REVISTA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA (REGAP)
Núm. 57 (xaneiro-xuño 2019)
Sección: Notas
DOI https://doi.org/10.36402/regap.v1i57

A casación ante o Tribunal Federal Contencioso-Administrativo alemán

La casación ante el Tribunal Federal Contencioso-Administrativo alemán

The appeal on points of law before the German Federal Administrative Court

Frank Josef Fischer

Magister Artium en Ciencias Políticas, Dereito e Informática
Universidade de Passau

Máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas
Universidade de Santiago de Compostela

fjf285@me.com

Recibido: 08/07/2019 | Aceptado: 18/07/2019
DOI: https://doi.org/10.36402/regap.v1i57.35

Resumo: Este texto resume os aspectos máis relevantes da casación na xurisdición contenciosa alemá (Revision), incluído o recurso de queixa contra a inadmisión, despois dunha breve mirada aos órganos desta orde xurisdicional.

Palabras clave: Casación, contencioso-administrativa, Alemaña.

Resumen: Este texto resume los aspectos más relevantes de la casación en la jurisdicción contenciosa alemana (Revision), incluido el recurso de queja contra la inadmisión, después de una breve mirada a los órganos de este orden jurisdiccional.

Palabras clave: Casación, contencioso-administrativa, Alemania.

Abstract: The text sums up the most relevant aspects of the contentious administrative cassation appeal, or appeal on points of law (Revision) in Germany, including the appeal against refusal of leave to appeal (Nichtzulassungsbeschwerde), preceded by a brief look at Germany’s three-level administrative court system.

Key words: Appeal on points of law, administrative, Germany.

Sumario: 1 Os órganos xurisdicionais contencioso-administrativos alemáns. 1.1 Os tribunais contencioso-administrativos (VG). 1.2 Os tribunais superiores contencioso-administrativos (OVG/VGH). 1.3 O Tribunal Federal Contencioso-Administrativo (BVerwG). 1.4 O Senado Común dos cinco tribunais federais (GmS-OGB). 2 A casación (Revision). 2.1 Introdución. 2.2 Comprobación de admisibilidade e fundamentación do recurso de queixa polo BVerwG. 2.2.1 Admisibilidade do recurso de queixa contra a inadmisión. 2.2.2 Fundamentación do recurso de queixa contra a inadmisión. 2.2.2.1 Relevancia fundamental do asunto, § 132 II Nr. 1 VwGO (Grundsatzrüge). 2.2.2.2 Apartamento, § 132 II Nr. 2 VwGO (Divergenzrüge). 2.2.2.3 Vicio de procedemento, § 132 II Nr. 3 VwGO (Verfahrensrüge). 2.2.3 Resolución. 2.3 O procedemento de casación. 2.3.1 Admisibilidade da casación, § 143 VwGO. 2.3.2 Fundamentación da casación. 2.3.2.1 Delimitación da potestade de control do Tribunal Federal. 2.3.2.2 Vulneración de “dereito revisable”. 2.3.2.3 Sentenza baseada nunha vulneración de dereito revisable. 2.3.3 O contido da resolución do tribunal de casación, § 144.

1 Os órganos xurisdicionais contencioso-administrativos alemáns

Os tribunais da orde xurisdicional contencioso-administrativa están organizados en tres niveis segundo o artigo 2 da Lei da xurisdición contencioso-administrativa alemá (§ 2 Verwaltungsgerichtsordnung, VwGO1): os tribunais contencioso-administrativos (Verwaltungsgerichte, VG) e os tribunais superiores contencioso-administrativos (Oberverwaltungsgerichte, OVG ou Verwaltungsgerichtshöfe, VGH) ambos os dous nos estados federados (Länder) e o Tribunal Federal Contencioso-Administrativo (Bundesverwaltungsgericht, BVerwG) a nivel federal (Bund).

1.1 Os tribunais contencioso-administrativos (VG)

A competencia en primeira instancia, para a maioría dos asuntos xurídico-públicos non constitucionais, é dos tribunais contencioso-administrativos (VG). O seu establecemento corresponde á lexislación dos estados federados. Os 51 Verwaltungsgerichte que existen actualmente en Alemaña divídense en seccións ou cámaras (Kammern), que se compoñen de tres xuíces profesionais e dous xuíces honoríficos2 ou leigos3, salvo que decida un único xuíz (§ 5 VwGO). Por regra xeral, a sección (Kammer) transfire a un dos seus xuíces os asuntos que non presenten especiais dificultades fácticas ou xurídicas e non teñan relevancia fundamental (§ 6 VwGO).

1.2 Os tribunais superiores contencioso-administrativos (OVG/VGH)

Cada estado federado (Land) dispón dun tribunal superior contencioso-administrativo, coa excepción de Berlín e Brandeburgo, que comparten un tribunal desde o ano 2005. Na súa maioría denomínanse Oberverwaltungsgericht (OVG). En Baden-Württemberg, Baviera e Hessen reciben o nome de Verwaltungsgerichtshof (VGH), sen diferenciarse en canto á atribución de competencias. Dos quince tribunais, nove teñen a súa sede nunha cidade diferente á capital do estado federado. Deste xeito, a separación de poderes atopa a súa expresión tamén nunha separación xeográfica entre o tribunal e o goberno e parlamento rexionais. As seccións dos tribunais superiores contencioso-administrativos chámanse senados (Senate) e compóñense de tres xuíces, aínda que a lei permite que os estados federados establezan na súa lexislación unha composición de cinco xuíces, dos cales dous poden ser xuíces honoríficos. Mesmo cabe a posibilidade de compor senados de sete xuíces, dos cales dous serán honoríficos, para os asuntos en que o OVG decide en primeira instancia. Aínda que a súa principal función sexa a de instancia dos recursos de apelación e de queixa, tamén lles corresponde a decisión sobre a validez de estatutos urbanísticos e outras normas de dereito do estado federado con rango inferior á lei (§ 47 I), a decisión sobre demandas contra prohibicións de asociacións (§ 48 II), así como a decisión en primeira instancia sobre asuntos de grande envergadura técnica (como, p. ex., en materia de plantas nucleares, plantas de incineración de residuos, construción de aeroportos, etc., § 48 I).

1.3 O Tribunal Federal Contencioso-Administrativo (BVerwG)

A diferenza do modelo español, cun único Tribunal Supremo na cúspide do poder xudicial e articulado en salas, o primeiro parágrafo do artigo 95 da Constitución alemá (Grundgesetz, GG) contén o mandato de instituír cinco tribunais supremos (oberste Gerichtshöfe), un para cada orde xurisdicional: para a orde xurisdicional ordinaria (civil e penal) o Bundesgerichtshof (BGH) con sede en Karlsruhe, para a orde xurisdicional financeira o Bundesfinanzhof (BFH) en Múnic, para o laboral o Bundesarbeitsgericht (BAG) con sede en Erfurt, para o social o Bundessozialgericht (BSG) en Kassel e, por último, para a orde xurisdicional contencioso-administrativa o Bundesverwaltungsgericht (BVerwG) con sede en Leipzig. Este dispón actualmente de 55 xuíces que exercen as súas funcións en trece seccións (Senate) das cales dez delas se dedican aos recursos de casación (Revision), dúas son seccións militares e unha está dedicada a resolver nos casos en que unha Administración pública se negue a presentar determinados expedientes ao tribunal. Nas seccións de casación (Revisionssenate) deciden cinco ou seis xuíces. Adicionalmente, a Lei de xurisdición contencioso-administrativa alemá regula a creación dunha sección conxunta ou gran senado (Großer Senat), cuxa función é resolver se un Senat ten a intención de apartarse dunha resolución doutro, ou da sección conxunta (§ 11 II).

1.4 O Senado Común dos cinco Tribunais Federais (GmS-OGB)

Outro órgano distinto é o Senado Común dos cinco Tribunais Federais (Gemeinsamer Senat der obersten Gerichtshöfe des Bundes, GmS-OGB), con sede en Karlsruhe, igual que o BGH. O seu labor é decidir cando un dos cinco tribunais federais ten a intención de apartarse dunha resolución doutro tribunal federal ou do senado común, é dicir “salvagardar a unidade da xurisprudencia”, como sinala a Constitución no seu artigo 95 III GG. Non se trata dun tribunal, senón dun órgano de intermediación entre os tribunais federais.

2 A casación (Revision)

2.1 Introdución

A casación ante o Tribunal Federal Contencioso-Administrativo (BVerwG) é de especial transcendencia. Como última instancia na xurisdición contenciosa, a súa función é o control de sentenzas do OVG/VGH, e excepcionalmente na casación de salto de sentenzas do VG, unicamente no seu aspecto xurídico. Deste xeito serve tanto para a protección xurídica dos cidadáns como para vincular o executivo e o poder xudicial á lei e ao dereito (artigo 20 III GG) e especialmente contribúe a manter a unidade da xurisprudencia e ao desenvolvemento do dereito4.

A casación require, en calquera caso, a súa admisión previa. Para esta, o § 132 prevé dúas formas: o OVG/VGH pódea incluír na súa sentenza ou o BVerwG pode admitir a casación no recurso de queixa do recorrente contra a inadmisión. O § 135 engade outra vía para aqueles casos en que o asunto non chega ao OVG porque unha lei federal exclúe o recurso de apelación5. Aquí o Tribunal Contencioso-Administrativo (VG) pode admitir a casación ou, no caso contrario, cabe de novo o recurso de queixa contra a inadmisión ante o BVerwG. Se o OVG admite a casación, o BVerwG examinará se esta é admisible e fundada. Non obstante, na maioría dos casos o OVG non admite a casación mediante unha resolución que non require motivación6. Entón o BVerwG valorará primeiro se o recurso de queixa contra a inadmisión é, pola súa vez, admisible e fundado.

2.2 Comprobación de admisibilidade e fundamentación do recurso de queixa polo BVerwG

2.2.1 Admisibilidade do recurso de queixa contra a inadmisión

O primeiro requisito do § 133 I é que a casación non fose admitida. Equipáranse á falta de admisión os casos de falta de resolución ao respecto7. Os lexitimados para presentar a queixa son as partes da instancia inferior8. É o BVerwG o que ten a competencia exclusiva para o recurso de queixa contra a inadmisión (§ 49 Nr. 3). Non obstante, o escrito do recurso ha de ser presentado de forma escrita (ou electrónica, § 55 a) por un avogado ante o tribunal cuxa resolución se pretenda impugnar, § 133 II. O mesmo precepto concede para presentar a queixa un prazo dun mes desde a notificación da sentenza íntegra. A falta dunha correcta indicación dos recursos procedentes, o prazo será dun ano, como indica o § 58. A interposición do recurso de queixa impide que a sentenza se converta en firme (§ 133 IV VwGO). No escrito, ademais, debe identificarse a sentenza impugnada. Porén, non é necesario nomear a razón ou o motivo para recorrer neste momento9. Para a motivación da queixa, o prazo é de dous meses desde a notificación da sentenza (§ 133 III S.1). A dita motivación debe conter unha razón concreta para a admisión10. O recorrente debe detallar a relevancia fundamental do asunto, é dicir, expor que unha determinada cuestión de dereito federal require ser aclarada e, pola súa vez, a razón pola que cabe esperar que esta aclaración resulte da casación11. Para este efecto, o recorrente debe afondar nos motivos da sentenza impugnada e mostrar que a queixa se basea na súa profunda análise12. Para cumprir este requisito, non é suficiente presentar un escrito extenso se este se presenta nunha forma “pouco clara”, “mal estruturada” e mesturando “cuestións irrelevantes”13. Se o tribunal a quo non estima o recurso, resolverao o BVerwG. Se este o rexeita, a sentenza adquire firmeza (§ 133 V S. 3 VwGO).

2.2.2 Fundamentación do recurso de queixa contra a inadmisión

Para que a queixa se considere fundada, segundo o § 133 III S. 3, ten que darse un dos tres supostos de admisión do § 132 II, detallados a continuación. Do exame destes requisitos hai que separar estritamente a predición sobre as posibilidades de que a casación sexa estimada. Estas non deben entrar na decisión sobre a admisión14.

2.2.2.1 Relevancia fundamental do asunto, § 132 II Nr. 1 VwGO (Grundsatzrüge)

Co primeiro modo do recurso alégase a relevancia ou significado fundamental do asunto15. O recorrente ha de sinalar con exactitude a cuestión xurídica a aclarar e razoar por que é considerada de carácter fundamental16. Tamén debe indicar por que desta cuestión xurídica depende a resolución e por que cabe agardar a súa aclaración no recurso de casación17. Adicionalmente debe detallarse por que se considera errónea a opinión xurídica do tribunal na cal se basea a sentenza18. Para argumentar o carácter fundamental (grundsätzlich) da respectiva cuestión xurídica, hai que indicar por que o seu alcance supera o caso concreto, así como a razón pola que se precisa a aclaración por parte do alto tribunal para manter a unidade da xurisprudencia ou para un significativo desenvolvemento do dereito19.

2.2.2.2 Apartamento, § 132 II Nr. 2 VwGO (Divergenzrüge)

A función principal da admisión por apartamento é manter a unidade da xurisprudencia e, en consecuencia, a seguridade xurídica. Ao mesmo tempo permite un “desenvolvemento ordenado do dereito”20. O punto de referencia son, ou ben as resolucións do BVerwG –caso en que o apartamento dunha das seccións ou senados é suficiente–, ou do Senado Común dos Tribunais Federais (GmS-OGB, véxase arriba 1.4), ou do Tribunal Constitucional (BVerfG). A resolución impugnada debe estar baseada neste apartamento. O recorrente non só ten que identificar a resolución impugnada, senón que tamén debe confrontar a ratio decidendi (Rechtssatz) das dúas resolucións contraditorias. Para iso, debe indicar con exactitude tanto o argumento xurídico abstracto en que se basea a resolución impugnada como aquel en que se basea a resolución da que esta se aparta. Ademais, debe sinalarse en que consiste a discrepancia21. Esta confrontación é imprescindible22. Na práctica, a maioría dos recursos de queixa por apartamento fracasan por basearse soamente no argumento de que o OVG/VGH tería que ter chegado a un resultado diferente se tivese considerado os principios xurídicos establecidos na xurisprudencia dos máis altos tribunais alemáns23.

Unha queixa por apartamento baseada na aplicación errónea dunha norma procesual contén ao mesmo tempo unha queixa por vicio de procedemento no sentido do § 132 II Nr. 3 VwGO. Se non cumprise os requisitos dunha queixa por apartamento, debe ser tratada como se dunha queixa por vicio de procedemento se tratase24.

2.2.2.3 Vicio de procedemento, § 132 II Nr. 3 VwGO (Verfahrensrüge)

Para que o recurso de queixa teña éxito segundo o suposto do § 132 II Nr. 3, o recorrente debe indicar os feitos que dan por resultado o vicio de procedemento. Ademais, debe alegar en que medida a sentenza pode estar baseada neste vicio e como podería ter sido máis favorable para o recorrente de non se ter dado o dito vicio25.

A sentenza sempre se considerará baseada no vicio se se dá un dos seis chamados “motivos absolutos de revisión” enumerados no § 138: (1) O tribunal que coñeceu do asunto non estaba composto debidamente; (2) Na resolución participou un xuíz que estaba excluído por lei do exercicio da súa función ou que estaba recusado; (3) Privóuselle a unha parte do seu dereito a ser oído; (4) Unha parte non estaba representada no proceso segundo a lei, agás que consentise a celebración do xuízo de forma expresa ou tácita; (5) A sentenza ditouse despois dun xuízo oral no cal se vulneraron as normas sobre a publicidade do proceso; e, por último, (6) A resolución non estaba motivada.

2.2.3 Resolución

A resolución do recurso de queixa correspóndelle en primeiro lugar ao tribunal cuxa resolución se ve recorrida. Se este non estima o recurso admitindo a casación, entón será o BVerwG o que resolve por auto, como o prevé o § 133 V 1. O tribunal a quo debe presentar o recurso de queixa ante o BVerwG obrigatoriamente, aínda que sexa manifestamente inadmisible26. Sempre que o BVerwG non estime a queixa, a resolución impugnada adquire firmeza (§ 133 V 3). Se se admite a casación, o procedemento de admisión continuará como casación (§ 139 II).

2.3 O procedemento de casación

Se a casación é admitida, ben polo OVG/VGH ou, a través do recurso de queixa contra a inadmisión polo BVerwG, este procederá a valorar a admisibilidade (Zulässigkeit) e a fundamentación (Begründetheit) da casación.

2.3.1 Admisibilidade da casación, § 143 VwGO

Os requisitos de admisibilidade da casación están regulados no § 139. A competencia para a casación correspóndelle en exclusiva ao BVerwG segundo o § 49 Nr. 1 e Nr. 2. A casación é un recurso procedente contra sentenzas e autos do OVG/VGH e, en caso da casación de salto, do VG27. Os lexitimados son soamente as partes da instancia inferior en canto teñan un interese lexítimo (Beschwer). Segundo o § 139 I, a casación debe presentarse de forma escrita ante o tribunal a quo ou ante o BVerwG nun prazo dun mes desde a notificación do auto ou da sentenza íntegra, identificándoa. O prazo para a motivación da casación é de dous meses (§ 139 III 1). Este prazo pode ser prorrogado sempre que a solicitude se presente antes da súa fin (§139 III 3). A motivación debe conter unha petición concreta e nomear a norma xurídica vulnerada. No caso de reclamar un vicio de procedemento, a motivación debe nomear os feitos dos que resulta o vicio (§139 III 4), salvo que se alegue unha ou varias das razóns absolutas de casación do § 138 (arriba 2.2.2.3)28. O recorrente debe sinalar os feitos de forma tan clara e concluínte que o BVerwG, presupondo que os feitos sexan certos, poida proceder a unha valoración sen investigacións adicionais29.

2.3.2 Fundamentación da casación

A casación considerarase fundada se cumpre dous requisitos. En primeiro lugar, e como expresión da casación como un recurso de control de dereito e non dos feitos, segundo o § 137 I Nr. 1, a casación soamente pode apoiarse en que a sentenza obxecto de recurso se basea na vulneración de “dereito revisable”, é dicir, dereito federal ou, excepcionalmente, dun precepto dunha lei de procedemento administrativo dun estado federado se o texto desta é idéntico a aquel da lei federal (§ 137 I Nr. 2). En segundo lugar, por razóns de economía procesual30, hai que comprobar que a sentenza que vulnera dereito non resulta correcta por outras razóns (como, p. ex., no caso da desestimación dunha demanda incorrectamente valorada como infundada que, non obstante, resulta inadmisible), § 144 IV.

2.3.2.1 Delimitación da potestade de control do Tribunal Federal

De acordo co segundo apartado do § 137, o BVerwG está vinculado polos feitos establecidos na sentenza impugnada. Nin o tribunal pode investigar feitos novos31, nin as partes poden alegalos, ou sería irrelevante se o fixesen32. Exceptúanse os casos en que o recorrente aduce motivos de casación precisamente respecto destas constatacións da instancia anterior.

O § 137 III contén a delimitación da potestade de control do BVerwG no marco da súa valoración da fundamentación da casación. En principio, o Tribunal Federal examinará a sentenza impugnada integramente e sen estar limitado polos motivos que levaron á admisión da casación. Non obstante, nos casos de casación por vicio de procedemento, o control ha de limitarse aos vicios alegados (§ 137 III S.1), salvo que estas alegacións conteñan motivos relacionados coa vulneración de dereito material no sentido do § 132 II Nr. 1 e Nr. 2 (relevancia fundamental e apartamento, véxase arriba 2.2.2.1. e 2.2.2.2). En tal caso, o BVerwG debe proceder ao control de vulneración de todo dereito material33. Unha reformatio in peius como resultado da casación queda excluída pola remisión ao artigo correspondente da regulación da apelación (§§ 141, 129).

2.3.2.2 Vulneración de “dereito revisable”

A revisión soamente pode basearse na vulneración de “dereito revisable”, § 137 I. Esta expresión fai referencia a todas as normas de dereito federal, é dicir a constitución, as leis federais, normas de dereito da Unión Europea e ata o dereito consuetudinario ou principios xerais de dereito34, sempre que sexan do ámbito do dereito federal35. Non está incluído o dereito dos estados federados, coa excepción de preceptos dunha lei de procedemento administrativo cuxo texto sexa idéntico á lei federal (§ 137 I Nr. 2).

O requisito da “vulneración” refírese a que na sentenza non se aplicou, ou non se aplicou correctamente, o dereito aos feitos constatados e como resultado infrinxíronse dereitos do recorrente. A aplicación incorrecta pode resultar particularmente por erros na interpretación e concreción do contido da norma a aplicar ou por erros de subsunción no momento de aplicar a norma, correctamente interpretada, ás circunstancias do caso concreto1.

2.3.2.3 Sentenza baseada nunha vulneración de dereito revisable

Finalmente, para que a casación sexa estimada, a sentenza impugnada debe estar baseada na vulneración de dereito revisable. Este requisito de causalidade implica que polo menos exista a posibilidade de que o tribunal podería ter chegado a un resultado máis favorable para o recorrente se a vulneración non tivese existido2, ou que non se pode eliminar a vulneración sen que a corrección da resolución resulte cuestionable desde o punto de vista da instancia anterior3. Se se dese un dos seis supostos de motivos absolutos de casación do § 138, arriba mencionados (2.2.2.3.), presúmese iuris et de iure que a sentenza está baseada nunha vulneración de dereito revisable.

2.3.3 O contido da resolución do tribunal de casación, § 144

Se a casación é inadmisible, o BVerwG desestímaa mediante auto (Beschluss), § 144 I. Se se trata dunha casación admisible pero infundada (unbegründet), tamén será desestimada, § 144 II. O mesmo resulta naqueles casos en que existe unha vulneración de dereito, pero a resolución é correcta por outros motivos, § 144 IV.

Ante unha casación admisible e fundada, o § 144 III prevé dúas posibles decisións: o BVerwG pode resolver o asunto el mesmo ou ben anular a sentenza impugnada e devolver o asunto para un novo xuízo e unha nova resolución á instancia anterior. Segundo a xurisprudencia do GmS-OGB4 (véxase arriba 1.4), a regra debe ser a decisión do asunto polo BVerwG. A devolución debe quedar limitada aos asuntos en que non se pode ditar sentenza porque no contexto da interpretación xurídica do tribunal de casación falta a necesaria comprobación dalgúns feitos5. Se o BVerwG devolve o asunto, o tribunal que o recibe está vinculado polas valoracións xurídicas do BVerwG, segundo o § 144 VI. E se o asunto volve ocupar o tribunal federal unha segunda vez a consecuencia da devolución, el mesmo tamén estará vinculado pola súa propia opinión xurídica.

O efecto vinculante das sentenzas do BVerwG non vai máis alá do caso concreto decidido. A súa función de precedente non corresponde á tradición xurídica alemá6. Os tribunais contencioso-administrativos son libres de valorar a cuestión xurídica de forma diferente se se lles volve presentar en xuízos posteriores. Non obstante, o presidente do BVerwG considera que os tribunais o farán soamente se “cren que teñen argumentos mellores ou novos”7, e así a cuestión poderá ser levada novamente ante o BVerwG para que este teña oportunidade de reconsiderar a súa xurisprudencia. Pola contra “seguirán o precedente do alto tribunal e aforraranlles ás partes o custoso camiño polas instancias”. Tampouco as administracións públicas están vinculadas legalmente á xurisprudencia, pero existe na práctica un efecto fáctico de precedente. Desta forma, a xurisprudencia establece criterios a seguir, os cales, non obstante, sempre están abertos a argumentos mellores. Rennert denomínao un “modelo de diálogo, orientado a unha constante comprobación e evolución continua da xurisprudencia”8, estimando un requisito indispensable para o dito diálogo a motivación minuciosa das sentenzas.

Bibliografía

BAUR, F., “Der Gedanke der ‘Einheitlichkeit der Rechtsprechung’ im geltenden Prozeßrecht”, Juristenzeitung, 1958.

EYERMANN, E. et. al., Verwaltungsgerichtsordnung, 14. Aufl., München 2014.

GEIS, M.E., e THIRMEYER, St., “Revision und Beschwerde im Verwaltungsprozess”, JuS, 2013.

GONZÁLEZ-VARAS IBÁÑEZ, S., “Sistema General de la impugnación de la actuación administrativa en el derecho alemán”, Rosado Pacheco, S. (coord.), Modelos europeos de justicia contencioso-administrativa, Dykinson, Madrid, 2007.

KOPP, F.O., e SCHENKE, W.-R., VwGO, 24. Aufl, 2018.

KUHLA, W., e HÜTTENBRINK, J., Der Verwaltungsprozess, 1995.

RENNERT, K., “Die Auswirkungen der Entscheidungen des Bundesverwaltungsgerichts auf die verfassungsmäßige Ordnung und den Grundrechtsschutz”, S. 6, https://www.bverwg.de/user/data/media/rede_20160330_VortragTaiwan_Auswirkungen_Entscheidungen.pdf (15 de xuño de 2019).


1 EYERMANN, E., et. al., Verwaltungsgerichtsordnung, cit., § 137, Rdnr. 35 ff.

2 KOPP, F.O., e SCHENKE, W. -R., VwGO, cit., § 137, Rdnr. 23; BVerwGE 14, 342.

3 BVerwG, NVwZ 1994, 1095 (1096).

4 GmS-OGB NJW 1976, 1682 (1683).

5 GEIS, M.E., e THIRMEYER, St., “Revision und Beschwerde im Verwaltungsprozess”, cit., S. 802.

6 BAUR, F., “Der Gedanke der ‚Einheitlichkeit der Rechtsprechung‘ im geltenden Prozeßrecht”, Juristenzeitung, 1958, 326ff.

7 RENNERT, K., “Die Auswirkungen der Entscheidungen deas Bundesverwaltungsgerichts auf die verfassungsmäßige Ordnung und dean Grundrechtsschutz”, S. 6, https://www.bverwg.de/user/data/media/rede_20160330_VortragTaiwan_Auswirkungen_Entscheidungen.pdf (15 de xuño de 2019).

8 Ibidem.

1 Os artigos ou parágrafos (Paragraphen) da Lei de xurisdición contencioso-administrativa alemá (Verwaltungsgerichtsordnung, VwGO) teñen como símbolo o signo “§”. Os artigos que se citan neste texto pertencen á VwGO se non se sinala o nome doutra lei.

2 Para as posturas históricas a favor e en contra da institución, véxase GONZÁLEZ-VARAS IBÁÑEZ, S., “Sistema General de la impugnación de la actuación administrativa en el derecho alemán”, Rosado Pacheco, S. (coord.), Modelos europeos de justicia contencioso-administrativa, Dykinson, Madrid, 2007, pp. 147 e ss.

3 Ser xuíz honorífico ou leigo (ehrenamtlicher Richter) non require formación xurídica. A súa participación no proceso ten como fin fortalecer a confianza da sociedade na xurisprudencia e a de achegar experiencia non xurídica ás resolucións xudiciais. Atópase regulado nos §§ 19ff. VwGO.

4 GEIS, M.E., e THIRMEYER, St., “Revision und Beschwerde im Verwaltungsprozess”, JuS, 2013, S. 799; KOPP, F.O., e SCHENKE, W.-R., VwGO, 24. Aufl, 2018, § 132 Rdnr. 1.

5 Para exemplos de exclusión da apelación, véxase KOPP, F.O., e SCHENKE, W.-R., VwGO, cit., §135 Rdnr. 1.

6 KUHLA, W., e HÜTTENBRINK, J., Der Verwaltungsprozess, 1995, S. 184, Rdnr. 57.

7 KOPP, F.O., e SCHENKE, W. -R., VwGO, cit., §1 33 Rdnr. 2.

8 Ibidem, § 133 Rdnr. 3.

9 Ibidem, § 133 Rdnr. 5.

10 Ibidem, § 130 Rdnr. 14.

11 GEIS, M.E., e THIRMEYER, St., “Revision und Beschwerde im Verwaltungsprozess”, cit., S. 800, apuntan á xurisprudencia consolidada desde BVerwGE 13, 90 (91) tamén en: NJW 1962, 218.

12 KOPP, F.O., e SCHENKE, W. -R., VwGO, cit., § 133 Rdnr. 14.

13 BVerwG, NJW 1996, 1554, caso dun recurso de queixa extenso (678 pp.) e inadmisible por falta de claridade.

14 Sentenza do Tribunal Constitucional alemán, BVerfG, NVwZ 1993, 358.

15 O § 132 II Nr. 1: “grundsätzliche Bedeutung”.

16 NJW 1994, 144, NVwZ 1984, 103; 2011, 434; KOPP, F.O., e SCHENKE, W. -R., VwGO, cit., 133, 15.

17 DVBl 1993, 50; NVwZ 2011, 430; 2011, 435; KOPP, F.O., e SCHENKE, W. -R., VwGO, cit.

18 NJW 1993, 2825.

19 KOPP, F.O., e SCHENKE, W. -R., VwGO, cit., § 133 Rdnr. 15; BayVBl 1986, 51; NVwZ-RR 1993, 276.

20 KOPP, F.O., e SCHENKE, W. -R., VwGO, cit., § 132 Rdnr. 14.

21 KOPP, F.O., e SCHENKE, W. -R., VwGO, cit., § 133, Rdnr. 16.

22 EYERMANN, E., et. al., Verwaltungsgerichtsordnung, 14. Aufl., München 2014, § 133, Rdnr. 31; BVerwG NVwZ-RR1996, 712 (713).

23 EYERMANN, E., et. al., Verwaltungsgerichtsordnung, cit., § 133, Rdnr. 32.

24 BVerG NVwZ 2001, 918.

25 KOPP, F.O., e SCHENKE, W. -R., VwGO, cit., § 133 Rdnr. 17.

26 BVerwG, NJW 1963, 554.

27 KOPP, F.O., e SCHENKE, W. -R., VwGO, cit., § 132, Rdnr. 3.

28 Ibidem § 139, Rdnr. 14.

29 Ibidem § 139, Rdnr. 15.

30 KOPP, F.O., e SCHENKE, W. -R., VwGO, cit., § 144, Rdnr. 4.

31 GEIS, M.E., e THIRMEYER, St., “Revision und Beschwerde im Verwaltungsprozess”, cit., S. 801.

32 KOPP, F.O., e SCHENKE, W. -R., VwGO, cit., § 137, Rdnr. 24; BVerwGE 78, 152.

33 KOPP, F.O., e SCHENKE, W. -R., VwGO, cit., § 137, Rdnr. 35.

34 Véxase, para unha lista extensa de “dereito revisable”: KOPP, F.O., e SCHENKE, W. -R., VwGO, cit., § 137, Rdnr. 5 ff.

35 GEIS, M.E., e THIRMEYER, St., “Revision und Beschwerde im Verwaltungsprozess”, cit., S. 801.