Revista Administración & Cidadanía, EGAP

Vol. 18_núm. 2_2023 | pp. 93-112

Santiago de Compostela, 2023

https://doi.org/10.36402/ac.v18i2.5152

© Luis Barreiro Castro

ISSN-L: 1887-0279 | ISSN: 1887-0287

Recibido: 08/12/2023 | Aceptado: 15/02/2024

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

A influencia do hábitat sobre o voto. O caso de Galicia (2000-2020)

La influencia del hábitat sobre el voto. El caso de Galicia (2000-2020)

The influence of habitat on voting. The case of Galicia (2000-2020)

Luis Barreiro Castro

Doutor en Socioloxía

Funcionario do corpo superior da Administración

Xunta de Galicia

https://orcid.org/0000-0002-5659-5715

barreirocastro@yahoo.es

Resumo: Este traballo examina a existencia dun voto diferencial nos municipios galegos en función da súa poboación. Para iso, a partir dos datos facilitados polo Ministerio do Interior e a Xunta de Galicia, analízanse todos os resultados electorais comprendidos no período 2000-2020. A continuación, intentarase delimitar como as diferenzas demográficas, sociais e económicas dos distintos tipos de hábitat poden influír no comportamento electoral dos galegos. Adicionalmente, este artigo pretende pór a proba a hipótese de que, unha vez descontado o efecto destas, o hábitat segue tendo un efecto neto que podería atribuírse á presenza de redes clientelares que teñen no hábitat rural o seu ámbito de implantación preferente.

Palabras clave: Comportamento electoral, Galicia, ideoloxía, sentimento nacionalista, hábitat, clientelismo, medio rural.

Resumen: Este trabajo examina la existencia de un voto diferencial en los municipios gallegos en función de su población. Para ello, a partir de los datos facilitados por el Ministerio del Interior y la Xunta de Galicia, se analizan todos los resultados electorales comprendidos en el periodo 2000-2020. A continuación, se intentará delimitar cómo las diferencias demográficas, sociales y económicas de los distintos tipos de hábitat pueden influir en el comportamiento electoral de los gallegos. Adicionalmente, este artículo se propone poner a prueba la hipótesis de que, una vez descontado el efecto de estas, el hábitat sigue teniendo un efecto neto que podría atribuirse a la presencia de redes clientelares que tienen en el hábitat rural su ámbito de implantación preferente.

Palabras clave: Comportamiento electoral, Galicia, ideología, sentimiento nacionalista, hábitat, clientelismo, medio rural.

Abstract: This work examines the existence of a differential vote in Galician municipalities based on their population. To do this, based on the data provided by the Ministry of the Interior and the Xunta de Galicia, all electoral results from the period 2000-2020 are analysed. Next, an attempt will be made to define how the demographic, social and economic differences of the different types of habitats can influence the electoral behaviour of Galicians. Additionally, this article aims to test the hypothesis that, once the effect of these is discounted, the habitat continues to have a net effect that could be attributed to the presence of clientelist networks that have their preferred area of implementation in the rural habitat.

Key words: Electoral behaviour, Galicia, ideology, nationalist sentiment, habitat, clientelism, rural environment.

Sumario: 1 Introdución. 2 Comportamento electoral dos galegos: oposición rural/urbano (2000-2020). 3 Caracterización dos municipios galegos. 3.1 Distribución da poboación en función do tamaño dos municipios. 3.2 Idade. 3.3 Economía. 3.4 Nivel educativo. 3.5 A ideoloxía e o sentimento nacionalista dos galegos. 4 Análise dos factores que inflúen nas diferenzas de voto entre hábitats. 5 Conclusións. 6 Bibliografía.

1 INTRODUCIÓN

O 12 de xullo de 2020 o Partido Popular de Galicia (PP) e o seu líder Alberto Núñez Feijoo obtiveron, por cuarta vez consecutiva, unha vitoria por maioría absoluta nas eleccións ao Parlamento de Galicia celebradas nesa data.

A simple vista, a hexemonía do Partido Popular en Galicia, coas súas diversas denominacións ao longo do tempo, afunde as súas raíces na transición, sendo o partido máis votado desde as primeiras eleccións autonómicas celebradas no ano 81, o que lle permitiu gobernar a comunidade autónoma, a maior parte do tempo transcorrido, con gobernos sustentados en sólidas maiorías absolutas.

Esta situación a nivel autonómico contrasta co feito de que os concellos das principais cidades de Galicia foron gobernados, nese mesmo período e na maioría dos casos, por gobernos en solitario ou en coalición de forzas do que poderiamos chamar centro-esquerda. No ano 2020 o Partido Popular, a pesar da súa incontestable vitoria nas eleccións autonómicas, só gobernaba nunha das sete principais cidades galegas (Ourense), e facíao nun goberno en coalición no que non desempeñaba a alcaldía.

Esta aparente contradición é o punto de partida deste traballo, no que se pretende estudar a distribución do voto, nos diversos procesos electorais desenvolvidos en Galicia, tendo en conta a poboación dos municipios.

O estudo do comportamento electoral en función do hábitat ten diversos precedentes tanto a nivel internacional como nacional; así, diversos estudos referían un maior apoio nas entidades de menor poboación aos partidos conservadores no Reino Unido e en Estados Unidos1. En España, pola súa banda, desde os anos 90 o Partido Socialista Obrero Español (PSOE) presentaba unha maior implantación electoral nos municipios de mediano tamaño, mentres que o PP dominaba nas grandes cidades e pequenos núcleos2. Non obstante, esta visión de conxunto ocultaba grandes diferenzas entre os diversos territorios de España. Así, en Andalucía, tanto a afluencia ás urnas como o voto socialista reducíanse conforme se ascendía na escala urbana, desde os asentamentos rurais ata os centros das áreas metropolitanas3.

Un volume moito menor de traballos incidiu nas posibles causas do comportamento diferencial en función do tipo do hábitat. Un exemplo disto en España é o traballo de Trujillo e Ortega4, no que ligaban o voto ao PSOE en Andalucía á inestabilidade e precariedade económica das localidades, en termos de desemprego e poboación agraria subsidiaria. Tamén referido a Andalucía, o traballo de Corzo5 relacionaba o éxito socialista co fenómeno clientelar. Este mesmo fenómeno foi estudado por Jablonski6, Barreiro-Castro7 e González e Barreiro-Castro8 para o caso galego.

Á vista do exposto, a finalidade deste traballo é estudar o comportamento dos galegos no período abranguido entre os anos 2000 e 2020, examinando as diferenzas que existen entre os distintos hábitats e as posibles causas subxacentes a estas. Para iso, vaise partir da hipótese de que hai un diferente comportamento electoral dependendo do tamaño da poboación dos municipios. De constatarse esta hipótese, formularase unha segunda conforme a cal este comportamento diferencial en canto ao voto non é só atribuíble ás diferenzas demográficas, sociais, educativas, ideolóxicas e económicas entre os distintos hábitats, o que permitiría afirmar que o tipo de hábitat alberga algún fenómeno máis alá das diferenzas na súa composición que inflúe no comportamento electoral. Este feito podería relacionarse coa posible existencia de mecanismos clientelares como os descritos por Trujillo e Ortega9, Corzo10, Jablonski11, Barreiro-Castro12 e González e Barreiro-Castro13.

Polo anterior, no seguinte apartado deste traballo detallarase o comportamento electoral dos galegos, tendo en conta a poboación dos municipios durante o período citado, para a continuación describir as diferenzas máis significativas entre os distintos hábitats desde o punto de vista demográfico, político e socioeconómico, tras o cal, por medio da técnica de regresión multinomial, se intentará esclarecer cales poden ser as causas do diferente comportamento electoral dos galegos en función do hábitat no que residen. Por último, o traballo finalizará expondo as principais conclusións que se poden extraer del.

2 COMPORTAMENTO ELECTORAL DOS GALEGOS: OPOSICIÓN RURAL/URBANO (2000-2020)

Para estudar o voto obtido polas diversas formacións políticas en función do tamaño da poboación dos municipios, recórrese a unha metodoloxía cuantitativa. Para iso, a partir da información facilitada polas administracións públicas14, analizaranse os datos correspondentes aos procesos electorais celebrados en Galicia entre os anos 2000 e 2020. Os municipios agruparanse en función da súa poboación, dando lugar a cinco categorías: <2.000 hab., 2.001-10.000 hab., 10.001-50.000 hab., 50.001-100.000 hab. e máis de 100.000 hab.

Neste sentido, cabe sinalar que o tamaño poboacional foi o criterio predominante para clasificar os diferentes tipos de hábitats tanto a nivel internacional como no caso español15. Non obstante, existen algunhas excepcións, como o caso de Míguez16 e Álvarez17 para o ámbito galego ou o de Trujillo e Ortega18 para o caso andaluz. No noso caso, recorreuse á poboación dos municipios como indicador do tipo de hábitat, deixando a un lado outro tipo de indicadores como poden ser a densidade de poboación, a situación socioeconómica do municipio ou o seu grao de urbanización. Ademais, optouse por estudar o voto das tres formacións políticas que tiveron continuidade no período estudado, que son o Partido Popular (PP), o Partido Socialista Obrero Español (PSOE) e o Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Por último, é necesario realizar unha última precisión: os cálculos realízanse só a partir dos datos do Censo de Residentes (CER), deixando fóra os datos correspondentes ao Censo de Residentes Ausentes (CERA). Neste último atópanse inscritas aquelas persoas que, tendo dereito a voto, non residen en España e o seu voto se computa a nivel provincial, polo que non é posible asignalo a ningún municipio en concreto.

Unha vez realizadas estas aclaracións de tipo metodolóxico, as táboas 1 e 2 permiten establecer unha serie de patróns no voto dos galegos cando se ten en conta o tamaño da poboación dos municipios en que habitan. En primeiro lugar, os mellores resultados do PP, en porcentaxe de voto, obtenos sempre nos municipios máis pequenos. En segundo lugar, o rendemento electoral desta formación redúcese porcentualmente a medida que aumenta o tamaño dos municipios. En terceiro lugar, o PSOE obtén, en liñas xerais, un mellor resultado nas grandes cidades. Por último, o BNG obtén na maioría das ocasións o seu mellor resultado en porcentaxe de voto nos hábitats intermedios.

Táboa 1. Media do voto aos partidos políticos en Galicia por tramos de poboación municipal (2000-2020)

Xerais

Autonómicas

Pob. municipio

PP

PSOE

BNG

PP

PSOE

BNG

≤2.000

53,68 %

28,36 %

7,69 %

57,40 %

23,40 %

13,02 %

2.001-10.000

48,09 %

27,75 %

9,29 %

53,40 %

22,17 %

16,05 %

10.001-50.000

40,97 %

28,37 %

10,24 %

46,56 %

22,51 %

18,52 %

50.001-100.000

38,92 %

29,95 %

9,76 %

44,76 %

24,06 %

17,12 %

>100.000

35,19 %

32,67 %

8,70 %

39,90 %

27,23 %

16,93 %

Municipais

Europeas

Pob. municipio

PP

PSOE

BNG

PP

PSOE

BNG

≤2.000

51,01 %

28,82 %

12,98 %

53,11 %

29,55 %

8,24 %

2.001-10.000

45,81 %

27,27 %

15,83 %

47,49 %

29,44 %

10,78 %

10.001-50.000

36,24 %

24,57 %

18,37 %

39,72 %

30,81 %

11,75 %

50.001-100.000

35,33 %

28,01 %

18,09 %

37,36 %

31,97 %

10,60 %

>100.000

32,24 %

35,14 %

13,29 %

33,61 %

35,86 %

9,00 %

Fonte: elaboración propia a partir de datos do MIR e da Xunta de Galicia.

Táboa 2. Número de veces que os partidos políticos obteñen os seus mellores resultados en cada hábitat (2000-2020)

Período (n.º de procesos no período)

2000-2020 (23)

2000-2010 (10)

2011-2020 (13)

Pob. municipio

PP

PSOE

BNG

PP

PSOE

BNG

PP

PSOE

BNG

≤2.000

23

4

0

10

0

0

13

4

0

2.001-10.000

0

0

2

0

0

0

0

0

2

10.001-50.000

0

0

13

0

0

6

0

0

7

50.001-100.000

0

0

4

0

0

0

0

0

4

>100.000

0

19

4

0

10

4

0

9

0

Fonte: elaboración propia.

3 CARACTERIZACIÓN DOS MUNICIPIOS GALEGOS

No apartado anterior constatáronse unha serie de diferenzas no voto dos galegos en función do hábitat no que residen. Neste apartado preténdense describir os elementos fundamentais que caracterizan os distintos hábitats e que poderían explicar o diferente comportamento electoral das persoas que viven nestes. Para iso vaise realizar unha descrición dunha serie de características como a idade media, o nivel educativo, a situación socioeconómica, a ideoloxía ou o sentimento nacionalista, que tradicionalmente se asociaron ás variacións no comportamento electoral. Para a análise das tres primeiras características, recorrerase aos datos facilitados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que é o organismo público dependente da Xunta de Galicia especializado na recompilación dos datos estatísticos da comunidade autónoma. Este feito supón que este traballo teña que adaptarse tanto aos datos existentes como ás categorías previamente establecidas por este organismo. Emporiso, como se verá, isto non impide a caracterización dos distintos hábitats nin inflúe nas conclusións do traballo. Para a análise da ideoloxía e do sentimento nacionalista dos galegos, recorrerase, pola súa banda, aos datos facilitados polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS).

3.1 Distribución da poboación en función do tamaño dos municipios

Como mostra a táboa 3, arredor do 30 % dos galegos viven en municipios de menos de 10.000 habitantes. Porén, esta afirmación esconde profundas diferenzas entre as provincias atlánticas (Pontevedra e A Coruña) e as interiores (Lugo e Ourense). Así, de acordo cos datos que aparecen nas táboas seguintes, compróbase que, mentres que nas provincias de Lugo e de Ourense arredor da metade da poboación vive en núcleos de menos de 10.000 habitantes, esta porcentaxe non chega ao 29 % no caso da provincia da Coruña, reducíndose a un 18,4 % no caso da provincia de Pontevedra.

Táboa 3. Porcentaxe de poboación en función do tamaño de poboación dos municipios no ano 2019

Pob. municipio

Galicia

A Coruña

Lugo

Ourense

Pontevedra

≤2.000

5,41 %

2,09 %

11,44 %

25,96 %

0,55 %

2.001-10.000

24,71 %

26,44 %

40,14 %

22,88 %

17,85 %

10.001-50.000

33,17 %

34,93 %

18,60 %

16,96 %

41,46 %

50.001-100.000

12,77 %

14,59 %

29,82 %

0,00 %

8,81 %

>100.000

23,94 %

21,95 %

0,00 %

34,21 %

31,33 %

Fonte: elaboración propia a partir de datos do IGE.

A táboa 4, pola súa banda, permite ver a evolución da distribución da poboación dos municipios en Galicia. Pode observarse un aumento dos municipios de menos de 2.000 habitantes no período estudado debido á perda de poboación dos municipios da seguinte categoría (2.001-10.000 habitantes).

Táboa 4. Evolución da distribución da poboación dos municipios galegos (2000-2019)

2000

2010

2019

Pob. municipios

% poboación

N.º municipios

% poboación

N.º municipios

% poboación

N.º municipios

≤2.000

3,84 %

74

4,47 %

94

5,41 %

118

2.001-10.000

30,58 %

185

26,67 %

164

24,71 %

141

10.001-50.000

29,91 %

49

33,12 %

50

33,17 %

47

50.001-100.000

12,39 %

4

12,44 %

4

12,77 %

4

>100.000

23,28 %

3

23,30 %

3

23,94 %

3

Fonte: elaboración propia a partir de datos do IGE.

3.2 Idade

Unha das características da poboación galega é o seu paulatino envellecemento, que afecta a todos os tipos de municipios, aínda que non coa mesma intensidade. Así, os municipios cunha idade media maior, tanto no ano 2000 como no ano 2019, eran os menos poboados, situándose a diferenza entre os municipios máis pequenos e as grandes urbes galegas, nesta última data, en máis de dez anos.

Táboa 5. Idade media dos municipios agrupados por número de habitantes

TAMAÑO DE MUNICIPIO

ANO

<2.000

2.001-10.000

10.001-50.000

50.001-100.000

>100.000

2000

50,97

46,76

40,32

40,35

41,4

2008

53,94

48,9

42,23

42,91

43,25

2016

56,1

50,67

44,57

45,07

45,5

2019

56,67

51,06

45,49

45,81

46,18

Diferenza 2019-2000

5,7

4,3

5,17

5,46

4,78

Fonte: elaboración propia a partir de datos do IGE.

3.2 Economía

Entre os factores clásicos á hora de estudar o comportamento electoral, están os relacionados coas características socioeconómicas das poboacións. En primeiro lugar, imos recorrer ao indicador máis utilizado para establecer as diferenzas económicas entre os distintos hábitats e rexións, que é o produto interior bruto (PIB) por habitante. A partir dos datos dispoñibles no IGE, elaborouse a táboa 6, tomando como referencia os anos 2010 e 2016, por seren os primeiros e os últimos datos dispoñibles para este indicador. Esta táboa permítenos constatar unha importante diferenza no PIB por habitante, no ano 2010, de máis de 8.000 euros entre os municipios con menor poboación e os de maior. Isto supón unha fenda no que se considerou medio rural/urbano, aínda que, como tamén pode observarse, se reduciu nos anos da crise económica (aproximadamente a 6.000 euros en 2016) debido a dous factores: por un lado, a mellora do indicador dos hábitats menos poboados e, por outro, un lixeiro empeoramento dos hábitats máis urbanos. Neste sentido, González (2020) sinala que durante a crise o peso relativo das pensións sobre o PIB se disparou (desde o 9,2 % en 2008 ao 12,8 % en 2014), de maneira que, mentres a renda dos fogares con membros activos rexistrou unha caída do 12 % entre 2008 e 2014, a correspondente aos fogares con membros inactivos aumentou un 11 %. Deste xeito, o hábitat rural cunha idade media superior e, polo tanto, máis dependente do sistema de pensións sufriría en menor medida as consecuencias da crise económica que o hábitat urbano.

Táboa 6. PIB por habitante (€) en Galicia en función da poboación do municipio

Poboación

2010

2016

≤2.000

16.512

18.256

2.001-10.000

16.002

17.838

10.001-50.000

18.447

19.968

50.001-100.000

26.734

25.807

>100.000

24.552

24.235

Fonte: elaboración propia a partir de datos do IGE.

Para unha maior comprensión das diferenzas económicas entre hábitats, recorrerase a outro tipo de indicadores económicos. A táboa 7 mostra a estrutura de ingresos dos fogares, elaborada igualmente a partir dos datos ofrecidos polo IGE. Neste caso, os datos dispoñibles fórzannos a cambiar as categorías á hora de agrupar os municipios en función da poboación, xa que este instituto realiza as seguintes agrupacións: <10.000 hab., 10.000-20.000 hab., 20.001-50.000 hab. e >50.000 hab. Este cambio de categorías non dificulta a nosa análise, xa que se solapan coas anteriormente utilizadas e permítenos igualmente establecer a comparación rural/urbano.

Ao analizar a estrutura dos ingresos familiares dos galegos, en función do tipo de municipio no que residen, podemos destacar dous trazos: O primeiro é que nos municipios menos poboados os ingresos proceden, en primeiro lugar, das prestacións e, en segundo lugar, do traballo por conta allea, inverténdose esta orde no resto das categorías. Isto está en consonancia coa súa maior idade media, o que supón que a maior parte da poboación recibe prestacións nalgunha das súas modalidades. A segunda característica que resaltar é o feito de que as retribucións por conta propia teñen un peso maior nos municipios de menor poboación que nos de maior, debendo atribuírse a que a base da economía do medio rural son as pequenas explotacións agrarias.

A evolución temporal da estrutura dos ingresos familiares ímola analizar con relación aos datos ofrecidos polo IGE para o ano 2008, que son os primeiros achegados por este instituto. Os datos, que igualmente figuran na táboa 7, permiten comprobar que, como consecuencia do envellecemento da poboación galega, as prestacións van gañando terreo ás rendas por conta allea como fonte de ingreso das familias en todos os hábitats. Por outra banda, as rendas derivadas do traballo por conta propia perden importancia en todas as categorías.

Pola súa parte, a táboa 8, na que figura o ingreso medio mensual por fogar, reflicte como os municipios de menor poboación son os que gozan dun menor ingreso medio familiar, sendo os municipios de maior tamaño os que gozan de máis ingresos. Non obstante, durante os anos da crise pode comprobarse que a diferenza entre os dous hábitats diminuíu como consecuencia de que as prestacións non se viron afectadas na mesma medida que as rendas do traballo, debido a que, como se mencionou, o gasto en pensións seguiu crecendo19. Este feito proporciónanos unha clave que pode resultar importante á hora de entender os resultados electorais, ao ser a poboación rural galega, debido ao seu maior envellecemento, moito máis dependente do sistema público de prestacións que a poboación urbana.

Táboa 7. Estrutura de ingresos dos fogares segundo o tamaño dos municipios (%)

Ano 2018

Poboación

Traballo por conta allea

Traballo por conta propia

Prestacións

Rendas e outros ingresos

<10.000

40,65

12,96

42,86

3,53

10.000 - 20.000

51,36

12,83

33,46

2,35

20.001 - 50.000

58,49

10,06

29,52

1,93

>50.000

56,06

8,94

32,06

2,94

Total

51,02

10,61

35,88

2,49

Ano 2008

Poboación

Traballo por conta allea

Traballo por conta propia

Prestacións

Rendas e outros ingresos

<10.000

44,44

14,22

38,86

2,48

10.000 - 20.000

56,84

13,42

27,39

2,35

20.001 - 50.000

61,75

12,72

23,46

2,07

>50.000

61,48

9,33

25,19

3,99

Total

56,19

11,87

28,93

3,01

Fonte: elaboración propia a partir de datos do IGE (datos referidos a 31 de decembro).

Táboa 8. Ingreso medio mensual (€) por fogar (2007-2018)

Poboación municipios

Ano

<10.000

10.000-20.000

20.000 50.000

>50.000

2007

1.774

1.994

2.071

2.252

2008

1.739

1.990

2.077

2.279

2009

1.750

1.906

2.049

2.272

2010

1.727

1.841

2.050

2.231

2011

1.706

1.863

1.908

2.105

2012

1.701

1.806

1.902

2.134

2013

1.754

1.853

1.900

2.067

2014

1.707

1.836

1.997

2.092

2015

1.797

1.838

1.911

2.085

2016

1.840

2.011

1.952

2.157

2017

1.901

2.023

2.121

2.236

2018

2.016

2.146

2.247

2.338

Fonte: elaboración propia a partir de datos do IGE (datos referidos a 31 de decembro).

3.4 Nivel educativo

Para abordar este apartado, recórrese ao censo de poboación do ano 2011, a partir do cal se confeccionou a táboa 9, que mostra unha fenda educativa entre os municipios menos poboados e os de maior poboación. Pode comprobarse que, a medida que se ascende na escala urbana, diminúe a porcentaxe de persoas analfabetas e sen estudos, á par que aumenta a relativa aos que posúen estudos superiores.

Táboa 9. Nivel educativo en función da poboación do municipio (2011)

Pob. municipio

Menores de 16 anos

Analfabetos e sen estudos

Primeiro grao*

Segundo grao*

Terceiro grao*

≤2.000

8,20 %

18,24 %

19,37 %

45,78 %

8,42 %

2.001-10.000

10,66 %

16,24 %

18,50 %

46,63 %

7,98 %

10.001-50.000

14,38 %

10,49 %

14,44 %

48,79 %

11,91 %

50.001-100.000

13,42 %

7,37 %

10,95 %

45,82 %

22,44 %

>100.000

13,27 %

7,17 %

11,88 %

47,26 %

20,43 %

Fonte: elaboración propia a partir de datos do IGE.

Nota aclaratoria:

*Primeiro grao: Persoas que foron á escola 5 anos ou máis sen completar EXB, ESO ou Bacharelato elemental.

*Segundo grao: Considérase que unha persoa ten estudos de segundo grao cando rematou ESO, EXB, Bacharelato elemental, Bacharelato superior, BUP, Bacharelato LOXSE, COU, PREU, FP de grao medio, FPI, Oficialía industrial ou equivalente, FP de grao superior, FPII, Mestría industrial ou equivalente.

*Terceiro grao: Considérase que unha persoa ten estudos de terceiro grao cando rematou unha diplomatura, arquitectura ou enxeñaría técnicas, tres cursos dunha licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, unha licenciatura, unha enxeñaría ou o doutoramento.

3.5 A ideoloxía e o sentimento nacionalista dos galegos en función do hábitat

Ata este punto, o traballo xirou arredor da análise de datos agregados a nivel de municipio; neste apartado, pola súa banda, vaise recorrer a datos individuais procedentes das enquisas electorais elaboradas polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), en concreto as que realiza tras cada proceso electoral ao Parlamento de Galicia20.

Á vista dos datos que figuran na táboa 10, compróbase que existen dúas tendencias ben marcadas, pero antes de abordalas é necesario facer unha precisión. O CIS traballa, no referente á autosituación ideolóxica, cunha escala que vai desde 1 a 10. Desta forma, o centro viría reflectido polo 5,5, o cal introduce un lixeiro nesgo, xa que intuitivamente unha persoa que responda a esta pregunta e se considere de centro posiblemente optará polo 5, cando esta posición está lixeiramente situada á esquerda. Por outro lado, as persoas que respondan e sexan conscientes deste aspecto, se son de centro, deberán optar por responder 5 ou 6, escorándose lixeiramente á esquerda ou dereita. Realizada esta precisión, podemos observar, en primeiro lugar, que os galegos do medio rural se sitúan no centro político, pero máis á dereita que os seus homólogos das grandes cidades. En segundo lugar, no período analizado, obsérvase unha lixeira tendencia dos galegos a situarse en posicións máis á esquerda, pasando de puntuar neste aspecto 5,43 no ano 2000 a puntuar 4,43 no ano 2020, aínda que esta tendencia é moito maior nas grandes cidades que nos municipios menos poboados. O efecto combinado destas dúas tendencias é un paulatino afastamento da autosituación ideolóxica das persoas que viven no medio rural fronte ás que habitan nas grandes cidades. Así, se no ano 2001 a diferenza neste indicador entre as persoas que vivían nos municipios menos poboados e os máis poboados era de 0,38, esta cifra elévase a 0,97 no ano 2020. Polo tanto, podemos sacar tres conclusións. A primeira é que existe un gradiente de maneira que, a medida que aumenta o grao de urbanización, as persoas dos municipios se sitúan ideoloxicamente cada vez máis á esquerda. A segunda sería que os galegos do medio rural se sitúan no centro, pero máis á dereita que os seus homólogos das grandes cidades. Por último, a tendencia dos habitantes das cidades a autosituarse en posicións máis á esquerda, ao longo do período estudado, aumentou a fenda rural/urbano neste aspecto.

Táboa 10. Evolución autosituación ideolóxica dos galegos (2000-2020) en función da poboación dos municipios

Pob. municipio

2001

2005

2009

2012

2016

2020

≤2.000

5,53

5,23

5,34

5,28

5,39

5,16

2.001-10.000

5,85

5,48

5,04

5,32

5,38

4,64

10.001-50.000

5,29

4,96

5,15

5,07

4,88

4,38

50.001-100.000

5,25

4,45

4,79

4,9

4,68

4,29

>100.000

5,15

4,48

4,49

4,44

4,38

4,19

Total Galicia

5,43

4,95

4,92

4,98

4,88

4,43

Fonte: elaboración propia. (Nota aclaratoria: 1-esquerda e 10-dereita)

A segunda cuestión a tratar é se existe unha diferenza substancial no sentimento nacionalista entre os diferentes tipos de hábitats. Neste sentido, Galicia, xunto co País Vasco e Cataluña, mantivo ao longo das últimas décadas reivindicacións de tipo nacionalista apoiadas na existencia dunha cultura e lingua propias. Para iso, igual que no caso anterior, recórrese ás enquisas postelectorais do CIS nas cales se pregunta polo sentimento nacionalista, ofrecéndolle ao entrevistado a oportunidade de autosituarse nunha escala do 1 ao 10, correspondendo o 1 ao mínimo de sentimento nacionalista e o 10 ao máximo.

Tendo en conta a puntualización realizada con anterioridade, para a escala utilizada para a autosituación ideolóxica que tamén ía de 1 a 10, podemos observar que o sentimento nacionalista é maior no medio rural que nas grandes cidades. No plano lonxitudinal pode observarse que, malia haber unha mingua progresiva no sentimento nacionalista dos galegos, esta tendencia parece terse invertido no ano 2020. Neste sentido, será necesaria a análise dos datos correspondentes aos subseguintes procesos electorais para observar se este cambio de tendencia é conxuntural ou de máis longo alcance.

Táboa 11. Evolución do sentimento nacionalista dos galegos (2000-2020) en función da poboación dos municipios

Pob. municipio

2001

2005

2009

2012

2016

2020

≤2.000

5,33

5,08

4,51

4,59

4,4

5,88

2.001-10.000

5,08

4,48

5,13

4,53

4,66

5,45

10.001-50.000

5,16

4,8

4,69

4,47

4,42

5,21

50.001-100.000

4,89

4,44

4,15

4,25

4,51

5,19

>100.000

5,07

3,8

3,61

3,48

3,57

4,93

Total Galicia

5,09

4,45

4,46

4,22

4,28

5,24

Fonte: elaboración propia a partir de datos do CIS. (Nota aclaratoria: 1-mínimo e 10-máximo)

Estes datos son coherentes cos obtidos en traballos previos como, por exemplo, o de Lagares e Pereira21, que, a partir dunha mostra propia, colocaron a situación ideolóxica dos galegos nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2012 en 4,86 e o sentimento nacionalista destes en 4,35.

Deste xeito, podemos describir a orientación política dos galegos baseándose nunha oposición rural/urbano. No primeiro tipo de hábitat, os galegos sitúanse máis á dereita e son máis nacionalistas que no segundo tipo.

4 ANÁLISE DOS FACTORES QUE INFLÚEN NAS DIFERENZAS DE VOTO ENTRE HÁBITATS

Ata este punto, describíronse as diferenzas entre os distintos hábitats no relativo á idade media, a situación económica, o nivel educativo, a ideoloxía e o sentimento nacionalista, de maneira que se puido caracterizar o medio rural galego como máis envellecido, con menos renda, máis dependente do sistema público de prestacións, con menor nivel educativo, situado ideoloxicamente máis á dereita e cun maior sentimento nacionalista que o medio urbano. Neste apartado vaise comprobar a hipótese de que o hábitat ten un efecto neto unha vez descontada a influencia de todas esas variables, recorrendo para iso á regresión multinomial.

Os datos obxecto de estudo proveñen das citadas enquisas postelectorais que o CIS elabora tras a celebración das eleccións ao Parlamento de Galicia, que son as únicas cun tamaño mostral o suficientemente amplo para realizar unha análise das causas subxacentes ao fenómeno estudado.

Empregarase como variable dependente o voto dos galegos, agrupado en función dos partidos ou coalicións que obtiveron representación parlamentaria despois de cada proceso electoral para elixir o Parlamento de Galicia, para o cal é necesario obter un mínimo dun 5 % dos votos válidos nunha circunscrición electoral22. Deste xeito, xunto ás tres formacións obxecto de estudo principal, PP, PSOE e BNG, atopámonos no ano 2012 con Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e en 2016 con En Marea. O feito de ter en conta estas dúas últimas formacións na regresión multinomial débese á necesidade de manter unha coherencia na análise de todos os procesos electorais, que non se conseguiría se estas formacións se incluísen na categoría de referencia (outros+resto) nos anos 2012 e 2016. Neste sentido, cómpre sinalar que AGE naceu como unha coalición de ANOVA –formación creada polo histórico líder do nacionalismo galego Xosé Manuel Beiras, que abandonara o BNG–, Esquerda Unida (marca en Galicia de Izquierda Unida) e outras formacións de esquerda. Esta formación de novo cuño obtivo na súa primeira cita electoral un 13,90 % dos votos e 9 parlamentarios. Pola súa parte, En Marea, que se presentou en 2016 como unha coalición, en parte sucesora da anterior, na que se integraban entre outros ANOVA, Esquerda Unida e Podemos, obtivo un 19,07 % dos votos. Estas dúas coalicións poden catalogarse como formacións nacionalistas de esquerdas. Á vista tanto da porcentaxe de votos obtidos por elas como da súa marcada posición ideolóxico-nacionalista, fíxose necesario analizar o voto destas dúas coalicións como unha categoría diferenciada da de referencia co fin de que esta tivese certa homoxeneidade con relación a todos os procesos celebrados.

Como variables independentes, empregáronse a idade, a autosituación ideolóxica, o sentimento nacionalista, o nivel educativo e a situación laboral, agrupando os datos dispoñibles para cada unha destas tres últimas en tres categorías co fin de manter un tamaño mostral axeitado. O feito de elixir estas variables independentes baséase na súa correspondencia coas diferenzas observadas entre os distintos hábitats, o cal nos permitirá comprobar se inflúen no comportamento electoral.

Táboa 12. Modelo regresión multinomial

Variable dependente:

 

Variables independentes:

Voto eleccións autonómicas:

PP

PSOE

BNG

AGE (2012)

En Marea (2016)

Outros + resto

(Cat. referencia)

 

Idade

Escala

 

 

Ideoloxía

Escala (1-10)

 

 

Sentimento nacionalista

Escala (1-10)

 

 

Hábitat

Dummy

Rural (0-10.000 hab.)

 

Intermedio (10.001-50.000 hab.)

 

Urbano (>50.000 hab.)

(Cat. referencia)

 

Nivel educativo

Dummy

Sen estudos/Primaria (Bacharelato Elemental, EXB, ESO)

 

Secundaria (Bacharelato Superior, BUP, BAC)

 

Universitarios (Cat. referencia)

 

Situación laboral

Dummy

Traballa

 

Parado/Mozo

 

Xubilado/Pensionista/Traballo doméstico non remunerado

(Cat. referencia)

Fonte: elaboración propia.

O resultado da regresión multinomial, que aparece reflectido na táboa 13, permite relacionar as variables explicativas do voto dos galegos coas diferenzas observadas en función do hábitat. En primeiro lugar, vese que a variable idade afecta de xeito diferente ás tres formacións políticas. Por un lado, no caso do PP e do PSOE a probabilidade de seren votados aumenta coa idade do votante, posto que Exp(B) é maior que 1, mentres que no caso do BNG ocorre o contrario.

En segundo lugar, a variable ideoloxía aparece como significativa en todos os procesos e para os tres partidos estudados. De acordo cos datos obtidos, a medida que os votantes se sitúan máis á esquerda aumenta a probabilidade de que voten ao PSOE ou ao BNG, mentres que diminúe a posibilidade de que se decanten polo PP. O resultado obtido con relación a esta variable ten grande importancia á hora de explicar as diferenzas electorais entre hábitats por dúas razóns. En primeiro lugar, o feito de que esta variable apareza sempre como significativa sitúaa nun lugar preeminente á hora de explicar o voto dos galegos. En segundo lugar, posto que os galegos do medio rural se sitúan máis á dereita que os seus homólogos do medio urbano, é de esperar que sexan máis proclives a votar ao PP.

En terceiro lugar, como variable significativa, aparece o sentimento nacionalista, comprobándose que a medida que este aumenta crece a probabilidade de voto ao BNG, diminuíndo a das outras dúas forzas. Non obstante, esta variable só é significativa en todos os procesos electorais no caso do BNG.

En cuarto lugar, a situación laboral cobra significación especialmente no caso do BNG, sendo significativa en catro dos seis procesos, observándose que a súa probabilidade de ser votado aumenta nas clases que traballan ou aspiran a traballar (novos e parados) en relación coas clases pasivas.

En canto ao nivel educativo, non aparece en ningún proceso electoral como variable significativa para o PP. Pola súa banda, no caso do PSOE só aparece como significativa no ano 2012, aumentado a probabilidade de ser votado por aquelas persoas con menor nivel educativo. No caso do BNG, o nivel educativo aparece en tres ocasións como variable significativa (2001, 2012 e 2020), indicando que a posibilidade de que esta formación fose votada se incrementaba nas persoas con estudos superiores no ano 2001 e 2020. No caso do ano 2012, a regresión indica o contrario, é dicir, que a probabilidade de votar ao BNG diminuía nas persoas con estudos superiores. Estes resultados, que poden semellar contraditorios, parecen indicar que, como consecuencia da escisión do BNG, os antigos votantes desta formación cun maior nivel educativo emigraron en primeiro lugar a AGE en 2012 e a En Marea en 2016, volvendo confiar no BNG en 2020.

É evidente, polo tanto, que todas as variables estudadas inflúen, en distinta medida, no comportamento electoral dos galegos e, polo tanto, poden ser consideradas explicativas do diferente comportamento electoral entre hábitats mostrado no apartado 2. Pero a táboa 13 tamén reflicte que o hábitat, independentemente das diferenzas demográficas, sociais e económicas observadas, emerxe por si mesmo como factor explicativo do comportamento electoral dos galegos. Polo tanto, corrobórase a segunda hipótese formulada neste traballo, segundo a cal, unha vez descontada a influencia das outras variables, o hábitat ten un efecto neto á hora de explicar o comportamento electoral dos galegos.

Táboa 13. Regresión multinomial compoñentes do voto en Galicia (Exp(B)/significación)

 

 

2001

2005

2009

2012

2016

2020

PP

Idade

1,011*

 

 

 

 

1,021**

Ideoloxía (1-10)

1,825**

3,167**

2,442**

2,616**

2,734**

1,924**

Sentimento nacionalista (1-10)

 

 

0,885**

 

 

0,930**

Hábitat (rural)

1,342*

2,154**

1,741**

1,536*

1,964**

1,511**

Hábitat (intermedio)

 

 

 

 

 

 

Nivel educativo (Sen estudos /Primaria)

 

 

 

 

 

 

Nivel educativo (Secundaria)

 

 

 

 

 

 

Sit. lab. (Traballa)

 

 

 

 

 

 

Sit. lab. (Parado/Mozo)

 

 

 

 

 

 

PSOE

Idade

1,020**

 

1,013*

1,016*

 

1,027**

Ideoloxía (1-10)

0,556**

0,575**

0,506**

0,466**

0,501**

0,716**

Sentimento nacionalista (1-10)

0,911*

 

 

 

1,076**

 

Hábitat (rural)

 

 

1,428*

1,616*

 

 

Hábitat (intermedio)

0,645**

 

 

1,624*

 

 

Nivel educativo (Sen estudos /Primaria)

 

 

 

1,754*

 

 

Nivel educativo (Secundaria)

 

 

 

 

 

 

Sit. lab. (Traballa)

 

2,286**

 

 

 

 

Sit. lab. (Parado/Mozo)

 

 

 

 

 

 

BNG

Idade

 

0,973**

 

0,972**

 

0,986**

Ideoloxía (1-10)

0,571**

0,521**

0,404**

0,405**

0,414**

0,6368**

Sentimento nacionalista (1-10)

1,502**

1,365**

1,500**

1,446**

1,521**

1,309**

Hábitat (rural)

0,645*

 

 

 

1,864*

 

Hábitat (intermedio)

0,659*

 

 

1,937*

 

 

Nivel educativo (Sen estudos/

Primaria)

0,544*

2,274**

0,444*

Nivel educativo (Secundaria)

 

 

 

 

 

0,625**

Sit. lab. (Traballa)

 

3,327**

3,902**

 

3,726**

 

Sit. lab. (Parado/Mozo)

1,769*

4,291**

 

4,392**

 

AGE

(2012)

Idade

 

 

 

 

 

 

Ideoloxía (1-10)

 

 

 

0,414**

0,341**

 

Sentimento nacionalista (1-10)

 

 

 

1,224**

1,161**

 

Hábitat (rural)

 

 

 

0,427**

0,511**

 

Hábitat (intermedio)

 

 

 

 

 

 

En Marea (2016)

Nivel educativo (Sen estudos /Primaria)

 

 

 

 

0,474*

 

Nivel educativo (Secundaria)

 

 

 

 

 

 

Sit. lab. (Traballa)

 

 

 

 

 

 

Sit. lab. (Parado/Mozo)

 

 

 

 

2,326*

 

* Significativo ao 5 por cento. ** Significativo ao 1 por cento.

Fonte: elaboración propia.

Para entender mellor a importancia da poboación dos municipios, é necesario observar tamén os valores do Exp(B) obtidos. No caso do PP, a variable hábitat rural non só é sempre significativa, senón que os seus valores oscilan entre 1,3 e 2,2, o que mostra que a probabilidade de que esta formación sexa votada é bastante superior no hábitat rural que no hábitat urbano tomado como referencia. Todo isto lévanos a unha cuestión fundamental: por que o hábitat rural, independentemente doutros factores, favorece o voto ao PP?

Unha posible resposta a esta pregunta podémola atopar en diversos traballos realizados con anterioridade, e estaría relacionada co clientelismo. Como xa se mencionou, Corzo23, no caso de Andalucía, relacionaba o éxito socialista con este fenómeno. No caso de Galicia, este fenómeno clientelar favorecería o PP por ser a organización política cun claro predominio no poder na comunidade autónoma durante o período democrático24.

5 CONCLUSIÓNS

Neste traballo partiuse da constatación do feito de que a primacía do Partido Popular nos procesos electorais celebrados en Galicia, durante o período 2000-2020, se asentou nun claro predominio desta formación nos municipios de menor poboación. O anterior implica que o comportamento electoral dos galegos se caracteriza por unha dualidade rural/urbano, na que esta formación domina claramente no medio rural, mentres que nos municipios de gran poboación existe unha lixeira vantaxe dos partidos de centro-esquerda. A partir desta constatación, analizáronse diversas características dos municipios galegos en función do tamaño da súa poboación para poder buscar as causas deste voto diferenciado en función do hábitat.

Unha vez analizados factores como a idade, a situación laboral, o nivel educativo, a ideoloxía ou o sentimento nacionalista, púidose caracterizar o medio rural galego como máis envellecido, con menos renda, máis dependente do sistema público de prestacións, con menor nivel educativo, situado ideoloxicamente máis á dereita e cun maior sentimento nacionalista que o medio urbano. Pola súa banda, o modelo sometido a regresión multinomial permite ver que todas estas variables, en distinta forma e intensidade, inflúen no comportamento electoral dos galegos. Agora ben, unha vez descontado o efecto desas variables, compróbase que o hábitat segue a ter un efecto neto que podería atribuírse á presenza de redes clientelares que teñen no medio rural o seu ámbito de implantación preferente. A existencia destas redes clientelares non é exclusiva de ningunha formación política, aínda que podería afirmarse que no caso galego o PP se beneficia delas en maior medida debido á súa condición de partido predominante na comunidade.

6 BIBLIOGRAFÍA

Álvarez, J.M. 2003. «Factores de voto en Galicia», en Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas, 2(1-2): 125-147.

Barreiro-Castro, L. 2021. «La influencia del poder local en el comportamiento electoral. El caso de Galicia (2000-2020)», en Revista Administración & Cidadanía (EGAP), 16(2): 281-294. https://doi.org/10.36402/ac.v16i2.4853.

Barreiro-Castro, L. 2022a. «El hábitat rural como medio facilitador del clientelismo. El caso de la provincia de Ourense (2000-2020)», en RIPS: Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas, 21(1). https://doi.org/10.15304/rips.21.1.7982

Barreiro-Castro, L. 2022b. «La racionalidad del votante rural», en Revista Administración & Cidadanía (EGAP), 17(1): 100-114. https://doi.org/10.36402/ac.v17i1.4974

Corzo, S. 2002. El clientelismo político. El Plan de Empleo Rural Andalucía: un estudio de caso. Granada: Universidad de Granada.

Curtice, J. e Steed, M. 1982. «Electoral Choice and the Production of Government: the Changing Operation of the Electoral System in the United Kingdom since 1955», en British Journal of Political Science, 12: 249-298.

Curtice, J. e Steed, M. 1986. «Proportionality and Exaggeration in the British Electoral System», en Electoral Studies, 5: 209-28.

Delgado, I. 1999. «Resultados electorales y orientación del voto en los comicios municipales de 1995», en Revista Española de Investigaciones Sociológicas, 86: 247-273.

Delgado, I. 2010. «Elecciones municipales en España. Dimensiones analíticas y aspectos distintivos de ocho procesos electorales (1979-2007)», en Política y Sociedad, 47: 3, 13-36.

González, J.J. 2004. «Las bases sociales de la política española», en Revista de Estudios Sociológicos, 4: 119-142.

González, J.J. 2009. «Voto estructural, racional y mediatizado en las elecciones generales españolas de 1996, 2000 y 2004», Revista Internacional de Sociología, 67(2): 285-307.

González, J.J. 2020. Cambio social en la España del siglo XXI. Madrid: Alianza Editorial.

González, J.J. e Barreiro-Castro, L. 2023. «El tamaño importa. Estudio comparado del efecto del hábitat sobre el voto (Galicia y Andalucía, España, 2000-2020)», en Ager: Revista de estudios sobre despoblación y desarrollo, 37: 39-66. https://doi.org/10.4422/ager.2023.02

Jablonski, P. 2005. «Clientelismo en democracia. Una propuesta para el análisis de las relaciones clientelares a nivel local», en Revista de recerca i investigació en antopologia, 2.

Justel, M. 1990. «Panorámica de la abstención electoral en España», en Revista de Estudios Políticos, 62: 343-396.

Justel, M. 1995. La abstención electoral en España, 1977-1993. Madrid: Centro de Investigaciones Sociológicas.

Lagares, N. e Pereira, M. 2013. «Los componentes del voto en las elecciones gallegas», en XI Congreso AECPA. Área IV, Sevilla.

Leguina, J. 1986. «La evolución del voto: 1982-1986: España y Madrid», en Sistema: revista de ciencias sociales, 75: 113-126.

Míguez, S. 1998. «De la apatía a la participación: La evolución de la abstención en las elecciones autonómicas de Galicia (1981-1997)», en Sociológica: Revista de pensamiento social, 3: 39-68.

Sáez, J.L. 2002. «La decisión del elector: partidismo, racionalidad-economía y estructura social», en Revista Española de Investigaciones Sociológicas, 98: 139-169.

Trujillo, J.M. e Ortega, C. 2015. «Tipo de hábitat y comportamiento electoral: Un estudio ecológico del voto socialista en el medio rural-urbano andaluz, 1999-2012», en Revista Española de Investigaciones Sociológicas, 152: 143-166.

Agradecementos

A Juan Jesús González pola súa inestimable axuda.

Notas

  1. 1 Curtice e Steed, 1982 e 1986.

  2. 2 Sáez, 2002; González, 2004 e 2009.

  3. 3 Trujillo e Ortega, 2015.

  4. 4 Trujillo e Ortega, 2015.

  5. 5 Corzo, 2002.

  6. 6 Jablonski, 2005.

  7. 7 Barreiro-Castro, 2021 e 2022a.

  8. 8 González e Barreiro-Castro, 2023.

  9. 9 Trujillo e Ortega, 2015.

  10. 10 Corzo, 2012.

  11. 11 Jablonski, 2005.

  12. 12 Barreiro-Castro, 2021, 2022a e 2022b.

  13. 13 González e Barreiro-Castro, 2023.

  14. 14 Os datos para as eleccións xerais, municipais e ao Parlamento Europeo proveñen da información subministrada polo Goberno de España a través da páxina web do Ministerio do Interior (MIR). http://www.infoelectoral.mir.es

    Os datos correspondentes ás eleccións autonómicas proveñen da información facilitada a través das páxinas web habilitadas pola Xunta de Galicia para os diferentes procesos electorais accesibles en https://eleccionsgalicia2020.gal

  15. Leguina, 1986; Justel, 1990 e 1995; Delgado, 1999 e 2010.

  16. Míguez, 1998.

  17. Álvarez, 2003.

  18. Trujillo e Ortega, 2015.

  19. González, 2020.

  20. Estudos CIS: 2434(2001), 2611(2005), 2796(2009), 2963(2012), 3155(2016) e 3294 (2020).

  21. Lagares e Pereira, 2013.

  22. Artigo 10 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia.

  23. Corzo, 2012.

  24. Barreiro-Castro, 2021 e 2022a.