Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 66_xuño-decembro 2023 | pp. 239-240

Santiago de Compostela, 2023

https://doi.org/10.36402/regap.v2i66.5149

© Belén Canedo Antelo

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 07/12/2023 | Aceptado: 19/12/2023

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

Las reservas demaniales. Instrumentos de utilización y conservación ambiental del dominio público

Belén Canedo Antelo

Funcionaria da Administración de Xustiza

belencanedo19@hotmail.com

NAVARRO CABALLERO, T.M.: Las reservas demaniales. Instrumentos de utilización y conservación ambiental del dominio público, Aranzadi, Cizur Menor, 2020, 160 pp. ISBN: 978-84-1346-689-7.

Nesta obra, a profesora de dereito administrativo na Universidade de Murcia Teresa María Navarro Caballero leva a cabo un estudo das reservas demaniais, e para iso divide o libro en dous partes distintas. A primeira fai referencia ao réxime das reservas na lexislación de patrimonio (estatal e autonómica) e na segunda abórdaas na lexislación sectorial.

Dentro destas dúas partes ben diferenciadas, o libro estrutúrase en nove capítulos que nos permiten chegar a comprender as reservas demaniais de forma completa, dada a inexistencia dun réxime xurídico único e as particularidades que estas teñen nos distintos sectores. A primeira parte engloba os capítulos I e II, onde se describen as reservas demaniais e o seu uso tanto para a utilización do dominio público como para a súa protección. A segunda parte, que inclúe desde o capítulo III ao capítulo IX, aborda as reservas demaniais en distintos ámbitos e a vis expansiva da función de conservación ambiental da reserva demanial.

A través de todas estas páxinas, a autora mostra que, aínda que tradicionalmente as reservas foron unha técnica de utilización dos bens demaniais pola Administración, que supuñan unha excepción do principio xeral de accesibilidade ou uso público daqueles, na actualidade atópanse tamén reguladas, ademais de na LPAP (Lei 33/2003, do 3 de novembro, de patrimonio das administracións públicas) e a lexislación sectorial (minas, augas, costas, espectro radioeléctrico…), en case todas as lexislacións de patrimonio autonómicas. Coa súa análise, fai que nos preguntemos: poden cumprir as reservas demaniais unha función diferente á tradicional?, serven para algo que non sexa a estrita utilización ou aproveitamento do dominio público pola Administración titular dos bens ou recursos?

Pois ben, ao longo deste estudo ponse de manifesto a función de conservación ambiental das reservas demaniais (mencionando como exemplo a lexislación de augas que contempla tamén a función de protección e conservación do recurso hídrico), e como esta función está a alcanzar unha “dimensión expansiva” chegando a constituírse reservas con fins meramente proteccionistas no ámbito do dominio público marítimo-terrestre ou reclamándose esta función no ámbito mineiro.

As reservas demaniais non son só a vía xurídica en virtude da cal a Administración utiliza ou aproveita o dominio público con exclusión total ou parcial doutros usos. Tamén poden ser o instrumento a través do cal se pode protexer, por motivos ambientais, un ben desta natureza.

En conclusión, esta obra achéganos outro punto de vista sobre as reservas demaniais con consideracións que deben ser tidas en conta na actualidade a través dunha lectura fácil e comprensible, mesmo recomendable como instrumento de ensino do dereito administrativo para ampliar a concepción clásica das reservas demaniais.