REVISTA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA (REGAP)
Núm. 57 (xaneiro-xuño 2019)
Sección: Recensións
DOI https://doi.org/10.36402/regap.v1i57

4ª Revolución industrial: impacto de la automatización y la inteligencia artificial en la sociedad y la economía digital

Noelia Betetos Agrelo

Bolseira de Colaboración da Área de Dereito Administrativo
Universidade de Santiago de Compostela

n.betetos@gmail.com

Recibido: 08/07/2019 | Aceptado: 18/07/2019
DOI: https://doi.org/10.36402/regap.v1i57.33

GARCÍA NOVOA, C., e SANTIAGO IGLESIAS, D. (dirs.): 4ª Revolución industrial: impacto de la automatización y la inteligencia artificial en la sociedad y la economía digital, Thomson Reuters – Aranzadi, Cizur Menor (Navarra), 2019, 740 pp. ISBN: 978-84-13090-63-4.

Este libro constitúe o primeiro volume dunha serie de estudos xurídicos, económicos e filosóficos sobre o impacto da 4.ª Revolución industrial na sociedade actual. Ao longo de todo o texto aproxímase ao lector aos numerosos cambios acaecidos nos ámbitos xurídico e económico no contexto global e como se tratou de dar resposta a cada unha das dificultades desde a perspectiva do sector privado e desde a óptica das administracións públicas.

A obra estrutúrase en vinte e oito capítulos e os capítulos encádranse, pola súa vez, en tres seccións diferenciadas. A primeira abarca os trece primeiros capítulos e ocúpase de cuestións de economía xeral e asuntos mercantís, a segunda sección dispón de sete capítulos centrados no ámbito administrativo e, finalmente, a última das seccións conformada polos oito últimos capítulos aborda cuestións eminentemente laborais.

Nesta recensión aludirase brevemente ás reflexións que suscitan a lectura desta obra colectiva. A este respecto, destacarase o labor dos autores que subscriben os diferentes capítulos e que tratan de pór de manifesto os obstáculos a que se enfronta a sociedade actual, que debe adaptarse a unha evolución e cambio constante causado polo imparable desenvolvemento das tecnoloxías da información e da comunicación, mediante a selección e o comentario detallado dalgún deses capítulos, a xeito de exemplo do contido do texto.

Así, o capítulo seis, englobado na primeira parte da obra e elaborado pola Dra. Elena F. Pérez Carrillo, aborda a problemática xurdida en relación cos ciberseguros. Na obra en xeral, e neste capítulo máis especificamente, cuestiónase como as novas tecnoloxías afectaron ao conxunto da sociedade e á forma de estruturar e planificar as actividades económicas. É neste contexto en que xorde a necesidade para os operadores económicos de crear (o asegurador) e de contratar (os asegurados) unha modalidade de seguros que, separándose do sistema tradicional, permita asegurar os riscos a que se está exposto na actualidade, vinculados co uso das novas tecnoloxías.

A autora realiza unha exhaustiva compilación da normativa vixente en materia de ciberseguros. É especialmente destacable o papel que nesta materia desenvolven as directivas da Unión Europea e o Regulamento Xeral de Protección de Datos [Regulamento (UE) 2010/679]. Con esta normativa, o lexislador europeo pretendeu establecer un réxime de obrigas e cautelas que os operadores no mercado deben acatar co fin de evitar ou reducir os riscos.

Neste capítulo lévase a cabo tamén unha reflexión acerca dos diferentes tipos de riscos que cabe asegurar no ámbito dos ciberseguros. A autora clasifica os riscos asegurables en afirmativos e silenciosos, sendo os primeiros aqueles recollidos expresamente na póliza do seguro, fronte aos silenciosos, que son os riscos que, ao non estaren expresamente excluídos do contrato, permiten a súa posible incorporación a aquel mediante unha interpretación xudicial extensiva.

No sector dos ciberseguros avógase pola creación dun seguro estándar que cubra tres subtipos diferentes de riscos. En primeiro lugar, os asegurados pretenden que dentro do seguro se proporcione unha cobertura para os danos propios, como poden ser os prexuízos pola posible interrupción do negocio. En segundo lugar, preténdese que esta modalidade de seguros proporcione unha protección en relación cos gastos de defensa nos litixios que poidan xurdir como consecuencia dos ciberataques. E, finalmente, búscase que os ciberseguros proporcionen as indemnizacións de responsabilidade civil que o operador económico deba satisfacer aos seus clientes, en caso de roubo e difusión de datos persoais protexidos.

En resumo, a autora desenvolve unha aproximación moi completa á evolución do réxime dos ciberseguros e remata cunha reflexión acerca da inseguridade existente neste sector na actualidade, e a conseguinte necesidade de desenvolver un contrato estándar de seguro cibernético, ademais de potenciar a utilización complementaria de estratexias de xestión de riscos cibernéticos.

O capítulo dez, elaborado pola Dra. Miriam Martínez Pérez, aborda a problemática do tratamento dos datos de carácter persoal no ámbito das redes sociais. A este respecto, a autora ilustra os lectores sobre como os datos de carácter persoal dos usuarios deste tipo de plataformas son utilizados como obxecto de comercio polos operadores económicos. Isto prodúcese mediante a análise masiva dos datos que resultan accesibles por medio das redes sociais (tratamento do Big Data) e que se utilizan como mecanismo de predición do comportamento dos usuarios dese servizo. Cos resultados ofrecidos pola análise dos datos é posible predicir os gustos, hábitos, pautas de consumo e comportamento do usuario, o que supón unha fonte de información esencial para a configuración do mercado.

Fronte á perspectiva do uso comercial dos datos de carácter persoal por parte dos operadores económicos, debe destacarse a calidade da explicación que ofrece a autora acerca da posición dos usuarios destes servizos e os dereitos que lles son recoñecidos pola lei. A normativa vixente na actualidade deriva principalmente do ámbito da Unión Europea, supondo un fito importante en materia de protección de datos a aprobación do xa citado Regulamento Xeral de Protección de Datos. Neste texto normativo diferénciase entre os datos cedidos voluntariamente polo usuario á plataforma e os datos obtidos mediante a monitorización dos seus dispositivos electrónicos. En ambos os dous supostos o prestador do servizo debe informar e solicitar consentimento expreso de cada unha das persoas para poder facer uso deses datos.

Ademais, o Regulamento Xeral de Protección de Datos e a normativa española que completa a regulación neste sector recoñécenlles unha serie de dereitos aos usuarios, entre os cales resulta destacable, por ser unha novidade, o dereito ao esquecemento. Este dereito permítelles aos usuarios a posibilidade de non aparecer nos motores de busca xerais, pero non os habilita en ningún caso para que os seus datos de carácter persoal sexan eliminados das bases de datos do prestador do servizo.

En resumo, este capítulo achega unha clara explicación sobre a problemática da protección dos datos persoais no ámbito das redes sociais e a súa conseguinte repercusión no sector mercantil, e ofrece unha visión crítica acerca das cuestións que representan un importante desafío para o lexislador e a sociedade actual.

O capítulo catorce, elaborado polo catedrático Luis Míguez Macho, aborda o proceso de implementación da Administración electrónica no ordenamento xurídico español.

O autor expón unha exhaustiva explicación acerca da complexidade do procedemento de incorporación da Administración electrónica no sistema actual, que debe concluírse como moito en outubro de 2020. A normativa aplicable neste sector parte da existencia de preceptos dispersos principalmente nas leis 39/2015 e 40/2015 que se pretenden desenvolver a través dun regulamento. Para estes efectos, no mes de maio de 2018 foi sometido ao trámite de consulta pública o Proxecto de Regulamento en materia de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos.

En relación con ese proxecto de regulamento, o autor critica, en primeiro lugar, a ausencia dunha normativa legal completa que sirva de base habilitante ao posterior desenvolvemento e, neste sentido, cuestiona a operatividade dunha norma de rango regulamentario como instrumento que non só vai exercer unha función de desenvolvemento dunha lexislación preexistente, senón que o seu alcance vai máis alá, ao cumprir tamén un labor de creación de preceptos que carecen de fundamento nas leis 39/2015 e 40/2015. Ademais do argumento anterior, tamén resulta criticable a utilización dun regulamento para regular un sector normativo no cal practicamente á totalidade dos preceptos se lles vai dotar de carácter básico e, polo tanto, de aplicación obrigatoria para todas as administracións públicas.

No proxecto de regulamento plasmáronse as pautas que se deben seguir para a incorporación da Administración electrónica ao sistema actual. No dito texto recóllense os principios que deben inspirar a actuación dos poderes públicos neste sector e regúlase, ademais, a creación dos portais de internet e das sedes electrónicas das distintas administracións públicas e a forma de presentación dos documentos por medios electrónicos. Así mesmo, prevese a extensión da obriga de relacionarse unicamente coa Administración por medios electrónicos a outros administrados, como poden ser os participantes que pretenden concorrer a un proceso selectivo de acceso á función pública ou aos profesionais autónomos. Esta extensión é criticada polo autor por ampliar o ámbito de aplicación da obriga mencionada a supostos non previstos na Lei 39/2015.

En resumo, este capítulo ofrece unha aproximación completa ao proceso de implementación da Administración electrónica no sistema español actual e o autor achega, desde unha perspectiva crítica, unha análise da normativa que vai resultar de aplicación a este sector no futuro.

O capítulo dezaseis, elaborado pola Dra. Diana Santiago Iglesias, versa sobre o fenómeno das smart cities e a súa implementación na sociedade actual.

A autora, en primeiro lugar, achega un concepto de smart city e desenvolve os diferentes elementos que se poden incorporar para a constitución desta figura, entre os cales se destacan os de smart governance, smart mobility, smart environment, smart living, smart people e smart economy.

As smart cities xurdiron como un fenómeno emerxente na sociedade actual para incorporar ás cidades de todo o mundo as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), coa finalidade de alcanzar unha serie de propósitos, os cales se explican de forma ampla neste capítulo. Así, trátase de conseguir un desenvolvemento económico, ambiental e social sustentable, incrementando a calidade de vida dos cidadáns e procurando a mellor xestión dos servizos públicos e dos recursos dispoñibles.

Así mesmo, neste capítulo pódese obter unha visión máis completa acerca da experiencia práctica na implementación das smart cities na realidade actual. Con tal obxecto, a obra achega numerosos datos extraídos do estudo Mapping Smart Cities in the EU, que permiten comparar o distinto grao de desenvolvemento do fenómeno das cidades intelixentes nos países de Europa. Cabe destacar a acción dos países nórdicos, que aplicaron este fenómeno a moitas das súas cidades con grande éxito, seguidos de preto por países como Italia, Austria e Holanda. Tamén en España se apostou polo desenvolvemento das smart cities, e para a consecución deste obxectivo aprobáronse o Plan Nacional de Cidades Intelixentes e o Plan Nacional de Territorios Intelixentes.

En resumo, como fenómeno emerxente, as smart cities aínda non chegaron ao seu completo desenvolvemento, pero os distintos países europeos están a favorecer a súa incorporación.

O capítulo dezaoito, elaborado pola Dra. Andrea Garrido Juncal, aborda a problemática do tratamento do Big Data no seo da Administración pública.

A primeira parte do capítulo expón as exixencias da lei en relación co formato en que deben presentarse os datos de que dispón a Administración pública. A autora ofrece unha visión completa da normativa que regula esta cuestión e que lle impón á Administración a obriga de difundir os datos de que dispón nun formato que permita a súa reutilización, é dicir, en formatos estruturados, de acceso aberto e sen propietario, como poden ser os formatos CSV ou XML, debendo evitar, sensu contrario, os formatos que non admiten modificacións ou edición, como é o caso do formato PDF.

A este respecto, é posible que a Administración pública e os demais organismos do sector público condicionen o acceso á información de que dispoñen mediante a exixencia aos interesados da obtención dunha licenza para poderen acceder aos ditos contidos. Cómpre matizar, non obstante, que se avoga pola concesión de licenzas en xeral e non pola concesión destas con carácter exclusivo, xa que isto pode ter implicacións negativas no mercado, tal como puxo de manifesto a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia.

Así mesmo, a Administración pode exixir unha contraprestación económica por facilitar o acceso á información, sempre que a contraprestación non supere en última instancia o custo que supuxo a adquisición, tratamento e posta á disposición da información.

A autora extrae como conclusión do seu traballo a importancia do tratamento do Big Data como instrumento para a obtención non só de información, senón tamén de coñecemento, que permita á sociedade en xeral e á Administración pública en particular adoptar decisións máis áxiles e flexibles. O tratamento do Big Data no ámbito da Administración pode materializarse, por exemplo, nun aumento da eficiencia na prestación e xestión dos servizos públicos ou a prevención da corrupción, con mecanismos como o posto en marcha na Comunidade Valenciana. Este último consiste basicamente nun Sistema de Alertas Rápidas para a Prevención da Corrupción (SAR), que non deixa de ser un programa informático destinado á análise masiva de datos, co fin de detectar fraudes ou malas prácticas na xestión das distintas administracións.

Por todo o exposto, cabe concluír que a lectura do libro é sumamente recomendable, na medida en que pode achegar aos lectores unha visión global acerca das dificultades ás que se enfronta a sociedade actual, principalmente no plano xurídico, á hora de facer fronte á evolución das novas tecnoloxías e a todos os obstáculos que xurdan do seu desenvolvemento.

As tecnoloxías da información e da comunicación supuxeron en moitos ámbitos, non só no plano eminentemente xurídico, unha ruptura respecto do modelo anterior ou tradicional, e con isto puxo de manifesto a necesidade de que os lexisladores europeo e nacional traten de dar unha axeitada resposta aos novos fenómenos que van arraigando na sociedade e que transformaron a forma de entender e adaptarse ao mundo actual. Neste sentido, a lectura da obra achega o lector á normativa legal vixente, apoiándose na xurisprudencia e nas diferentes posicións doutrinais. Ademais, en cada un dos capítulos da obra, os respectivos autores incorporan unha bibliografía específica de cada unha das materias tratadas que lle permite ao lector obter, se o desexa, un coñecemento máis profundo sobre cada un dos temas.

En definitiva, a obra ofrece unha aproximación acerca de como as TIC afectaron aos sectores económico, mercantil, administrativo e laboral, explicando, así mesmo, cunha gran brillantez expositiva e de forma accesible ao público en xeral os distintos ámbitos que sufriron unha transformación ou adaptación pola aplicación destas novas tecnoloxías. Iso fai do libro un instrumento sumamente recomendable para todo tipo de público, xa que ofrece numerosos datos acerca de cuestións actuais que afectan ao conxunto da sociedade e, ademais, nun sector que presenta a dificultade engadida da falta de información suficiente, que lle impide á poboación aproveitar as novas posibilidades ou previr os posibles riscos que pode implicar o uso destas tecnoloxías disruptivas.