Revista Galega de Administración Pública, EGAP
Núm. 63_xaneiro-xuño 2022 | pp. 83-101
Santiago de Compostela, 2022
https://doi.org/10.36402/regap.v1i63.4868
© Víctor José Barbeito Pose
© Julián Bustelo Abuín
ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371
Recibido: 15/11/2021 | Aceptado: 16/12/2021
Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License
Algunhas consideracións sobre o tratamento xurídico do patrimonio arqueolóxico na Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia
Algunas consideraciones sobre el tratamiento jurídico del patrimonio arqueológico en la Ley 5/2016, del patrimonio cultural de Galicia
Some considerations on the legal treatment of archaeological heritage in Law 5/2016, on the cultural heritage of Galicia
Víctor José Barbeito Pose
Centro Arqueolóxico do Barbanza
https://orcid.org/0000-0001-7414-2085
centroarqueoloxicobarbanza@gmail.com
Julián Bustelo Abuín
Investigador do Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio
Universidade de Santiago de Compostela
Resumo: Este traballo aborda un conxunto de reflexións sobre o tratamento xurídico do patrimonio arqueolóxico na Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia. Analízanse algúns conceptos e termos que son alleos ao dereito e poden xerar controversia tanto na interpretación da norma como na praxe arqueolóxica. Tamén se examinan algúns procedementos e preceptos que entran en contradición con outras disposicións da propia norma e que poden vulnerar a tutela xurídica sobre os bens arqueolóxicos.
Palabras clave: Patrimonio arqueolóxico, concepto xurídico indeterminado, dominio público arqueolóxico, presunción de valor, réxime de excepcionalidade, estrutura arqueolóxica, detector de metal.
Resumen: El presente trabajo aborda un conjunto de reflexiones sobre el tratamiento jurídico del patrimonio arqueológico en la Ley 5/2016, del patrimonio cultural de Galicia. Se analizan algunos conceptos y términos que son ajenos al derecho y pueden generar controversia tanto en la interpretación de la norma como en la praxis arqueológica. También se examinan algunos procedimientos y preceptos que entran en contradicción con otras disposiciones de la propia norma y que pueden vulnerar la tutela jurídica sobre los bienes arqueológicos.
Palabras clave: Patrimonio arqueológico, concepto jurídico indeterminado, dominio público arqueológico, presunción de valor, régimen de excepcionalidad, estructura arqueológica, detector de metal.
Abstract: This work analyzes a set of reflections on the legal treatment of archaeological heritage in Law 5/2016, on the cultural heritage of Galicia. Some concepts and terms that are foreign to the Law are analyzed and can generate controversy both in the interpretation of the norm and in archaeological practice. Some procedures and precepts that are in contradiction with other provisions of the norm itself and that may violate the legal protection of archaeological assets are also analyzed.
Key words: Archaeological heritage, indeterminate legal concept, archaeological public domain, presumption of value, exceptionality regime, archaeological structure, metal detector.
Sumario: 1 Introdución. 2. Método ou metodoloxía arqueolóxica. 3 Estrutura como concepto xurídico (e arqueolóxico) indeterminado. 4 Presunción de valor arqueolóxico. 5 Execución de intervencións arqueolóxicas. 6 Depósitos arqueolóxicos nos centros museísticos. 7 Detectores de metais, dereito a premio e dominio público arqueolóxico. 8 Outras imprecisións terminolóxicas e conceptuais. 9 Conclusións.
1 Introdución
Imos analizar algunhas das cuestións recollidas no capítulo IV do título VII da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante LPCG), dedicado ao patrimonio arqueolóxico, as cales suscitan dúbidas interpretativas e poden apartarse dos obxectivos principais que pretende alcanzar a lei de cabeceira do patrimonio cultural galego.
A LPCG foi analizada con anterioridade por voces autorizadas no eido xurídico, desde unha perspectiva máis xeral1, examinando algúns dos seus aspectos concretos2, ou mesmo de fóra do ámbito xurídico e con perfís máis próximos aos autores deste traballo, aínda que desde unha perspectiva máis global3.
No noso caso, pretendemos centrarnos nuns poucos aspectos que poderían encaixar nunha regulación con defectos técnicos ao recorrer a elementos constitutivos alleos ao dereito e onde a precisión da técnica especializada está moi lonxe de ser unánime entre os profesionais e especialistas que participan da arqueoloxía.
2 Método ou metodoloxía arqueolóxica
A Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE en diante), define os bens que integran o patrimonio arqueolóxico (art. 40) como aqueles bens que son susceptibles de ser estudados con metodoloxía arqueolóxica.
O lexislador non define o que se entende por metodoloxía arqueolóxica ao tratarse dun concepto alleo ao dereito4; por iso, é necesario o reenvío a outras disciplinas, concretamente á arqueoloxía, para definir e acoutar o ámbito da realidade en que opera o réxime xurídico do patrimonio arqueolóxico. É dicir, precísase o concurso dunha disciplina allea ao dereito que aclare en que consiste a metodoloxía arqueolóxica, cuestión nada banal, xa que a forma de entender a disciplina non é unívoca e, consecuentemente, existen cuestións semánticas que afectan aos contidos conceptuais5, chegando a puntos extremos onde mesmo entran en xogo cuestións metafísicas.
Sen entrar a precisar as tendencias teóricas actuais no ámbito da arqueoloxía, e sen entrar tampouco a valorar a influencia que exercen as distintas correntes de pensamento teórico sobre a práctica arqueolóxica hoxe en día, imos analizar o concepto de patrimonio arqueolóxico na LPCG.
Tal como sucede na LPHE, á hora de definir o concepto de xacemento ou zona arqueolóxica, alúdese aos lugares en que “existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica” (art. 10.1.d LPCG), aínda que, a diferenza daquela, se introduce na definición de xacemento ou zona arqueolóxica unha relación de intereses ou valores –artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico (relacionado coa historia humana) ou antropolóxico– que son susceptibles de ser constitutivos deses bens mobles ou inmobles aos que se fai referencia.
Non obstante, na definición de patrimonio arqueolóxico recollida no artigo 93 da LPCG, non se utiliza a expresión “metodoloxía arqueolóxica”, senón que se usa o concepto “método arqueolóxico”, expresión usada tamén no artigo 55 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, norma derrogada pola actual LPCG de 2016. Esta incoherencia non fai máis que introducir maior marxe de incerteza, xa que non existe unha teoría propiamente arqueolóxica, senón teorías de corte histórico, sociolóxico, antropolóxico ou filosófico que inflúen na investigación arqueolóxica6. En consecuencia, algúns teóricos do eido da arqueoloxía7 diferencian entre metodoloxía (empirismo, obxectivismo, fenomenoloxía, etc.) e método (descritivo, hipotético, dedutivo, hermenéutico, etc.), o que certamente non axuda a clarificar os contidos conceptuais.
Ademais, no artigo 93 da LPCG sinálase que integran o patrimonio arqueolóxico de Galicia “os bens do patrimonio cultural de Galicia de interese histórico, mobles e inmobles”, prescindindo dos demais intereses que a propia norma si considera no artigo 10.1.d antes citado.
3 Estrutura como concepto xurídico (e arqueolóxico) indeterminado
O artigo 98 da LPCG, relativo á conservación de estruturas arqueolóxicas, establece que no procedemento de concesión de autorizacións que afecten ao patrimonio arqueolóxico, a consellería competente na materia velará pola conservación in situ, sempre que sexa posible, das estruturas arqueolóxicas. Como acabamos de ver no apartado anterior, a arqueoloxía como disciplina non é unívoca e determinados conceptos, como o de “estrutura”, precisan de concreción. Igual que no caso do concepto “metodoloxía arqueolóxica”, o concepto “estrutura” tampouco está definido no ámbito do dereito, polo que nos remite á dimensión epistemolóxica de ciencias non xurídicas como é a arqueoloxía.
Estrutura é un termo amplamente usado en arqueoloxía, ás veces con significados moi distintos. MARTÍNEZ LÓPEZ, quen coordina unha publicación na que participan varios arqueólogos, orientada a establecer unhas normas básicas de rexistro e documentación dos distintos tipos de xacementos arqueolóxicos galegos, onde se fixan convencións, criterios, parámetros e conceptos, entende por estrutura “calquera elemento da cultura material que se corresponda cun produto non moble da acción humana” e que, pola súa vez, pode formar parte dun xacemento8. Nesa mesma publicación, LÓPEZ CORDEIRO9 atribúelles a categoría de estrutura a covas ou abrigos, aínda que só adquirirá a categoría de xacemento [paleolítico] se existe material lítico asociado. Por outro lado, VILLOCH VÁZQUEZ, na mesma publicación, diferencia, dentro dun xacemento tipo túmulo, a posibilidade de que existan varias estruturas (estruturas pétreas internas como cámara, acceso, estelas; ou coiraza, anel peristalítico, etc.). En cambio, SANTOS ESTÉVEZ atribúe a categoría de estrutura para bens que constitúan fenómenos vinculados á arte rupestre cando os gravados forman parte dunha unidade máis complexa, cando, por exemplo, un petróglifo aparece nun castro, nun ortóstato dunha cámara, ou ben cando se trate de varias rochas pegadas10. Aínda na mesma publicación, MÉNDEZ FERNÁNDEZ analiza o rexistro de poboados da prehistoria recente grazas á identificación eventual de estruturas seccionadas por cortes no terreo, do que se pode extraer que un poboado se manifesta pola presenza de acumulacións de material e/ou pola detección de estruturas, normalmente nalgún corte do terreo11.
En cambio, o concepto estrutura podería ser interpretado baixo a perspectiva que recolle o profesor FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, cando diferencia entre xacemento e monumento ou “estrutura”. Así, mentres o primeiro se emprega para denominar os sitios e paraxes abandonados polo home, normalmente derruídos e case sempre cubertos de todo ou en parte pola terra, os monumentos ou estruturas defínense por referencia ao exemplo dunha igrexa románica medieval, posiblemente aínda utilizada para o culto, e onde as técnicas arqueolóxicas poidan axudar a establecer as fases construtivas a historiadores da arte e á arquitectura na súa interpretación completa. Non obstante, se existen restos baixo terra como unha necrópole asociada, neste caso si se consideraría como xacemento12.
E poderiamos completar máis o panorama se nos remitimos ao novo rexistro arqueolóxico en intervencións arqueolóxicas, o que tradicionalmente se veu definindo como sistema de rexistro Harris. Xurdido en 1973 en Inglaterra, vaise expandindo ata que chega a España en 1979, onde se acaba impondo ao considerado vello rexistro arqueolóxico, que tiña as súas raíces no período de entreguerras13.
No caso galego, este sistema foi reformulado e adaptado polo Grupo de Investigación de Arqueoloxía da Paisaxe na década de 1990 e que tivo (e ten) un importante seguimento pola arqueoloxía galega. Esta adaptación usou o termo “estrutura” para clasificar un tipo de unidades de estratificación. Dito isto, e tendo en conta que o valor fundamental de toda norma xurídica é a súa adecuación á realidade14, deberiamos descartar entón o concepto de “estrutura” como sinónimo de elementos arquitectónicos na súa versión xa clásica de ruína arqueolóxica. Moi ao contrario, deberiamos considerar este termo en estreita vinculación coas ideas actuais e conviccións vixentes da praxe arqueolóxica presente ou contemporánea. Non obstante, se este foi o significado que se lle quixo atribuír na LPCG ao concepto “estrutura”, estaría a atentar contra a propia creación de coñecemento científico sobre o noso pasado.
A escavación dun xacemento arqueolóxico implica necesariamente a destrución parcial ou total deste, pero como compensación proporciona un rexistro e, consecuentemente, un coñecemento. Entón, débese velar pola conservación in situ, sempre que sexa posible, das estruturas arqueolóxicas (art. 98.1), dificilmente poderá aplicarse ao eido da investigación ou da arqueoloxía preventiva. Moitas veces grazas a esta actividade preventiva detéctanse elementos que forman parte dun xacemento arqueolóxico que se descoñecía previamente, e cando se detectan, normalmente, é grazas á súa destrución parcial ou total. O grande paradoxo da escavación arqueolóxica (sexa arbitraria e mecánica ou manual, ou estratigráfica) é que só deconstruíndo a estratigrafía, é dicir, desmontando a secuencia estratigráfica (en orde inversa á súa deposición en caso dunha escavación estratigráfica), se poden xerar os datos e información (o rexistro arqueolóxico) a partir dos cales se orixina coñecemento15.
Polo tanto, e despois do argumentado, non nos queda outra alternativa que aceptar que o termo “estrutura”, tal como se recolle na LPCG, debe estar máis próximo ao concepto clásico de ruína que a deixar sentir os efectos da actual práctica arqueolóxica, pero á vez resulta estraño que se use este termo para remitir a un significado fixado nun pasado tan afastado e non se recollese unha realidade que se introduciu hai máis de catro décadas e que tivo un perfil deliberadamente expansivo na arqueoloxía galega.
Esta hipótese, na cal o termo “ruína” é substituído por “estrutura”, parece referendarse co disposto no punto 2 do artigo 98, relativo á conservación de estruturas arqueolóxicas, no que se sinala que a consellería velará por que as obras e actuacións necesarias para a apertura dun xacemento ao público non atente contra o carácter arqueolóxico e os seus valores culturais e científicos, a súa contorna ou o contexto territorial e a paisaxe.
Volvendo de novo sobre o artigo obxecto do noso estudo, destaca outra cuestión: a advertencia “sempre que sexa posible”. A advertencia de conservar as estruturas non parece unha previsión acertada, dado que a recomendación non é imperativa e mesmo podería pór en dúbida a previsión constitucional do artigo 46 da CE, que obriga os poderes públicos á conservación do patrimonio histórico, cultural e artístico, e, ademais, porque a propia LPCG fixa entre os seus obxectivos (art. 1) que a lei ten por obxecto a protección, conservación e acrecentamento. Por este motivo, non parece que a técnica lexislativa escollida fose a máis acertada.
A súa virtualidade e eficacia é discutible, e é unha chamada ao fracaso; a propia configuración do precepto está máis próxima a unha recomendación dunha carta internacional que ao esperable dun texto normativo de directa aplicabilidade. A recomendación pódese rastrexar en distintos documentos internacionais, como pode ser a Carta Internacional para a Xestión do Patrimonio Arqueolóxico (Lausana, 1990), pero a súa transposición non foi a máis acertada; tería sido desexable unha solución máis clara, con maior precisión fixando con claridade os límites na orde legal.
4 Presunción de valor arqueolóxico
O artigo 94.3 da LPCG fixa a presunción de existencia de valor arqueolóxico aos “restos paleolíticos, neolíticos e megalíticos, como as mámoas, menhires e dolmens, calcolíticos e da Idade do Bronce, así como os representativos da cultura castrexa e galaico-romana”.
A priori, a manifestación parece clara, pero presenta distintas problemáticas. O enunciado mestura categorías distintas; ao lado de períodos culturais ou cronoculturais, como son Paleolítico, Neolítico, Calcolítico ou Idade do Bronce, aparecen manifestacións culturais como son o megalitismo, ou clases de bens arqueolóxicos, como mámoas, menhires e dolmens.
En primeiro lugar, chama a atención a ausencia de períodos como o Epipaleolítico ou Mesolítico, que permiten coñecer un cambio tan significativo como é o tránsito das últimas sociedades recolectoras ás primeiras sociedades produtoras, e que se atopan mal caracterizados pola escaseza de xacementos escavados sistematicamente e a falta de publicacións detalladas dos restos16. Tampouco se inclúe na relación o período medieval, mesmo cando xa a Lei de 1911 de escavacións arqueolóxicas incluía dentro da definición de antigüidades os bens prehistóricos, antigos e medievais.
En segundo lugar, a escasa concreción conceptual acentúa as dúbidas interpretativas. Así, atendendo á literalidade do precepto, debemos considerar que só as mámoas que presentan carácter megalítico son os restos aos que se lles presume valor arqueolóxico. Porén, no noroeste peninsular os megálitos, entendidos como construcións realizadas con grandes pedras, non son unha realidade amplamente estendida ou maioritaria; habería que remitir ao fenómeno tumular, sendo a mámoa o principal elemento uniformizador, a cal presenta unha enorme variabilidade en canto ás súas dimensións17.
En terceiro lugar, o uso da expresión “os máis representativos da cultura castrexa e galaico-romana” non permite aclarar nin delimitar a cales se refire exactamente, remitindo a unha situación indeterminada, imprecisa e subxectiva. Non se achegan mecanismos de concreción no plano normativo absolutamente necesarios cando se está a operar con conceptos que carecen de significación precisa e unívoca no mundo do dereito, e a remisión a outras disciplinas como a arqueoloxía tampouco o resolve.
En cuarto lugar, o criterio de antigüidade, que ten o seu principio nas orixes da normativa de protección do patrimonio cultural, quedara proscrito coa aprobación da LPHE, ao asumir as disposicións emanadas da Comisión Francischini e posterior reelaboración de M. S. GIANNINI, mais semella que se volve a tempos que parecían superados, determinando o valor do ben arqueolóxico pola súa pertenza a unha época histórica determinada, con independencia doutras cuestións como a natureza do ben, así como o seu valor ou interese do propio ben.
Tal como sinala BARRERO RODRÍGUEZ18, “Equipásese valor ou interese arqueolóxico e pertenza a unha época determinada, cando está claro que un e outra non van necesariamente aparellados; así, bens procedentes das ditas etapas nas que se presume o seu valor poden carecer de todo mérito e, pola contra, outros de distintas épocas poden posuílo”. Esta cuestión pretende resolvela o lexislador cun apartado final de artigo, a xeito de cláusula de peche, onde a presunción de valor pode ser obxecto de revisión en función da situación e características do ben, e deixa a porta aberta para recoñecerlles un significativo valor arqueolóxico a aqueles bens non incluídos na relación, logo dun estudo pormenorizado.
Non obstante, esta cláusula de peche do artigo 94 introduce un mecanismo que permitirá excluír os materiais sen interese arqueolóxico. Esta expurgación pode frear a entrada nas institucións museísticas de pezas procedentes de intervencións arqueolóxicas que carecen de interese ou valor arqueolóxico que, pola ausencia de filtros legais, entraban a formar parte dos seus depósitos e, consecuentemente, do dominio público arqueolóxico.
Atendendo á definición de patrimonio arqueolóxico (art. 93 da LPCG), resulta claro que un ben se integra nel non pola simple concorrencia do requisito de que sexa susceptible de ser estudado con “método arqueolóxico”, senón porque, ademais, debe presentar valor histórico, e este extremo non está intervido administrativamente. Presúmese o interese das pezas recollidas durante a intervención arqueolóxica, pero en ningún caso están establecidos mecanismos de expurgación daquelas pezas carentes de interese, senón que isto depende exclusivamente do criterio e responsabilidade da dirección arqueolóxica. Tal como recolle BARRERO RODRÍGUEZ19, o histórico, o artístico, o arqueolóxico, científico ou técnico como elementos determinantes do carácter cultural dun ben non son termos que remitan a unha parcela da realidade de contornos ben definidos; moi ao contrario, son expresións que levan consigo na súa mesma esencia unha alta dose de intermediación e subxectivismo, o que as fai absolutamente inseparables dun xuízo concreto. Xuízo emitido no caso das intervencións arqueolóxicas co único criterio da dirección arqueolóxica da intervención, sen que exista un criterio colexiado ou controlado administrativamente. É dicir, a responsabilidade de seleccionar os obxectos e evidencias obtidas tras unha intervención arqueolóxica queda circunscrita á dirección arqueolóxica, e ao centro museístico unicamente lle corresponde estender a acta de depósito.
5 Execución de intervencións arqueolóxicas
O artigo 22 da LPHE establece que calquera remoción de terras que se proxecte nun sitio histórico ou zona arqueolóxica (ambas as dúas categorías de BIC inmobles) deberá ser autorizada pola Administración competente para a protección deses bens, que poderá, antes de outorgar a autorización, ordenar a realización de prospeccións ou escavacións arqueolóxicas. De forma similar, a derrogada Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, fixaba que a Consellería de Cultura debería ordenar a execución de intervencións arqueolóxicas onde se constatase ou presumise a existencia dun xacemento ou restos arqueolóxicos, o control arqueolóxico dos procesos de obras que poidan afectar a un espazo onde se presuma a existencia de restos arqueolóxicos, ou, no caso de intervencións arqueolóxicas en conxuntos históricos, zonas arqueolóxicas ou xacementos, cando o planeamento obrigase ou cando a consellería o determinase.
En cambio, a actual LPCG foi un paso máis alá. No artigo 96.1 e 96.2 fixa que as obras de edificación ou calquera outra actuación que implique a remoción de terras nunha zona arqueolóxica ou o seu contorno requirirá de autorización previa e a presentación dun proxecto arqueolóxico (detallado, coherente, de interese científico e con idoneidade técnica de quen asuma a dirección) e a autorización dos propietarios do terreo sempre que sexa necesaria (existen varias excepcións que están exentas de contar coas autorizacións dos propietarios). En principio, parece un avance no que se denominou arqueoloxía preventiva, pero merece dous comentarios. O primeiro é que non hai réxime de excepcionalidade. Mentres que a norma anterior apuntaba á presunción (“constate ou presuma a existencia”), agora é imperativo, haxa ou non presunción de restos arqueolóxicos. Toda actuación que leve consigo remocións de terras nunha zona arqueolóxica ou contorno requirirá forzosamente unha intervención arqueolóxica. Esta situación deixa nun segundo plano a pericia técnica e a necesidade de ditame experto da Administración cultural, dado que non caben máis designios que establecer a clase de intervención (sondaxes, control, prospección...). Segundo o noso criterio, parece pouco afortunada a redacción do precepto normativo, xa que existen excepcións onde o movemento de terras en zonas arqueolóxicas ou en contornos onde non é precisa a supervisión arqueolóxica, véxase o caso da instalación de servizos subterráneos (abastecemento, saneamento, comunicacións) nun espazo altamente degradado por actuacións previas e con informes onde se constata a inexistencia de restos arqueolóxicos, ou o selado e rexeneración dunha canteira no contorno dun ben arqueolóxico.
O segundo comentario apunta a unha posible colisión co recollido parcialmente no apartado 7 do mesmo artigo, que indica que, cando se trate de zonas arqueolóxicas ou xacementos declarados de interese cultural ou catalogados, e cando como requisito previo a consellería competente ou a figura de planeamento determinen a necesidade de presentar un proxecto de actividade arqueolóxica, o promotor deberá presentar un proxecto de actividade arqueolóxica. Tendo en conta a redacción, ábrese á capacidade de decisión ou ditame da consellería competente, e non é tan categórico como no apartado 96.1 antes citado; en cambio, non afecta a contornos, só a xacementos ou zonas arqueolóxicas. En consecuencia, o contorno, que non é o ben declarado ou catalogado, sempre quedará suxeito a unha intervención arqueolóxica, mentres o ben arqueolóxico podería evadila por criterio da consellería. Un desatino desde o noso punto de vista.
6 Os depósitos arqueolóxicos nos centros museísticos
O artigo 96.3 da LPCG fixa que na resolución da autorización das actividades arqueolóxicas deben indicarse as condicións que cómpre seguir durante a execución dos traballos, a institución museística onde deberán depositarse os materiais e o prazo para entregar a documentación escrita ou gráfica complementaria.
O primeiro decreto regulador da actividade arqueolóxica en Galicia20, previo á primeira normativa autonómica do patrimonio cultural, fixaba que os materiais arqueolóxicos, debidamente inventariados e siglados, debían ser entregados nos museos acompañados de toda a documentación escrita e gráfica que permitan un axeitado tratamento museográfico e museolóxico dos fondos. Unha fórmula similar recolleuse na primeira lei do patrimonio cultural de Galicia, especificando que os bens procedentes das actuacións arqueolóxicas autorizadas, e toda a documentación escrita e gráfica que permitise un axeitado tratamento museográfico dos fondos, deberían ser depositados nos museos que designase a Consellería de Cultura (art. 62.2 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia). Mesmo o actual decreto regulador mantén o precepto (art. 12.º.1 do Decreto 199/1997, do 10 de xuño, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia).
No entanto, na LPCG o lexislador obviou estas circunstancias, limitándose unicamente a sinalar que é preceptivo o depósito dos materiais, e que este depósito se fará atendendo a criterios de proximidade, temática, conservación, etc.
A continuación, no apartado c) do artigo 96.3, sinala que as resolucións de autorización indicarán o prazo para proceder ao depósito e á documentación escrita ou gráfica complementaria correspondente. Obviouse fixar o destino do depósito da documentación escrita ou gráfica, polo que todo indica que se refire á Administración autorizante, sendo ademais a fórmula empregada pouco acertada (“escrita ou gráfica”), xa que parece que abre a porta a entregar unha ou outra, e en ningún caso se concreta o destinatario nin tampouco se especifica a que se refire con documentación complementaria.
A información procedente das intervencións arqueolóxicas, polo menos a estratigrafía e consecuentemente o contexto deposicional dos obxectos, debe considerarse afectada polo dominio público arqueolóxico. Deben diferenciase dous tipos de información: a técnica e a interpretativa. Esta última está suxeita aos límites derivados da propiedade intelectual, mentres que a información técnica que recolle a información básica non está (ou non debera estar) suxeita a limitacións de acceso público, salvo que concorran algúns dos límites establecidos ao dereito de acceso á información pública, tal como recolle o artigo 25 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Neste sentido, albíscase un paso adiante na LPCG, concretamente no parágrafo segundo do artigo 97.3, ao sinalar que, “con independencia da autoría dos documentos –memorias, descrición de contextos, estratigrafías, etc.–, se respectarán o alcance, as reservas e os límites á propiedade intelectual que derivan do dereito de acceso aberto á información e investigación financiada con fondos públicos”. Non obstante, ese paso é insuficiente, xa que só afecta ás intervencións financiadas con fondos públicos, que porcentualmente representan unha mínima parte do total21, e, así mesmo, a concreción que o lexislador achegou á redacción do mandamento é imprecisa e necesitaría dun desenvolvemento máis detallado para aclarar qué está suxeito a propiedade intelectual e qué non.
Respecto ao depósito da información nos centros museísticos, se non se procede á entrega da documentación –escrita e gráfica– onde se reflicta o proceso de traballo seguido, a descrición do rexistro arqueolóxico xerado e os resultados globais da actuación, dificilmente se pode cumprir a función social e científica se só se depositan os obxectos mobles, pasando así o centro depositario a exercer a súa custodia, pero frústrase un dos labores principais da LPCG, a difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia de forma que sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego (art. 1.1 da LPCG), e impídese o cumprimento efectivo da función dos equipamentos museográficos a teor do estipulado nos artigos 3 e 4 da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia, que fixan entre as súas funcións a documentación, difusión, divulgación e exhibición dos seus fondos e coleccións, facilitar a interpretación do patrimonio cultural, o tratamento documental adecuado dos seus fondos, facilitar o labor investigador, etc. Dificilmente se poderá dar cumprimento a estas funcións se non se dispón da información que permita un adecuado tratamento museográfico, concretamente os datos técnicos das intervencións arqueolóxicas, como pode ser a estratigrafía ou o inventario cronocultural das pezas arqueolóxicas.
7 Detectores de metais, dereito a premio e dominio público
O artigo 101 da LPCG, relativo aos detectores de metais e outras técnicas análogas, no seu punto 5 establece que, cando se detecten “restos arqueolóxicos de calquera índole”, se suspenderá a actividade e se dará coñecemento dos feitos. No punto seguinte sinálase que os “achados” non xeran dereito a indemnización nin a premio, polo que poderiamos considerar que os achados realizados mediante detectores ou técnicas análogas non son achados arqueolóxicos casuais, xa que non foron atopados produto do azar, senón grazas ao uso de detectores de metais ou técnicas análogas que precisan unha autorización previa en determinados casos, e é por isto polo que non xeran dereito a premio ou indemnización.
No descubrimento de restos arqueolóxicos con detectores de metais ou técnicas análogas, tampouco é preciso que concorra a remoción de terras, demolicións ou obras de calquera tipo, visto que pode tratarse dun achado superficial. En consecuencia, non sería de aplicación o disposto no artigo 99.1, onde se define xuridicamente o concepto de achado casual.
Pero tampouco está meridianamente claro que un ben arqueolóxico localizado en superficie utilizando un detector de metais pase a formar parte do dominio público arqueolóxico.
Se nos cinguimos ao recollido no artigo 94.1, “pertencen ao dominio público todos os obxectos, restos materiais e evidencias arqueolóxicas que posúan os valores que son propios do patrimonio cultural de Galicia e que fosen descubertos como consecuencia de escavacións ou de calquera outro traballo arqueolóxico sistemático, de remocións de terra ou obras de calquera índole ou de forma casual”.
Poñamos un exemplo práctico: vaise realizar unha actividade con detectores de metais pero que non ten por obxectivo a localización de bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia (p. e., localización de meteoritos, estudo de concentración de metais pesados en determinadas áreas ou recuperación de anelado de aves), pero dentro da ampla zona de estudo prevista atópase un xacemento arqueolóxico, polo que é preciso contar coa autorización da Administración competente en materia de patrimonio cultural. Unha vez autorizado, empézanse os traballos e localízase superficialmente un áureo (moeda romana) fóra dunha zona arqueolóxica. Está claro que o áureo ten a consideración de “ben arqueolóxico”, pero non foi descuberto como consecuencia de ningunha escavación ou outro traballo arqueolóxico sistemático, xa que o uso de detectores de metais non está limitado ao ámbito arqueolóxico, non está considerado especificamente como unha clase de actividade arqueolóxica (art. 95, Clases de actividades arqueolóxicas) e queda á marxe da regulación que establece a lei no seu artigo 96, relativo á autorización para a realización de actividades arqueolóxicas (o uso de detectores de metais e outras técnicas análogas está recollido no artigo 101 e noutra sección distinta do capítulo relativo ao patrimonio arqueolóxico). Como xa sinalamos, trátase dun descubrimento superficial sen remoción de terras, e tampouco concorren as condicións para clasificar a actividade como unha obra, e tampouco se trata dunha circunstancia azarosa, senón dunha acción premeditada na que o obxectivo é a identificación e recuperación de elementos metálicos, e está suxeita a control administrativo. O concurso destas circunstancias ou similares abre a porta a que determinados descubrimentos queden fóra do concepto xurídico de achado casual e da consideración de dominio público.
8 Outras imprecisións terminolóxicas e conceptuais
Neste apartado facemos un percorrido por varios dos artigos do capítulo IV do título VII da LPCG, dedicado ao patrimonio arqueolóxico, analizando algunhas cuestións terminolóxicas e as implicacións que derivan diso. Ao longo do articulado alúdese ao patrimonio arqueolóxico utilizando distintas expresións: obxectos, restos materiais, bens, evidencias... Realmente, existen diferenzas entre estas denominacións?
O artigo 93 define o concepto de patrimonio arqueolóxico como os “bens” do patrimonio cultural de Galicia de interese histórico, tanto mobles como inmobles. En cambio, se analizamos o dominio público arqueolóxico recollido no artigo 94.1, observamos unha tripla diferenciación: “pertencen ao dominio público os obxectos, restos materiais e evidencias arqueolóxicas”. Mentres, no apartado 3 do mesmo artigo, dedicado á presunción de valores arqueolóxicos a determinados períodos cronolóxicos e manifestacións culturais, úsase o termo “restos”. E no apartado 4 sinálase que a presunción de valor pode ser obxecto de revisión en función da situación e características do “ben”. Podemos concluír entón que “ben” e “restos” son equiparables ou mesmo sinónimos, pero entón a que aluden os termos obxectos e evidencias arqueolóxicas?, trátase doutras categorías?
O artigo 95 está referido a distinguir e clasificar as diferentes actividades arqueolóxicas consideradas na lei e que precisarán autorización para a súa execución. A primeira actividade arqueolóxica definida é a prospección dirixida ao estudo e investigación para a detección de restos históricos e os compoñentes ambientais relacionados con estes. Como podemos observar, menciónase expresamente “restos históricos” e “compoñentes ambientais”. Esta nova categoría de “compoñentes ambientais” forma parte do dominio público arqueolóxico?, é asimilable “obxectos” ou “evidencias arqueolóxicas” con “compoñentes ambientais”?
Os restos materiais de orde cultural non son os únicos vestixios da actividade humana, e a explotación do territorio ao longo da historia polas distintas comunidades ou grupos humanos xerou impactos directos e indirectos sobre o medio que deixan pegada en determinados rexistros ou arquivos paleoambientais22. Polo tanto, poderiamos considerar que os compoñentes ambientais forman parte das evidencias arqueolóxicas, xa que ademais permiten a reconstrución de sucesos pretéritos23.
No artigo 95.b), ao definir xuridicamente a sondaxe arqueolóxica como aquela actividade encamiñada a comprobar a existencia de “restos arqueolóxicos” ou a recoñecer a súa estratigrafía, podemos entón considerar a “estratigrafía” como un obxecto ou evidencia arqueolóxica? Resulta evidentemente claro que a estratigrafía é unha evidencia clara, manifesta e tan perceptible que racionalmente non cabe dúbida. A noción estratigrafía apareceu de xeito temperán, aínda que sería a publicación da obra Principles of Geology de sir Charles Lyell en 1830 a que consolidou a súa aprendizaxe e permitiu o desenvolvemento dunha verdadeira disciplina24 que se converterá nos alicerces sobre os que se levanta a arqueoloxía. Esta dedución é de sumo interese, xa que, se a estratigrafía25 é unha evidencia arqueolóxica, pasa a ter a consideración de dominio público arqueolóxico e, consecuentemente, debería configurarse como un documento afectado pola mesma demanialidade ope legis que afecta ás pezas arqueolóxicas, como unha prolongación do proceso legal de protección do xacemento arqueolóxico como fonte de información científica26.
O apartado c) do artigo en estudo non achega novidade sobre o xa comentado con anterioridade; non obstante, o apartado d) introduce un novo concepto, como é “soporte” para ocuparse daquel elemento que alberga ou acolle os motivos que conforman parte da arte rupestre. Tampouco parece moi desacertado considerar o “soporte” como un “obxecto” e, polo tanto, tamén dentro do considerado dominio público arqueolóxico.
Outra cuestión é fixar a noción de arte rupestre, que non é tarefa doada. Desde o punto de vista da configuración xurídica de arte rupestre, remítenos ás pinturas que foron as primeiras en entrar a formar parte do Tesouro Artístico Nacional grazas ao Real decreto-lei do 8 de agosto de 192627, e posteriormente pasarían a formar parte os gravados rupestres cuxo máximo fito foi a declaración como monumentos histórico-artísticos de carácter nacional os gravados rupestres existentes na provincia de Pontevedra en 197228. A pesar diso, baixo a denominación de arte rupestre teñen cabida manifestacións como a arte paleolítica, arte esquemática, arte megalítica ou a arte rupestre atlántica ou galaica. No entanto, existen outras manifestacións realizadas sobre un soporte pétreo que albergan signos e símbolos, ás veces de distintas cronoloxías, como poden ser mesturados con outros gravados máis antigos, xerando un palimpsesto como son signos lapidarios ou glípticas medievais, ou mesmo elementos usados para fixar deslindes de coutos e xurisdicións antigas que, en ocasións, presentan unha extremada complexidade compositiva e que xeran dúbidas sobre o seu tratamento xurídico baixo o prisma do patrimonio cultural.
Retomando a análise do artigo 95 da LPCG, no apartado e) fíxase o interese sobre o espazo de posible interese arqueolóxico, o que mantén certa sintonía coa definición do artigo 10 relativo a xacemento ou zona arqueolóxica como o lugar en que existen evidencias mobles ou inmobles. Máis adiante, neste mesmo apartado, faise unha equivalencia entre “evidencias” e “elementos de interese arqueolóxico”.
Para pechar a análise do artigo 95, algunhas das clases de actividade arqueolóxica reguladas son a conservación, consolidación e restauración, entendidas como as intervencións en xacementos encamiñadas a favorecer a súa conservación, e preservación para permitir o seu desfrute e acceso público e facilitar a súa comprensión e uso social. O precepto deixa claro que a conservación, consolidación e restauración son accións que unicamente atinxen a xacementos arqueolóxicos; entón, aqueles elementos mobles ou obxectos que sexan sometidos a labores de conservación, consolidación e restauración non teñen cabida neste apartado e consecuentemente non terían a consideración de actividade arqueolóxica. Certo é que o último apartado do artigo 95 sinala que se entende como actividade arqueolóxica a manipulación con técnicas agresivas de materiais arqueolóxicos.
Chegados a este punto, xorde outra dificultade interpretativa: ten a conservación, consolidación e restauración de bens mobles a consideración de técnicas agresivas? Se nos atemos ao texto normativo, podemos comprobar como diferencia dun lado entre conservación, consolidación e restauración dos xacementos arqueolóxicos, e, do outro, as técnicas agresivas sobre materiais arqueolóxicos. Polo tanto, poderiamos concluír que se trata de cuestións diferentes, é dicir, as accións de consolidación ou restauración dunha cerámica non estarían suxeitas a autorización, xa que, se así fose, o lexislador debera ter incluído, á par que os xacementos arqueolóxicos, os obxectos. Non obstante, a tradición normativa e a praxe procedemental indican que o lexislador quixo diferenciar entre bens inmobles (xacementos arqueolóxicos) e mobles (obxectos). E, sendo así, chegamos a outra correspondencia semántica ou conceptual onde “materiais arqueolóxicos” equivale a “bens mobles”.
O artigo 96.3.b) sinala que as resolucións polas que se conceda autorización deberán indicar en que centro museístico autorizado deberán depositarse os “materiais” e a continuación sinala que, á hora de fixar o centro depositario, “se terá en conta a relación dos ditos obxectos coa temática...”. Como podemos observar, materiais e obxectos fan alusión a unha mesma realidade.
Retomando a análise semántica dos termos utilizados para referirse, global ou parcialmente, ao patrimonio arqueolóxico, no capítulo IV do título VII da LPCG, detectamos outra singularidade digna de mención. No artigo 96.6 establécese que, ante a revogación dun permiso de intervención arqueolóxica, non se exonera o titular ou entidade autorizada do deber de conservar o xacemento ou os vestixios atopados e da obriga de entregar os “achados” e a “documentación de toda índole” xerada pola actividade arqueolóxica. Resulta máis que complexo no plano teórico poder identificar unha entidade que poida ser beneficiaria dunha autorización, sobre todo porque dificilmente podería dar cumprimento ao disposto no artigo 97, relativo ás responsabilidades na dirección das actividades arqueolóxicas, ou o artigo 5.º do Decreto 199/1997, referido aos solicitantes de autorización para dirixir e realizar actividades arqueolóxicas, que deben posuír título superior con estudos en prehistoria e arqueoloxía.
Outra anomalía que presenta o citado precepto é a obrigatoriedade, unha vez revogada a autorización, de conservación do xacemento e dos vestixios atopados, que, polo menos en relación coa conservación do xacemento, sería inexecutable. Tampouco é afortunada a redacción relativa á entrega da “documentación de toda índole xerada pola actividade arqueolóxica”, dado que podería entenderse que englobaría documentación estritamente de interese arqueolóxico, como podería ser o plan de seguridade e saúde ou documentación relacionadas coa actividade laboral do equipo arqueolóxico.
Seguindo coa nosa análise terminolóxica, atopámonos con que o artigo 97, no apartado 1, letra c), menciona que é responsable da dirección dos traballos arqueolóxicos “entregar os obxectos e evidencias obtidos, debidamente inventariados”, no centro museístico designado, e, mentres os “obxectos non sexan entregados, seranlle de aplicación á persoa titular da autorización as normas de depósito legal”. Convén sinalar que o depósito legal só se predica para os obxectos e non así para as evidencias29. Na letra d) do mesmo apartado sinálase a obriga de “entregar unha memoria de carácter técnico, científica ou interpretativa, coa descrición do contexto, estratigrafía, estruturas e materiais e o seu estado de conservación”.
Esta prescrición está aberta a novos problemas interpretativos; por unha parte, a memoria científica ou interpretativa é un único documento ou estase a diferenciar entre dous tipos? Se nos cinguimos ao recollido no decreto regulador da actividade arqueolóxica30, unicamente diferencia entre memoria técnica e interpretativa, polo que non está definida xuridicamente a memoria científica, e vólvese máis ambigua ao abeiro do artigo 97.3 da LPCG, que fixa como preceptiva a entrega por parte do promotor dunha memoria técnica científica nas actuacións arqueolóxicas derivadas de procesos construtivos. Por outra banda, podemos observar como se conceptúa de xeito distinto a documentación que é preceptiva de entrega, entrando en colisión co artigo 96.3.b), que menciona a preceptiva entrega de documentación complementaria escrita ou gráfica sen precisar o destinatario dese depósito.
A sección 2.ª do capítulo IV, dedicada ao patrimonio arqueolóxico, ocúpase de regular os achados casuais, establecendo o apartado 1 do artigo 99 que “se considerarán achados os descubrimento de obxectos e restos materiais que, ademais de posuíren os valores que son propios do patrimonio arqueolóxico de Galicia, se producisen por azar, como consecuencia de remocións de terras, demolicións e obras de calquera tipo”. Así, resulta que podemos diferenciar dous tipos de achados: os que afectan aos obxectos e os que se refiren a restos materiais. Nesta distinción entre restos materiais e obxectos intúese que o lexislador quixo distinguir entre bens mobles (obxectos) e bens inmobles (restos materiais).
O último apartado do artigo 99 exclúe do dereito a premio: “as estruturas e restos atopados ou localizados que teñan a consideración de bens inmobles conforme o determinado nesta lei, ou integrantes do patrimonio cultural subacuático, así como aqueles encontrados no ámbito de zonas arqueolóxicas, non xerarán dereito a premio”. Noutras palabras, podemos asumir que se están a empregar distintas denominacións para os bens inmobles: restos materiais, estruturas ou restos. Se a apreciación é correcta, exclúese do dereito a premio os restos inmobles, pero non así os mobles; é dicir, xorde a posibilidade de localizar restos mobles en zonas arqueolóxicas como consecuencia do azar e suxeitas a premio.
Recapitulando, fixemos un repaso dalgúns dos conceptos usados no capítulo IV relativo ao patrimonio arqueolóxico do título VII da LPCG, e podemos advertir que existe un abuso metonímico para referirse ao patrimonio arqueolóxico, tanto moble como inmoble, impropio dunha norma xurídica que demanda precisión, e recórrese a numerosos termos que non teñen referendo en categorías formais da lei.
9 Conclusións
1) Analizouse parcialmente o capítulo IV do título VII relativo ao patrimonio arqueolóxico, aflorando unha serie de conceptos e termos ambiguos que poden xerar problemas tanto no eido xurídico como na práctica arqueolóxica, ao optar por solucións que non ofrecen unha definición clara e precisa no ámbito arqueolóxico e que tampouco están definidas como categorías xurídicas.
Úsanse conceptos indeterminados que operan á marxe do dereito e que non son unívocos no ámbito arqueolóxico. A disparidade de termos empregados para distinguir entre bens mobles e inmobles de interese arqueolóxico xera confusión e pon de manifesto a existencia de pequenos matices que rebaixan a calidade lexislativa da norma. Así mesmo, a redacción dos preceptos resulta pouco coidada e escasa de rigor, o que augura unha escasa efectividade da norma e unha mingua da tutela xurídica sobre os bens arqueolóxicos.
2) A norma opera coa presunción de valor arqueolóxico, inexacta desde o noso punto de vista, de que todos os bens pertencentes a unha época determinada posúen valor cultural, ou polo menos os suficientes para determinar a súa protección e conservación, pero exclúe determinadas épocas ou tipos de bens de extraordinario valor cultural. En suma, ese reforzo da presunción do valor de determinados elementos por pertenceren a unha cronoloxía determinada non nos parece o tratamento axeitado, e apártase do criterio estritamente arqueolóxico inaugurado coa LPHE e seguido ata a aprobación da nova LPCG. Non obstante, podería ser un primeiro paso para establecer un mecanismo de expurgación daqueles bens que carecen de valor ou interese suficientes e acaban depositados nos centros museísticos ante a falta de intervencionismo administrativo.
3) A potestade para requirir a execución de actuacións arqueolóxicas entra en colisión e xera incoherencias, reducindo a pericia técnica e a capacidade discrecional da Administración na emisión de xuízo para fundamentar a exención ou necesidade de realizar actividades arqueolóxicas naqueles ámbitos onde as súas características ou as condicións poñan en evidencia o nulo interese arqueolóxico da actuación.
4) A introdución da regulación do uso de detectores de metais e técnicas análogas debe considerarse como unha medida preventiva que garanta que esta actividade ilícita non acabe campando ás súas anchas en Galicia. Pódese cualificar a iniciativa como sensata e previsora, aínda que cabe destacar que a redacción do precepto é un pouco difusa e pouco determinante, xerando situacións de sombras que poden ser aproveitadas como cobertura legal para actividades ilícitas.
Bibliografía
AMOEDO SOUTO, C.A., “El Derecho del Patrimonio Histórico en Galicia. La Ley 5/2016, de protección del patrimonio cultural de Galicia, cuatro años después: balance de situación”, Patrimonio Cultural y Derecho, n. 24, 2020.
BARCELÓ, J.A. e ANDREAKI, V., “Métodos cronométricos en arqueología, prehistoria y paleontología”, Barceló, J.A. e Morell, B. (eds.), Métodos cronométricos en arqueología, prehistoria y paleontología, Dextra Editorial, Madrid, 2020.
BARCELONA LLOP, J. e CISNEROS CUNCHILLOS, M., Vestigios y palabras. Arqueología y Derecho del patrimonio arqueológico, Ediciones Universidad de Cantabria, Santander, 2016.
BARREIRO, D. e VARELA-POUSA, R., “La nueva ley de patrimonio cultural de Galicia: una lectura crítica”, Nailos, n. 4, 2017. Acceso web: http://nailos.org/nailos-4-2017-art-5/ (Consultado o 15 de novembro de 2021).
BARRERO RODRÍGUEZ, C., La ordenación jurídica del patrimonio histórico, Civitas, Madrid, 1990.
CARANDINI, A., Historias en la tierra. Manual de excavación arqueológica, Crítica, Barcelona, 1997.
CRIADO BOADO, F., Arqueológicas. La razón perdida, Ediciones Bellaterra, Barcelona, 2012.
FÁBREGAS VALCARCE, R., Los petroglifos y su contexto: un ejemplo de la Galicia meridional, Instituto de Estudios Vigueses, Vigo, 2001.
FÁBREGAS VALCARCE, R. e DE LOMBERA HERMIDA, A., “A descoberta da presenza humana no noroeste”, Dopico Caínzos, M.D. e Villanueva Acuña, M. (eds.), A Prehistoria en Lugo á luz das descobertas recentes, Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, Lugo, 2011.
FÁBREGAS VALCARCE, R. e VILASECO, X.I., “En torno al megalitismo gallego”, Carrera Ramírez, F. e Fábregas Valcarce, R. (eds.), Arte parietal megalítico en el noroeste peninsular. Conocimiento y conservación, Tórculo Edicións, S.L., Santiago de Compostela, 2006.
FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, V.M., Teoría y método de la arqueología, Editorial Síntesis, Madrid, 2000.
GARCÍA CALDERÓN, J.M., La defensa penal del patrimonio arqueológico, Dykinson, Madrid, 2016.
HARRIS, E.C., Principios de la estratigrafía arqueológica, Editorial Crítica, Barcelona, 1991.
JUNYENT, E., LÓPEZ, J.B. e OLIVER, A., “Estratègia, anàlisi estratigráfica u registre en l’arqueologia lleidatana dels 80. La Harris Matrix”, Trócoli, I. e Sospedra, R. (eds.), Harris Matrix. Sistemes de registre en arqueología, Pagès Editors, Lleida, 1992.
MARTÍNEZ LÓPEZ, M.ªC. (coord.), Contribución a un sistema de registro de yacimientos arqueológicos en Galicia, Grupo de Investigación en Arqueoloxía da Paisaxe, Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, 1997. Acceso web: https://digital.csic.es/handle/10261/5714 (Consultado o 13 de novembro de 2021).
MARTÍNEZ NAVARRETE, M.ªI., Una revisión crítica de la Prehistoria española: la Edad del Bronce como paradigma, Siglo XXI, Madrid, 1989.
MARTÍN RUIZ, J.M., “Acerca de la relación entre teoría y práctica en la arqueología «de urgencia»”, Martín Ruiz, J.M., Martín Ruiz, J.A. e Sánchez Bandera, P.J. (eds.), Arqueología a la carta. Relaciones entre teoría y método en la práctica arqueológica, Centro de Ediciones de Diputación de Málaga, Málaga, 1997.
NÚÑEZ SÁNCHEZ, A.M., “El expolio arqueológico y si tratamiento penal”, Revista del Ministerio Fiscal, n. 5, 2018. Acceso web: https://cpage.mpr.gob.es/producto/revista-del-ministerio-fiscal-8/ (Consultado o 13 de novembro de 2021).
PARCERO OUBIÑA, C., MÉNDEZ FERNÁNDEZ, F. e BLANCO ROTEA, R., El registro de la información en intervenciones arqueológicas, Laboratorio de Arqueoloxía e Formas Culturais, Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, 1999. Acceso web: http://hdl.handle.net/10261/5651 (Consultado o 3 de outubro de 2021).
ROSKAMS, S., Teoría y práctica de la excavación, Editorial Crítica, Barcelona, 2003.
TRIGGER, B.G., Historia del pensamiento arqueológico, Editorial Crítica, Barcelona, 1992.
URTEAGA, M. e RETUERCE, M., “Las excavaciones en la fortaleza de Gomaz (Soria) y la introducción en España del Harris Matrix System”, Fernández Ibáñez, C. (ed.), Al-Kitâb, Juan Zozaya Stabel-Hansen, Asociación Española de Arqueología Medieval, Madrid, 2019.
1 AMOEDO SOUTO, C.A., “El Derecho del Patrimonio Histórico en Galicia. La Ley 5/2016, de protección del patrimonio cultural de Galicia, cuatro años después: balance de situación”, Patrimonio Cultural y Derecho, n. 24, 2020.
2 NÚÑEZ SÁNCHEZ, A.M., “El expolio arqueológico y si tratamiento penal”, Revista del Ministerio Fiscal, n. 5, 2018. Acceso web: https://cpage.mpr.gob.es/producto/revista-del-ministerio-fiscal-8/ (Consultado o 13 de novembro de 2021).
3 BARREIRO, D. e VARELA-POUSA, R., “La nueva ley de patrimonio cultural de Galicia: una lectura crítica”, Nailos, n. 4, 2017. Acceso web: http://nailos.org/nailos-4-2017-art-5/ (Consultado o 15 de novembro de 2021).
4 BARCELONA LLOP, J. e CISNEROS CUNCHILLOS, M., Vestigios y palabras. Arqueología y Derecho del patrimonio arqueológico, Ediciones Universidad de Cantabria, Santander, 2016, p. 269; NÚÑEZ SÁNCHEZ, A.M., “El expolio arqueológico y si tratamiento penal”, cit., p. 59.
5 MARTÍNEZ NAVARRETE, M.ªI., Una revisión crítica de la Prehistoria española: la Edad del Bronce como paradigma, Siglo XXI, Madrid, 1989, a partir de MARTÍN RUIZ, J.M., “Acerca de la relación entre teoría y práctica en la arqueología «de urgencia»”, Martín Ruiz, J.M., Martín Ruiz, J.A. e Sánchez Bandera, P.J. (eds.), Arqueología a la carta. Relaciones entre teoría y método en la práctica arqueológica, Centro de Ediciones de Diputación de Málaga, Málaga, 1997, p. 158.
6 TRIGGER, B.G., Historia del pensamiento arqueológico, Editorial Crítica, Barcelona, 1992, pp. 29-35.
7 CRIADO BOADO, F., Arqueológicas. La razón perdida, Ediciones Bellaterra, Barcelona, 2012, p. 40.
8 MARTÍNEZ LÓPEZ, M.ªC. (coord.), Contribución a un sistema de registro de yacimientos arqueológicos en Galicia, Grupo de Investigación en Arqueoloxía da Paisaxe, Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, 1997, pp. 7-8. Acceso web: https://digital.csic.es/handle/10261/5714 (Consultado o 13 de novembro de 2021).
9 MARTÍNEZ LÓPEZ, M.ªC. (coord.), Contribución a un sistema de registro de yacimientos arqueológicos en Galicia, cit., p. 19.
10 MARTÍNEZ LÓPEZ, M.ªC. (coord.), Contribución a un sistema de registro de yacimientos arqueológicos en Galicia, cit., p. 21.
11 MARTÍNEZ LÓPEZ, M.ªC. (coord.), Contribución a un sistema de registro de yacimientos arqueológicos en Galicia, cit., p. 21.
12 FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, V.M., Teoría y método de la arqueología, Editorial Síntesis, Madrid, 2000, p. 43.
13 JUNYENT, E., LÓPEZ, J.B. e OLIVER, A., “Estratègia, anàlisi estratigráfica u registre en l’arqueologia lleidatana dels 80. La Harris Matrix”, Trócoli, I. e Sospedra, R. (eds.), Harris Matrix. Sistemes de registre en arqueología, Pagès Editors, Lleida, 1992, pp. 185-186; URTEAGA, M. e RETUERCE, M., “Las excavaciones en la fortaleza de Gomaz (Soria) y la introducción en España del Harris Matrix System”, Fernández Ibáñez, C. (ed.), Al-Kitâb, Juan Zozaya Stabel-Hansen, Asociación Española de Arqueología Medieval, Madrid, 2019, p. 140.
14 BARRERO RODRÍGUEZ, C., La ordenación jurídica del patrimonio histórico, Civitas, Madrid, 1990, p. 574.
15 CARANDINI, A., Historias en la tierra. Manual de excavación arqueológica, Crítica, Barcelona, 1997, p. 19.
16 FÁBREGAS VALCARCE, R. e DE LOMBERA HERMIDA, A., “A descoberta da presenza humana no noroeste”, Dopico Caínzos, M.D. e Villanueva Acuña, M. (eds.), A Prehistoria en Lugo á luz das descobertas recentes, Servizo de Publicacións Deputación de Lugo, Lugo, 2011, p. 77.
17 FÁBREGAS VALCARCE, R. e VILASECO, X.I., “En torno al megalitismo gallego”, Carrera Ramírez, F. e Fábregas Valcarce, R. (eds.), Arte parietal megalítico en el noroeste peninsular. Conocimiento y conservación, Tórculo Edicións, S.L., Santiago de Compostela, 2006, p. 14.
18 BARRERO RODRÍGUEZ, C., La ordenación jurídica del patrimonio histórico, cit., p. 36.
19 BARRERO RODRÍGUEZ, C., La ordenación jurídica del patrimonio histórico, cit., p. 295.
20 Decreto 62/1989, do 31 de marzo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG 86, do 5 de maio de 1989).
21 Aínda que seguramente sexan as máis relevantes pola información achegada.
22 FÁBREGAS VALCARCE, R., Los petroglifos y su contexto: un ejemplo de la Galicia meridional, Instituto de Estudios Vigueses, Vigo, 2001, pp. 13-14.
23 BARCELÓ, J.A. e ANDREAKI, V., “Métodos cronométricos en arqueología, prehistoria y paleontología”, Barceló, J.A. e Morell, B. (eds.), Métodos cronométricos en arqueología, prehistoria y paleontología, Dextra Editorial, Madrid, 2020, p. 182.
24 ROSKAMS, S., Teoría y práctica de la excavación, Editorial Crítica, Barcelona, 2003, p. 30.
25 Debe diferenciarse estratigrafía de estratificación. A estratigrafía é o produto da interpretación da estratificación dun xacemento (HARRIS, E.C., Principios de la estratigrafía arqueológica, Editorial Crítica, Barcelona, 1991, p. 60).
26 GARCÍA CALDERÓN, J.M., La defensa penal del patrimonio arqueológico, Dykinson, Madrid, 2016, p. 121.
27 Real decreto-lei relativo ao tesouro artístico arqueolóxico nacional (Gaceta de Madrid, n. 227, do 15 de agosto de 1926).
28 O Decreto 3741/1974, do 20 de decembro, polo que se declaran monumentos histórico-artísticos de carácter nacional os gravados rupestres existentes na provincia de Pontevedra (BOE n. 59, do 10 de marzo de 1975), un total de 195 gravados en distintos concellos pontevedreses.
29 Do mesmo xeito, a literalidade do artigo 97.3, cando se refire a que será o promotor quen deberá presentar, en caso de tratarse dun proceso construtivo, a «memoria técnica científica dos traballos desenvolvidos, subscrita por quen asuma a dirección, acompañada dun inventario detallado dos materiais e evidencias atopados e a acta de entrega dos citados materiais ao museo, entidade, institución ou centro designado pola administración competente» por este motivo, a acta de depósito só afecta aos materiais e non ás evidencias.
30 Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.