Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 68_xullo-decembro 2024 | pp. 137-145

Santiago de Compostela, 2024

https://doi.org/10.36402/regap.v68i1.5231

© Omar Bouazza Ariño

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 22/10/2024 | Aceptado: 27/03/2025

Editado bajo licencia Creative Commons Atribution 4.0 International License

O benestar animal e a neutralidade na educación como límites á liberdade relixiosa

El bienestar animal y la neutralidad en la educación como límites a la libertad religiosa

Animal welfare and neutrality in education as limitations to religious freedom

Omar Bouazza Ariño

Catedrático de Dereito Administrativo

Universidade Complutense de Madrid

obouazza@der.ucm.es

Resumo: O obxecto deste traballo consiste na análise de tres resolucións recentes do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sobre liberdade relixiosa onde se validan as solucións ofrecidas a nivel nacional, prevalecendo os límites de interese xeral fronte ao exercicio pacífico do dereito.1

Palabras clave: Liberdade relixiosa, límites, benestar animal, educación neutral, veo islámico, burquini.

Resumen: El objeto de este trabajo consiste en el análisis de tres resoluciones recientes del Tribunal Europeo de Derechos Humanos sobre libertad religiosa en las que se validan las soluciones ofrecidas a nivel nacional, prevaleciendo los límites de interés general frente al ejercicio pacífico del derecho.

Palabras clave: Libertad religiosa, límites, bienestar animal, educación neutral, velo islámico, burkini.

Abstract: The purpose of this paper is to analyse three recent decisions of the European Court of Human Rights on freedom of religion in which the solutions offered at the national level are validated, with the limits of the general interest prevailing over the peaceful exercise of the right.

Key words: Freedom of religion, limits, animal welfare, neutral education, Islamic veil, burkini.

Sumario: 1 Enfoque. 2 Liberdade relixiosa e sufrimento animal: os sacrificios de animais segundo os rituais halal e kosher. 3 Prohibición dos símbolos relixiosos nas escolas. 4 Prohibición do burquini en instalacións municipais. 5 Reflexión final.

1 Enfoque

Nesta crónica dou noticia dunha sentenza e unha decisión de inadmisión nas cales o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos valora como boas as restricións á liberdade relixiosa, dando preferencia a intereses xerais como o benestar animal (Sentenza Executief van de Moslims van België e outros c. Bélxica, do 13 de febreiro de 2024), en relación cos sacrificios rituais de animais e a neutralidade da educación (Mikyas e outros c. Bélxica, do 16 de maio de 2024). Ademais, comento a Decisión de inadmisión Missaoui e Akhandaf c. Bélxica, do 24 de setembro de 2024, relativa á prohibición do burquini nas piscinas municipais de Anveres, en que o TEDH a inadmite ao non se ter esgotado a vía interna, xa que as demandantes non a impugnaron en casación seguindo a opinión dun letrado do tribunal competente.

2 Liberdade relixiosa e sufrimento animal: os sacrificios de animais segundo os rituais halal e kosher

Na sentenza ditada no caso Executief van de Moslims van België e outros c. Bélxica, do 13 de febreiro de 2024, os demandantes son cidadáns belgas, algúns musulmáns, outros xudeus; e organizacións non gobernamentais que representan a comunidades musulmás turcas e marroquís presentes en Bélxica.

A Lei belga de protección e benestar animal do 14 de agosto de 1986 dispón que, agás en casos de forza maior ou necesidade, os animais vertebrados, antes do seu sacrificio, deben ser anestesiados ou atordados. Esta exixencia non é aplicable, non obstante, aos sacrificios prescritos por un rito relixioso.

En 2014, o benestar animal, que ata o momento fora unha competencia federal, descentralizouse nas Rexións. As Rexións flamenga e valoa aprobarían cadanseu regulamento eliminando a excepción que permitía o sacrificio animal sen atordamento. Pola contra, a Rexión de Bruxelas-Capital mantívoa.

Algúns dos demandantes solicitaron unha revisión xudicial dos decretos de Flandres e de Valonia ante o TC. O máximo intérprete da Constitución en Bélxica formulou ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) a cuestión prexudicial de se o sacrificio sen atordamento era compatible co dereito da Unión Europea á luz da liberdade de relixión que consagra a Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea. O TXUE respondeu indicando que o dereito da Unión non se opón a que a lexislación dun Estado membro exixa no contexto dun sacrificio ritual un procedemento de atordamento reversible que non conduza á morte do animal. En consecuencia, o TC rexeitou a revisión dos decretos.

Os demandantes acoden ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (en diante, tamén “o Tribunal”, “TEDH” ou “Estrasburgo” en referencia á cidade francesa onde se atopa) alegando que a prohibición do sacrificio ritual de animais sen un previo atordamento que prevén os decretos aplicables nos dous territorios supón unha violación da súa liberdade relixiosa. Razoan que sería difícil, aínda que non imposible, para os crentes xudeus e musulmáns sacrificar animais de conformidade cos preceptos das súas relixións ou obter carne deses animais. Alegan unha vulneración do artigo 9 en relación co 14 CEDH.

O TEDH arranca indicando que houbo unha interferencia na liberdade relixiosa dos demandantes. A dita interferencia está prevista na lei, en sentido material, en concreto nos decretos de Flandres e Valonia. Este tribunal observa que a interferencia perseguía a finalidade lexítima da protección do benestar animal.

A continuación, o TEDH ofrecerá unha argumentación moi valiosa desde a perspectiva da evolución no recoñecemento dos dereitos dos animais, de tal maneira que recoñecerá que o Convenio non só protexe as persoas, senón tamén o medio ambiente en que desenvolven as súas vidas, o que inclúe os animais, cuxo benestar forma parte do que actualmente poderiamos definir como moral pública. En efecto, o TEDH sostén que a protección da moral pública, á que se refire o artigo 9 do Convenio, non só protexerá a dignidade humana na esfera das relacións interpersoais. O Convenio non é indiferente ao contorno, o medio ambiente, en que viven as persoas, ao que preserva e, en concreto, aos animais, cuxa protección xa foi considerada polo TEDH, en sentenzas anteriores referidas aos límites da caza ou a garantía dos dereitos das asociacións animalistas. Por iso, o Convenio non pode interpretarse de tal maneira que supoña unha total e absoluta garantía dos dereitos e liberdades que contempla sen ter en consideración o sufrimento animal.

O TEDH subliña que o concepto de moral é evolutivo, polo que non observa razón para contradicir o TXUE e o TC, que dixeron que a protección do benestar animal é un valor ético ao que as sociedades democráticas contemporáneas lle outorgan unha importancia crecente.

O TEDH terao en conta ao examinar a lexitimidade da medida cunha restrición na liberdade de manifestar a relixión. En consecuencia, o TEDH considera que a protección do benestar animal pode vincularse ao concepto de moral pública, que constitúe unha finalidade lexítima no sentido do artigo 9 do Convenio.

O TEDH expón que, en circunstancias como as acontecidas neste caso, que se refiren ás relacións entre o Estado e as relixións, non hai un consenso claro no seo dos Estados membros. Non obstante, dáse unha evolución gradual a favor dunha maior protección do benestar animal, polo que debe dotarse as autoridades nacionais dunha marxe de apreciación que non deberá ser estreita. A este respecto, a calidade do control parlamentario e xudicial da necesidade da medida levado a cabo polo nivel nacional é de particular importancia, especialmente ao determinar a aplicación da marxe de apreciación relevante.

En relación coa calidade do control parlamentario, os decretos adoptáronse tras unha ampla consulta aos representantes de varios grupos relixiosos, veterinarios e asociacións de protección dos animais, e que se realizaron esforzos considerables durante un longo período de tempo por parte dos lexisladores federal, flamengo e valón correspondente coa finalidade de reconciliar os obxectivos relativos ao benestar animal e o respecto da liberdade relixiosa do modo máis efectivo posible. Os lexisladores rexionais realizaron unha ponderación dos dereitos e intereses nun proceso axeitado de análise normativa. Parece que os dous entes rexionais, nas súas decisións, razoaron expresamente á luz das exixencias da liberdade relixiosa e examinaron o impacto da medida nesa liberdade. O TEDH observa que se deu unha profunda análise de proporcionalidade.

En relación co control xudicial da interferencia, o TEDH verifica que as autoridades internas examinaron a medida de conformidade co Convenio. O TXUE dixo que a imposición dun mecanismo de atordamento non letal é un método compatible co artigo 10 da Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea. En segundo lugar, que o TC sostivo a constitucionalidade dos dous decretos baseándose nunha argumentación que, segundo o TEDH, cumpre coas exixencias do artigo 9 CEDH.

O TEDH constata que os dous decretos se basean no consenso científico de que o atordamento previo é o medio óptimo de redución do sufrimento animal no momento do sacrificio. Non ve razóns serias para pór en cuestión esta consideración.

En relación coa alegación dos demandantes de que sería difícil, cando non imposible, obter carne de conformidade coas crenzas relixiosas, o TEDH observa que os gobernos de Flandres e Valonia non prohiben o consumo de carne doutras rexións, como a de Bruxelas, ou países en que o atordamento previo á morte do animal non é unha exixencia legal. Os demandantes non probaron que sexa difícil o acceso ao dito alimento.

Por todo iso, o TEDH razoa que as autoridades rexionais non excederon a súa marxe de apreciación. Adoptaron unha medida que, en principio, está xustificada e é proporcionada á finalidade perseguida: a protección do benestar animal como un aspecto da moral pública. Por iso, conclúe que non houbo unha violación do artigo 9 CEDH.

En relación coas alegacións de discriminación, o TEDH di que o sacrificio ritual de animais se realiza en contextos diferentes aos dos pescadores e cazadores; que a normativa rexional lles permite alternativas no proceso de atordamento e que non se prevén diferenzas entre os demandantes xudeus e musulmáns polo mero feito de que os preceptos das dúas comunidades relixiosas sexan de distinta natureza2.

3 Prohibición dos símbolos relixiosos nas escolas

A vestimenta é, sen dúbida, unha cuestión importante no contexto de relixións como a católica, a islámica, a xudía, a budista ou o sikhismo, e non está exenta de conflitos cando as autoridades limitan a súa expresión baseándose en intereses xerais que se entende que deben prevalecer. Polo regular, estas relixións consideran o recato e a austeridade como unha virtude moral, de tal maneira que establecerán certos códigos concretos e específicos, máis ou menos rigorosos. Os venres é habitual ver homes musulmáns transitando polas rúas do madrileño barrio de Lavapiés con túnicas representativas das diferentes variantes da fe islámica. Tampouco será estraño coincidir con varóns xudeus coa pequena gorra ritual, denominada kipá, os sábados nos arredores das sinagogas. Os Estados en que a laicidade é un principio constitucional fundamental fixan restricións ás manifestacións relixiosas, especialmente en establecementos públicos, coa finalidade de defender a neutralidade e evitar situacións de posible presión relixiosa. Ata hai ben pouco, por exemplo, a barba non estaba permitida no Exército de Turquía, xa que se asocia cunha mostra de adscrición á relixión islámica.

Non obstante, poderá distinguirse entre os espazos públicos, onde de base primará o principio pro libertate e, efectivamente, os establecementos públicos, como os hospitais ou os centros de ensino. Así, o TEDH dixo na sentenza da Gran Sala ditada no caso Ahmet Arswlan c. Turquía, do 23 de febreiro de 2010, que portar unha peza de roupa expresiva dunha relixión pola rúa non implica unha alteración real da orde pública, posición diferente á que adopta no caso dos centros de ensino ou de traballo. Non obstante, na sentenza tamén da Gran Sala S.A.S. c . Francia, do 1 de xullo de 2014, o TEDH dá por boa a lei francesa pola que se prohibe ir pola rúa coa cara tapada, motivada claramente coa intención de prohibir o burca.

A Decisión de inadmisión ditada no caso Mikyas e outros c. Bélxica, do 16 de maio de 2024, refírese novamente ao veo islámico3. As demandantes quéixanse da prohibición de levar o veo islámico na escola, establecida na Rexión de Flandres.

En Bélxica, a competencia en materia de educación, igual que acontece coa competencia en materia de benestar animal, como vimos no caso anterior, está descentralizada nas Rexións baseándose no artigo 127 da Constitución. As tres demandantes son cidadás belgas nacidas entre 2001 e 2004 e viven no municipio de Maasmechelen. Son musulmás e din que levan o veo islámico de conformidade coas súas crenzas relixiosas.

No momento en que se produciron os feitos, eran alumnas de escolas que pertencían ao grupo escolar 14 do municipio, que formaba parte do sistema de educación oficial xestionado pola Comunidade Flamenga. Segundo o anuario estatístico do curso 2002-2003, o sistema de educación flamengo da devandita categoría afectaba ao 17% da poboación escolar da educación primaria e ao 22% da educación secundaria.

En 2009 o consello educativo da Comunidade Flamenga decidiu estender a prohibición de levar símbolos relixiosos a toda a súa rede. A medida afectaba a todas as actividades escolares agás ás clases de relixión e ás de ética non normativa. As escolas ás que asistían as demandantes implantaron esta prohibición.

Cando as demandantes se matricularon, os pais asinaron a normativa escolar que contiña esta prohibición.

En 2017 os pais das demandantes, na súa capacidade como representantes legais, denunciaron o consello educativo alegando unha violación da liberdade relixiosa das súas fillas. O tribunal de primeira instancia de Tongeren resolveu que a prohibición era incompatible co artigo 9 do Convenio. Non obstante, o tribunal de apelación de Anveres anularía esa decisión ao considerar que as alegacións das demandantes eran infundadas. En 2020 un letrado do tribunal de casación indicoulles ás demandantes que, se recorrían, tiñan escasas perspectivas de éxito. As demandantes decidirían, en consecuencia, non recorrer en casación.

Ante o TEDH as demandantes alegan que a prohibición en cuestión infrinxiu os seus dereitos garantidos nos artigos 8 (dereito ao respecto da vida privada e familiar), 9 (liberdade de pensamento, consciencia e relixión), 10 (liberdade de expresión) e 2 do protocolo n.º ١ (dereito á educación), tido en consideración illada e xuntamente co artigo 14 (prohibición de discriminación). Tamén din que foron discriminadas no desfrute destes dereitos.

O TEDH admíteo en relación co artigo 9 CEDH. Non o admite, porén, en relación co resto dos preceptos, xa que non foron alegados na vía interna.

O TEDH observa que, de conformidade co artigo 24.1 da Constitución, o sistema de educación pública debe ser neutral, o que implica, en particular, o respecto ás conviccións filosóficas, ideolóxicas ou relixiosas dos pais e os alumnos.

Coa finalidade de cumprir coa exixencia constitucional, o consello educativo decidiu introducir unha prohibición xeral de levar símbolos relixiosos visibles nos seus establecementos. O Tribunal Constitucional entendeu que este concepto de neutralidade é compatible co artigo 24.1.e) da Constitución. Ofreceu razóns detalladas para xustificar a decisión do consello tendo en conta o contexto do sistema educativo establecido na Rexión Flamenga e os diferentes intereses concorrentes baseándose no artigo 9 do Convenio. E é que certamente nunha lectura conxunta da totalidade do precepto podería sosterse unha interpretación en sentido diferente, máis favorable ao principio pro libertate, xa que, por exemplo, prevé expresamente a materia de relixión, o que, seguindo a lóxica do TC, non encaixaría coa idea da educación neutra, aínda que se ofreza meramente con carácter optativo. Pagará a pena, por iso, reproducir o precepto na súa totalidade.

Ofrezo a versión en francés que publica o Senado belga na súa web:

“1. L’enseignement est libre; toute mesure préventive est interdite; la répression des délits n’est réglée que par la loi ou le décret.

La communauté assure le libre choix des parents.

La communauté organise un enseignement qui est neutre. La neutralité implique notamment le respect des conceptions philosophiques, idéologiques ou religieuses des parents et des élèves.

Les écoles organisées par les pouvoirs publics offrent, jusqu’à la fin de l’obligation scolaire, le choix entre l’enseignement d’une des religions reconnues et celui de la morale non confessionnelle.

2. Si une communauté, en tant que pouvoir organisateur, veut déléguer des compétences à un ou plusieurs organes autonomes, elle ne le pourra que par décret adopté à la majorité des deux tiers des suffrages exprimés.

3. Chacun a droit à l’enseignement dans le respect des libertés et droits fondamentaux. L’accès à l’enseignement est gratuit jusqu’à la fin de l’obligation scolaire.

Tous les élèves soumis à l’obligation scolaire ont droit, à charge de la communauté, à une éducation morale ou religieuse.

4. Tous les élèves ou étudiants, parents, membres du personnel et établissements d’enseignement sont égaux devant la loi ou le décret. La loi et le décret prennent en compte les différences objectives, notamment les caractéristiques propres à chaque pouvoir organisateur, qui justifient un traitement approprié.

5. L’organisation, la reconnaissance ou le subventionnement de l’enseignement par la communauté sont réglés par la loi ou le décret.”

O TEDH, baseándose na súa xurisprudencia e á marxe da apreciación que posúen os Estados na regulación da simboloxía relixiosa nos centros de educación públicos, constata que o concepto de neutralidade do sistema educativo de Flandres, considerado como a prohibición establecida aos alumnos de levaren á clase símbolos relixiosos, non supón en si mesmo unha vulneración do artigo 9 CEDH e dos valores que garante.

A este respecto, observa que a prohibición contestada non se limita ao veo islámico, senón a calquera distinción e símbolo visible das crenzas de cada un, como podería ser un crucifixo ou unha kipá.

Ademais, as demandantes elixiron libremente asistir a escolas do sistema educativo flamengo e deben coñecer que os órganos de goberno competentes teñen a obriga constitucional de asegurar o cumprimento do principio de neutralidade nestas escolas. Estas tamén foron informadas por adiantado das normas aplicables ás escolas afectadas e aceptaron vincularse.

Na medida en que a prohibición ten como finalidade a protección dos alumnos de calquera forma de presión social ou proselitismo, o TEDH reitera que é importante asegurar que, no mantemento do principio de respecto do pluralismo e a liberdade dos demais, a manifestación por parte dos alumnos das súas crenzas relixiosas nas instalacións da escola non adquira a natureza dun acto ostentoso. A este respecto, non ve razón para pór en cuestión as consideracións do consello educativo e do tribunal de apelación de Anveres en relación con incidentes acontecidos nalgunhas escolas do sistema educativo da Rexión.

Finalmente, o TEDH non é alleo á diferente situación en que se atopan os profesores e os alumnos. Mentres que os primeiros son símbolos de autoridade, os últimos deben someterse ás restricións na expresión das súas crenzas. O TEDH insistirá en que a prohibición dos símbolos relixiosos entre o alumnado responde á preocupación de previr calquera forma de exclusión ou presión mentres que se respecta o pluralismo e as liberdades dos demais.

O Estado dispón dunha marxe de apreciación para contemplar un sistema educativo en que os alumnos non leven símbolos relixiosos. O TEDH resalta que o pluralismo e a democracia se basean no diálogo e no espírito de compromiso, o que necesariamente implica cesións individuais xustificadas coa finalidade de manter e promover as ideas e valores dunha sociedade democrática. A restrición impugnada pode considerarse proporcionada á finalidade lexítima perseguida, que consiste na protección dos dereitos e liberdades dos demais e a orde pública e, polo tanto, necesaria nunha sociedade democrática. Por todo iso, o TEDH inadmite a demanda.

4 Prohibición do burquini en instalacións municipais

No caso Mikyas e outros c. Bélxica, do 16 de maio de 2024, como tratei de expor, o TEDH reproduce a xurisprudencia consolidada en que se dá por boa a prohibición do veo islámico nos centros públicos de ensino a prol da neutralidade. No caso ao que me vou referir a continuación, na Decisión de inadmisión Missaoui e Akhandaf c. Bélxica, do 24 de setembro de 2024, o TEDH evita pronunciarse acerca da prohibición do burquini, unha indumentaria inducida igualmente polo ámbito islámico, por un problema de carácter procesual, como desenvolverei a continuación. Nesta ocasión, a prohibición non se dá nun centro público de ensino, senón nunha piscina municipal.

O burquini é un traxe de baño feminino que cobre o corpo, agás as mans, os pés e a cara, que en ocasións recorda o traxe de neopreno4. Os responsables da piscina municipal de Anveres impedíronlles o acceso ás demandantes, xa que portaban esta peza de vestir, que está prohibida por un regulamento local.

As demandantes acudiron ante o presidente do Tribunal de Primeira Instancia de Anveres queixándose da prohibición de levaren un traxe de baño que cobre todo o corpo por razóns relixiosas, xa que, ao seu xuízo, supón unha discriminación por motivos relixiosos. O tribunal rexeitou a demanda. O tribunal de apelación desestimou o recurso que interpuxeron considerando que a prohibición era proporcionada.

As demandantes solicitaron a opinión dun letrado do tribunal de casación acerca das súas posibilidades de éxito se recorrían nesta vía. O avogado deulles unha opinión negativa, se ben subliñou que algúns dos razoamentos do tribunal de apelación eran criticables. Elas non interpuxeron o recurso. Entón acudiron ante o TEDH alegando unha violación do artigo 9 CEDH en relación co 14 CEDH.

O TEDH é consciente do importante papel que cumpren os letrados do tribunal de casación no seu labor de filtraxe dos asuntos. Non obstante, recorda que a opinión dun letrado non é unha decisión xudicial, polo que non ten a súa natureza nin forza, senón que se trata dun acto meramente orientativo. Por conseguinte, considera que o feito de que o tribunal de casación dese unha opinión negativa en canto ás posibilidades de éxito das demandantes nesta sede non implica automaticamente que o recurso se desestimase.

Neste caso, o TEDH di que nin o letrado nin as demandantes nos seus argumentos ante o TEDH se basearon en xurisprudencia interna nin noutros materiais relevantes que demostren que o dito recurso estaba abocado ao fracaso. Neste sentido, o TEDH observa que o tribunal de casación non ofreceu aínda unha decisión xudicial acerca da conformidade co ordenamento interno nin o Convenio da prohibición do burquini nas piscinas públicas. A este respecto, resalta que o tribunal de casación é o máis alto tribunal na xerarquía xudicial que ten xurisdición para establecer o dereito e, por conseguinte, sentar xurisprudencia para os casos futuros. O TEDH tamén comproba que hai xurisprudencia menor diverxente na orde nacional belga.

En consecuencia, o TEDH considera que a mera opinión negativa dun letrado do tribunal de casación non constitúe unha razón para impedirlles interpor o recurso de casación. As demandantes non empregaron os recursos xudiciais considerados no ordenamento interno para a determinación de se houbo unha violación, polo que o inadmite por non esgotamento da vía interna.

Polo tanto, este caso diferénciase do contido na sentenza Mikyas e outros c. Bélxica, do 16 de maio de 2024, en que, como glosei, o TEDH si admite a pesar de que tampouco se intentou a vía en casación pola opinión negativa dun letrado sobre un suposto de feito sobre o que si habería xurisprudencia constitucional que ratificaba as poucas perspectivas de éxito en casación.

5 Reflexión final

As tres resolucións que glosei ofrecen exemplos onde claramente se observa que a liberdade relixiosa non é ilimitada, senón que deberá convivir cos intereses xerais que expresamente se contemplan no segundo parágrafo do artigo 9 CEDH. Non obstante, nas tres, déuselle máis importancia á prevalencia dos citados intereses xerais fronte á liberdade, obviando o principio pro libertate. Dá a impresión de que os poderes públicos internos consideraron que o exercicio da liberdade nas tres situacións acontecidas xera problemas de orde pública suficientemente cualificados para xustificar a súa restrición, se ben esta solución non se xeneraliza na totalidade do Estado, senón que, baseándose na distribución de competencias entre entes territoriais e o conseguinte dereito á autonomía, se dá a nivel rexional ou local.5


  1. 1 Este traballo foi realizado no seo do proxecto “A europeización das sancións administrativas: a incidencia do dereito europeo no concepto de sanción, nas súas garantías e na súa función (PID2020-PID2020-115714GB-I00-I00)”, financiado pola Axencia Estatal de Investigación. O autor forma parte dos grupos de investigación UCM “931089 As transformacións do Estado e a autonomía local: organización institucional, servizos públicos e democracia participativa” e “970825 Globalización e Dereito Administrativo Global”.

  2. 2 O profesor Lorenzo Martín-Retortillo Baquer ocupouse cedo deste tema específico no seu traballo (2003) «Sacrificios rituales de animales, autorización administrativa y libertad religiosa (sentencia del Tribunal Europeo de Derechos Humanos Cha’are Shalom Ve Tsedek c. Francia, de 27 de Junio de 2000)», RAP 161.

  3. 3 Hai sentenzas emblemáticas ao respecto, como a ditada no caso Leyla Sahin c. Turquía, do 29 de xuño de 2004.

  4. 4 A palabra burquini, como intuirá o lector, conxuga a palabra burca e bikini.

  5. 5 Sobre estes e outros temas de liberdade relixiosa, remítome ao libro de Lorenzo Martín-Retortillo Baquer (2011) Estudios sobre libertad religiosa. Madrid: Reus.