Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 61_xaneiro-xuño 2021 | pp. -260

Santiago de Compostela, 2021

https://doi.org/10.36402/regap.v0i61.4729

© Emma Vioque Martínez

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 30/03/2021 | Aceptado: 16/06/2021

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

Mujer y desarrollo sostenible en el medio rural

Emma Vioque Martínez

Avogada

e.vioque@me.com

GONZÁLEZ BUSTOS, M.ª Á.: Mujer y desarrollo sostenible en el medio rural, Atelier Libros Jurídicos, Barcelona, 2020, 170 pp. ISBN: 978-84-18244-21-6.

A autora desta obra é, na actualidade, profesora titular do Departamento de Dereito Administrativo, Financeiro e Procesual da Facultade de Dereito de Salamanca. Entre as súas múltiples liñas de investigación, merece especial atención a súa preocupación pola igualdade, sen deixar de lado outros campos como son o seu interese polo medio ambiente e o cambio climático.

Neste libro recolleuse, afondouse e abordouse a gran problemática existente para a muller no medio rural, desagregándose e analizándose as políticas actualmente existentes tendentes á implantación nun plano de igualdade da muller no ámbito rural, destacándose a importancia do seu papel neste medio, todo iso de cara a erradicar o despoboamento, a España baleira.

Estruturado en catro capítulos, no primeiro deles a autora céntrase na conceptualización do principio de igualdade e a súa situación dentro do marco legal, considerándose este como un principio de carácter universal. Realízase todo o estudo sobre unha acomodada e perfecta referencia tanto histórica como comparada sobre as ancoraxes e o intento de configuración deste principio como un piar sólido, eliminándose ou, polo menos, intentando eliminar calquera estereotipo de xénero. A importancia da muller no medio rural, entendida esta non como o xeral estereotipo que temos dela, senón como a dunha muller nova, con estudos superiores, fai necesaria, como ben acerta a indicar, a implantación e a busca de políticas modernizadoras, políticas sociais que abrangan tanto a asistencia sanitaria, políticas de conciliación, promocións da igualdade, oportunidades laborais, acceso a TIC, etc., todo iso co fin de dar o máximo cumprimento aos presupostos dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable) das Nacións Unidas. E é que non é ata ١٩٨٣ cando son recoñecidos os dereitos das mulleres como inherentes aos dereitos humanos. Cómpre destacar as mencións tan concisas que a autora realiza das metas dos Obxectivos do Desenvolvemento Sustentable, nas cales fai fincapé no dereito de titularidade da terra polas mulleres, dereito que ata hai escasos anos non era recoñecido. O seu estudo comparativo analiza os diferentes tratados da Unión Europea, para afondar nas políticas que se aplican en España e nas comunidades autónomas (CC. AA.). Baixo o Marco Nacional de Desenvolvemento Rural, cada comunidade autónoma ten o seu propio proxecto de desenvolvemento rural, e son elas as competentes para lexislar de xeito específico (como, por exemplo, o Estatuto das mulleres traballadoras do País Vasco). A autora é hábil e consciente na detección de que estas políticas deben ir ligadas e vencelladas á situación xeográfica que cada poboación teña dentro do territorio nacional; así, por exemplo, na Comunidade Autónoma de Andalucía distínguense liñas de actuación diferentes para o campo e para o mar.

Baixo a denominación principal de “Muller e desenvolvemento sustentable”, o seu capítulo II iníciase con definicións conceptuais; por exemplo, qué debe entenderse por medio rural e sustentabilidade.

Os diferentes conceptos que se extraen de “medio rural” por parte do Instituto Nacional de Estatística e da Lei 45/2007, de desenvolvemento sustentable do medio rural (LDSMR), fan que finalmente a autora centre o seu estudo nos hábitats rurais intermedios e nos hábitats “a revitalizar”, por ser onde os problemas de envellecemento e despoboación se ven máis acentuados e precisan de políticas eficaces. Faise constatar o feito de que a desagrarización ameaza o patrimonio histórico-artístico e, polo tanto, iso debe ser obxecto de protección.

Aínda que inicialmente o concepto de sustentabilidade ía ligado en exclusiva ao dereito ambiental, hoxe en día, coa Axenda de Desenvolvemento das Nacións Unidas, non só se concibe como un principio xurídico universal, senón que alcanza a tipificación de ser un completo dereito humano.

Especialmente interesante resulta o estudo que aborda dos Plans de Zona que se desenvolven nos Programas de Desenvolvemento Rural Sustentable (que xiran arredor de 5 eixes), creados pola propia LDSMR, sendo estes os que requiren a máxima participación da muller, con igualdade de trato e oportunidades, e mal cabe falar de incorporar estes principios se se distinguen actuacións dirixidas exclusivamente a mulleres. Participo plenamente desta idea, sendo necesario un cambio neste enfoque, pois realmente non fai máis que crear desigualdade no intento de alcanzar a igualdade: requírese, polo tanto, como acertadamente indica a autora, incorporar o principio de igualdade de todas as actuacións do medio rural, porque a igualdade de xénero non é exclusiva das mulleres. Igualmente propón que, para iniciar o proceso de acadar esta meta, cómpre unha maior degradación e precisión nos parámetros estatísticos que sexan xeradores dun verdadeiro impacto de xénero.

Afondando nas tipoloxías de mulleres no medio rural, realízase un exhaustivo estudo das vantaxes para a promoción da cotitularidade (Lei 35/2011, sobre titularidade compartida das explotacións agrícolas). Fronte á falta de información que actualmente existe sobre este tipo de unidades económicas –que non deixan de ser unha comunidade de bens–, carentes por si de personalidade xurídica propia, álzanse as súas numerosas vantaxes á hora de obter subvencións, actividades formativas, axilidade de tramitación... Queda establecida outra opción xurídica á que acollerse, como é a sociedade limitada. Ao respecto, débese matizar que non se realiza mención á figura da cooperativa, opción, ao meu entender, con moitas vantaxes sociais, bonificacións fiscais..., sendo a actividade cooperativizada especialmente idónea no medio rural.

As referencias á violencia de xénero existentes no medio rural son moi acertadas na obra, pois aos problemas consabidos da muller rural e o seu contorno engádense este tipo de actos delituosos que fan mesmo máis palpables a falta de servizos sociais, de atención, de información, carencia de medios axeitados de desprazamento... Este “illamento” é nefasto para a globalidade que xa de seu envolve o tipo penal específico. A creación do Rexistro Unificado de Violencia de Xénero pode paliar, en parte, este desequilibrio existente.

No seu capítulo III, explícase con sumo detalle e especifícase que actuacións son requiridas para mellorar as condicións de vida no medio rural das mulleres. Pártese da premisa de que, hai escasos anos, o concepto de vida no campo se equiparou a calidade de vida. Pero está claro que quen elixe esta forma de vida o fai como opción, non por imposición. O que si se fai necesario é loitar contra o envellecemento e o despoboamento, e para iso son un total de catro os eixes sobre os que cómpre actuar: inserción laboral das mulleres; conciliación e corresponsabilidade; mellora das infraestruturas; e participación activa das mulleres na toma de decisións dos diferentes órganos.

Deixar á marxe a correspondencia “muller = coidadora” é primordial. Este estereotipo de muller, con traballo non remunerado, non pode optar a dar o salto ao mundo laboral se non é cunha oferta de oportunidades laborais. E iso non é posible sen programas de axuda conciliadora, facilidades de transporte, acceso axeitado a TIC... Os novos empregos que van xurdindo son capaces de lograr unha conciliación laboral; exemplo diso é o turismo rural ou a transformación e comercialización de produtos artesáns. Non obstante, requírese maior promoción destas actuacións emprendedoras que favorezan e dinamicen o mercado laboral. En definitiva, o fomento de plans de igualdade. A necesidade dun salario, unida á flexibilidade horaria –conciliadora– sen dúbida son piares básicos, así como un maior número de axudas e accesos a microcréditos. É mesmo necesaria, como apunta a nosa autora, a flexibilización burocrática en aspectos urbanísticos á hora de establecer actuacións en solos que, inicialmente non considerados polos seus plans xerais de ordenación urbanística para tales fins (hospedaxes, deportivas, industriais...), poidan ser obxecto da súa reclasificación ou recualificación –se é o caso–.

O rol da muller no medio rural é aínda moi forte, e debe debilitarse este concepto co fin de que a conciliación poida chegar a bo porto. Hai iniciativas que xa se puxeron en práctica, como son os pactos locais pola conciliación encamiñados ao cambio de mentalidade, cuestión esta que, baixo o meu criterio, é o principal chanzo co que a conciliación se topa. Mentres esta mentalidade non se modifique, dificilmente as actuacións serán eficaces. Non obstante, como ben se indica na obra, estas políticas son máis eficaces nos traballos de familias temporeiras, que, coa posta en marcha de gardarías, residencias de centros de día, se puido comprobar que a empregabilidade vai en aumento.

A introdución nas nosas vidas do teletraballo, debido á COVID-19, supuxo un cambio radical na vida laboral, sen distinción de xénero. Demostrouse que é non só viable, senón ata aconsellable, tal como apunta a autora. As ferramentas, as TIC, tiveron que crecer a ritmos vertixinosos para adaptarse a esta situación que a todos nos colleu por sorpresa. Debe dárselle igualdade ao traballador que o fai fisicamente como ao que teletraballa e cómpre elaborar sen présa, pero sen pausa, un marco xeral que dea a mesma protección a uns que a outros (aínda estando en vigor o RD Lei 28/2020 de traballo a distancia, foi de moi rápida creación e presenta, baixo o meu criterio, algunhas lagoas). As TIC son primordiais para o desenvolvemento local, de produtos, de servizos, etc. Polo tanto, requírese que o seu acceso sexa garantido. Este acceso é instrumento clave non só para dar a coñecer os produtos e servizos, como indicamos, senón para socializar, interactuar... xente nova, mulleres. As campañas de prevención, como “Estamos contigo, a violencia de xénero parámola todos”, deben ter cobertura total (Plan Nacional de Territorios Intelixentes).

É indubidable que outra das medidas urxentes pasa pola mellora das infraestruturas e dos servizos públicos, de tal sorte que se garanta o acceso digno a estes servizos. O intento quedou parcialmente paralizado coa crise de ٢٠٠٨. A busca de novas fórmulas que permitan unha maior accesibilidade aos servizos e infraestruturas repercutirá nunha maior calidade de vida, sendo así mesmo directamente proporcional á mellora da mobilidade, ao desenvolvemento económico e á creación e acceso ao emprego. Do mesmo xeito, é importante a optimización dos recursos naturais, tales como auga e electricidade, con medidas moi favorecedoras ao impacto ambiental, sen esquecer as enerxías renovables, cuxa potenciación se prevé nos Programas de Desenvolvemento Sustentable do Medio Rural.

Outro dos aspectos claves que acertadamente son obxecto de estudo é a necesidade de potenciar a participación política da muller do medio rural, hoxe por hoxe escasa. Fomentar e promover o seu protagonismo neste eido faise necesario; o arrastre da súa participación das áreas de lecer e actividades culturais a áreas de organizacións sindicais, profesionais, agrarias. O paradoxo prodúcese, non obstante, en vilas máis pequenas onde o rol da muller é máis arraigado, onde hai máis alcaldesas e concelleiras, debéndose iso á súa activa participación en asociacións culturais, sociais... De potenciarse o asociacionismo de microempresas levadas por mulleres, iríanse incorporando a estes órganos de decisión política, por iso deben realizarse campañas de información das vantaxes deste tipo de agrupacións, xa sexan cooperativas ou sociedades agrarias de transformación; cómpre fomentar o liderado feminino. Aínda que se consideraron estas medidas no Programa de Desenvolvemento Rural Sustentable, estas non tiveron os efectos desexados.

A permanencia da muller no mundo rural dependerá de dous factores clave: os servizos que se presenten e as posibilidades de traballo que existan. Só se se consegue que as zonas rurais poidan ofrecer mellores servizos e maiores oportunidades laborais se logrará evitar a despoboación. Non se requiren novas políticas para mellorar as condicións de vida das mulleres no medio rural e a súa participación na vida política, social e económica, senón reformar as que teñen maior impacto positivo. Requírese maior concentración de núcleos rurais, tal como recolle a Lei 27/2013, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, de tal sorte que, coa fusión de concellos, haxa maior prestación de servizos que contribuirían a un desenvolvemento de infraestruturas e servizos de calidade. O problema é que os concellos non queren perder a súa identidade. Por iso, o enfoque da autora pasa por buscar unha fórmula pola que non se perda esta identidade.

A Lei de desenvolvemento do medio rural non tivo o efecto desexado: os fondos da UE non se destinaron a evitar a despoboación e a igualdade. Así o detalla con precisión a autora nun conciso repaso polas iniciativas (tanto públicas como privadas) para favorecer e promover a igualdade –pp. 142 e 143–. Pero están todas faltas dun compromiso serio por parte dos poderes públicos. Requírese máis intervencionismo da Administración e un cambio no xeito de afrontar o problema, pois se os obxectivos non foron alcanzados con éxito hai que algo se está a facer mal (mala planificación, xestión ou execución). A muller é “o piar estratéxico desta batalla”, polo que debe estar presente na planificación, na xestión e na avaliación de todas estas políticas públicas.

No seu capítulo IV aborda os mecanismos para conseguir a igualdade. A autora detalla que, para a consecución destes obxectivos, se precisa dunha rede institucional que compaxine o desenvolvemento sustentable do medio rural coa igualdade e non discriminación da muller: intervención de axentes sociais, económicos e políticos, públicos e privados. Administración e sector empresarial deben ir da man. A reactivación do Ministerio de Igualdade como parte do Goberno (RD 816/2018), as funcións do Instituto da Muller (pp. 150); entidades específicas para a Igualdade (Observatorio para a Violencia sobre a Muller, Delegación para a Violencia de Xénero; Observatorio da Igualdade de Oportunidades, Comisión Interministerial de Igualdade entre Mulleres e Homes, Consello de Participación da Muller, Unidades de Igualdade...), todos eles dirixidos á estabilización da igualdade, sen prexuízo da existencia dos específicos: Comisión Interministerial para o Medio Rural, Consello para o Medio Rural, Mesa de Asociacións de Desenvolvemento Rural... ou a Mesa das Mulleres concibidas como organizacións de mulleres rurais de ámbito estatal, espazo de encontro para a elaboración de plans e estratexias. A nivel autonómico e a nivel local, representan un papel importante os Grupos de Acción Local ou Grupos de Desenvolvemento Rural.

Nesta obra a autora chega ás conclusións de que, para lograr a igualdade da muller no medio rural, loitar contra a despoboación e acadar unha mellor calidade de vida, todas as medidas que cómpre adoptar deben pasar por: recoñecemento do traballo profesional e doméstico realizado por elas; maior participación nas actividades socioeconómicas e produtivas, máis presenza na toma de decisións; reforzo da formación profesional; apoio ao carácter emprendedor; mellora das infraestruturas e servizos sociais, defensa das políticas sociais que garantan a conciliación laboral, persoal e familiar, erradicación da violencia doméstica, incorporación da muller ao desenvolvemento rural sustentable. E é que, como acertadamente indica a nosa autora, “o equilibrio de sexos fai unha sociedade xusta”.

A obra analizada é de moi áxil, doada e rápida lectura e, asemade, presenta unha exhaustiva concreción de datos estatísticos, poboacionais, lexislativos, e cunha referencia bibliográfica de grande interese. Indubidablemente, non está dirixida á muller, senón a toda a poboación. Deixa atrás a vulgar linguaxe inclusiva, que non obedece máis que a veos, pero que non atacan a raíz do problema. Dela despréndense ideas tan sinxelas de entender pero quizais difíciles de aplicar que debería ser de lectura obrigada para algúns políticos e políticas que neste momento gobernan este país. A exclusión do home non erradica o problema: os programas deben ir pensados, ser elaborados e executados sen distinción de xénero, pois de nada serve atacar a desigualdade creando roles diferenciadores.