Administración & Cidadanía (A&C)
Vol. 14, n. 2 (xullo-decembro) 2019
Sección: Artículos
ISSN: 1887-0287
https://doi.org/10.36402/

Crónica da xornada “O Dereito e os Animais”

Crónica de la jornada “El Derecho y los Animales”

Chronicle of the conference “The Law and the Animals”

Julia Ammerman Yebra

Investigadora predoutoral de Dereito Civil

Grupo de investigación De Conflictu Legum

Universidade de Santiago de Compostela

https://orcid.org/0000-0001-7858-0541

Recibido: 2/12/2019 | Aceptado: 16/01/2020

https://doi.org/10.36402/ac.v14i2.80

O pasado luns 4 de febreiro de 2019 celebrouse unha xornada de temática máis que pioneira na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago: “O Dereito e os Animais”. Organizada polo Grupo de Investigación De Conflictu Legum, a Fundación Franz Weber e a Facultade de Dereito citada, e dirixida pola avogada Irene Torres Márquez e a profesora Marta Otero Crespo, conseguiu reunir nunha tarde media ducia de expertos relatores e case un centenar de variadísimo público procedente de todo o territorio peninsular.

A inauguración correu a cargo de Santiago Álvarez González, director do Grupo De Conflictu Legum; Gumersindo Guinarte Cabada, decano da Facultade de Dereito; e Marta Otero Crespo, vicedecana da dita facultade, os cales auguraron o que sen dúbida foi unha intensa e enriquecedora xornada.

A primeira mesa formouna a avogada especialista en Dereito e Animais Anna Mulà Arribas, quen ademais é asesora xurídica da Fundación Franz Weber. No seu relatorio “Defensa dos animais no Dereito: antecedentes, actualidade e retos”, abordou os inicios da protección xurídica dos animais –destacando a primeira sentenza de condena por matar un can, de 1870 nos EE. UU., en que o avogado George Graham acuñou a frase “O can é o mellor amigo do home”–. Ademais, sinalou os enfoques ideolóxicos que inciden na lexislación e nas políticas públicas: o que atende ao benestar dos animais e o que se centra nos dereitos dos animais. Nesta liña mencionou a Proposición non de Lei sobre a empatía cara aos animais entre os contidos educativos no ensino obrigatorio (BOE do 14 de novembro de 2017), que pretende aumentar o respecto dos menores cara aos animais como ferramenta de prevención de actitudes violentas e acoso escolar; e a Proposición de Lei de modificación do Código civil, a Lei hipotecaria e a Lei de axuizamento civil, sobre o réxime xurídico dos animais. Rematou cuestionándose se non sería necesaria unha lei marco estatal de protección dos animais que garantise un tratamento similar desta materia por parte das comunidades autónomas.

A continuación, a fundadora do despacho ANIMALEX e asesora xurídica da Coordinadora de Profesionales por la Prevención de Abusos, CoPPA, María González Lacabex, falou sobre o vínculo de violencia que existe entre o maltrato animal e a violencia interpersoal. Así, os estudos sobre este tema poñen de relevo datos como que o 70% das mulleres maltratadas que posúen animais declararon que a súa parella tamén ameazara, causara dano ou matara o animal da familia. Ou como unha persoa que maltrata animais presenta cinco veces máis posibilidades de cometer un asasinato, homicidio ou violación. Ademais, a avogada sinalou todos os artigos que no Código penal se refiren dalgún xeito a esta vinculación entre violencia cara ás persoas e cara aos animais: así, por exemplo, cando se considera como circunstancia agravante que a violencia exercida contra os animais se faga diante de menores; ou cando se prohibe a entrada de menores en determinados espectáculos con animais.

Tras un breve debate cos asistentes, deuse paso á segunda mesa, formada por María Paz García Rubio, catedrática de Dereito Civil, e Pilar de Lara Cifuentes, maxistrada titular do Xulgado de Instrución n.º 1 de Lugo. A primeira, na súa condición de membro da sección primeira da Comisión de Codificación, ilustrou sobre a posible reforma do Código civil relativa ao réxime xurídico dos animais, coa que se pretende crear unha categoría específica que os defina como seres vivos dotados de sensibilidade. A Proposición de Lei sobre o réxime xurídico dos animais, na cal traballou durante os últimos anos a citada Comisión de Codificación, atópase actualmente en fase de tramitación parlamentaria. Sinteticamente, a proposta de reforma do Código civil nesta materia trata de seguir as liñas marcadas por outros ordenamentos xurídicos veciños que xa modificaron os seus respectivos códigos recoñecendo que os animais son seres vivos e sentintes. Por iso, proponse a modificación do artigo 333 CC para que estableza que os animais teñen unha natureza distinta á das cousas ou bens, pois son seres dotados de sensibilidade. En consonancia con iso, modifícanse outros artigos do CC relativos, por exemplo, ao achado, á responsabilidade por danos e vicios ocultos, ou á custodia dos animais en casos de crises matrimoniais. En definitiva, o que se pretende é que de forma progresiva se vaian implantando normas destinadas especialmente a regular as relacións xurídicas en que poidan estar implicados animais, á vez que progresivamente se vaia restrinxindo a aplicación supletoria do réxime xurídico das cousas a estas situacións.

Pola súa banda, a maxistrada Pilar de Lara puxo o foco no panorama actual da protección penal dos animais, denunciando a disparidade de criterios que segue existindo nos diferentes xulgados á hora de aplicar unhas leis que ou ben son ambiguas, ou ben nada din sobre como protexer os animais de condutas de maltrato. Proporcionou datos sobre o incremento na incoación de procedementos en que se observan condutas de maltrato animal, pero nos cales tristemente non se ve un aumento das sentenzas condenatorias. Reclamou a necesidade dun corpo especializado de veterinarios forenses, expertos que poidan establecer cando estamos ou non ante un menoscabo grave, ou cando se produce a inutilidade ou perda dun membro dun animal. Ademais, expuxo varias propostas de reformas que o Código penal podería acometer para facilitar a persecución das condutas de maltrato animal, como, por exemplo, suprimir termos ambiguos –“crueldade”, “menoscabo grave”– por criterios máis obxectivos, ou simplificar tipos penais a semellanza dos delitos contra as persoas, ou, en fin, incluír as persoas xurídicas como responsables criminais destes delitos. Por último, insistiu en que estamos ante delitos públicos que todos podemos denunciar.

De novo houbo tempo para o debate entre as conferenciantes e os asistentes, preguntándose estes, entre outras cousas, que facer en caso de que as autoridades competentes para a persecución dos ditos delitos non se fagan cargo da denuncia; ou sobre o actual sistema de repartición de competencias en materia de protección animal entre Estado e comunidades autónomas.

A terceira e última mesa formárona Enrique Alonso García, conselleiro permanente de Estado, e Irene Torres Márquez, avogada especialista en Dereito e Animais e codirectora (e “alma”) desta xornada. O primeiro tomou como exemplo o cabalo en Galicia para avaliar o statu quo da lexislación de benestar animal, facendo un varrido por diversas sentenzas do Tribunal Constitucional referidas aos equinos –por exemplo, as SSTC 85/2008 e 58/2915–, así como á axenda europea en materia de protección animal. Sobre esta última, comentou que se está a considerar a posibilidade de suavizar as normas de acceso da carne de cabalo ás cadeas alimentarias, que se empeza a regular a equinoterapia, ou que se están a estudar as consecuencias do cambio climático no gando.

Por último, Irene Torres, tamén na súa condición de asesora xurídica da Fundación Franz Weber, analizou a Lei 4/2017 de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, destacando que, a pesar de que se logrou unha maior concienciación social sobre a protección animal, segue a estar pendente un regulamento que a desenvolva e aínda quedan moitos aspectos por mellorar. A avogada insistiu en que non chega con prohibir os sacrificios en centros de acollida, senón que cómpre empezar desde abaixo e facer políticas públicas paralelas de prevención e coidado. Polo de pronto, a lei citada prohibe, por exemplo, que haxa animais salvaxes en circos, que se exhiban en escaparates, que se leven a cabo mutilacións de rabos e orellas, ou que se transporten os animais sen ventilación. Así mesmo, a avogada denunciou, entre outras cousas, que actualmente segue habendo multitude de anuncios en Internet onde se venden masivamente animais, cando a cría de animais debe ser só en establecementos autorizados; tamén destacou a enorme falta de centros de acollida de animais, sendo as asociacións as que cargan con case todo o peso neste eido.

Os asistentes, moitos deles provenientes de diversas asociacións de protección e acollida animal, tiveron tempo de debater algunhas cuestións máis cos expertos alí presentes, corroborándose a intuición dos que inauguraran a xornada: os temas a tratar eran tantos que daban para, como mínimo, un curso sobre dereito e animais. En definitiva, e como ben dixo a última relatora, se desde a infancia se cultiva o respecto e a sensibilidade cara aos animais, seguramente nuns anos consigamos mellorar e reverter o panorama actual, no cal o maltrato animal está, desgraciadamente, bastante xeneralizado. Por iso, esperamos que xornadas como esta poñan un granciño de area na consecución deste fin.