REVISTA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA (REGAP)
Núm. 59 (xaneiro-xuño 2020)
Sección: Recensións
DOI: https://doi.org/10.36402/regap.v0i59

Gracia y desgracia del Sacro Imperio Romano Germánico. Montgelas: el liberalismo incipiente

Francisco Vila Conde

Universidade Autónoma de Madrid

franvilaconde@hotmail.com

Recibido: 01/07/2020 | Aceptado: 03/07/2020
DOI: https://doi.org/10.36402/regap.v0i59.4563

SOSA WAGNER, F.: Gracia y desgracia del Sacro Imperio Romano Germánico. Montgelas: el liberalismo incipiente, Madrid, Marcial Pons, 2020, pp. 268. ISBN: 978-84-9123-776-11.


Gracia y desgracia del Sacro Imperio Romano Germánico é o título da última obra do profesor Francisco Sosa Wagner, un libro que, malia a abraiante cantidade de datos e precisións históricas, é, como adoita ser habitual nas súas obras, de lectura áxil, grazas a unha prosa fina e entretida, elegante e pracenteira. Este libro inscríbese nunha saga, empezada con Maestros alemanes del Derecho público, continuada con Carl Schmitt y Ernst Forsthoff: coincidencias y confidencias, ao que seguiu Juristas y enseñanzas alemanas (I): 1945-1975, que trata de achegar o lector español á Historia alemá e ao seu dereito público. Esta última obra é, quizais, a menos alemá de todas e, asemade, a máis difícil de relatar pola cantidade de séculos de vixencia do coloso que describe: o Sacro Imperio Romano Xermánico.

O ensaio pode dividirse en dúas partes, que poderían constituír dous libros independentes. A primeira está formada polos capítulos 1 e 7. A segunda, polos capítulos 2 a 6, onde narra as peripecias vitais de Maximilian Joseph Montgelas, auténtico «rei na sombra» do Reino de Baviera. Vaiamos por partes.

Tanto o primeiro capítulo da obra como o último (capítulo 7) narran a Historia do Sacro Imperio. A diferenza estriba en que o último o fai desde o jus publicum e os autores que foron decisivos para a súa formación. O capítulo primeiro, pola súa banda, comeza cunha interesantísima digresión que trata de cualificar, de definir, que tipo de forma político-histórica foi o Sacro Imperio. O autor sinala que «o Sacro Imperio non foi un Estado territorial, senón máis ben unha combinación de persoas, institucións, corporacións que cambiaba ao fío de guerras (...). Á súa fronte atopábase o emperador representando, dun xeito simbólico, a unidade e a lexitimidade dun conxunto vaporoso».

Esta forma política, nacida entre auga bendita, efectivamente non foi, nin tampouco podía ser, un Estado. Aínda que a formación do Estado foi un proceso agregativo, lento e progresivo, onde quen desempeñaba o poder estatal foi absorbendo o resto de poderes intermedios ata se converter en soberano (poder absoluto que non está sometido a ningún outro e ao que todos se subordinan, caracterizado pola unidade de acción e decisión, á vez que pacificador dos conflitos xurdidos no territorio sobre o que se proxecta ao posuír el, e só el, o Estado, o monopolio lexítimo da violencia), non é menos certo que a forma política estatal xorde na modernidade a partir da Reforma, sen prexuízo do precedente de Federico II de Suabia, alá polo século XIII. O Estado nace coa afirmación do particularismo, representado polos Estados, fronte ao universalismo representado pola Igrexa e, precisamente, o Sacro Imperio.

Polo tanto, a precisión feita polo profesor é clara e pertinente, xa que deslinda a forma estatal da forma política que constituía o Sacro Imperio. Como se deduce da anterior referencia, o Sacro Imperio xamais tivo un poder central forte, senón que se trataba dun emperador, cuasinominal, que era incapaz de controlar os conflitos internos entre os centos de principados, ducados e condados en que o Imperio se dividía. O Sacro Imperio non foi capaz de ter un exército de seu independente dos exércitos dos principados que o conformaban, os cales só se unían para loitar fronte a un inimigo común (Imperio otomán) e que, á falta deste, se dedicaban a guerrear entre eles. O autor achaca a debilidade do poder do emperador ao que denomina a «pegada de Augsburgo». É dicir, os sucesivos emperadores pertencentes a esta dinastía en nada contribuíron a centralizar e fortalecer o poder imperial, senón que, a través das sucesivas «capitulacións» que asinaba o emperador electo (porque no Sacro Imperio os emperadores debían ser elixidos) cos diferentes principados, estes últimos gañaban cada vez máis poder en detrimento do poder central (algo similar á España actual). Que caro sae obter o poder!

Coa chegada da Reforma (século XVI), o poder central do emperador debilitouse máis aínda. Bótase en falta, quizais, que o profesor Sosa Wagner non fixese unha reflexión, á luz da Historia do Sacro Imperio, de se a Igrexa non obtivo o seu xusto pagamento cando os Estados xurdidos da Paz de Westfalia (1648) negan o poder do bispo de Roma. A saber, a debilidade do Imperio ten unha razón que, ao meu xuízo, é esencial: o pau nas rodas co que se atopaba o emperador sempre que quería fortalecer o seu poder. Ese pau nas rodas tiña nome e apelido, e non era outro que o dos sucesivos papas que ocuparon a cadeira de San Pedro. Na Alta Idade Media, a respublica ou societas christiana apoiábase en dúas espadas: o Imperio, sacro, e a Igrexa, sancta. Esta república cristiá era universal en acto e en potencia. En acto, porque abranguía todos os pobos de Occidente; en potencia, porque tiña como fin a evanxelización de todo o xénero humano. A república cristiá viuse periclitada principalmente porque a Sancta Ecclesia, despois do emperador Federico Barbarroxa (1123-1190), declarou exentos do poder imperial determinados territorios (España, Francia e Inglaterra), e outros territorios que seguían formando parte do Imperio estaban gobernados por un eclesiástico (bispo) que lle debía obediencia ao papa antes que ao emperador. A Igrexa foi quen puxo o xerme do particularismo fronte ao universalismo do emperador. Por conseguinte, nunha sorte de graza divina, cando, despois da Reforma, os diferentes reis afirman a súa relixión (reformada) e o particularismo estatal fronte á Igrexa, non fixeron senón devolverlle a moeda con que ela lle pagara ao Imperio. A chegada da Reforma significou, deste xeito, que o mundo occidental se convertese nun pluriverso de Estados. O poder do emperador viuse máis limitado aínda. Como de maneira atinada sinala o profesor: «Moi resumidamente pode afirmarse que a historia do Sacro Imperio é a do enfrontamento entre o káiser e os príncipes territoriais e mais o condimento que engadían as ambicións pertinaces da Igrexa».

No medio da lea descrita, a institución que mellor representou a unidade do Imperio foron os tribunais de xustiza imperiais: o Reichshofrat e o Reichskammergericht. Nunca destacados por unha atribución de competencias claras entre un e outro nin tampouco pola rapidez con que resolvían os litixios, porén, «non se comprende o dereito público alemán se non se ten en conta o labor despregado por estes tribunais tanto pola forma de resolver os preitos ante eles formulados coas súas argumentacións inacabables e puntillosas como polo que significou a súa importante contribución á formación dos xuristas das universidades». Das palabras do autor infírese que estes tribunais de xustiza, con todas as súas limitacións, son o máis destacable dunha forma política por momentos irrecoñecible. Non exentos de acusacións de corrupción aos xuíces que os compuñan, os dous tribunais foron, non obstante, os que «sempre obtiveron o aplauso medido (ao convivir con burlas populares pouco indulxentes) pero expresivo por representar, mellor que ningunha outra institución, a unidade e utilidade do Reich».

O capítulo 7 do libro, que como adiantamos é a continuación do primeiro capítulo, é tremendamente instrutivo para o interesado no dereito público. O segundo parágrafo do capítulo contén unha sentenza diáfana, expresiva e contundente: «Alí onde hai unha autoridade, alí acaba habendo dereito público». Con esta referencia deberían empezar todas as clases de dereito no primeiro ano de carreira. Ao longo do máis de medio centenar de páxinas que contén o capítulo, o autor demostra manexar conceptos clave como: cuius regio, eius religio, soberanía, sine tribuitis nullus status, etc., explicándoos desde os seus formuladores (Stephani, Bodino, Justus Lipsius) cunha soltura envexable. Resume, aclara e explica todos estes termos, que, insisto, calquera curioso polos conceptos xurídico-públicos conformadores da modernidade ten nestas páxinas un material preciso e precioso con que empezar a traballar.

O resto de capítulos da obra están destinados a achegar o lector español á figura de Maximilian Joseph Montgelas. Este suxeito naceu en Múnic en 1759. Estudou cos xesuítas, primeiro, e na Universidade de Estrasburgo, despois, entre 1770 e 1776. Nesta última cidade, coñecería personaxes tan descoñecidos como un tal Goethe, quen tamén cursaba dereito en Estrasburgo por aqueles anos. Montgelas foi, desde os seus anos como estudante, un apaixonado da Historia, pois, sinala o profesor Sosa Wagner, «a Historia ofrece ao tempo unha colección de experiencias para os políticos e unha canteira para a invocación de títulos xurídicos en preitos e disputas». Ao rematar a carreira, pertenceu aos famosos Iluminados de Baviera, «unha especie de masonaría, aínda que as dúas organizacións procuraron sempre manter ben separadas as súas particulares parroquias». Ser un iluminado, a pesar de renunciar ás organizacións secretas e mesmo chegar a prohibilas cando era triministro todopoderoso do Reino de Baviera, marcou para sempre a súa vida, pois foron constantes os ataques que recibiu por pertencer á dita organización.

O mozo Montgelas levábase extraordinariamente mal co príncipe elector de Baviera –Karl Theodor–, de xeito que foi parar ao pequeno ducado de Zweibrücken (un deses centos de principados, ducados e condados que compuñan o Sacro Imperio) á fronte do cal estaba Karl II. Á morte deste último, sucedeuno no ducado o duque Max, a quen Montgelas acompañará o resto da súa carreira como político. Á morte do odiado Karl Theodor (1799), o duque Max (Max IV Joseph) convértese en príncipe elector de Baviera e Montgelas ségueo no seu novo destino.

Montgelas era un personaxe ilustrado, tiña unha biblioteca con miles e miles de libros e estaba disposto, primeiro en Zweibrücken e logo en Baviera, a facer as reformas necesarias. Foi un suxeito interesado en edificar un Estado neutral (secularizado) e despoxarse do vetusto Imperio que, aínda que materialmente, como se dixo, nunca tivo un poder forte efectivo, si era un lastre (bastante pesado) que Montgelas non estaba disposto a cargar. A fortuna sorriulle, en certo modo, cando Napoleón se dedicou a facer a guerra, a destro e sinistro, fronte a todo aquel que se opuña a Francia. Napoleón invade territorios do Imperio e, tras a Acta concluínte da Dieta Imperial de 1803, o Imperio salta polo aire. Xa en 1805, Baviera apoia a Napoleón fronte a Rusia, Inglaterra e Austria (si, o Reich), e ten a súa recompensa, xa que, coa Paz de 1805, Baviera, por primeira vez na Historia, se converte nun reino. Sobra dicir que detrás de todas estas artimañas estaba o ilustrado Montgelas. O profesor Sosa Wagner é bastante benévolo coa súa figura, pois, malia non dubidar en cualificar –con razón– de lacaios todos aqueles alemáns (incluído algún bispo) que se puxeron ao servizo do francés, con Montgelas é bastante compracente. Non obstante, visto con perspectiva, non pode senón ser cualificado de sipaio, a pesar de que o autor sosteña –seguindo os escritos do ilustrado– que, tanto na alianza con Francia como no seu abandono, actuou impulsado polo seu amor a Baviera e en servizo ao seu Estado».

Sentando o precedente, como gobernante bávaro levou a cabo unha serie de reformas recollidas nos capítulos 4 e 5: reformas na estrutura política a favor da secularización, educación obrigatoria, etc. O máis interesante da súa figura é o intento de xuridificar o político como Estado moderno, é dicir, neutral, ao que todo se subordina e que non pode recoñecer outro señorío no seu territorio que o seu propio. Dito doutro xeito, acabar cos corpos intermedios (Igrexa, principalmente) e que o Estado pase a exercer as funcións públicas que antes exercerían os ditos corpos (educación, beneficencia, etc.). Montgelas cría no Estado como racionalizador da orde política. Isto debía conseguirse con reformas que secularizasen a orde. Preocupábao especialmente que puidese haber xente non sometida á xurisdición do Estado, como era o caso dos conventos, de aí que os puxese no seu punto de mira e tratase de rematar cos seus privilexios. Nun Estado neutral e moderno todos son súbditos e atópanse sometidos á soberanía do Estado. Polo tanto, os bispos, como calquera outro, son súbditos que deben someterse ao poder estatal. Montgelas non admitía a separación Igrexa e Estado, senón que defendía «a súa incorporación [a da Igrexa] no Estado a asegurarlle ao príncipe (...) a autoridade para despregar dentro dela todos os atributos da súa soberanía». Estas ideas, sobra dicir, chocaron frontalmente co bispo de Roma e Montgelas non chegou a asinar un Concordato coa Igrexa; mais este si frutificaría en 1817, cando o ilustrado xa non estaba no poder. A citada norma, vixente durante un século, malia non levar a sinatura formal de Montgelas, si levaba a rúbrica material, pois consagrou o principio de igualdade entre confesións cristiás por el defendido.

En definitiva, o libro que nos presenta o profesor Sosa Wagner é especialmente interesante por dous motivos. Por un lado, a maneira de quintaesenciar os principais conceptos do dereito público conformadores da estatalidade. Por outro lado, achegar o lector á Historia do Sacro Imperio e de Montgelas, do cal, confeso, non tiña coñecemento ata ler esta obra. É un ensaio xurídico-histórico de gran calidade, como nos ten acostumados o autor, claro, rigoroso e escrito coa envexable pluma de quen é capaz de conxugar a xenialidade do novelista coa precisión do xurista.


1 Recensión escrita sendo destinatario o seu autor dunha Axuda para o Fomento da Investigación en Estudos de Máster-UAM 2019.