Revista Galega de Administración Pública, EGAP
Núm. 70_xullo-decembro 2025 | pp. 149-163
Santiago de Compostela, 2026
https://doi.org/10.36402/regap.v1i70.5262
©Juan Jesús González Rodríguez|©Luis Barreiro-Castro
ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371
Recibido: 11/02/2025 | Aceptado: 16/12/2025
Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License
Eleccións galegas 2024: o fracaso do bibloquismo
Elecciones gallegas 2024: el fracaso del bibloquismo
The 2024 Galician Elections: the failure of the two-bloc system
Juan Jesús González Rodríguez
Catedrático de Socioloxía
Universidade Nacional de Educación a Distancia, Madrid, España
Luis Barreiro-Castro
Doutor en Socioloxía
Funcionario do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia
ORCID Id: https://orcid.org/0000-0002-5659-5715
Resumo: Neste traballo discútense as posibles causas do fracaso do bibloquismo nas eleccións autonómicas galegas celebradas no ano 2024. Comezaremos estudando as transferencias de votos destas eleccións con respecto ás xerais de 2023, co fin de estimar a magnitude do problema: o PSdG perdeu máis da metade dos votos conseguidos nas xerais de seis meses antes. A continuación, faremos unha tipoloxía de votantes socialistas para dilucidar se esta caída sen precedentes foi debida á distinta natureza dos comicios (voto dual) ou, pola contra, estivo causada por razóns estratéxicas. Para iso distinguiremos tres tipos de votantes socialistas, segundo votasen nas dúas eleccións ao PSdG (fieis), cambiasen o seu voto ao BNG (duais) ou abandonasen o bloque de esquerdas, xa sexa para votar ao PP ou para absterse. Os resultados obtidos apuntan a que a estratexia electoral do PSdG fracasou tanto á hora de minimizar o voto dual como de evitar fugas do bloque de esquerdas, que foron, en última instancia, as que lle permitiron ao PP revalidar a súa maioría absoluta.
Palabras clave: Comportamento electoral, fidelidade electoral, Galicia, ideoloxía, lealdade partidista, polarización afectiva.
Resumen: En este trabajo se discuten las posibles causas del fracaso del bibloquismo en las elecciones autonómicas gallegas celebradas en el año 2024. Comenzaremos estudiando las transferencias de votos de estas elecciones con respecto a las generales de 2023, a fin de estimar la magnitud del problema: el PSdG perdió más de la mitad de los votos conseguidos en las generales de seis meses antes. A continuación, haremos una tipología de votantes socialistas para dilucidar si esta caída sin precedentes fue debida a la distinta naturaleza de los comicios (voto dual) o, por el contrario, estuvo causada por razones estratégicas. Para ello distinguiremos tres tipos de votantes socialistas, según hubieran votado en las dos elecciones al PSdG (fieles), hubieran cambiado su voto al BNG (duales) o hubieran abandonado el bloque de izquierdas, ya sea para votar al PP o para abstenerse. Los resultados obtenidos apuntan a que la estrategia electoral del PSdG fracasó tanto a la hora de minimizar el voto dual como de evitar fugas del bloque de izquierdas, que fueron, en última instancia, las que permitieron al PP revalidar su mayoría absoluta.
Palabras clave: Comportamiento electoral, fidelidad electoral, Galicia, ideología, lealtad partidista, polarización afectiva.
Abstract: This paper discusses the possible causes of the failure of the two-bloc system in the Galician regional elections held in 2024. We will begin by examining the vote transfers from these elections to the 2023 general elections to estimate the magnitude of the problem: the PSdG lost more than half of the votes it had obtained in the general elections six months earlier. Next, we will develop a typology of socialist voters to determine whether this unprecedented decline was due to the different nature of the elections (dual voting) or, on the contrary, was caused by strategic reasons. To this end, we will distinguish three types of socialist voters, depending on whether they had voted for the PSdG in both elections (loyal voters), had switched their vote to the BNG (dual voters), or had abandoned the left-wing bloc, either to vote for the PP or to abstain. The results obtained indicate that the PSdG’s electoral strategy failed both in minimizing dual voting and in preventing defections from the left-wing bloc, which ultimately allowed the PP to retain its absolute majority.
Key words: Electoral behaviour, electoral loyalty, Galicia, ideology, party loyalty, affective polarization.
SUMARIO: 1 Presentación. 2 Hipóteses e metodoloxía. 3 Transferencias de votos entre as eleccións xerais de 2023 e as eleccións autonómicas de 2024. 4 Discusión e conclusións. 5 Bibliografía.
O 18 de febreiro de 2024 o Partido Popular de Galicia (PP) obtivo, por quinta vez consecutiva, unha maioría absoluta nas eleccións ao Parlamento de Galicia, confirmando así a hexemonía que durante o período democrático tivo esta formación neste ámbito. A simple vista, o resultado electoral podería interpretarse como que a sociedade galega está escorada ao centro dereita, pero cando se analizan os datos con detalle obsérvase que este escoramento ideolóxico da sociedade galega está amplificado polos efectos do sistema electoral (González e Barreiro-Castro, 2025). A principal novidade destas eleccións non foi, polo tanto, a hexemonía do PP, senón a caída sen precedentes do Partido Socialista de Galicia (PSdG), razón pola cal comezaremos facendo unha análise das transferencias con respecto ás eleccións xerais de seis meses antes. Agora ben, para entender cabalmente os datos, é preciso facer un breve repaso do acontecido entre esas dúas eleccións.
Como se recordará, o Partido Socialista Obrero Español (PSOE) perdeu as eleccións xerais do 23-J-23 por unha estreita marxe (1,3 puntos porcentuais), o que o obrigou a ampliar o chamado bloque “de progreso” e a incluír a Junts na negociación de investidura, co fin de poder renovar o Goberno de coalición con Sumar. Posto que os votos de Junts marcaban a diferenza en calquera votación, a estratexia de Puigdemont consistiu xustamente en suplantar a negociación de Sánchez con Esquerra Republicana de Catalunya para deixar ben claro que as únicas exixencias a ter en conta eran as súas e, en particular, unha lei de amnistía que permitise o regreso de Puigdemont. En consecuencia, Sánchez accedeu a rexistrar a “Proposición de Lei orgánica de amnistía para a normalización institucional, política e social en Cataluña” no Congreso como requisito previo á votación de investidura, dando lugar a acusacións de “fraude electoral”, xa que o propio Sánchez se mostrara contrario a esta medida ata o mesmo día das eleccións. Unha vez superados os primeiros escollos da negociación parlamentaria, o Goberno intentou unha primeira votación da lei a finais de xaneiro de 2024, o que parecía despexar o camiño para a celebración de eleccións autonómicas en Galicia, que o PP convocara para o 18 de febreiro. Pero toda a xenerosidade que o Goberno puxera na elaboración da norma non serviu de nada ante a escalada reivindicativa de Puigdemont, que non dubidou en aumentar a aposta ata o mesmo momento da votación, tombando a lei coa exixencia de que a amnistía incluíse os delitos de traizón e terrorismo, o que motivou a derrota parlamentaria do Goberno e a súa devolución á Comisión de Xustiza. Con estas premisas, estaba claro que unha medida tan controvertida (as enquisas estimaban entre un 60 % e un 70 % de rexeitamento á amnistía, que só era apoiada en Cataluña) lle ía deparar un forte desgaste ao PSOE, tal como se desprendía dunha enquisa preelectoral de Sondaxe (xaneiro 2024), segundo a cal o 22 % dos votantes socialistas de 2020 (anteriores eleccións autonómicas) admitían a posibilidade de que a amnistía cambiase o seu voto en 2024.
Esta cita electoral supuña, polo tanto, o primeiro test para avaliar o custo electoral dos pactos de Pedro Sánchez para manterse no Goberno. De feito, un dos eixes da campaña electoral do PP foron as concesións de Sánchez, intentando así atraer o votante socialista máis próximo ao centro. Se damos por descontado que este tipo de comicios propicia un comportamento dual dunha parte dos votantes de esquerda que votan socialista en eleccións xerais e nacionalista en eleccións autonómicas, a situación formulaba unha dobre pregunta: cal sería a magnitude do transvasamento PSdG-BNG, por un lado, e cal a do transvasamento cara ao PP ou a abstención, polo outro. Porque, se ben é verdade que o PSdG transvasou a maior parte das súas perdas (máis de 275 mil votos) ao Bloque Nacionalista Galego (BNG) (ca. 190 mil), non o é menos que cedeu tamén máis de 30 mil ao PP e máis de 50 mil á abstención. A primeira vista, cabería aducir que este é o resultado lóxico dunha situación de máxima polarización como a vivida entón, de tal xeito que, así como o PSOE se beneficiou da estratexia bibloquista nas eleccións xerais de 2023, agora era o momento de que o BNG se beneficiase, pola súa vez, desta mesma estratexia, aínda que fose á custa dos socialistas. O problema é que este sacrificio estratéxico dos socialistas tampouco serviu para que o BNG conseguise desbancar o PP da súa situación hexemónica, o que nos leva a discutir se, en efecto, tal estratexia era a máis acertada e se non foi, en definitiva, máis que un fracaso por partida dobre: fracaso socialista que arrastrou ao bloque no seu conxunto, tal como adiantamos no seu momento (González, 2024).
Neste artigo, imos desenvolver a idea de que este dobre fracaso foi en boa medida estratéxico, e para iso partimos do seguinte razoamento: a diferenza do PP, que non ten competencia pola súa dereita e, polo tanto, ocupa toda a parte dereita do espectro ideolóxico, o PSdG ten competencia polos dous flancos, o que nos permite distinguir entre dúas estratexias posibles, segundo o partido opte por maximizar o voto ou por optimizar a posición no espectro ideolóxico. Desde este punto de vista, o bibloquismo configuraríase como unha variante da primeira estratexia e sería a indicada cando o Partido Socialista é hexemónico no seu bloque ideolóxico, tal como acontecía nas eleccións xerais de 2023. Agora ben, esta mesma estratexia é contraproducente nunhas eleccións autonómicas onde o BNG partía como partido predominante dentro do bloque ideolóxico, tras o sorpaso rexistrado nas anteriores eleccións de 2020. Neste segundo escenario, o Partido Socialista tería saído favorecido se tivese optado pola segunda estratexia: optimizar a súa posición no espectro ideolóxico, o que tería recomendado marcar diferenzas respecto ao BNG e presentar así un perfil propio. Dado que o PSdG se limitou a secundar as posicións do BNG, os seus votantes entendérono como un convite ao voto útil, pois, se o PSdG e o BNG defendían o mesmo ou parecido, por que non votar ao que levaba vantaxe? Isto maximizou a transferencia ao BNG, ao tempo que os votantes máis moderados o interpretaron como que os socialistas abandonaban o centro, propiciando de paso as fugas cara ao PP e a abstención. O resultante final desta opción estratéxica é que o PSdG facilitou o ascenso do BNG sen poder, por outro lado, compensar esas perdas con votantes próximos ao centro que lle permitisen conseguir a representación necesaria para completar maioría co BNG.
A análise das transferencias entre ambas as dúas eleccións permite establecer unha tipoloxía de votantes socialistas (segundo permanecesen fieis, se decantasen polo BNG ou se pasasen ao PP ou á abstención), cuxa análise comparada achega luz sobre a discusión que acabamos de expor. O obxectivo último é saber se existen diferenzas significativas no perfil destes tres tipos de votantes que corroboren a idea de que a magnitude das transferencias non se pode explicar tan só pola distinta natureza dos comicios (xerais e autonómicos), senón que foron os erros estratéxicos dos socialistas os que explican o extraordinario alcance das súas perdas electorais. Pois, se se tratase tan só do primeiro, non habería diferenzas, por exemplo, entre os que votaron e os que se abstiveron, xa que a diferenza de participación entre unhas eleccións e outras se tería distribuído ao azar.
Con estas premisas, o traballo divídese en cinco partes. Tras a presentación, formulamos as hipóteses e a metodoloxía. A continuación, estúdanse as transferencias de votos e discútense os resultados obtidos, finalizando coa bibliografía.
Tras o exposto, imos categorizar os votantes socialistas das eleccións xerais de 2023 en función da súa opción electoral nas eleccións autonómicas de 2024 co fin de comprobar se existen diferenzas de perfil sociodemográfico significativas entre eles, tanto as relativas á idade ou o nivel de estudos como as que se refiren á ideoloxía ou ao sentimento nacionalista.
As hipóteses que guían este traballo pódense formular así:
H1. Os votantes socialistas de 2023 que se autositúan máis á esquerda e expresan maior sentimento nacionalista son máis propensos a mostrar un comportamento dual e, polo tanto, a votar nacionalista en comicios autonómicos.
H2. Os votantes socialistas de 2023 que se autositúan máis próximos ao centro e expresan menos sentimento nacionalista son máis propensos a absterse ou a votar ao PP en comicios autonómicos.
H3. A estratexia bibloquista do PSdG e o seu seguidismo respecto ao BNG nas eleccións galegas de 2024 propiciou que ambas as dúas opcións (H1 e H2) alcanzasen unha magnitude sen precedentes.
Para realizar as estimacións dos fluxos electorais entre as dúas eleccións, utilizaremos dúas fontes de datos. En primeiro lugar, para o estudo dos resultados electorais empregaremos a información do Ministerio do Interior (MIR) para as eleccións xerais de 2023, así como a da Xunta de Galicia para as eleccións autonómicas de 2024. Estes datos permitirannos mostrar as perdas e ganancias electorais das formacións políticas nas eleccións do ano 2024 tomando como referencia as de 2023. En segundo lugar, usaremos a enquisa postelectoral realizada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS 3446), o que nos permitirá, en combinación cos resultados das eleccións antes citados, realizar unha estimación das transferencias de voto entre as formacións políticas, así como identificar o perfil sociodemográfico dos votantes socialistas segundo o seu comportamento electoral (fieis, duais ou exectados do bloque ideolóxico).
Para iso, imos utilizar un modelo de regresión multinomial que nos permite estimar o efecto das distintas variables que interveñen na elaboración do dito perfil: idade, sexo, autosituación ideolóxica, relixiosidade, nivel de estudos e de ingresos, hábitat e sentimento nacional (a partir da escala que vai de “síntome só galego” a “síntome só español”). Convén advertir que este tipo de análise permite estimar os efectos netos de cada unha das variables, unha vez descontados os efectos de todas as demais que se introducen no modelo, polo que os resultados non teñen por que coincidir cos que se poden deducir dunha simple lectura das táboas de continxencia que proporciona o CIS.
A táboa 1 mostra os datos dos resultados das eleccións xerais de 2023 e das eleccións autonómicas de 2024 en Galicia. Á vista destes, o primeiro dato que se observa é unha diminución na participación de ao redor de cinco puntos porcentuais, malia o cal o Partido Popular obtén practicamente o mesmo número de votos. En segundo lugar, pode comprobarse que o PSdG perde máis da metade dos seus votos, á par que o BNG triplica os seus. En suma, o dato máis importante é que as principais transferencias de voto se producen dentro dos bloques ideolóxicos, e que a mellora relativa do PP fronte aos partidos de esquerda se debe a que a diminución na participación lle afectou en menor medida. Non obstante, ao tratarse de datos agregados obtidos dos resultados electorais, cómpre apuntalar esta hipótese mediante datos provenientes da enquisa postelectoral do CIS
Táboa 1. Resultados electorais das eleccións xerais de 2023 e das autonómicas de 2024 en Galicia.
|
XERAIS 2023 |
AUTONÓMICAS 2024 |
DIFERENZA |
||
|---|---|---|---|---|
|
PP |
712.881 |
711.713 |
-1.168 |
|
|
PSOE-PSdG |
486.832 |
211.361 |
-275.471 |
|
|
BNG |
153.995 |
470.692 |
316.697 |
|
|
VOX |
79.672 |
34.045 |
-45.627 |
|
|
SUMAR |
178.691 |
29.009 |
-149.682 |
|
|
PODEMOS |
4.420 |
4.420 |
||
|
OUTROS |
12.170 |
26.441 |
14.271 |
|
|
BRANCO |
11.422 |
12.849 |
1.427 |
|
|
Votos totais |
1.651.086 |
1.515.944 |
-135.142 |
|
|
Votos nulos |
15.423 |
14.187 |
-1.236 |
|
|
votos válidos |
1.635.663 |
1.501.757 |
-133.906 |
|
|
Votos candidaturas |
1.624.241 |
1.488.705 |
-135.536 |
|
|
Votos en branco |
11.422 |
13.052 |
1.630 |
|
|
Participación |
61,41 % |
56,27 % |
-5,14 % |
|
|
PP+VOX |
792.553 |
745.758 |
-46.795 |
|
|
PSOE+BNG+SUMAR+PODEMOS |
819.518 |
715.482 |
-104.036 |
|
Fonte: elaboración propia a partir dos datos do MIR e Xunta de Galicia
De acordo coa enquisa postelectoral do CIS, a táboa 2 infórmanos de que só dúas formacións políticas, o PP e o BNG, conseguiron fidelizar nas eleccións autonómicas de 2024 a gran maioría dos seus votantes de 2023. Adicionalmente, confírmase que os grandes transvasamentos de votos se dan entre as formacións que pertencen ao mesmo bloque ideolóxico. Así, dentro da esquerda, obsérvase que o 40,4 % dos votantes que en 2023 optaron polo PSdG e o 70,4 % dos que o fixeron por Sumar cambiaron o seu voto ao BNG en 2024. Dentro do bloque da dereita, o movemento máis significativo protagonizárono os votantes de Vox, dado que un terzo dos que apoiaron esta formación en 2023 se pasaron ao PP en 2024.
Táboa 2. Estimación (%) das transferencias de votos entre as eleccións xerais de 2023 e as autonómicas de 2024 en Galicia
|
ELECCIÓNS XERAIS 2023 |
||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
|
PP |
PSOE |
BNG |
VOX |
SUMAR |
OUTROS |
BRANCO |
||
|
ELECCIÓNS AUTONÓMICAS 2024 |
PP |
88,4 % |
6,2 % |
4,2 % |
35,8 % |
2,0 % |
9,4 % |
57,1 % |
|
PSdG (PSOE) |
0,5 % |
40,4 % |
0,6 % |
2,9 % |
4,2 % |
0,0 % |
0,5 % |
|
|
BNG |
1,9 % |
39,6 % |
89,7 % |
0,8 % |
70,4 % |
40,8 % |
10,6 % |
|
|
VOX |
1,1 % |
0,0 % |
0,1 % |
33,8 % |
0,3 % |
0,0 % |
0,0 % |
|
|
SUMAR |
0,0 % |
1,3 % |
1,4 % |
0,0 % |
12,6 % |
6,9 % |
3,4 % |
|
|
PODEMOS |
0,0 % |
0,1 % |
0,2 % |
0,0 % |
2,0 % |
2,0 % |
0,0 % |
|
|
OUTROS |
0,9 % |
1,1 % |
1,6 % |
2,1 % |
1,6 % |
40,9 % |
3,0 % |
|
|
BRANCO |
0,2 % |
0,3 % |
0,5 % |
0,6 % |
0,1 % |
0,0 % |
25,5 % |
|
Fonte: elaboración propia a partir do postelectoral do CIS (3446)
Pola súa banda, a táboa 3 permítenos ver en números absolutos a magnitude destas cifras. En sombreado e grosa remárcanse os cinco transvasamentos de maior entidade. Os dous máis importantes supoñen un fluxo de votos dentro da esquerda, onde ao redor de 193.000 votantes que apoiaran os socialistas e 126.000 que o fixeran a Sumar en 2023 pasaron a engrosar o electorado do BNG en 2024. O terceiro transvasamento de votos, cunha importancia moito menor, prodúcese no bloque da dereita, onde ao redor de 28.000 votantes de Vox de 2023 pasaron a selo do PP en 2024. As dúas últimas transferencias significativas prodúcense entre bloques ideolóxicos: o PP consegue captar uns 30.000 votantes socialistas, mentres que o BNG capta pola súa parte uns 13.000 do PP. Adicionalmente, en grosa, reflíctese que ao redor de 48.000 electores do PP e 52.000 do PSOE en 2023 optaron pola abstención en 2024.
Táboa 3. Estimación de transferencias de votos entre as eleccións xerais de 2023 e as autonómicas de 2024 en Galicia e resultados
|
ELECCIÓNS XERAIS 2023 |
||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
|
PP |
PSOE |
BNG |
VOX |
SUMAR |
OUTROS |
BRANCO |
||
|
ELECCIÓNS AUTONÓMICAS 2024 |
PP |
629.830 |
30.330 |
6.516 |
28.519 |
3.490 |
1.144 |
6.522 |
|
PSdG (PSOE) |
3.315 |
196.709 |
909 |
2.301 |
7.478 |
- |
57 |
|
|
BNG |
13.260 |
192.810 |
138.196 |
666 |
125.800 |
4.965 |
1.211 |
|
|
VOX |
7.956 |
- |
152 |
26.945 |
499 |
- |
- |
|
|
SUMAR |
- |
6.499 |
2.121 |
- |
22.601 |
840 |
388 |
|
|
PODEMOS |
- |
433 |
303 |
- |
3.490 |
243 |
- |
|
|
OUTROS |
6.630 |
5.199 |
2.424 |
1.635 |
2.825 |
4.978 |
343 |
|
|
BRANCO |
1.326 |
1.300 |
758 |
484 |
166 |
- |
2.913 |
|
|
ABSTENCIÓN |
47.869 |
51.616 |
4.354 |
19.147 |
12.157 |
|||
Fonte: elaboración propia a partir do postelectoral do CIS (3446)
A táboa 4 mostra as transferencias de votos, xa non entre formacións políticas, senón entre bloques de partidos. Para os efectos desta análise, e seguindo a división clásica baseada na ideoloxía, o bloque da dereita está conformado por PP e Vox e o da esquerda polo PSOE, BNG, Sumar e Podemos. O primeiro dato relevante é que as transferencias de voto se dan maioritariamente entre partidos do mesmo bloque ideolóxico, podendo estimarse a porcentaxe deste tipo de transvasamentos arredor do 25 %. En segundo lugar, obsérvase que, no caso das eleccións autonómicas de 2024, se produciu, respecto ás eleccións xerais de 2023, un importante transvasamento de votantes dentro do bloque da esquerda, mentres que o transvasamento de votos entre partidos situados á dereita foi menor. Por último, cómpre destacar que o número de electores que votou nos dous procesos electorais a partidos que se sitúan en bloques ideolóxicos opostos foi tamén mínimo, estimándose a súa porcentaxe en arredor do 4 %, cun saldo neto favorable para os partidos situados no bloque da dereita que se pode cifrar nun 2 %.
Táboa 4. Estimación de transferencias de votos entre bloques de partidos e resultados
|
Votos |
% sobre total |
|
|
Intrabloque dereita (PP<>VOX) |
36.475 |
2 % |
|
Intrabloque esquerda (PSOE<>BNG<>SUMAR<>PODEMOS) |
339.844 |
23 % |
|
Total intrabloque |
376.319 |
25 % |
|
Interbloque: dereita (2023) > esquerda (2024) |
19.541 |
1 % |
|
Interbloque: esquerda (2023) > dereita (2024) |
40.985 |
3 % |
|
Total interbloque |
60.526 |
4 % |
Fonte: elaboración propia a partir do postelectoral do CIS (3446)
As táboas 2, 3 e 4 corroboran os resultados electorais mostrados na táboa 1, onde se observaba que o crecemento do BNG se produciu á custa do PSdG e de Sumar. Así mesmo, as táboas permítennos estimar a importancia cuantitativa dos tres grupos de votantes socialistas de 2023 en función do seu voto nas eleccións de 2024. Segundo os datos achegados, ao redor de 197 mil votantes de 2023 seguiron confiando na formación socialista en 2024, uns 193 mil optaron por o BNG e, por último, ao redor de 82 mil ou ben se abstiveron ou ben votaron ao PP.
Unha vez estimados os fluxos de voto entre as distintas formacións e bloques, imos presentar a tipoloxía coa que testaremos as hipóteses anteriormente formuladas. Comezaremos por mostrar a posición relativa das distintas categorías de votantes no conxunto do censo electoral, co fin de coñecer a súa autosituación tanto na escala ideolóxica como na escala de nacionalismo. Para facilitar a lectura dos datos, convertemos esta última escala (que ten cinco categorías) nunha escala que vai de 1 a 10 e que, polo tanto, resulta máis doadamente comparable coa escala ideolóxica. Aínda que imos estudar en particular as diferenzas entre as tres categorías de votantes socialistas (fieis, duais e fugas á abstención ou ao PP), convén ter en conta, polo de pronto, que o trazo característico do electorado galego é a combinación de, por un lado, o escoramento ideolóxico cara á dereita (o votante medio autositúase no 5,2 da escala) e, por outro, o escoramento simultáneo cara ao nacionalismo (5,4). En ambos os dous casos, este dobre nesgo débese a que os votantes do PP de Galicia se autositúan á dereita dos votantes do PP do resto de España, mentres que expresan un maior nivel de sentimento rexional que os seus homólogos do resto do Estado. Unha vez feita esta observación, queremos chamar a atención sobre a dobre diferenza que podemos observar entre os tres tipos de votantes socialistas que aparecen na táboa, pois, así como os votantes fieis e os duais comparten unha mesma autosituación ideolóxica (3,0), o que os distingue dos que se pasaron ao PP ou á abstención (5,2), eses últimos e os votantes fieis parécense na expresión do seu sentimento nacional (5,1 e 5,3, respectivamente), o que os distingue dos votantes duais, que expresan un maior sentimento nacional (6,1).
Estes datos non fan senón pór de relevo as complexidades que afronta o PSdG á hora de despregar unha estratexia que opera en dous eixes, as cales podemos resumir dicindo que, aplicadas ao caso que nos ocupa, o PSdG se mimetizou en exceso co BNG no eixe nacionalista, facilitando os transvasamentos nesa dirección dos seus votantes máis escorados, ao tempo que se afastou demasiado do centro no eixe ideolóxico, facilitando, pola súa vez, fugas simultáneas pola dereita en beneficio do PP (xa fose por activa: PP ou por pasiva: abstención).
Táboa 5. Autosituación ideolóxica e sentimento nacional, segundo o voto 2024.
|
PP |
PSdG-PP/Abs |
PSdG |
PSdG-BNG |
BNG |
Resto |
Total |
|
|
Escala ideoloxía |
7,5 |
5,2 |
3 |
3 |
2,8 |
5,2 |
5,2 |
|
Escala nacionalismo |
5 |
5,1 |
5,3 |
6,1 |
7 |
5,1 |
5,4 |
Fonte: elaboración propia a partir do postelectoral do CIS (3446)
Esta mesma tipoloxía de votantes que acabamos de presentar (táboa 5) constitúe a variable dependente dun modelo de regresión multinomial que inclúe variables independentes como as xa referidas (ideoloxía e sentimento nacional), ademais doutras como a idade, o nivel de estudos, a lingua materna e o hábitat de residencia, as cales nos permiten identificar as diferenzas en termos de perfil sociodemográfico observables entre os tipos de votantes (véxanse as táboas 6 e 7).
Táboa 6. Modelo de regresión multinomial
|
Variable dependente |
Variables independentes |
||
|---|---|---|---|
|
Tipoloxía da táboa ٥ |
Idade |
Escala |
|
|
BNG |
Ideoloxía |
Dummy |
Esquerda |
|
PSdG-BNG |
Ideoloxía |
Dummy |
Dereita |
|
PSdG |
Relixiosidade |
Escala (1-6) |
1- Ateo |
|
PSdG - Outros |
2- Indiferente |
||
|
PP |
3- Crente outra relixión |
||
|
Resto (Cat. referencia) |
4- Agnóstico |
||
|
5- Católico non practicante |
|||
|
6- Católico |
|||
|
Nivel educativo |
Escala (1-5) |
1- Sen estudos |
|
|
2- Primaria |
|||
|
3- Secundaria 1.ª etapa |
|||
|
4- Secundaria 2.ª etapa |
|||
|
5- Universitarios |
|||
|
Hábitat |
Dummy |
Rural (0-10.000 hab.) |
|
|
Lingua |
Dummy |
Galego |
|
|
Sentimento nacionalista |
Escala (1-5) |
Unicamente español |
|
|
Máis español que galego |
|||
|
Tan español como galego |
|||
|
Máis galego que español |
|||
|
Unicamente galego |
|||
Fonte: Elaboración propia
Táboa 7. Regresión multinomial (B/Exp(B)/significación)
|
B |
ExpB |
Sig. |
||
|---|---|---|---|---|
|
BNG |
Idade |
|||
|
Esquerda |
2,246 |
9,451 |
<,001 |
|
|
Dereita |
||||
|
Relixiosidade |
-0,169 |
0,844 |
<,001 |
|
|
Nivel educativo |
0,519 |
1,681 |
<,001 |
|
|
Hábitat rural |
||||
|
Lingua galega |
0,42 |
1,522 |
0,003 |
|
|
Sentimento nacionalista |
1,044 |
2,841 |
<,001 |
|
|
PSdG-BNG |
Idade |
|||
|
Esquerda |
2,985 |
19,795 |
<,001 |
|
|
Dereita |
0,63 |
1,877 |
0,048 |
|
|
Relixiosidade |
||||
|
Nivel educativo |
0,343 |
1,41 |
<,001 |
|
|
Hábitat rural |
||||
|
Lingua galega |
||||
|
Sentimento nacionalista |
0,474 |
1,606 |
<,001 |
|
|
PSdG |
Idade |
0,039 |
1,039 |
<,001 |
|
Esquerda |
2,453 |
11,623 |
<,001 |
|
|
Dereita |
||||
|
Relixiosidade |
||||
|
Nivel educativo |
0,166 |
1,18 |
0,013 |
|
|
Hábitat rural |
0,313 |
1,367 |
0,026 |
|
|
Lingua galega |
||||
|
Sentimento nacionalista |
0,222 |
1,249 |
0,024 |
|
|
PSdG-PP/Abs |
Idade |
-0,009 |
0,991 |
0,016 |
|
Esquerda |
0,607 |
1,835 |
<,001 |
|
|
Dereita |
0,411 |
1,508 |
0,006 |
|
|
Relixiosidade |
||||
|
Nivel educativo |
0,225 |
1,253 |
<,001 |
|
|
Hábitat rural |
||||
|
Lingua galega |
||||
|
Sentimento nacionalista |
||||
|
PP |
Idade |
0,011 |
1,011 |
<,001 |
|
Esquerda |
-1,461 |
0,232 |
<,001 |
|
|
Dereita |
1,719 |
5,581 |
<,001 |
|
|
Relixiosidade |
0,134 |
1,143 |
<,001 |
|
|
Nivel educativo |
0,342 |
1,408 |
<,001 |
|
|
Hábitat rural |
0,33 |
1,391 |
<,001 |
|
|
Lingua galega |
-0,242 |
0,785 |
0,019 |
|
|
Sentimento nacionalista |
0,153 |
1,166 |
0,018 |
|
|
Pseudo R cadrado |
||||
|
Cox e Snell |
0,524 |
|||
|
Nagelkerke |
0,544 |
|||
|
McFadden |
0,225 |
|||
Fonte: elaboración propia a partir do postelectoral do CIS (3446)
Os datos que acabamos de mostrar reflicten ben a encrucillada que atopou o PSdG nas eleccións autonómicas de 2024. En principio, a súa posición central dentro do espectro político galego permitíalle elixir entre varias opcións, segundo as circunstancias, pero os datos suxiren que elixiu a peor das posibles. Tal como adiantamos, a competición en dous eixes leva o PSdG a dilemas de difícil resolución, de tal sorte que, se se escora en calquera deles, pode atoparse con fugas noutro. Por un lado, o seu escoramento nacionalista empurrou os seus votantes máis nacionalistas e con maior nivel de estudos a pasarse ao BNG. Polo outro, o seu escoramento ideolóxico empurrou os seus votantes máis próximos ao centro a absterse ou mesmo votar ao PP. En consecuencia, o PSdG non só perdeu a batalla electoral en termos cuantitativos, senón que, como consecuencia de ambos os dous transvasamentos, quedou cos votantes de máis idade e con menor nivel de estudos, que son os que adoitan mostrar máis fidelidade, pero que son tamén os que menos visibilidade social teñen. Este é o problema de non ter sabido atopar unha fórmula de equilibrio estratéxico á hora de afrontar a complicada situación á que se enfrontaban os socialistas en 2024.
Ao non saber presentar un perfil propio, o PSdG facilitou a tarefa dos seus competidores nos dous flancos do espectro. Enténdese que optase por certo sacrificio estratéxico respecto ao BNG, pero ao confundirse con este renunciou a disputar o centro, deixándolle ese espazo ao PP. Dada a configuración do espazo político galego, isto supuña, na práctica, facilitar a reválida do PP, xa que a vitoria dos partidos de esquerda nunhas eleccións autonómicas pasa necesariamente por que o PSdG sexa capaz de competir polos votantes de centro. En consecuencia, a folgada maioría do Partido Popular nas eleccións autonómicas obedece, por unha banda, a un pequeno transvasamento de votos socialistas ao PP, que pode cifrarse en ao redor de 4 puntos porcentuais e, por outra, a unha maior abstención do electorado socialista. Estas pequenas transferencias de voto son cruciais para decantar o goberno da comunidade autónoma, tanto máis na medida en que estas pequenas transferencias de votos son amplificadas polo ecosistema electoral (González e Barreiro-Castro, 2025).
En suma, podemos concluír que a estratexia do PSdG nas eleccións autonómicas non soubo rendibilizar a súa posición central no espectro político-ideolóxico, ao non reter nin o seu electorado máis polarizado nin os votantes máis próximos ao centro. Nun contexto de máxima polarización, a posición centrada que ocupa esta formación dentro do espazo político galego, lonxe de ser unha vantaxe, converteuse nesta ocasión nun poldro de tortura onde os dilemas estratéxicos derivados da competición en dous eixes se resolveron a favor dos partidos que lideraban cada un dos polos en conflito, deixando o PSdG nunha situación sumamente comprometida de cara a sucesivas contendas electorais.
González, J.J. 2024. “Galicia 2024. Estratexias erradas e cambios de perfil electoral”, Tempos Dixital. https://temposdixital.gal/politica/galicia-2024-perfil-electoral-eleccions.html.
González, J. J. e Barreiro-Castro, L. 2025. “El ecosistema electoral gallego. El papel de los territorios rurales en las elecciones autonómicas de 2024”, Ager: Revista de Estudios sobre Despoblación y Desarrollo Rural, 42, 137-139. https://doi.org/10.4422/ager.2025.11.