REVISTA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA (REGAP)
Núm. 59 (xaneiro-xuño 2020)
Sección: Recensións
DOI: https://doi.org/10.36402/regap.v0i59

El recurso de casación en materia tributaria

María Victoria Álvarez Buján

Avogada

Doutora en Dereito

Universidade de Vigo

Recibido: 10/03/2020 | Aceptado: 03/07/2020
DOI: https://doi.org/10.36402/regap.v0i59.163

ÁLVAREZ MENÉNDEZ, E.: El recurso de casación en materia tributaria, Aranzadi, Cizur Menor (Navarra), 2018, 723 pp. ISBN 978-84-9197-526-7.


A monografía obxecto de comentario é da autoría individual da doutora en Dereito Estefanía Álvarez Menéndez e trae causa, precisamente, da súa tese de doutoramento. Nela recóllese, precedido dun excelso prólogo redactado por Isabel García-Ovies Sarandeses, catedrática de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Oviedo, un detido e exhaustivo exame da temática, sempre de actualidade e pouco pacífica na doutrina, relativa ao recurso de casación contencioso-administrativo, particularmente no ámbito tributario e tras a reforma operada pola LO 7/2015, do 21 de xullo.

O protagonista do libro é, sen dúbida, o Tribunal Supremo. A autora pon o acento no estudo das peculiaridades das diferentes fases de tramitación do recurso de casación, tomando especialmente en consideración que a preparación e admisión resultan claves para a prosperabilidade do recurso. Porén, a obra non fica nunha mera exposición teórica de contidos xurídicos, senón que inclúe interesantes propostas de lege ferenda, referidas con singularidade ao sistema de recursos existente na xurisdición contencioso-administrativa e tomando como parangón os modelos e ideas do dereito comparado.

A monografía goza dunha estrutura moi axeitada e componse dunha introdución e seis capítulos que tratan de xeito integral todas as cuestións elementais (alén de complementarias) e de interese ligadas ao recurso de casación.

O primeiro deles leva por título “A finalidade do recurso de casación: un estudo a través da súa evolución histórica”. Pormenoriza aquí a autora na influencia do dereito romano e do dereito intermedio italiano ata achegarse ao nacemento do recurso de casación en Francia, onde fai fincapé no factor histórico e no factor ideolóxico, contrastando o Antigo Réxime como nacemento do moderno recurso de casación que tivo lugar na Revolución Francesa. Emprega todo isto co propósito de aproximarse, a continuación, aos antecedentes históricos do recurso de casación en España, salientando as causas de desnaturalización da súa finalidade. A análise de corte histórico non se leva a cabo de maneira simplemente incidental ou coa pretensión de incrementar a extensión da obra, senón co fin de revelar a verdadeira finalidade deste recurso, como ben se anticipa xa no prólogo.

O segundo capítulo titúlase “O recurso de casación da LXCA 29/1998 con anterioridade á reforma operada pola LO 7/2015: implicacións actuais dun modelo esgotado”. A maior parte deste apartado céntrase no estudo, desde unha perspectiva de análise crítica e minuciosa, da regulación na xurisdición contencioso-administrativa do recurso de casación ordinario no que atinxe, como é lóxico en atención ao concreto obxecto de investigación, máis particularmente á esfera do dereito tributario, ben que as epígrafes segunda e terceira abordan o recurso de casación para unificación de doutrina e o recurso en interese de lei, respectivamente.

O capítulo terceiro afonda na “Urxente necesidade dun cambio de modelo”, conclusión á que arriba a autora tras efectuar unha aproximación ao recurso de casación civil e ao amparo constitucional, para tratar de explicar a dimensión obxectiva dos recursos examinando esta cuestión, así mesmo, desde a óptica do dereito de acceso aos tribunais previsto no CEDH.

Descende neste contexto a autora ao estudo pormenorizado dun dos elementos máis característicos do recurso de casación no ámbito que nos atinxe, isto é, a súa dimensión obxectiva, deténdose aquí no paso do interese casacional como causa de inadmisión ao interese casacional como criterio de admisión. Respecto deste último punto, afonda nos distintos intentos promovidos no noso país, ata a aprobación da LO 7/2015, do 21 de xullo, para a implantación na xurisdición contencioso-administrativa do interese casacional como factor determinante da admisión e, máis en concreto, reflicte os aspectos substanciais do Proxecto de Lei orgánica pola que se adapta a lexislación procesual á Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, se reforma o recurso de casación e se xeneraliza a dobre instancia penal; da proposta de reforma da Lei orgánica do poder xudicial; da proposta do Anteproxecto de Lei de eficiencia da xurisdición contencioso-administrativa; e do Anteproxecto da LOPX, do 4 de abril de 2014.

O capítulo cuarto destínase ao estudo do novo recurso de casación contencioso-administrativo tras a modificación operada pola LO 7/2015, do 21 de xullo. A novidade máis representativa introducida neste recurso en materia tributaria, como xa se podía entrever do referido con anterioridade, estriba fundamentalmente na exixencia dun interese casacional obxectivo para a formación de xurisprudencia como requisito previo para a admisión a trámite do recurso, o que ademais conforma un concepto xurídico indeterminado1, cuxo contido, significado e alcance deberán ser matizados co transcurso do tempo2. A devandita norma é examinada aquí en profundidade, partindo da natureza extraordinaria deste medio de impugnación e da súa esencia. Delimítase aquí o ámbito de aplicación do recurso de casación e o seu novo réxime de admisión (extremo este último de maior transcendencia e polémica tanto desde un punto de vista investigador como práctico). Como non podería ser doutra maneira, neste capítulo analízanse con detalle as distintas fases procesuais en que se divide o recurso e a súa tramitación: preparación, admisión, interposición, oposición, vista e sentenza, debendo aclarar que as catro últimas teñen lugar soamente no que atinxe aos recursos de casación que foran previamente admitidos.

O capítulo quinto céntrase no recurso de casación autonómico. Así, examínase o tipo de resolucións contra as que se pode recorrer, os supostos ou presuncións de interese casacional obxectivo que cabe invocar na casación autonómica e o problemático recoñecemento do recurso de casación autonómico fronte a sentenzas dos tribunais superiores de xustiza, tendo en conta o establecido no Auto do Tribunal Constitucional 41/2018, do 16 de abril, que parece non ter harmonizado os diferentes criterios interpretativos concorrentes na materia nin despexado as dúbidas máis salientables.

Finalmente, a modo de conclusión, tras as profundas, meditadas e críticas reflexións da autora, plásmase o contido do capítulo sexto, onde se recolle o quid de toda a obra, que representa o seu colofón ou corolario, é dicir, a proposta de reforma da revisión xurisdicional dos actos tributarios ao amparo do dereito comparado (e máis en singular das experiencias norteamericana, portuguesa, francesa e alemá). Isto supón a achega máis relevante da autora, como cénit da súa ardua e prolixa investigación.

A autora, ademais de concluír no capítulo anterior que no referente ao recurso de casación autonómica tamén cómpre acometer unha reforma lexislativa, no capítulo sexto avoga por reconsiderar o sistema de recursos da nosa xurisdición contencioso-administrativa, máxime cando o recurso de casación posúe unha dimensión obxectiva e os intereses da persoa litigante se sitúan nun segundo plano na admisión do recurso. En sintonía con esta idea, vén colixir, en resumidas contas, que a xeneralización do recurso de apelación, en defensa dos intereses dos litigantes, supera a conveniencia para converterse nun elemento indispensable. En definitiva, á vista do conxunto da obra e o seu contido, non podemos senón afirmar que se trata dun excelente traballo de investigación, elaborado con pleno rigor científico e académico e cun excelente dominio e manexo das fontes non só bibliográficas, senón tamén xurisprudenciais, que trata ademais de ofrecer solucións aos problemas que na práctica máis preocupan os operadores xurídicos que se desenvolven no eido tributario-xudicial e, máis en concreto, no que se refire á impugnación de actos desta índole, ofrecendo claves e pautas para mellorar a viabilidade dos recurso de casación que se formulen e obter resultados que satisfagan as expectativas e pretensións exercitadas.

Rematamos, pois, sen máis dilación, recomendando a lectura desta monografía xurídica, de relevancia e contido no só tributario, senón tamén marcadamente procesual.


1 Que xa ten o seu precedente na casación civil e na exixencia de transcendencia constitucional como presuposto de admisión do recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, motivo polo cal a autora afonda nestas figuras acertadamente.

2 A razón de mudar os criterios de admisión responde á idea de que o recurso de casación deixe de constituír unha sorte de última instancia de revisión para aqueles asuntos de maior contía para converterse nun instrumento de mellora do ordenamento xurídico.