Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 61_xaneiro-xuño 2021 | pp. -265

Santiago de Compostela, 2021

https://doi.org/10.36402/regap.v0i61.4741

© María Victoria Álvarez Buján

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 18/04/2021 | Aceptado: 16/06/2021

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

La responsabilidad patrimonial en tiempos de pandemia

(Los poderes públicos y los daños por la crisis de la COVID-19)

María Victoria Álvarez Buján

Doutora en Dereito

Universidade de Vigo

Avogada (colexiada 2.523 I.C.A Ourense)

Profesora na UNIR

https://orcid.org/0000-0001-5858-8984

victoriaalvarezbujan@gmail.com

BLANQUER CRIADO, D.V.: La responsabilidad patrimonial en tiempos de pandemia

(Los poderes públicos y los daños por la crisis de la COVID-19), Tirant lo Blanch, Valencia, 2021, 787 pp. ISBN: 978-84-1378-384-0.

A monografía obxecto de comentario é da autoría individual de D. David Vicente Blanquer Criado, doutor en Dereito pola Universidade de Alcalá de Henares en 1994 e catedrático de Dereito Administrativo desde o ano 2009, na Universitat Jaume I.

Con carácter preliminar debemos sinalar que, aínda que o autor presenta, á vista da súa traxectoria profesional, un perfil esencialmente académico, iso non obsta para que a obra, ademais de rigorosa desde o punto de vista científico e investigador, resulte práctica e de utilidade para os diferentes operadores xurídicos. En efecto, trátase dun traballo de plena actualidade e singularmente novidoso, que xira arredor dun dos problemas fundamentais derivados da crise sanitaria, causada polo virus da COVID-19, que deu lugar á adopción dos estados de alarma no noso país e que non é outro que a responsabilidade patrimonial que dimana precisamente desas medidas e restricións excepcionais adoptadas, as cales puideron provocar (e de feito provocaron) danos e perdas á cidadanía que non tiña o deber xurídico de soportalos.

O libro está perfectamente estruturado en once capítulos que abordan todos os aspectos fundamentais da responsabilidade patrimonial. Así, contextualízase este instituto no marco da crise sanitaria existente, “tendo en conta, entre outras premisas, que o artigo 116.6 da nosa carta magna preconiza que a declaración dos estados de alarma, de excepción e de sitio non modificarán o principio de responsabilidade do Goberno e dos seus axentes recoñecidos na Constitución e nas leis”.

No capítulo primeiro o autor parte, para determinar o sentido e alcance da responsabilidade patrimonial, da idea (e así centra e titula o dito capítulo) de que a Administración non é a aseguradora universal de todas as desgrazas que nos sucedan, para continuar explicitando no capítulo segundo os danos que quedan fóra da órbita da responsabilidade patrimonial. Nesta orde de composición, cómpre ter claro que non todos os pagamentos, axudas, compensacións ou indemnizacións que satisfagan as administracións por razón da crise da enfermidade COVID-19 se realizan nin se deben realizar sempre a título de responsabilidade patrimonial, como con acertado criterio apunta o propio autor no resumo da obra1.

Dentro dese mesmo capítulo, realízase unha aproximación ao estado de alarma sanitaria, aludindo á diversidade de danos sufridos a partir das medidas gobernamentais impostas durante a vixencia do estado de alarma, a distinción entre o sacrificio de dereitos e intereses lexítimos e as indemnizacións a título de responsabilidade patrimonial.

Igualmente, concentra a súa atención na medida relativa á intervención de empresas no sector sanitario e o que o autor denomina a ordenación xeral dun dereito que non dá lugar ao pagamento dunha indemnización a título de responsabilidade patrimonial. Nesta orde de composición, como non podía ser doutro xeito, fai referencia, entre outros extremos, á liberdade constitucional de empresa e á suspensión de actividade durante a vixencia do estado de alarma, a suspensión xeneralizada de actividades económicas durante a vixencia do estado de alarma e os rebrotes de contaxios despois do estado de alarma e o peche de discotecas e outros establecementos, á vez que plasma reflexións de interese acerca das axudas e situacións de catástrofe ou calamidade, tomando en consideración as axudas ás empresas e autónomos/as implementadas no noso país para paliar os efectos da crise económica derivada da crise sanitaria.

Pola súa banda, o capítulo terceiro versa sobre algúns dos danos que poden estar dentro da órbita da responsabilidade patrimonial, e céntrase, singularmente, no ámbito da saúde pública (sen esquecer aspectos relevantes concernentes ao eido dos centros sanitarios privados). Así, examínase o persoal sanitario e o que presta servizos sociais nunha residencia para a terceira idade, os pacientes ingresados nun hospital público e en xeriátricos, a actividade da Administración en relación con estes centros e persoas e a perda de oportunidade.

Quizais a parte máis importante do capítulo sexa aquela en que se analiza o dano causado ao imporse unha prestación persoal de carácter forzoso ou obrigatorio e o dano xerado por unha sanción administrativa despois invalidada por ser contraria a dereito e, en especial, o peche de bares e outros establecementos abertos ao público que incumpren a capacidade máxima permitida. Ademais, dedícase un apartado específico a examinar unha cuestión tan relevante e que tantas dúbidas e suspicacias, ademais de polémica, está a suscitar, como é o dano causado por unha vacina que se impón de xeito forzoso ou obrigatorio. O autor contrapón os conceptos de vacina recomendada pero voluntaria e vacina ordenada con carácter forzoso, pondo a cuestión en relación co soft law e o hard law, e en sintonía con estas ideas examina, en definitiva, a constitucionalidade da vacina obrigatoria e a oposición do paciente á vacina obrigatoria e a necesidade de obter autorización xudicial.

No capítulo cuarto, seguindo o fío da esfera sanitaria, pon atención no persoal sanitario e nos empregados públicos danados pola COVID-19, tomando en consideración a normativa aplicable vixente especialmente en materia de prevención de riscos laborais e a conflitividade xurdida.

A continuación, no capítulo quinto realiza un encomiable e clarificador estudo da figura da responsabilidade patrimonial no marco do estado de dereito, partindo da súa orixe histórica para chegar a debullar as súas principais funcións e os valores protexidos (xustiza, seguridade xurídica), así como os requisitos que deben concorrer para determinar que procede declarar a responsabilidade patrimonial da Administración. Á luz destes extremos, examina as particularidades do estado de alarma e mesmo dedica unha epígrafe á eventual derivación por parte da Administración da responsabilidade a unha compañía de seguros.

No capítulo sexto complementa o contido do anterior capítulo, centrándose na análise do concepto de dano indemnizable, onde trata a efectividade da lesión, a lesión individualizada, a lesión susceptible de valoración económica e a antixuridicidade da lesión, para afondar deseguido no estudo, por unha banda, da antixuridicidade do resultado lesivo e o estado de coñecementos da ciencia fronte ao coronavirus e, por outra banda, da antixuridicidade do resultado e a invalidación das medidas formais adoptadas durante a pandemia.

O capítulo sétimo é o dedicado ao nexo causal ou relación de causalidade, conditio sine qua non para poder determinar que existe responsabilidade patrimonial. Examínanse aquí as principais teorías sobre a relación de causalidade de forma moi ilustrativa, para proceder despois a trasladar o significado e alcance da relación de causalidade á Administración sanitaria e a pandemia pola COVID-19.

O capítulo oitavo dedícase a outro dos elementos ineludibles que integran a responsabilidade patrimonial, como é a imputación subxectiva do dano ou resultado lesivo (neste caso a unha persoa xurídica), referíndose na última epígrafe á responsabilidade das autoridades e funcionarios e á acción de regreso (en que consiste e como se pode exercer).

Correlativamente, o capítulo noveno céntrase no exame da imputación obxectiva do dano, partindo da premisa da mala xestión dos riscos para a saúde. Desenvolve o autor o fundamento obxectivo da atribución a unha persoa xurídica do resultado danoso, a creación ou a xestión de riscos como títulos de imputación obxectiva, o principio de prevención (tomando en conta a precavida creación de reservas estratéxicas de produtos sanitarios), o principio de precaución e a xestión dos riscos sanitarios.

O penúltimo capítulo, décimo, debulla de forma práctica e meridiana o procedemento administrativo en materia de responsabilidade patrimonial, a súa regulación, as fases de que se compón e o seu contido, o prazo (as regras para o seu cómputo, suspensión, prescrición e interrupción da prescrición), a lexitimación e o fondo. Así mesmo, fai referencia a determinados danos específicos, isto é, o dano prolongado, pero inicialmente oculto, os danos materiais continuados, os danos causados por un acto administrativo inválido, as lesións físicas continuadas e os danos físicos ou psíquicos de carácter permanente.

Finalmente, o último capítulo, undécimo, refírese á indemnización ou resarcimentos, ás súas clases, aos conceptos indemnizables e ao cálculo do seu valor, á débeda de valor e á actualización de valores, así como aos xuros de mora.

En resumidas contas, tras salientar sucintamente o contido da monografía, podemos comprobar como o autor aglutina o estudo de todos os elementos que integran a responsabilidade patrimonial, proxectándoos ao marco da situación excepcional relativa aos estados de alarma, á crise sanitaria e á súa regulación e peculiaridades. Como colofón desta recensión, non podemos senón aconsellar a lectura desta obra tan completa, que nos proporciona claves de suma importancia para poder enfrontar moitos dos problemas xurídicos (e mesmo procesuais) que se suscitaron xa e que continuarán a facelo nos próximos tempos en relación con distintos eidos administrativos, por exemplo o sanitario.

A obra, que goza dunha técnica xurídica excelsa e que é reflexo dun manexo rico de fontes (doutrina e xurisprudencia), resulta práctica e de amena lectura, presentándose non só apta, senón de suma utilidade para todos os operadores xurídicos, ao facilitar pautas e despexar dúbidas no que concirne a un tema de máximo interese, urxente para a sociedade (non só española, senón a escala global) dos nosos días e que, lamentablemente, terá moita aplicación no presente e no futuro próximo, xa que os estragos orixinados na sociedade a causa da COVID-19, o estado de alarma e as restricións adoptadas por mor da pandemia non fixeron nada máis que comezar.

Nin o Goberno nin os diferentes organismos públicos/administracións se atopaban nin se atopan preparados para xestionar unha situación imprevista e extraordinaria como foi a da crise sanitaria. Ademais, a normativa existente e a que se foi aprobando sobre a marcha revisten notables defectos, lagoas e deficiencias. Todo iso leva consigo que na praxe se xerasen e continúen a xerarse supostos de responsabilidade patrimonial, sendo primordial que saibamos non só detectalos, senón saber como e que podemos/debemos reclamar, e a tales fins responde precisamente a obra deste autor.


1 Pensemos así, a título de exemplo, nos supostos de reintegro de gastos por determinados servizos sanitarios privados ao servizo de saúde da comunidade autónoma correspondente cando nunha determinada situación (que podería acusarse de urxente) non se facilitou un servizo/tratamento concreto, que de ordinario se vén proporcionando a través do Sistema Público de Saúde, como consecuencia das medidas adoptadas co estado de alarma e a crise sanitaria.