Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 61_xaneiro-xuño 2021 | pp. -173

Santiago de Compostela, 2021

https://doi.org/10.36402/regap.v0i61.4726

© Víctor José Barbeito Pose

© Julián Bustelo Abuín

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 27/03/2021 | Aceptado: 16/06/2021

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

As deficiencias das ferramentas de xeolocalización dos xacementos arqueolóxicos e as súas consecuencias sobre a protección do patrimonio cultural de Galicia

Las deficiencias de las herramientas de geolocalización de los yacimientos arqueológicos y sus consecuencias sobre la protección del patrimonio cultural de Galicia

The deficiencies of the geolocation tools of archaeological sites and their consequences on the protection of the cultural heritage of Galicia

Víctor José Barbeito Pose

Centro Arqueolóxico do Barbanza

https://orcid.org/0000-0001-7414-2085

centroarqueoloxicobarbanza@gmail.com

Julián Bustelo Abuín

Investigador do Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio

Universidade de Santiago de Compostela

julianbustelo17@gmail.com

Resumo: Analízanse algunhas problemáticas da xeolocalización de xacementos arqueolóxicos en relación cos aproveitamentos forestais a partir dunha serie de cambios normativos. A posta en marcha dun portal web corporativo destinado á tramitación dos procedementos relativos a aproveitamentos forestais pon en evidencia unha serie de disfuncións na clasificación dos bens, a delimitación de áreas afectadas, a localización dos bens e a calidade do rexistro arqueolóxico.

Palabras clave: Patrimonio arqueolóxico, protección, xeolocalización, información arqueolóxica, fiabilidade.

Resumen: Se analizan algunas problemáticas de la geolocalización de yacimientos arqueológicos en relación con los aprovechamientos forestales a raíz de una serie de cambios normativos. La puesta en marcha de un portal web corporativo destinado a la tramitación de los procedimientos relativos a aprovechamientos forestales pone en evidencia una serie de disfunciones en la clasificación de los bienes, la delimitación de áreas afectadas, la localización de los bienes y la calidad del registro arqueológico.

Palabras clave: Patrimonio arqueológico, protección, geolocalización, información arqueológica, fiabilidad.

Abstract: Some problems of the geolocation of archaeological sites are analyzed in relation to forest exploitation as a result of a series of regulatory changes. The launch of a corporate web portal for the processing of procedures related to forest exploitation highlights a series of dysfunctions in the classification of archaeological assets, the delimitation of affected areas, the location of archaeological sites and the quality of archaeological information.

Key words: Archaeological heritage, protection, geolocation, archaeological information, reliability.

Sumario: 1 Introdución. 2 Delimitación de áreas afectadas polo patrimonio arqueolóxico. 2.1 Os contornos de protección no visor de aproveitamentos. 2.2 A clasificación dos bens arqueolóxicos. 2.3 Ubicuidade dos bens. 2.4 A xeolocalización e o rexistro arqueolóxico. 3 Conclusións.

1 Introdución

A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, introduciu dous cambios substanciais respecto da xeolocalización de espazos suxeitos a algún réxime de protección e de ámbitos de protección do dominio público que afectou directamente á Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), e á Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Como consecuencia, os distintos departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia deben colaborar coa dirección xeral competente en materia de protección do patrimonio cultural para que se publique nunha ferramenta xeográfica corporativa a información xeolocalizada dos xacementos arqueolóxicos que lles permita, ao resto das administracións públicas e operadores económicos, unha planificación respectuosa co patrimonio cultural de Galicia.

Neste mesmo sentido, o Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia, incorpora na súa disposición adicional quinta o visor de información xeolocalizada1 dos espazos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, en permanente actualización ata garantir a súa total, exacta e efectiva implementación.

Neste contexto, en marzo de 2018 a Consellería de Cultura, Educación e Universidade anunciaba a licitación do contrato de servizos de xeolocalización e delimitación de xacementos arqueolóxicos coñecidos na Comunidade Autónoma de Galicia en 25 lotes2 por un importe total de 1.100.000 euros (IVE incluído), e cun prazo de execución de 5 meses.

O servizo responsable do patrimonio arqueolóxico da Administración autonómica redactou un proxecto arqueolóxico en que se fixaban as condicións nas cales se debían realizar os traballos, acompañado dun prego de prescricións técnicas particulares3, de acordo co establecido no artigo 124 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, que complementaba as condicións do traballo.

Entre as condicións destacaban tres: a primeira, relacionada coa precisión dos datos, ao ser necesario empregar un GPS ou sistema de posicionamento global con precisión submétrica, argumentando que moitas das entidades arqueolóxicas (xacementos, achados...) se rexistraran durante os anos oitenta e noventa do século pasado cunha tecnoloxía e cartografía que non son compatibles coas necesidades dos tempos actuais; a segunda era a consulta de bibliografía sobre a zona de actuación e documentación administrativa; e a terceira estaba relacionada coa representación espacial das entidades arqueolóxicas.

Atendendo ás modificacións lexislativas antes sinaladas, a información obtida durante os traballos arqueolóxicos foi incorporada ao visor da información xeolocalizada da consellería competente en materia de montes que se atopa operativo4.

O visor contén un aviso legal (disclaimer) proporcionado pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, en que se advirte que, á hora de determinar a responsabilidade dos actos derivados dos aproveitamentos forestais realizados polas persoas titulares dos terreos, se terá en conta a información, que terá carácter oficial, contida nese visor no momento da solicitude de autorización ou declaración responsable.

En cambio, a web oficial de Información Xeográfica de Galicia5, dependente da Administración autonómica, anuncia que a información relativa ao patrimonio cultural só é fiable para os datos que constan nos plans xerais de ordenación municipal aprobados e incorporados á devandita información, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan solicitarlle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural un pronunciamento específico sobre a protección concreta dalgún ben do patrimonio cultural e o alcance das medidas de protección que cómpre desenvolver nun determinado predio segundo o tipo de actividade. Ademais, prevén sobre a información xeolocalizada que será obxecto de actualización permanente na procura dunha certeza dos datos xeorreferenciados.

Como se pode observar, existen diferenzas notables entre as informacións proporcionadas por distintos departamentos da Administración autonómica referidos a un mesmo ámbito, o patrimonio cultural. Non obstante, isto non pasaría de ser anecdótico se non tivese implicacións que consideramos de grande interese, non pola diferenza de información achegada, senón pola rede xurídica, administrativa e patrimonial que diso deriva.

A solicitude de autorización, declaración responsable ou comunicación de aproveitamentos madeireiros debe presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (art. 9.1 do Decreto 73/2020). A aplicación web ou ferramenta corporativa (visor de aproveitamentos) detecta automaticamente se a solicitude está afectada polo réxime de protección do patrimonio cultural. A problemática xorde na delimitación destas áreas afectadas e na permanente actualización en busca dunha certeza dos datos xeorreferenciados.

2 Delimitación de áreas afectadas polo patrimonio arqueolóxico

A lenda que acompaña o visor de aproveitamentos distingue entre elementos BIC, contorno de protección dos elementos BIC, xacementos catalogados, ámbito de protección de xacementos catalogados, xacementos censados e ámbito de xacementos censados, entre outros.

Pero realmente estamos ante contornos de protección?, e existen bens arqueolóxicos censados?

2.1 Os contornos de protección no visor de aproveitamentos

Como xa sinalamos, delimítanse tres tipos de contornos: os relativos aos BIC, aos catalogados e aos censados. Coa excepción dos contornos para Bens de Interese Cultural de natureza arqueolóxica, e non están todos, procedeuse a delimitar os contornos a partir dun xeoide cun raio de 200 metros de diámetro a partir da delimitación exterior do ben arqueolóxico sen ter en conta, por exemplo, os contornos de protección definidos para cada ben nos instrumentos ou catálogos de planeamento urbanístico, dándose unha duplicidade de contornos non coincidentes, xerando inseguridade xurídica. Asemade, imposibilita que aqueles espazos suxeitos a autorización autonómica por prescrición das ordenanzas municipais queden nun escurecemento legal6, dado que a aplicación web non detecta esta particularidade, quedando sen tutela patrimonial aquelas parcelas afectadas por un contorno de protección no ámbito urbanístico e que queden fóra dese xeoide de 200 metros de diámetro, ou aqueloutras parcelas que carecían de protección legal, pero agora, por se atoparen dentro deses 200 metros, se ven suxeitas a unha nova tutela.

Dada a dualidade normativa de protección que afecta aos bens culturais, como son o planeamento urbanístico (e ordenación do territorio) e a propia normativa sectorial do patrimonio cultural7, entraría dentro do aceptable que nun determinado ámbito físico se poidan exercer varias competencias sobre un mesmo espazo e con análoga finalidade, aínda que con distinto fundamento, podendo coexistir títulos competenciais diversos e complementarios8.

Entón, poderiamos considerar que os contornos de protección de xacementos catalogados e censados que aparecen no visor se corresponden con contornos de protección subsidiarios? A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, recolle no seu artigo 38 a posibilidade, de xeito excepcional, de establecer un contorno de protección dun ben por remisión a franxas xenéricas con carácter subsidiario de 200 metros para bens integrantes do patrimonio arqueolóxico. Porén, non parece ser o caso, xa que a propia disposición fixa unha redución desta distancia a 50 metros cando se trate de solos urbanos ou de núcleo rural común, e esta redución non aparece recollida na información xeolocalizada no visor de aproveitamentos; polo tanto, debemos descartar que se trate de contornos subsidiarios.

Tampouco consta que se regulamentasen os criterios de delimitación tal como recolle o artigo 12.3 da LPCG, nin se instruíse ningún procedemento administrativo ao respecto, e, consecuentemente, se puidesen conculcar os dereitos das persoas interesadas ao impedir a presentación de alegacións ou achegar os documentos que considerasen oportunos, tal como establece o artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas. Polo tanto, podemos considerar que os contornos que aparecen representados no visor de aproveitamentos son unha ficción sen amparo legal; trátase dun ámbito tutelar contrario a dereito e que, ademais de evadir a propia normativa do patrimonio cultural de Galicia e a de procedemento administrativo, está inzado de inseguridade xurídica.

2.2 A clasificación dos bens arqueolóxicos

Advertiamos máis arriba que dentro dos xacementos arqueolóxicos se diferencia unha categoría de xacementos censados; esta categoría debería estar en relación con aqueles bens incorporados ao Censo do Patrimonio Cultural a que se alude no artigo 14 da LPCG, que sinala que aqueles bens do patrimonio cultural de Galicia, mentres non fosen declarados ou catalogados, se incluirán no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia. A incorporación ao censo prodúcese por resolución da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural, e o censo será obxecto de continua actualización e as súas incorporacións serán anunciadas no Diario Oficial de Galicia; non obstante, actualmente, só consta publicada unha resolución no Diario Oficial de Galicia pola que se inclúe no Censo do Patrimonio Cultural a técnica tradicional da construción da pedra en seco como manifestación do patrimonio cultural inmaterial9, e, en cambio, o número de bens censados que aparecen no visor pode roldar os 4.000.

Dado o incumprimento normativo que sinalamos, debemos considerar que os xacementos arqueolóxicos identificados como censados no visor carecen xuridicamente de tal clasificación10. Ademais, nalgún caso11 perderon a categoría de bens catalogados sen que para iso se procedese de acordo cos procedementos de modificación ou de exclusión de bens do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia conforme os mecanismos recollidos na LPCG.

Por outra banda, a incorporación de xacementos arqueolóxicos inéditos no visor unicamente os protexe no sector forestal, e máis concretamente nos procedementos vinculados aos aproveitamentos madeireiros, deixándoos desprovistos de protección para outros sectores. Non existe ningún acto constitutivo con suficientes garantías sobre os bens arqueolóxicos, incorporándoos baixo a esfera xurídica do patrimonio cultural de Galicia consonte os mecanismos recollidos na LPCG, e que, ademais, garanta os dereitos das persoas interesadas no procedemento como titulares de parcelas que poidan verse afectadas pola inclusión destas nun novo réxime de protección como consecuencia do descubrimento de novos xacementos arqueolóxicos. Obviouse o trámite de información pública e audiencia aos interesados, imposibilitando a presentación de alegacións ou a achega de argumentos que considerasen oportunos, que permitisen modificacións ou rectificacións de erros materiais.

Unha última consideración, e que xa tratamos noutra ocasión12, é a relativa a aqueles bens que por ministerio da lei teñen consideración de bens de interese cultural, pero que aparecen clasificados como bens catalogados, concretamente referímonos ás manifestacións de arte rupestre (art. 94.2 LPCG), creando unha subcategoría de bens con características propias de arte rupestre pero que xuridicamente se afastan da consideración de bens de interese cultural, dando lugar a unha contradictio in terminis.

2.3 Ubicuidade dos bens

Unha das consecuencias da xeolocalización de xacementos arqueolóxicos foi o desprazamento xeográfico de moitos bens. Tal como se argumentaba no proxecto de prospección arqueolóxica13 destinado a definir cada unha das 25 intervencións arqueolóxicas, moitas das entidades arqueolóxicas rexistráranse durante as décadas de 1980 e 1990 cunha tecnoloxía e cartografías que non son compatibles coas necesidades actuais.

A priori, e dadas as condicións establecidas, tanto o proxecto de intervención arqueolóxica como o prego de prescricións técnicas particulares fixaban a necesidade de utilizar un sistema de posicionamento global ou GPS de precisión submétrica. Polo tanto, a marxe de erro na localización (que non de delimitación) dos xacementos debería estar por debaixo do metro de erro.

Para realizar os traballos de xeolocalización, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade adxudicou un total de 25 contratos a distintas empresas. Á fronte de cada un dos 25 contratos atopábase un director/a arqueólogo/a que foi autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de acordo co proxecto de intervención arqueolóxica; os pregos de prescricións; o Decreto 199/1997, do 10 de xullo, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia; a propia LPCG, e o resto de normativa estritamente administrativa.

Os traballos desenvolvéronse baixo a coordinación e seguimento da Administración autonómica, sometidos a un control de calidade, tanto interno como externo, a validación dos resultados presentados polo servizo autonómico correspondente e posterior aboamento da contía acordada. Dada a sucesión de eventos descritos, podemos considerar que os resultados teñen un carácter cualificado.

De acordo co artigo 92.8 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, ou a disposición adicional quinta do Decreto 73/2020, a información xeolocalizada dos espazos suxeitos a algún tipo réxime de protección son subministrados polos respectivos organismos competentes. Consecuentemente, debemos entender que a información dispoñible no visor de aproveitamentos é a proporcionada pola consellería competente en materia de patrimonio cultural. Chegados a este punto, xorde o seguinte tema que consideramos de gran transcendencia. A localización real dun número importante de bens, que non podemos valorar cuantitativamente, variou de xeito significativo, nalgún caso superior ao centenar de metros; non obstante, non se instruíu ningún procedemento para solucionar esta situación, o que podería derivar na exixencia de responsabilidades ás autoridades que, por imprudencia grave ante a súa inactividade, lles xerasen danos ao patrimonio cultural.

Mención á parte merece a cuestión da «certeza» aludida no Decreto 73/2020, referida aos espazos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, que estará en permanente actualización ata garantir a súa total, exacta e efectiva implementación, pero fuxiuse dos procedementos administrativos necesarios que garantan os dereitos dos administrados, o que deixa o campo proclive á contenda xudicial para resolver estas cuestións.

Ademais, cómpre ter en conta que o proxecto arqueolóxico que sostén as prospeccións para a xeolocalización dos bens sinala a necesidade de rexistrar unha porcentaxe determinada de elementos inéditos14 aos cales se protexe no ámbito dos aproveitamentos forestais, pero carecen de xeito fidedigno dun acto constitutivo que recoñeza amplamente os seus valores e interese, e consecuentemente que queden baixo o paraugas normativo do patrimonio cultural. É dicir, un ben arqueolóxico inédito recollido no visor non ten garantida a súa protección para outras actividades como a urbanística; unicamente queda suxeito a unha protección residual derivada de mecanismos xurídicos como o achado casual ou, quizais, á suspensión de obras en bens do patrimonio cultural non catalogados ou declarados (disposición adicional undécima LPCG).

Non deixa de ser paradoxal que unha gran cantidade de actos administrativos que se están a ditar, e que someten a interesada ou interesado a unha tutela administrativa por existiren presuntamente valores arqueolóxicos, limitando, en consecuencia, o dereito de propiedade protexido constitucionalmente e lesionando os dereitos ou interese lexítimos nalgúns casos, teñen a súa orixe nunha localización que non se axusta á realidade. É dicir, están situados xuridicamente nun sitio e fisicamente noutro, e sen ter en conta o prexuízo que se lle pode estar a causar á conservación do patrimonio arqueolóxico.

2.4 A xeolocalización e o rexistro arqueolóxico

Non estamos en condicións de analizar o conxunto de datos arqueolóxicos recollidos no visor, polo que nos centraremos nunha pequena mostra que sirva de chamada de atención sobre a calidade e certeza dos datos arqueolóxicos dispoñibles. Seleccionáronse un total de 12 bens arqueolóxicos situados no termo municipal de Boiro, e cuxas dimensións espaciais son discretas (ocupan superficies inferiores aos 50 m2).

Os datos de localización proceden de documentos de traballo da Administración local de distinta natureza, que teñen una precisión próxima ao metro. Como medida de seguridade, estas coordenadas de comprobación foron verificadas mediante o uso de xeo-visores para comprobar as marxes de erro. A táboa recolle a denominación do ben, seguida de varios códigos intercalados co nivel de certeza, as coordenadas X e Y que figuran no visor de aproveitamento, e as obtidas con procedementos propios. A última columna recolle a distancia entre a localización do ben no visor e a localización comprobada.

Como se pode observar, o erro medio ou desviación entre as coordenadas oficiais e as nosas coordenadas supera os 100 metros lineais, con desviacións máximas que superan os 300 metros e mínimas de algo máis de 15 metros. Pero, ademais, se atendemos ao código NIVEL_CERT, que é un indicador do grao de fiabilidade, podemos comprobar que un dos bens con nivel alto (ALT) presenta unha desviación de máis de 60 metros, o que xera as suficientes dúbidas para desconfiar dos protocolos de rexistro postos en marcha durante a xeolocalización.

Seguindo co grao de fiabilidade, chama a atención o nivel de éxito na localización de bens arqueolóxicos identificados nalgunhas áreas atendendo aos datos dispoñibles no visor, tendo en conta o propio carácter oculto dunha parte substancial do patrimonio arqueolóxico e a robusta foresta que crece en Galicia, ambos os dous condicionantes difíciles ou imposibles de solucionar nalgúns casos. Detectáronse situacións curiosas como, por exemplo, un xacemento escavado a principios dos anos noventa por atoparse no medio do trazado dunha vía de alta capacidade, actividade financiada pola dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural; non obstante, tras os traballos de xeolocalización, foi identificado xa non no trazado, senón nunha parcela estremeira.

O caso anterior non deixa de ser anecdótico, pero a partir deste xorde unha cuestión que non é menor, e que adoita afectar aos traballos cuxos obxectivos son a localización e delimitación de xacementos arqueolóxicos como, por exemplo, as prospeccións arqueolóxicas que se realizan como consecuencia do desenvolvemento de instrumentos de planeamento urbanístico. Non é inusual que as fichas dos catálogos incorporen bens arqueolóxicos dos cales nalgún momento se soubo da súa existencia pero que non foron localizados durante os traballos de prospección, e tampouco consta a súa destrución. Nalgúns casos, serve para clasificar solos de especial protección, ou mesmo se someten espazos a protección integral sen evidencia certa da existencia do ben que se quere protexer.

Esta situación, ao noso modo de ver, suscita un interesante debate, xa que os catálogos teñen unha dobre natureza: son instrumentos técnico-científicos e xurídicos15, e presentan implicacións nos dous ámbitos. Así, no ámbito xurídico, os actos que se ditan en aplicación do dereito do patrimonio cultural implican, polo xeral, unha restrición importante do dereito de propiedade, polo que, debido a un elemental principio de seguridade xurídica, se exixe unha motivación suficiente e razoada que lle permita á persoa interesada coñecer cales son os valores que amparan a limitación dos seus dereitos16.

Entón, se non se confirma a existencia do xacemento arqueolóxico, poderíase considerar un deber antixurídico imposto pola Administración ao titular do predio onde presumiblemente estaba localizado cando non existe constancia fidedigna da súa existencia. A Administración ten os medios e a responsabilidade de constatar de forma fidedigna a existencia dos bens arqueolóxicos e os seus valores, dado que son estes os que determinan que existe unha función social ou utilidade pública evidente e indiscutible que xustifican a limitación do dereito á propiedade consagrado constitucionalmente.

O lexislador pode establecer límites ou cargas sempre que atenda ao destino normal do ben de forma proporcionada. É dicir, delimítase o contido do dereito sobre a propiedade atendendo á función social, mantendo a compatibilidade dos límites sociais co aproveitamento privativo dos bens, pero cando os límites establecidos non se adecúen ao fin ou este non exista, ou cando interfira na capacidade de dominar o contido do seu titular, entón serán supostos de privación do dereito de propiedade e, consecuentemente, indemnizables17.

A incorporación ao planeamento urbanístico de zonas con parcelas delimitadas polo seu interese arqueolóxico produce unha perda do valor económico destas e, de demostrarse a súa inexistencia, poderíaselle exixir responsabilidade patrimonial á Administración pola lesión sufrida nos seus bens e dereitos como consecuencia da aplicación de actos lexislativos de natureza non expropiatoria de dereitos que non teñan o deber xurídico de soportar.

Seguindo este mesmo argumento, pero atendendo á propia normativa do patrimonio cultural de Galicia, na cal non existe unha figura de presunción, os xacementos ou zonas arqueolóxicas defínense como «o lugar en que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica, de interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana, ou antropolóxico». Por iso, é crucial que se cumpran as premisas de “lugar” e “evidencias de bens materiais ou inmateriais”. Se non se cumpren as dúas premisas, non poderiamos considerar que o definido como xacemento ou zona arqueolóxica non localizada entre a formar parte do Patrimonio Cultural de Galicia.

Constatouse que numerosas “referencias” ou “topónimos”, que son entidades de rexistro usadas na práctica arqueolóxica, supoñen unha sobrerrepresentación de entidades arqueolóxicas como consecuencia dun problema de uso de datos herdados, procedentes das bases de datos existentes18. Moitas veces estas “referencias” fan alusión a noticias de achados antigos sen unha localización espacial definida e concreta. No caso dos topónimos, poden facer alusión a lugares con probabilidade (pero sen certeza) de conter evidencias de ocupación humana pasada19. Deixando á marxe as implicacións xurídicas, esta situación pon de manifesto unha inflación do número de xacementos e zonas arqueolóxicas en Galicia e que podería roldar os 2.000 elementos20.

Esta inflación incrementaríase coa incorporación de gravados, como son cruces de termo, ou elementos delimitadores de xurisdicións diversas (coutos, parroquias, deslindes de propiedades, etc.) que tuitivamente se afastan do considerado como manifestacións de arte rupestre de acordo co artigo 40.2 da Lei 16/1985, do Patrimonio Histórico Español, e artigo 94.2 da LPCG.

Outro dos condicionantes recollidos no proxecto de intervención arqueolóxica que definiu as 25 intervencións de prospección era o relativo á consulta de bibliografía sobre a zona de actuación e documentación administrativa. Pois ben, á parte do xacemento que fora escavado por estar afectado polo trazado dunha vía de alta capacidade e se localizou de novo, detectamos numerosas ausencias de xacementos (por exemplo, bisbarra da Barbanza) que figuran publicados, algúns desde a década de 1980, e outros máis recentes; do mesmo xeito que tamén foron obxecto de varios expedientes administrativos, ou que figuran incluídos nos catálogos dos plans urbanísticos, e que aínda existen e presentan notables valores arqueolóxicos, non foron incorporados e, consecuentemente, están desprotexidos de cara aos aproveitamentos forestais, dado que ao non estaren recollidos na aplicación non serán detectados no momento en que se instrúa o procedemento de autorización única21.

Outras disfuncións detectadas son cambios de denominación a determinados bens sen que exista motivo aparente, ou a suplantación de identidade duns bens por outros.

Malia que se intúe un esforzo (tímido) por realizar un rexistro arqueolóxico crítico e discriminar determinados elementos ou erros, non se conseguiu alcanzar ese obxectivo, nin patrimonial nin xuridicamente, de xeito satisfactorio. Atribuímos este esforzo ao cambio que sufriron determinados bens que aparecen no visor como censados; non obstante, e lonxe de ser elementos xuridicamente censados, como xa analizamos con anterioridade, non se obxectivizan os criterios seguidos para tal cambio, e só a confirmación de datos cientificamente demostrados que acrediten a perda de valores culturais permitiría operar a desprotección dun ben22.

Resulta obvio que nós só analizamos unha parte ínfima dos resultados da xeolocalización, e que, dado que traballaron 25 equipos en todo o territorio galego, os resultados non son homoxéneos e deben existir distintos graos de rigorosidade.

Debemos facer nosa a reflexión de ALONSO IBÁÑEZ23 en relación coa catalogación: «as causas polas que as continuas apelacións do lexislador á necesidade de catalogar e inventariar o patrimonio existente se incumpriron pavorosamente non poden ser atribuídas só á magnitude da tarefa, á dispersión dos elementos a protexer, ás neglixencias da Administración chamada a asumir a súa elaboración, nin sequera á precariedade de medios económicos predispostos para tal fin. Todo iso sen dúbida que contribuíu no resultado final, pero, no fondo, o problema deriva da falta dunha concepción xeral sobre a propia actividade administrativa de catalogación, o que se traduciu nunha permanente ausencia de normas específicas que atendan a este labor e permita configurar unha infraestrutura profesional e eficaz».

3 Conclusións

1. A información sobre xeolocalización de xacementos arqueolóxicos dispoñibles no Portal de aproveitamentos é un mero rexistro administrativo ou un instrumento accesorio e auxiliar de natureza meramente instrumental, pero sen soporte legal, sorteando os réximes de protección cultural e urbanística que afectan aos bens arqueolóxicos e cunha eficacia nas súas determinacións dubidosa, ao non se ter tramitado, aprobado e publicado conforme dereito. Podemos consideralo un ámbito tutelar sen soporte lexislativo que ampare a información que contén referida ao patrimonio arqueolóxico.

2. Os novos xacementos descubertos durante os traballos de prospección destinados á xeolocalización de xacementos arqueolóxicos non entraron a formar parte do ámbito dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia que deban ser considerados e, consecuentemente, protexidos, salvo no eido forestal, dado que non se articulou un sistema ou mecanismo xurídico que protexa a nova situación dos bens para outros ámbitos ou sectores con incidencia sobre o territorio.

3. O tamaño da mostra analizada (unha ducia de exemplos de xacementos xeolocalizados) non é representativo cuantitativamente nin cualitativamente; non obstante, debe servir de advertencia sobre os problemas; entre eles, consideramos que a falta de fiabilidade e rigor na plasmación dos resultados son factores que cómpre ter en conta e que poderían determinar que o “visor de aproveitamentos” carecese da calidade suficiente; e, como consecuencia, a xestión que del se poida obter podería resultar deficitaria e con risco evidente de destrución do patrimonio arqueolóxico sen garantir a protección e conservación destes bens.

4. O conxunto de bens rexistrados neste portal presenta problemas metodolóxicos e deontolóxicos. É un caixón de xastre onde conflúen xacementos arqueolóxicos, topónimos, referencias, bens non localizados e bens destruídos que necesitan unha reflexión crítica para discriminar determinados elementos ou erros do rexistro, algúns dos cales están recollidos na documentación administrativa e bibliográfica que non se consultou, ou polo menos non coa suficiente profundidade, á vista dos datos.

5. Os resultados son froito dunha actuación arqueolóxica autorizada, programada, financiada e supervisada pola Administración competente en materia de patrimonio cultural, pero que foi unha mera cuestión de oportunidade auspiciada pola Administración forestal sen unha planificación eficaz pola Administración competente en materia de patrimonio cultural, e que supuxo un quebranto importante de recursos públicos sen que a protección dos bens arqueolóxicos sexa plenamente satisfactoria. Debe exixírselle á Administración un compromiso real, máis alá da mera declaración de intencións, na protección dos xacementos arqueolóxicos, que presenta graves carencias demostradas e ineficacia.

Bibliografía

Alonso Ibañez, M.R., “Los aspectos jurídicos de la actividad de catalogación protectora”, Alonso Ibáñez, M.R. (coord.), Los catálogos urbanísticos. Aspectos jurídicos, metodológicos y de gestión, Servizo de Publicacións da Universidade de Oviedo, Oviedo, 2004.

BARBEITO POSE, V.J. e BUSTELO ABUÍN, J., “Los entornos de protección en la Ley 5/2016 y en el Plan básico autonómico”, Revista Galega de Administración Pública, n. 60, 2021

Barrero Rodríguez, C., La ordenación urbanística de los Conjuntos Históricos, Iustel, Madrid, 2006.

BERMÚDEZ SÁNCHEZ, J., El derecho de propiedad: límites derivados de la protección arqueológica, Editorial Montecorvo, S.A., Madrid, 2003.

Contreras, D. e MEADOW, J., “Estudios paleo demográficos basados en conjuntos de dataciones radiométricas. Una revisión crítica”, Barcelo, J.A. e Morell, B. (eds.), Métodos cronométricos en arqueología, prehistoria y paleontología, Dextra Editorial, S.L., Madrid, 2020.

Fernández Gutiérrez, M.F., “El registro de bienes inmuebles como actividad profesional: una aproximación teórica y una reflexión sobre la práctica. El caso asturiano”, Alonso Ibáñez, M.R. (coord.), Los catálogos urbanísticos. Aspectos jurídicos, metodológicos y de gestión, Servizo de Publicacións da Universidade de Oviedo, Oviedo, 2004.

GARCÍA CALDERÓN, J.M., La defensa penal del patrimonio arqueológico, Dykinson, Madrid, 2016.

GARCÍA SANJUAN, L., Introducción al reconocimiento y análisis arqueológico del territorio, Ariel, Barcelona, 2005.

Soro Mateo, B., “La desclasificación de bienes culturales. Pérdida de valores, error o desviación de poder”, Revista Aragonesa de Administración Pública, n. 41-42, 2013.


1 Acceso web: https://mapas.xunta.gal/visores/aproveitamentos/ (27 de novembro de 2020).

2 Resolución do 1 de marzo de 2018 pola que se anuncia a licitación, polo procedemento aberto con pluralidade de criterios, do contrato de servizos, suxeito a regulación harmonizada, de xeolocalización e delimitación dos xacementos arqueolóxicos que se coñecen na Comunidade Autónoma de Galicia (25 lotes), DOG n. 47, do 7 de marzo de 2018.

3 Acceso web: https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?OP=50&N=283450&lang=gl (27 de novembro de 2020).

4 Acceso web: http://mapas.xunta.gal/visores/aproveitamentos/ (1 de febreiro de 2021).

5 Acceso web: http://mapas.xunta.gal/actualidade?content=actualidade0066.html (1 de febreiro de 2021).

6 Normalmente, as percepcións urbanísticas relativas a actuacións ou usos en ámbitos de protección de bens arqueolóxicos remiten á preceptiva autorización autonómica; se agora a aplicación web non permite detectar estes espazos (sobre todo aqueles que contan con ámbitos de protección específicos e adaptados á realidade de cada ben) e a solicitude só é posible realizala por medios electrónicos, impide que estes espazos queden suxeitos a tutela autonómica por interese do patrimonio cultural.

7 Barrero Rodríguez, C., La ordenación urbanística de los Conjuntos Históricos, Iustel, Madrid, 2006, p. 104.

8 GARCÍA CALDERÓN, J.M., La defensa penal del patrimonio arqueológico, Dykinson, Madrid, 2016, p. 65.

9 DOG n. 186, do 29 de xullo de 2016, Resolución do 31 de agosto de 2016, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se inclúe no Censo do Patrimonio Cultural a técnica tradicional da construción da pedra en seco como manifestación do patrimonio cultural inmaterial.

10 Deberiamos referirnos a preclasificación, dado que o artigo 8 da LPCG establece que os bens do patrimonio cultural poderán ser declarados de interese cultural ou catalogado, e os censados son aqueles que non fosen declarados ou catalogados (art. 14.1) atendendo á literalidade da norma, que indica que forman parte do censo os bens e manifestacións inmateriais do patrimonio cultural de Galicia mentres non fosen declarados de interese cultural ou catalogados.

11 Só por citar un exemplo: Mámoa de Ventín 5 (GA15073045) no termo municipal de Ribeira (A Coruña).

12 BARBEITO POSE, V.J. e BUSTELO ABUÍN, J., “Los entornos de protección en la Ley 5/2016 y en el Plan básico autonómico”, Revista Galega de Administración Pública, n. 60, 2021, p. 455.

13 Proxecto de prospección arqueolóxica para xeolocalizar e delimitar os xacementos arqueolóxicos que se coñecen na Comunidade Autónoma de Galicia. Acceso web: https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?OP=50&N=283450&lang=gl (1 de febreiro de 2021).

14 Non deixa de ser curioso que se fixe unha porcentaxe de novos xacementos a rexistrar. O que descoñecemos son os criterios fixados para determinar as ditas porcentaxes; e, ademais, implicitamente a Administración recoñece a existencia destes sen que procedese ata a actualidade a resolver esta cuestión, ou ben se está incentivando ao rexistro de bens que puidesen carecer de suficientes valores para a súa conservación, iniciando (ou continuando) unha escalada inflacionaria de bens a protexer.

15 Fernández Gutiérrez, M.F., “El registro de bienes inmuebles como actividad profesional: una aproximación teórica y una reflexión sobre la práctica. El caso asturiano”, Alonso Ibáñez, M.R. (coord.), Los catálogos urbanísticos. Aspectos jurídicos, metodológicos y de gestión, Servizo de Publicacións da Universidade de Oviedo, Oviedo, 2004, p. 56.

16 Barrero Rodríguez, C., La ordenación urbanística de los Conjuntos Históricos, cit., p. 279.

17 BERMÚDEZ SÁNCHEZ, J., El derecho de propiedad: límites derivados de la protección arqueológica, Editorial Montecorvo, S.A., Madrid, 2003, p. 39.

18 Algúns autores detectaron esta mesma problemática para a recompilación de datacións por carbono 14 no ámbito arqueolóxico (CONTRERAS, D. e MEADOW, J., “Estudios paleo demográficos basados en conjuntos de dataciones radiométricas. Una revisión crítica”, Barcelo, J.A. e Morell, B. (eds.), Métodos cronométricos en arqueología, prehistoria y paleontología, Dextra Editorial, S.L., Madrid, 2020, p. 510).

19 GARCÍA SANJUAN, L., Introducción al reconocimiento y análisis arqueológico del territorio, Ariel, Barcelona, 2005.

20 O proxecto de intervención arqueolóxica que deu soporte ao contrato de xeolocalización de xacementos arqueolóxicos estimaba en máis de 2.000 os topónimos e referencias. O proxecto está dispoñible na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. Acceso web: https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?OP=50&N=283450&lang=gl (28 de novembro de 2020).

21 A autorización única integra os informes sectoriais, entre eles os arqueolóxicos, que incorporan as condicións a que debe someterse o aproveitamento.

22 Soro Mateo, B., “La desclasificación de bienes culturales. Pérdida de valores, error o desviación de poder”, Revista Aragonesa de Administración Pública, n. 41-42, 2013, p. 283.

23 Alonso Ibañez, M.R., “Los aspectos jurídicos de la actividad de catalogación protectora”, Alonso Ibáñez, M.R. (coord.), Los catálogos urbanísticos. Aspectos jurídicos, metodológicos y de gestión, Servizo de Publicacións da Universidade de Oviedo, Oviedo, 2004, pp. 22-23.