Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 63_xaneiro-xuño 2022 | pp. 137-139

Santiago de Compostela, 2022

https://doi.org/10.36402/regap.v1i63.4913

© Antonio Villanueva Cuevas

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 21/02/2022 | Aceptado: 14/07/2022

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

Los contratos administrativos y su aplicación: Obras, suministros, servicios y concesiones de obra y servicios

Antonio Villanueva Cuevas

Profesor titular de Dereito Administrativo

Universidade de Castela-A Mancha

https://orcid.org/0000-0003-4923-3705

antonio.villanueva@uclm.es

MORENO MOLINA, J.A. e PINTOS SANTIAGO, J.: Los contratos administrativos y su aplicación: Obras, suministros, servicios y concesiones de obra y servicios, El Consultor de los Ayuntamientos, Editorial Wolters Kluwer, Madrid, 2018, 277 pp. ISBN: 978-84-7052-779-1.


A obra que nos presentan o catedrático José Antonio MORENO MOLINA e o avogado e consultor Jaime PINTOS SANTIAGO sobre os contratos administrativos e a súa aplicación supón un manual esencial acerca da regulación xurídica dos contratos do sector público que foi implementada en España pola Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, constituíndo unha guía absolutamente necesaria que lles facilita a todos os operadores xurídicos a comprensión dun eido do dereito administrativo especialmente complicado.

Os dous autores, como expertos cunha gran traxectoria investigadora e profesional nese ámbito, elaboraron un estudo exhaustivo de todos os contratos regulados na citada lei, indo máis alá da mera descrición da normativa desta, para explicar un novo sistema de contratación pública que supera as deficiencias da anterior regulación incorporando ao ordenamento español novas pautas dirixidas a integrar en tal sistema as exixencias de transparencia, integridade, eficiencia e sustentabilidade que require o dereito da Unión Europea nesta materia. E todo iso coa claridade expositiva que caracteriza os traballos elaborados polos ditos autores.

Neste sentido, a obra divídese en 8 capítulos, onde se examina pormenorizadamente todo o contido da citada lei, ademais de incluír outros elementos necesarios para a comprensión da regulación introducida por ela, como a esencial xurisprudencia vertida polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que foi determinante para definir os contornos do dereito europeo da contratación pública. Para facilitarlle ao lector o manexo e a comprensión da obra, a orde de exposición do libro reproduce a seguida pola Lei 9/2017, o que permite unha doada e rápida consulta conxunta dos dous textos e demostra o carácter práctico que ten este traballo.

Primeiramente, no libro faise unha introdución previa e analízanse as cuestións xerais que orixinou a aprobación daquela lei. Xa neste punto, podemos observar como un dos eixes vertebradores desta é a inclusión de criterios sociais e ambientais desde a propia definición do obxecto do contrato, ademais de facer unha delimitación preliminar dos diferentes tipos de contratos e das novidades que, a este respecto, introduce a citada lei, deténdose especialmente na novidade que supón a definición de contratos de concesión de obras e servizos baseándose no criterio principal da transferencia do risco operacional ao contratista. Moi vinculado a este primeiro capítulo, no segundo analízanse determinadas figuras xurídicas cuxa confusión cos contratos do sector público é necesario aclarar polas, como acertadamente expoñen os autores, importantes consecuencias prácticas que implica a utilización dunhas ou outras figuras; estámonos referindo a delimitar a liñas divisorias cos convenios administrativos e os encargos de xestión, pero non só dun xeito teórico, senón afondando en supostos concretos, como o de TRAGSA, ademais de aclarar as novidades que a este respecto introduce a Lei 9/2017, especialmente en relación cos novos supostos de exclusión previstos por ela.

A partir deste punto, a obra céntrase na análise de cada un dos contratos regulados pola citada lei. Nos capítulos III a VII estúdanse de xeito pormenorizado os contratos de obras, de concesión de obras, de subministracións, de servizos e de concesión de servizos, analizando en cada capítulo específico aspectos preliminares, como o concepto e a regulación de cada un deles na normativa da Unión Europea, para deterse e afondar en todos os elementos do procedemento de contratación que caracteriza cada un deles, resaltando non só as novidades introducidas pola Lei 9/2017, senón as particularidades de cada tipo contractual ou de cada procedemento de contratación específico, e ademais cunha exhaustividade que pon de manifesto a calidade da obra que estamos a comentar; por pór un exemplo, baste aludir, no capítulo III, onde se regula o contrato de obras, á referencia específica que se dedica á problemática da consideración das obras de urbanización e os convenios urbanísticos como contratos públicos de obras, ou, no capítulo V, dedicado ao contrato de subministracións, á análise concreta que se fai dos contratos no ámbito da defensa. Por último, o capítulo VIII dedícase, de xeito exclusivo, a estudar as diferenzas entre o contrato de servizos e o contrato de concesión de servizos, tendo en conta a tradicional diverxencia que houbo entre o dereito da Unión Europea e o dereito español no referido á conceptuación dos dous tipos contractuais, e para o cal a análise da xurisprudencia e doutrina ao respecto se configura como un elemento imprescindible.

Como se pode observar, a exhaustividade, completitude e claridade do traballo que agora se comenta converten esta obra nunha referencia no eido da contratación pública en España, e que debe ocupar un posto destacado na biblioteca de calquera operador xurídico que desenvolva a súa actividade neste sector. Os autores volven demostrar os seus amplísimos coñecementos neste ámbito, así como a súa facilidade e claridade para analizar unha materia francamente complicada pero que, grazas a obras como a exposta, se converte en moito máis sinxela. Certamente, iso non pode sorprender aos que coñecemos a impecable traxectoria científica dos autores referenciados, pero, na miña opinión, esta obra vai máis alá dunha monografía especializada nun eido do dereito administrativo, configurándose como unha obra imprescindible para coñecer a regulación xurídica da contratación do sector público en España, e non só desde un punto de vista puramente teórico, senón que a súa vocación práctica é innegable, intentando que o traballo realizado poida ser utilizado por un amplo espectro de profesionais aos que os asaltan unha gran cantidade de dúbidas cada vez que se teñen que enfrontar a un procedemento de contratación pública. Iso é o que fai diferente esta obra, a súa intención de ser un instrumento accesible e útil nun ámbito moi especializado do dereito administrativo, que non sempre é doado de entender e aplicar, e para o cal este libro se constitúe como unha ferramenta básica, e todo iso sen deixar de posuír a calidade científica que sempre caracterizou os seus autores.