Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 65_xaneiro-xuño 2023 | pp. 193-196

Santiago de Compostela, 2023

https://doi.org/10.36402/regap.v1i65.5061

© Xosé Antón Sarmiento Méndez

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 14/02/2023 | Aceptado: 01/06/2023

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

Fundamentos de derecho parlamentario español

Xosé Antón Sarmiento Méndez

Letrado oficial maior do Parlamento de Galicia

Profesor de Dereito Administrativo

Universidade de Santiago de Compostela

https://orcid.org/0000-0003-4533-0233

xa.sarmiento@usc.es

xose.anton.sarmiento.mendez@parlamentodegalicia.gal

SANZ PÉREZ, A.L.: Fundamentos de derecho parlamentario español, Editorial Colex, A Coruña, 2023, 630 pp. ISBN: 978-84-1359-538-2.

Todos os que desde hai máis de 30 anos levamos estudando, aprendendo e experimentando o dereito parlamentario en España sabiamos da amplitude de coñecementos e do bo facer do profesor e letrado maior do Parlamento de Cantabria Ángel L. Sanz Pérez.

Como lóxico corolario da súa magnífica traxectoria profesional, aparece agora nunha coidada edición o seu tratado sobre os fundamentos do dereito parlamentario español.

Trátase dun completo manual no que, ao longo de máis de seiscentas páxinas e cinco capítulos loxicamente estruturados, o autor dá conta dos que denomina fundamentos do parlamento actual: o fundamento normativo referido ás fontes do dereito parlamentario; o fundamento temporal que lle dá pé para o estudo e comentario das vicisitudes do inicio e fin da vida do parlamento; o fundamento estatutario baixo cuxo paraugas estuda dereitos, deberes da cámara e dos seus integrantes; o fundamento orgánico no que se detén na tipoloxía organizativa dos lexislativos; e, por último, o que denomina fundamento funcional, onde trata en detalle as funcións de control e lexislativa e fai un excurso de grande interese sobre a técnica lexislativa.

Obviamente, son moitas as cuestións que poden destacarse deste libro, e aquí detereime soamente naquelas que, ao meu xuízo, Ángel Sanz presenta como claves ou defende con maior fincapé en toda a súa argumentación.

Cando analiza o sistema de fontes do dereito parlamentario, o autor coincide coa doutrina española ao resaltar a flexibilidade como un trazo definitorio do dereito parlamentario. Esta constatación lévao a recoñecer a base común das aplicacións do dereito fundamental do artigo 23 da Constitución tamén ao ámbito dos regulamentos parlamentarios das comunidades autónomas. Así, tras unha prolixa análise das fontes históricas do dereito comparado autonómico, afirma con acerto que a xustificación última da autonomía normativa do parlamento está no estado democrático e nas súas garantías de pluralismo político, pois, “en definitiva, a razón do dereito parlamentario é a protección das minorías”. Polo tanto, a tan citada dispoñibilidade das normas que integran o dereito parlamentario non poderá ser aplicada cando non xurda da unanimidade dos integrantes da cámara ou poidan derivar efectos limitativos dos dereitos de terceiros ou dos integrantes do parlamento.

Sanz mostra a súa perplexidade pola escasa regulación das Cortes Xerais como órgano constitucional fóra do previsto no artigo 72 e súmase á crítica dos estudosos do dereito parlamentario autonómico cando lembra o inconveniente que supuxo a copia mimética do Regulamento do Congreso dos Deputados nas cámaras territoriais. Trátase dun fenómeno que resultou disfuncional no nacemento do dereito parlamentario autonómico pero que hoxe en día debe matizarse polas numerosas adaptacións que sufriron os textos territoriais que os apartan cada vez máis do “modelo Cortes”.

A recepción do costume como fonte do dereito parlamentario no modelo español esperta reticencias para o noso autor, que non comparte a súa acollida aperturista por parte da doutrina española e estranxeira. As citas xurisprudenciais que achega poñen de manifesto como o noso Tribunal Constitucional admitiu o valor das normas consuetudinarias sempre co límite expreso do respecto da legalidade parlamentaria e en aplicación indubidable do previsto no artigo 9.1 da Constitución.

Como grande estudoso do dereito electoral, o profesor cántabro procede a analizar os condicionantes lexislativos das eleccións en España e entende superflua a previsión de supletoriedade que a Lei orgánica do réxime electoral xeral dispón respecto da lexislación electoral das comunidades autónomas. Máis alá de consideracións dogmáticas, no manual pondérase a solución dada no País vasco e en Galicia en relación coa xestión e a situación da crise ocasionada polo COVID-19 respecto a procesos electorais xa convocados.

Sen dúbida, a parte que Sanz expón cunha precisión e concreción máis meritorias é a referida ao estatuto xurídico da cámara e dos seus membros. O autor entende que a regulación do procedemento prevista nos regulamentos parlamentarios para a suspensión temporal no exercicio das funcións parlamentarias é moi pobre e insuficiente, e demanda polo tanto, lege ferenda, a súa modificación. Na súa análise das prerrogativas parlamentarias, que entende xustificadas, recórdanos a doutrina do Tribunal Supremo, que declara a súa inadaptabilidade respecto de actos parlamentarios de orde interna que non están conectados coa función política do parlamento e que por iso se atopan sometidos a pleno control xudicial.

Como profundo coñecedor da práctica parlamentaria, comparte a opinión do antigo secretario xeral das Cortes Ignacio Astarloa acerca da necesidade de eliminar a maioría das restricións ás solicitudes de información e documentación ao Goberno, “obxectivando as causas que xustifiquen o seu incumprimento e prevendo consecuencias para o caso de negativa inxustificada”.

No seu comentario da organización parlamentaria, o autor é consciente de que a pureza de modelos organizativos non é aplicable aos parlamentos, xa que todos constatamos que na actualidade a complexidade orgánica é a nota predominante no parlamento. Iso implica que os órganos non son dependentes xerarquicamente entre si “nin dunha forma funcional nin xerárquica”.

Letrado parlamentario de grande experiencia, defende o papel que debe ter o relatorio para a mellora técnica do texto lexislativo, aínda que se mostra un tanto decepcionado polos froitos que na actualidade produce ese órgano de traballo.

Chegados ao capítulo V da obra, o autor explica en detalle as circunstancias que condicionan as funcións parlamentarias e admite con claridade que a democracia representativa deixou escasos ámbitos á viabilidade da democracia directa. Este aspecto recoñece que é debido fundamentalmente ao papel destacadísimo que en Occidente teñen os partidos políticos. Neste sentido, e analizando as vías a través das que o parlamento deposita a súa confianza no Goberno, Ángel Sanz pon de manifesto como a racionalización do parlamentarismo influíu na moción de censura dificultando a súa presentación e aprobación.

A súa análise das interpelacións parlamentarias fai que o profesor cántabro asente con claridade o seu criterio de que, por seren obxecto destas, as actuacións do executivo debe entenderse que non poden ser obxecto das interpelacións as cuestións relativas ao partido político que sustenta o goberno, a outros partidos, a gobernos anteriores ou a cuestións que non dependan da actuación política ou da acción administrativa do Goberno. Así o asevera á luz da STC 68/2020, do 29 de xuño. Pola contra, recoñece a laxitude que as cámaras aplican ao requisito do contido da interpelación sobre unha cuestión de política “xeral” e que todos os que traballamos en parlamentos autonómicos compartimos sen dúbida ningunha.

A análise da función lexislativa condúceo a analizar o papel do parlamento como produtor de dereito. Deste xeito, pon sobre a mesa o problema de determinar cando unha lei é inconstitucional por un vicio de procedemento. Ángel Sanz recoñece que ningunha achega doutrinal resolveu este problema con carácter definitivo. Por todo iso, cómpre que o Tribunal Constitucional afronte esta cuestión o antes posible.

Finalmente, hai que recoñecer o esforzo expositivo e sintético que este tratado leva a cabo no referido á condensación dos criterios esenciais da técnica lexislativa en España. É de agradecer o traballo nesta materia do autor que, non obstante, se mostra máis escéptico acerca dos logros obtidos en ámbitos como o da avaliación lexislativa, onde comparte opinión co seu compañeiro no Parlamento de Cantabria Luis González del Campo e demanda a necesidade de que o parlamento non renuncie a implicarse e a participar activamente no reto que supón a avaliación e o impulso das políticas públicas.