Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 62_xullo-decembro 2021 | pp. -250

Santiago de Compostela, 2021

https://doi.org/10.36402/regap.v0i62.4847

© María Victoria Álvarez Buján

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 24/10/2021 | Aceptado: 16/12/2021

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

La innovación pública en las Administraciones locales

María Victoria Álvarez Buján

Doutora en Dereito

Universidade de Vigo

Avogada (colexiada 2.523 I.C.A. Ourense)

Profesora na UNIR

https://orcid.org/0000-0001-5858-8984

victoriaalvarezbujan@gmail.com

MAIRAL MEDINA, P.: La innovación pública en las Administraciones locales, Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), Madrid, 2021, 288 pp. ISBN: 978-84-7351-725-6.

A monografía obxecto de comentario é da autoría individual de D.ª Pilar Mairal Medina e froito da súa tese de doutoramento, dirixida polo Prof. Dr. D. José Manuel Ruano de la Fuente e a Prof. Dra. D.ª Gema Pastor Albaladejo, na Universidade Complutense de Madrid, onde foi defendida en 2019. A autora presenta, á vista da súa traxectoria e actividade profesional, un excelente perfil académico e investigador na área de Ciencia Política (e Económica) e da Administración.

A obra versa sobre a innovación pública, temática de sumo interese, especialmente na última década. Céntrase no papel das administracións locais e trata de analizar diversas experiencias para verificar os procesos e os seus resultados, tanto desde a vertente organizativa como desde a vertente do impacto económico, social e mesmo ambiental.

Abórdase así o redeseño organizativo, a integración tecnolóxica, a implantación de ferramentas de coordinación transversal, os novos espazos conversacionais con axentes do territorio, a poboación usuaria, etc. En definitiva, alúdese aos procesos de cambio e repolitización das entidades locais. Pero, a diferenza doutros estudos ligados a esta temática, a obra que nos ocupa persegue como obxectivo fundamental analizar os procesos de innovación pública nas administracións locais, determinando cales son os factores condicionantes e como interactuar para impulsar ou frear a innovación.

A autora inclúe unha perspectiva empírica no seu traballo, ao examinar de forma rigorosa e exhaustiva dúas experiencias reais e prácticas: Soria CO2Cero, promovida polo Concello de Soria, e o proxecto Sustainable Safety Governance, do Concello de Arganda del Rey.

Os resultados do seu estudo revelan, entre outros extremos, a importancia de factores como o liderado e a implicación dos responsables políticos e o persoal técnico durante o proceso de innovación, o coñecemento e capacitación da estrutura municipal ou os incentivos á innovación.

Grazas a todos os elementos e factores estudados, pódese deducir que o éxito dunha innovación pública non só vai depender das calidades do propio proxecto (innovador), senón tamén (e máis aínda) da organización e do contexto que afectan ao desenvolvemento da innovación e que poden ser xestionadas de modo máis ou menos axeitado e exitoso.

A obra atópase perfectamente estruturada en sete capítulos, ao longo dos cales a autora realiza un excelso manexo de fontes bibliográficas e documentais. Demostra, sen deixar lugar a dúbidas, ser unha investigadora de primeira orde e dominar o rigor científico e académico, mesmo no que respecta ao estudo das mencionadas experiencias empíricas, xa que se parte da elaboración dun cuestionario que foi proporcionado a profesionais das dúas administracións examinadas. No dito cuestionario téñense en conta indicadores dos principais factores de partida, procesos e resultados, formulados no marco conceptual inicial.

Co fin de dar a coñecer o contido esencial desta monografía, a continuación, procedemos a sintetizar o contido dos sete capítulos nos que se divide a obra.

No capítulo primeiro realízase unha introdución e, seguidamente, unha proposta conceptual, analítica e metodolóxica.

No segundo capítulo abórdase a metodoloxía de investigación, elemento clave para poder contextualizar o traballo e comprender como se chega ás conclusións que finalmente se reflicten.

No terceiro capítulo analízanse as tendencias actuais en materia de innovación pública e os factores que determinan o seu éxito ou o seu fracaso.

No capítulo cuarto, a autora concentra a súa atención na innovación na xestión da sustentabilidade ambiental, tomando en conta a importancia da preservación e protección do medio ambiente como fin a perseguir polas administracións públicas. Neste capítulo é onde se detén no estudo en particular da experiencia do Concello de Soria.

No capítulo quinto lévase a cabo o exame da innovación na xestión da seguridade cidadá, no cal se afonda no modelo de experiencia do Concello de Arganda del Rey.

No capítulo sexto, penúltimo, disértase acerca da percepción sobre os procesos de innovación na Administración local e móstranse os resultados da investigación cuantitativa.

Finalmente, no capítulo sétimo expóñense os principais elementos de discusión e as conclusións do traballo.

Entre as principais conclusións ás que chega a autora, cabe salientar que se verifica que as administracións locais implementaron cambios adaptativos na súa visión e nas formas de interactuar coa poboación que non sempre se catalogaron como “innovacións”. De feito, as iniciativas ou experiencias que en concreto examina a autora presentan marcos referenciais que promoveron estes cambios, destacando substancialmente a sustentabilidade local (como ferramenta fronte a retos como a crise climática) e a seguridade cidadá nun mundo aberto e global, ademais da gobernanza local como recurso para coordinar, empoderar e corresponsabilizar axentes externos ás organizacións públicas.

Tomando en consideración o perfil investigador da autora, como non podía ser doutro xeito, na obra déixanse anunciadas futuras liñas de investigación vinculadas a arquitecturas organizativas para a innovación, o salto desde o denominado codeseño á implementación efectiva de solucións, a definición de estratexias de transferencia e escalabilidade, o liderado técnico ou, inclusive, a permeabilidade da innovación e os seus resultados nas organizacións públicas.

En definitiva, este libro dun total de case 300 páxinas contén un estudo pormenorizado e de sumo interese, por facer referencia a un tema de máxima actualidade e relevancia para as administracións públicas en xeral (non soamente as de ámbito local, mesmo cando é naquelas nas que especificamente se centra) e para a cidadanía, que é a destinataria das políticas e actuacións públicas. E precisamente neste contexto debemos felicitar a autora por achegar un enfoque diferente e orixinal ao seu traballo, que destaca por iso entre os restantes estudos que tocan directa ou indirectamente a innovación pública.

Tras recoller sucintamente o contido global desta obra, como broche ou peche a esta recensión, non podemos facer outra cousa máis que recomendar a súa lectura, de contido non só académico e investigador, senón tamén práctico/empírico, xa que se presenta apta e de sumo interese non só para todos os operadores xurídicos (ao tratar un tema que cada día está máis en voga no marco do dereito administrativo e no funcionamento práctico da Administración pública), senón tamén para calquera cidadán/a interesado/a en afondar nos desafíos e cuestións que no ámbito público poden entrañar polémica e controversia, ao mesmo tempo que esconden oportunidades de cambio e mellora/progreso social.

Animamos, así mesmo, a autora (docente e investigadora) a continuar traballando, coa mesma profesionalidade, nesta temática sobre a que elaborou xa diversas publicacións (artigos de revista e capítulos de libro) e que está ligada a distintas disciplinas de máximo interese práctico e actual, como son as ciencias económicas (en particular a economía do cambio tecnolóxico, a innovación tecnolóxica e a economía sectorial), as ciencias políticas e a Administración pública (desde a óptica do dereito administrativo, a política e regulación do medio ambiente e a xestión administrativa).