola súa vez, positivamente sobre a seguridade e o benestar das súas poboacións, tendo en conta as consecuencias prexudiciais do cambio climático sobre a saúde das persoas.

En liña coa valoración da saúde, é innegable como o indicador sobre a esperanza de vida en Italia se acha entre os primeiros postos da UE, pero, como se mencionou no apartado da convivencia xeracional sanitaria, o indicador que realmente achega información sobre a saúde das persoas é o da súa calidade e, no informe Características e indicadores de salud 2019, citado nas valoracións sobre Portugal, sitúase Italia entre os países con mellores anos de vida saudable da súa poboación. Ante estas afirmacións, un pode crer alta a prosperidade do sistema sanitario italiano, pero trátase dunha suposición errónea e desmentida pola propia poboación do país, que cualificaba de baixa a calidade do servizo no ano 2017, igual que FREOPP no seu informe de 2021. É así como o Goberno central procurou, a través de reformas lexislativas, remediar as críticas e baixas valoracións do sistema sanitario nacional, destacando a Lei sobre seguridade do paciente e responsabilidade médica. A dita lei proxectaba prover de mellor atención sanitaria os usuarios, finalidade que, unha vez transcorrido certo tempo desde a súa vixencia, se produciu de forma dispar porque as rexións do norte, como Toscana, melloraron as súas puntuacións, a diferenza das do sur, que manteñen unha capacidade case nula ao respecto59.

En función do exposto ata o momento, quedan claros os desequilibrios entre as rexións do país, e a precariedade da dixitalización convértese en materia de xuízo común. De acordo coas fontes consultadas, o avance dixital en Italia é case inexistente, situación que, como se describiu no anterior apartado, xera un descoido do benestar que necesita de constantes renovacións para a súa conservación. Desatender a relación Administración-cidadanía fai visible a debilidade do modelo democrático por non outorgar un servizo dixital competente acorde cos tempos que afiance e garanta o vínculo cos poderes públicos, o que deriva, segundo a postura deste traballo, nunha canalización do descontento popular representada pola vitoria de Giorgia Meloni, líder do partido de extrema dereita Fratelli d’Italia60, nas eleccións xerais de 2022. Ese triunfo electoral auspiciou certo receo, pero non temor no panorama internacional; proba diso foi a estabilidade da bolsa tras as eleccións. Posiblemente a presenza do centro-dereita (Forza Italia) nalgúns ministerios clave constituíu unha decisión que puido ser interpretada como unha mensaxe de prudencia de cara á UE, actor que non cesa de analizar a proliferación das ideoloxías de carácter extremo dentro das súas fronteiras e avalía detidamente a súa evolución por medio da súa axenda 2019-2024, co fin de coñecer o alcance do euroescepticismo nos próximos anos61.

2.2.3 España

As recentes perspectivas acerca do urbanismo en España obedecen en gran medida ás inquietudes orixinadas polo desenvolvemento sostible, igual que en Portugal e Italia, polo que o punto central das políticas urbanísticas é o medio ambiente, orientado á ampliación das zonas verdes e o uso de enerxías renovables, como na ecocidade de Sarriguren en Navarra ou na iniciativa cidadá da Pinada en Valencia, que garda certa semellanza coa idea de covivenda polo compromiso e participación dos seus integrantes a moldear o barrio á súa vontade e criterio. Nos dous proxectos incentívanse o desprazamento a pé, os espazos verdes como hortas ou teitos axardinados, os mecanismos de xestión eficiente de recursos naturais como a auga e a arquitectura sostible, edificacións que xeran a súa propia enerxía e se compoñen de materiais reciclados e/ou reciclables. Esta clase de iniciativas extrapólanse a urbes como Madrid ou Barcelona co propósito de equilibrar a chamada saúde urbana62, deteriorada polo crecemento descontrolado das cidades, os efectos nocivos da contaminación e a ausencia de políticas ecorresponsables no uso dos recursos. Estas razóns ocasionan a elaboración de políticas, por parte do Goberno central, para atenuar as desavinzas urbanas de acordo cun desenvolvemento territorial equilibrado, obxectivo vertebrador do chamado reto demográfico, un plan que pretende remediar a despoboación nas zonas rurais e cidades medias63. Tamén destaca a estratexia nacional España 2050, que enuncia entre os seus fundamentos a preparación do Estado de benestar para unha sociedade lonxeva ou unha distribución territorial sostible, xusta e non concentrada en grandes centros urbanos. Trátase de plans de reestruturación cuxos puntos de atención son múltiples, pero intimamente conectados aínda que acoutados.

Abordar a demografía no estudo do Estado de benestar por parte das estratexias gobernamentais resulta pertinente coa liña deste traballo. Aínda así, as materias a atender adoitan ser as articuladas nesta clase de análise, é dicir, a estabilidade do sistema de pensións e da sanidade pública, vértices dos discursos en favor da privatización da xestión dos servizos públicos e o decrecemento do Estado64. Deste modo, o urbanismo é unha área incorporada na estratexia gobernamental, pero ligada aos parámetros ambientais, non ao perfeccionamento do futuro Estado de benestar ante a pirámide de poboación invertida, feito que restrinxe a capacidade de combater as desigualdades urbanas imperantes.

Dentro da fenda urbana, a saúde e a dixitalización son elementos cuxas direccións marcadas para a súa instauración tamén relegan o factor humano ao priorizar as repercusións sobre o contorno, non sobre as persoas. Por que se enuncia esta afirmación? Basicamente porque en materia sanitaria se fai fincapé na redución dos índices de elementos perniciosos para a saúde como o CO2, en favor de incidir primeiro na atmosfera e en segundo lugar sobre a saúde, área que se converte nun beneficio colateral malia dispensar información crucial sobre a prosperidade do benestar. A calidade da saúde das persoas maiores de 65 anos en España supera amplamente a de Portugal e Italia65, situación que resulta curiosa, pois no informe FREOPP 2021 indícase o escaso investimento en ciencia e tecnoloxía, ademais de etiquetar de moderada a calidade do servizo sanitario. Probablemente este último dato obedece á persistencia dos recortes debido aos altibaixos provocados polas crises periódicas sucedidas desde o ano 2008 no modelo de saúde público e na estabilidade fiscal e financeira do país. Baixo este panorama, non se consolidan as prestacións sanitarias, acción que denota a incorrecta aptitude do modelo. Desde a perspectiva deste traballo, considérase que de nada serve brindar unha prestación para logo perdela ante a falta de recursos económicos e humanos, escenario aparentemente coherente coas valoracións tanto dos profesionais sanitarios como da poboación, que, desde o ano 2013, cualifican de moderada a calidade percibida na atención sanitaria pública66 e que, tras a COVID-19, non cesou de ser detidamente analizada co fin de reclamar cambios lexislativos, así como un aumento de persoal e medios67. O mesmo sucede en materia dixital ao delimitar o obxectivo á substitución dos medios tradicionais polos dixitais para reducir o impacto ambiental, non polas oportunidades de mellora que poden xerar na vida das persoas, pois, aínda que España se alza como o país con mellor madureza dixital68, a provisión de especialistas é pequena, segundo o enunciado no informe DESI 2022.

Finalmente, en consonancia coa cultura política do mediterráneo, España tamén experimentou a entrada da extrema dereita, tanto a nivel autonómico como estatal, o que retoma a pouca salvagarda de modelo democrático de fragmentación despolarizada, é dicir, sen graves impulsos centrífugos que impliquen unha tendencia cara ás ideoloxías de extremos69, idea avalada no informe A court sandoff in Spain leads to wild talk of a “coup”, no cal se sostén que España vive unha tesitura institucional débil70.

3 A CONVIVENCIA XERACIONAL EN GALICIA

Unha vez declaradas de maneira xeral as valoracións sobre a prosperidade da convivencia xeracional en Portugal, Italia e España, é hora de afondar sobre a situación do indicador proposto en Galicia.

En materia urbana, a comunidade autónoma destacou, no ano 2010, pola súa iniciativa local de cohesión social, a través do reequilibrio urbano das súas sete cidades máis representativas, proposta ralentizada pola complexidade dos requisitos presentes no procedemento de elaboración e aprobación dos plans urbanísticos71 e o tamaño medio das cidades72. Adicionalmente, únese aos supostos inconvenientes galegos o crecemento poboacional irregular, que se manifesta ascendente en Vigo e A Coruña, nesa orde, igual que en Lugo, Pontevedra e Santiago de Compostela, mentres que decrece tanto en Ferrol como en Ourense73. Polo tanto, de cara a dirimir os altibaixos demográficos, procúrase con este traballo expor a validez das cidades medias galegas ao enumerar as súas vantaxes intrínsecas: estilo de vida aparentemente pausado grazas ás distancias curtas para acceder a servizos básicos, acceso á vivenda factible74 e rendición de contas de carácter veciñal, ante a proximidade dos poderes públicos, situación que incrementa a participación cidadá tanto a nivel social como político. Deste xeito, para conservar e atraer novos residentes, á marxe de demandar unha reconsideración da normativa urbanística, este traballo propón dotar dunha serie de mecanismos de reforzo cos que ocasionar unha convivencia xeracional en todas elas. Resulta imprescindible, para iso, solucionar as desavinzas detectadas e que se fan eco entre a poboación residente, como sería a regulación do sector turístico, pois en Santiago de Compostela, a causa do Camiño de Santiago, ou en Vigo, durante o Nadal, o fluxo de turistas levou consigo unha cesión do dereito á cidade pola afluencia de persoas nas zonas de valor monumental ou no centro, a conversión de vivendas da zona urbana en apartamentos vacacionais ou a multiplicación de negocios cuxos destinatarios directos son os turistas, non a poboación local. Todo iso congrega unhas características que deterioran a calidade de vida que se desexa proxectar sobre as cidades medias.

Máis alá da disposición urbanística, variables como o mercado laboral, a sanidade, a inclusión de toda a poboación no espazo público ou o desenvolvemento tecnolóxico e dixital son considerados para analizar e avaliar a calidade de vida nas cidades. En correspondencia con eles, faise mención á situación sanitaria galega, cuxo modelo sanitario experimenta un período de desavinza, xa que poboación e Administración non consensúan sobre a desaparición da atención primaria en localidades de tamaño inferior ao das cidades medias. Nelas concéntranse as prestacións sanitarias e, malia iso, existe escaseza de médicos de familia e especialistas. Este contexto conduce a que o pouco persoal en activo se vexa sobrecargado, tal como sentencia o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en decembro de 2022, na súa ST 05354/2022 da Sala do Social, como tamén sinala a necesidade de revisar as medidas relativas á prevención de riscos laborais do sector para non descoidar a principal entrada do sistema sanitario, a atención primaria. Como se mencionou no apartado de convivencia xeracional sanitaria, o cambio do pensamento sanitario debe xirar cara aos coidados da poboación. Por iso, a Consellería de Sanidade publicou no ano 2014 a chamada Estratexia Sergas 2014. A sanidade pública ao servizo do paciente, pois o envellecemento da poboación galega lidera rankings nacionais e internacionais desde hai anos. Desta forma, confírmase a actitude proactiva dos poderes públicos da comunidade autónoma ao detectar a demografía de pirámide invertida como un futuro prexuízo ao benestar, aínda que a persistencia do peche dos centros primarios, froito da despoboación rural, orientou o sistema sanitario cara a unha crispación protagonizada polos profesionais sanitarios, os cales atenden un número indebido de pacientes durante longas xornadas. Esta situación deriva nun desgaste xa non só da calidade do servizo, senón tamén do benestar dos especialistas.

En consonancia coas variables onde se detecta unha perda de calidade, Galicia é un dos territorios que se atopan por debaixo da media estatal en canto a materia dixital, segundo o exposto polo Consello Xeral de Economistas no seu informe sobre a competitividade e dixitalización das rexións españolas en 2022. As áreas que evidencian a baixa cualificación obedecen á insuficiencia de persoas, dentro da comunidade autónoma, con habilidades dixitais por enriba das básicas, variable pola cal existe, pola súa vez, pouco persoal con habilidades de comunicación avanzadas ou con capacidade de resolución de problemas tecnolóxicos/dixitais complexos75. Á marxe da carencia de especialistas TIC, os recursos materiais dixitais tamén mostran un déficit, xa que o acceso á banda larga fixa por redes de cable ou de fibra óptica, tanto en fogares como en empresas, é limitado. Ademais, a creación e uso de páxinas web para comercializar ou dar a coñecer un negocio son baixos, posiblemente porque, igual que sucede coa comunicación cidadanía-Administración pública, os medios dixitais son de reducida aplicación.

4 CONCLUSIÓNS

As valoracións referentes á instauración dunha convivencia xeracional nos países do sur de Europa son particulares. En Portugal resultan ambiguas, xa que diversos índices postulan conclusións aparentemente dispares. Por un lado, a UE proclama Lisboa cidade verde europea en 2020. A ese feito engádenselle os positivos informes acerca da súa esfera dixital, como o informe DESI 2022. Desde outro ángulo, pero baixo o mesmo prisma, o índice mundial sobre a innovación na saúde de FREOPP sitúa Portugal dentro dos países cunha boa calidade en sanidade e dixitalización, pero as análises da OCDE ou mesmo as diversas mobilizacións sociais realizadas durante a época de austeridade dan a entender outro punto de vista. Non obstante, ao afondar na lectura da bibliografía consultada, considerouse que se pode enunciar como os avances e ideas chegan a pórse en práctica, razón que avala as súas boas valoracións nos índices nomeados, pero existe un factor humano que non acaba de terse en conta á hora de deseñar as políticas públicas, xa sexa en materia urbana ao orientar as medidas principalmente cara ao impacto da pegada ecolóxica, desconsiderando o desigual dereito á cidade que subsiste entre xeracións. O mesmo acontece en materia sanitaria por enfocarse soamente na súa dixitalización e en materia dixital pola súa omnipresenza, pero con limitada disposición cara á cidadanía. Considérase oportuno enunciar un tímido desenvolvemento da convivencia xeracional en Portugal, cuxos avances se presumen intermitentes se se continúa desprazando o factor humano.

No caso italiano, en virtude das valoracións dos diferentes axentes, a convivencia xeracional identifícase coa carencia de medios e recursos, tanto materiais como humanos. As medidas que se chegaron a aplicar con algunha clase de principio que se asemelle á convivencia xeracional son puntuais e de alcance, na súa maioría, local, polo que se advirte unha ausencia de cooperación entre os diferentes niveis de goberno, punto que debe ser resolto para o desempeño dos indicadores propostos. No diagnóstico italiano, a diferenza do portugués, os avances e ideas directamente non chegan nin a realizarse e no suposto contrario fano de forma tardía e incompleta, como sería a dixitalización, cuxa operatividade segue, a grandes trazos, suspendida desde a entrada en vigor da reforma da Administración dixital e electrónica. Do mesmo xeito, o deseño de políticas públicas é desorganizado, xa sexa en materia urbana, onde se observou un abano de plans que non acaban de complementarse entre si, ou en materia sanitaria, onde os progresos se mostran desiguais entre as rexións norte e sur. En definitiva, examínase unha suspensión da convivencia xeracional se non se resolve, baixo o meu criterio, a comunicación primeiro entre as administracións públicas e en segundo lugar coa poboación.

En continuación coas valoracións mediterráneas e a xulgar polo detallado no apartado sobre a aplicación da convivencia xeracional en España, a conclusión extraída no país presenta similitudes con Portugal, xa que os indicadores consultados verifican a disposición de medios pero unha alta indiferenza ao factor humano por non comprendelo como piar do benestar nos ámbitos propostos. É así como en materia urbana a integración da vellez e a infancia non é obxecto de debate e todo se reduce ás implicacións sobre o medio ambiente, valoración que se extrapola á materia sanitaria pola descobertura da atención primaria, a causa do descenso de persoal. O mesmo sucede en materia dixital, pois malia os avances aínda se deben reforzar certos aspectos.

Finalmente, a convivencia xeracional en Galicia dispón dunha visión alentadora para a súa instauración desde un punto de vista urbano, pero non sanitario nin moito menos dixital. A disposición das cidades medias e medidas, por parte do Goberno autonómico, como a Estratexia Galicia Retorna, ao abordar o envellecemento da poboación, son grandes puntos de partida para a aplicación da convivencia xeracional no territorio. Non obstante, nos próximos anos deberase dotar de máis especialistas para evitar agravar a crispación do sector sanitario e inverter nun progreso dixital que polo menos cumpra cos estándares da media nacional en áreas como o capital humano instruído en tecnoloxía e dixitalización e porcentaxe de instalacións rede, as cales resultan hoxe por hoxe insuficientes.

5 BIBLIOGRAFÍA

Ayuntamiento de Madrid. 2008. Aislamiento social de personas mayores en el municipio de Madrid: Aspectos preventivos y asistenciales. Dispoñible en: https://www.madrid.es/UnidadesDescentralizadas/Mayores/Publicaciones/Aislamiento%20social%20de%20ma yores.pdf.

Banco de Desarrollo de América Latina. 2020. Portugal: La transformación digital a pasos agigantados. Dispoñible en: https://scioteca.caf.com/bitstream/handle/123456789/1759/Portugal_La%20transformaci%C3%B3n%20digital %20a%20pasos%20agigantados.pdf?sequence=1&isAllowed=y.

Beck, U. 2008. ¿Qué es la globalización? Falacias del globalismo, respuestas a la globalización. Barcelona: Paidós Ibérica.

Bénédicte, D.M. 2010. «What Are Human Rights? Four Schools of Thought», en Human Rights Quarterly, 32(1): 1-20. Dispoñible en: https://www.vedicascholars.com/pdf/liberal-arts-track/Human%20Rights_four%20schools%20of%20thought.pdf.

Cáceres, C.R., Colom, S.M., Catalá, V.B. e Martín, T.T. 2015. «La profesionalización del sector de los cuidados», en Zerbitzuan: Gizarte zerbitzuetarako aldizkaria - Revista de servicios sociales, 60: 179-190. Dispoñible en: http://www.zerbitzuan.net/documentos/zerbitzuan/La_profesionalizacion_sector_cuidados.pdf.

Cámara Municipal de Lisboa. 2020. Strategic vision for mobility 2030. Dispoñible en: https://www.lisboa.pt/fileadmin/cidade_temas/mobilidade/documentos/Lisbon_Mobility_Strategic_Vision_MO VE_2030_EN.pdf.

Campos Venuti, G. 2003. «El nuevo plan de Roma y las alternativas del urbanismo italiano», en Ciudades: Revista del Instituto Universitario de Urbanística de la Universidad de Valladolid, 7: 83-92. Dispoñible en: https://revistas.uva.es/index.php/ciudades/article/view/1670/1450.

Carro, C.F. 2018. «¿Hacia la “desfamiliarización” del cuidado predilecto? Un análisis del contexto español (1997-2009)», en Revista Española Investigación Social, 164: 57-72. Dispoñible en: https://reis.cis.es/REIS/PDF/Reis_164_041529581804106.pdf.

Cascini, F., Contenti, M., Scarpetti, G., Gelli, F. e Ricciardi, W. 2020. «Patient safety and medical liability in Italy», en Eurohealth Systems and Policies, 26: 34-37. Dispoñible en: https://apps.who.int/iris/bitstream/handle/10665/332484/Eurohealth-26-1-34-38-eng.pdf?sequence=1&isAllowed=y.

Cebrián Abellán, F. 2020. Dinámicas de urbanización en ciudades medias interiores. ¿Hacia un urbanismo más urbano? Valencia: Tirant Humanidades.

Cingolani, L. 2010. «Partidos políticos y sistemas de partidos», en L. Aznar e M. De Luca (eds.), Política. Cuestiones y problemas. Buenos Aires: Cengage Learning.

Chinchilla, I. 2020. La ciudad de los cuidados. Madrid: Los libros de la Catarata.

Comisión Europea. 2018. Dispoñible en: https://ec.europa.eu/info/strategy/priorities-2019-2024_es.

Comisión Europea. 2020. Asistencia social para todos y en todas partes. Dispoñible en: https://wayback.archive-it.org/12090/20220517090556/https://ec.europa.eu/info/strategy/recovery-plan-europe/recovery-coronavirus-success-stories/eu-values-and-citizens-rights/social-support-everyone-no-matter-where-you -live_es.

Comisión Europea. 2021. El apoyo social lidera la salida de la crisis. Dispoñible en: https://wayback.archive-it.org/12090/20220517123841/https://ec.europa.eu/info/strategy/recovery-plan-europe/recovery-coronavirus-success-stories/eu-values-and-citizens-rights/social-support-leading-way-out-crisis_esm.

Comisión Europea. 2021. Libro Verde sobre el envejecimiento: Fomentar la solidaridad y la responsabilidad entre generaciones. Dispoñible en: https://ec.europa.eu/info/sites/default/files/com_2021_50_f1_green_paper_es.pdf.

Comisión Europea. 2022. eGovernment Benchmark 2022 Synchronising Digital Governments. Dispoñible en: https://digital-strategy.ec.europa.eu/en/library/egovernment-benchmark-2022.

Comisión Europea 2022. Digital Economy and Society Index 2022. Dispoñible en:

https://digital-strategy.ec.europa.eu/es/policies/desi.

Consejo General de Economistas. 2022. Informe de la competitividad regional en España 2022, competitividad y digitalización. Dispoñible en: https://economistas.es/Contenido/Consejo/Estudios%20y%20trabajos/Informe%20CGE.%20Competitividad%20Regional%20en%20Espa%C3%B1a%202022.pdf.

Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia. 2022. Telecomunicaciones y audiovisual, informe económico sectorial 2021. Dispoñible en: https://www.cnmc.es/sites/default/files/4253037.pdf.

Del Panta, L. e Bacci, M.L. 1990. La cuestión demográfica. Barcelona: Oikos-tau. Colección el mundo contemporáneo.

Domingo, A. 2018. Demografía y posverdad. Estereotipos, distorsiones y falsedades sobre la evolución de la población. Barcelona: Icaria.

Dumont, G.F. 2001. «Problemas y políticas demográficas en Europa. El papel de las ciudades», en A.P. Ledo (ed.), Los problemas demográficos en el cambio de siglo. A Coruña: Instituto de Estudos Económicos Fundación Pedro Barrié de la Maza.

Etxezarreta, M. e Iglesias, J.L. 2019. El cuento de las pensiones. Érase una vez. Barcelona: Icaria.

Fernández, G.A. 2022. «La influencia de la vivienda pública en la formación y transformación de la periferia de las ciudades gallegas», en VAD: veredes, arquitectura e divulgación, 7: 22-34. Dispoñible en: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=8501935.

Fortes, M.A. 2021. «Movilidad Sostenible y otros aspectos ambientales», en R.M. Mora (dir.), Smart Cities, innovación social y jurídica o el reto de la transición ecológica. Valencia: Tirant lo Blanch.

FREOPP. 2021. Índice mundial de innovación en la salud ٢٠٢١. Dispoñible en: https://freopp.org/key-findings-from-the-freopp-world-index-of-healthcare-innovation-cda78938c047.

García, P.O. e Blancafort, J. 2021. Retos para la transformación de las ciudades post covid 19. Valencia: Tirant Humanidades.

González, R. e Concepción, M. 2021. Los indicadores como herramienta de evaluación de los programas sociales. Algunas propuestas de aplicación en el ámbito del bienestar. Navarra: Thomson Reuters Aranzadi.

Guillén, M.A, Begega, S.G. e Balbona, L.D. 2016. «Austeridad y ajustes sociales en el Sur de Europa. La fragmentación del modelo de bienestar Mediterráneo», RES. Revista Española de Sociología, 25: 261-272. Dispoñible en: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=5721444.

Guisado, D.V. e Gil, J.B. 2021. Salvini y Meloni. Hijos de la misma rabia. Badalona: Edicions i propostes culturals.

Herrero, F.J., Casado, J.M., Otero, J.J., Nogal, M.L. e Gil G.P. 1999. Salud pública y envejecimiento: problemas de la geriatría en el año 2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.

Ibánez, M.ª R.A. 2018. La sostenibilidad socioeconómica de las ciudades. Valencia: Tirant lo Blanch.

Informe de la Economía y las Sociedades Digitales. 2022. Dispoñible en: https://digital-agenda-data.eu/charts/desi-components#chart={%22indicator%22:%22desi_hc%22,%22breakdown-group%22:%22desi_hc%22,%22unit-measure%22:%22pc_desi_hc%22,%22time-period%22:%222022%22 }.

Instituto Galego de Estatística. ٢٠٢٢. Accesibilidade á vivienda, T2 2022. Dispoñible en: https://www.ige.gal/igebdt/esqv.jsp?ruta=verTabla.jsp?OP=1&B=1&M=&COD=9254&R=1[202213:202214]&C=2[0:1:3:5:7]&F=&S=998:12&SCF=#.

Instituto Nacional de Estatística. ٢٠٢٠. Encuesta Europea de Salud en España. Dispoñible en: https://www.ine.es/prensa/eese_2020.pdf.

Instituto Nacional de Estadística de Portugal. 2021. Estatísticas da Construção e Habitação. Dispoñible en: https://www.ine.pt/xportal/xmain?xpid=INE&xpgid=ine_publicacoes&PUBLICACOESpub_boui=27968707&P UBLICACOESmodo=2.

Instituto Nacional de Estadística. 2022. Índice por CCAA: general vivienda, nueva y segunda mano T٢ ٢٠٢٢. Dispoñible en: https://www.ine.es/jaxiT3/Datos.htm?t=25171#!tabs-tabla.

Llamazares Trigo, G., González López, G. e Souto Bayarri M. 2020. Salud ¿derecho o negocio?: una defensa de la sanidad pública. Gijón: Trea S.L.

Medina, J.M.ª 2021. «La gestión de la crisis sanitaria de la covid-19 en España. Efectos sobre la organización y funcionamiento del estado autonómico», en Revista Comillas, 285: 27-40. Dispoñible en: https://revistas.comillas.edu/index.php/razonyfe/article/view/17644/15556

Metalocus. 2022. Viviendas. Dispoñible en: https://www.metalocus.es.

Millán Jiménez, A., Sánchez-Mora Molina, M.ªI. e García Palma, M.ªB. 2021. «Ciudadanía, participación y ciudades abiertas», en P. Ortiz García e J. Blancafort Sansó (coords.), Retos para la transformación de las ciudades post covid-19. Valencia: Tirant humanidades.

Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. 2015. Medidas para la mitigación y la adaptación al cambio climático en el planteamiento urbano. Dispoñible en: https://www.miteco.gob.es/es/cambio-climatico/temas/impactos-vulnerabilidad-y-adaptacion/medidas_cc_planeamiento_urbano_tcm30-486099.pdf.

Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. 2022. Dispoñible en: https://www.miteco.gob.es/es/reto-demografico/temas/que-es/.

Ministerio de Sanidade. 2021. Los sistemas sanitarios en los países de la Unión Europea. Características e indicadores de la salud 2019. Dispoñible en: https://www.sanidad.gob.es/estadEstudios/estadisticas/docs/presentaciones.pdf.

Moran, M. 2021. «En Portugal’s Sardine Capitalism Is a Model for the World», en Foreign policy, Setembro de 2021. Dispoñible en: https://foreignpolicy.com/2021/09/12/portugals-sardine-capitalism-is-a-model-for-the-world/.

Moreno, L. 2001. «La vía media española del modelo de bienestar mediterráneo», en Papers, 63/64: 70-71. Dispoñible en: https://www.ugr.es/~javera/pdf/DOC%209.%20poli.PDF.

OCDE. 2021. Government at a Glance. Dispoñible en: https://www.oecd-ilibrary.org/docserver/1c258f55-en.pdf?expires=1667478399&id=id&accname=guest&checks um=5B6B9D21B9B394A5430FFB3CC35F1CBC.

Oficina Nacional de Prospectiva e Estratexia do Goberno de España. 2021. Informe: España 2050: Fundamentos y propuestas para una Estrategia Nacional de Largo Plazo. Dispoñible en: https://www.lamoncloa.gob.es/presidente/actividades/Documents/2021/200521-Estrategia_Espana_2050.pdf.

ONU. 2022. Perspectivas de la Población Mundial. Dispoñible en: https://news.un.org/es/story/2022/07/1511502.

ONU-Habitat. 2022. World Cities Report 2022 Envisaging the Future of Cities. Dispoñible en: https://unhabitat.org/sites/default/files/2022/06/wcr_2022.pdf.

Portal da transparencia. 2022. Dispoñible en: https://transparencia.gob.es/transparencia/transparencia_Home/index/Gobierno-abierto/que-es_organizacion.html.

Ribeiro, J.T., Vieira, A.R., Rosado, S. e Serdoura, F. 2021. «Urban plannign revolution for increasing pedestrian mobility in Lisbon, Portugal», en Transactions on Ecology and the Environment, 253: 73-82. Dispoñible en:

https://www.witpress.com/elibrary/wit-transactions-on-ecology-and-the-environment/253/38076.

Rodríguez, L.A, Varela-López, A.D. e Gómez, A.G. 2021. «La nueva extrema derecha en Portugal: el caso de Chega!», en Administración e Cidadanía, 16(2): 143-159. Dispoñible en: https://egap.xunta.gal/revistas/AC/article/view/4732/8005.

Rodríguez, V.M.ªJ. 2022. «La anulación de planes urbanísticos en el ámbito de la comunidad autónoma de Galicia: Principales causas apreciadas por los tribunales», Revista de Derecho, agua y sostenibilidad, 6: 1-31. Dispoñible en: http://redas.webs.uvigo.es/images/redas6/estudios/estudos_es_1.pdf.

Rosa Jiménez, C.J. 2019. «Envejecer en comunidad. Un enfoque arquitectónico de la convivencia para personas mayores», en Y. García Calvente (dir.), Mayores y vivienda. Innovaciones sociales desde el derecho financiero y tributario. Valencia: Tirant lo Blanch.

Ruiz-Rico, G. 2000. El derecho constitucional al medio ambiente. Valencia: Tirant lo Blanch.

Sagrado, S.T. 2018. «La atención primaria en Portugal», en Semergen. Revista española de medicina de familia, 3: 207-210. Dispoñible en:https://www.elsevier.es/es-revista-medicina-familia-semergen-40-articulo-la-atencion-primaria-portugal-S11383 59317302824.

Sentencia de la sala de lo social del Tribunal Superior de Justicia de Galicia. 2022. Dispoñible en: https://www.poderjudicial.es/search/indexAN.jsp.

The Economist. 2022. A court sandoff in Spain leads to wild talk of a “coup”. Dispoñible en: https://www.economist.com/europe/2022/12/20/a-court-standoff-in-spain-leads-to-wild-talk-of-a-coup.

Torres, J.J. 2018. «De generaciones a escuelas una nueva forma de concebir los derechos humanos», en Revista hojas y hablas, 16: 97-112. Dispoñible en: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=6749409.

Unesco/UIA. 2019. Charter Built Environment Education For Children and Young People. Dispoñible en: https://www.uia-architectes.org/wp-content/uploads/2022/01/BEE-Charter_2019_english.pdf.

World Meteorological Organization. 2022. Global Annual to Decadal Climate Update. Dispoñible en: https://hadleyserver.metoffice.gov.uk/wmolc/WMO_GADCU_2022-2026.pdf.

Notas

1 Del Panta, 1990.

2 Beck, 2008.

3 Comisión Europea, 2018.

4 Comisión Europea, 2018.

5 Moreno, 2001.

6 Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, 2022.

7 1.ª xeración, relativa aos dereitos civís e políticos; 2.ª xeración, comprende os dereitos sociais, económicos e culturais; 3.ª xeración, dereitos de carácter colectivo, é dicir, que benefician a todos no seu conxunto, como o dereito á paz ou ao medio ambiente; e finalmente unha 4.ª xeración, aínda en construción, que atinxe aos dereitos tecnolóxicos e dixitais.

8 Torres, 2018.

9 Bénédicte, 2010.

10 Millán Jiménez et al., 2021.

11 Aqueles que no caso español son enunciados no capítulo terceiro do título I da CE.

12 Ruiz-Rico, 2000.

13 É dicir, atenden tanto a accións desenvolvidas desde o nivel máis concreto, como sería o municipal, ata o máis xenérico, a UE.

14 ONU, 2022.

15 González e Concepción, 2021.

16 ONU-Habitat, 202

17 Aquelas con máis de 1.500 habitantes por km2 segundo ONU-Habitat.

18 Chinchilla, 2020.

19 Fortes, 2021.

20 Unesco/UIA, 2019.

21 Chinchilla, 2020.

22 Rosa Jiménez, 2019.

23 Comisión Europea, 2021.

24 Concello de Madrid, 2008.

25 Comisión Europea, 2021

26 Chinchilla, 2020.

27 García e Blancafort, 2021.

28 Llamazares et al., 2020.

29 Rosa Jiménez, 2019.

30 Oficina Nacional de Prospectiva e Estratexia do Goberno de España, 2021.

31 Dumont, 2021.

32 Comisión Europea, 2021.

33 Instituto Nacional de Estatística, 2020.

34 Oficina Nacional de Prospectiva e Estratexia do Goberno de España, 2021.

35 Comisión Europea, 2021.

36 Carro, 2018.

37 Cáceres et al., 2015.

38 Portal da transparencia, 2022.

39 DESI, 2022.

40 Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, 2022.

41 Comisión Europea, 2022.

42 OCDE, 2021.

43 Cámara Municipal de Lisboa, 2020.

44 Ribeiro et al., 2021.

45 Ribeiro et al., 2021.

46 Instituto Nacional de Estatística de Portugal, 2021

47 Metalocus, 2022.

48 Banco de Desenvolvemento de América Latina, 2020.

49 Moran, 2021.

50 FREOPP, 2021

51 Sagrado, 2018.

52 Ministerio de Sanidade, 2021.

53 Dise do sistema de partidos baixo o cal existen partidos antisistema, oposicións bilaterais, un centro métrico ocupado e fortes impulsos centrífugos.

54 Cingolani, 2010.

55 Campos Venuti, 2003.

56 Campos Venuti, 2003.

57 World Meteorological Organization, 2022.

58 Rede Española de Cidades polo Clima, 2021.

59 Cascini et al., 2020.

60 Guisado e Gil, 2021.

61 Consello Europeo, 2019.

62 Oficina Nacional de Prospectiva e Estratexia do Goberno de España, 2021.

63 Cebrián Abellán, 2020.

64 Domingo, 2018.

65 Ministerio de Sanidade, 2015.

66 Ministerio de Sanidade, 2015.

67 Medina, 2021.

68 Comisión Europea, 2022.

69 Cingolani, 2010.

70 The Economist, 2022.

71 Fernández, 2022.

72 Rodríguez, 2022.

73 Instituto Galego de Estatística, 2022.

74 Galicia presenta como prezo medio da vivenda 128.000 € e, de prezo máximo que se pode permitir pagar un traballador medio 182.237 €, fronte ao prezo medio da vivenda en comunidades autónomas como Madrid ou Cataluña, que roldan entre os 160.000-154.000 € no segundo trimestre de 2022; Cohispania, 2021https://www.cohispania.com/mapa-interactivo-de-precios-de-la-vivienda-en-espana

75 Consello Xeral de Economistas, 2022.