Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 61_xaneiro-xuño 2021 | pp. -247

Santiago de Compostela, 2021

https://doi.org/10.36402/regap.v0i61.4714

© Noel Armas Castilla

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 05/02/2021 | Aceptado: 16/06/2021

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

El derecho de acceso a la información pública

Noel Armas Castilla

Universidade de Sevilla

https://orcid.org/ 0000-0002-3171-3279

noel.armas@outlook.es

GUICHOT, E. y BARRERO RODRÍGUEZ, C.: El derecho de acceso a la información pública, Tirant Lo Blanch, Valencia, 2020, 872 pp. ISBN: 978-84-1378-234-8.

Este libro expón o froito das investigacións que realizaron os catedráticos en Dereito Administrativo da Universidade de Sevilla Emilio Guichot Reina e Concepción Barrero Rodríguez. Os autores, ademais de reputados estudosos na materia, formaron parte de varios proxectos de investigación relacionados coa transparencia, de cuxas conclusións se nutre este libro.

Con este traballo, os autores estudan que repercusión comportou a aprobación da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno (en diante, Lei 19/2013), así como o labor do Consello Estatal de Transparencia e as súas réplicas autonómicas. O libro recolle os aspectos claves que configuran a transparencia no noso ordenamento e, en xeral, analiza desde un punto de vista xurídico-crítico o estado da dita materia en España e a súa evolución nos últimos anos. As bondades deste libro son moitas: en primeiro lugar, pódese comprobar doadamente que o estudo trata de xeito moi completo e profuso o estado da cuestión; permite coñecer como se fraguou o dereito de acceso á información pública da man de investigadores que seguiron a traxectoria desta normativa desde a propia concepción da lei, o que reviste o traballo de bastante autoridade. E o que é aínda máis importante: o libro achega uns datos moi interesantes de cara á formación de doutrina, tan necesaria para a interpretación e comprensión dunha materia que, como esta, aínda está a dar os seus primeiros pasos no noso ordenamento xurídico.

Para iso, os autores estruturaron a obra, cun criterio bastante lóxico, en cinco capítulos, dos cales a continuación se fai unha recensión.

- No primeiro capítulo, abórdanse as cuestións xerais en materia de transparencia. Serve de contexto para comprender os antecedentes en que se aproba a lei estatal e o réxime de competencias con que se desenvolve nas comunidades autónomas, cuestión esta última nada banal tendo en conta as particularidades organizativas do Estado español. Os autores teorizan sobre o dereito de acceso á información pública e compárano co dereito de publicidade activa.

- Xa no capítulo segundo pormenorízanse algúns dos elementos da transparencia, como os seus ámbitos subxectivo e obxectivo. No que concirne ao eido subxectivo da norma, prodúceme grande interese a fonda análise a que se somete a lista de suxeitos obrigados que incardina o artigo 2 da Lei 19/2013. Aínda que na obra recensionada non se segue exactamente a orde que o lexislador deu na redacción do dito artigo, si se extraen e comentan estas entidades segundo a súa tipoloxía. Algúns destes suxeitos son as administracións públicas, as sociedades mercantís participadas en máis do ٥٠ % por suxeitos previstos no artigo 2 da lei, as fundacións públicas, a Casa Real e outros suxeitos como o Congreso dos Deputados ou o Senado (cando actúan dentro das marxes do dereito administrativo), corporacións de dereito público como comunidades de regantes, colexios profesionais e consellos de colexios profesionais (tamén cando actúan dentro dos límites do dereito administrativo), así como as asociacións constituídas polas administracións e organismos descritos neste mesmo artigo da norma.

Tamén se contribúe a acoutar unha definición doutrinal do concepto de información pública, cuxas vicisitudes, como se desprende do libro, presentan certas complexidades meritorias de estudo.

- O capítulo terceiro examina o réxime dos límites no acceso á información. Tipifícanse estes límites en varias grandes ramas: os relativos ao interese público (seguridade nacional, defensa, relacións exteriores, seguridade pública, política económica e monetaria, medio ambiente), os vinculados á integridade dos procedementos administrativos e xudiciais, os conectados coa protección de dereitos e intereses de contido económico (comerciais, segredo profesional, propiedade intelectual e propiedade industrial) e os relacionados coa privacidade (aquí son de especial interese os conflitos e a ponderación de intereses que se produce na fronteira entre os datos persoais e os de interese público). O alto grao de completude dos supostos considerados no capítulo fai moi útil a súa lectura.

- A continuación, o cuarto capítulo, que afonda en aspectos procedementais, inspecciona o xeito en que se pode accionar o dereito de acceso á información previsto no artigo 17 da Lei 19/2013. En concreto, estúdase a iniciación do procedemento (suxeitos, contidos, medios de presentación), supostos de inadmisión de solicitudes, tramitación da solicitude (emenda, audiencia...) e a resolución. Afóndase de xeito moi expresivo en cada un destes estadios do procedemento, o que se enriquece co estudo do réxime de impugnacións (arts. 23 e 24 da Lei 19/2013), do que tamén se refiren as consideracións que se deben ter en conta ao longo do procedemento, así como a tramitación das impugnacións (requisitos de presentación, trámites, resolución, etc.).

- O quinto capítulo, a xeito de peche, revisa as regulacións especiais a que se refire a disposición adicional primeira da Lei 19/2013, ao establecer que “(...) se rexerán pola súa normativa específica, e por esta lei con carácter supletorio, aquelas materias que teñan previsto un réxime xurídico específico de acceso á información”. É moi interesante porque permite que o libro remate sen esquecer aqueles supostos que, pola súa natureza, estean suxeitos a normas específicas. Resultan de especial atención as mencións que se realizan á normativa en materia de segredos oficiais e a súa proximidade cos límites a que se refire o artigo 14 da Lei 19/2013 referentes á seguridade nacional, defensa, relacións exteriores e seguridade pública.

En conxunto, e para concluír, podemos determinar que a obra obxecto de recensión ofrece unha visión moi interesante sobre o estado en que se atopa o dereito ao acceso á información pública en España. A autoría do libro é sen lugar a dúbidas unha garantía da calidade da obra, ao estar asinada por dous catedráticos de Dereito Administrativo de recoñecido prestixio e cuxas investigacións estiveron vinculadas á transparencia; en calquera caso, o que fai especialmente atractivo este libro é o grao con que contempla e desenvolve tantos aspectos previstos na Lei 19/2013. Dada a xuventude desta lei, estes aspectos están aínda por asentar, co que a obra é un importante pulo para achegar doutrina á materia que, como se anuncia no libro e na data de redacción desta recensión, aínda queda pendente de desenvolvemento no seu correspondente regulamento.