Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 63_xaneiro-xuño 2022 | pp. 133-136

Santiago de Compostela, 2022

https://doi.org/10.36402/regap.v1i63.4910

© María Dolores Fernández Uceda

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 18/02/2022 | Aceptado: 14/07/2022

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

Todo sobre el contrato menor

María Dolores Fernández Uceda

Licenciada en Dereito. Avogada en exercicio

loluceda@hotmail.com

PINTOS SANTIAGO, J. (dir.): Todo sobre el contrato menor, 2.ª ed., Editorial El Consultor de los Ayuntamientos, Wolters Kluwer-La Ley, Madrid, 2020, 400 pp. ISBN: 978-84-7052-823-1. ISBN Dixital: 978-84-7052-824-8.


Cando o profesor Jaime PINTOS SANTIAGO me preguntou cal das súas publicacións quería que me regalase, sen dúbida elixín Todo sobre el contrato menor, dirixida e coescrita por el e editada por El Consultor de los Ayuntamientos, de Wolters Kluwer.

Aínda que de lectura recomendable para todos os profesionais da contratación pública, o manual pretende ser unha ferramenta práctica de traballo para os órganos de contratación locais, os máis próximos ao cidadán, facilitando a toma diaria de decisións mediante o uso dunha figura contractual que, malia os cambios introducidos pola LCSP de 2017, non deixou de ser controvertida.

O libro recompila toda a información sobre o contrato menor, desde os seus antecedentes normativos ata a súa regulación actual, a súa tramitación e fiscalización, as particularidades do seu réxime xurídico respecto a municipios de menos de 5.000 habitantes, e os distintos pronunciamentos interpretativos xurdidos desde a súa nova regulación, concluíndo cun completo e útil protocolo para a súa aplicación, xestión e control.

Redactado por autores con experiencia no ámbito da contratación pública, o manual consta de oito capítulos, con cita de extensa bibliografía doutrinal e xurisprudencial, e conclúe cunha recompilación de informes e recomendacións das xuntas consultivas de contratación pública estatal e autonómicas. A súa estrutura ten o seguinte contido:


CAPÍTULO I. Exordio ao contrato menor e cuestións dispares sobre este. Coautores: Jaime Pintos Santiago e Julián de la Morena López, exdirector da Unidade de Contratación da Universidade de Castela-A Mancha.


CAPÍTULO II. Os cambios na contratación menor introducidos polo Real decreto 3/2020, do 4 de febreiro. Autor: Antonio Villanueva Cuevas. Prof. contratado doutor interino (TU acreditado) Universidade de Castela-A Mancha.


CAPÍTULO III. Sobre a necesidade dunha interpretación unánime e un uso eficiente do contrato menor. Autora: Beatriz Vázquez Fernández. Técnica da Administración xeral no Concello de Langreo.


CAPÍTULO IV. Os contratos menores nas entidades locais inferiores a 5.000 habitantes. Autor: Vicente Furió Durán. Técnico de Administración en contratación pública local.


CAPÍTULO V. O contrato menor e as súas distintas modalidades especiais. Autora: María de la Paz Garcés Carbonell. Xefa do Servizo da Área de Asistencia Técnica das Cortes Valencianas.


CAPÍTULO VI. O aínda incerto futuro do contrato menor. Autora: Julia M.ª Pérez de Llano. Técnica xurídica no Consorcio da Zona Franca de Vigo.


CAPÍTULO VII. Un procedemento de utilización marxinal e esporádica e como solución os sistemas de racionalización técnica. Autor: Juan Manuel Martínez Melero. Avogado. Asesor xurídico no Servizo de Saúde de Castela-A Mancha (SESCAM).


CAPÍTULO VIII. Protocolo de tramitación de contratos menores. Autor: Jaime Pintos Santiago.


Aínda que o contrato menor deu lugar a unha prolixa literatura arredor da súa figura, estamos ante o primeiro manual que en España se dedicou a tratar de forma integral este tipo de contrato, facilitando mesmo unha ferramenta para a súa aplicación, xestión e control. Non outra conclusión pode extraerse do seu contido, que repaso brevemente a continuación.

O capítulo I, que completa a súa ilustración con dúas táboas comparativas, unha entre a regulación contida na LCSP de 2017 e a normativa precedente, e outra entre as dúas principais correntes interpretativas sobre a aplicación do artigo 118 da LCSP de 2017, inclúe referencias á doutrina vinculante sobre a correcta interpretación dos contratos menores, á desaparición do límite anual por contratista, á necesidade de informe de insuficiencia de medios nos contratos menores de servizos, á contratación conxunta de elaboración de proxecto e execución das obras mediante contrato menor, aos contratos menores de Ciencia, Tecnoloxía, Innovación e Universidade, á posibilidade de modificación dos contratos menores, e aos cambios operados no contrato menor polo Real decreto-lei 8/2020 , do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19.

O capítulo II aborda os cambios operados na regulación do contrato menor contida no artigo 118 da LCSP de 2017 polo Real decreto-lei 3/2020, do 4 de febreiro, de medidas urxentes polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español diversas directivas da Unión Europea no eido da contratación pública en determinados sectores; de seguros privados; de plans e fondos de pensións; do ámbito tributario e de litixios fiscais.

O capítulo III, cunha intensa e extensa análise das diferentes interpretacións do artigo 118 da LCSP de 2017 por parte das diferentes xuntas consultivas, expón a utilización abusiva do contrato menor e formula a necesidade dun uso racional deste, así como dun criterio interpretativo arredor da súa figura.

O capítulo IV, con referencia aos antecedentes lexislativos dos contratos menores e á influencia do dereito comunitario na contratación pública, dedícase a tratar con detalle as especialidades dos contratos menores nas entidades locais de menos de 5.000 habitantes, chamando a atención sobre a súa utilidade como ferramenta de xestión, e dedicando un apartado específico á fiscalización do contrato menor na Administración local.

O capítulo V analiza o contrato menor, aludindo ao seu carácter formal e ás exixencias de transparencia, así como catro modalidades de contratos menores: os contratos de servizos sanitarios de urxencia de importe inferior a 30.000 euros, o réxime de contratación para actividades docentes, a contratación de acceso a bases de datos e subscricións a publicacións e os contratos asinados polos axentes públicos do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación. Ademais, introduce unha interesante visión do procedemento aberto “supersimplificado” como alternativa ao contrato menor.

Esta última alternativa ao contrato menor tamén é obxecto de análise no capítulo VI, que destaca o carácter aínda incerto da figura do contrato menor, con mención dos seus antecedentes lexislativos e o histórico uso abusivo deste mediante o fraccionamento do obxecto do contrato ou o encadeamento de contratos menores sucesivos, e analiza a posibilidade de aplicar o réxime dos contratos menores das administracións públicas aos poderes adxudicadores non Administración pública (PANAP).

O capítulo VII, cunha perspectiva histórica do contrato menor en España, pregúntase de onde vimos e cara a onde imos, e relaciónao con outros procedementos de contratación, así como coas figuras de racionalización técnica da contratación: o acordo marco e os sistemas dinámicos de adquisición.

O capítulo VIII regálanos unha ferramenta de tramitación de contratos menores, o que vén ser outro elemento de diferenciación desta obra, pois inclúe nun só manual tanto o estudo da figura do contrato menor como as instrucións para a súa posta en práctica, con detalle da documentación a incorporar no expediente do contrato menor, a súa tramitación, facturación e pagamento, así como a preceptiva publicación de información no perfil do contratante.

Por último, o libro complétase con toda a recompilación dos informes que, en relación co contrato menor, emitiron desde a entrada en vigor da LCSP de 2017 ata a data de edición a Xunta Consultiva de Contratación Pública do Estado, así como as de Andalucía, Aragón Canarias, Cataluña, Estremadura, Galicia, Madrid, País Vasco e Valencia.

A utilidade do contrato menor como ferramenta de xestión queda, sen ningún xénero de dúbida, posta de manifesto neste manual que, como acertadamente expresa o director da obra na súa presentación, inclúe “todo o que hai que saber sobre o contrato menor co fin de facer unha aplicación planificada, intelixente, estratéxica, íntegra e de calidade desta figura”.

Por todo o exposto, non podo menos que recomendarlles a súa lectura a xestores públicos, profesionais da contratación pública e académicos. Reflexionemos todos, como nos invitan a facer os seus redactores, sobre de onde vimos e a onde queremos ir co contrato menor. Afastemos a súa conceptualización como un instrumento de fraude na contratación pública e pensemos en utilizalo como unha ferramenta ao servizo da eficiencia, sempre dentro dunha perspectiva de integridade e estratexia na contratación pública.