Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 65_xaneiro-xuño 2023 | pp. 197-200

Santiago de Compostela, 2023

https://doi.org/10.36402/regap.v1i65.5088

© Inmaculada Ruiz Magaña

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 27/04/2023 | Aceptado: 01/06/2023

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

Reformas para la cohesión territorial de España

Inmaculada Ruiz Magaña

Contratada FPU na Área de Dereito Administrativo

Universidade de Jaén

https://orcid.org/0000-0002-2466-7235

irmagana@ujaen.es

MORENO GONZÁLEZ, G. (dir.): Reformas para la cohesión territorial de España, Marcial Pons. Ediciones Jurídicas y Sociales, Madrid, 2022, 226 pp. ISBN: 978-84-1381-467-4.

O título (Reformas para la cohesión territorial de España) xa anticipa que estamos ante unha obra que invita á reflexión. Ademais, adianta o seu obxecto: o estudo de distintas propostas e iniciativas de reforma para fortalecer a cohesión territorial. Non cabe dúbida do interese e actualidade da temática. Se a cohesión territorial veu ocupando un importante lugar nas políticas dos poderes públicos –así o evidenciaba en 2008 o Tratado de Lisboa, que a introducía entre os principais obxectivos da Unión Europea–, as consecuencias económicas e sociais xeradas polo COVID-19 fixeron que esta se sitúe, aínda máis, no punto de mira da actuación pública. Así se reflicte tanto a nivel europeo como a nivel nacional. Para o Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia (que, como é sabido, é o núcleo do instrumento de financiamento europeo coñecido como «Next Generation EU»), a cohesión nas súas tres vertentes –económica, social e territorial– constitúe un dos seus catro obxectivos principais. En España, o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, de igual modo, inclúea como un dos seus catro eixes transversais. Neste contexto, un dos retos que actualmente xorden arredor da cohesión territorial, e ao que se refire o citado Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, é a despoboación das áreas rurais, materia que tamén se aborda neste libro colectivo.

No prólogo, a actual ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez García, ten ocasión de pór de manifesto a relevancia de reforzar a vertebración do territorio, eliminar a brecha urbano-rural e impulsar actuacións específicas nas áreas máis afectadas pola desigualdade, como son os municipios con menor poboación e o conxunto de áreas rurais. Aínda que, como sinala, para todo iso cómpre unha visión integral e compartida da xestión do territorio, adquirindo unha importancia fundamental a cooperación institucional.

O volume foi dirixido por Gabriel Moreno González, profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Estremadura, que contou coa colaboración de recoñecidos académicos de diversos eidos do coñecemento (constitucional, financeiro e tributario, administrativo e ciencia política), así como de técnicos da Administración. O resultado son doce capítulos ao contido dos cales nos referimos seguidamente.

No primeiro capítulo Gabriel Moreno González e Ana Torrecillas Martínez, investigadora de Dereito Constitucional da Universidade de Valencia, encadran a temática e apuntan como nas últimas décadas unha parte importante das preocupacións doutrinais relativas á cohesión territorial de España se centrou en analizar a problemática nacionalista, quedando á marxe outro gran problema do país: a despoboación. Os autores identifican este reto demográfico como un reto democrático e constitucional que, unido a «escenarios de oportunidade» como a pandemia e a crise climática, pode ofrecer unha ocasión para repensar o Estado e ampliar os horizontes de acción para a cohesión da España das autonomías e dos municipios para a España rural e as súas pequenas e medianas cidades.

O profesor Miguel Agudo Zamora, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Córdoba, tras valorar o estado actual no que se atopa o Estado das autonomías implantado pola Constitución de 1978, suxire acometer variadas reformas que permitan mellorar o modelo de configuración territorial. Estas propostas consisten en afondar no respecto á diversidade e ás identidades diferenciadas dentro de España, realizar cambios no Senado de cara a mellorar a participación e a representación das comunidades autónomas e resaltar a necesidade de mellorar a participación destas na gobernanza estatal.

O desafío que constitúe a despoboación é presentado por Joaquín Martín Cubas, profesor titular de Ciencia Política da Universidade de Valencia, que reclama a necesidade dunha «nova gobernanza territorial» que permita adaptar o sistema político aos novos retos para os gobernos locais. Compartindo a mirada cara á España despoboada, Andrés Iván Dueñas Castillo, profesor axudante doutor de Dereito Constitucional na Universidade de Valladolid, céntrase na «crise de representatividade» na que se ven inmersos os territorios da «España baleira» nos que xurdiron nos últimos anos candidaturas locais, analiza as súas causas e propón posibles solucións para mellorar a comunicación entre representantes e representados.

Tamén desde a óptica constitucional, o profesor Pablo Guerrero Vázquez, da Universidade de Zaragoza, ocúpase de examinar o papel que desempeñan os mecanismos de redistribución da riqueza na consecución da cohesión territorial. O autor expón o sistema de financiamento alemán para, posteriormente, descender ao sistema español, resaltando as súas luces e sombras e apuntando algunhas propostas de reforma.

En materia de financiamento económico ilústranos Elena Manzano Silva, profesora titular de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Estremadura, que leva a cabo unha análise do actual modelo de financiamento autonómico, pondo de relevo os inconvenientes que presenta, en particular, para os territorios pouco poboados e a necesidade de efectuar unha revisión que contribúa a corrixir os desequilibrios interterritoriais. Nesta liña, Fátima Pablos Mateos, profesora titular de Dereito Financeiro e Tributario na mesma universidade, proporciona unha visión comparada de como os poderes públicos de Portugal e Francia responderon desde o ámbito financeiro ao reto demográfico. Como expón, nos dous casos optouse por medidas de discriminación fiscal positiva que poderían constituír marcos referenciais para futuras reformas normativas que poidan realizarse en España. Pola súa banda, o profesor Jesús Ramos Prieto, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, realiza un estudo sobre o fundamento, características e desenvolvemento normativo da participación na recadación dos tributos das comunidades autónomas, que cualifica como «materia pendente do financiamento local», e reclama que a participación sexa tomada en consideración nunha futura reforma do financiamento local.

Desde a perspectiva do dereito administrativo, os catedráticos Francisco Velasco Caballero, da Universidade Autónoma de Madrid, e Eloísa Carbonell Porras, da Universidade de Jaén, botan luz sobre o plano local. O primeiro aborda unha temática de interese, como é a inadecuada planta municipal e o seu elevado número de municipios. O autor proporciona unha visión comparada sobre a planta local noutros Estados e, tras compartir algunhas reflexións respecto das fusións municipais en relación coa eficiencia económica e a democracia, propón alternativas de estratexias políticas á fusión de municipios –que é a solución primaria proposta pola doutrina ante o micromunicipalismo–. A segunda reivindica o papel que poden representar as deputacións provinciais na loita contra a despoboación. Para iso, analiza a Lei de bases de réxime local, a Lei para o desenvolvemento sustentable do medio rural e o anteproxecto que pretende introducir reformas na Lei de bases de réxime local co fin de atender a problemas que viven os municipios con escasa poboación e pon de manifesto a ausencia de alusións destes dous últimos textos a estes entes locais e a incongruencia que supón de acordo coa súa posición institucional.

Seguindo a liña do local, Javier Durán García, letrado da Administración local, estuda a normativa sobre contratación pública poñéndoa en relación cos pequenos municipios. Así, tras destacar algúns aspectos que obstaculizan a estes o cumprimento do marco legal, recorda o papel que poden ter as administracións intermedias para salvar estas dificultades e menciona distintas ferramentas contidas na normativa sobre contratación pública que poden ser útiles para a loita contra a despoboación.

O estudo colectivo finaliza coa achega de Pablo Manuel Rivera Búa, director executivo da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Chaves-Verín (Galicia-Portugal), que trata a problemática á que se enfronta o reto territorial e demográfico nos territorios de fronteira luso-españois, caracterizados por asimetrías xurídico-administrativas moi intensas no plano local, e a súa vinculación coas vantaxes que ofrece a cooperación transfronteiriza.

En definitiva, como pode observarse nesta recensión, trátase dunha obra moi completa que non se limita só ao estudo do ordenamento español, pois, de cara á proposición de alternativas de reforma, ten en consideración outros sistemas da nosa contorna. Cabe tamén destacar como o carácter multidisciplinario dos nutridos autores demostra unha vez máis a súa eficacia; permite así ofrecerlle ao lector unha visión completa dos retos, obstáculos e posibilidades de reforma que xorden na materia.

65

RECENSIÓNS