Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 63_xaneiro-xuño 2022 | pp. 147-150

Santiago de Compostela, 2022

https://doi.org/10.36402/regap.v1i63.4946

© Irene Ruiz Olmo

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 07/06/2022 | Aceptado: 14/07/2022

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

Los entes locales ante la transición y sostenibilidad energética: Nuevos desafíos jurídico-administrativos

Irene Ruiz Olmo

Profesora axudante doutora

Universidade de Sevilla

https://orcid.org/0000-0002-0240-8160

iruiz4@us.es

GONZÁLEZ RÍOS, I.: Los entes locales ante la transición y sostenibilidad energética: Nuevos desafíos jurídico-administrativos, Editorial Aranzadi Thomson Reuters, Cizur Menor, 2021, 424 pp. ISBN: 978-84-1390-270-8.


A obra obxecto de recensión ofrece unha completa visión do papel que están chamadas a desempeñar as entidades locais no proceso de sustentabilidade enerxética que desde hai máis dunha década emprendeu a Unión Europea. Correspóndelles un papel protagonista na estrutura organizativa do Estado, constituíndose como o punto directo de conexión entre o cidadán e a estrutura pública, para executar as actuacións e instrumentos propostos polo dereito derivado comunitario tendentes a contribuír na transición e sustentabilidade enerxética.

O libro estrutúrase en dez capítulos, sendo a sustentabilidade enerxética na súa vertente ambiental, social e económica o groso da obra. Este sector, xunto co da renovación da edificación por razóns de eficiencia enerxética, mobilidade sustentable, redes de calefacción e refrixeración urbanas ou contratación enerxética, son analizados desde un punto de vista xurídico e prestando especial atención a como se compatibilizan estas recentes actuacións propostas polo dereito derivado comunitario co desenvolvemento da descarbonización. Abórdanse temas de grande actualidade, como as técnicas de ordenación e control de que dispoñen os entes locais para intervir na planificación, a construción de infraestruturas enerxéticas, a construción de edificios novos, a reforma e rehabilitación da edificación por razóns de eficiencia enerxética, a contaminación lumínica e a adaptación da iluminación pública, o transporte sustentable e a mobilidade urbana, o vehículo eléctrico ou as comunidades locais de enerxía.

No primeiro capítulo, “Novos desafíos en sustentabilidade enerxética para os entes locais”, GONZÁLEZ RÍOS presta especial atención ao concepto de sustentabilidade en relación coa transición enerxética, para analizar cal é o papel que lles corresponde aos entes locais e constatar que a redución de emisións contaminantes a nivel europeo e internacional deben necesariamente coordinarse coa actuación a nivel local. No segundo capítulo da obra, “A intervención dos entes locais na planificación e construción sustentable de infraestruturas enerxéticas. Especial referencia a Andalucía”, a autora analiza os instrumentos que o marco normativo pon á disposición dos entes locais para contribuír a un uso menos contaminante, máis eficiente e limpo da enerxía. Neste sentido, a autora subliña que, coa apertura á competencia do sector enerxético en España, a maior parte da planificación enerxética ten carácter indicativo (a actividade de xeración, de distribución e comercialización). Na planificación enerxética de Andalucía, os entes locais tiveron ocasión de participar na súa formulación e, ao mesmo tempo, son destinatarios de importantes medidas para alcanzar os obxectivos rexionais na materia, que melloran os obxectivos nacionais, sendo especialmente relevante o papel que desempeñan respecto ás instalacións de autoconsumo eléctrico.

Segundo a Unión Europea, arredor do 40 % do consumo total de enerxía na UE e ata o 36 % das emisións de efecto invernadoiro do continente corresponden aos edificios. Co obxectivo de reducir o seu consumo enerxético, a Directiva de “eficiencia enerxética de edificios 2010/31/EC” sinalou a necesidade de apostar por edificios altamente eficientes ou de consumo enerxético case nulo, chamados NZEB (Nearly Zero Energy Buildings). Para conseguir edificios máis sustentables, respectuosos co medio ambiente e cun nivel de eficiencia enerxética moi alto, España aprobou un extenso marco normativo sobre edificación que dá cumprimento ás disposicións comunitarias.

O terceiro capítulo, titulado “Edificación enerxeticamente sustentable. O papel dos entes locais”, céntrase precisamente nos aspectos máis relevantes desta regulación da construción, reforma e xestión de edificios desde a perspectiva do uso eficiente da enerxía, prestando especial atención aos edificios públicos locais e aos mecanismos de que dispoñen os entes locais respecto á edificación privada para contribuír á sustentabilidade enerxética.

En materia de patrimonio histórico, o marco normativo do solo, así como a lexislación urbanística, xunto coas referencias transversais na materia da normativa enerxética, constitúen os piares básicos para a súa conservación e mantemento, así como para a súa necesaria adaptación ás necesidades de confort térmico e de uso máis eficiente de enerxía. Agora ben, non é doado cumprir coas exixencias básicas de aforro de enerxía sen comprometer os valores arquitectónicos que se desexan conservar. Neste contexto, no capítulo cuarto “Intervención municipal no patrimonio histórico: conservación versus sustentabilidade enerxética”, a autora afonda no papel que representan as entidades locais na materia, así como nos desafíos que supón o cumprimento dalgunhas exixencias básicas de aforro de enerxía, mostrándose crítica ao entender que é necesario que a normativa sobre patrimonio histórico se coordine coas medidas relativas a edificación contidas na actual lexislación sobre descarbonización e transición enerxética.

Precisamente un ámbito no que os municipios poden incidir para mellorar a sustentabilidade enerxética é a iluminación pública no patrimonio histórico, polo que resulta especialmente relevante a análise da normativa sobre a contaminación lumínica ditada por algunhas comunidades autónomas, así como os preceptos contidos no Regulamento “de eficiencia enerxética en instalacións de iluminación exterior”.

Seguidamente, no capítulo quinto: “Sustentabilidade enerxética na iluminación exterior: instrumentos de intervención municipal”, séguese afondando na contaminación lumínica provocada pola iluminación exterior, e máis concretamente pola iluminación pública. Neste sentido, cobra especial relevancia a zonificación lumínica como instrumento de loita fronte á iluminación inadecuada ou excesiva, que, polo seu resplandor ou alcance, pode ter variados efectos negativos sobre o medio, ademais de implicar un uso irracional da enerxía. Non obstante, non se debe pasar por alto o custo económico que implica a substitución das actuais iluminacións públicas, altamente contaminantes, o que sen dúbida pode frear a acción municipal. Por este motivo, a xuízo da autora, a loita contra a contaminación lumínica e o fomento da eficiencia enerxética na iluminación exterior existente deben vir impostos pola lexislación básica estatal.

Desde o punto de vista da sustentabilidade ambiental, o transporte pode supor outro grave problema ambiental. Respectar os criterios de condicionalización ambiental dos transportes axuda a controlar o consumo irracional de enerxía e de combustibles fósiles. No capítulo VI, “Sustentabilidade enerxética a través do transporte e a mobilidade urbana”, GONZÁLEZ RÍOS aborda o estudo da normativa sobre o transporte e a mobilidade sustentable dos transportes terrestres no eido urbano desde dúas grandes perspectivas: a ordenación sustentable do transporte e a adaptación á normativa ambiental dos sistemas de mobilidade urbana, onde cobran especial relevancia o uso de biocombustibles e o vehículo eléctrico; e todo iso facendo especial fincapé na incidencia que ten a intervención municipal na materia.

A contratación pública enerxeticamente sustentable permite ás administracións, no desenvolvemento da súa actividade, fomentar e contribuír aos obxectivos de sustentabilidade ambiental. No capítulo VII, “Outros instrumentos locais para a sustentabilidade enerxética (contratación local enerxeticamente sustentable e comunidades locais de enerxía)”, a autora examina as innovacións lexislativas máis destacadas na materia, co obxectivo de evidenciar a súa influencia no cumprimento dos obxectivos de sustentabilidade enerxética.

GONZÁLEZ RÍOS, no capítulo VIII, titulado “Réxime sancionador en materia de sustentabilidade enerxética: a reducida intervención da administración local”, analiza o procedemento sancionador establecido para garantir a sustentabilidade enerxética, así como o réxime de financiamento e axudas para alcanzala. Ao seu xuízo, a pesar de que a intervención local resulta cada vez máis necesaria para garantir a tan desexada transición enerxética, cómpre corrixir algunhas deficiencias relativas sobre todo á escasa participación das entidades locais en todos aqueles ámbitos chamados a garantila.

Non cabe dúbida de que o cumprimento das obrigas recollidas na normativa da Unión Europea sobre eficiencia enerxética exixe ineludiblemente un correcto sistema de financiamento. No contexto da pandemia da COVID-19, cobra especial relevancia a resposta económica dada por parte da Unión Europea a través dos fondos comunitarios. O capítulo “Medidas de fomento para a sustentabilidade enerxética: a súa incidencia nos entes locais” evidencia a súa influencia no cumprimento dos obxectivos sobre sustentabilidade enerxética e analiza os fondos e programas existentes. A obra finaliza cun último capítulo de “Reflexións e propostas finais”.

En definitiva, as reflexións xurídicas recollidas nesta obra permiten ofrecer unha visión do estado da cuestión do papel dos entes locais na sustentabilidade enerxética; sen dúbida, un tema transversal de grande importancia á vez que problemático e que en todo caso evidencia que a súa actuación se debe enmarcar en fórmulas de colaboración e cooperación interadministrativas e de colaboración público-privadas, tal como subliña a autora. Algúns dos ámbitos nos que incide a intervención das entidades locais para contribuír á sustentabilidade enerxética foron analizados en profundidade, prestando especial atención sobre todo a aqueles que máis poden contribuír á descarbonización da economía. Como consecuencia, esta obra constitúe un referente na actualidade xurídica da materia, de lectura imprescindible para funcionarios públicos, profesionais interesados no sector, e estudosos do dereito administrativo, xa que proporciona todas as ferramentas teóricas para unha análise rigorosa da materia.