Revista Galega de Administración Pública, EGAP
Núm. 68_xullo-decembro 2024 | pp. 61-87
Santiago de Compostela, 2024
https://doi.org/10.36402/regap.v68i1.5237
© Álvaro Rosales Fernández
ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371
Recibido: 15/11/2024 | Aceptado: 27/03/2025
Editado bajo licencia Creative Commons Atribution 4.0 International License
Claridade na linguaxe da Administración e colectivos vulnerables na España multilingüe. Especial atención á lingua asturleonesa
Claridad en el lenguaje de la Administración y colectivos vulnerables en la España multilingüe. Especial atención a la lengua asturleonesa
Language clarity in public administrations and vulnerable groups in multilingual Spain, with a particular focus on the Asturleonese language
Álvaro Rosales Fernández
Contratado predoutoral na Universidade de León (España)
https://orcid.org/0009-0007-8204-3053
Resumo: Os xuristas deben asumir que a claridade na linguaxe representa un paradigma do proceso de lexitimación das normas, xa que os cidadáns deben comprendelas de cara á súa validez e eficacia. Este feito cobra especial relevancia cando se poñen de manifesto situacións de vulnerabilidade, o cal obriga os poderes públicos a remover calquera causa de discriminación.1
En suma, a realidade plurilingüe de España representa un reto comunicativo nas comunidades autónomas con linguas cooficiais, onde hai un dereito de opción lingüística. Ademais, a existencia de territorios que optaron por un recoñecemento estatutario distinto da cooficialidade obriga a valorar as consecuencias deste modelo en relación con posibles causas de discriminación.
Palabras clave: Linguaxe clara, dereito doado, cooficialidade, multilingüismo, asturleonés.
Resumen: Los juristas deben asumir que la claridad en el lenguaje representa un paradigma del proceso de legitimación de las normas, toda vez que los ciudadanos deben comprenderlas en aras de su validez y eficacia. Este hecho cobra especial relevancia cuando se ponen de manifiesto situaciones de vulnerabilidad, lo cual obliga a los poderes públicos a remover cualquier causa de discriminación.
En suma, la realidad plurilingüe de España representa un reto comunicativo en las comunidades autónomas con lenguas cooficiales, donde hay un derecho de opción lingüística. Además, la existencia de territorios que han optado por un reconocimiento estatutario distinto de la cooficialidad obliga a valorar las consecuencias de este modelo en relación con posibles causas de discriminación.
Palabras clave: Lenguaje claro, derecho fácil, cooficialidad, multilingüismo, asturleonés.
Abstract: Jurists must assume that clarity in language is a paradigm of the process of legitimizing norms, since citizens must understand them for their validity and effectiveness. This fact is particularly relevant when situations of vulnerability are revealed, which forces the public authorities to remove any cause of discrimination.
In other words, the multilingual reality of Spain represents a communicative challenge, since in the autonomous communities with co-official languages there is a right to linguistic choice. However, the existence of territories which have opted for statutory recognition other than co-officialdom makes it necessary to assess the consequences of this model in relation to possible causes of discrimination.
Key words: Clear language, easy law, co-officiality, multilingualism, asturleones.
Sumario: 1 Introdución. 2 Aspectos xurídico-teóricos da cuestión obxecto de estudo. 2.1 A loita polo dereito doado. 2.1.1 Lingua e dereito. 2.1.2 O dereito a comprender a linguaxe xurídica. 2.2 Tutela xurídica das linguas rexionais e/ou minoritarias: o caso da lingua asturleonesa, estatutaria e non oficial. 2.2.1 Regulación lingüística constitucional. 2.2.2 Linguas e comunidades autónomas. 2.2.3 O marco de referencia lingüístico internacional. 3 Aspectos sociolingüísticos do asturleonés en León e Asturias a través dos actores implicados. 3.1 A situación actual do leonés e a actuación da Asociación Cultural Faceira. 3.1.1 Evolución do asturleonés. 3.1.2 A actividade de Faceira arredor da lingua leonesa. 3.2 A situación sociolingüística do asturiano: estado e retos de futuro. 3.2.1 O asturiano no franquismo 3.2.2 O asturiano na actualidade. 3.2.3 O reto da cooficialidade 3.3 A escolarización da lingua asturiana: unha cronoloxía. 3.3.1 Situación educativa na transición e os plans piloto. 3.3.2 Chegada da Lei de uso e desenvolvemento educativo na actualidade. 4 Conclusións. 5 Bibliografía.
1 Introdución2
O contexto social e político da transición foi especialmente vehemente respecto da arela de resolver a cuestión territorial e lingüística –ambas as dúas, estreitamente ligadas– nos territorios periféricos do Estado. Por iso, a Constitución española de 1978, como marco de convivencia e norma suprema do ordenamento xurídico español, supuxo un punto de inflexión no tratamento xurídico das linguas españolas distintas do castelán e, polo tanto, do desenvolvemento de verdadeiros dereitos lingüísticos para os seus falantes.
A construción do Estado democrático arredor da cuestión lingüística permitiu que cada comunidade autónoma decidise o status xurídico e o tratamento concreto da súa lingua ligada a este último territorio. Non obstante, o desenvolvemento paulatino da normativa lingüística e a súa interpretación a través do Tribunal Constitucional a partir da década dos anos 80 ata a actualidade non foi capaz de resolver todas as incógnitas que supuxo a adopción dun modelo aberto por parte da Constitución.
O certo é que a análise da regulación lingüística que parte do artigo 3 CE obriga a realizar un enfoque multidisciplinario entre distintas disciplinas das ciencias sociais que o dereito non pode obviar. Así, a busca última de lexitimidade das normas require pór no centro do debate cada cidadán do Estado con todas as circunstancias potencialmente susceptibles de discriminación, e, polo tanto, obrigando as administracións a remover estas causas últimas, entre as que poden atoparse a propia linguaxe administrativa ou xurídica –rexistro lingüístico– como a lingua de uso oficial en que o realizan –código lingüístico–.
2 Aspectos xurídico-teóricos da cuestión obxecto de estudo3
Este primeiro apartado garda a finalidade de servir como aproximación ao concepto de claridade na comunicación, así como ao mecanismo polo que se constitucionalizan e dispoñen legalmente os principios que deben rexer a relación co administrado, cobrando así especial transcendencia a obriga de erradicar a discriminación respecto dos colectivos máis desfavorecidos4.
Deste modo, é fundamental realizar unha síntese do concepto de claridade comunicativa e da linguaxe utilizada normalmente pola Administración nas súas diversas manifestacións. Neste sentido, adquiren un papel esencial, por un lado, a figura do administrado, en calidade de interlocutor, e, por outro, os principios reitores que deben guiar a súa relación coa Administración, focalizados aquí nos elementos comunicativos.
A existencia de colectivos vulnerables ou, polo menos, potencialmente vulnerables no Estado obriga a afondar sobre os anteriores conceptos e a súa interrelación, posto que pode darse na práctica unha mingua no exercicio de dereitos recoñecidos para certos substratos da poboación a causa de fallas comunicativas. Doutro xeito, a posible existencia de discriminación supón un reto a superar, a prol de cumprir os mandatos constitucionais de remoción dos obstáculos que impiden a igualdade, así como o de facilitación na participación da cidadanía na vida pública.
Noutra orde de cousas, a lingua, como código comunicativo, conta cunha serie de elementos que requiren da atención do dereito, dado que o plurilingüismo existente en España e a súa constitucionalización a través da institución da cooficialidade estatutaria cristalizou en numerosos marcos normativos autonómicos que non sempre permitiron a efectiva comunicación activa ou pasiva na respectiva lingua do administrado. Máis en concreto, e desde o prisma dos dereitos lingüísticos, pode confrontarse a realidade xurídica do asturleonés –como paradigma de lingua non cooficial en ningún territorio– en relación con distintas afectacións de dereitos.
2.1 A loita polo dereito doado
Realizar unha aproximación á linguaxe xurídica implica tomar consciencia de que se trata dun sistema xeralmente complicado, formalista, cheo de tecnicismos, arcaísmos, latinismos e estranxeirismos. E, non obstante, a linguaxe xurídica impacta na sociedade enteira e alcanza a todos os cidadáns, independentemente do seu estrato social ou rexistro lingüístico utilizado. Por iso, os xuristas deben asumir que a claridade é un requisito de lexitimidade do dereito.
Por outra parte, cómpre actuar a nivel global, mellorando a calidade da comunicación xurídica (dereito claro) e facilitando ao mesmo tempo a accesibilidade do dereito para os seus destinatarios máis vulnerables (dereito accesible). De nada serve recoñecer un dereito a comprender se o mero recoñecemento formal non vai acompañado de medidas para facelo efectivo. E, polo momento, aínda que comezan a despregarse mecanismos e exemplos prácticos de todo o anterior, non existen canles para a exixencia efectiva dunha linguaxe xurídica clara, comprensible e accesible.
2.1.1 Lingua e dereito
O certo é que o dereito ten unha linguaxe propia, denominada linguaxe xurídica, que se caracteriza por reunir uns elementos de seu desde un prisma lingüístico. Quizais o punto en que este feito se fai patente é no uso dun vocabulario e sintaxe propios, cunha manifestación nuns xéneros concretos5.
Dito doutro xeito, o dereito, igual que outras ramas de coñecemento, posúe unha linguaxe de especialidade, que de maneira habitual ten un carácter prescritivo, de modo que o emisor ocupa xeralmente unha posición de dominio pola intervención dos poderes públicos, aínda que tamén se atopan funcións reguladoras, performativas, informativas ou interpretativas6.
Neste sentido, cobra unha especial importancia o enfoque da linguaxe xurídica a través da aproximación aos distintos xéneros xurídicos, que non son outra cousa que as manifestacións sistemáticas deste complexo ámbito7:
Por outra parte, é recomendable reflexionar, como xuristas, acerca do contexto en que se sitúan os distintos escenarios comunicativos xurídicos. Esta disciplina, denominada pragmática, inflúe na correcta interpretación das palabras e do seu significado, así como das implicacións que ten o contexto na linguaxe xurídica8.
Por este motivo, tomando como referencia os anteriores xéneros, será receptor do dereito o cidadán no caso dos textos normativos e da linguaxe administrativa; os xuristas e os cidadáns ao mesmo tempo nos textos procesuais; ou soamente os xuristas no caso de textos académicos.
Doutro xeito, o emisor da linguaxe xurídica tamén depende da devandita realidade, atopándonos con que, como expresa MOREU9, “uns poucos deciden ou crean dereito (o lexislador, o goberno), outros fano cumprir (o xuíz, a Administración) e outros descríbeno, interprétano, sistematízano mesmo nun nivel de metalinguaxe (os avogados, os xuristas académicos)”.
O certo é que as anteriores aproximacións nos levan cara a un diagnóstico preocupante, e é que a linguaxe xurídica fracasa desde o punto de vista comunicativo. Son varios os factores que inflúen nesta situación: “o impacto dos medios de comunicación de masas, a falta dunha política clara de defensa e promoción do español, a dependencia da linguaxe política, a invasión do inglés e a debilidade dos estudos de lingua española na escola; o foco do problema sitúase na ineptitude para falar en público na era das comunicacións, na xudicialización da política e nun deficitario ensino secundario”10.
2.1.2 O dereito a comprender a linguaxe xurídica
As consecuencias da anterior problemática non son banais, xa que a incomprensión dos textos xurídicos por parte da cidadanía impacta directamente no ámbito dos dereitos e deberes. Así, o artigo 6.1 CC expón que “a ignorancia das leis non escusa do seu cumprimento”, mentres que o artigo 9.1 CE somete os poderes públicos e a cidadanía ás normas e ao ordenamento xurídico. Situámonos de cheo ante un problema de lexitimidade, de confianza e de eficacia do sistema xurídico11 que debe resolverse desde un dobre prisma: a linguaxe xurídica clara e a linguaxe xurídica accesible.
A linguaxe xurídica clara fai referencia á sinxeleza, precisión e ausencia de ambigüidade. Doutro modo, exixe achegarse á linguaxe utilizada normalmente pola sociedade tanto no ámbito semántico como na claridade normativa (simplificación). O certo é que observar desde o dereito a mellora da calidade lingüística e o estilo facilita a comprensión por parte da cidadanía12.
Por outra banda, a linguaxe xurídica accesible sitúanos ante unha problemática sensiblemente diferente, e é que depende esencialmente da situación do receptor. Neste sentido, facemos referencia á diversidade funcional, ou a persoas con discapacidade física, sensorial ou psíquica13. A previsión constitucional do artigo 9.2 CE de remoción de calquera causa de discriminación implica reforzar e aplicar unha serie de garantías para os colectivos susceptibles de discriminación14. Neste ámbito concreto, iso tradúcese no obxectivo de que os textos resulten de lectura doada e amable, o cal se está empezando a estender a distintos textos xurídicos, nos servizos públicos ou no acceso á xustiza, malia que polo momento non estamos ante un dereito exixible aos poderes públicos ou aos tribunais (vid. STSX Madrid 9043/2018, FX 6)15.
Finalmente, e como nexo cos seguintes apartados, cabe mencionar a situación multilingüe tanto pola parte do estatuto das linguas cooficiais e das políticas lingüísticas como unha conexión entre linguaxe e dereito con especial atención desde a doutrina xurídica. Doutro xeito, MOREU16 entende que “a reivindicación da linguaxe xurídica propia garda relación evidente co feito diferencial da lingua nun determinado contexto político [...]. En definitiva, a distribución territorial do poder e a coexistencia de linguas cooficiais xera problemas terminolóxicos e de tradución [...]. Ademais, España é un país con máis de catro millóns de cidadáns estranxeiros, e o obxectivo de comprensión da linguaxe xurídica debe facer fronte tamén a contextos multilingües”.
Todo o anterior cobra unha especial relevancia ante a situación en que se atopan varias linguas españolas, dado que non alcanzaron o status de cooficialidade, pola ausencia efectiva do dereito de opción lingüística. Este feito afecta aos anteriores colectivos que falen estas linguas, posto que impide, de facto, a posibilidade de que exista unha linguaxe accesible, ao comunicarse a Administración nun código diferente da súa lingua propia.
2.2 Tutela xurídica das linguas rexionais e/ou minoritarias: o caso da lingua asturleonesa, estatutaria e non oficial
O modelo constitucional español de pluralismo lingüístico, que ten no artigo 3 CE a súa clave, está a ser obxecto, á luz das novas previsións recollidas nos estatutos de autonomía e os seus desenvolvementos legais, dun proceso de reflexión e, nalgúns casos, de reinterpretación.
Así, centrarase a análise no tratamento que se dispensa estatutaria e legalmente á lingua asturleonesa, tanto en Asturias como en Castela e León. Esta lingua, que non foi obxecto dunha declaración expresa e formal de oficialidade, goza, non obstante, especialmente en Asturias, dun nivel de tutela superador das cláusulas de salvagarda que inclúe o recoñecemento legal de dereitos lingüísticos. Para tales efectos, observarase o marco estatutario e legal da lingua asturleonesa e o tortuoso camiño no recoñecemento dos dereitos lingüísticos. Por outra parte, abordarase o cuestionamento sistemático dos dereitos lingüísticos recoñecidos ex lege á comunidade asturófona: o criterio da gradación xerárquica ex artigo 3 CE e a negativa da existencia dun tertium genus. Finalmente, será debullado o estándar de tutela da lingua asturleonesa, así como a súa adecuación ao marco constitucional e estatutario: artigo 3.3 CE e Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.
2.2.1 Regulación lingüística constitucional
O feito multilingüe coñecíao o constituínte no momento de redactar a Constitución, e atopábase estreitamente relacionado coas reivindicacións políticas de autogoberno rexional. A complexidade política do momento derivou nun complexo marco xurídico que dependía do desenvolvemento das comunidades autónomas, a causa do principio dispositivo17, ademais da asunción de compromisos internacionais, tales como o proceso de integración europea.
Deste xeito, o preámbulo constitucional proclamaría a vontade de “Protexer todos os españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas e tradicións, linguas e institucións”. Este desiderátum deixaba clara a relación existente entre o autogoberno autonómico e a protección de todas as linguas españolas. É certo que os preámbulos constitucionais non son considerados preceptos directamente aplicables, malia teren valor como parámetro interpretativo de primeiro nivel.
Ao longo da carta magna, atópanse salpicados varios preceptos relacionados coas linguas: este é o caso do artigo 20.3 CE ao falar do respecto das linguas nos medios de comunicación; do artigo 148.1.17.ª CE ao determinar como competencia exclusiva das comunidades autónomas o ensino das súas linguas propias; ou a disposición derradeira, onde se obriga a publicación do texto constitucional nas demais linguas de España.
Non obstante, o modelo lingüístico atopa a súa concreción normativa no artigo 3 CE, referido expresamente ao marco lingüístico, onde, tras declarar a oficialidade do castelán no apartado 1.º, establece a cláusula do bilingüismo a través do mandato18 de cooficialidade do resto de linguas españolas19 por parte das comunidades autónomas20 nos seus respectivos territorios. Finalmente, pecha o artigo o apartado 3.º mediante a fórmula do respecto entre todas as modalidades lingüísticas –é dicir, entre todas as linguas españolas, e, pola súa vez, entre todas as variantes internas de cada unha delas–, e a súa valoración e vinculación co patrimonio cultural.
O certo é que da anterior regulación se desprenden unha serie de conceptos que determinan o noso modelo. Así, hai unha verdadeira xerarquía entre castelán e resto de linguas españolas que veu condicionando os límites da cooficialidade21. Noutra orde de cousas, existe unha atribución competencial da regulación lingüística ás CC. AA.22 que veu xerando, na práctica, modelos singulares en cada comunidade. Así mesmo, a vinculación regulatoria limitada ao territorio23 de cada autonomía supón, na práctica, afastar o noso modelo daqueles onde se regula por dominio lingüístico (Suíza).
Agora ben, o apartado terceiro xerou dúbidas de interpretación do conxunto do artigo, xurdindo así numerosas posicións doutrinais que se reparten desde valorar o modelo lingüístico como de tripla xerarquía ata considerar que só hai un nivel ideal de protección para as linguas24.
Deste modelo lingüístico de xerarquía xorden problemáticas concretas, como a non oficialidade de varias linguas españolas, entre as que se atopan o diasistema asturleonés –asturiano, cántabro, leonés e estremeño– e o aragonés, de maneira que varias comunidades valoraron a cooficialidade como posibilidade e non como mandato, regulando as súas linguas a través da institución do recoñecemento estatutario e a declaración de dereitos lingüísticos por vía legal.
O certo é que o Tribunal Constitucional realizou un control tácito e de obiter dicta dos estatutos que optaron por esta solución (STC 27/1996, FX 1.º), de xeito que non entrou a remarcar o posible carácter imperativo do artigo 3.2 CE, mentres que, doutro modo, validou que poidan desenvolverse dereitos lingüísticos a través deste mecanismo alternativo (STC 56/2016, FX 5.º, e STC 75/2021, FX 2). Non obstante, ao noso xuízo, non se realizou un esforzo argumentativo expreso que analice as causas e as consecuencias dun comportamento influído por diversas opcións políticas no que pode cualificarse como un exercicio de mutación constitucional. Por iso, deben traerse a colación outros parámetros que permitan contribuír á evolución da xurisprudencia do Tribunal Constitucional, como veu acontecendo na interpretación de conceptos xurídicos esenciais como a igualdade.
2.2.2 Linguas e comunidades autónomas
O noso modelo territorial baséase na incorporación do principio dispositivo como elemento que permitía tanto resolver a cuestión da determinación do mapa territorial como a concreción do rango competencial que podía ir alcanzando cada comunidade a través das reformas que puidesen propor dos seus estatutos. A cooficialidade da lingua propia pode interpretarse como unha das manifestacións concretas do dito principio25.
É certo que a mera declaración de cooficialidade desprega uns efectos comúns26, pero, a partir de aí, cada comunidade decidirá o alcance e os medios do seu modelo de normalización. Así, o principio dispositivo operará como modulador do grao de cooficialidade27 e dando sentido á literalidade do artigo 3.2 CE: “de acordo cos seus estatutos”.
Ata o momento, seis comunidades declararon a cooficialidade das súas linguas propias: Cataluña (art. 6 EAC, Lei 1/1998), Valencia (art. 6 EACV, Lei 4/1983) e Baleares (art. 4 EAIB, Lei 3/1986) declararon a cooficialidade do catalán/valenciano; Galicia (art. 5 EAG, Lei 3/1983) o galego; Euskadi (art. 6 EAC, Lei 10/1982) e Navarra (art. 9 LO 13/1982, Lei 18/196) o éuscaro. Doutro modo, soamente existe un exemplo dunha lingua que nun primeiro momento non gozaba desa protección e que adquiriu o dito status con posterioridade, o aranés28.
Deste crisol estatutario xorden distintas regulacións que, moldeadas polo principio dispositivo, permiten modular o grao de cooficialidade, extensión territorial, ámbito de aplicación ou ritmo de aprendizaxe29, mentres que, a causa do principio de territorialidade, eses efectos só se despregan dentro de cada comunidade.
Non obstante, xurdiu unha problemática derivada do principio de territorialidade, e é que varias linguas fóra das fronteiras onde son cooficiais non gozan deste nivel de protección. Este é o caso do galego en Asturias (Lei 1/1998), Castela e León (art. 5.3 EACeL) e Estremadura (declaración como BIC da Fala de Xálima); do catalán en Aragón (art. 7 EAAr, Lei 3/2013); e do valenciano no Jarche de Murcia, onde carece de protección estatutaria.
Esta cuestión, sumada á de linguas que non gozan do máximo nivel de tutela, foi resolta por parte do estatuínte, ao abeiro do artigo 3.3 CE, creando na práctica un terceiro nivel regulatorio que desprega distintos efectos xurídicos que a cooficialidade. Deste xeito, amparados no principio dispositivo, as comunidades de Asturias (art. 4 EAPA, Lei 1/1981) e Castela e León (art. 5.2 EAC) respecto do asturleonés; e Aragón (art. 7 EAAr, Lei 3/2013) sobre a lingua aragonesa, decidiron optar por esta protección limitada, descartando a cooficialidade. Este denominado tertium genus por PÉREZ FERNÁNDEZ30 merece unha especial atención pola citada mutación constitucional que puido suceder, tratamento que permite, en calquera caso, desenvolver un réxime de dereitos lingüísticos por vía de lei distintos dos automáticos que emanan da declaración de oficialidade expresa31.
É máis, atopamos que, por debaixo, Estremadura non protexeu nin recoñeceu de xeito explícito a súa diversidade lingüística –asturleonés de Estremadura ou estremeñu, fala do Xálima ou galego de Estremadura, e portugués raiano– senón a través de meras referencias indirectas nos artigos 7.2 e 9.1.47.º do seu Estatuto ao patrimonio lingüístico e cultural. Mentres que en Cantabria para a lingua cántabra –asturleonés de Cantabria– e en Murcia para o valenciano do Jarche nin sequera existen preceptos nos seus estatutos que as protexan, nin aínda de xeito indirecto. Polo que vemos, non existe un mínimo estándar de protección similar para todas as linguas de España32.
Este escenario, descrito como sistema de xerarquía por TASA FUSTER33, pode conducir a situacións de discriminación que contraveñan as distintas manifestacións do principio de igualdade, de modo que alcanzar o grao de protección máximo para as anteriores linguas supón un reto xurídico que implica superar a actual mutación constitucional que os distintos actores políticos foron mantendo ao longo do período de construción autonómica.
Por outra banda, analizando o ámbito asturleonés, atopamos que o mandato de cooficialidade do artigo 3.2 da Constitución aínda non foi satisfeito en Castela e León, apoiándose os seus preceptos no artigo 3.3 CE.
Na primeira redacción estatutaria de 1983 non existía mención ningunha á diversidade lingüística, sendo en 1999 cando foi introducido un artigo 4 celoso co recoñecemento do castelán como parte do acervo cultural da comunidade, mentres que, no apartado segundo, se recoñecería o plurilingüismo deste modo:
“2. Gozarán de respecto e protección a lingua galega e as modalidades lingüísticas nos lugares en que habitualmente se utilicen”.
Chegada a reforma do Estatuto do ano 2007, incorporouse por primeira vez unha mención explícita ao leonés, pero sen nomealo expresamente como lingua no artigo 5.2:
2. O leonés será obxecto de protección específica por parte das institucións polo seu particular valor dentro do patrimonio lingüístico da comunidade. A súa protección, uso e promoción serán obxecto de regulación.
O Principado de Asturias, pola contra, é o territorio onde se concentra o maior número de falantes patrimoniais de asturleonés34, motivo polo cal o glotónimo asturiano é o máis coñecido de todos os existentes para denominar a lingua. Tamén influíu de xeito notable o feito de que o asturiano, na súa variedade central, gozase dunha tradición literaria importante nos últimos séculos35, que contrastou co uso tradicionalmente dado ao resto de variantes do dominio lingüístico.
Estas circunstancias mostran un trazo particular da sociolingüística asturiana, que é de maior normalización e prestixio social que nos demais territorios, o cal influíu notablemente a nivel político e social, sendo Asturias o paradigma das reivindicacións lingüísticas pola cooficialidade da súa lingua propia. Non obstante, o tratamento ofrecido a nivel estatutario desde a promulgación do seu Estatuto de autonomía foi o de protección e recoñecemento limitado sen declarar a cooficialidade:
“Artigo 4.
1. O bable gozará de protección. Promoverase o seu uso, a súa difusión nos medios de comunicación e o seu ensino, respectando en todo caso as variantes locais e a voluntariedade na súa aprendizaxe.
2. Unha lei do Principado regulará a protección, uso e promoción do bable”.
Deste xeito, se ben a Lei 1/1998, do 23 de marzo, de uso e promoción do bable/asturiano emula nalgúns aspectos as citadas leis de normalización lingüística das comunidades con linguas cooficiais, non pode xerar os mesmos efectos que estas. Por iso, nos últimos anos as reivindicacións acerca da reforma estatutaria tomaron protagonismo, sendo na XI lexislatura cando máis preto se estivo de producir o mencionado cambio, aínda que finalmente unha disputada negociación política entre os partidos favorables á cooficialidade impediu alcanzar un consenso, e o debate quedou posposto tras os resultados electorais de maio de 2023 que deron paso á XII lexislatura.
2.2.3 O marco de referencia lingüístico internacional
O estudo do marco regulatorio non se esgota coas anteriores precisións, senón que require dun enfoque amplo, tendo en conta a normativa internacional existente na materia. Todo iso dada a asunción dos ditos compromisos a través do disposto nos artigos 10.2 e 96 CE. Pois, como expón APARICIO36, os tratados internacionais validamente celebrados e ratificados non só forman parte do ordenamento interno (ex artigo 96 CE), senón que aos que sexan de natureza relativa a materias de dereitos fundamentais se lles confire unha especial forza interpretativa e eficacia directa (ex artigo 10.2 CE).
Neste sentido, atopamos a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, ademais de toda unha extensa normativa derivada deste marco. Non obstante, a ausencia dunha carta de dereitos lingüísticos internacional que declare os dereitos lingüísticos como dereitos humanos37 non impediu certa regulación. Así, o artigo 2 da DUDH e os artigos 24, 26 e 27 do PIDCP confírenlle ao ámbito lingüístico un espazo á política que os Estados asinantes han de seguir en relación cos dereitos humanos. Así mesmo, atopamos distintas referencias lingüísticas na Convención sobre os dereitos do neno (arts. 29 c. e 30), na Convención sobre a loita contra a discriminación na esfera da educación (principio II, 1), no Pacto internacional de dereitos económicos, sociais e culturais (art. 2), na Convención para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial (art. 2.2. a.), na Convención sobre a protección e promoción da diversidade das expresións culturais (art. 6) e no Convenio para a protección dos dereitos humanos e das liberdades fundamentais (arts. 5, 6 e 14), ademais de no seu Protocolo n.º 12 (art. 1) e na Convención–marco para a protección das minorías nacionais (arts. 5, 10, 11, 12, 13 e 14)38.
Noutra orde de cousas, o Consello de Europa elaborou a Carta europea de linguas minoritarias en 1992, que establece unha serie de medidas para cumprir en educación, administración ou xustiza, e que España asinou, e ratificou no ano 200139.
Del deriva a aplicación desigual respecto das linguas cooficiais e das linguas con recoñecemento estatutario limitado, todo iso a través dunha serie de compromisos diferenciados das partes dispositivas da carta. Respecto das linguas que non son cooficiais, como é o asturleonés, foron numerosos os requirimentos do Consello de Europa encamiñados tanto a solicitar información específica da súa situación sociolingüística como a instar a Administración autonómica de Castela e León a permitir o acceso da lingua leonesa ao sistema educativo40. Tamén foi contundente a UNESCO, ao incluílo no Atlas das linguas do mundo en perigo como lingua en perigo de extinción41.
3 Aspectos sociolingüísticos do asturleonés en León e Asturias a través dos actores implicados42
A análise da situación concreta dos falantes de asturleonés pode supor un exemplo práctico de fallas comunicativas entre a Administración e os administrados, polo distinto código lingüístico utilizado. Desde o prisma dos dereitos lingüísticos, pode confrontarse a realidade cotiá dos falantes de asturleonés –como exemplo de lingua non cooficial en ningunha comunidade autónoma–. Así mesmo, resulta de interese aproximarse aos distintos escenarios en que se manifesta esa relación43.
Para chegar a esta problemática, é importante alertar de que en España máis de 10 millóns de persoas teñen como lingua habitual unha lingua española distinta do castelán, ata o punto de que arredor dun 1% da poboación, presumiblemente persoas maiores, son monolingües nelas e non coñecen o castelán ou teñen uns usos moi limitados nesta lingua. Como se afondou anteriormente44, o código que empregan as administracións pode provocar unha mingua de dereitos nos cidadáns. A lingua, polo tanto, ademais dun patrimonio cultural recoñecido como tal na Constitución española, forma parte dos elementos comunicativos, e nas CC. AA. en que non se produciron declaracións de cooficialidade a lingua de moitos cidadáns ocupa un papel secundario na gran maioría dos usos públicos.
Doutro modo45, un dos obxectivos da Carta europea das linguas rexionais é fomentar o emprego das linguas minoritarias, así como prover de medios para a aprendizaxe e a investigación no ámbito universitario. Seguindo esta senda, a Universidade de León trata de normalizar a lingua asturleonesa no seu ámbito46.
3.1 A situación actual do leonés e a actuación da Asociación Cultural Faceira
A sociolingüística pode axudar a explicar o tratamento normativo dispensado actualmente á lingua asturleonesa. Por iso, debe formularse unha síntese da evolución global da lingua asturleonesa desde o seu nacemento ata chegar á situación de extrema precariedade en que se atopa, en concreto nas provincias da Rexión Leonesa –León, Zamora e Salamanca– dentro da Comunidade de Castela e León.
Por outra banda, contrastarase a realidade práctica co encaixe estatutario que teoricamente protexe o leonés no dito territorio. Non obstante, a ausencia de medidas normalizadoras e dunha política lingüística a favor do leonés obriga a coñecer o labor que desde o asociacionismo se leva a cabo para a dignificación do idioma. E, máis en concreto, exporanse as actividades que ao longo do tempo foi desenvolvendo a Asociación Cultural Faceira, presidida por Ricardo Chao Prieto, tanto respecto á divulgación do leonés como aos traballos realizados arredor das denuncias da desprotección xurídica e prestacional en instancias autonómicas, estatais e europeas.
3.1.1 Evolución do asturleonés
O certo é que a orixe do asturleonés é similar á do nacemento do resto de linguas romances. Isto é, como evolución do particular latín vulgar falado en cada recanto da Romania tras a ruptura xeográfica que supuxo a caída do Imperio romano. E similar ao do resto de romances peninsulares, nun momento de división política entre os reinos cristiáns e o Al-Ándalus baixo control islámico, onde a fragmentación política e social favoreceu o xurdimento de distintos dialectos latinos que foron evolucionando paralelamente ata a final consolidación do romance como medio escrito, substituíndo o latín47. Doutro xeito, o proceso polo que foi substituíndose o latín como medio de escritura polas linguas romances foi similar en León ou Asturias ao do resto de Europa. Paulatino, ata o século XIII, onde aparece o romance escrito, precisamente como fonte de lexitimidade das normas48.
O Reino de León, como herdeiro do Asturorum Regnum (Reino dos Ástures) ou Reino de Asturias, estivo caracterizado pola existencia de varios romances (galego, leonés e castelán) que, malia teren trazos comúns, presentaban notables diferenzas. Non obstante, a lingua de prestixio, ou a lingua da corte, era a lingua asturleonesa, por atoparse desde o ano 910 na cidade de León o epicentro do poder político do Reino. É máis, na obra de Claudio Sánchez Albornoz Estampas de la vida en León hace mil años poden apreciarse numerosos trazos e feitos tanto lingüísticos como sociolingüísticos no prólogo titulado “Sobre el habla de la época” por MENÉNDEZ PIDAL49. Así, ao emular o falar da corte e da xente do común, recolle un protocolo notarial onde se apresura a traducir o discurso dun servo ao seu dono. Deste modo, Pidal traduce literalmente do latín “dueño, prendiéronme elos míos enemigos, ie metiéronme en fierros ie en cárcele, sen culpa”, ao cal engadiría: “así proseguiría expresándose nunha linguaxe semellante ao que hoxe aínda se conserva nalgúns recantos máis occidentais da provincia de León, cara a Ponferrada nos vales do río Sil”, certamente describindo o asturleonés occidental falado na actualidade. Sobre a situación da corte, chega mesmo a simular un escenario de conflito lingüístico ao contrastar os nobres de León a súa lingua coa fala castelá, a cal criticarían pola súa rudeza e vileza, ao cambiar e retorcer as palabras.
Foi a partir do século XIII cando aparece o romance escrito, o cal tamén acontece no espazo do Reino de León. Este feito xustificábase na necesidade de lle ofrecer unha lingua próxima a un pobo que demandaba coñecer os seus dereitos. Deste xeito, poden atoparse numerosos textos oficiais, tales como foros, cartas pobos ou protocolos notariais escritos en asturleonés. Tamén é posible achar exemplares do código procesual vixente en León – Fuero Juzgo50– en romance asturleonés desde o século XIII ata mesmo o século XV en terras leonesas por atoparse na Catedral de León o Locus apellationis. A existencia destes textos testemuña a importancia social e política da que gozaba o dito romance naquel momento histórico51.
Non obstante, a incorporación da Coroa Leonesa á Coroa Castelá a partir do ano 1230 supuxo un punto de inflexión en relación coa situación de prestixio social do asturleonés. Por iso, foise abandonado progresivamente o uso dos trazos leoneses, por seren percibidos como antigos e pertencentes a estratos sociais baixos. Esta situación debíase a que o centro do poder político se foi desprazando cara á área de influxo castelá, e a nobreza leonesa abandonou rapidamente o uso da lingua propia para non se ver prexudicada dentro das dinámicas políticas do novo estado medieval.
A perda paulatina de espazos e de influencia en favor da lingua oficial supuxo, así mesmo, o retroceso xeográfico do dominio lingüístico52 por atoparse en situación de contacto fronteirizo53, aínda que a aparición de xéneros literarios como o saiagués54 na idade moderna testemuñan o mantemento da lingua nos substratos sociais baixos e rurais na sociedade zamorana e salmantina, a cal chegou a manterse ata finais do século XIX e principios do XX55 na maior parte das dúas provincias.
A construción dos Estados nación ao longo do século XIX e a consolidación destes a través da xeneralización dunha lingua común viñeron provocando un forzado proceso de homoxeneización cuxos efectos aínda poden notarse a día de hoxe. O feito de que non se prestase unha atención especial a linguas como o asturleonés na actualidade forma parte deste proceso de substitución cultural e lingüístico, e debe analizarse e responderse de maneira axeitada e con coñecemento exhaustivo da súa realidade social.
3.1.2 A actividade de Faceira arredor da lingua leonesa
A causa da ausencia absoluta de política lingüística e de desenvolvemento legal do artigo 5.2 do Estatuto de Castela e León regulando o uso e promoción da lingua leonesa, o Procurador do Común solicitou no ano 2009 formalmente que cumprise o devandito mandato. Non obstante, un ano despois, presentaríase no Pleno das Cortes unha proposición non de lei que foi aprobada por unanimidade, instando a Junta a que impulsase o leonés con medidas para a súa protección específica, e cumprir co estatuto.
Preto de dúas décadas despois, a patente falta de cumprimento levou a diversas asociacións da sociedade civil a suplir esa falta de protección para coa lingua leonesa. Entre elas56 atópase a Asociación Cultural Faceira, nacida no ano 2011, continuando co labor dunha das primeiras asociacións lingüísticas de León, Facendera pola Llengua.
As denuncias efectuadas pola citada asociación derivaron en tres resolucións adicionais nos anos 2016 e 2023, mentres que en sede parlamentaria se desenvolverían numerosas preguntas e interpelacións, así como outras dúas PNL en 2016 e 2023 na Comisión de Educación, denunciando de novo a falta de desenvolvemento legal e a ausencia de medidas educativas. É máis, soamente se permitiría unha vez falar en leonés en sede parlamentaria, con motivo dunha sesión extraordinaria realizada en Santo Isidoro de León.
A carestía de política lingüística autonómica contrasta coa situación doutras comunidades cun status xurídico similar. Pero o certo é que se está impedindo a escolarización, estase vedando calquera uso na Administración ou impedindo a recuperación da toponimia tradicional57. Sobre todo o anterior inflúe a marcada ruralización da lingua neste territorio. Isto é, a realidade sociolingüística é complexa e existen unha serie de factores que impediron de facto a normalización lingüística. No entanto, coñecer esta realidade é imprescindible como paso previo a configurar unha política lingüística efectiva.
O certo é que o traballo neste sentido dependeu do voluntarismo das asociacións polos dereitos lingüísticos como Faceira, así como de institucións de territorios veciños como a Academia de la Llingua Asturiana, a cal veu realizar nos anos 2006, 2008 e 2010 tres investigacións sociolingüísticas que situaron o número de falantes entre 20.000 e 50.00058 repartidos en varias bisbarras, que á par foron azoutadas pola despoboación nas últimas décadas.
Porén, dun modo lento, o traballo realizado desde a transición pola sociedade civil comeza a ser recollido pola Administración local, así como pola Universidade de León. Os cursos de lingua leonesa ofrecidos por Faceira, os calechos, xornadas ou debates polo aumento de demanda social, contan recorrentemente co apoio de concellos como Villablino, Astorga, Carrizo de la Ribera, León ou Truchas. Froito desa colaboración, os dous últimos municipios comezaron a rotular as súas rúas en leonés, do mesmo xeito que recentemente varias poboacións do municipio de Castrocalbón.
O Instituto Leonés de Cultura da Deputación de León, pola súa banda, ofrece documentación en leonés, organiza o certame literario Caitano Bardón en lingua leonesa (vai pola súa segunda edición) e tamén rotulou a súa sede e museo etnográfico en leonés.
Paralelamente, no ámbito universitario, existe desde o ano 2017 unha Cátedra de Estudos Leoneses que colabora co ILC e con Faceira, dando lugar a congresos, cursos e mesmo unha revista –Añada– que ofrece un lugar de investigación sobre o leonés e en leonés. Ademais, esta rede colaborativa está a permitir o desenvolvemento de proxectos de recollida oral, creación de materiais didácticos e a promoción de investigacións. Este apoio, sumado á crecente demanda, fai posible que haxa máis produción científica e cultural, tanto literaria como musical.
Finalmente, no ámbito privado, cabe destacar a crecente presenza en RRSS e nos medios de comunicación, onde ciclicamente centran a súa atención na lingua e elaboran documentais e programas monográficos. Tamén existen algúns negocios que rotulan en leonés ou ofrecen produtos nesta lingua, servindo como exemplos varias campañas realizadas por Faceira con carteis de entrada a locais en leonés ou a elaboración neste idioma da carta dunha coñecida pizzaría leonesa.
3.2 A situación sociolingüística do asturiano: estado e retos de futuro
Este apartado conecta directamente co enfoque xurídico que se acaba de plasmar, a través dun repaso superficial á historia recente do asturiano e dos seus avances nos últimos 50 anos. Neste sentido, resulta fundamental confrontar os datos das últimas enquisas sociolingüísticas efectuadas en solo do Principado de Asturias, de maneira que poderá coñecerse así de primeira man a percepción que ten a sociedade asturiana da súa propia lingua e das perspectivas de desenvolvemento que se poden formular no futuro.
Resulta tamén de interese resaltar o papel desempeñado polo asociacionismo civil que veu reclamando un status de lingua cooficial para a lingua asturiana. Neste sentido, na actualidade é de destacar a asociación Iniciativa pol Asturianu, da que foi fundador e presidente ata o ano 2019 Inaciu Galán y González.
3.2.1 O asturiano no franquismo
Cabe citar, así mesmo, que o recoñecemento na Lei de memoria democrática aos supostos históricos de persecución e represión por motivo de lingua durante o franquismo –incluíndose o asturleonés baixo o glotónimo de lingua asturiana, ex artigo 4– abriu a porta a valorar na práctica como categoría sospeitosa de discriminación a lingua nun período histórico concreto. A dita discriminación, se ben se acentuou durante o réxime franquista, o certo é que non comezou con el, e lamentablemente algúns dos episodios de discriminación máis graves non foron nin recoñecidos nin resarcidos respecto a esta lingua milenaria ata o momento.
Como exemplos discriminatorios arredor da lingua asturleonesa, pode citarse un bando redactado en 1960 –recuperado por Emilio Gancedo para o Diario de León en 200359– polos mestres da localidade leonesa de Valdefuentes del Páramo, polo que se “recompensaba” os nenos que cambiasen o seu léxico “pueblerino” por un máis acorde cun “recto” idioma castelán. Este feito, que se ben parece puntual, volveu acontecer de xeito análogo 40 anos máis tarde en Asturias, onde as Carmelitas de Villaviciosa facían pagar 25 pesetas por cada palabra en bable. O certo é que determinadas institucións públicas como as educativas desempeñaron un papel esencial na substitución lingüística. Así, GALÁN60 explica que os castigos durante a escola franquista se facían de distintas formas, pero sempre implicaban xerar vergoña nos falantes, atribuíndolle ao uso do asturiano valores negativos, e, de man do testemuño directo de persoas educadas en todas as etapas da escola franquista, refírenos numerosos exemplos mesmo máis graves, relativos á violencia, estigmatización, burla ou reprimenda contra os menores en Asturias por falaren asturiano, que foron xeneralizados e afectaban polos seus efectos a todos os falantes de xeito transversal pola súa ruralidade e pobreza.
Os efectos desta política lingüística lingüicida en relación co asturleonés foron especialmente efectivos, e pódense corroborar a través de múltiples manifestacións sociolingüísticas, ata o punto de que os falantes nacidos arredor dos anos 40 do pasado século poden ser considerados os últimos falantes nativos nalgunhas bisbarras como La Ribera de Salamanca61, onde, por estaren instruídos xa en castelán, non valoraban positivamente a súa lingua tradicional ao asociala coa falta de educación. Deste xeito, xorde a diglosia, que consiste en diferenciar os usos de dúas linguas segundo o prestixio, e está especialmente presente no dominio asturleonés62; da mesma forma, maniféstase a autoxenreira e a falta de conciencia lingüística, relacionados co anterior, que inducen a pensar que realmente falan un mal castelán63. Todo iso tradúcese nunha falta de autoestima lingüística que, de facto, impide que moitos falantes valoren de forma positiva tanto o uso como as medidas a favor da lingua.
Trátase dun proceso64 con moitas arestas que conduce, en definitiva, á desaparición paulatina do asturleonés.
Contextualizar toda esta situación axuda a comprender as consecuencias que a sociolingüística pode ter na adopción normativa de medidas lingüísticas. Máis en concreto, a falta dun status xurídico axeitado pode explicarse precisamente nesas causas. Deste modo, o complexo proceso xurídico que pode revertelo supón a día de hoxe un auténtico reto xurídico de cara a garantir a igualdade e a dignidade, así como a manter a paz social.
3.2.2 O asturiano na actualidade
A situación definida anteriormente do asturleonés como lingua estatutaria non oficial ten unha serie de consecuencias e manifestacións nos distintos ámbitos da vida pública en Asturias. O certo é que as carencias xurídicas do sistema de recoñecemento de dereitos por vía legal se fan patentes ao comprobar a cantidade de usos oficiais que lles son vedados aos asturianos se optan por falar en asturiano.
Neste sentido, malia que o artigo 4 da citada Lei de uso recoñece o dereito de opción ante a Administración autonómica, esta só se cumpre na vertente activa, pero non na pasiva, mentres que a situación ante a Administración xeral do Estado nin sequera alcanza o uso activo, posto que a falta de cooficialidade veu sendo utilizada como pretexto para denegar o uso válido administrativo do asturiano. Sirva como exemplo o caso de numerosas asociacións cidadás que non puideron legalizarse polo feito de presentaren a documentación na devandita lingua á Delegación do Goberno en Asturias (no ano 1985 aconteceulle á Xunta pola Defensa da Llingua Asturiana, en 1987 ao Conceyu d’Estudantes Nacionalistes, ou en 1989 ao Coleutivu Llingua y Enseñanza) ou o feito de denegar recorrentemente a solicitude da Víspora del Día de les Lletres Asturianes polo mesmo motivo65.
Esta situación cobra un cariz especialmente grave se nos referimos ao ámbito electoral. Neste sentido, o partido político Andecha Astur atopouse coa negativa da Xunta Electoral Provincial no ano 1991 a votar en asturiano nas eleccións autonómicas, mentres que nos anos 1995 e 2000 non lles deixaron presentar candidatura ás eleccións xerais ao Congreso e Senado por ter a documentación en asturiano, se ben é certo que nesa última ocasión a STC 48/2000, do 24 de febreiro de 2000, estimou o recurso de amparo promovido polo partido e anulou esa decisión. Aínda que na actualidade se atopa en vías de normalización o uso do asturiano ante a Xunta Xeral do Principado, a situación non foi sempre similar. Así, déronse casos de discriminación no ano 1993, cando a Mesa do Parlamento rexeitou unha iniciativa do Partido Asturianista por ter parágrafos en asturiano, ou en 1996, cando rexeitou unha interpelación de Izquierda Unida polo mesmo motivo66.
Por outra banda, o lento desenvolvemento do artigo 15 da Lei de uso en relación coa toponimia permitiu perpetuar a castelanización e a confusión da toponimia tradicional. Este feito resulta patente na utilización soamente dos topónimos en castelán nos sinais viarios de circulación por parte dalgúns titulares da vía, así como noutras sinalizacións, anuncios, publicacións ou boletíns oficiais67.
A situación na Administración de xustiza é un exemplo de negación radical do uso do asturiano. E non soamente no ámbito do exercicio do poder xudicial (un cidadán nun xulgado de instrución de Xixón non puido declarar en asturiano), senón mesmo ante a prohibición do uso por parte de xuíces en vodas civís (un xulgado de primeira instancia de Mieres prohibiu que se utilizase o asturiano nunha voda na casa consistorial de Riosa)68.
3.2.3 O reto da cooficialidade
Os requisitos procesuais considerados no artigo 56.2 do Estatuto de autonomía de Asturias para proceder á reforma estatutaria e incluír o asturiano (e galego-asturiano) como lingua oficial exixen unha maioría de 27 deputados (3/5 do Parlamento) para poderen prosperar.
Como anteriormente se referiu, durante a XI lexislatura, o número de parlamentarios favorables á cooficialidade estivo moi preto desa cifra, pero a negociación política fracasou. Na actual lexislatura, o proceso de negociación parece lonxe de chegar a concluír en acordo, aínda que por primeira vez en democracia se iniciou o procedemento establecido no citado artigo, estando polo momento pendente de sinalarse a sesión para a votación da citada reforma.
O certo é que desde o ámbito social o apoio parte de distintos estratos sociais, e atopou resposta en varias enquisas realizadas por parte da Academia de la Llingua Asturiana. Este é o caso do II Estudo Sociolingüístico de Asturias, que amosou un apoio social do 60% a favor da cooficialidade, así como dun 80% de cidadáns que consideran o asturiano como lingua propia. Doutro modo, o 70% consideraba que o asturiano se trataba dunha lingua igual ás demais linguas rexionais cooficiais69.
Desde o ámbito municipal, tamén existiron mobilizacións a favor da cooficialidade ante os distintos procesos de reforma do estatuto, ata o punto de lanzar o Concello de Bímenes no ano 1997 unha declaración de cooficialidade do asturiano á que se sumaron Casu, Castrillón, Morcín, Llangréu, Teberga, Llaviana e Llanera, pero o TSX acabaría por anulalos.
3.3 A escolarización da lingua asturiana: unha cronoloxía
Se hai un ámbito que require de maior profundidade, é o educativo, por representar unha área de comunicación da Administración en que se verten numerosos dereitos da cidadanía e na cal participan administrados que, pola súa idade, son susceptibles de sufriren discriminación.
Por este motivo, vaise trazar un percorrido histórico a través do proceso de escolarización da lingua asturiana, desde os inicios das reivindicacións cidadás ata a situación que hoxe en día presenta o ensino deste idioma. Así, o estudo atende ao xurdimento da demanda escolarizadora da man da aparición do movemento lingüístico moderno de Asturias, con Conceyu Bable (1974, a cal recentemente acaba de cumprir o 50 aniversario), o recoñecemento do ensino da lingua no Estatuto de autonomía de Asturias no ano 1981, os traballos desenvolvidos pola Academia de la Llingua Asturiana para facer efectivo o estatuto desde a súa creación nese mesmo ano, a planificación e desenvolvemento do programa piloto co que se iniciou o ensino formal nas escolas e institutos entre 1984 e 1990, e, finalmente, a evolución da presenza do asturiano no sistema educativo do Principado desde ese momento ata a actualidade.
3.3.1 Situación educativa na transición e os plans piloto
O ámbito educativo representa un paradigma da relación desigual entre a Administración e uns administrados potencialmente vulnerables pola súa idade. O reto do encaixe dunha lingua minoritaria e estigmatizada historicamente non foi doado. Se algo puido inferirse ao longo dos anteriores apartados, é a situación de bilingüismo desequilibrado en que se atopan os falantes de asturleonés que producen serias afeccións sobre a propia percepción dos falantes que levan consigo a restrinxir o seu uso mediante fenómenos de interferencia lingüísticos, prexuízos, deterioracións das competencias lingüísticas e, finalmente, de desmantelamento70.
Non en van, a situación de partida desde o franquismo era, como normal xeral, a do estigma e a desconsideración oficial cara á lingua propia dos estudantes, posto que a política lingüística franquista se baseaba na uniformidade idiomática71. Con todo, o celo represivo coas linguas rexionais paulatinamente ía relaxarse, sobre todo a partir da década aperturista dos anos 50, se ben reservando primeiramente usos diglósicos e folclóricos ás linguas distintas do castelán, mentres que, ante o reto da nova Lei xeral de educación do ano 1970, os cambios sociais e o cumprimento de exixencias internacionais (UNESCO) propiciarían a entrada paulatina no sistema educativo dalgunhas das linguas rexionais72.
Non obstante, ningunha das variantes do asturleonés alcanzaría naquel momento convulso recoñecemento no sistema educativo. Pero en Asturias o nacemento de Amigos del Bable suporía paulatinamente a aparición no debate público da situación da lingua asturiana, o cal cristalizaría na I Asemblea Rexional do Bable, celebrada en Uviéu en novembro de 197373.
Daquel encontro con cariz académico xurdiría o contacto entre un grupo de mozos universitarios con inquietudes cara ao asturiano. Froito destes encontros, nacía o grupo Conceyu Bable en novembro de 1974, como unha sección da revista Asturias Semanal, coa novidade dun uso normalizador e reivindicativo do asturiano. Aos poucos meses, esta sección cristalizaría nun movemento moderno de reivindicación e recuperación do asturiano, rexistrándose oficialmente en xuño de 1976. E, se hai un ámbito que consideraron fundamental, foi o educativo, que acabaría articulándose arredor do seu lema “bable nes escueles”, inicialmente pensada como unha recollida de sinaturas74.
Malia as reivindicacións sociais e políticas incipientes da transición, a escolarización do asturiano non chegaría da man da declaración de cooficialidade da lingua, como se viu anteriormente. Por iso, pospúxose esta cuestión ata despois do ano 1981, tras a aprobación do estatuto e a creación da Academia de la Llingua Asturiana.
De feito, sería esta institución, a través dos “cursos de llingua pa enseñantes”, a que configuraría a estrutura para a habilitación do profesorado de asturiano entre os anos 1983 e 1994. Este paso foi fundamental para poder implementar a escolarización do asturiano a través dun plan piloto entre os anos 1984 e 199075.
3.3.2 Chegada da Lei de uso e desenvolvemento educativo na actualidade
A década dos 90 supuxo o afianzamento paulatino do asturiano no sistema educativo, aínda que precario en numerosas ocasións e cuestionado por parte de distintos sectores políticos. Sirva como exemplo a proposta do deputado conservador García Cañal acerca de que o ensino da lingua asturiana fose imperativo por parte do Estatuto76. A capacidade de veto dos centros educativos, as limitacións orzamentarias ou o requisito mínimo de 10 alumnos son algunhas das características deste modelo ata o ano 1998.
O recoñecemento expreso de dereitos lingüísticos por parte da Lei de uso desenvolvía no artigo 10 a escolarización da lingua asturiana en todos os niveis, garantindo a aprendizaxe voluntaria, e supoñía así mesmo, de facto, o recoñecemento como materia curricularmente integrada. Aínda que non sería ata o ano 2006, momento en que se aproba a LO 2/2006 de educación, cando a Consellaría de Educación puidese desenvolver os decretos necesarios para regular o currículo de asturiano, os cales chegarían no ano 2007 á educación primaria e secundaria, en 2008 a bacharelato e en 2018 á educación infantil. Se ben as cifras de oferta de centros son xeneralizadas no ámbito público, o certo é que na rede concertada e privada os datos son sensiblemente inferiores77.
Cabe destacar que outra das reivindicacións históricas arredor desta cuestión ten que ver coa vehicularidade do asturiano. Esta circunstancia foi formulada de xeito efectivo ao redor dun programa piloto lanzado no curso 2017-2018. A pesar de que o apoio a esa medida na III enquisa sociolingüística de Asturias era do 52% e en termos xerais o programa gozou dun notable éxito, polo momento non tivo continuidade78.
Finalmente, como colofón ao anterior, é importante referirnos á situación dos docentes, posto que en liñas xerais se caracterizaron pola temporalidade e a parcialidade. Por outra banda, a situación formativa evolucionou desde a asunción da formación por parte da universidade, aínda que non existe unha especialidade docente en lingua asturiana, como se veu reivindicando desde os sindicatos educativos79.
4 Conclusións
O dereito doado, a linguaxe clara e a linguaxe accesible son un recurso fundamental na procura da lexitimación do dereito, na mellora da eficacia das normas e un paradigma na remoción de causas de discriminación aos colectivos vulnerables.
España é un Estado multilingüe que creou regulacións e políticas lingüísticas moi dispares, dependendo do desenvolvemento do Estado autonómico e do autogoberno das comunidades autónomas. Non obstante, nas comunidades carentes de cooficialidade, o réxime de dereitos recoñecido por lei non alcanza nin satisfai as necesidades de certos colectivos susceptibles de vulnerabilidade, dándose na realidade social situacións de discriminación.
No ámbito internacional, existe normativa xuridicamente vinculante en materia lingüística, aínda que o cumprimento arredor da lingua asturleonesa está lonxe de ser efectivo.
A lingua asturleonesa atópase en perigo de extinción por unha situación de ruptura da transmisión xeracional e a xeneralización de estereotipos prexudiciais para a comunidade de falantes. Esta situación sociolingüística veu condicionando as medidas normalizadoras e legais nos distintos ámbitos do dominio lingüístico.
No ámbito de Castela e León, o incumprimento estatutario relativo ao desenvolvemento dunha lei de uso do leonés implica que o traballo feito dependa de xeito absoluto dun grupo de activistas, académicos e ocasionalmente dalgúns representantes sensibilizados coa lingua. Pola contra, a situación en Asturias, malia ter desenvolvemento legal de dereitos lingüísticos, atopouse con numerosos escollos que impediron alcanzar un dereito de opción efectivo, resultando paradigmático o complexo proceso de escolarización da lingua asturiana.
En definitiva, atopámonos ante un reto que une distintos enfoques xurídicos e multidisciplinarios de diversas áreas de coñecemento, e que supón un verdadeiro cuestionamento do marco lingüístico desenvolvido nas comunidades con falantes de lingua asturleonesa canalizado actualmente nun proceso de reforma estatutaria que busca situar o asturiano como lingua cooficial no Principado de Asturias, servindo como acicate ao resto de reivindicacións doutros territorios asturófonos.
5 Bibliografía
ÁLVAREZ ROBLES, T. El Derecho de acceso a internet: especial referencia al constitucionalismo español, Tirant lo Blanch, Valencia, 2024.
ÁLVAREZ ROBLES, T. “Los estudiantes con discapacidad y la realidad del sistema universitario español: desde la Convención sobre los Derechos de las Personas con Discapacidad a la Ley Orgánica 2/2023, de 22 de marzo, del Sistema Universitario (LOSU)” en VILAS VILLAMARÍN, A. (coord.) Las personas jóvenes y menores de edad como colectivo vulnerable, Aranzadi, Navarra (pendente de publicación).
ÁLVAREZ ROBLES, T. “Discapacidad y Universidad española: protección del estudiante universitario en situación de discapacidad”, Revista Derecho del Estado, Universidad Externado de Colombia , núm. 36, 2016, pp. 3-39.
ACADEMIA DE LA LLINGUA ASTURIANA., Informe sobre la represión y non reconocencia de los drechos llingüísticos n’Asturies, Academia de la Llingua Asturiana, Uviéu, 2002.
APARICIO PÉREZ, M. Á., “Lengua y modelo de Estado”, Revista de Derecho Político, núm. 43, 1997, pp. 29-48.
BARTOLOMÉ PÉREZ, N., “Los rexímenes xurídico-lingüísticos del asturllionés: estudiu comparativu del tratamientu legal del mirandés, el llionés y l’asturianu”, Añada: revista d’estudios llioneses, núm. 2, 2020, pp. 97-114.
BARTOLOMÉ PÉREZ, N., Derechu Llingüísticu del Principáu d’Asturies. Normativa y xurisprudencia, Gobiernu del Principáu d’Asturies, Uviéu, 2022.
CARMONA GARCÍA, I., “El estremeñu”, Hápax, núm. 4, 2011, pp. 77-102.
FERNÁNDEZ CHAPMAN, C., “Estigma e ideología lingüística alrededor del leonés”, Lletres Asturianes, núm. 121, 2019b, pp. 135-150.
GÁLVEZ SALVADOR, M. J., “Artículo 3” en PÉREZ TREMPS, P./SÁIZ ARANAIZ, A. (dirs.) Comentario a la Constitución Española. 40 aniversario. Libro-homenaje a Luis López Guerra, Tomo I (Preámbulo a artículo 96), Tirant lo Blanch, Valencia, 2018, pp. 131-139.
GALÁN I., ¡Volved las manos al bable! La llingua asturiana nel franquismu. Trabe, Uviéu, 2021.
GANCEDO, E. (09 de marzo de 2003, consultado el 10/10/2024). Palabras prohibidas en el Páramo. Diario de León.
GARCÍA ARIAS, X. L., “La escritura medieval asturiana” en Informe sobre la llingua asturiana (3.ª ed.), Academia de la Llingua Asturiana, Uviéu, 2002, pp. 59-68.
GARCÍA GIL, H., “La nuesa llingua nel restu del dominio ástur” en Informe sobre la llingua asturiana (4.ª ed.), Academia de la Llingua Asturiana, Uviéu, 2018, pp. 183-192.
LLORENTE MALDONADO DE GUEVARA, A., Estudio sobre el habla de La Ribera (comarca salmantina ribereña del Duero), Ediciones Universidad de Salamanca, Salamanca, 1947.
MARTÍN, A., Yo hablo, ellas cantorin. Las aventuras de un extremeño por los caminos de la diversidad lingüística. Pie de Página, España, 2023.
MAY, S., “Derechos lingüísticos como derechos humanos”, Revista de Antropología Social, núm. 19, 2010, pp. 131-159.
MENÉNDEZ PIDAL, R., El dialecto leonés, Diputación de León, León, 1990.
MENÉNDEZ PIDAL, R., “Sobre el habla de la época (pról.)”. En Sánchez-Albornoz, C. Una ciudad de la España cristiana hace mil años RIALP, Madrid, 2014, pp. 4-13.
MERLAN, A., “El asturiano en el Principado de Asturias y en la Tierra de Miranda” en DOPPELBAUER, MAX/CICHON, PETER (eds.), La España multilingüe. Lenguas y políticas lingüísticas de España, Praesens Verlag, Wien, 2008, pp. 77-107.
MOREU CARBONELL, E., “Nuestro lenguaje: el giro lingüístico del Derecho”, Revista de Derecho Público: Teoría y Método, vol. 1. 2020, pp. 313-362.
PÉREZ FERNÁNDEZ, J. M., El marcu llegal del asturianu. Víes pal reconocimiento efeutivu de los drechos llingüísticos, Fundación Caveda y Nava, Uviéu, 2005.
PÉREZ FERNÁNDEZ, J. M., “La tutela de las lenguas regionales o minoritarias estatutarias y su encaje en el modelo constitucional español: ¿Un tertium genus en el reconocimiento de derechos lingüísticos?”, Revista Española de Derecho Constitucional, núm. 89, 2010, pp. 157-191.
PÉREZ FERNÁNDEZ, J. M., “Potencial regulación del estatuto y usos de otras lenguas y modalidades lingüísticas de España” en LÓPEZ CASTILLO, A., Lenguas y Constitución Española, Tirant lo Blanch, Valencia, 2013, pp. 363-400.
PONS PARERA, E., “Transición española y pluralismo lingüístico en España” en Espaço Jurídico: Journal of Law, vol. 14, núm. 3, 2013, pp. 93-112.
RODRÍGUEZ ÁLVAREZ, M., El proceso histórico de escolarización de la lengua asturiana: dimensiones políticas y sociales, Academia de la Llingua Asturiana, Uviéu, 2022.
ROSALES FERNÁNDEZ, Á., El derecho constitucional de acceso a la autonomía de las nacionalidades y regiones en la actualidad. Un aporte desde León, Servicio de Publicaciones Universidad de León, León, 2024.
SOLOZÁBAL ECHEVARRÍA, J. J., “El modelo lingüístico constitucional como conjunto categorial específico” en LÓPEZ CASTILLO, A., Lenguas y Constitución Española, Tirant lo Blanch, Valencia, 2013, pp. 35-50.
TASA FUSTER, V., “El sistema español de jerarquía lingüística. Desarrollo autonómico del artículo 3 de la Constitución: Lenguas cooficiales, otras lenguas españolas y modalidades lingüísticas. Teoría y praxis”, Revista de Derecho Político, núm. 100, 2017, pp. 51-79.
UNESCO., Atlas de las Lenguas del Mundo en Peligro, Organización de las Naciones Unidas para la Educación, la Ciencia y la Cultura, París, 2010.
1 Este traballo é resultado do proxecto de investigación PID2020-PID2020-115760RB-I00-I00: “Vulnerabilidade, dereitos sociais e boa e-administración RETOS 2020 (2020-N185)”.
2 O pasado 19 de marzo de 2024, a Facultade de Dereito da Universidade de León, a través da organización realizada por parte da área de Dereito Constitucional, acolleu o seminario “Claridade na linguaxe da administración e colectivos vulnerables na España multilingüe”, todo iso no seo do proxecto de investigación “Vulnerabilidade, dereitos sociais e boa e-administración - retos 2020 PID2020-115760 RB-I00”. O propósito principal do seminario era a converxencia dos distintos obxectivos do citado proxecto, tendo como prismas orientadores a claridade na linguaxe da Administración, a situación de vulnerabilidade en distintos estratos da sociedade e o reto multilingüe que presenta España. Para iso, o seminario tería un carácter de sesión formativa-grupo de traballo aberta a toda a comunidade universitaria, así como ao resto da cidadanía potencialmente interesada, por medio dun formato híbrido presencial-síncrono en liña, alcanzando finalmente a cifra de 25 asistentes e 8 participantes.
Así mesmo, para potenciar a transferencia á sociedade, articularíase a sesión arredor de dúas mesas: a primeira cun enfoque estritamente xurídico, mentres que a segunda reuniría investigadores doutras ramas de coñecemento, coa finalidade de potenciar o enfoque multidisciplinario. Agora ben, para dotar de significado práctico a xornada, formularíase unha situación paradigmática dentro do crisol lingüístico do Estado que servise como fío condutor aos citados prismas orientadores, o cal non é outro que a situación sociolingüística e xurídica que vive o asturleonés como lingua estatutaria non oficial, coas posibles afectacións a dereitos da cidadanía que iso implica.
A Universidade de León non é allea á dita situación lingüística propia do contorno en que se encadra o seu ámbito de actuación, posto que desde o ano 2017 existe unha Cátedra de Estudos Leoneses especializada, entre outras cuestións, no estudo da lingua leonesa e a difusión á sociedade de distintos recursos que potencien o seu coñecemento. Por todo iso, o citado seminario encadrábase dentro da vontade da comunidade universitaria leonesa por tratar de ofrecer espazos de estudo, traballo e debate cun enfoque holístico arredor do asturleonés que sirva como foro a toda a sociedade leonesa. Non en van, a segunda das mesas, ademais de tratar especificamente esta cuestión lingüística, realizaríase coa singularidade de que todos os participantes interviñeron nalgunha variante asturleonesa, representando, polo tanto, non só unha notable novidade respecto a outros seminarios, cursos ou xornadas desenvolvidas anteriormente na Universidade de León, senón un punto de inflexión na normalización dunha lingua minoritaria en serio perigo de extinción.
En definitiva, o que vai poder lerse nas seguintes páxinas é a síntese da aprendizaxe efectuada a través dos distintos relatorios do seminario e dos materiais e recursos bibliográficos postos á disposición por parte dos investigadores a cargo.
3 A primeira das mesas do seminario foi moderada pola profesora en Dereito Constitucional da Universidade de León Tamara Álvarez Robles, e contou cos relatorios de Elisa Moreu Carbonell, catedrática acreditada de Dereito Administrativo da Universidade de Zaragoza, e de José Manuel Pérez Fernández, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Oviedo.
4 ÁLVAREZ ROBLES, T., “Discapacidad y Universidad española: protección del estudiante universitario en situación de discapacidad”, Revista Derecho del Estado, Universidad Externado de Colombia , núm. 36, 2016, pp. 3-39.
5 MOREU CARBONELL, E., “Nuestro lenguaje: el giro lingüístico del Derecho”, Revista de Derecho Público: Teoría y Método, vol. 1. 2020, p. 316.
6 Ibíd., p. 317.
7 Ibíd., pp. 319-325.
8 Ibíd., p. 341.
9 Ibíd., p. 344.
10 Ibíd., p. 344.
11 Ibíd., pp. 345-346.
12 Ibíd., pp. 348-349.
13 ÁLVAREZ ROBLES, T. “Los estudiantes con discapacidad y la realidad del sistema universitario español: desde la Convención sobre los Derechos de las Personas con Discapacidad a la Ley orgánica 2/2023, de 22 de marzo, del sistema universitario (LOSU)” en VILAS VILLAMARÍN, A. (coord.) Las personas jóvenes y menores de edad como colectivo vulnerable, Aranzadi, Navarra (pendente de publicación), p. 25.
14 ÁLVAREZ ROBLES, T. El Derecho de acceso a internet: especial referencia al constitucionalismo español, Tirant lo Blanch, Valencia, 2024, p.116.
15 MOREU CARBONELL, E., op. cit., pp. 350-351.
16 Ibíd., p. 345.
17 Este principio, nomeado tamén como de voluntariedade e definible como un principio estrutural básico da Constitución española, tiña encomendada a determinación do mapa territorial e o grao competencial de cada comunidade, tal como indica ROSALES FERNÁNDEZ, Á., El derecho constitucional de acceso a la autonomía de las nacionalidades y regiones en la actualidad. Un aporte desde León, Servicio de Publicaciones de la Universidad de León, León, 2024, p. 36.
18 Entende GÁLVEZ SALVADOR, M. J., “Artículo 3” en PÉREZ TREMPS, P./SÁIZ ARANAIZ, A. (dirs.) Comentario a la Constitución Española. 40 aniversario. Libro-homenaje a Luis López Guerra, tomo I (Preámbulo a artículo 96), Tirant lo Blanch, Valencia, 2018, p. 134, que estamos ante un verdadeiro mandato e non unha mera posibilidade para o estatuínte. Reforza esta idea, o feito de que, durante o transcurso dos debates constitucionais, se introducisen dúas emendas (n.º 235 e 736) que pretendían cambiar a palabra “serán”, por “poderán ser”. Seguindo esta lóxica, a non cooficialidade de varias linguas españolas sería inxustificable, situándoas ante unha anomalía constitucional. Sobre o importante sector doutrinal que defendeu o carácter imperativo, cita PÉREZ FERNÁNDEZ, J. M., El marcu llegal del asturianu. Víes pal reconocimiento efeutivu de los drechos llingüísticos, Fundación Caveda y Nava, Uviéu, 2005, p. 32, entre otros autores, a Tolivar Alas e a Millian Massana.
19 “La categoría jurídica de lengua oficial es la consecuencia natural y, si se quiere, la concreción lógica del reconocimiento del pluralismo lingüístico [...]” (Ibídem: 163 e 165).
20 Aínda que non hai que vela como exclusiva, pois entende SOLOZÁBAL ECHEVARRÍA, J. J., “El modelo lingüístico constitucional como conjunto categorial específico” en LÓPEZ CASTILLO, A., Lenguas y Constitución Española, Tirant lo Blanch, Valencia, 2013, pp. 37 e 44, que se trata dunha reserva que define a normación dos aspectos definitorios ou constitutivos, representando unha garantía institucional.
21 O Tribunal Constitucional fixa na STC 82/1986 que o único deber constitucional de coñecemento afecta á lingua castelá, PÉREZ FERNÁNDEZ, J. M., El marcu llegal del asturianu. Víes pal reconocimiento efeutivu de los drechos llingüísticos, Fundación Caveda y Nava, Uviéu, 2005, p. 32, p. 32. Aínda que, con certos matices, a STC 74/1987 permite excepcións arredor do desenvolvemento das administracións autonómicas e os seus funcionarios, TASA FUSTER, V., “El sistema español de jerarquía lingüística. Desarrollo autonómico del artículo 3 de la Constitución: Lenguas cooficiales, otras lenguas españolas y modalidades lingüísticas. Teoría y praxis”, Revista de Derecho Político, núm. 100, 2017, p. 54.
22 En concreto, a atribución está referida ao fomento do ensino das linguas como competencia autonómica (art. 148.1.17 CE). Aínda que non debemos ver unha competencia exclusiva todo o referido ao ámbito lingüístico, senón vela como unha reserva estatutaria que defina “a normación dos aspectos definitorios ou constitutivos”, en palabras de SOLOZÁBAL ECHEVARRÍA, J. J., “El modelo lingüístico constitucional como conjunto categorial específico” en LÓPEZ CASTILLO, A., Lenguas y Constitución Española, Tirant lo Blanch, Valencia, 2013, p. 37.
23 A competencia lingüística autonómica é de base exclusivamente territorial, ibídem, p. 49.
24 Sen sermos exhaustivos, atopamos posicións accidentalistas como a de GÁLVEZ SALVADOR, M. J., “Artículo 3” en PÉREZ TREMPS, P./SÁIZ ARANAIZ, A. (dirs.) Comentario a la Constitución Española. 40 aniversario. Libro-homenaje a Luis López Guerra, tomo I (preámbulo a artículo 96), Tirant lo Blanch, Valencia, 2018, p. 138, que, malia entender que hai un mandato de cooficialidade, existen CC. AA. que non regularon a protección das súas linguas mediante esta figura, tendo neste apartado unha posible habilitación constitucional que supla na práctica. Por outro lado, TASA FUSTER, V., “El sistema español de jerarquía lingüística. Desarrollo autonómico del artículo 3 de la Constitución: Lenguas cooficiales, otras lenguas españolas y modalidades lingüísticas. Teoría y praxis”, Revista de Derecho Político, núm. 100, 2017, p. 75, insiste en alcanzar o máximo nivel de protección para todas as linguas coa maior das igualdades posibles.
25 Aínda que GÁLVEZ SALVADOR, M. J., “Artículo 3” en PÉREZ TREMPS, P./SÁIZ ARANAIZ, A. (dirs.) Comentario a la Constitución Española. 40 aniversario. Libro-homenaje a Luis López Guerra, tomo I (preámbulo a artículo 96), Tirant lo Blanch, Valencia, 2018, p. 134, insiste no carácter imperativo da dita cláusula, o que o afastaría da plena virtualidade do principio dispositivo ou de voluntariedade.
26 Explica BARTOLOMÉ PÉREZ, N., Derechu Llingüísticu del Principáu d’Asturies. Normativa y xurisprudencia, Gobiernu del Principáu d’Asturies, Uviéu, 2022, p. 17, que a oficialidade exixe a declaración estatutaria expresa, tendo como consecuencia que a lingua oficial se atope alí en igualdade co castelán.
27 É aí onde operará o principio dispositivo, permitindo que cada comunidade con lingua propia poida definir tanto o alcance como o réxime de cooficialidade no seu territorio. Ibíd., p. 17.
28 A nova redacción do artigo 6.5 EAC en 2006 elevou a cooficial ao aranés (occitano) no ámbito da Val d’Arán, sendo a Lei 35/2010 a encargada de desenvolver a súa cooficialidade.
29 PÉREZ FERNÁNDEZ, J. M., El marcu llegal del asturianu. Víes pal reconocimiento efeutivu de los drechos llingüísticos, Fundación Caveda y Nava, Uviéu, 2005, p. 32.
30 PÉREZ FERNÁNDEZ, J. M., “La tutela de las lenguas regionales o minoritarias estatutarias y su encaje en el modelo constitucional español: ¿Un tertium genus en el reconocimiento de derechos lingüísticos?”, Revista Española de Derecho Constitucional, núm. 89, 2010, passim, pp. 157-191.
31 BARTOLOMÉ PÉREZ, N., “Los rexímenes xurídico-lingüísticos del asturllionés: estudiu comparativu del tratamientu legal del mirandés, el llionés y l’asturianu», Añada: revista d’estudios llioneses, núm. 2, 2020, p. 98.
32 Para saber máis sobre o complexo marco de xerarquía, pódese acudir a TASA FUSTER, V., “El sistema español de jerarquía lingüística. Desarrollo autonómico del artículo 3 de la Constitución: Lenguas cooficiales, otras lenguas españolas y modalidades lingüísticas. Teoría y praxis”, Revista de Derecho Político, núm. 100, 2017, passim, pp. 73-75, onde se refire a outras cuestión como a situación das modalidades lingüísticas de Andalucía, o tamazight, o caló e a haquetia.
33 Ibíd., passim.
34 Arredor de 350.000 persoas falan asturiano, mentres que o resto de falantes das distintas variantes alcanzan cifras moi inferiores (mirandés 4.500, leonés entre 25.000 e 50.000). MERLAN, A., “El asturiano en el Principado de Asturias y en la Tierra de Miranda” en DOPPELBAUER, M./CICHON, P. (eds.), La España multilingüe. Lenguas y políticas lingüísticas de España, Praesens Verlag, Wien, 2008, pp. 78-79; e GARCÍA GIL, H., “La nuesa llingua nel restu del dominio ástur” en Informe sobre la llingua asturiana (4.ª ed.), Academia de la Llingua Asturiana, Uviéu, 2018, p. 184.
35 Como explica GARCÍA GIL, H., “La nuesa llingua nel restu del dominio ástur” en Informe sobre la llingua asturiana (4.ª ed.), Academia de la Llingua Asturiana, Uviéu, 2018, p. 188 “nes tierres de Lleón y Miranda la producción lliteraria escrita va ser inexistente hasta feches cercanes, magar habría de xuru una lliteratura popular de tresmisión oral. De fechu onde la lliteratura popular será de tresmisión oral. Nun s’atopó daqué asemeyao a la que se producía n’Asturies dende metá del sieglu XVII con A. González Reguera y cola continuidá d’autores y obres”.
36 APARICIO PÉREZ, M. Á., “Lengua y modelo de Estado”, Revista de Derecho Político, núm. 43, 1997, pp. 45.
37 MAY, S., “Derechos lingüísticos como derechos humanos”, Revista de Antropología Social, núm. 19, 2010, pp. 131-159, passim, mostra a necesidade de que o marco internacional avance por esta liña.
38 APARICIO PÉREZ, M. Á., “Lengua y modelo de Estado”, Revista de Derecho Político, núm. 43, 1997, pp. 44-47; y BARTOLOMÉ PÉREZ, N., Derechu Llingüísticu del Principáu d’Asturies. Normativa y xurisprudencia, Gobiernu del Principáu d’Asturies, Uviéu, 2022, pp. 78-82.
39 O Convenio entrou en vigor en 1998, ratificándoo España en 2001. Este instrumento imponlle a España o máximo nivel de protección respecto das linguas cooficiais, quedando reservado un nivel limitado de protección para as demais linguas, segundo explica BARTOLOMÉ PÉREZ, N., “Los rexímenes xurídico-lingüísticos del asturllionés: estudiu comparativu del tratamientu legal del mirandés, el llionés y l’asturianu”, Añada: revista d’estudios llioneses, núm. 2, 2020, pp. 99-100.
40 Este procedemento de seguimento trianual concluíu con seis informes relativos a España (2005, 2008, 2012, 2016, 2019 e 2024), dos que, dentro do dominio lingüístico asturleonés, todos fan referencia ao asturiano, mentres que os catro últimos se refiren xa ao leonés. Ibídem: 100.
41 UNESCO, Atlas das Linguas do Mundo en Perigo, Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, París, 2010, p. 39.
42 A segunda das mesas sobre as que se desenvolveu o citado seminario foi moderada polo investigador predoutoral Álvaro Rosales Fernández, a cal abordaría o multilingüismo en España desde as consecuencias da non cooficialidade do asturleonés na comunicación da Administración.
43 O anterior foi posto de manifesto a través dos relatorios de Inaciu Galán y González, doutor en Xornalismo pola Universidade de Oviedo e Académico de Númberu da Academia de la Llingua Asturiana; Marcos Rodríguez Álvarez, profesor axudante doutor de Teoría e Historia da Educación da Universidade de Oviedo; e Ricardo Chao Prieto, profesor de Xeografía e Historia de instituto, doutorando sobre heráldica real leonesa e presidente da Asociación Cultural Faceira. Estes autores darían unha visión próxima e práctica de dous casos relativos ao multilingüismo en España, como é a situación sociolingüística do asturleonés en Asturias e en Castela e León.
44 Precisamente no apartado relativo ao relatorio da profesora Moreu.
45 E como se puxo de manifesto no apartado elaborado a partir do relatorio de José Manuel Pérez na primeira das mesas.
46 Deste xeito, os apartados seguintes foron elaborados a partir dos relatorios realizados tanto na variedade central do asturianu como na variedade occidental do leonés, así como a partir de materiais redactados nesta lingua española.
47 Esta cristalización das linguas romances foi modelada a través da nivelación, ata o punto de que, como expresa CARMONA GARCÍA, I., “El estremeñu”, Hápax, núm. 4, 2011, p. 77 “entre los hijos y nietos del latín, al ser una familia tan numerosa, hay veces en que algunos miembros no se conocen y pueden, por desgracia, que nunca lo lleguen a hacer, pues desaparecen antes de que se repare en ellos”.
48 GARCÍA ARIAS, X. L., “La escritura medieval asturiana”, en Informe sobre la llingua asturiana (3.ª ed.), Academia de la Llingua Asturiana, Uviéu, 2002, pp. 59-68.
49 MENÉNDEZ PIDAL, R., “Sobre el habla de la época (pról.)”. En Sánchez-Albornoz, C. Una ciudad de la España cristiana hace mil años RIALP, Madrid, 2014, pp. 4-13.
50 O certo é que hai máis textos xurídicos conservados en asturleonés que literarios; os foros chegaron ata a zona hoxe portuguesa de Riba-Coa, sendo, desde o punto de vista lingüístico, máis interesantes os protocolos notariais, GARCÍA ARIAS, X. L., “La escritura medieval asturiana” en Informe sobre la llingua asturiana (3.ª ed.), Academia de la Llingua Asturiana, Uviéu, 2002, p. 65. Además, MENÉNDEZ PIDAL, R., El dialecto leonés, Diputación de León, León, 1990, p. 15, indica que “se comprende que todos los códices romanceados sean leoneses, porque era código que regía especialmente en León, más que en Castilla”.
51 A vinculación do prestixio da lingua ao poder político é tal que, unha vez perdida a condición de lingua cortesá e establecida a hexemonía castelá, a perda de espazos para o leonés é irreparable. Deste xeito, soamente sería reservada co paso do tempo para o xaronismo, no teatro, paso previo para a desaparición dunha lingua, FERNÁNDEZ CHAPMAN, C., “Estigma e ideología lingüística alrededor del leonés», Lletres Asturianes, núm. 121, 2019b, p. 141.
52 Detalla GARCÍA GIL, H., “La nuesa llingua nel restu del dominio ástur” en Informe sobre la llingua asturiana (4.ª ed.), Academia de la Llingua Asturiana, Uviéu, 2018, p. 184), que historicamente o dominio lingüístico tivo maior extensión, quedando testemuñado a través do mantemento de trazos e elementos léxicos fóra da área de influencia actual.
53 Sobre as características do complexo proceso de substitución lingüística –nomeado como castelanización–, pódese acudir a GARCÍA ARIAS, X. L., “La escritura medieval asturiana” en Informe sobre la llingua asturiana (3.ª ed.), Academia de la Llingua Asturiana, Uviéu, 2002, pp. 65 e 66.
54 Este xénero, segundo FERNÁNDEZ CHAPMAN, C., “Estigma e ideología lingüística alrededor del leonés», Lletres Asturianes, núm. 121, 2019b, pp. 137-138, buscaba a hilaridade do público, exaxeraba trazos fonéticos do dialecto dos protagonistas da obra, rematando así por representar as falas meridionais (ao sur do río Douro) do Reino de León.
55 LLORENTE (1947: 30) expón que, malia o avance da lingua oficial (o proceso de castelanización era claro), os dialectos leoneses de Salamanca aínda se conservaban nas “xeracións rústicas e vellas”. É máis, segundo o seu relato, pode considerarse a xeración dos anos 40 como a do comezo da substitución lingüística en bisbarras occidentais da provincia de Salamanca (La Ribera), ao considerar os mozos instruídos como bilingües.
56 Dentro do ámbito das provincias de León, Zamora e Salamanca (así como no resto do dominio lingüístico), son numerosas as asociacións que teñen entre os seus fins a defensa do patrimonio cultural e lingüístico, como Furmientu, Colectivo Ciudadanos de la Región Leonesa, La Parva, L’Alderique, El Fueyu, El Teixu, Alcuentru, Órgano de Seguimiento y Coordinación del Extremeño y su Cultura, Iniciativa pol Asturianu ou Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana, entre moitas outras.
57 Sobre isto último, cabe mencionar que o artigo 24 da Lei 1/1998, do 4 de xuño, de réxime local de Castela e León, exixe que a denominación dos municipios sexa en castelán, limitando calquera expresión plurilingüe neste sentido.
58 GARCÍA GIL, H., “La nuesa llingua nel restu del dominio ástur” en Informe sobre la llingua asturiana (4.ª ed.), Academia de la Llingua Asturiana, Uviéu, 2018, pp. 184.
59 GANCEDO, E. (09 de marzo de 2003, consultado o 10/10/2024). Palabras prohibidas en el Páramo. Diario de León. https://www.diariodeleon.es/cultura/30309/474757/palabras-prohibidas-paramo_amp.html#amp_tf=De%20%251%24s&aoh=16630132555370&referrer=https%3A%2F%2Fwww.google.com&share=https%3A%2F%2Fwww.diariodeleon.es%2Farticulo%2Fcultura%2Fpalabras-prohibidas-paramo%2F20030309010000649986.html
60 GALÁN I., ¡Volved las manos al bable! La llingua asturiana nel franquismu, Trabe, Uviéu, 2021, pp. 53-73.
61 LLORENTE MALDONADO DE GUEVARA, A., Estudio sobre el habla de La Ribera (comarca salmantina ribereña del Duero), Ediciones Universidad de Salamanca, Salamanca, 1947, pp. 21-22.
62 Como explica MARTÍN, A., Yo hablo, ellas cantorin. Las aventuras de un extremeño por los caminos de la diversidad lingüística, Pie de Página, España, 2023. p. 125, ao fío da realidade lingüística estremeña, esta situación diglósica, se se mantén no tempo, pode levar o falante a unha situación de substitución lingüística completa.
63 CARMONA GARCÍA, I., “El estremeñu”, Hápax, núm. 4, 2011, p. 78, considera esta idea o froito dunha mitoloxía canceríxena que envelenou a percepción dos estremeño-falantes.
64 Acerca deste complexo proceso a través das primeiras manifestacións desde o Século de Ouro coa aparición do xénero saiagués, dedica un completo estudo FERNÁNDEZ CHAPMAN, C., “Estigma e ideología lingüística alrededor del leonés», Lletres Asturianes, núm. 121, 2019b, pp. 135-150.
65 ACADEMIA DE LA LLINGUA ASTURIANA., Informe sobre la represión y non reconocencia de los drechos llingüísticos n’Asturies, Academia de la Llingua Asturiana, Uviéu, 2002, pp. 12-1313.
66 Ibíd. p. 13.
67 Ibíd. p. 19.
68 Ibíd. pp. 13-14.
69 Ibíd. p. 11.
70 RODRÍGUEZ ÁLVAREZ, M., El proceso histórico de escolarización de la lengua asturiana: dimensiones políticas y sociales, Academia de la Llingua Asturiana, Uviéu, 2022, p. 30.
71 Ibíd., p. 254.
72 Ibíd., pp. 262, 267 e 287.
73 Ibíd., pp. 296 e 304.
74 Ibíd., pp. 325-327 e 378.
75 Ibíd., pp. 503 e 626.
76 Ibíd., p. 740.
77 Ibíd., p. 742.
78 Ibíd., p. 747.