REVISTA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA (REGAP)
Núm. 58 (xullo-decembro 2019)
Sección: Recensións
DOI https://doi.org/10.36402/regap.v1i58

La docencia universitaria en el ámbito de las ciencias sociales y jurídicas. Entre la innovación y la tradición

Julia María García Morales

Graduada en Historia da Arte

Máster en Tutela do Patrimonio Histórico-Artístico

Estudante Máster de Ensino Obrigatorio e Bacharelato

Universidade de Granada

juliagarciamo@correo.ugr.es

Recibido: 10/12/2019 | Aceptado: 19/12/2019

DOI: https://doi.org/10.36402/10.36402/regap.v1i58.119

GARCÍA LOZANO, L. M. (dir.), e NICOLÁS GARCÍA, J. N. (dir.): La docencia universitaria en el ámbito de las ciencias sociales y jurídicas. Entre la innovación y la tradición, Editorial Aranzadi, Cizur Menor (Navarra), 2019, 188 pp. ISBN: 978-84-1309-822-7.

Por medio desta recensión tratamos de analizar o libro colectivo dirixido polos profesores García Lozano e Nicolás García no cal se examina o sistema educativo universitario español no ámbito das ciencias xurídicas e sociais, comparándoo co doutras universidades europeas, demostrando como creceu e avanzou o primeiro nos últimos anos –malia que non se producise o suficiente recoñecemento social– co fin de: “mellorar a vida e prestar un servizo público de calidade aos novos estudantes universitarios e á sociedade”. Isto ponse de manifesto por medio dos dezanove capítulos que vertebran o libro, escritos por diferentes docentes universitarios, probando a gran calidade que están a adquirir e atesourar as universidades españolas.

O primeiro capítulo, cuxa autoría corresponde ao profesor da Universidade Carlos III D. Luis Miguel García Lozano, leva por título: “La impregnación de Europa y los valores de la Unión en los estudios universitarios”. Nesta investigación analízase a perda dos valores europeos e a presenza doutros novos que están a levar a poboación cara a un cambio de mentalidade contra o sistema democrático e o Estado de Dereito. Malia ser certo que, desde que se formou a Universidade, o seu obxectivo foi impartir coñecemento pero non formar en valores, xa que estes eran uniformes en toda Europa, a situación cambiou a partir do século XX coa chegada dun fluxo de inmigrantes que proporcionou: “[...] na escena europea valores e principios de civilizacións realmente distintas á nosa, e que mesmo supuxeron unha confrontación clara e directa contra os nosos valores”.

O profesor substituto interno da Facultade de Dereito da Universidade de Granada D. Antonio Pérez Miras e a profesora axudante doutora da Facultade de Dereito da Universidade de Granada D.ª Valentina Faggiani realizaron o segundo capítulo deste estudo sobre: “La transversalidad de los valores constitucionales en el espacio europeo de educación superior”. Este traballo aborda a nova regulación das ensinanzas superiores en España por medio do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, que ten como obxectivo non só unha formación académica, senón tamén humana, integral, plural e diversa, incluída nos plans educativos, entendendo así a Universidade como: “a grande institución de formación profesional de Europa”.

O terceiro capítulo corre cargo, novamente, de D. Luis Miguel García Lozano, baixo o título: “La presencia de los valores religiosos en los planes de estudios universitarios a la vista de los tratados de la Unión”. Nel estúdase como os valores relixiosos non quedaron nunha dimensión privada, senón que acompañaron a sociedade potenciando a súa formación, aínda que nas últimas décadas quedaron relegados a un segundo plano, cargados de certos prexuízos. Non obstante, cómpre volver rescatalos, xunto a outros valores cívicos europeos, co fin de integralos dentro dos programas educativos, sinalando o interese que teñen para os novos universitarios: “para que teñan un coñecemento claro da súa importancia para a evolución do noso continente e a construción da cidadanía europea”.

O profesor axudante doutor da Universidade Nacional de Educación a distancia D. Rafael Sanz Gómez e D. José Miguel Martín Rodríguez, profesor axudante doutor da Universidade Pablo de Olavide, levan a cabo o cuarto capítulo desta monografía, coa epígrafe: “Estructuración de los títulos y calidad de la enseñanza”. Os dous autores investigan a implantación do Real decreto 43/2015, que modificou a organización dos estudos universitarios, dando lugar a instaurar 3+2 de grao e máster en lugar do 4+1, estudando a repercusión e as consecuencias que ten no sistema universitario español.

O capítulo quinto está elaborado por D. Francisco Miguel Bombillar Sáenz, profesor contratado doutor da Facultade de Dereito na Universidade de Granada, e D. Luís Miguel García Lozano, profesor da Universidade Carlos III, baixo o título: “Una reflexión acerca de los TFGS por tutores y tribunales”. Estes investigadores examinan as problemáticas que supuxo o establecemento dos TFGS debido a: “[...] unha falta de tradición investigadora entre o alumnado español, unido a un desbordado profesorado, con apenas tempo para dedicalo a tal mester”. Ante esta situación, inténtase buscar unha solución que permita unha axeitada titorización e realización dos traballos de iniciación á investigación que supoñen o colofón aos estudos de grao.

D.ª Cristina Moreno Martínez, profesora contratada doutora da Universidade de Murcia, é a encargada de efectuar o sexto capítulo, dedicado a: “La tutorización de los trabajos de fin de título. Ventajas y desventajas para el docente”. Esta autora reflexiona sobre a existencia do traballo fin de grao, por un lado, como “unha posta a proba” das competencias que se obtiveron durante os estudos de grao; por outro, investiga as vantaxes e inconvenientes que se presentan para o titor e/ou titores do dito traballo.

O sétimo capítulo, realizado por D. Antonio Pérez Miras, profesor substituto interino do departamento de Dereito Constitucional na Universidade de Granada; D. Fernando Pérez Domínguez, profesor de Dereito Público e do Traballo da Universidade de Huelva; e D. Germán Manuel Teruel Lozano, profesor axudante doutor de Dereito Constitucional na Universidade de Murcia, co título: “A propósito de los TFGS y TFMS de disciplinas jurídicas”. Estes autores céntranse nunha análise sobre a necesidade de facer os traballos finais para a obtención do título en cada un dos ciclos no ámbito xurídico, e a comparación destes con outros traballos levados a cabo en diferentes universidades europeas.

D. Pedro Jesús Pérez Zafrilla, profesor titular do Departamento de Filosofía da Universidade de Valencia, aborda o oitavo capítulo, denominado: “Repensando los procesos de acreditación docente: el horizonte de la excelencia”. O doutor Pérez Zafrilla revisa neste punto o termo de “calidade docente” segundo o formulado polos organismos de acreditación do profesorado universitario. Ademais, suxire un novo modelo baseado menos na cantidade e máis na “excelencia do profesional”.

O noveno capítulo, “Sobre la idónea incorporación del profesorado interino: una visión práctica desde la Universidad de Granada”, foi redactado por diferentes profesores vinculados ao Departamento de Dereito Constitucional da Universidade de Granada, como son: D. Augusto Aguilar Calahorro, D. Miguel José Arjona Sánchez, D.ª Eloísa Pérez Conchillo e D. Antonio Pérez Miras. Neste punto trátase a incorporación de novo persoal docente universitario a un departamento, partindo da experiencia reflexiva, persoal e práctica dos membros que figuran como autores do artigo, marcados por unha premisa: a precariedade laboral que sofre a Universidade.

O décimo capítulo versa sobre: “Los ránquines y la determinación de la calidad universitaria”. Este foi desenvolvido por: D. Antonio Pérez Miras, profesor do Departamento de Dereito Constitucional da Universidade de Granada; D. Joaquín Sarrión Esteve, profesor do Departamento de Dereito Constitucional da Universidade Nacional de Educación a Distancia; e D.ª Belén Burgos Garrido, doutoranda da Universidade de Granada. Os ditos autores centran esta investigación no estudo dos diferentes rankings universitarios, xa sexa a nivel nacional ou internacional, desde unha perspectiva crítica, resaltando o seu déficit de transparencia, as súas discrepancias, entre outros aspectos.

D. José Neftalí Nicolás García, profesor asociado da Universidade de Murcia, é o encargado de realizar o undécimo capítulo: “La calidad en el sistema universitario”. Este estudo analiza os parámetros de calidade, impostos aos docentes e ás universidades, que foron desenvolvidos por axencias independentes, así como os creados no seo das propias universidades.

O duodécimo capítulo desta monografía pertence á doutoranda da Universidade Católica de Murcia D.ª Inmaculada Olmos Rubio, titulado: “La calidad docente como forma de excelencia”. Esta autora examina a concepción do termo da excelencia na esfera da docencia universitaria. Polo tanto, un profesor excelente non é só aquel que imparte e recibe coñecemento, senón tamén o que “realiza investigacións que pon por escrito e se consultan e mesmo se venden en modo sensible”.

O décimo terceiro capítulo é obra de D. Juan Francisco Sánchez Barrilao, profesor titular do Departamento de Dereito Constitucional da Universidade de Granada, co título: “Páginas webs departamentales en apoyo de la docencia”; nel ponse de manifesto a evolución que estas sufriron e a súa importancia para os alumnos universitarios co fin de obter unha maior información de interese docente.

A doutoranda da Universidade de Granada D.ª Belén Burgos Garrido desenvolveu o décimo cuarto capítulo, acerca de: “Las nuevas tecnologías en las profesiones jurídicas: una necesidad formativa”. A autora resalta o gran proceso de informatización que vive a sociedade actual e que, polo tanto, afecta ao mundo do dereito, no xeito de se interrelacionar, de traballar, etc., o que levou consigo a aparición de novas metodoloxías laborais.

Á profesora contratada doutora do Departamento de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade Católica de Murcia D.ª Patricia Blanco Díez correspóndelle a autoría do décimo quinto capítulo: “Las tareas evaluativas a través de las plataformas digitales”. Esta autora efectúa unha revisión da opinión de distintos autores que se dedicaron á análise da aprendizaxe (métodos, transmisión do coñecemento, modalidades, etc.) na educación a distancia, concretamente na modalidade en liña, achegando novas percepcións sobre a metodoloxía deste tipo de ensino.

O décimo sexto capítulo está dedicado a: “Las TIC en la docencia universitaria: el uso de plataformas digitales”. Foi redactado polos profesores D. Antonio Pérez Miras, D. Luis Miguel García Lozano, D.ª Patricia Blanco Díez e D.ª Cristina Benlloch Domènech. Os mencionados autores indican a innovación que se produciu á hora de impartir docencia universitaria, coa introdución de plataformas de campus virtuais para apoiar o ensino, obtendo unha maior proximidade cos alumnos, superando o espazo físico que ten a aula a partir das súas propias experiencias educativas.

O doutorando D. Francisco Ramón Villaplana Jiménez, profesor asociado de Ciencias Políticas e da Administración na Universidade de Murcia, é o autor do décimo sétimo capítulo, titulado: “La conformación de los tribunales examinadores: ¿unidad de materia o multidisciplinariedad?”. Este profesor fai fincapé na importancia da conformación dos tribunais examinadores dos traballos finais de grao e máster para obter un óptimo resultado en cada caso. Para iso, parte de investigar as vantaxes e inconvenientes que presentan os dous métodos que existen para a configuración dos ditos tribunais, unidisciplinario e multidisciplinario, achegando unha serie de conclusións e recomendacións.

O décimo oitavo capítulo corre a cargo do doutorando D. Francisco Ramón Villaplana Jiménez e a profesora D. Antonia González Salcedo, baixo o título: “La adaptación práctica de la metodología docente a estudiantes con TEA en estudios universitarios de ciencias sociales y jurídicas”. Os dous investigadores abordan os diferentes retos sociais e de interrelación que presentan os estudantes universitarios con Trastornos do Espectro do Autismo, afondando nas aplicacións de diferentes adaptacións –de materiais, de prácticas entre outras–, desde unha perspectiva teórico-práctica no ámbito das ciencias sociais co obxectivo de conseguir un ensino axeitado e de éxito para este tipo de alumnos.

O libro conxunto péchase co capítulo elaborado polo profesor D. Miguel José Arjona Sánchez sobre: “Los planes de acogida para los estudiantes universitarios de primer curso”. Este autor expón a necesidade de estruturar un bo plan de acollida para a chegada dos novos alumnos, a través de cinco fases clave, que conte coa colaboración de todo o persoal universitario –docente, administrativo e de servizos–, co fin de asegurar unha excelente integración social e académica na Universidade, reducindo así a taxa de abandono.