Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 62_xullo-decembro 2021 | pp. -85

Santiago de Compostela, 2021

https://doi.org/10.36402/regap.v0i62.4856

© Ignacio Álvarez Rodríguez

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 02/11/2021 | Aceptado: 16/12/2021

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

De que falamos cando falamos de constitucionalismo feminista?

¿De qué hablamos cuando hablamos de constitucionalismo feminista?

What are we talking about when we talk about feminist constitutionalism?

Ignacio Álvarez Rodríguez

Profesor contratado doutor (E.R.I.) de Dereito Constitucional

Universidade Complutense de Madrid

https://orcid.org/0000-0001-6873-7269

ialvarez1@ucm.es

Resumo: Este texto é un estudo acerca do paradigma denominado constitucionalismo feminista. Para tal fin, abórdanse o concepto e os caracteres da noción, para estudar posteriormente a súa axenda. A continuación, analízanse algúns modelos comparados que dean paso a determinados criterios xerais sobre os seus contornos en España, abrochando o traballo cun exame crítico do paradigma que finaliza cunha reflexión final a xeito de conclusión.

Palabras clave: Constitución, feminismo, constitucionalismo feminista, pluralismo.

Resumen: El presente texto es un estudio acerca del paradigma denominado constitucionalismo feminista. A tal fin, se abordan el concepto y los caracteres de la noción, para estudiar posteriormente su agenda. A continuación, se analizan algunos modelos comparados que den paso a determinados criterios generales sobre sus contornos en España, abrochando el trabajo con un examen crítico del paradigma que finaliza con una reflexión final a modo de conclusión.

Palabras clave: Constitución, feminismo, constitucionalismo feminista, pluralismo.

Abstract: This text is a study about the paradigm called feminist constitutionalism. To this end, the concept and characteristics of the notion are addressed to later study its agenda. Next, some comparative models are analyzed that give way to some general criteria about Spain, closing the work with a critical examination of the paradigm that ends with a final reflection as a conclusion.

Key words: Constitution, feminism, feminist constitutionalism, pluralism.

Sumario: 1 A xeito de introdución. 2 Concepto e caracteres. 3 Axenda. 4 Modelos comparados. 5 Breve referencia a España. 6 Exame crítico. 7 A xeito de conclusión.

1 A xeito de introdución

Esta investigación traza unha cartografía do constitucionalismo feminista baseada en dous polos. Por un lado, o pluralismo inherente á idea feminista e, por outro, a consecuencia que ten unila ao ámbito do dereito. Como resultado diso, decántase o constitucionalismo feminista, alumno avantaxado dos feminismos xurídicos e paradigma dotado dun contorno teórico cada vez máis recoñecible cuxa axenda se centra na elaboración, desenvolvemento igualitario e emenda das constitucións, seccións ás que seguirá o estudo dalgúns proxectos comparados e unha referencia ao caso español, testando as súas posibilidades e límites desde unha perspectiva crítica construtiva que desemboca nas conclusións de peche1.

2 Concepto e caracteres

O constitucionalismo feminista sería o movemento xurídico-político que pretende orientar a Constitución con perspectiva de xénero. Qué sexa tal perspectiva é cousa que se discute con ardor na Academia. Seguindo o profesor DE LORA, poderíanse distinguir catro acepcións: como razón ou coñecemento situado ou privilexiado; como recordatorio sobre as mulleres determinantes no avance do coñecemento ou na loita pola conquista social que foron inxustamente ignoradas; como forma de especificar certos principios ou nocións compartidas; e/ou como toma en consideración de certas realidades supostamente distintivas das mulleres2. Asumindo que esa perspectiva se intenta levar in toto ao texto constitucional, resulta interesante partir do que dixo OWEN FISS hai tempo, a saber, que o feminismo é unha teoría da igualdade antes que unha teoría do dereito, o que significa, en liñas xerais, que os seus éxitos virán antes de combater a discriminación por razón de sexo que de erixirse nunha teoría con pretensións normativas holísticas3.

Á luz das investigacións recentes na materia, existen diversos enfoques á hora de conxugar a Constitución coas ideas feministas. Dito con outras palabras: para coñecer cales son as características deste paradigma, debemos observar o que din os diversos feminismos xurídicos. O punto de partida é o feminismo liberal. Se o obxectivo é garantir que as mulleres poidan desenvolver libremente a súa vida conforme diten os seus propios criterios, o marco idóneo é o do constitucionalismo, claro está. A Constitución protexe a liberdade e así foi sempre. Outro tanto pode dicirse respecto da igualdade, noción esta algo máis problemática porque a súa orixe non ten que ver coas ciencias sociais, senón coas matemáticas (o único lugar onde é indiscutible que un máis un é igual a dous). Malia iso, as constitucións subministran diversas ferramentas que permiten conquistar espazos non discriminatorios mediante políticas públicas ad hoc4.

Pola contra, o feminismo da diferenza suscita máis problemas. Dado que parte dunha natureza mítica do ser humano “muller”, parece demandar unha sociedade paralela onde homes e mulleres subsistan en compartimentos estancos. O problema formúlase ex ante: a metade ou máis dos seres humanos vivirán separados, polo que quizais faría falta outra Constitución e, de momento, non se coñece unha sociedade con dúas constitucións. Dito con outras palabras, cando se trata de divisións políticas básicas sempre é necesario certo grao de abstracción, xeneralización e universalidade que nos inclúa a todos, non compartimentos estancos5. Nas súas versións máis radicais, sublima os problemas ata cotas case imposibles de tratar porque impugna tanto a sociedade como o que esta produce, sexa normas, institucións, políticas ou decisións. A razón que alegan é que os centros de poder son exemplo da dominación masculina heteropatriarcal. Polo tanto, ningunha lei, tampouco a Constitución, poderá “liberar a muller”. Adoitan considerar que toda expresión normativa é correa de transmisión do patriarcado, cuxa principal virtude é blindarse mediante un complexo aparato de prácticas, normas, institucións que impiden a súa reforma6.

Cando se dá cabida ao feminismo da diversidade, os problemas non desaparecen. Inténtase demoler, dito en curto, a noción de cidadanía, na procura de cada unha das diferenzas que os humanos teñen e, sobre todo, queiran crear para facer delas un leitmotiv político de primeira orde arredor de colectivos atomizados e que vivan de costas os uns dos outros7.

MOUNK, politólogo que ensina na Universidade de Harvard, deixouno por escrito cunha claridade meridiana que merece reproducirse literalmente: “A única sociedade que pode tratar a todos os seus membros con respecto é aquela na que cada individuo goce de dereitos individuais baseados na súa condición de cidadán, non na súa pertenza a ningún grupo particular”8.

O que antes se entendía que garantía uns dereitos e deberes de forma non discriminatoria agora é obxecto de crítica porque esconde as identidades que subxectivamente as persoas desexen crearse. Defenden, así, unha non-cidadanía ou, no mellor dos casos, unha cidadanía sexuada, queer, centrada nas disidencias sexuais. Nada que obxectar, moi ao contrario: as persoas son libres de definirse como estimen oportuno; de feito, as nosas sociedades e os nosos sistemas xurídicos dan cabida a tales preocupacións, tal como anota, desde a sa discrepancia, a doutrina9.

As nosas colegas feministas dirannos que para adecuar a Constitución aos seus tempos debemos incluír a perspectiva de xénero10. As propostas son, tamén aquí, de todo tipo e condición, pero quedamos coa de MACKINNON11. Para a xurista norteamericana resulta dificilmente discutible que as mulleres non participaron nos procesos constituíntes nin redactaron as constitucións; tampouco os homes as tiveron en conta á hora de facelo. Por iso toda Constitución demoliberal non é senón reflexo dunha forma de entender o mundo propia deses varóns liberais das clases podentes. Sendo a lei a forma de poder social por excelencia, a Constitución, en canto norma xurídica suprema, converteuse en obxecto de desexo, precisamente por ser a que establece as liñas básicos da convivencia12.

Segundo MACKINNON, o constitucionalismo feminista debe basearse en principios alternativos aos tradicionais (¿?). Se se entendeu ben a súa proposta, estes serían os seguintes. En primeiro termo, debe enfrontarse honestamente á dominación masculina; isto é, non dubidar de que as cousas son así e non doutro xeito. O principio capital para iso é a igualdade real, non a “meramente formal”, a plasmar tanto na Constitución como na orde social. En segundo termo, débese ser sensible ao contexto, pero non se deixar levar por argumentos esencialistas –se as mulleres son diferentes ou iguais aos homes– nin tampouco por argumentos propios do relativismo cultural –cada cultura e toda cultura merece respecto polo mero feito de selo–. En terceiro termo, ningunha esfera queda subtraída á acción pública. A xurista non acepta, pura e simplemente, que exista algo parecido ao “privado”, porque todo é (e debe ser segundo a súa visión) político.

Por razóns similares, a académica norteamericana non cre que exista o libre consentimento como consenso entre vontades porque o patriarcado opresivo o impide. Dito con outras palabras, a muller non ten poder nin para disentir nin para exercer un poder que contrarreste ou cambie o resultado final. Un constitucionalismo feminista debe partir da base de que o Estado e a lei son reflexo da hexemonía social masculina, polo que se debe atallar tanto causa como consecuencia. É dicir, sempre e cando esteamos a entender ben a proposta de MACKINNON, o dereito debería someterse a profundas reformas (obxecto a transformar) e ser, pola súa vez, a principal ferramenta para logralo (suxeito reformador). É complicado entender que o mesmo fenómeno xurídico sexa causa e consecuencia, máis alá de dar pábulo a pulsións ideolóxicas que conducen ata augas tan procelosas.

3 Axenda

Pódese distinguir tres grandes áreas de influencia do constitucionalismo feminista: a elaboración, a implementación e a eventual emenda da Constitución13. Respecto ao momento de elaborar a Constitución, deféndese que os traballos que o poder constituínte elabore en forma de borradores, discusións e textos preliminares teñen que ser contrastados coas exixencias de xénero. Adoita circunscribirse arredor de tres cuestións. En primeiro lugar, esta liña de investigación interrógase acerca de se houbo ou non mulleres representantes en tales asembleas14. En segundo lugar, a dita liña analiza se as mulleres puideron desenvolver propostas en defensa dos “intereses das mulleres”. En terceiro lugar, esa escola pretende analizar se as mulleres conseguiron avances significativos en materia igualitaria, ben en forma de artigos incorporados ao texto constitucional, ben en forma de debates sobre cuestións igualitarias que ata ese momento permaneceran ocultos na esfera pública.

No que fai á implementación da Constitución, son diversos os asuntos a tratar. O proxecto constitucional aplícase paulatinamente á axenda feminista e viceversa. Destacan, con moito, tres ámbitos (sobre a base das medidas igualitarias básicas implementadas a comezos dos anos oitenta, fundamento de todo o que veu despois): a integración do principio de non discriminación no ámbito laboral; as medidas enfocadas a mellorar os índices de presenza feminina nas institucións políticas; e a loita contra a violencia de xénero. Máis alá das vicisitudes que acontecen en cada unha desas realidades, a igualdade de xénero segue ben presente nas nosas políticas públicas. O certo e verdade é que iso soamente pode suceder cando hai unha Constitución normativa que o segue sendo, non cando esta se cuartea para facer pasar por norma o que non é senón un postulado político15.

No tocante á emenda da Constitución, os principios son en esencia os mesmos que no momento de facer ex novo unha Constitución: as mulleres deben estar presentes no proceso constituínte (formal e material), porque iso garante a visibilidade simbólica e a defensa efectiva dos intereses femininos no texto emendado, ademais dun impacto certo e tanxible en temas que, aínda que non acaben sendo obxecto de reforma constitucional, poden servir de guión sobre o que debater no futuro. O exemplo paradigmático máis recente témolo da man de Chile, país que ao peche destas liñas se atopa en pleno debate de reforma constitucional e que mediante a Lei n. 21.216, de Paridade de xénero para o proceso constituínte de 2020, exixe a representación equilibrada de mulleres e homes na Convención Constituínte. A porcentaxe exixida por esa norma é de 50 % de mulleres e 50 % homes en circunscricións electorais que reparten número par de escanos e de 50 % + 1 en caso de circunscricións impares16.

4 Modelos comparados

Centrándonos no primeiro deles, algúns estudos comparados demostran que a participación das mulleres é altamente positiva e non menos necesaria17. Analizando os procesos constituíntes de Afganistán, Colombia, Kenya e Nicaragua, e sen deixar de lado aspectos puntuais dos que tiveron lugar en Sudáfrica e Ruanda, extráense diversas leccións e tendencias. Somos conscientes de que a manobra pode ser intelectualmente arriscada na medida en que se mesturan modelos que teñen pouco que ver entre si, por non dicir nada, pero ese é o terreo de xogo que formulan estes estudos e a eles nos sometemos18.

Tales estudos demostrarían que a voz das mulleres inflúe no contido final do texto constitucional. En Sudáfrica, por exemplo, a Constitución elabórase con linguaxe neutra desde a perspectiva de xénero cunha única excepción: á hora de falar de dereito de sufraxio pasivo recoñece que “mulleres e homes” son elixibles, precisamente para evitar invisibilizar e perpetuar o estereotipo de que a muller é unha intrusa no público. O avance é loable, sen dúbida, como non menos constatable é que desde hai moitas décadas rexe en todos os países demoliberais sen excepción.

Ademais, a participación das mulleres pon sobre o tapete cuestións que ata o momento nunca formaran parte do debate público. Isto apréciase especialmente no caso de Nicaragua e Colombia con asuntos como o divorcio e o aborto. Aínda que tiveron diferente éxito á hora de ser recoñecidos constitucionalmente, iso axudou a que temas adicionais e relacionados tamén fosen discutidos en público, creando un diálogo que axudará no futuro a que outros temas saian á luz. O argumento é relevante, pero ten algo de voluntarista xa que a realidade xurídico-política das democracias do século XXI adoita discorrer por outros rumbos19.

Finalmente, estas realidades, interpretadas desde o postulado do constitucionalismo feminista, presentarían indubidablemente un lema: a defensa dos dereitos fundamentais para elas supón un empoderamento concreto e tanxible que se satisfai grazas aos procesos constituíntes e á súa participación activa neles, momentos onde se privilexia que sectores sociais que ata o momento se mostraron politicamente inactivos dean un paso á fronte e discutan desde as súas respectivas posturas que e como se pode conseguir a igualdade. É probable que as dinámicas sociais sexan un pouco máis complicadas que todo iso, ademais de que se detecta unha tendencia crecente en varios países democráticos de contracción das liberdades máis elementais, tamén cando son as mulleres as que participan. Iso que se chamou a tendencia iliberal das democracias é un risco moi certo que non parece ter sido paliado polo feito de aumentar a presenza feminina nas institucións (tampouco coa masculina, obviamente)20.

Esta liña dogmática diranos que para lograr unha implicación influente das nais constitucionais se necesitan fundamentalmente dous ingredientes. Por un lado, a participación directa das mulleres como representantes na asemblea constituínte, así como en todas as comisións de estudo e/ou de traballos preparatorios. O exemplo de Sudáfrica sería óptimo, porque as manifestacións da Women’s League desembocan nunha Asemblea Constituínte composta de forma paritaria. Outro tanto pode dicirse de Chile, país que, como dixemos en liñas anteriores, se atopa en pleno proceso de reforma constitucional cunha constituínte elixida con equilibrio de xénero. O contraexemplo quizais sería Colombia, onde só participaron catro mulleres. Tres identificábanse como non-feministas e as catro deixaron claro non representar exclusivamente o colectivo feminino21.

Por outro, a formación dun grupo de mulleres a nivel nacional activo, organizado, e inclusivo, que aglutine as diversas tendencias e voces adoita ser unha necesidade defendida polo paradigma do constitucionalismo feminista. Ese grupo debe estar formado por partidos políticos, asociacións, movementos políticos e sociais e organizacións non gobernamentais, entre outros. Por suposto que tampouco hai que esquecer o que poderiamos chamar “factores contextuais”, xa que escapan ao control e ao facer das nais constitucionais, pero poden ser decisivos no resultado final. Por exemplo, a situación política debe ser estable e segura. Se é inestable e insegura, non é raro que, para tranquilizar os ánimos, os que ían ser dereitos constitucionalmente recoñecidos desaparecen do mapa a prol, precisamente, de calmar os ánimos. O exemplo que poñen para ilustrar tal aserto é o de Palestina22.

5 Breve referencia a España

Que sucedeu en España? Para poder testar as opcións do noso constitucionalismo feminista, debemos abordar en primeiro lugar como calou a idea feminista en xeral na sociedade española, dado que, seguindo a CABALLÉ, é unha idea que nunca caeu de pé por estes lares23. A nosa autora resalta, en primeiro lugar, que o feminismo é un movemento político e social que cando empeza a despuntar o fai con non disimulada vocación de resultar “feminino”24. En segundo lugar, neses momentos iniciáticos o feminismo carecía de modelos visibles que o fomentasen, máis alá dalgúns personaxes femininos literarios que, polo demais, estaban creados desde unha visión netamente masculina. En terceiro lugar, a autora destaca que o noso feminismo se baseou na resistencia, entendida como unha forma de acción desde dentro do sistema onde o suxeito en cuestión acepta a posición que ocupa e desde ela intenta conseguir avances para a causa. Moi ligado a isto, en cuarto lugar, destaca que o noso feminismo foi máis pragmático que teórico, onde uniu máis a loita por determinadas conquistas (dereito ao voto, reformas penais e civís, independencia económica, loita contra a violencia machista) que a formación dun corpo de ideas e teorías. En quinto lugar, detecta que o feminismo como tal nunca gozou de grande aceptación popular. De feito, seguindo a profesora CABALLÉ: “a asociación do feminismo co lesbianismo, a falta de atractivo físico, a ira, a estreiteza de miras ou a falta de feminidade prexudicou e moito o movemento, de xeito que fixo difícil identificarse con el, sen que as mulleres quedasen impregnadas dos seus estereotipos”25.

É interesante achegarse a esa vertente pragmática, sobre todo porque se demostra a dificultade do noso feminismo á hora de canalizar as discrepancias internas ata o punto de que chegaron a esgazar o movemento. En 1975, ano que foi declarado Ano Internacional da Muller, constitúese a Coordinadora de Organizacións e Grupos de Mulleres a nivel nacional, cuxo principal labor era o de realizar os traballos preparatorios para a celebración das I Xornadas pola Liberación da Muller, en decembro dese ano. Chegaron a asistir máis de cincocentas mulleres. Comezou a espertar un movemento que creceu nas II Xornadas, celebradas dous anos despois en Granada. Pero as disputas internas, sobre todo o eterno debate entre reforma ou revolución, e os debates acaecidos arredor do borrador de Constitución caldearon o ambiente ata o punto de que nas seguintes Xornadas de 1979 o movemento viviu unha dolorosa ruptura, “por non saber asumir a pluralidade entre as diferentes posturas”26. En 1980, co debate da dobre/única militancia aínda candente, a escisión callou nas denominadas I Xornadas de Feministas Independentes27.

O testemuño das protagonistas daqueles días narra como as diferentes asociacións e organizacións concederon liberdade de voto ás feministas que militaban no seu seo para que puidesen manifestar que opinaban sobre a Constitución. E de todo houbo: mulleres que votaron non ao texto, mulleres que votaron si e mulleres que se abstiveron28. Á luz de tales datos, non parece que a Norma fose tan patriarcal. Ademais, o tempo que pasou desde que entrou en vigor, e os réditos que demostrou a prol da convivencia dos españois durante máis de catro décadas foi decantando unha avaliación da propia Constitución máis amable, onde gaña posicións un feminismo liberal da igualdade tanto no debate como nas normas ditadas ao seu abeiro29.

Na década dos oitenta do pasado século a polémica trasládase ao feminismo institucional no marco do incipiente estado do benestar que se pon en marcha no noso país: mentres que algunhas voces defenden un feminismo posibilista, outras voces lamentan o baleirado do feminismo de rúa, alertando do perigo das subvencións como mecanismo de control estatal. Tamén tivo a súa importancia ese feminismo académico que tanto debateu sobre o aborto, a violencia sexista, e sobre o coñecido mantra o persoal é político (o que conducía inevitablemente a normativizar todos os comportamentos privados)30.

Chegaron os debates, arredor de finais dos noventa e principios dos dous mil, sobre as accións positivas e as cotas electorais, con opinións para todos os gustos. Estes debates deron paso, case sen solución de continuidade, a certa escora do movemento que, baixo a etiqueta do constitucionalismo feminista, fan da Constitución o obxecto de desexo dunha eventual reforma empoderadora que nos cure de todos os males. Así, defenden a revisión total da nosa Constitución seguindo a perspectiva de xénero, con propostas que superan con moito o obxecto destas liñas e, ao peor, a filosofía subxacente a toda norma constitucional demoliberal que se prece31. É obvio que os tempos que corren en pleno 2021 están a marcar un punto de inflexión, pois apréciase unha querenza de certos poderes públicos á hora de apostar por un feminismo posmoderno, líquido, fluído, trans e queer que espertou os receos de amplas capas da poboación e fixo dar a voz de alarma desde non poucas institucións, entre elas voces académicas de peso32.

Unha constitucionalista como FREIXÉS, cunha dilatada experiencia na loita pola igualdade no noso país, captou á perfección o signo dos tempos e os potenciais perigos que encerran certas propostas. Como non se desexa furtarlle ao lector a súa reflexión –a extensión e potencia do argumento meréceno–, descúlpenos a longa cita que vén a continuación. Di así a nosa xurista:

“Dediquei case corenta anos a procurar que as normas xurídicas sobre as que puiden ter influencia non fosen discriminatorias, xerasen avances cara á igualdade real de mulleres e homes e, sobre todo, estivesen dotadas de suficientes garantías como para axudar a que fosen eficaces (...). Tratábase de que ningunha persoa quedase en situación de debilidade xurídica para que a igualdade social se fose alcanzando, tamén no terreo político ou no ámbito laboral ou familiar (...). Cando creramos que estabamos preto de alcanzalo, polo menos na nosa sociedade europea, caéronnos, como do ceo, toda unha serie de estereotipos de xénero que non fan outra cousa máis que confundir o persoal (...) porque proxectar tal confusión conceptual no común dos mortais, fose muller ou fose home, provocou o maior dos desconcertos que puiden observar nos últimos anos (...). Houbo un salto xeracional ideolóxico no baleiro, posto que non existe, como debe ser en toda análise de ciencias sociais, a xurídica incluída, ningún razoamento lóxico que permita que as nosas fillas se poidan sentir discriminadas se non conseguen que a súa palabra sexa lei. Enfróntanse a un falso machismo, disfrazado de retórica igualitaria, que ao meu modo de ver o único que fai é prexudicalas, ao non recoñecerlles a calidade de seres pensantes porque son permanentemente vítimas”33.

A profesora FREIXÉS escribía esas liñas en 2020. En 1993, HUGUES estudaba o estado do debate feminista na América do Norte de finais dos oitenta do pasado século e dicía isto:

“A nova ortodoxia do feminismo está a abandonar a imaxe da muller independente e existencialmente responsable en favor da muller como vítima indefensa da opresión machista (...). Esta visión (...) reduce as mulleres á condición de vítimas carentes de vontade, desprovistas do poder de acceder ou denegar, á condición de simples bonecos levados dun lado para outro polos delirios ideolóxicos do extremismo feminista”34.

Pasaron case tres décadas entre os dous diagnósticos. Deberiamos reflexionar pausadamente sobre o feito de que no ínterim se despregaran tantos discursos cunha carga potencial pretendidamente revolucionaria, quizais inversamente proporcional aos réditos reais producidos. Adóitase argüír que a igualdade de xénero é unha revolución longa que se remontaría dous séculos atrás no tempo e que supuxo cambios tanxibles e moi profundos nas nosas sociedades. O que xa non se di tanto é que tales cambios viñeron, sen excepción, de reformas implementadas dentro do marco de democracias liberais, único sistema en Occidente despois da II Guerra Mundial que crea, permite e promove o texto (constitucional) e o contexto necesario para levalas a cabo35. A Constitución sempre foi a norma que permite o proxecto igualitario dentro da liberdade, non a que o restrinxe.

6 Exame crítico

Despois do repaso que realizamos ata aquí do paradigma do constitucionalismo feminista, chega o momento de ofrecerlle ao lector un exame crítico deste. Considerouse axeitado facer un balance centrado nas seguintes ideas, sen prexuízo de facer partícipe o lector dun criterio de partida en consonancia coas teses do profesor DE LORA. Dirá o filósofo do dereito: “o constitucionalismo feminista (...) ha de enfrontarse a un trilema: se a Constitución é feminista porque consagra algunha das demandas concretas do movemento feminista que son socialmente disolventes, entón esa Constitución traizoará algúns presupostos básicos do constitucionalismo (a perdurabilidade e o seu carácter de amplo acordo social); se a Constitución é feminista porque reivindica a igualdade de cidadanía entre homes e mulleres, a dimensión feminista non achega nada posto que esa é xa unha conquista sobre a que non cabe «folla en branco»; se a Constitución é feminista porque promove que se alcance a igualdade real con expresións ideolóxicas que transcenden o feminismo, a Constitución non será necesariamente feminista”36.

Desa tese dividida en tres seccións, partamos da base de que o feminismo é unha ideoloxía, isto é, unha cosmovisión que aposta por acadar a igualdade entre homes e mulleres (se é que segue sendo este o fin do movemento). Unha ideoloxía, obviamente, comprende diversos valores. Nunha democracia constitucional, as ideoloxías pugnan entre si en constante discusión pública. Se é certo como é que a Constitución garante –mediante a protección de liberdades fundamentais– ese debate robusto e desprexuizado, resulta contraproducente adxectivala de forma que inhiba o debate democrático. Iso daría a impresión de querer protexer antes un dogma que unha idea. Unha Constitución feminista é tan imposible, desde o punto de vista constitucional, como unha Constitución capitalista, animalista, ecoloxista, socialista ou calquera adxectivo de adorno. Aprendemos hai xa moitos anos que os réximes que necesitan adxectivar os seus sistemas democonstitucionais non teñen moito de constitucionais (e menos de democráticos).

Consecuente con esa postura, resulta claro que o dereito constitucional permite e protexe o debate libre, non pode non facelo salvo que queira negarse a si mesmo. Porque o individuo e os seus dereitos importan, a democracia constitucional rectamente entendida debe maximizar a súa liberdade de expresar pensamentos de calquera índole. O debate democrático e a discusión libre prodúcense, e só se producen, se as liberdades de todos están garantidas antes de que tales debates se celebren. O cal é especialmente certo nun modelo que non segue os patróns da democracia militante, como é o caso español, segundo a interpretación que deu o Tribunal Constitucional en xurisprudencia constante ditada, entre outras, nas SSTC 48/2003, 136/1999, 159/1986, e que chega ata as máis recentes SSTC 121/2021, 106/2021, 111/2019 ou 52/2017. Baste citar a STC 138/2018 (FX 6), onde resume á perfección en que consiste esa democracia non militante: “No noso ordenamento constitucional non ten cabida un modelo de democracia militante, isto é, un modelo no que se impoña, non xa o respecto, senón a adhesión positiva ao ordenamento e, en primeiro lugar, á Constitución (...). Este Tribunal recoñeceu que teñen cabida no noso ordenamento constitucional cantas ideas se queiran defender e que non existe un núcleo normativo inaccesible aos procedementos de reforma constitucional (cursiva do autor)”.

Se unha Constitución se reforma para ser feminista, pero segue sen exixir adhesión positiva ao novo réxime constitucional, entón debería aceptar a posibilidade de que despois se activase un proceso de reforma constitucional para desadxectivala. Fan falta esas alforxas para tamaña viaxe? Sería conveniente ou desexable activar os procesos de reforma constitucional para tal fin? Se, pola contra, se introduce o constitucionalismo feminista para exixir unha adhesión positiva ao novo réxime, mellor prescindir de normas, de tribunais e de xuristas e dar a benvida aos sacerdotes e sacerdotisas do novo paradigma: consumado o constitucionalismo feminista, poucas críticas caberían xa respecto do propio constitucionalismo feminista. Os principios do pluralismo político, a liberdade ideolóxica e de crenzas e incluso o mesmo dereito á igualdade e á non discriminación xa só poderían ser implementados seguindo a veta feminista (que, como sabemos, é de todo menos unívoca). Non acaba de enxergarse, en fin, como un marco constitucional de tal teor podería reforzar as liberdades fundamentais dos cidadáns. Ou dito con outros termos, esta vez do profesor GARCÍA FIGUEROA, a Constitución non é nin pode ser patrimonio de ningunha concepción particular37.

As ideas aparelladas ao movemento feminista son discutibles e discutidas e iso, en verdade, é bo e saudable, pois demostra un debate vivo. Se facemos dunha Constitución unha Constitución feminista estamos facendo da norma de todos unha norma parcial e nesgada que rompe a perdurabilidade e o consenso social que necesita calquera norma constitucional que se prece. É por esa razón, entre outras, pola que a liberdade de expresión e información non só ten en democracia unha vertente puramente subxectiva e individual, senón que conforma unha garantía institucional da opinión pública libre onde se poidan discutir democraticamente as ideas pertinentes. En palabras da STC 159/1986 (FX 6): “o artigo 20 CE, ademais de consagrar o dereito á liberdade de expresión e a comunicar ou recibir libremente información veraz, xoga un papel esencial como garantía institucional do principio democrático que inspira a nosa Constitución, o cal presupón o dereito dos cidadáns a contar cunha ampla e axeitada información respecto aos feitos, que lles permita formar as súas conviccións ponderando opinións diversas e mesmo contrapostas e participar así na discusión relativa aos asuntos públicos (...) [o] dereito á información non só protexe un interese individual, senón que entraña o recoñecemento e a garantía dunha institución política fundamental, que é a opinión pública, indisolublemente ligada co pluralismo político”. (Cursiva do autor, na resolución orixinal con comiñas)

Mesmo aceptando a tese central e falando dun “constitucionalismo feminista”, xorde a dúbida que seguramente o lector xa anotou: de que feminismo falamos? Dun liberal? Dun iliberal? Dun posmoderno? Dun populista? De todos á vez, na súa xusta ou inxusta medida? Non todos eles encaixan igual de ben no marco constitucional. Léase: por debaixo da Constitución cobran pleno sentido na medida en que son reflexo de opcións individuais que traducen valores e ideas moi respectables. Cando se sitúan ao lado dela teñen que estar a unha altura que inevitablemente xerará frustracións: materias feministas, presupostos feministas, leis feministas, xuíces e xuízas feministas, universidades feministas, familias feministas, dereito feminista...?

Un argumento adicional que non se debe eludir é o do custo de oportunidade. Cando as reivindicacións se volven maximalistas e pretenden nada máis e nada menos que facer unha Constitución feminista acaban por resultar perniciosas. En primeiro lugar, porque é moi improbable que consigan alcanzar o obxectivo perseguido (e máis improbable aínda é que non o saiban de antemán, mesmo sendo reflexo da estratexia de disparar por elevación). Polo tanto, os esforzos dedicados a un obxectivo inalcanzable son esforzos que xa nunca poderán despregarse en conquistar avances igualitarios reais e igual de loables. De mostra, un botón. Dos debates sobre a adecuación constitucional ou non das accións positivas38 pasamos a emendas á totalidade de trazo groso, tales como derrubar o autoproclamado heteropatriarcado capitalista (¿?) mediante o ariete do constitucionalismo feminista. As estacións intermedias en forma de políticas públicas merecen mellor consideración, aínda que so sexa para saber, avaliación mediante, se procede a súa emenda, supresión ou renovación. Paradoxalmente, canto máis se intenta avanzar, menos se logra, e canto máis aumentan as reivindicacións maximalistas, menos se consegue a nivel micro. Non é de todo improcedente recordar aquilo que dixo George Santayana: o fanatismo consiste en dobrar o esforzo cando se esqueceu o obxectivo.

Non cabe esquecer que o binomio Constitución-lexislación adoita ser proveitoso se a segunda respecta os límites que establece a primeira e sobre todo se ambas as dúas non se confunden. Se o que é política debatida e pactada en sede parlamentaria e despois convertida en norma xurídica se intenta facer pasar por norma constitucional, a Constitución perde unha das súas razóns de ser –establecer as regras do xogo e limitar o poder político– e a lexislación deixa de cumprir a súa función –regular a orde social de forma conxuntural na medida en que as maiorías parlamentarias cambian–. Se se constitucionaliza o polémico, rematou a polémica: temos un novo dogma constitucional inapelable. Ao peor ese é o efecto colateral negativo de teses como as que se discuten, que non nos permitan impugnar (ou non) o que democraticamente temos pleno dereito a impugnar. Os extremos, unha vez máis, tócanse. Tal como ilustra coa agudeza con que acostuma o profesor GARCÍA FIGUEROA: “Constitucionalizar unha concepción feminista da igualdade sería tan desatinado (e reaccionario) como confiarse a un enfoque orixinalista da Constitución”39.

Se o anterior parece escaso, pódense dar algunhas ideas adicionais para reforzar a tese que defendemos. A primeira extráese da STEDH ditada no caso Carvalho Pinto de Sousa Morais c. Portugal, de 25/07/2017, onde Estrasburgo di que “o problema de estereotipar un determinado grupo da sociedade impide a avaliación individualizada das súas capacidades e necesidades” (§ 46). Ese argumento, que serviu no caso concreto para dar a razón á litigante, é igualmente válido a sensu contrario (se un argumento non admite aplicación universal é sospeitosa como argumento)40. E é que o constitucionalismo feminista apela a un suxeito colectivo que, como tal, non existe. Non existen “as mulleres” como bloque granítico cunha única vontade. Existen millóns de mulleres que merecen a mellor das consideracións e un estatuto xurídico impecablemente libre e igualitario: garantir a todas as persoas un estatuto de cidadanía conformado polos dereitos e liberdades individuais. Dito con outras palabras, disparar “a vulto” non adoita resolver problema ningún. Por esa razón, dicir “constitucionalismo feminista” é ou ben non dicir moito (que feminismo?, que constitucionalismo queda?) ou é dicir demasiado (unha Constitución con ideoloxía segue sendo unha Constitución?).

7 A modo de conclusión

Despois do dito en liñas anteriores, chega o momento de extractar os achados resultantes en forma de reflexións finais. A primeira conclusión á que se chega é que o feminismo é un movemento plural que pretende conformar unha rama de coñecemento nova, á par que un proxecto xurídico-político emancipador arredor da idea do constitucionalismo feminista. O soporte teórico desta proposta vén en boa medida do outro lado do charco, en concreto de sectores académicos anglosaxóns (norteamericanos en particular). Outros modelos intentan levar esas conclusións a países tan dispares como Colombia, Nixeria, Sudáfrica ou Chile. Para o caso español, existen algunhas propostas teóricas neste sentido, aínda que se bota en falta nos estudos académicos pertinentes, por máis serios que son, unha característica de todo proceso de creación ou emenda constitucional: a gradualidade e prudencia, así como o debate democrático desde todas as posturas.

Son tempos de cambio a nivel individual e global, cambios que a pandemia ocasionada pola COVID-19 non fixo máis que acrecentar. Precisamente o que demostraron as democracias constitucionais é que resisten ben os embates propios da situación de excepcionalidade. Se o constitucionalismo feminista é unha pedra no estanque para que tomemos conciencia de que o momento histórico demanda altura de miras, debate e reflexión, non podemos estar máis de acordo co postulado. Se o constitucionalismo feminista se deixa levar pola peor cara radical-populista rampante e se presta a servir de escusa para permitir o socavamento das institucións democráticas e as conquistas propias desa civilización chamada estado de dereito, entón todos teremos perdido.

Bibliografía

ÁLVAREZ RODRÍGUEZ, I., Crítica del constitucionalismo feminista, Atelier, Barcelona, 2020.

BAINES, B., BARAK-EREZ, D. e KAHANA, T. (eds.), Feminist Constitutionalism. Global Perspectives, Cambridge University Press, New York, 2012.

BLANCO, D., “La mujer española en los albores del siglo XXI”, Egido, Á. e Fernández Asperilla, A. (eds.), Ciudadanas Militantes Feministas, Eneida, Madrid, 2011.

BLANCO VALDÉS, R., Luz tras las tinieblas. Vindicación de la España constitucional, Alianza, Madrid, 2018.

CABALLÉ MASFORROLL, A., El feminismo en España: La lenta conquista de un derecho, Catedra Ediciones, Madrid, 2013.

CABRERA TAPIA, R., “Chile ante el proceso constituyente”, bie3. Boletín IEEE, n. 141, 2020.

CAMPOAMOR, C., “La mujer y su nuevo ambiente (la sociedad). Conferencia pronunciada en la Universidad Central en mayo de 1923”, Campoamor, C. (aut.), El Derecho de la Mujer, Comunidad de Madrid-Asociación Española Clara Campoamor, Madrid, 2007.

DE LORA, P., Lo sexual es político (y jurídico), Alianza, Madrid, 2019.

DE LORA, P., “Constitución, feminismo y diversidad. El trilema del feminismo constitucional”, Revista de Ciencias Sociales, n. 77, 2020.

DE LORA, P., “Hombres, mujeres y el feminismo zombi”, Tey, M. (ed.), Hombres y sombras. Contra el feminismo hegemónico, Economía Digital, Barcelona, 2020.

DÍEZ-PICAZO, L.M.ª, Sistema de derechos fundamentales, Tirant lo Blanch, 5ª ed., Valencia, 2021.

DOMÍNGUEZ, I., Del iluminismo a Matrix. Una historia del relativismo moderno, Akal, Madrid, 2021.

FISS, O., “¿Qué es el feminismo?”, Doxa, n. 14, 1993.

FREIXÉS, T., “La máscara y la manipulación. Interrogantes acerca de cómo afrontar el debate sobre el sexo/género”, Tey, M. (ed.), Hombres y sombras. Contra el feminismo hegemónico, Economía Digital, Barcelona, 2020.

GAHETE MUÑOZ, S., “Los debates del movimiento feminista ante el proyecto constitucional y la Constitución: de la unión a la separación”, Historia Contemporánea, n. 62, 2020.

GARCÍA FIGUEROA, A., “Feminismo de Estado: fundamentalmente religioso y religiosamente fundamentalista”, Eunomía: Revista en Cultura de la Legalidad, n. 17, 2019.

GARCÍA FIGUEROA, A.J., “Constitución, Feminismo de Estado y Convenciones Lingüísticas (I)”, Almacén de Derecho, 26 de enero de 2020. Acceso web: https://almacendederecho.org/constitucion-feminismo-de-estado-y-convenciones-linguisticas-i (octubre de 2021).

GIMENO, B., “El papel del feminismo en los procesos constituyentes y en el cambio social”, Monereo, M., Juste, R. e Illueca, H. (coords.), Volver a mirarnos. Proceso constituyente y cambio constitucional para la España del siglo XXI, El Viejo Topo, Barcelona, 2018.

GÓMEZ FERNÁNDEZ, I., Una Constituyente feminista, Marcial Pons, Madrid, 2017.

GÓMEZ FERNÁNDEZ, I., “Las escuelas de derecho constitucional españolas en el marco de la crisis constitucional presente”, IberICONnect, 30 de setembro de 2021. Acceso web: https://www.ibericonnect.blog/2021/09/las-escuelas-de-derecho-constitucional-espanolas-en-el-marco-de-la-crisis-constitucional-presente/ (octubre de 2021).

HARARI, Y.N., Homo Deus, Debate, Barcelona, 2016.

HUGHES, R., La cultura de la queja. Trifulcas norteamericanas, Anagrama, Barcelona, 1994.

JIMÉNEZ CAMPO, J., “Acotaciones sumarias sobre el «derecho a la diferencia» de trato”, Asociación de Letrados del Tribunal Constitucional (coord.), Democracia constitucional y diversidad cultural, CEPC, Madrid, 2017.

KATZ, E., “Women´s Involvement in International Constitution-Making”, Baines, B., Barak-Erez, D. e Kahana, T. (eds.), Feminist Constitutionalism. Global Perspectives, Cambridge University Press, New York, 2012.

LÓPEZ GUERRA, L.M.ª, El Convenio Europeo de Derechos Humanos según la jurisprudencia del Tribunal de Estrasburgo, Tirant lo Blanch, Valencia, 2021.

MACKINNON, C., Hacia una teoría feminista del Estado, Cátedra, Valencia, 1995 (1.ª ed.: 1989).

MACKINNON, C., “Foreword”, Baines, B., Barak-Erez, D. e Kahana, T. (eds.), Feminist Constitutionalism. Global Perspectives, Cambridge University Press, New York, 2012.

MIYARES, A., Democracia feminista, Cátedra, Madrid, 2018.

MONTERO, J., “Movimiento Feminista. Una trayectoria singular”, Egido, Á. e Fernández Asperilla, A. (eds.), Ciudadanas Militantes Feministas, Eneida, Madrid, 2011.

MOUNK, Y., El pueblo contra la democracia. Por qué nuestra libertad está en peligro y cómo salvarla, Paidós, Barcelona, 2018.

NIETO, A., Testimonios de un jurista 1930-2017, INAP-Global Law Press, Madrid, 2017.

PENDÁS, B., Democracias inquietas. Una defensa activa de la España constitucional, Ediciones Nobel, Oviedo, 2015.

PINEDA, E., “Las otras feministas: cuestiones pendientes en la España actual”, Egido, Á. e Fernández Asperilla, A. (eds.), Ciudadanas Militantes Feministas, Eneida, Madrid, 2011.

RENDUELES, C., Contra la igualdad de oportunidades. Un panfleto igualitarista, Seix Barral, Barcelona, 2020.

REY MARTÍNEZ, F., “Igualdad y prohibición de discriminación: de 1978 a 2018”, Revista de Derecho Político, n. 100, 2017.

REY MARTÍNEZ, F., Derecho antidiscriminatorio, Aranzadi, Cizur Menor, 2019.

RODRÍGUEZ PALOP, M.ª E., Revolución feminista y políticas de lo común frente a la extrema derecha, Icaria, Barcelona, 2019.

Rubio-Marín, R. e Irving, H. (eds.), Women as constitution-makers: case studies from the new democratic era, Cambridge University Press, New York, 2019.

Rubio Marín, R., “Mujeres y procesos constituyentes contemporáneos: retos y estrategias de participación”, Revista de Estudios Políticos, n. 187, 2020.

SEVILLA MERINO, J. (dir.), Las mujeres parlamentarias en la legislatura constituyente, Cortes Generales, Madrid, 2006.

SOSA WAGNER, F. e FUERTES, M., Panfleto contra la trapacería política. Nuevo Retablo de las Maravillas, Editorial Triacastela, Madrid, 2021.

VENTURA FRANCH, A. e GARCÍA CAMPÁ, S. (dirs.), El derecho a la igualdad efectiva de mujeres y hombres. Una evaluación del primer decenio de la Ley Orgánica 3/2007, Aranzadi, Cizur Menor, 2018.

ZARAGOZA-MARTÍ, M.ª F., “La feminidad Disney: el desarrollo social de la mujer y sus consecuencias en la regulación constitucional”, Barataria: revista castellano-manchega de ciencias sociales, n. 27, 2020.

ZOCO ZABALA, C., “Igualdad entre mujeres y hombres tras 40 años de Constitución Española”, Revista de Derecho Político, n. 100,


1 Véxase a recente monografía de ÁLVAREZ RODRÍGUEZ, I., Crítica del constitucionalismo feminista, Atelier, Barcelona, 2020.

2 Vid. DE LORA, P., Lo sexual es político (y jurídico), Alianza, Madrid, 2019, pp. 251 e ss.

3 Así o defende FISS, O., “¿Qué es el feminismo?”, Doxa, n. 14, 1993, p. 335. Segundo algunhas voces, en España xa se pode falar dunha escola feminista de dereito constitucional, rede de traballo que se insire no feminismo xurídico e que se basea nun exame crítico da realidade xurídico-constitucional, “suxeitándose a unha serie de obxectivos científicos que tamén asumen unha dimensión política clara”. Así o expresa expresa GÓMEZ FERNÁNDEZ, I., “Las escuelas de derecho constitucional españolas en el marco de la crisis constitucional presente”, IberICONnect, 30 de setembro de 2021. Acceso web: https://www.ibericonnect.blog/2021/09/las-escuelas-de-derecho-constitucional-espanolas-en-el-marco-de-la-crisis-constitucional-presente/ (outubro de 2021).

4 Véxase o exhaustivo estudo que realiza REY MARTÍNEZ, F., Derecho antidiscriminatorio, Aranzadi, Cizur Menor, 2019.

5 A importancia das ficcións para o bo goberno e desenvolvemento das nosas sociedades é bastante obvia. Vid. HARARI, Y.N., Homo Deus, Debate, Barcelona, 2016, pp. 194 e ss.

6 Vid. ÁLVAREZ RODRÍGUEZ, I., Crítica del constitucionalismo feminista, cit., pp. 51 e ss.

7 Véxase o exhaustivo repaso que fai destas e outras moitas cuestións da axenda feminista posmoderna DOMÍNGUEZ, I., Del iluminismo a Matrix. Una historia del relativismo moderno, Akal, Madrid, 2021, pp. 238 e ss.

8 MOUNK, Y., El pueblo contra la democracia. Por qué nuestra libertad está en peligro y cómo salvarla, Paidós, Barcelona, 2018, p. 25.

9 Vid. JIMÉNEZ CAMPO, J., “Acotaciones sumarias sobre el «derecho a la diferencia» de trato”, Asociación de Letrados del Tribunal Constitucional (coord.), Democracia constitucional y diversidad cultural, CEPC, Madrid, 2017, pp. 11-28; e PENDÁS, B., Democracias inquietas. Una defensa activa de la España constitucional, Ediciones Nobel, Oviedo, 2015, pp. 268 e ss.

10 Véxanse os traballos compilados en BAINES, B., BARAK-EREZ, D. e KAHANA, T. (eds.), Feminist Constitutionalism. Global Perspectives, Cambridge University Press, New York, 2012; e en RUBIO-MARÍN, R. e IRVING, H (eds.), Women as constitution-makers: case studies from the new democratic era, Cambridge University Press, New York, 2019.

11 Vid. MACKINNON, C., Hacia una teoría feminista del Estado, Cátedra, Valencia, 1995 (1.ª ed.: 1989). O texto onde di “actualizar” ese pensamento é en MACKINNON, C., “Foreword”, Baines, B., Barak-Erez, D. e Kahana, T. (eds.), Feminist Constitutionalism. Global Perspectives, Cambridge University Press, New York, 2012, pp. IX e ss.

12 Entre nós pode verse Rubio Marín, R., “Mujeres y procesos constituyentes contemporáneos: retos y estrategias de participación”, Revista de Estudios Políticos, n. 187, 2020, pp. 43-69.

13 Os estudos comparados de casos máis recentes atópanse en RUBIO-MARÍN, R. e IRVING, H (eds.), Women as constitution-makers: case studies from the new democratic era, cit.

14 En España temos unha liña de investigación que chegou á conclusión de que, efectivamente, a implicación feminina nas Cortes Constituíntes foi residual, aínda que se acreditara máis raizame nos movementos políticos e sociais que se manifestaron extramuros do Congreso. Vid. SEVILLA MERINO, J. (dir.), Las mujeres parlamentarias en la legislatura constituyente, Cortes Generales, Madrid, 2006. Tamén pode verse GAHETE MUÑOZ, S., “Los debates del movimiento feminista ante el proyecto constitucional y la Constitución: de la unión a la separación”, Historia Contemporánea, n. 62, 2020, pp. 187-218.

15 Vid. BLANCO VALDÉS, R., Luz tras las tinieblas. Vindicación de la España constitucional, Alianza, Madrid, 2018; VENTURA FRANCH, A. e GARCÍA CAMPÁ, S. (dirs.), El derecho a la igualdad efectiva de mujeres y hombres. Una evaluación del primer decenio de la Ley Orgánica 3/2007, Aranzadi, Cizur Menor, 2018; REY MARTÍNEZ, F., “Igualdad y prohibición de discriminación: de 1978 a 2018”, Revista de Derecho Político, n. 100, 2017, pp. 125-171; e ZOCO ZABALA, C., “Igualdad entre mujeres y hombres tras 40 años de Constitución Española”, Revista de Derecho Político, n. 100, 2017, pp. 211-256.

16 Vid. CABRERA TAPIA, R., “Chile ante el proceso constituyente”, bie3. Boletín IEEE, n. 141, 2020, pp. 462-478. Tamén véxase DE LORA, P., “Constitución, feminismo y diversidad. El trilema del feminismo constitucional”, Revista de Ciencias Sociales, n. 77, 2020, pp. 101 e ss.

17 Séguese aquí a KATZ, E., “Women’s Involvement in International Constitution-Making”, Baines, B., Barak-Erez, D. e Kahana, T. (eds.), Feminist Constitutionalism. Global Perspectives, Cambridge University Press, New York, 2012, pp. 205 e ss.

18 Esta tendencia foi anotada por FREIXÉS, T., “La máscara y la manipulación. Interrogantes acerca de cómo afrontar el debate sobre el sexo/género”, Tey, M. (ed.), Hombres y sombras. Contra el feminismo hegemónico, Economía Digital, Barcelona, 2020, p. 40.

19 Quen desexe tomar contacto cunha visión particularmente demoledora da nosa pode ler as obras de SOSA WAGNER, F. e FUERTES, M., Panfleto contra la trapacería política. Nuevo Retablo de las Maravillas, Editorial Triacastela, Madrid, 2021; e de NIETO, A., Testimonios de un jurista 1930-2017, INAP-Global Law Press, Madrid, 2017.

20 Vid. MOUNK, Y., El pueblo contra la democracia. Por qué nuestra libertad está en peligro y cómo salvarla, cit., pp. 18 e ss.

21 Vid. ÁLVAREZ RODRÍGUEZ, I., Crítica del constitucionalismo feminista, cit., pp. 76 e ss.

22 Vid. KATZ, E., “Women’s Involvement in International Constitution-Making”, cit., pp. 221 e 222.

23 Véxase tamén ZARAGOZA-MARTÍ, M.ªF., “La feminidad Disney: el desarrollo social de la mujer y sus consecuencias en la regulación constitucional”, Barataria: revista castellano-manchega de ciencias sociales, n. 27, 2020, pp. 88-99.

24 Vid. CAMPOAMOR, C., “La mujer y su nuevo ambiente (la sociedad). Conferencia pronunciada en la Universidad Central en mayo de 1923”, Campoamor, C. (aut.), El Derecho de la Mujer, Comunidad de Madrid-Asociación Española Clara Campoamor, Madrid, 2007, p. 116.

25 CABALLÉ MASFORROLL, A., El feminismo en España: La lenta conquista de un derecho, Catedra Ediciones, Madrid, 2013, pp. 13 e ss. A cita encóntrase na p. 23.

26 Vid. MONTERO, J., “Movimiento Feminista. Una trayectoria singular”, Egido, Á. e Fernández Asperilla, A. (eds.), Ciudadanas Militantes Feministas, Eneida, Madrid, 2011, pp. 239 e ss.

27 Véxse GAHETE MUÑOZ, S., “Los debates del movimiento feminista ante el proyecto constitucional y la Constitución: de la unión a la separación”, cit., pp. 200 e ss.

28 PINEDA, E., “Las otras feministas: cuestiones pendientes en la España actual”, Egido, Á. e Fernández Asperilla, A. (eds.), Ciudadanas Militantes Feministas, Eneida, Madrid, 2011, pp. 249-272.

29 Vid. BLANCO, D., “La mujer española en los albores del siglo XXI”, Egido, Á. e Fernández Asperilla, A. (eds.), Ciudadanas Militantes Feministas, Eneida, Madrid, 2011, pp. 273-281.

30 Vid. MIYARES, A., Democracia feminista, Cátedra, Madrid, 2018, pássim.

31 Vid. GÓMEZ FERNÁNDEZ, I., Una Constituyente feminista, Marcial Pons, Madrid, 2017; GIMENO, B., “El papel del feminismo en los procesos constituyentes y en el cambio social”, Monereo, M., Juste, R. e Illueca, H. (coords.), Volver a mirarnos. Proceso constituyente y cambio constitucional para la España del siglo XXI, El Viejo Topo, Barcelona, 2018, pp. 207-212; tamén RODRÍGUEZ PALOP, M.ªE., Revolución feminista y políticas de lo común frente a la extrema derecha, Icaria, Barcelona, 2019. Unha resposta brillante a estas tese pode verse en GARCÍA FIGUEROA, A., “Feminismo de Estado: fundamentalmente religioso y religiosamente fundamentalista”, Eunomía: Revista en Cultura de la Legalidad, n. 17, 2019, pp. 358-376.

32 Vid. DE LORA, P., “Hombres, mujeres y el feminismo zombi”, Tey, M. (ed.), Hombres y sombras. Contra el feminismo hegemónico, Economía Digital, Barcelona, 2020, pp. 79e ss.

33 Vid. FREIXÉS, T., “La máscara y la manipulación. Interrogantes acerca de cómo afrontar el debate sobre el sexo/género”, cit., pp. 40 e ss.

34 Vid. HUGHES, R., La cultura de la queja. Trifulcas norteamericanas, Anagrama, Barcelona, 1994, pp. 20 e 21.

35 Vid. RENDUELES, C., Contra la igualdad de oportunidades. Un panfleto igualitarista, Seix Barral, Barcelona, 2020, pp. 160 e ss.

36 Vid. DE LORA, P., “Constitución, feminismo y diversidad. El trilema del feminismo constitucional”, cit., p. 115.

37 Vid. GARCÍA FIGUEROA, A.J., “Constitución, Feminismo de Estado y Convenciones Lingüísticas (I)”, Almacén de Derecho, 26 de xaneiro de 2020. Acceso web: https://almacendederecho.org/constitucion-feminismo-de-estado-y-convenciones-linguisticas-i (outubro de 2021).

38 Sobre os seus problemas de constitucionalidade, véxase DÍEZ-PICAZO, L.M.ª , Sistema de derechos fundamentales, Tirant lo Blanch, 5.ª ed., Valencia, 2021, pp. 199 e ss.

39 Vid. GARCÍA FIGUEROA, A.J., “Constitución, Feminismo de Estado y Convenciones Lingüísticas (I)”, cit.

40 A demandante someteuse a unha intervención cirúrxica posteriormente declarada neglixente e que lle provocou, entre outros danos, non poder gozar de vida sexual. En primeira instancia outórgaselle unha indemnización que, en apelación, se reduce substancialmente, alegando o Tribunal Administrativo Supremo que, tendo en conta a súa idade e as súas circunstancias, os danos non revestían tal gravidade. A demandante chega a Estrasburgo por entender lesionado o seu dereito á igualdade e á non discriminación en conxunción co seu dereito á vida privada. O tribunal dálle a razón, nunha decisión de cinco contra dous (con diversos votos particulares e concorrentes). O tribunal vén continuar a senda trazada na STEDH 22/03/2012, que decide o asunto Konstantin Markin c. Rusia, onde incidía no estereotipo negativo da muller como coidadora. Tamén é interesante a STEDH que resolve o caso Ecis c. Letonia, do 10/01/2019, que reputa discriminatoria a prohibición de que o home recluso non obteña permiso para saír polo falecemento do seu pai cando nas mesmas circunstancias as mulleres reclusas si gozaban deste. Vid. LÓPEZ GUERRA, L.M.ª, El Convenio Europeo de Derechos Humanos según la jurisprudencia del Tribunal de Estrasburgo, Tirant lo Blanch, Valencia, 2021, pp. 319 e ss.