Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 61_xaneiro-xuño 2021 | pp. -243

Santiago de Compostela, 2021

https://doi.org/10.36402/regap.v0i61.4756

© Mercedes Fuertes López

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 13/05/2021 | Aceptado: 16/06/2021

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

Administración y doctrina de los actos propios. Incoherencias aplicativas

Mercedes Fuertes López

Catedrática de Dereito Administrativo

Universidade de León

https://orcid.org/0000-0002-3347-622 X

mercedes.fuertes@unileon.es

BOTO ÁLVAREZ, A.: Administración y doctrina de los actos propios. Incoherencias aplicativas, Tirant Lo Blanch, Valencia, 2021, 317 pp. ISBN: 978-84-1355-940-7.

Venire contra factum proprium non valet é un brocardo que apunta unha sinxela coherencia no comportamento. Non obstante, a profesora Alejandra Boto proponnos que a sigamos nunha análise sosegada a través desta nova monografía, cuxa lectura recomendo, a pesar de que sucesivas reformas normativas pouco meditadas reclaman a nosa atención. Resulta máis formativo asentar de xeito sólido as figuras xurídicas e, sobre todo, advertir ata que punto son eficaces para facilitar as relacións xurídicas ou resolver conflitos existentes, máxime cando os avances tecnolóxicos están a abrir novas portas que dan a campos sementados de moitas interrogantes. Contar cun firme coñecemento é o que permite advertir os cambios necesarios de perspectivas e, mesmo, de paradigmas. Ata a tan atractiva “intelixencia artificial” aparece mencionada neste libro. Sen dúbida é necesario reflexionar ante as decisións automatizadas e, sobre todo, ao que realmente constitúe esa “intelixencia artificial”, isto é, a que ofrecerá outras resolucións distintas ás inicialmente programadas.

Pero, antes de quedar atrapados polas novas tecnoloxías, atendamos a este libro que constitúe un bo exemplo de reflexión xurídica e de madureza de pensamento, unha madureza que parte na súa primeira liña co agradecemento ao seu mestre, ao profesor Leopoldo Tolivar. É na escoita, no enriquecedor diálogo entre mestre e discípulo, onde xorden esas luces atractivas que levan ao inicio de novos estudos.

Os fitos que nos propón a autora para seguir a súa exposición están nitidamente sinalados, o que consegue que as sucesivas etapas de capítulos e epígrafes aparezan como lóxicas e a lectura sexa áxil.

Cómpre empezar polas referencias clásicas do Dixesto e dos glosadores, pola obra tan substanciosa da doutrina privatista, polas achegas que construíron con rigor os publicistas, uns estudos que lle permiten á autora, co seu fino estilete, recordarnos o esencial que ese brocardo alberga e explicar os matices con outras asociacións de ideas que xorden, como son os tópicos, as máximas ou as regras. Con rigor xurídico separa e diferencia ese presuposto de coherencia, de primeira vinculación voluntaria que mostra ese venire contra con outras situacións en que hai que dilucidar sobre a torpeza ou a boa fe. Do mesmo xeito, debe diferenciarse de sólidos principios xurídicos, da natureza dos cales carece, como a seguridade, a interdición da arbitrariedade, a protección da confianza lexítima... E é que as relacións xurídicas son ricas de ingredientes e perspectivas e non hai que reducilas á simplicidade dun brocardo latino.

Tras esas páxinas consistentes, a excursión avanza por numerosas dependencias xudiciais e administrativas. A reflexión non se fai unicamente baixo un flexo, como lle gustaba lembrar a Ramón Martín Mateo, senón que cómpre mirar pola ventá e saír e observar a plena luz do día como se aplica o dereito, que eficacia ten tanta doutrina, no que sempre insiste outro gran mestre, Alejandro Nieto.

O concienciudo estudo de Alejandra Boto lévanos ás altas instancias europeas. Primeiro achéganos a Estrasburgo para coñecer a xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, chamándonos a atención sobre algúns votos particulares certamente ilustrativos. Logo trasládanos a Luxemburgo para resaltar a esgrima existente no Tribunal da Unión e os problemas de harmonización do dereito europeo, unha viaxe que continúa con tres etapas enriquecedoras polo dereito inglés, francés e italiano, onde a invocación a fórmulas –non sempre similares– conta con peculiares matices.

Coñecidas estas pautas de dereito comparado, a ruta céntrase no dereito español: en que casos se invoca este brocardo?, atopa acollida nos nosos tribunais de xustiza? A análise xurisprudencial é extensa. O anteollos de Alejandra vai xirando sobre un amplo mapa para que poidamos coñecer moitos ámbitos ao repasar a súa invocación en diferentes actuacións e procedementos administrativos. A súa exposición é froito do gran traballo realizado. Dános noticia das consecuencias reais ante a súa invocación na discusión de sancións administrativas, no coidado ambiental, na disciplina urbanística, nas actuacións de contratación, na revisión de subvencións... Páxinas que mostran argumentacións onde este brocardo concorre con apelacións á incoherencia, á torpeza e erros, á inseguridade, á quebra da confianza, etc. Os avogados atoparán numerosas pistas argumentais nesta minuciosa análise.

E o texto continúa. A autora non pode disimular a súa ampla curiosidade e notable ambición por saber. Unha universitaria que quere realmente afondar no estudo e non simplemente contar con outra publicación para encher un formulario ante a axencia correspondente. Porque a actuación administrativa é rica en escenarios e en protagonistas. De aí o interese maiúsculo dos seguintes capítulos, nos cales resume substanciosos ditames de órganos consultivos con precisións suxestivas, xa que foi tradicionalmente na análise da revisión de oficio onde algúns aloxamos as explicacións deste brocardo para facilitarlle o estudo ao alumnado.

O interese das decisións doutros órganos atopa acollida no seguinte capítulo. En concreto, a posición que mantén a Axencia Española de Protección de Datos ante os comportamentos privados que consentiron de xeito previo; ou as resolucións dos órganos que resolven os recursos especiais en materia de contratación cos comportamentos, por exemplo, das mesas ou dos licitadores.

O libro conclúe cunhas reflexións en que a autora exhibe de novo a súa madureza xurídica ao sinalar os fitos máis relevantes para facilitar unha reconsideración da utilidade práctica deste sinxelo brocardo. En fin, un estudo coherente que corrobora que quen xa desde hai anos valoramos o traballo de Alejandra Boto non nos vexamos obrigados a venire contra iudicium proprium.