Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 60_xullo-decembro 2020 | pp. -274

Santiago de Compostela, 2020

https://doi.org/10.36402/regap.v0i60.4593

© María Victoria Álvarez Buján

ISSN-L: 1132-8371

Recibido: 29/07/2020 | Aceptado: 14/12/2020

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

Guía práctica para la interposición del recurso especial en materia de contratación

María Victoria Álvarez Buján

Doutora en Dereito

Universidade de Vigo

Avogada

https://orcid.org/0000-0001-5858-8984

victoriaalvarezbujan@gmail.com

ORTIZ ESPEJO, D.: Guía práctica para la interposición del recurso especial en materia de contratación, Wolters Kluwer, Madrid, 2019, 349 pp. ISBN: 978-84-9090-410-7.

A monografía obxecto de comentario é da autoría individual de D. Daniel Ortiz Espejo, doutor en Dereito e profesor asociado de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade Rey Juan Carlos (URJC), ao mesmo tempo que avogado en exercicio, que desenvolve a súa actividade especialmente no marco do dereito administrativo e financeiro. O autor presenta, á vista da súa traxectoria profesional, un perfil académico e, asemade, práctico, e xustamente nesa liña de conxunción entre a investigación e a praxe está elaborada a obra en cuestión, de singular utilidade.

Para contextualizar este traballo ou facer unha composición de lugar acerca del, debemos sinalar que toma como eixe central a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014\23\UE e 2014\24\UE, do 26 de febreiro de 2014, que implicaron relevantes novidades no que atinxe ao réxime xurídico da contratación pública. En síntese, podemos indicar que nos atopamos ante un recurso gratuíto para as persoas que decidan facer uso de tal instrumento, cuxa interposición é potestativa, de xeito que o/a recorrente pode escoller entre presentar este ou acudir directamente á xurisdición contencioso-administrativa1, xa que contra as actuacións susceptibles de ser impugnadas mediante este recurso especial non cabe a interposición de recursos ordinarios (de alzada ou reposición). En definitiva, este recurso supón un mecanismo, á disposición dos licitadores, para controlar que a actuación administrativa se axuste á legalidade e, máis en particular, á observancia das previsións e exixencias establecidas na mencionada LCSP.

En canto ao deseño e contido do traballo, debemos sinalar que, tras a compilación de abreviaturas utilizadas ao longo del e das consideracións efectuadas a xeito de introdución, se atopa estruturado en cinco capítulos perfecta e estratexicamente organizados. Ao final inclúe, en epígrafes separados, unha guía de formularios tipo e un decálogo para a preparación dun recurso especial en materia de contratación. Así mesmo, recolle o conxunto de resolucións citadas, o glosario de termos de contratación pública e as referencias bibliográficas empregadas como apoio e soporte para a redacción da obra, ademais dun directorio con información práctica dos tribunais administrativos de contratación. En suma, trátase dun traballo completo, que toca todos os aspectos importantes e de interese teórico e práctico relativos ao recurso especial en materia de contratación.

Afondando xa no contido de cada capítulo, debemos salientar que o primeiro de se titula “Aproximación ao recurso especial en materia de contratación”. Este capítulo posúe un corte preliminar ou introdutorio, que comeza abordando os antecedentes existentes en relación con este particular tema obxecto de estudo, para proseguir coa análise dos motivos que xustifican este recurso especial, a súa incorporación e regulación no noso ordenamento. Neste contexto, examínase tamén a natureza xurídica e as características que reviste o referido recurso, ademais da delimitación do seu ámbito de aplicación (que se viu ampliado pola nova Lei de contratos do sector público), tanto subxectivo como obxectivo.

O segundo capítulo céntrase nos “Aspectos orgánicos dos tribunais administrativos (TACRC, tribunais autonómicos, provinciais e municipais)”. Aquí, tras realizar unha exposición de cuestións previas, dedícanse dúas epígrafes individualizadas a examinar as particularidades do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais e dos tribunais autonómicos de contratación pública. Deseguido, afóndase no estudo dos órganos competentes para a resolución do recurso especial en materia de contratación nas entidades locais, pondo o acento loxicamente, por un lado, na Lei 57/2003, do 16 de decembro, de medidas para a modernización do goberno local, e, por outro lado, nos tribunais propios das deputacións provinciais e municipais, punto en relación co cal se resaltan os problemas sobre a determinación da competencia. Como peche do capítulo, analízase o Estatuto dos membros, debullando o significado e o alcance da independencia do órgano, a competencia para o nomeamento, os requisitos dos membros, a súa inamovibilidade e a duración do mandato.

Pola súa banda, o terceiro capítulo abunda nos aspectos procedementais do recurso especial en materia de contratación, sendo esta, quizais, ao noso xuízo, a parte máis práctica da obra, de singular utilidade para profesionais da avogacía, xa que, ademais de examinar en detalle os fundamentos xurídicos relativos ás partes, a súa capacidade, representación e lexitimación, desenvolve todos os aspectos clave das distintas fases en que se compón este recurso especial, isto é, a interposición, tramitación (con instrución, remisión do expediente e proba) e resolución. Márcanse aquí, dun xeito ilustrativo, didáctico e rigoroso, as pautas relativas á forma, lugar, efectos e prazos de interposición, aludindo ademais á posibilidade de solicitar e adoptar medidas cautelares, as causas de inadmisión e os supostos de acumulación. En relación coa resolución, trátanse aspectos concernentes ao prazo máximo para resolver, ás formas anormais de terminación anticipada (desistencia, extinción por imposibilidade e conformidade), ás aclaracións sobre o recurso, á indemnización de danos e perdas, á fixación de garantías e á súa devolución, ademais de á execución das resolucións e á revisión das decisións dos tribunais. Reflicte aquí o autor un pleno dominio das figuras e institutos procesuais, así como dos conceptos propios do dereito administrativo.

O capítulo cuarto, que leva por título “O réxime de invalidez dos contratos administrativos”, iníciase coa realización dunha aproximación aos cambios e novidades introducidos pola LCSP, para afondar seguidamente no réxime de invalidez dos contratos administrativos, examinando con detalle os supostos de invalidez, as causas de nulidade, as cales se distinguen das causas de anulabilidade, a revisión de oficio e a invalidez no dereito civil.

Por último, o capítulo V recompila, a xeito de guía, a principal doutrina dos tribunais administrativos de recursos contractuais. Con iso preténdese sistematizar a inxente e variada casuística que continuamente se formula respecto da resolución dos recursos especiais en materia de contratación. Clasifícase así a doutrina existente e que en moitos aspectos é cambiante, por bloques temáticos, fundamentalmente atinentes aos pregos de contratación, ao procedemento de licitación, á admisión de ofertas, á exclusión de licitadores, á adxudicación e aos criterios de valoración, á marxe doutras cuestións que tamén poden suscitarse no marco da resolución desta clase de recurso especial. Sen lugar a dúbidas, este apartado en particular facilítalles notoriamente o estudo da temática aos operadores xurídicos que necesiten empaparse da regulación, funcionamento e efectos deste recurso na práctica.

Chegados a este punto e unha vez que reflectimos sinteticamente o contido global desta obra, como broche ou peche a esta recensión, non podemos facer outra cousa máis que recomendar a súa lectura, de contido non só académico e investigador, senón tamén práctico (como o seu propio título xa prognostica) e rica no manexo de fontes bibliográficas polo seu autor. En efecto, a obra, que resulta notablemente amena, preséntase apta e de sumo interese para todos os operadores xurídicos, ao tratar un tema que cada día se atopa máis en voga no marco do dereito administrativo e do funcionamento práctico da Administración pública e, por conseguinte, do noso Estado, e que suscita –e continuará suscitando– desafíos, polémicas e controversias.


1 Non obstante, cómpre precisar que, se se opta por interpor o dito recurso, non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que este sexa resolto de xeito expreso ou se producise a súa desestimación presunta (por silencio administrativo).