Revista Administración & Cidadanía, EGAP

Vol. 18_núm. 1_2023 | pp. 99-114

Santiago de Compostela, 2023

https://doi.org/10.36402/ac.v18i1.5091

© Luis Barreiro Castro

ISSN-L: 1887-0279 | ISSN: 1887-0287

Recibido: 03/05//2023 | Aceptado: 22/06/2023

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

A fidelidade como elemento explicativo dos resultados electorais en España

La fidelidad como elemento explicativo de los resultados electorales en España

Fidelity as an explanatory element of electoral results in Spain

Luis Barreiro Castro

Doutor en Socioloxía

Funcionario do corpo superior da Administración

Xunta de Galicia

https://orcid.org/0000-0002-5659-5715

barreirocastro@yahoo.es

Resumo: Neste traballo estúdase o grao de fidelidade do electorado español. Para iso, a través das enquisas postelectorais correspondentes ás eleccións xerais do ano 2019, analízase, por un lado, o grao de lealdade dos votantes aos partidos políticos e, por outro, a súa distribución ao longo da escala de autosituación ideolóxica. Esta análise permite ver que os electores que se consideran de centro son os que mostran unha menor fidelidade partidista. Adicionalmente, este grupo de votantes é o único que presenta de xeito significativo unha predisposición a apoiar formacións á dereita ou á esquerda, o que lle confire un papel fundamental na conformación de maiorías de goberno.

Palabras clave: Comportamento electoral, ideoloxía, lealdade partidista, volatilidade electoral, votantes de centro.

Resumen: En este trabajo se estudia el grado de fidelidad del electorado español. Para ello, a través de las encuestas postelectorales correspondientes a las elecciones generales del año 2019, se analiza, por un lado, el grado de lealtad de los votantes a los partidos políticos y, por otro, su distribución a lo largo de la escala de autoubicación ideológica. Este análisis permite ver que los electores que se consideran de centro son los que muestran una menor fidelidad partidista. Adicionalmente, este grupo de votantes es el único que presenta de manera significativa una predisposición a apoyar a formaciones a la derecha o a la izquierda, lo que le confiere un papel fundamental en la conformación de mayorías de gobierno.

Palabras clave: Comportamiento electoral, ideología, lealtad partidista, volatilidad electoral, votantes de centro.

Abstract: This paper studies the degree of fidelity of the Spanish electorate. To do this, through the post-electoral surveys corresponding to the 2019 general elections, analyse, on the one hand, the degree of voter loyalty to political parties and, on the other, its distribution along the scale of ideological self-location. This analysis allows us to see that voters who consider themselves to be from the centre are those who show less partisan fidelity. Additionally, this group of voters is the only one that significantly presents a predisposition to support formations to the right or to the left, which gives it a fundamental role in the formation of government majorities.

Key words: Electoral behaviour, ideology, partisan loyalty, electoral volatility, centrist voters.

Sumario: 1 Introdución. 2 Marco teórico. 3 Obxectivos, metodoloxía e fontes. 4 Grao de fidelidade do electorado. 5 Caracterización do votante de centro sen fidelidade partidista. 6 Discusión de resultados. 7 Conclusións. 8 Bibliografía.

1 INTRODUCIÓN

É un lugar común no discurso que as persoas somos animais de costumes, ou o que é o mesmo, que temos certa aversión ao cambio. Esta afirmación xeral parece corroborarse no referente ao comportamento electoral. Na nosa vida cotiá atopamos persoas das que podemos sospeitar, ao escoitar as súas opinións, que votan a unha determinada formación política independentemente das circunstancias. A súa opinión sobre diversos temas tende a xustificar o partido ao que seguen. A pouco que se manteña unha conversa con eles, non se fai difícil predicir o seu voto, polo menos a curto prazo. A modo de comparación, podemos asimilar este tipo de votantes aos afeccionados dun club de fútbol que son fieis ás súas cores independentemente da realidade deportiva deste. O seguidor dun equipo, en xeral, mantén a súa fidelidade tanto na vitoria como na derrota. De igual xeito, pódese presupor que existe unha parte do electorado que é fiel a un partido político independentemente do desempeño deste. Boa proba diso sería, en España, o feito de que, a pesar dos escándalos de corrupción política nos que se viron envoltas a maioría das formacións políticas tradicionais, ao longo da segunda década do século XXI, estas mantiveron unha boa parte dos seus electores. Podería aventurarse deste xeito que, na política, igual que no fútbol ou noutros deportes, existen unha serie de hooligans cuxa lealdade a unha determinada formación está por enriba de calquera outra consideración. Esta inmobilidade desde o punto de vista electoral foi ligada tradicionalmente a distintos factores, algúns dos cales proceden das escolas clásicas de pensamento. Aínda que non é o obxectivo deste traballo establecer as causas da fidelidade electoral, no apartado seguinte mencionaranse algunhas delas.

A división do electorado en función da súa lealdade a unha formación política ten unha gran transcendencia tanto á hora de entender os resultados electorais como as posibles estratexias e ofertas electorais dos partidos políticos. Establecido que existe un grupo de electores que apoia unha formación política, independentemente do seu desempeño no goberno ou na oposición, está no interese desa organización, para maximizar o seu apoio electoral, centrarse naqueles electores cuxo voto non está predisposto a ningunha opción política. Iso implica, en primeiro lugar, establecer a relación cuantitativa entre electores fieis e flutuantes. Esta relación é de suma importancia porque establece o campo de competición política nun proceso electoral. Dados uns apoios fixos, o rendemento electoral dunha formación dada dependerá, en gran medida, da súa capacidade de captar electores cuxo voto varía entre procesos electorais. En segundo lugar, é necesario establecer se eses cambios no apoio electoral teñen limitacións. É dicir, unha cuestión é que un votante cambie a súa preferencia e outra cousa é que estea disposto a apoiar calquera formación política. Dito doutro xeito, un elector pode variar o seu voto, pero só facelo dentro dun grupo de formacións políticas que propoñen unhas políticas ou sosteñen unha ideoloxía que é próxima ás súas preferencias. Este punto é crucial nun sistema político como o español, que se caracterizou polo establecemento de dous bloques, aos que podemos denominar de centroesquerda e centrodereita, que aspiran a alcanzar o poder. Por iso, cómpre distinguir de entre os electores volátiles aqueles cuxo cambio de preferencias electorais se limita a formacións dentro do mesmo bloque. Este tipo de cidadáns, aínda que poden variar as relacións de poder dentro das formacións dun bloque, terá unha transcendencia menor no cambio de signo dun goberno que aqueles cuxo voto pode oscilar entre opcións políticas de distinto bloque. A modo de exemplo, un elector que cambie o seu voto do Partido Popular a Vox, formacións que podemos incluír na centrodereita, é un votante non fiel a un partido, pero si a un bloque. O cambio na súa preferencia electoral pode afectar á relación de votantes destas dúas formacións políticas, pero non ao cómputo xeral de votos obtidos pola centrodereita. Igual consideración podemos facer no bloque de centroesquerda cun cidadán que cambia o seu voto do Partido Socialista a Podemos. Isto en termos de votantes, o que non implica que non haxa que ter en conta as distorsións que pode deparar o sistema electoral á hora da asignación de escanos. Esta apreciación non é banal, xa que implica que unha formación política debe buscar un equilibrio entre captar electores con fidelidade só ao bloque, para consolidar a súa posición dentro deste, e electores sen fidelidade a un bloque para mellorar as súas opcións de alcanzar o poder.

En consecuencia, faise necesario, por unha parte, establecer o grao de fidelidade electoral e, por outra, intentar delimitar quen son os electores flutuantes debido á súa importancia á hora de formar maiorías de goberno.

Polo anterior, este traballo estrutúrase en oito apartados. Tras esta introdución abórdase o marco teórico. A continuación, concrétanse os obxectivos, a metodoloxía e as fontes. Pola súa parte, no cuarto apartado, analízanse os datos provenientes do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) co fin de poder establecer a relación entre electores fieis e flutuantes, o que permitirá, no quinto apartado, establecer un perfil do elector non fiel. Tras a discusión de resultados e as conclusións, o traballo finaliza cunha relación da bibliografía consultada.

2 MARCO TEÓRICO

A partir da segunda metade do século XX, os estudos electorais cobraron moito auxe. O desenvolvemento das técnicas estatísticas, dos métodos de mostraxe e de enquisa, e a paulatina introdución da informática impulsaron a proliferación dun gran número de traballos que pretendían explicar o comportamento electoral dos votantes. Todos estes estudos víronse alentados polos líderes e formacións políticas que vían neles unha forma de achegar as súas propostas ás preferencias dos electores. Esta frutífera liña de investigación deu lugar ao nacemento dunha serie de escolas que centraban a súa atención en determinadas características dos votantes, atribuíndolles a estas o seu comportamento electoral. Poden destacarse tres correntes que foron predominantes ao longo do tempo en relación con esta materia. No enfoque sociolóxico, coñecido polo modelo de Columbia, os factores explicativos do comportamento electoral céntranse nas características sociais dos individuos, de maneira que cobran especial importancia como variables explicativas do voto a idade, a ocupación, a relixión, etc.1. O argumento central é que os atributos sociais exercen unha grande influencia sobre os individuos, non porque eles impoñan as preferencias e determinen os intereses, senón máis ben porque os sitúan na estrutura social e isto afecta á súa exposición á información política e, polo tanto, ao proceso de construción de preferencias, de maneira que unha persoa pensará politicamente de acordo coas súas características sociais2. Esta escola fai fincapé na estabilidade nas decisións de voto, sostendo que a incidencia das campañas electorais é débil, fronte aos condicionamentos sociais, no momento de optar por un partido ou por un candidato. O enfoque psicolóxico, promovido por investigadores da Universidade de Míchigan, formula un modelo explicativo sustentado en variables de tipo psicolóxico, como as crenzas, os sentimentos ou os valores. Un exemplo desta perspectiva é a obra The American Voter3, realizada con ocasión da elección presidencial de 1952, na cal se identifican tres tipos de actitudes á hora de explicar a decisión do voto, e que son: a identificación partidaria, a actitude fronte aos temas do debate electoral e a simpatía polo candidato. Por último, o enfoque económico propugna a aplicación dos presupostos da racionalidade económica para explicar o comportamento electoral. Desde este modelo, o comportamento do individuo é froito dun cálculo entre custos e beneficios, de maneira que, se os primeiros superan os segundos, non irá votar. O problema desta perspectiva é que, posto que os custos de ir votar, en termos de tempo e desprazamento, serán na maioría dos casos moito maiores que os beneficios, este racionalmente optará por non facelo4. Neste sentido, tamén cómpre ter en conta que o individuo vai gozar dos beneficios de que gañe un candidato independentemente de que vote ou non, polo que, no suposto de que determinadas políticas lle fosen favorables, só lle interesaría ir votar no caso de que estimase que o seu voto é determinante, o cal é moi improbable. Malia as predicións deste enfoque, a realidade é que na maioría das democracias avanzadas a xente acode a votar nun número considerable, dando lugar ao que se denominou o paradoxo do voto5. Para salvar este paradoxo apareceron novas propostas nas que, por exemplo, entre os beneficios de ir votar se incluía a satisfacción de cumprir cun deber cívico6.

O anterior permítenos comprobar que tanto o enfoque sociolóxico como o psicolóxico sosteñen a posibilidade duns votantes ligados firmemente a unhas determinadas formacións políticas. Por un lado, as características sociais dos individuos, como a súa clase social, a súa relixión ou a súa etnia, vincularían de xeito permanente unha parte dos electores a determinadas opcións políticas. Por outro lado, a escola de Míchigan sinala como un dos factores que condicionan o comportamento electoral dos votantes a súa identificación cunha formación política. Fronte a estes dous enfoques, a corrente da racionalidade económica parece postularse por un modelo de elector menos fiel, cuxo comportamento flutuará entre os diversos procesos electorais favorecendo aquelas formacións políticas que, en cada momento, mellor se acomoden aos seus intereses. Non obstante, diversos traballos parecen matizar esta afirmación. Recentemente Barreiro7 diferencia, dentro dos votantes que se guían polos postulados da racionalidade económica, aqueles cidadáns que se moven por ofertas de carácter programático fronte aos que o fan por ofertas clientelares. Para iso, en primeiro lugar, deslinda entre o que denominou o elector e o cliente. O primeiro actuaría movido por ofertas programáticas e o segundo por ofertas de carácter particular. Seguindo a teoría de xogos, móstranos como un elector totalmente racional optará, na maioría dos casos, por non ir votar, posto que vai gozar dos beneficios derivados de que gañe un candidato, independentemente de que vote ou non, polo que, no suposto de que determinadas políticas defendidas lle fosen favorables, só lle interesaría ir votar no caso de que considerase que o seu voto é determinante, o cal é moi improbable. O cliente, pola súa banda, acudiría ás urnas como contraprestación a un favor recibido, polo que a súa participación deriva dun contrato informal que na maioría dos casos lle interesará cumprir. Polo tanto, este autor sostén que aqueles electores que están vinculados por ofertas clientelares de carácter particular manterán unha fidelidade especialmente alta cara ás formacións políticas e aos líderes que os favorecen, o cal encaixa perfectamente cos postulados economicistas. Ademais, xustifica que os espazos reducidos favorecen a aparición dos clientes electorais. En consecuencia, nos seus recentes traballos introduciu a poboación dos municipios como variable explicativa do comportamento electoral8. Por outro lado, Caplan9, en liña co anterior, sostén que un votante unicamente guiado por ofertas programáticas, un elector na terminoloxía de Barreiro10, pode actuar racionalmente votando mesmo a formacións que non o benefician, posto que a posibilidade de que o seu voto sexa decisivo é case inexistente. Deste xeito, dada a intranscendencia do seu voto, podería manter a súa fidelidade a un partido, debido a outras consideracións, a pesar de que na práctica non favoreza os seus intereses.

Como se mostra, a modo ilustrativo, estes tres enfoques clásicos consideran a posibilidade de electores fieis, o que non implica que non existan outras escolas e traballos que incidan neste tema. Non obstante, posto que o obxecto fundamental deste traballo é o estudo das consecuencias da fidelidade partidista nos resultados electorais, non procede un estudo detallado doutras contribucións que afondan nas posibles causas desta, aínda que no caso español se poden citar, entre outros, traballos como os de González, Fraile e González e Bouza11.

3 OBXECTIVOS, METODOLOXÍA E FONTES

Polo exposto, o traballo pretende dous obxectivos fundamentais. O primeiro é establecer a importancia cuantitativa dos electores fieis, definidos como aqueles que apoian de xeito sistemático unha opción política. O segundo, pola súa banda, é caracterizar aqueles electores que non son fieis a ningunha formación.

Para iso establécense tres hipóteses que guían este traballo:

Para levar a cabo o primeiro obxectivo, procédese ao estudo do grao de estabilidade no voto nas eleccións xerais celebradas en España no ano 2019, recorrendo aos datos das enquisas postelectorais realizadas polo Instituto de Investigacións Sociolóxicas (CIS).

En segundo lugar, intentarase perfilar en que medida a ideoloxía dos electores non fidelizados limita as súas opcións de voto condicionando as posibles alternativas de goberno.

4 GRAO DE FIDELIDADE DO ELECTORADO

Para estudar a fidelidade dos votantes ás formacións políticas, recórrese aos datos postelectorais das eleccións xerais celebradas en España en abril e novembro do ano 2019. A táboa 1 permite ver que os electores mostran un alto grao de fidelidade aos partidos políticos. De feito, practicamente un terzo dos enquisados manifesta, nos dous procesos, que sempre votan á mesma formación política. Ademais, ao redor dun 28 % declara que polo xeral apoian o mesmo partido. Pola contra, só un 35 % manifesta, tanto no estudo referente ás eleccións de abril como nas de novembro, que vota en función do que o convenza nese momento. A similitude dos resultados obtidos entre os dous procesos celebrados en menos dun ano resultan coherentes, xa que pola natureza da pregunta non sería de esperar resultados con grandes diferenzas. As pequenas variacións observadas entre procesos poden atribuírse tanto a que se trata de mostras diferentes como aos efectos do redondeo de cifras. Con respecto a isto último, cómpre salientar que se opta por ofrecer os resultados sen decimais a prol da sinxeleza, o que implica que, nalgúns casos, os datos ofrecidos entre diversas táboas mostren diverxencias dunha unidade.

Táboa 1. Fidelidade dos votantes

2019 A

2019 N

Votan sempre polo mesmo partido

31 %

32 %

Polo xeral adoitan votar polo mesmo partido

28 %

26 %

Segundo o que máis os convenza nese momento, votan por un partido ou outro, ou non votan

35 %

35 %

Resto

5 %

8 %

Fonte: elaboración propia a partir dos estudos do CIS n.º 3248 e 3269.

A táboa 2, pola súa banda, permite observar a repartición da fidelidade entre os votantes cando se ten en conta a súa autolocalización ideolóxica. Os datos que se presentan indican que os electores que se autositúan no centro son os que menos fidelidade mostran a unha formación política. De feito, aproximadamente a metade deles declaran que o seu voto depende das circunstancias de cada momento.

Táboa 2. Fidelidade voto en función da ideoloxía

2019 A

Esquerda (1-2)

Centro esquerda (3-4)

Centro (5)

Centro dereita (6-7)

Dereita

(8-9-10)

Fiel

36 %

35 %

22 %

25 %

37 %

Case fiel

32 %

31 %

24 %

28 %

25 %

Non fiel

27 %

30 %

50 %

42 %

32 %

Outros

5 %

4 %

4 %

5 %

6 %

2019 N

Esquerda (1-2)

Centro esquerda (3-4)

Centro (5)

Centro dereita

(6-7)

Dereita

(8-9-10)

Fiel

40 %

38 %

22 %

28 %

42 %

Case fiel

32 %

30 %

23 %

27 %

27 %

Non fiel

23 %

29 %

48 %

42 %

30 %

Outros

5 %

3 %

7 %

3 %

1 %

Fonte: elaboración propia a partir dos estudos do CIS n.º 3248 e 3269.

Pero, como se adiantou, o feito de que un elector varíe o seu voto nos diversos procesos electorais non implica que estea disposto a votar a todas as formacións políticas en liza.

A táboa 3 mostra que a ideoloxía dos votantes limita o rango de partidos aos que un cidadán está disposto a apoiar.

Táboa 3. Voto dos electores non fieis en función da súa ideoloxía

2019 A

Esquerda (1-2)

Centro esquerda (3-4)

Centro (5)

Centro dereita (6-7)

Dereita

(8-9-10)

PSOE

32 %

51 %

25 %

5 %

1 %

PP

0 %

0 %

6 %

31 %

41 %

Ciudadanos

1 %

2 %

22 %

28 %

10 %

Podemos

32 %

16 %

4 %

2 %

1 %

Vox

0 %

0 %

2 %

10 %

32 %

Abstención

4 %

5 %

11 %

6 %

5 %

2019 N

Esquerda (1-2)

Centro esquerda (3-4)

Centro (5)

Centro dereita (6-7)

Dereita

(8-9-10)

PSOE

26 %

48 %

24 %

4 %

2 %

PP

0 %

1 %

8 %

37 %

48 %

Ciudadanos

0 %

2 %

11 %

15 %

2 %

Unidas Podemos

31 %

16 %

3 %

1 %

0 %

Vox

1 %

0 %

5 %

16 %

32 %

Abstención

6 %

8 %

13 %

8 %

6 %

Fonte: elaboración propia a partir dos estudos do CIS n.º 3248 e 3269.

Táboa 4. Voto dos electores non fieis segundo o bloque político e a ideoloxía

2019 A

Esquerda

(1-2)

Centro esquerda (3-4)

Centro

(5)

Centro dereita (6-7)

Dereita

(8-9-10)

Esquerda (PSOE+Podemos)

64 %

67 %

29 %

6 %

2 %

Dereita (PP+Cs+Vox)

1 %

3 %

30 %

69 %

83 %

2019 N

Esquerda

(1-2)

Centro esquerda (3-4)

Centro

(5)

Centro dereita (6-7)

Dereita

(8-9-10)

Esquerda (PSOE+Podemos)

57 %

63 %

27 %

5 %

3 %

Dereita (PP+Cs+Vox)

1 %

2 %

23 %

68 %

82 %

Fonte: elaboración propia a partir dos estudos do CIS n.º 3248 e 3269.

Os datos apuntan a que só os electores de centro son proclives a votar a partidos á súa esquerda ou á súa dereita de xeito significativo. Este feito implica unha importante derivada desde o punto de vista electoral. A correlación de forzas entre os partidos do que se pode denominar o bloque de dereitas e o bloque de esquerdas pivota en gran medida nos electores sen fidelidade política que se autositúan no centro da escala ideolóxica. Ou o que é o mesmo, unha pequena parte do electorado, debido á súa volatilidade, ten unha grande importancia á hora da conformación das posibles maiorías de goberno. A táboa 5 permite ver como a porcentaxe de votantes de centro sobre o total, segundo os estudos do CIS empregados, podería situarse arredor do 22 % do electorado. Posto que se estimou que arredor da metade deses votantes se decantan por unha ou outra formación política, segundo as circunstancias do momento (táboa 2), podemos cifrar arredor dun 11 % sobre o total o número de electores de cuxo voto pende, en gran medida, a conformación dun goberno de centrodereita ou centroesquerda.

Táboa 5. Electores segundo a ideoloxía

2019 A

2019 N

Esquerda (1-2)

14 %

12 %

Centro esquerda (3-4)

37 %

36 %

Centro (5)

22 %

22 %

Centro dereita (6-7)

19 %

19 %

Dereita (8-9-10)

9 %

11 %

Fonte: elaboración propia a partir dos estudos do CIS n.º 3248 e 3269.

5 CARACTERIZACIÓN DO VOTANTE DE CENTRO SEN FIDELIDADE PARTIDISTA

Establecido o papel fundamental dos votantes de centro non fieis na conformación de maiorías de goberno, procede esbozar os principais trazos destes electores. A continuación, preséntanse unha serie de táboas cruzadas que poden axudar a entender quen son eses votantes cuxo apoio é tan cobizado. O feito de recorrer á técnica de cruzar datos débese a varios motivos. O primeiro é que este traballo aspira fundamentalmente a mostrar a importancia electoral da división entre votantes fieis e non fieis, asumindo que os motivos dun cidadán para adoptar unha postura ou outra poden ser múltiples e en ocasións inescrutables, o que implica que dificilmente se poderá aspirar a definilos con exactitude. O segundo, porque se pretende recorrer a unha ferramenta de doada comprensión, aínda que sexa á custa de perder precisión. O terceiro, e relacionado co anterior, porque se parte do convencemento de que en moitas ocasións na busca do detalle se perde a visión do conxunto. Dito o anterior, a continuación preséntanse unha serie de táboas que pretenden incluír algunhas das variables que son comúns nos diversos estudos políticos e que, nalgunha medida, poden axudar a caracterizar o campo de batalla das formacións políticas que aspiran a alcanzar o goberno.

As táboas 6 e 7 parecen indicar, a xeito de síntese, que o votante non partidario de centro podería caracterizarse por ser un traballador, cunha baixa relixiosidade e un nivel educativo medio-alto. Isto estaría en consonancia co traballo de Fraile12 no que se apunta a que a predisposición dos cidadáns a utilizar a lóxica do voto por rendementos será maior ao aumentar o seu nivel de coñecemento sobre o político. Deste xeito, serían os electores que proceden dos estratos sociais máis dinámicos da sociedade, debido á súa traxectoria profesional e/ou educativa, os máis críticos co desempeño dos partidos políticos.

Por último, a táboa 7 parece corroborar traballos como o de Barreiro13, que predín unha maior fidelidade nos municipios rurais.

Táboa 6. Votante de centro non fiel (I)

2019 A

2019 N

Sexo

Mulleres

51 %

54 %

Relixiosidade

Católico/a practicante

24 %

21 %

Católico/a non practicante

53 %

53 %

Crente doutra relixión

3 %

3 %

Agnóstico/a

5 %

7 %

Indiferente, non crente

7 %

10 %

Ateo/a

7 %

5 %

N.C.

1 %

1 %

Nivel educativo

Sen estudos

4 %

4 %

Primaria

15 %

15 %

Secundaria 1.ª etapa

26 %

23 %

Secundaria 2.ª etapa

13 %

15 %

FP

20 %

22 %

Superiores

23 %

22 %

Fonte: elaboración propia a partir dos estudos do CIS n.º 3248 e 3269.

Táboa 7. Votante de centro non fiel (II)

2019 A

2019 N

Idade

18-30

14 %

13 %

31-45

29 %

29 %

46-65

39 %

36 %

66-80

18 %

17 %

> 80

0 %

5 %

Situación laboral

Traballa

51 %

49 %

Xubilado/a ou pensionista (traballou)

24 %

25 %

Pensionista (non traballou)

3 %

3 %

Parado/a e traballou antes

11 %

13 %

Parado/a e busca o seu primeiro emprego

0 %

0 %

Estudante

4 %

4 %

Traballo doméstico non remunerado

6 %

6 %

Poboación municipio

Menos ou igual a 2.000 habitantes

6 %

6 %

2.001 a 10.000 habitantes

16 %

15 %

10.001 a 50.000 habitantes

27 %

29 %

50.001 a 100.000 habitantes

12 %

12 %

100.001 a 400.000 habitantes

24 %

21 %

Máis 400.000 habitantes

15 %

17 %

Fonte: elaboración propia a partir de estudos do CIS n.º 3248 e 3269.

6 DISCUSIÓN DE RESULTADOS

Os resultados presentados apuntan a que sobre unha minoría dos electores pivota a cor política dos gobernos. Como se adiantaba na introdución, parece confirmarse que as persoas temos aversión ao cambio, mesmo no referente ao comportamento electoral. Adicionalmente, pode intuírse que cando estes se producen, desde o punto de vista electoral, o rango de cambio en moitas ocasións é limitado. O traballo mostra, por un lado, que no centro político é onde existe unha menor fidelidade partidaria e, por outro, que son os votantes que se autositúan nesta posición os que significativamente votan a un lado ou outro do espectro político. Malia que os datos tamén permiten ver que existe un número importante de electores non fidelizados na esquerda e na dereita, o espectro dos partidos polos que se decantan sitúase dentro do espazo político onde se autositúan, polo que a súa incidencia na alternancia entre gobernos de dereita ou de esquerda se centra fundamentalmente nos efectos da repartición de escanos derivada do sistema electoral.

Polo tanto, os resultados encaixan dentro das predicións dos modelos clásicos que intentan descifrar o comportamento electoral. Tanto a escola de Columbia como a de Míchigan apuntaban a unha fidelidade do voto a determinadas opcións políticas, xa fose polas características sociais dos individuos ou por determinados vínculos de carácter afectivo. Pero a escola economicista tamén alberga esa posibilidade de fidelización do voto independentemente do desempeño das formacións políticas no goberno ou na oposición, ou das propostas políticas que lles formulen aos electores. Neste punto, é de obrigada referencia, como se mencionou, a obra de Caplan14. Este autor argumenta que un cidadán racional pode votar en contra dos seus intereses debido a dúas razóns fundamentais. A primeira é que, posto que o voto dun individuo é case imposible que sexa decisivo, este pode actuar guiado por outras motivacións distintas do seu interese persoal. A segunda razón, na que incide este autor, é que, mentres que un erro nunha decisión privada supón custos que debe soportar o individuo, ese mesmo erro na esfera electoral implicaría un custo que se repartiría entre toda a sociedade. De igual maneira, Barreiro15 sostén que unha parte do electorado se move motivada polo posible interese particular derivado do feito de que unha formación política obteña o poder. Este tipo de cidadán, que se denominou comunmente cliente, é especialmente fiel porque a súa lealdade deriva dos favores recibidos ou ofrecidos. Este tipo de votante lonxe de ser unha figura residual pode que teña un gran peso electoral. Núñez16, por exemplo, sostén que os partidos dispoñen dunha carteira de emprego que pode representar, polo menos, medio millón de votos directos, sumando ao traballador o seu ámbito familiar e social.

Posto que arredor dun 60 % dos cidadáns apoian sempre ou case sempre a mesma formación política, independentemente doutras consideracións, é necesario, desde o punto de vista electoral, centrar a mirada no 35 % de electores cuxo voto depende das circunstancias de cada momento. Os datos mostran que esa porcentaxe de electores volátiles en realidade é menor, xa que o rango de opcións políticas polas que se decantan aparece condicionado pola súa ideoloxía, votando na gran maioría de casos a forzas que se sitúan na súa mesma zona do espectro político. As táboas presentadas indican que só os cidadáns que se consideran de centro votan significativamente a forzas de dereita ou de esquerda. Son, polo tanto, estes cidadáns un elemento clave no eixe de competición dereita-esquerda, dado que a cor do goberno depende en gran medida do sentido do seu voto. A modo orientativo, neste traballo estimouse que este electorado supón ao redor dunha décima parte do total (11 %). Ademais, é necesario recordar que as variacións no número de votos das formacións políticas poden ser amplificadas polo sistema electoral na asignación de escanos, o que pola súa vez pode ter unha transcendencia fundamental á hora de formar maiorías. A modo ilustrativo, Ciudadanos perdeu nas eleccións de novembro de 2019, en relación coas de abril, ao redor dun 60 % do seu electorado, o que se traduciu nunha perda do 83,5 % no número de deputados.

O anterior implica dous efectos no funcionamento democrático que cabe resaltar. Por unha parte, o feito de que arredor do 60 % dos cidadáns vote sempre, ou case sempre, á mesma formación política dota o sistema de certo conservadorismo que serve como dique de contención a cambios radicais. Este feito foi palpable na política española durante a segunda década do século XXI, na que emerxeron unha serie de formacións políticas dando lugar ao que se denominou a nova política. Malia a crise económica, os recortes derivados desta e os casos de corrupción, as formacións de novo cuño, aínda que foron capaces de obter uns resultados electorais relevantes, non lograron desbancar as formacións clásicas, Partido Popular e Partido Socialista, as cales conservaron a súa posición predominante dentro do seu espectro ideolóxico17. Por outra, esta fidelidade supón unha barreira á rendición de contas dos partidos. O feito de que unha porcentaxe tan alta da poboación permaneza allea ao desempeño das formacións políticas supón que estas poden albergar a esperanza de que os seus erros, voluntarios ou involuntarios, no goberno ou na oposición, non van ser excesivamente penalizados, o que, pola súa vez, pode desincentivar que se esforcen en mellorar. Un exemplo diso sería que os reiterados casos de corrupción que se destaparon en España parecen non ter sido castigados electoralmente na medida do seu alcance, o que, pola súa vez, podería ser unha das causas de que se seguisen repetindo.

O traballo tamén nos axuda a perfilar o cidadán de centro sen fidelidade partidaria. Os datos presentados caracterízano como unha persoa traballadora, cun nivel educativo elevado e con escasa relixiosidade. Estes resultados parecen indicar que o voto non fidelizado ten arraigamento nos cidadáns das capas sociais cun maior dinamismo social e que, como consecuencia da súa traxectoria educativa e laboral, son menos conformistas coa actuación dos partidos políticos, premiándoos e castigándoos en función do seu desempeño. Podería suporse que, precisamente, esta traxectoria vital os empurraría a unhas posicións máis pragmáticas e menos ideolóxicas desde as que avaliarían as formacións políticas pola súa actuación. Este razoamento estaría en liña co citado traballo de Fraile18, no que se argumentaba que o voto por rendementos exixía unha serie de coñecementos para poder avaliar o desempeño dos partidos políticos. Deste xeito, estes electores, malia non seren maioría, serían en boa medida os responsables da cor do goberno, polo que, en consecuencia, aquelas formacións que realmente aspiran a encabezalo deben prestarlles unha especial atención.

Aínda que este traballo centra a súa mirada nos datos dispoñibles para as dúas eleccións xerais celebradas en España no ano 2019, as súas conclusións ben poderían ser extrapolables ao resto de procesos electorais realizados desde a chegada da democracia. Neste sentido, é de obrigada referencia a maxistral obra de González e Bouza19 na que estes autores se internan nas razóns do voto na España democrática no período 1977-2008. Este traballo, que se converteu nunha estación obrigada para aqueles que pretenden entender o comportamento electoral dos españois nas tres primeiras décadas de democracia, mostra como a gobernabilidade de España, ao longo do período estudado, estivo marcada polo comportamento dos votantes que se sitúan no centro político e nas súas proximidades. Así, se nun primeiro momento este electorado se decantou pola Unión de Centro Democrático, tras a implosión desta formación política migrou maioritariamente ao Partido Socialista, para posteriormente, na década dos anos 90, ir trasladando paulatinamente o seu apoio ao Partido Popular, sendo o cumio deste proceso as eleccións xerais do ano 2000, nas cales esta formación política obtivo a maioría absoluta. Por último, as convulsas eleccións de 2004 permitíronlle ao Partido Socialista recuperar parte do apoio dos electores centristas, facilitando a volta ao goberno desta formación política.

7 CONCLUSIÓNS

O traballo permite ver, a través dos datos postelectorais do CIS, que existe unha fracción moi alta do electorado español que vota sempre, ou case sempre, á mesma formación política. Ademais, os datos apuntan a que o maior grao de infidelidade partidaria se dá nos electores que se autositúan no centro político. Este feito, unido a que son precisamente estes electores os que mostran unha maior tendencia a inclinarse á dereita ou á esquerda, segundo o proceso electoral, convérteos nun elemento clave á hora de conformar maiorías de goberno. Este papel crucial na gobernabilidade fai que os partidos que aspiran a liderar os gobernos, a un lado e ao outro do espectro político, lles deban prestar especial atención. Deste xeito, pódese albiscar como o verdadeiro campo de batalla político queda reducido a pouco máis da décima parte do corpo electoral.

Adicionalmente, intúese que unha boa parte destes electores proceden dos estratos sociais máis dinámicos da sociedade, os cales debido á súa traxectoria profesional e/ou educativa serían especialmente críticos co desempeño dos partidos políticos.

Por último, cómpre sinalar que este traballo abre unha interesante liña de investigación en dúas vías. A primeira tería un carácter temporal e intentaría ver a evolución da fidelidade partidaria ao longo do tempo. A segunda buscaría afondar nas características deste electorado non ligado emocionalmente ás formacións políticas, así como ás súas preocupacións. Este punto sería de transcendencia capital tanto para entender os resultados electorais como as políticas e posicións que deberían defender as formacións políticas na procura de maximizar o seu voto.

8 BIBLIOGRAFÍA

Barreiro Castro, L. 2021. «La influencia del poder local en el comportamiento electoral. El caso de Galicia (2000-2020)», en Revista Administración & Cidadanía (EGAP), 16(2): 281-294. https://doi.org/10.36402/ac.v16i2.4853.

Barreiro Castro, L. 2022a. «El hábitat rural como medio facilitador del clientelismo. El caso de la provincia de Ourense (2000-2020)», en RIPS: Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas, 21(1). https://doi.org/10.15304/rips.21.1.7982.

Barreiro Castro, L. 2022b. «La racionalidad del votante rural», en Revista Administración & Cidadanía (EGAP), 17(1): 237-250. https://doi.org/10.36402/ac.v17i1.4974.

Berelson, B.R., Lazarsfeld, P.F. e McPhee, W.N. 1986. Voting: A study of opinion formation in a presidential campaign. Chicago: University of Chicago Press.

Campell, A., Converse, P.E., Miller, W.E. e Stokes, D.E. 1960. The American Voter. Chicago: University of Chicago Press.

Caplan, B. 2007. The myth of the rational voter. Why democracies choose bad policies. Princeton: Princeton University Press.

Downs, A. 1973. Una teoría económica de la democracia. Madrid: Aguilar (Tradución de L.A. Martín Merino).

Fraile Maldonado, M. 2007. «La influencia del conocimiento político en las decisiones de voto», en Revista Española de Investigaciones Sociológicas (REIS), 120(1): 41-74. https://doi.org/10.2307/40184833.

González Rodríguez, J.J. 2002. «Las elecciones generales de 2000. Voto ideológico/voto racional», en Revista Internacional de Sociología, 60(32). https://doi.org/10.3989/ris.2002.i32.1007.

González Rodríguez, J.J. 2020. «Bases sociales de la vieja y nueva política», en Cambio social en la España del siglo XXI. Madrid: Alianza Editorial.

González Rodríguez, J.J. e Bouza Álvarez, F. 2009. Las razones del voto en la España democrática, 1977-2008. Madrid: Los libros de la Catarata.

Goodin, R. e Klingemann, H. 1996. Comportamiento Político. Madrid: Istmo.

Lazarsfeld, P.F., Berelson, B. e Gaudet, H. 1944. The people’s choice. New York: Duell, Sloan & Pearce.

Núñez, F. 2013. «Los partidos políticos tienen colocados a 145.000 españoles», en El Mundo, 10 de outubro. https://www.elmundo.es/economia/2013/11/10/527d579063fd3d281b8b457f.html.

Riker, W.H. e Ordeshook, P.C. 1968. «A Theory of the Calculus of Voting», en The American political science review, 62(1): 25-42. https://doi.org/10.1017/s000305540011562x.

Riker, W.H. e Brams, S.J. 1973. «The paradox of vote trading», en The American Political Science Review, 67(4): 1235-1247. https://doi.org/10.2307/1956545.

Notas

1 Lazarsfeld et al., 1944; Berelson et al., 1954.

2 Goodin e Klingemann, 1996.

3 Campell et al., 1960.

4 Downs e Martin, 1973.

5 Riker e Brams, 1973.

6 Riker e Ordeshook, 1968.

7 Barreiro, 2022b.

8 Barreiro, 2021; Barreiro, 2022a

9 Caplan, 2007.

10 Barreiro, 2022b

11 González, 2002; Fraile, 2007; González e Bouza, 2009.

12 Fraile, 2007.

13 Barreiro, 2022b.

14 Caplan, 2007.

15 Barreiro, 2022b.

16 Núñez, 2013.

17 González, 2020.

18 Fraile, 2007.

19 González e Bouza, 2009.