Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 60_xullo-decembro 2020 | pp. -264

Santiago de Compostela, 2020

https://doi.org/10.36402/regap.v0i60.4652

© Verónica Piñeiro Soliño

ISSN-L: 1132-8371

Recibido: 12/11/2020 | Aceptado: 14/12/2020

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

Una propuesta legislativa para modernizar las oposiciones

Verónica Piñeiro Soliño

Bolseira de investigación en Dereito Administrativo

Escola Galega de Administración Pública

veronica.pineiro.solino@outlook.com

VILLAMERIEL PRESENCIO, L.P.: Una propuesta legislativa para modernizar las oposiciones, Ediciones Endymion, Madrid, 2020, 128 pp. ISBN: 978-84-7731-653-4.

O termo oposición emprégase para facer referencia a unha das vías que, xunto co concurso-oposición e, excepcionalmente, o concurso, dan acceso á función pública tras superar unha serie de probas, avaliadas por un tribunal, nas cales cómpre demostrar os coñecementos exixidos no correspondente temario.

O acceso á función pública é un tema de gran relevancia; non en van, diso dependerá non só seleccionar os mellores aspirantes, senón atraer bos candidatos. Non obstante, malia que se discutiu en diversas ocasións sobre a necesidade de modificar un sistema en que prima unha concepción expositivo-memorística da demostración de coñecementos, polo momento, non se acadou un consenso que permitise materializar reformas ao respecto.

Nesta obra –cuxo contido foi presentado e debatido na Xornada sobre Función Pública e Bo Goberno, celebrada en Barcelona o día 28 de febreiro de 2020– Luis P. Villameriel Presencio, funcionario de carreira do Corpo Superior de Administradores Civís do Estado cunha dilatada traxectoria na Administración pública, aborda a modernización das oposicións dunha forma clara, concisa e exhaustiva, pero, sobre todo, construtiva. Ofrécelle ao lector un percorrido guiado pola dinámica destes procesos selectivos, centrándose no sistema de selección dos funcionarios dos corpos superiores da Administración xeral do Estado para, finalmente, achegar unha proposta articulada de lege ferenda.

Así, non estamos ante un mero estudo que se limite a indicar e enumerar as virtudes ou deficiencias do sistema, senón ante unha proposta de mellora que presenta unha alternativa precisa, concreta e detallada, co seu correspondente plan de implementación.

No índice da obra resúmense perfectamente os aspectos clave do traballo e, ao longo dos seus once capítulos e 128 páxinas, analízase e explícase a situación actual dos procesos selectivos dos corpos superiores para, a continuación, argumentar por que cómpre reformar o sistema, achegando solucións ao respecto.

No primeiro capítulo o autor contextualiza o seu traballo e reflexiona sobre os obxectivos que se deben perseguir para modernizar a Administración pública e, tamén, sobre os intentos falidos e oportunidades perdidas.

Neste sentido, para o autor resulta fundamental revisar en profundidade os procesos selectivos e modernizar o sistema de oposicións a través dunha norma, necesariamente con rango de lei, de tal forma que se consiga captar talento xove e innovador na función pública.

Precisamente «atraer o talento, en especial o talento xove» é o título seleccionado para o segundo capítulo da obra. Nel, centrando a análise na oposición, como sistema que, con carácter xeral, selecciona os funcionarios dos corpos superiores, o autor cuestiona a súa efectividade á hora de atraer ese talento.

Sorprende que, tras a profunda reforma realizada na educación superior co plan Bolonia e a súa metodoloxía, na selección de funcionarios dos corpos superiores, necesariamente titulados universitarios, se prescinda de elementos como as características persoais do candidato, aptitudes, experiencia profesional ou historial académico para avaliar a súa capacidade, reducindo a técnica de selección á comprobación de que o aspirante coñece de forma memorística o contido do temario.

O autor realiza unha análise comparada das experiencias doutros países como Francia e destaca positivamente que, no país galo, partise do presidente da República a iniciativa transformadora que está previsto que culmine nunha lei que reforme a función pública superior, baseándose nas propostas recollidas no Informe Thiriez, froito do encargo realizado polo Goberno francés a unha comisión de expertos, en contraste co desinterese dos responsables políticos españois pola selección de funcionarios.

Os capítulos terceiro a quinto dedícanse a analizar a regulación dos sistemas selectivos, a técnica de selección do persoal e os corpos e escalas de funcionarios, axudándolle ao lector a comprender a necesidade de modernizalos.

Como indica o autor, o EBEP limítase a ofrecer diversas posibilidades sen concretar axeitadamente os procedementos de selección. A ausencia de concreción legal provocou, en palabras do autor, unha dispersión de prácticas selectivas, consecuencia de que sexan as “autoridades administrativas de segundo rango” e non o Parlamento ou o Goberno os que se encarguen de determinar cuestións clave dos procesos.

Así, segundo sinala, en España non existe unha política pública de selección de funcionarios superiores dirixida a atraer o talento á Administración pública, e deste xeito o enuncia, literalmente, no capítulo seis, no cal, así mesmo, expón razóns que avalan a súa afirmación. En tal sentido, retoma o exemplo francés, onde se traza a función pública superior como unha política de Estado e lamenta que en España se considere “meras cuestións de persoal”.

No capítulo sétimo, tras preguntarse que se debe facer ao respecto, propón unha modernización das oposicións incidindo no contido do programa e no deseño do proceso selectivo. En concreto, nos capítulos oitavo a décimo expón e explica as interesantes recomendacións que se concretan no que o autor denomina «proposta de lei de modernización dos sistemas selectivos dos corpos e escalas do Grupo A da Administración xeral do Estado», que se recolle no anexo da obra.

Para o autor é fundamental que os procesos selectivos sexan máis sustentables e atractivos, e, para conseguilo, propón unha serie de cuestións necesarias e urxentes.

Sen ánimo de ser exhaustivos, podemos destacar as seguintes: acabar con temarios sobredimensionados e configuralos a semellanza dos programas universitarios, en créditos ECTS, tendo en conta as horas de dedicación necesarias para adquirir os coñecementos que inclúen; transformar a configuración dos cursos de formación de potestativa a preceptiva; fixar por lei, para todos os corpos e escalas, os puntos clave do proceso selectivo, denominado polo autor como itinerario de ingreso con dúas fases, ambas as dúas selectivas, obrigatorias, diferenciadas e complementarias: unha primeira onde se realizarán probas tendentes a comprobar as capacidades do aspirante e unha segunda que pivotará arredor do curso de formación; supresión de probas orais expositivo-memorísticas; limitación e concreción do número de exercicios; posibilidade de conservar a nota dos exercicios realizados cando se supere o 60% da cualificación máxima; convocatoria de procesos selectivos conxuntos; celebración de convenios con universidades, como xa sucede nalgúns corpos, que proporcionen rango de máster ao curso de formación; ou implicar a ANECA, o INAP e os demais institutos ou centros de formación na configuración dos itinerarios de ingreso.

Para concluír, antes do anexo final, que recolle a proposta articulada do autor, no capítulo once proponse un marco temporal de dezaoito meses desde a entrada en vigor da lei suxerida para que se confeccionen e aproben os itinerarios de ingreso, de tal forma que poidan aplicarse á primeira oferta de emprego público que se convoque tras a entrada en vigor da nova regulación.

Este traballo, de lectura sumamente aconsellable, incorpora a experiencia do autor como opositor, membro de tribunais de oposición e funcionario de carreira que ocupou postos de gran responsabilidade e é consciente das necesidades da Administración. O feito de coñecer os procesos selectivos desde todas as perspectivas é un valor engadido á hora de plasmar os puntos clave da reforma que se precisa e ofrecer unha proposta verdadeiramente completa.

Por todo o sinalado, trátase dunha obra recomendable para calquera xurista interesado no estudo dos sistemas de selección de funcionarios, na cal atopará unha interesante proposta de reforma.