Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 64_xullo-decembro 2022 | pp. 217-221

Santiago de Compostela, 2022

https://doi.org/10.36402/regap.v2i64.4998

© José Manuel González Dona

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 14/11/2022 | Aceptado: 29/11/2022

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

El crédito tributario en el proceso concursal. Perspectivas ante un nuevo escenario económico y legislativo

José Manuel González Dona

Doutorando en Dereito Financeiro e Tributario

Universidade de Santiago de Compostela

josemanuel.gonzalez.dona@rai.usc.es

PATÓN GARCÍA, G. e ULAS PATIÑO, G. (dirs.): El crédito tributario en el proceso concursal. Perspectivas ante un nuevo escenario económico y legislativo, Wolters Kluwer Legal, Las Rozas (Madrid), 2022, 342 pp. ISBN: 978-84-9090-585-2.

Este traballo ten por pretensión realizar unha recensión sobre a obra El crédito tributario en el proceso concursal. Perspectivas ante un nuevo escenario económico y legislativo, na elaboración da cal interviñeron destacadas figuras doutrinais baixo a dirección da profesora titular de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Castela-A Mancha Gemma Patón García e da profesora de Dereito Mercantil da Universidade de Bos Aires Gabriela Ulas Patiño.

A monografía, integrada por un total de dez capítulos de distinta extensión, ten por finalidade estudar, desde múltiples perspectivas, a relevancia que cobran os créditos tributarios contra o debedor no procedemento concursal. Non obstante, non só se pretende efectuar un estudo doutrinal, senón que a análise sirva para os concursados que se atopen con este tipo de obrigas para co erario público na masa pasiva. Para iso, tal como expón a propia Patón García na presentación, perséguese ofrecer un conxunto de colaboracións de carácter xurídico que mostran unha especial preocupación polas empresas que atravesan dificultades económicas e que requiren dun asesoramento integral para solucionar as controversias xurdidas ao respecto (p. 7).

Entrando a valorar de xeito máis prolixo o corpo da obra, débese sinalar que o primeiro capítulo, elaborado polo catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Santiago de Compostela César García Novoa, versa sobre a indispoñibilidade do crédito tributario en situacións concursais e preconcursais. Para o efecto, partindo da análise da dogmática tradicional do principio de indispoñibilidade do tributo e do concepto relativo a este termo no ámbito do dereito privado, procédese a unha exposición do carácter indispoñible do crédito a favor da facenda pública no proceso concursal, enmarcándoo na máis recente normativa da Unión Europea na materia e no seo da nova lexislación concursal. Esta análise efectúaa tomando en consideración o crédito tributario como privilexiado e os posibles convenios a que se pode chegar entre Administración tributaria e debedor, tratando nun momento final institucións á marxe do concurso como son os acordos de refinanciamento e acordos extraxudiciais de pagamento.

No segundo capítulo, elaborado pola codirectora Gabriela Ulas Patiño, trátase a relevancia dos créditos tributarios nos procesos concursais actuais. Así, a autora parte da suma importancia que teñen os tributos na organización política e social actual (en concreto, efectuando unha análise da súa relevancia configuradora en termos comparativos entre a Constitución española e a da nación arxentina, vid. pp. 63-65), para efectuar un estudo posterior dos principios que informan os procesos concursais e o dereito tributario. Nesta análise, dada conta de que as dúas disciplinas xurídicas se fundamentan nos principios xerais do dereito, aos que se lles unen as súas respectivas especialidades (p. 68), a autora aprecia distintas afinidades e diferentes puntos de colisión cuxa fricción resulta de interese no desenvolvemento do procedemento concursal, procedéndose finalmente a expor a relevancia que teñen os créditos tributarios nestes procesos.

Pola súa banda, o terceiro capítulo, escrito polo profesor titular en Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Alcalá de Henares Manuel Lucas Durán, versa sobre a natureza dos créditos tributarios como “créditos contra a masa” e as implicacións xurídicas que entraña esta cualificación legal. Para iso, tras realizar unha serie de consideracións preliminares, aténdese ao principio de universalidade do artigo 251 da Lei concursal para observar a cualificación que xera que o crédito tributario se integre na masa pasiva, coa conseguinte relevancia que iso presenta ao ter a Administración concursal que deducir da masa activa os bens e dereitos necesarios para a súa satisfacción (p. 93). Posteriormente, o autor procede a analizar cales son os distintos créditos tributarios, efectuando este exame á luz da doutrina xurisprudencial e facendo distintas críticas segundo a ordenación legal vixente, ofrecendo finalmente unha serie de conclusións do estudo realizado.

O cuarto capítulo, confeccionado pola contadora pública e profesora da Universidade de Bos Aires Lourdes Turcumán, ten por obxecto o estudo do crédito tributario no concurso das pemes. Esta análise lévase a cabo partindo da celebérrima doutrina do conflito de límites entre intereses individuais e colectivos desde a perspectiva do dereito tributario (así, dado que os impostos xorden a partir da vida do home en comunidade para financiar a presenza dun Estado regulador e a busca do ben común, no caso de conflito entre concursado e o interese xeral manifestado no crédito tributario debe primar este último, cfr. pp. 140-142). Expostas estas consideracións, a autora leva a cabo un exame das particularidades dos privilexios nos créditos de orixe tributaria no ordenamento xurídico da República Arxentina, tanto desde a normativa civil como mediante o estudo da súa Lei de concursos e quebras. Nun momento posterior, indágase na dificultosa posibilidade de chegar a un acordo entre administracións tributarias e concursado.

Polo que respecta ao capítulo cinco, elaborado polo inspector de Facenda do Estado Domingo Carbajo Vasco, mediante el trátanse os privilexios dos créditos tributarios determinados pola normativa concursal. Para o efecto, tras expor o autor unha serie de consideracións xerais, efectúase un exame lexislativo, doutrinal e xurisprudencial da cualificación no concurso dos créditos a favor da Administración tributaria, coa consabida relevancia que no procedemento iso implica. Esta análise ten lugar tanto respecto aos créditos tributarios que merecen a cualificación de privilexiados como, nun momento posterior, con respecto a aqueles que teñen a clasificación de ordinarios.

No seguinte capítulo, cuxo autor é o contador público e profesor da Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Bos Aires, lévase a cabo un exame da participación da Administración tributaria no proceso concursal arxentino. Para iso, partindo dunha breve introdución, analízase a posición do erario público como acredor durante a etapa do concurso preventivo en Arxentina, interesándose de xeito especial pola súa exclusión no cómputo das maiorías e as consecuencias que durante a súa tramitación iso lle supón. Estes aspectos son analizados de xeito crítico, invitando a unha interesante reflexión se se analiza de modo comparativo coa normativa española, especialmente no que respecta a normas internacionais comúns (verbi gratia os convenios da OIT dos que España tamén forma parte).

O capítulo 7, elaborado polo avogado e profesor de Dereito Comercial e Tributario da Universidade de Bos Aires Marcelo Castrogiovanni, realiza un interesante estudo da Directiva (UE) 2019/1023, do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de xuño de 2019, e a súa perspectiva sobre os créditos tributarios no concurso. Así, partindo o autor da exposición do panorama xeral en que se enmarca a aprobación desta norma europea e da solución que supón fronte ás situacións de insolvencia a “segunda oportunidade”, efectúase unha análise máis exhaustiva da posición dos créditos públicos no procedemento, prestando o seu maior interese na obriga tributaria. Nun momento posterior, trátase, traendo a colación abundante xurisprudencia, a responsabilidade tributaria dos administradores societarios e, finalmente, critícase a exclusión dos consumidores do ámbito de aplicación da directiva (vid. p. 218).

No oitavo capítulo da obra, desenvolvido polo profesor contratado doutor da Universidade Nacional de Educación a Distancia Rafael Sanz Gómez, trátanse os distintos medios alternativos para a solución de conflitos pola Administración tributaria ante o concurso de acredores. Para iso, partindo dos datos ofrecidos pola AEAT e o INE relativos á débeda afectada por procesos concursais, así como das posibles actuacións que pode realizar a Administración no seu desenvolvemento, efectúase unha análise onde, prima facie, se examina de xeito transversal o concepto de acordo en materia tributaria e os principios e regras que deben cumprirse para poder ser adoptados. Nun momento posterior, o autor analiza os distintos mecanismos de solución de conflitos de que están dotadas estas administracións, tanto nas situacións preconcursais (mediante tramitación de aprazamentos e fraccionamentos e acordos de pagamento) como os que se poden dar unha vez que foi ditado o auto de declaración de concurso (facendo especial fincapé nos presupostos, contido e execución dos acordos a que se chegou).

No seguinte capítulo, o avogado e profesor da Universidade de Bos Aires Rubén Morcecian, trata o sobreendebedamento do consumidor e os créditos de dereito público. Para iso, efectuando unha serie de consideracións previas respecto ao fenómeno do consumo e o crédito no mercado, trátase a problemática e as consecuencias que leva consigo o sobreendebedamento, distinguíndoo da situación de insolvencia, así como a garantía que implica o principio de responsabilidade patrimonial universal. Tras iso, o autor trata o desenvolvemento do proceso concursal do consumidor e a problemática que presentan os créditos de dereito público, efectuando para iso un interesante estudo comparado entre a regulación arxentina e a española.

Finalmente, o décimo capítulo, elaborado polo profesor da Universidade de Valencia e avogado Domingo García Núñez, ten por obxecto o estudo da responsabilidade tributaria no concurso de acredores das persoas xurídicas, para o cal, tras partir do principio de responsabilidade patrimonial que teñen estas entidades, se efectúa un exame máis prolixo da posición xurídica que no concurso teñen os seus administradores, apoderados, terceiros e socios. Nun momento posterior, realízase unha interesante análise onde se examina o paralelismo existente entre a Lei xeral tributaria e as normas da Lei concursal no relativo ao cobramento dos créditos desta natureza, examinando finalmente a derivación da responsabilidade por estas débedas aos administradores da sociedade concursada (entre outros) aos que se lles poida imputar o cumprimento.

Un exame global da obra permite extraer unha serie de aseveracións. Así, en primeiro lugar, os autores pretenden examinar os distintos campos en que se proxectan as dificultades de realización dos créditos tributarios nunha situación de por si complexa, dadas as súas múltiples variantes, como é o estado de insolvencia do debedor e a súa declaración posterior en concurso, sen centrarse para iso os autores (salvo certas excepcións) en figuras impositivas concretas, e tratando tanto créditos derivados do non pagamento anterior das cotas correspondentes aos tributos de natureza directa ou indirecta que correspondan como aquelas derivadas doutras fontes (por exemplo, o cumprimento de obrigas materiais ou as derivadas de procedementos sancionadores).

Esta estrutura permite, acertadamente, que o lector poida obter unha serie de coñecementos multidisciplinarios sobre a materia e as súas diferentes problemáticas prácticas, así como que os concursados ou administradores poidan acudir a aqueles aspectos que máis lles interesen para resolver as súas dúbidas, pretensión que, como xa se apreciou, resulta primordial para os autores.

Iso xera que, tanto pola súa estrutura formal como pola súa calidade técnica e claridade en expresión, deba ser plenamente recomendada para a súa lectura e estudo polos interesados na materia, non só do dereito tributario, senón tamén do dereito civil e mercantil, sen prexuízo de todas aquelas disciplinas en que o seu contido puidese resultar de relevancia, práctica ou científica.