Revista Galega de Administración Pública, EGAP
Núm. 69_xaneiro-xuño 2025 | pp. 165-167
Santiago de Compostela, 2025
https://doi.org/10.36402/regap.v2i69.5256
© Luis Barreiro-Castro
ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371
Recibido: 10/02/2025 | Aceptado: 26/06/2025
Editado bajo licencia Creative Commons Atribution 4.0 International License
Las razones del voto en la España democrática 1977-2023
Luis Barreiro-Castro
Doutor en Socioloxía
Funcionario do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia
ORCID Id: https://orcid.org/0000-0002-5659-5715
O novo libro de Juan Jesús González constitúe unha obra de obrigada lectura para entender as vicisitudes da política española desde a transición. Este autor debulla ao longo de nove capítulos, de doada lectura, as claves para entender o voto dos cidadáns nas eleccións xerais celebradas en España desde 1977.1
González é un autor de referencia para entender a dinámica da política española nas últimas décadas, ata o punto de que unha parte das súas obras se converteron en manuais en distintas universidades.
O autor móstranos o contraste da moderación do electorado, nos primeiros pasos da democracia española, fronte á polarización que se instalou nas últimas décadas. Esta inicial moderación reflectiuse na configuración do sistema de partidos da transición, de maneira que os partidos máis próximos ao centro político estiveron chamados a desempeñar un papel principal nas tarefas de goberno, quedando os partidos máis extremos, xustamente os que tiveran un maior protagonismo no franquismo, relegados a un papel secundario.
Para González esta moderación empezou a quebrarse na segunda lexislatura de José María Aznar, en que, despois de obter unha maioría absoluta, este optou por abandonar as posicións e políticas centradas, que tan bos resultados electorais lle proporcionaran, en favor doutras cunha maior carga ideolóxica. Desde este momento, a polarización política normalizouse, dando lugar a un aumento paulatino desta. Este diagnóstico coincide coas conclusións de recentes traballos que apuntan a este fenómeno en España (Miller, 2020; 2021; Orriols, 2021; Orriols e León, 2020). Nesta deriva, asígnaselles un papel relevante aos medios de comunicación, de maneira que non sería casual que a primeira onda de polarización política, a rexistrada ao final da etapa socialista, se producise nun momento de máxima polarización mediática, a partir da liberalización do medio televisivo e a loita polo control dos medios de comunicación. Este argumento enlaza coa inclusión de Hallin e Mancini (2004) do sistema de medios español dentro do modelo mediterráneo. Este modelo estaría caracterizado, entre outros trazos, por un aliñamento político dos medios de comunicación que os conduciría a tarefas de adoutrinamento propias dun aparato ideolóxico, por unha mingua na autonomía profesional dos xornalistas e polo intervencionismo público nos medios de comunicación. Desta forma, o sistema mediático español distinguiríase por un aliñamento político dos medios, de maneira que a súa función informativa quedaría desprazada por tarefas de adoutrinamento. Estes medios, en ocasións, non se conformarían con ser altofalantes dos partidos afíns, senón que intentarían imporlles a súa axenda política, converténdose en actores políticos e factores de polarización.
González, pola súa vez, analiza o auxe e caída das novas formacións políticas nacidas a partir da crise de representación que se manifestou no ano 2011. A xénese desta viría determinada pola crise económica, a incapacidade da clase política para darlle resposta e as políticas de austeridade e empobrecemento das clases asalariadas. Con estes ingredientes, fraguouse o caldo de cultivo para a aparición de novas formacións políticas, como Podemos e Ciudadanos, que canalizaron o descontento social existente. Para o autor, o posterior declive destas formacións ten un elemento en común: o feito de que os electores os responsabilizaron da repetición electoral de 2016, no primeiro caso, e a de 2019, no segundo. Xunto a estas formacións, emerxe VOX, partido que pasa a ocupar un espazo político situado á dereita do PP, e que foi gañando relevancia en distintos sectores da sociedade, ata o punto de chegar a ser a forza máis votada, nas eleccións de abril de 2019, en varios sectores ocupacionais como o pequeno negocio, a agricultura, as forzas armadas e os corpos de seguridade. A partir dese punto, VOX aproveitou a repetición electoral para estenderse pola España despoboada.
Pero o máis destacable da obra é que o autor fundamenta a súa análise da dinámica electoral, da España democrática, en datos demoscópicos que outorgan solidez aos seus argumentos. A xeito de exemplo, dedica un dos seus capítulos a xustificar como nas eleccións do ano 2000 se produciu un desprazamento do voto ideolóxico polo voto económico, o que lle permitiu a José María Aznar obter a maioría absoluta. O autor mostra como ao redor dun millón de votantes da esquerda apoiaron nesas eleccións o PP, malia estaren máis próximos ideoloxicamente ao PSOE, como consecuencia de que valoraban máis favorablemente a capacidade de xestión da formación presidida por Aznar. Deste xeito, a percepción de eficacia do primeiro goberno do PP imporíase por enriba de calquera consideración política.
En conclusión, a obra de González constitúe unha referencia para entender, desde un punto de vista político, a dinámica electoral e mediática das últimas catro décadas en España. Malia os abundantes datos demoscópicos a que recorre, está escrita cunha linguaxe sinxela que facilita a compresión destes, polo que a súa lectura pode recomendarse a todas as persoas que, interesadas na materia, carezan de coñecementos estatísticos ou demoscópicos, abrindo, en consecuencia, o abano de potenciais lectores a todo o público en xeral. Ao anterior cómpre engadir que a claridade conceptual manifestada, xunto co rigor argumental apoiado en datos, converten esta obra nunha candidata a ser un manual pedagóxico de referencia dentro das ciencias sociais e políticas.
Bibliografía
Hallin, D. C. e Mancini, P., Comparing media systems: Three models of media and politics. Cambridge University Press, 2004.
Miller, L., “Polarización en España: más divididos por ideología e identidad que por políticas públicas”, EsadeEcPol Insight, 18, 1-14, 2020. https://itemsweb.esade.edu/research/EsadeEcPol-insight-polarizacion.pdf
Miller, L., “La polarización política en España: entre ideologías y sentimientos”, Papeles de relaciones ecosociales y cambio social, 152, 13-22, 2021.
Orriols, L., “La polarización afectiva en España: bloques ideológicos enfrentados”, EsadeEcPol Insight, 28, 1-14, 2021. https://www.esade.edu/ecpol/es/publicaciones/polarizacion-afectiva/
Orriols, L. e León, S., “Looking for Affective Polarisation in Spain: PSOE and Podemos from Conflict to Coalition”. South European Society and Politics, 25(3–4), 351–379, 2020. https://doi.org/10.1080/13608746.2021.1911440
1 González Rodríguez, J. J., , Editorial Catarata, Madrid, 2024, ISBN: 978-84-1352-947-9