REVISTA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA (REGAP)
Núm. 57 (xaneiro-xuño 2019)
Sección: Notas
DOI https://doi.org/10.36402/regap.v1i57

As políticas de fomento das administracións públicas ante a despoboación e o reto demográfico. Especial referencia á Administración local1

Las políticas de fomento de las administraciones públicas ante la despoblación y el reto demográfico. Especial referencia a la Administración local

Development policies that are being carried out from out public administrations, in particular those related to local entities

Juan Marquina Fuentes

Vicesecretario xeral da Deputación Provincial de Ourense
Secretario do Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento

juanmarquina@depourense.es

Recibido: 03/07/2019 | Aceptado: 18/07/2019
DOI: https://doi.org/10.36402/regap.v1i57.31

Resumo: Esta nota pretende difundir algunhas das políticas de fomento que se están a levar a cabo desde as nosas administracións públicas, con referencia especial ás entidades locais, para facer fronte á despoboación e á crise demográfica, que afecta a determinadas zonas do noso país. Formulado o debate nos ditos termos, exporanse algunhas das políticas de fomento máis relevantes e realizarase unha valoración destas, finalizando cunha breve reflexión sobre o estado actual desta cuestión, que pode cualificarse xa como un auténtico reto para as pequenas e medianas entidades locais, e para moitas das deputacións provinciais.

Palabras clave: Despoboación, reto demográfico, rural, Administración local.

Resumen: Esta nota pretende difundir algunas de las políticas de fomento que se están llevando a cabo desde nuestras administraciones públicas, con referencia especial a las entidades locales, para hacer frente a la despoblación y a la crisis demográfica, que afecta a determinadas zonas de nuestro país. Planteado el debate en dichos términos, se expondrán algunas de las políticas de fomento más relevantes y se realizará una valoración de las mismas, finalizando con una breve reflexión sobre el estado actual de esta cuestión, que puede calificarse ya como un auténtico reto para las pequeñas y medianas entidades locales, y para muchas de las diputaciones provinciales.

Palabras clave: Despoblación, reto demográfico, rural, Administración local.

Abstract: The present note intends to disclose some of the development policies that are being carried out from out public administrations, in particular those related to local entities, to fight against depopulation and demographic crisis affecting certain areas of our country. Being this the situation, the most relevant development policies shall be proposed and analysed, ending with a brief consideration about the current situation, which can be already be classified as a true challenge for small- and middle-sized entities and many provincial councils.

Key words: Depopulation, demographic challenge, rural, local Administration.

Sumario: 1 A política de fomento e o réxime xurídico das subvencións nas entidades locais. 2 As administracións públicas ante a despoboación e o reto demográfico. 3 Políticas de fomento nas entidades locais contra a despoboación e o reto demográfico: exemplos. 4 Conclusións.

1 A política de fomento e o réxime xurídico das subvencións nas entidades locais

No plano teórico, e dentro da tradicional clasificación tripartita que facía o profesor Jordana de Pozas da actuación administrativa, a saber, actividade de servizo público, de policía ou de fomento, esta última era definida como “a acción da Administración encamiñada a protexer ou promover aquelas actividades, establecementos ou riquezas debidas aos particulares e que satisfán necesidades públicas ou se estiman de utilidade xeral, sen usar da coacción nin crear servizos públicos”.

Dentro desta actividade de fomento e, pola súa vez, dentro dos instrumentos de carácter económico para materializar a dita actividade, a figura da “subvención pública” é seguramente a máis común e relevante.

No ámbito dun estado política e administrativamente descentralizado como o noso, a ordenación dun réxime xurídico común na relación subvencional constitúe unha finalidade nuclear que se inspira directamente no artigo 149.1.18.ª da Constitución española, ao teor da cal o Estado ten a competencia exclusiva sobre as bases do réxime xurídico das administracións públicas e sobre o procedemento administrativo común, todo iso sen prexuízo das competencias de autogoberno que posúen as comunidades autónomas e da autonomía local, constitucionalmente garantida (por todas SSTC 4/1981, 32/1981, 214/1989 ou 111/2016 e SSTS 20.01.2005, 26.07.2006 ou 14.11.2016).

Sen ánimo de ser exhaustivos, debemos citar como principais normas estatais reguladoras do réxime xurídico da actividade subvencional das nosas entidades locais a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; a Lei orgánica 2/2012, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira; o Real decreto lexislativo 2/2004, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais; e o Decreto do 17 de xuño de 1955 polo que se aproba o Regulamento de servizos das corporacións locais2.

Na Comunidade Autónoma de Galicia debemos igualmente citar a Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, que integra dentro do seu ámbito de aplicación expresamente as entidades locais de Galicia, incluídos os organismos e entes dependentes destas. Non sucede o mesmo co Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei autonómica, que indica expresamente que as súas disposicións non son de aplicación ás entidades locais (en diante, EELL) de Galicia e aos organismos e ás entidades vinculadas ou dependentes delas. Completaría o marco xurídico autonómico o Decreto 193/2011, ben que este ten como obxecto simplificar o procedemento de concesión de subvencións ás entidades locais galegas, unificando os procedementos de concesión, xestión e xustificación das subvencións, é dicir, aplícase ás EELL galegas cando son beneficiarias e non cando son a Administración concedente.

Dentro da potestade regulamentaria ou de autoorganización que as EELL teñen recoñecida polo artigo 4 da Lei reguladora das bases de réxime local, encaixa a previsión do artigo 17.2 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, e que establece que as bases reguladoras das subvencións das corporacións locais se deberán aprobar no marco das bases de execución do orzamento, a través dunha ordenanza xeral de subvencións ou mediante unha ordenanza específica para as distintas modalidades de subvencións.

Na definición legal de “subvención”, recollida tanto na lei estatal como na autonómica, descríbese esta figura como toda disposición en diñeiro realizada por calquera dos suxeitos do artigo 3 (onde se inclúen as EELL e os seus organismos dependentes), a favor de persoas públicas ou privadas, cando cumpra os seguintes requisitos: que a entrega se realice sen contraprestación, estea suxeita ao cumprimento dun determinado obxectivo, execución dun proxecto, realización dunha actividade, adopción dun comportamento singular, xa realizados ou por realizar, ou a concorrencia dunha situación, o beneficiario cumpra as obrigas fixadas e o seu obxecto sexa o fomento dunha actividade de utilidade pública ou interese social ou promoción dun fin público.

Vemos, pois, que se configura como un acto de disposición e translativo de dominio, e cuxo acto de concesión pode ser unilateral (resolución ou acordo administrativo) ou bilateral (convenio de colaboración), sen que iso altere a natureza da subvención.

Volvendo á clasificación tripartita inicial da actividade administrativa, a actividade de fomento é quizais a que maior compoñente de discrecionalidade ten en canto ao seu obxecto. Non queremos dicir con isto que as administracións públicas (en diante, AAPP) en xeral, e as EELL en particular, poidan outorgar subvencións de forma arbitraria ou discrecional. Ao contrario, os gobernos locais, con total respecto aos procedementos e requisitos establecidos na normativa indicada, e dentro do ámbito das súas respectivas competencias, poden, en función de criterios de estrita “oportunidade”, decidir que actividades de utilidade pública ou interese social ou que promoción de que fin público queren fomentar.

Noutras palabras, dentro das súas respectivas competencias, as EELL deciden que política ou políticas de fomento queren realizar en cada momento (fomento do deporte, fomento da cultura ou contra a violencia, por exemplo), ponderando sempre os conceptos de “utilidade pública”, “interese social” e/ou “interese xeral”, e logo de planificación a través do preceptivo Plan Estratéxico de Subvencións3.

2 As administracións públicas ante a despoboación e o reto demográfico

Nos últimos anos os diferentes gobernos do noso país, nos seus distintos niveis, parece que por fin están a asumir como un auténtico reto a análise e a busca de solucións para dous problemas que, na nosa opinión, son dúas caras da mesma moeda, a saber, a regresión demográfica e a despoboación do medio rural.

No ámbito do Goberno de España, a Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico, xurdida dun acordo adoptado na VI Conferencia de Presidentes Autonómicos celebrada o 17 de xaneiro de 2017, asume o compromiso de elaborar unha estratexia de natureza global e transversal que trate de dar unha resposta conxunta e de futuro aos tres grandes desafíos demográficos detectados: o progresivo envellecemento poboacional, o despoboamento territorial e os efectos da poboación flotante.

A dita estratexia recoñece e asume, como non pode ser doutra forma, que a súa elaboración debe realizarse coa colaboración e cooperación de comunidades autónomas e entidades locais.

Así, recentemente, en marzo de 2019, o Consello de Ministros aprobou un acordo sobre as directrices xerais da Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico, elaboradas polo Comisionado do Goberno fronte ao Reto Demográfico, adscrito ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública. Esas directrices propoñen unha estratexia de carácter global e transversal, desde unha perspectiva multidisciplinaria e coa participación de todos os departamentos a través do traballo dun grupo interministerial, incorporando unha perspectiva demográfica na análise das actuacións sectoriais.

Todos os ministerios incorporan ás directrices da estratexia máis de 80 medidas, referidas á xente nova, mulleres, atención á poboación rural, emprendedores, turismo, implantación da Administración no territorio ou actividade económica.

Estas directrices establecen unha serie de obxectivos transversais, que podemos sintetizar do seguinte xeito:

- Garantir unha plena conectividade territorial, cunha axeitada cobertura de internet de banda ancha e de telefonía móbil en todo o territorio.

- Asegurar unha apropiada prestación de servizos básicos a toda a poboación en condicións de equidade, adaptada ás características de cada territorio.

- Incorporar o impacto e a perspectiva demográfica na elaboración de leis, plans e programas de investimento.

- Avanzar na simplificación normativa e administrativa para os pequenos municipios, co fin de facilitar a xestión dos concellos.

- Eliminar os estereotipos e pór en valor a imaxe e a reputación dos territorios máis afectados polos riscos demográficos.

- Mellorar os mecanismos para unha maior colaboración público-privada, potenciando a incorporación dos factores demográficos na responsabilidade social do sector privado.

- Aliñar as liñas de acción e os propósitos da estratexia co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e da Axenda 2030.

O traballo realizado desde o Comisionado do Goberno fronte ao Reto Demográfico para a elaboración da Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico guiouse polo cumprimento do acordo da Conferencia de Presidentes, tanto no obxecto do acordo como na súa metodoloxía de traballo e contido.

Na súa metodoloxía, a elaboración da estratexia realizouse coa colaboración das comunidades autónomas, cidades con estatuto de autonomía e entidades locais. Por iso, constituíuse en setembro de 2018 un grupo institucional con comunidades autónomas e representantes da Federación Española de Municipios e Provincias. Así mesmo, constituíuse o grupo de traballo específico sobre Reto Demográfico no marco da Comisión Nacional de Administración Local, que abre unha interlocución directa con representantes de concellos e de deputacións provinciais.

Paralelamente, a Comisión de despoboación constituída no seo da FEMP elaborou e publicou en abril de 2017 un Documento de Acción, comprensivo dunha lista de medidas para loitar contra a despoboación en España. Ese documento recolle os datos dun informe anterior emitido pola propia FEMP («Poboación e despoboación en España 2016»)4, o cal revela que a metade de todos municipios españois se atopan xa en risco de extinción; en 14 provincias españolas, máis do 80 % de todos os seus municipios non pasan de 1.000 habitantes; en apenas década e media, 358 municipios pasaron a engrosar a lista de localidades que non superan os 100 empadroados (xa son un total de 1.286 municipios nesta situación); e durante o último ano certificado polo INE, 36 provincias perderon poboación por unha dinámica de regresión demográfica que segue cebándose maioritariamente nas áreas rurais.

O dito documento de propostas elaborado no seo da FEMP é froito de meses de debate e análise dentro da Comisión de Despoboación, e considérase que debe ser un punto de partida para a interlocución co Goberno, as comunidades autónomas e a sociedade civil, e incide en que municipios e deputacións provinciais deben ser partícipes directos na estratexia estatal para a loita contra a regresión demográfica e, en particular e moi especialmente, para frear o fenómeno da despoboación do medio rural.

Ese documento contén, estruturada por áreas, unha lista de 80 medidas prácticas para frear o deserto demográfico que ameaza media España, 2 delas no plano de organización institucional para implicar de forma coordinada todas as administracións públicas ás que incumbe pór en práctica as accións previstas; e 78 medidas específicas, agrupadas en seis liñas estratéxicas: economía e emprego; servizos públicos e sociais; infraestruturas; comunicacións e transporte; medidas en materia de vivenda; incentivos demográficos; e medidas de apoio ao medio rural en materia de cultura, identidade e comunicación.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, por medio do Decreto 104/2016, do 28 de xullo, creouse e regulouse o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica (DOG n. 152, do 11 de agosto de 2016), o cal se configura como un órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de demografía, adscrito á consellaría competente en materia de benestar social. Na súa composición prevese a presenza, como vogal, dunha persoa en representación da FEGAMP.

A principios deste ano 2019 realizáronse os primeiros trámites do que será, se hai maioría suficiente no Parlamento de Galicia, a futura lei de impulso demográfico de Galicia. Nesta liña, o recente Consello de Goberno da Xunta de Galicia, do 27 de xuño de 2019, acordou autorizar o inicio da tramitación do anteproxecto da que se denominará Lei de apoio á natalidade e impulso demográfico de Galicia. Partindo da análise recollida no Informe Galicia: perspectivas demográficas, realizado no seo do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, o texto proposto, como explica a nota publicada ao respecto pola Xunta de Galicia, nace con vocación de consenso e permanencia, e responde ao obxectivo común de facer de Galicia un mellor lugar para formar unha familia.

Proximamente, a dita lei autonómica someterase ao trámite de exposición pública antes de remitirse ao Parlamento ao longo do segundo período de sesións. Os principios e medidas que prevé divídense en oito bloques, relacionados con distintas áreas de intervención: a organización e coordinación das administracións públicas, os criterios xerais de actuación, medidas de apoio ás familias, fomento da conciliación, apoio á xuventude, impulso do retorno dos galegos no exterior e atracción de nova poboación, equilibrio territorial e envellecemento activo.

Sen ánimo de ser exhaustivos, si nos gustaría destacar do anteproxecto, pola súa relación coa Administración local, as previsións referidas á posta en marcha da Comisión de Impulso Demográfico entre a Xunta, concellos e deputacións, a imposición ás administracións públicas de que teñan en conta o envellecemento e o desequilibrio de xénero da poboación no medio rural e costeiro non urbano no deseño das políticas e os servizos públicos, ou a redacción e aprobación, nun prazo máximo dun ano desde a súa aprobación, dunha estratexia de impulso demográfico feita en coordinación cos concellos.

Por último, debemos ter presente que a principios deste ano 2019 e no ámbito da UE, o Parlamento Europeo aprobou o informe que fixa a súa posición sobre o novo Regulamento do FEDER e do Fondo de Cohesión, e cuxo texto avala que as rexións afectadas por desafíos demográficos reciban máis fondos europeos para afrontalos. Deste xeito, a Comisión de Desenvolvemento Rexional acordou establecer unha partida específica do 5 % dos fondos FEDER en cada Estado para zonas en crise demográfica.

3 Políticas de fomento nas entidades locais contra a despoboación e o reto demográfico: exemplos

Como sinala o Documento de Acción elaborado no seo da FEMP anteriormente citado, municipios e deputacións provinciais deben ser partícipes directos na estratexia estatal para a loita contra a regresión demográfica e, en particular e moi especialmente, para frear o fenómeno da despoboación do medio rural.

Nos últimos anos, algunhas das EELL que integran a Administración local xa fixeron uso dos seus fondos propios, ou de fondos comunitarios, para implementar algunhas políticas públicas de fomento, tendentes a loitar contra a despoboación e o reto demográfico.

Nesta liña, e co financiamento logrado por algunhas deputacións e concellos a través do Fondo Social Europeo, a través do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, empezáronse a executar proxectos destinados ás persoas novas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, co obxectivo de contribuír a mitigar o problema de despoboación das zonas rurais e lograr fixar a poboación nova nos municipios con menor número de habitantes (Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo, axudas EMP-POEX, sendo beneficiarias no ano 2018, entre outras, as deputacións de Granada, Ourense ou Albacete, ou os concellos de Aín na provincia de Castelló, Alcalá de Guadaíra na provincia de Sevilla ou Los Realejos en Tenerife).

Igualmente, cada vez son máis as EELL que establecen liñas de axudas económicas por nacemento ou adopción de fillos ou fillas, ou polo fomento da natalidade en xeral, con diferentes limiares, importes e requisitos coa marxe que lles permite a súa autonomía local e potestade de autoorganización. Entre estas, podemos citar as das deputacións de Palencia, Málaga, Soria, Ourense ou Zamora, ou as dos concellos de Valencia de Don Juan (León), Boborás (Ourense), Campezo (Áraba), La Bañeza (Zamora) ou Venta de Baños (Palencia).

Como exemplos de proxectos máis integrais e ambiciosos podemos citar, entre outros, os emprendidos pola Deputación de Zaragoza, con convocatorias de subvencións para as pemes, autónomos, asociacións, fundacións, organizacións empresariais e sindicais para loitar contra a despoboación, a través do apoio a proxectos relacionados coa agricultura, a actividade hostaleira, as novas tecnoloxías da información e a comunicación, o turismo activo, o transporte, a agroindustria, etc.

Outro exemplo témolo no Programa Repoblem da Deputación de Castelló, cuxo obxectivo é combater a despoboación nos contornos rurais da provincia, e que comprende liñas de traballo como axudas á natalidade, as unidades de respiro familiar de apoio á conciliación laboral e familiar ou o servizo de transporte rural, ou a implantación en municipios rurais de tendas multiservizo.

Pola súa banda, a Deputación de Cáceres ten en marcha unha serie de axudas ao reto demográfico, como son o Plan Activa, para o emprego, infraestruturas, gasto corrente, cultura, deporte, ou os proxectos Deputación Desenvolve, Deputación Emprende e Deputación Rehabilita, cos obxectivos de xerar emprego e fixar poboación.

Nunha liña similar, a Deputación de Segovia vén desenvolvendo iniciativas dirixidas a loitar contra a despoboación, implantando un amplo programa de servizos claves para manter poboación e facilitando a integración e a adaptación de novas iniciativas ao territorio, marcando como reto facer da provincia un referente da calidade de vida, fomentando un desenvolvemento sustentable que implique a xeración de emprego de calidade e permita fixar poboación e mellorar a situación de mozos e mulleres no territorio.

Outro suposto é o da Deputación de Ourense, que neste ano 2019 comezou a implantar nas convocatorias e bases reguladoras dos seus programas de cooperación cos concellos o criterio da perspectiva de reto demográfico, clasificando os concellos en graos en función da súa inclusión ou non en área urbana, a súa poboación, a súa perda ou incremento de poboación, a súa densidade e taxa de natalidade, e actuando os ditos graos como ponderadores das axudas concedidas en programas relativos á prestación de servizos sociais, atención á infancia, fomento da natalidade ou fomento do emprego.

Pechando o capítulo das deputacións provinciais, merece igualmente mención a liña de axudas da Deputación de Cuenca para a posta en marcha de casas niño dedicadas á atención de nenos e nenas de ata tres anos en municipios inferiores a 20.000 habitantes, que buscan apoiar a conciliación da vida familiar, laboral e social, así como o fomento das fórmulas do autoemprego e de economía social.

No eido municipal, é evidente que as iniciativas foron menores, tanto en contía como en alcance, cuestión lóxica se partimos do razoamento de que os concellos que sofren perda de poboación adoitan ser os de menos recursos.

Así, a maioría de liñas de fomento redúcense ás xa citadas de fomento de natalidade, aínda que existen outras experiencias en axudas á adquisición ou rehabilitación de vivendas, á conciliación familiar, ao emprego ou ao emprendemento.

Sen prexuízo do indicado, debemos citar o Plan estratéxico contra a despoboación 2019-2022 do Concello de San Esteban del Valle (Ávila), cuxo obxectivo xeral é reducir a perda de poboación a través da mellora do benestar e as condicións de vida dos seus habitantes e o fomento da participación da cidadanía na busca de solucións, promovendo o desenvolvemento agropecuario sustentable, a produción agropecuaria ecolóxica e de calidade e a comercialización dos produtos locais.

Nunha liña similar sitúase o Plan estratéxico de loita contra a despoboación do Concello de Medina del Campo (Valladolid), que ten como principais liñas de actuación seis aspectos: a actividade económica, a vivenda, a mellora dos equipamentos e servizos básicos da contorna, a mobilidade tendo en conta a situación estratéxica da localidade con respecto á capital e a posta en valor do empadroamento no municipio de residencia.

Unha última mención, polo seu carácter innovador, merece a iniciativa dos concellos sorianos de Valdeavellano e El Hueco, que promoveron un proxecto para crear o primeiro ecosistema europeo tecnosocial enfocado á loita contra a despoboación, e cuxa intención é converter Espacio Valdeavellano en dinamizador da bisbarra, potenciando este centro como referente nacional e internacional en novas tecnoloxías, coa vista posta na loita contra a despoboación e a mellora da calidade de vida no medio rural e mantendo sempre o enfoque no reto de frear a despoboación.

4 Conclusións

Do panorama anteriormente exposto podemos extraer unha serie de cuestións a modo de conclusión.

A primeira, e seguramente a principal, é que parece que por fin os gobernos, nos seus distintos niveis, tomaron conciencia da importancia de promover políticas públicas que intenten facer fronte ao fenómeno da regresión demográfica (reto demográfico) e a despoboación de determinadas zonas, especialmente as rurais.

Xa se fala con claridade, nos diferentes foros políticos e sociais, do chamado “baleirado” dunha parte do territorio español, e que pode traer como efecto o dun grave problema de desequilibrio socio-territorial e económico, e cuxos principais síntomas recoñecidos son os do descenso xeneralizado da natalidade, a perda continuada de poboación, a baixa densidade en zonas rurais e as aglomeracións nas zonas urbanas, e o envellecemento da poboación.

Podemos afirmar xa, sen medo a equivocarnos, que existe un consenso case xeneralizado na incorporación do impacto demográfico na elaboración da maior parte das políticas públicas, e en que cómpre que desde todos os gobernos se adopten medidas tendentes a garantir a igualdade de oportunidades e o libre exercicio dos dereitos de cidadanía en todo o territorio. Neste punto, é evidente que fronte a este reto as entidades que integran a Administración local teñen moito que achegar e moito que dicir, sen perder de vista que é fundamental a colaboración e a coordinación de todas as administracións públicas.

Como expuxemos, moitas das nosas EELL xa puxeron mans á obra, pero pensamos que as medidas ata agora implementadas son residuais e de pouco calado, salvo excepcións. En todo caso, parece que xa non hai volta atrás e que o camiño xa se iniciou, e tanto o Estado como as comunidades autónomas afectadas van na mesma liña.

Nos próximos anos poderemos comprobar se as políticas que hoxe se planifican obteñen os resultados desexados, e se o despoboamento e a regresión demográfica que hoxe parecen fenómenos imparables poden, polo menos, minimizarse.

Faise necesario, na nosa opinión, que as entidades locais afectadas vexan incrementado o seu financiamento para adoptar este tipo de políticas, que deben ir dirixidas a intentar atallar a raíz do problema e a intentar garantir que a elección do lugar e o xeito de vida da cidadanía, especialmente dos máis novos, non se vexa condicionada pola situación xeográfica, ou, polo menos, na menor medida posible.

E é que non debemos esquecer que a maioría dos nosos avós e dos nosos pais, e en moitos casos nós mesmos, vimos de pequenas poboacións, e que os enclaves rurais e as concentracións urbanas son dúas realidades que se retroalimentan e que non se entende a unha sen a outra.

Fontes consultadas

http://www.mptfp.es/portal/reto_demografico/Estrategia_Nacional.html

https://www.lamoncloa.gob.es/consejodeministros/Paginas/enlaces/290319-enlace-reto.aspx

https://www.xunta.gal/hemeroteca/-/nova/063699/xunta-paso-mais-reto-demografico-coa-constitucion-observatorio-galego

http://www.parlamentodegalicia.es/

https://transparencia.xunta.gal/portada

http://www.femp.es/sites/default/files/multimedia/documento_de_accion_comision_de_despoblacion_9-05-17.pdf

https://www.diputaciondepalencia.es/

http://www.depourense.es/index.php/es

http://www.malaga.es/diputacion/

http://www.dipsoria.es/

http://www.diputaciondezamora.es/

http://www.valenciadedonjuan.es/

http://boboras.gal/

http://www.campezo.eus/

http://www.aytobaneza.es/

https://ventadebanos.es/

http://www.dpz.es/

https://www.dipcas.es/es/

https://www.dip-caceres.es/

https://www.dipucuenca.es/

http://www.sanestebandelvalle.es/images/Despoblaci %C3 %B3n/Plan %20estrat %C3 %A9gico %20contra %20la %20despoblaci %C3 %B3n.pdf

http://empleomedina.com/wp-content/uploads/Despoblaci %C3 %B3nPlan_Estrategico.pdf

https://www.elhueco.org/tag/valdeavellano-de-tera/

1 Traballo realizado no marco do proxecto de investigación: Instrumentos xurídicos para a loita contra a despoboación no ámbito rural (DESPORU), Ref.: RTI2018-099804-a-100. Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Axencia Estatal de Investigación. Goberno de España.

2 Este decreto preconstitucional dedica o seu título II á acción de fomento, cun capítulo único relativo ás subvencións, o cal, aínda que sorprendentemente non foi derrogado de forma expresa, na nosa opinión atoparíase derrogado tacitamente pola lexislación posterior aprobada en materia de subvencións, tanto estatal como autonómica.

3 Debemos ter presente o carácter obrigatorio e previo á tramitación de calquera subvención deste instrumento de planificación, tal como establece o artigo 8 da LXS e a interpretación que dese precepto realizou a xurisprudencia do TS (por todas, as SSTS 26.06.2012, 04.12.2012, 28.01.2013 e 16.04.2012), e onde se sinala que “... o Plan Estratéxico ten carácter previo ao establecemento de calquera subvención, constituíndo un requisito esencial cuxo cumprimento exixe que sexa formalizado externamente e cun contido que o faga identificable como tal por reflectir polo menos aquilo ao que alude o apartado 1 do artigo 8...”. En consecuencia, a aprobación dun plan estratéxico resulta, na nosa opinión, unha necesidade ineludible para posibilitar a concesión de subvencións por parte das EELL.

4 Poboación e Despoboación en España 2016 (Documento de traballo da Comisión de Despoboación da FEMP. Xaneiro de 2017).