Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 69_xaneiro-xuño | pp. 33-46

Santiago de Compostela, 2025

https://doi.org/10.36402/regap.v2i69.5265

© Vicente Álvarez García

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 14/02/2025 | Aceptado: 26/06/2025

Editado bajo licencia Creative Commons Atribution 4.0 International License

A normalización e a homologación militar de materiais en España

La normalización y la homologación militar de materiales en España

Standardisation and military approval of materials in Spain

Vicente Álvarez García

Catedrático de Dereito Administrativo

Universidade de Extremadura

Resumo: O autor realiza nun principio unha breve introdución á normalización e aos controis técnicos no ámbito civil, para pasar a continuación ao estudo da normalización militar de materiais e da homologación militar de produtos.

Con este obxectivo, o artigo analiza, en primeiro termo, os diferentes tipos da normalización militar; en segundo termo, a normativa reguladora especificamente da normalización militar de materiais; en terceiro termo, a estrutura administrativa da dita técnica normalizadora; e, en cuarto termo, as normas militares españolas e os STANAG da Organización do Tratado do Atlántico Norte relativos aos materiais.

O traballo finaliza coa análise do concepto de homologación na esfera civil e militar, concluíndo co estudo das autoridades e órganos administrativos competentes en materia de homologación militar, así como do efectivo procedemento de homologación de produtos no campo da defensa.

Palabras clave: Dereito público, dereito militar, normalización, homologación de produtos, norma técnica militar, STANAG, acordo de normalización, OTAN.

Resumen: El autor realiza en un principio una breve introducción a la normalización y a los controles técnicos en el ámbito civil, para pasar a continuación al estudio de la normalización militar de materiales y de la homologación militar de productos.

Con este objetivo, el artículo analiza, en primer término, los diferentes tipos de la normalización militar; en segundo término, la normativa reguladora específicamente de la normalización militar de materiales; en tercer término, la estructura administrativa de dicha técnica normalizadora; y, en cuarto término, las normas militares españolas y los STANAG de la Organización del Tratado del Atlántico Norte relativos a los materiales.

El trabajo finaliza con el análisis del concepto de homologación en la esfera civil y militar, concluyendo con el estudio de las autoridades y órganos administrativos competentes en materia de homologación militar, así como del efectivo procedimiento de homologación de productos en el campo de la defensa.

Palabras clave: Derecho público, derecho militar, normalización, homologación de productos, norma técnica militar, STANAG, acuerdo de normalización, OTAN.

Abstract: The author begins with a brief introduction to civilian standardisation and technical controls, and then moves on to the study of military standardisation of materials and military approval of products.

With this objective in mind, the article analyses, firstly, the different types of military standardisation; secondly, the specific regulations governing the military standardisation of materials; thirdly, the administrative structure of this standardisation technique; and fourthly, the Spanish military standards and the North Atlantic Treaty Organisation’s STANAGs relating to materials.

The work ends with an analysis of the concept of approval in the civil and military sphere, concluding with a study of the competent authorities and administrative bodies in the field of military approval, as well as the actual procedure for the approval of products in the field of defence.

Key words: Public law, military law, standardisation, product approval, military technical standard, STANAG, standardisation agreement, NATO.

Sumario: 1. Enfoque xeral: sobre a normalización e os controis técnicos civís. 2. A normalización militar de materiais. 2.1. Os tipos de normalización militar. 2.2. A normativa reguladora da normalización militar de materiais en España. 2.3. A estrutura administrativa militar da normalización de materiais. 2.4. Os froitos da normalización militar: as normas militares españolas e os STANAG de materiais. 3. A homologación militar de materiais. 3.1. O concepto de homologación de produtos nos ámbitos civil e militar. 3.2. As autoridades e órganos administrativos competentes en materia de homologación militar. 3.3. O procedemento de homologación de produtos no ámbito da defensa. 4. Conclusión. Bibliografía básica.

1. Enfoque xeral: sobre a normalización e os controis técnicos civís

A normalización industrial é o proceso destinado a crear os documentos que recollen as especificacións técnicas que regulan a fabricación dos produtos, isto é, as súas características técnicas (como, por exemplo, a súa terminoloxía, a súa calidade, a súa seguridade, as súas dimensións, as súas tolerancias, o seu rendemento, a súa interoperabilidade, etc.) e/ou, se é o caso, os métodos e os procedementos de produción, e o seu control técnico.

A normalización entendida nun sentido amplo pode ser pública ou privada. O froito xurídico da pública son as regulamentacións técnicas, que son elaboradas pola Administración, seguindo un procedemento administrativo, o que lles confire unha natureza obrigatoria. A privada, pola súa banda, serve para xerar as normas técnicas propiamente ditas, que son elaboradas polos organismos de normalización (nacionais, europeos e internacionais), seguindo procedementos privados (máis ou menos intervidos polos poderes públicos), o que lles outorga un carácter xuridicamente voluntario. É verdade, en todo caso, que estas últimas normas técnicas poden ser transformadas de facto en obrigatorias polos axentes económicos nun determinado mercado, ou poden selo de iure mediante a súa inclusión directa ou por remisión no texto das regulamentacións técnicas1.

O uso polos fabricantes das normas técnicas, entendidas en sentido amplo, está suxeito a controis técnicos. Esta supervisión técnica varía en función de que teña como base ben unha regulamentación técnica ou ben unha norma técnica. No caso de controis a partir de regulamentacións técnicas, estes son obrigatorios, podendo ser realizados normalmente por suxeitos privados (pero tamén poden selo por entidades públicas cunha natureza xurídica propia) que reciben o nome de organismos de control regulamentario ou, excepcionalmente, pola propia Administración a través da técnica da homologación (como sucede, por exemplo, cos vehículos de motor). Con respecto aos controis baseados en normas técnicas, esta supervisión é voluntaria xuridicamente, levándose a cabo por parte de entidades certificadoras2.

2. A normalización militar de materiais

2.1. Os tipos de normalización militar

A normalización militar pode ser, tanto a nivel español como da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), de tres categorías: a operativa, a administrativa e a de materiais.

Aínda que aquí nos interesa exclusivamente esta última, antes de proseguir convén efectuar unha definición destas tres categorías normalizadoras3:

A) A normalización militar operativa persegue o establecemento de regras, para un uso común e repetido, co obxecto de unificar criterios e ofrecer unha linguaxe común en relación coas “prácticas, procedementos ou formatos militares, podendo aplicarse tamén a materias e conceptos tales como doutrina, táctica, técnicas, loxística, adestramento, informes, formularios e cartografía”.

B) A normalización militar administrativa refírese á uniformización da “terminoloxía, procedementos administrativos, racionalización de métodos de traballo, etc.”, incluíndose tamén dentro deste tipo normalizador “as normas que, non tendo unha aplicación directamente militar, facilitan a administración da Alianza Atlántica”.

C) A normalización militar de materiais é a que serve para establecer as características técnicas dos materiais empregados polas Forzas Armadas e a Garda Civil (nas súas actuacións militares), entendéndose por materiais “os produtos, os procedementos ou servizos de uso nas Forzas Armadas”. As normas militares encadradas nesta categoría normalizadora poden incluír, ademais, “códigos de prácticas de produción e especificacións sobre material que abrangan sistemas completos, sistemas de comunicacións, mando e control (C3), sistemas e subsistemas de armas, interfaces, montaxes, compoñentes, pezas de reposto e consumibles (incluída a munición, combustibles, subministracións, almacenamentos e recambios)”.

2.2. A normativa reguladora da normalización militar de materiais en España

Aínda que existen antecedentes ben remotos da normalización de produtos, adóitase situar a súa orixe moderna na industria bélica de finais do século XVIII. Nesta época, a eficacia militar impuxo a harmonización dos diámetros dos canóns, co obxecto de facilitar o aprovisionamento de proxectís. Esta tendencia unificadora estenderíase con posterioridade a outros tipos de armas, ás súas pezas e ás súas municións (Pavón, 1986: 53). Nesta orde de ideas, escribe Franck que, “como ben a miúdo acontece en materia de progreso técnico, é nas artes militares, e especialmente dentro destas na artillaría, onde a regulamentación técnica alcanzou os seus primeiros froitos e fixo en poucos anos do exército francés o primeiro de Europa”. Considerouse como gran pai da normalización militar un dos oficiais das tropas galas desa época, Gribeauval (1981: 43 e ss.).

Con este precedente histórico remoto, a regulación actual da normalización militar de materiais en España está contida nun regulamento aprobado pola Orde PRE/2507/2010, do 23 de setembro (RNMM), que viu a luz coa pretensión de recoller, actualizar, regular e condensar nunha soa disposición a materia, “a prol dunha maior claridade e seguridade xurídica” (preámbulo desa orde).

Esta disposición xeral, que se aplicará a todas as actividades nacionais e internacionais sobre a materia en que teña competencias o Ministerio de Defensa, ten por obxecto facilitar “a xestión do ciclo de vida dos sistemas, equipamentos, materiais e os seus compoñentes de uso militar, seguro e fiable, a interoperabilidade entre as Forzas Armadas españolas e a destas cos seus aliados, buscando unificar, abaratar, reducir niveis de repostos e facilitar o intercambio de pezas e equipamentos de acordo coas necesidades operativas, definindo, simplificando e unificando criterios, exixencias, procedementos e deseños”4.

Esta orde deixa parcialmente sen efecto (no que se refire á normalización militar de materiais) a Orde ministerial 238/2002, do 14 de novembro, pola que se aproba o procedemento para a implantación, ratificación, revisión e derrogación dos Acordos de Normalización OTAN.

2.3. A estrutura administrativa militar da normalización de materiais

O artigo 4 bis do Real decreto 205/2024, de 27 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica básica do Ministerio de Defensa (modificado polo Real decreto 896/2024, do 10 de setembro), regula a Dirección Xeral de Armamento e Material, que, dependente directamente da Secretaría de Estado de Defensa, é “o órgano directivo ao que lle corresponde a planificación e desenvolvemento da política de armamento e material do departamento, así como a supervisión e dirección da súa execución” (apartado 1). Entre as súas funcións, está o exercicio das tarefas de normalización e homologación dos sistemas de armas, equipamentos e produtos de interese para as Forzas Armadas [apartado 2, d)].

O seu titular é a máxima autoridade sobre a materia que estudamos, tendo as competencias para a aprobación (e anulación) das normas militares españolas, así como para ditar as resolucións de ratificación e implantación (e de derrogación) dos Acordos de Normalización da OTAN (ou, abreviadamente, STANAG)5.

Este director xeral está asesorado de xeito permanente pola Comisión de Normalización, que lle proporá a aprobación (ou anulación) das normas militares españolas, así como a ratificación e implantación (ou derrogación) dos STANAG de materiais6.

Agora ben, a execución concreta da política de normalización correspóndelle ao Organismo de Normalización de Defensa, que está conformado polos servizos de normalización dos Exércitos e do Órgano Central, así como pola oficina de normalización da Garda Civil, e cuxa xefatura lle corresponde ao subdirector xeral de Inspección e Regulación. A súa secretaría permanente recae na Unidade de Normalización da Área de Regulación Industrial da dita subdirección xeral. As súas funcións, no que aquí nos concirne, consisten en presentarlle á Comisión de Normalización, por un lado, a proposta de aprobación (e anulación) das normas militares españolas; e, por outro, os expedientes de ratificación e implantación (e de derrogación e revisión) dos STANAG de materiais7.

2.4. Os froitos da normalización militar: as normas militares españolas e os STANAG de materiais

Existen dous tipos de documentos técnicos básicos con efectos sobre os materiais das Forzas Armadas en España: por un lado, as normas militares españolas, que despregan os seus efectos no ámbito territorial hispano; e por outro, os STANAG da OTAN, que afectan aos distintos países socios da Alianza Atlántica, que teñen exércitos nacionais diversos entre si, e que hai que coordinar para que poidan exercer as súas funcións militares de natureza multilateral.

A) As normas militares españolas de materiais.

O froito da normalización militar española son as normas militares españolas de materiais, que son uns documentos que recollen especificacións técnicas aprobadas polo Ministerio de Defensa, que periodicamente aproba o Plan Anual de Normalización, recollendo as súas necesidades normalizadoras no ámbito dos materiais.

Estas normas deben servir para cubrir “as necesidades que requiran os artigos de abastecemento, sistemas e servizos técnicos do Ministerio de Defensa”8, sendo obrigatorias no ámbito de actuación deste departamento ministerial, de tal forma que as autoridades militares deben coñecer a súa existencia e exixir o seu cumprimento (por exemplo, á hora de redactar os pregos de prescricións técnicas). Estas normas revisaranse polo menos cada tres anos, ou nun tempo menor se fose necesaria a súa actualización.

As normas militares españolas poden coexistir con normas civís. Cando isto suceda, poden aplicarse estas últimas “sempre que conveña”, e poden imporse como obrigatorias cando así o exixa unha disposición da Administración xeral do Estado, unha norma militar española ou os pregos de prescricións técnicas9.

No seu procedemento de xeración, distinguiranse as seguintes fases: en primeiro termo, a de iniciación e de elaboración; en segundo termo, a de coordinación e de ditame; en terceiro termo, a de decisión; e, en cuarto termo, a de numeración e de publicación ou de comunicación da resolución10.

a) A fase de iniciación e de elaboración ten a súa orixe nunha proposta de norma por calquera dos servizos militares de normalización, que se comunicará ao resto dos servizos. Neste momento procederase ao estudo da potencial existencia dunha normativa civil ou militar equivalente. De existir esta, a Comisión de Normalización poderá rexeitar a iniciativa. Pola contra, e en caso de non existir esa normativa técnica, será redactada unha proposta de norma pola oficina de normalización designada.

b) A fase de coordinación e de ditame serve para que a proposta sexa corrixida e aprobada polo servizo normalizador de quen dependa a oficina, para deseguido ser remitida ao servizo normalizador do órgano central, que se coordinará cos restantes servizos de normalización, podéndose crear grupos de estudo non permanentes para colaborar na redacción da norma. Este texto será remitido polo Organismo de Normalización de Defensa á Comisión de Normalización para o seu ditame de conformidade.

c) A fase de decisión está protagonizada polo director xeral de Armamento e Material, que aprobará definitivamente o texto da norma militar, logo da declaración de conformidade da Comisión de Normalización.

d) A fase de numeración e de publicación será executada pola Secretaría Xeral Técnica do Ministerio de Defensa, que será o órgano responsable da numeración e da publicación da norma no Boletín Oficial del Estado. A publicación oficial das normas militares circunscribirase ás súas referencias, isto é, á súa numeración e ao seu título, pero non ao seu texto completo.

Ademais, isto sucederá así salvo que se trate dunha norma clasificada, caso en que a publicación se substituirá por unha resolución comunicada.

B) Os STANAG OTAN de materiais.

A palabra STANAG é un acrónimo do termo inglés “STANardization AGreement”, que traducido ao galego é un Acordo de Normalización OTAN. Este documento normalizador establece un acordo dos membros da Alianza Atlántica para implantar un estándar (no noso caso, de materiais) co obxecto de conseguir a interoperabilidade dos exércitos dos diferentes países membros. Pénsese que, sen unha harmonización dos materiais (e das regras de operatividade e das administrativas), as forzas armadas de cada Estado dificilmente poderían operar de xeito conxunto coas doutros Estados por moi aliados que fosen.

As tarefas harmonizadoras neste campo son realizadas fundamentalmente, a nivel da Alianza, polo seu Comité para a Normalización (Committee for Standardization), que opera baixo a dependencia do Consello do Atlántico Norte (North Atlantic Council). O órgano español que participa no proceso de normalización dentro da OTAN é a Subdirección Xeral de Inspección e Regulación.

Estes STANAG de materiais poden ser ratificados ou “implantados” por cada Estado membro da Alianza (como pode ser España). A simple “ratificación” supón un compromiso oficial de cumprir total ou parcialmente un dos ditos acordos, pero sen a obriga real de aplicalo. A “implantación” leva consigo un compromiso oficial por parte dun país de cumprir o acordo, podendo ser con reservas (o que significa un compromiso a un cumprimento parcial) ou sen reservas (o que equivale a un cumprimento total). En fin, un STANAG implantado sen reservas será obrigatorio, para o caso español, no ámbito do Ministerio de Defensa, debendo “os organismos responsables da adquisición e mantemento de material (...) coñecer o seu contido e exixir o seu cumprimento”11, mentres que nos STANAG simplemente ratificados, aínda que non son obrigatorios, “recoméndase o uso das partes do seu contido que, podendo ser aplicadas, conveñan ao servizo”12.

Por outro lado, a OTAN, como organización internacional emisora, pode cancelar (ou anular) un destes acordos, mentres que cada Estado pode singularmente “derrogar” para o seu territorio un destes.

O procedemento para a ratificación e para a implantación de STANAG consta das seguintes fases: en primeiro termo, a de iniciación e de elaboración; en segundo termo, a de coordinación; en terceiro termo, a de decisión; e, en cuarto termo, a de numeración e de publicación ou comunicación.

a) A fase de iniciación e de elaboración empeza coa recepción da solicitude de ratificación do STANAG (ratification request) proveniente da OTAN. Durante esta fase, realizaranse “os estudos pertinentes para determinar a necesidade, acerto e oportunidade de implantar ou ratificar no nivel nacional o STANAG de material proposto, e as condicións ou reservas pertinentes”13. Neste sentido, poderán solicitarse informes de órganos do departamento, sendo preceptivos os da asesoría xurídica ou, en caso de que se derivasen dereitos ou obrigas económicas, os da intervención competente. Mesmo poderán crearse grupos de estudo non permanentes para a súa análise.

b) A fase de coordinación serve para que a Comisión de Normalización do Ministerio de Defensa poida facer observacións ou, se é o caso, modificacións do expediente.

c) A fase de decisión permite que o director xeral de Armamento e Material dite a resolución de aprobación pertinente, unha vez solicitada a previa conformidade da Comisión de Normalización sobre o expediente correspondente.

d) A fase de numeración e de publicación ou comunicación posibilítalle ao referido director xeral o traslado dos expedientes dos STANAG implantados á Secretaría Xeral Técnica para a súa numeración e para a publicación das súas referencias (isto é, do seu código numérico e do seu título, que non do seu contido) no Boletín Oficial del Ministerio de Defensa, sendo, como regra xeral, o documento español de implantación o propio STANAG, salvo que sexa necesaria unha publicación nacional.

Os STANAG que fosen clasificados daranse a coñecer mediante resolución comunicada, mentres que os que fosen unicamente ratificados non se publicarán, aínda que se dará conta deles aos organismos de coordinación e de control.

En caso de que España queira derrogar un acordo de normalización da OTAN, ou que, simplemente, se queira cambiar a postura do noso Estado, tramitarase un novo procedemento ao respecto, mentres que, se é a Alianza Atlántica quen cancela un STANAG, non se requirirá para a súa anulación que España inicie un procedemento nesta dirección, senón que abondará con que o director xeral de Armamento e Material anule directamente a súa implantación.

3. A homologación militar de materiais

3.1. O concepto de homologación de produtos nos ámbitos civil e militar

A homologación é un control técnico realizado por unha terceira parte independente do fabricante do produto, que neste caso é a Administración militar. A definición legal civil desta técnica en España consiste na “certificación por parte dunha Administración pública de que o prototipo dun produto cumpre os requisitos técnicos regulamentarios”14. No que aquí interesa, esta avaliación da conformidade obrigatoria realízase tomando como parámetro para esa certificación as normas militares españolas ou os STANAG da OTAN, referidas unhas e outros aos materiais.

A diferenza do que adoita ser normal cos controis técnicos de aplicación de normas técnicas privadas que teñen carácter ex post, a homologación do produto presenta unha natureza previa, pois só se o prototipo militar respecta a normativa obrigatoria poderá procederse á súa fabricación a escala. Primeiro certifícase que o prototipo cumpre a normativa técnica aplicable, tras superar os controis técnicos efectuados para tal efecto directamente pola Administración, co que se pode fabricar a escala, para despois comprobar a posteriori se os diferentes produtos fabricados conforme o prototipo oficialmente aprobado se axustan a este, ben comprobando todos os produtos ou ben facendo un control aleatorio da produción. A homologación é, polo tanto, unha autorización cun alcance limitado no tempo, de tracto sucesivo, cun carácter regulado e con natureza executiva, cuxo outorgamento lle corresponde á Administración militar, dependente en exclusiva da Administración xeral do Estado15 (Álvarez García, 2014: 2162 e ss.).

A regulación desta técnica para o campo dos materiais militares realízase no Regulamento de homologación de produtos de específica utilización no ámbito da defensa, aprobado polo Real decreto 165/2010, do 19 de febreiro (RHD). Este texto pretende recoller “nun só corpo normativo as disposicións que regulan a súa aplicación”, co fin de lograr “unha maior calidade e seguridade xurídica” (preámbulo do citado real decreto).

Desde unha perspectiva militar, a homologación consiste na “certificación por parte do Ministerio de Defensa de que un determinado sistema de armas, equipamento, produto ou proceso técnico cumpre as normas ou especificacións que se determinen como aplicables”16. Estas normas de referencia poderán ser militares, pero tamén civís, e tanto de ámbito nacional como estranxeiro17.

A realización deste control técnico supón testemuñar que un determinado material18 cumpre coas normas de referencia, para o que poden realizarse as probas, ensaios, controis, cálculos, análises e avaliacións técnicas que sexan necesarios.

O resultado final deste control consiste na expedición dun certificado de homologación por parte do director xeral de Armamento e Material mediante o que se dá fe de que un material respecta as normas ás está obrigatoriamente sometido.

No ámbito da defensa, este referido director xeral pode establecer produtos de homologación obrigatoria, pero os fabricantes poderán tamén solicitar a homologación de xeito voluntario.

O artigo 4.2 RHD establece as categorías de produtos que deberán estar sometidos a unha homologación obrigatoria. A saber:

“a) Produtos cuxo fallo puidese facer perigar o cumprimento dunha misión, ou cuxo funcionamento debe considerarse seguro, tanto desde o punto de vista operativo como respecto á seguridade e supervivencia das persoas e cousas.

b) Produtos que por necesidades operativas ou requirimentos loxísticos sexan propostos polos exércitos.

c) Produtos para os que se requira unha calidade e fiabilidade especiais polos requirimentos dos servizos que prestan ou pola importancia intrínseca do sistema de armas, equipamento, etc., ao que serven.

d) Produtos en que certas probas de comprobación dos seus requisitos técnicos sexan complexas, custosas ou de longa duración.

e) Produtos cuxa homologación obrigatoria derive da aplicación de acordos establecidos entre o Ministerio de Defensa e organismos internacionais”.

3.2. As autoridades e órganos administrativos competentes en materia de homologación militar

A autoridade nacional española de homologación en materia de material militar é o director xeral de Armamento e Material, que é o órgano competente para asinar as resolucións e expedir os certificados de homologación nacionais, tendo a potestade, ademais, para a aceptación dos produtos homologados polas correspondentes autoridades de control técnico doutros países membros da Alianza Atlántica que apliquen STANAG implantados en España19.

Esta autoridade militar está asistida por diferentes órganos na realización das súas tarefas de homologación. A saber:

A) A Comisión de Homologación da Defensa, que ten entre as súas funcións, as de establecer, modificar ou suprimir criterios de homologación obrigatoria de produtos, por un lado, e de elaborar plans ou programas sobre homologación, por outro20.

B) A Comisión Técnico-Asesora de Homologación, entre as competencias da cal se atopan as de, en primeiro termo, velar pola aplicación dos criterios establecidos para a homologación de produtos e polo cumprimento dos programas previamente planificados; en segundo termo, decidir sobre a normativa a aplicar e requisitos a cumprir en cada proceso de homologación; en terceiro termo, propoñer a designación de centros de actividade técnica para os procesos de homologación; en cuarto termo, realizar o seguimento e vixilancia das actuacións dos centros e laboratorios nos procesos de homologación; e, en quinto termo, propor as resolucións e certificacións de homologación ao director xeral de Armamento e Material21.

C) Os organismos promotores da homologación, que terán as dúas funcións seguintes: por un lado, a proposta de establecemento, modificación ou supresión de criterios de homologación obrigatoria; e, por outro, a indicación dos produtos cuxa homologación deba ser obrigatoria, de acordo cos criterios de homologación previamente establecidos. Neste último caso, os órganos promotores ou “orixinadores” sinalarán as normas en que deberá basearse o proceso de homologación. Son organismos promotores os seguintes: o Estado Maior da Defensa, os Exércitos, os órganos centrais do Ministerio de Defensa, a Dirección Xeral da Policía e da Garda Civil (ámbito do Corpo da Garda Civil), o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) e a Canle de Experiencias Hidrodinámicas de El Pardo (Cehipar)22.

D) Os centros que realizan a actividade técnica homologadora serán designados polo director xeral de Armamento e Material, por proposta da Comisión Técnico-Asesora de Homologación, que examinará as condicións de capacidade e de competencia destes. Esta designación será, en todo caso, publicada nos boletíns oficiais do Estado e de Defensa23.

Os ensaios necesarios para a homologación deberán realizarse en laboratorios previamente acreditados pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), seguindo a correspondente normativa UNE-EN ISO/IEC24.

3.3. O procedemento de homologación de produtos no ámbito da defensa

O procedemento administrativo relativo á homologación de materiais de defensa conta coas seguintes fases:

A) O procedemento comeza mediante unha solicitude de homologación do fabricante (ou importador) dirixida ao director xeral de Armamento e Material, á que se achegará a documentación regulamentariamente exixida25.

Esta solicitude será analizada pola Comisión Técnico-Asesora de Homologación, comprobando o contido da documentación achegada. Esta comisión admitirá ou, se é o caso, inadmitirá a solicitude. Neste último suposto poderá interporse recurso de alzada ante o citado director xeral de Armamento e Material26.

B) En caso de que sexa aceptada a solicitude, a Comisión Técnico-Asesora de Homologación adoptará unha destas dúas decisións27:

a) A proposta, sen máis trámite, da homologación do produto no caso de que a documentación achegada o permita.

No suposto da importación de produtos homologados no país de orixe, esa homologación poderá ser validada tras un estudo da documentación que a sustenta, podendo terse en conta a existencia de acordos de reciprocidade28.

b) A proposta de realización das actividades técnicas que procedan (ensaios, probas, etc.), designando un centro ou laboratorio competente. Este trámite rematará cun ditame preceptivo.

Neste suposto, o solicitante presentaralle ao centro ou laboratorio correspondente unha proposta de programa de homologación, elaborando o citado centro ou laboratorio un programa definitivo, que deberá ser aprobado pola Comisión Técnico-Asesora de Homologación.

Unha vez realizadas as actividades técnicas oportunas, o centro ou o laboratorio emitirá un informe preceptivo, que conterá, se é o caso, “atestación de conformidade, en que se especifique o resultado dos traballos realizados e a súa avaliación”.

C) A resolución do procedemento correspóndelle ao director xeral de Armamento e Material, tras proposta da Comisión Técnico-Asesora de Homologación, que debe ter en conta no seu informe o resultado das referidas actividades de homologación, así como o historial do solicitante en relación coas homologacións previamente concedidas29.

O contido da decisión versará sobre os datos de identificación do produto, as normas que serviron de base ao procedemento de homologación e o período de vixencia desta, que será, como regra xeral, de dous anos, renovables.

A resolución será notificada ao fabricante solicitante, expedíndose un certificado de homologación, e publicándose no Boletín Oficial del Estado e no Boletín Oficial del Ministerio de Defensa.

En caso de desestimación da homologación, caberá recurso de alzada ante o secretario de Estado da Defensa.

O fabricante conservará a documentación que serve de base á homologación, así como os correspondentes prototipos.

D) A produción debe seguir na súa fabricación o prototipo homologado. O control da dita produción debe ser realizado pola Área de Inspeccións Industriais da Dirección Xeral de Armamento e Material30.

E) En caso de incumprimento doloso das condicións da homologación, esta poderá ser deixada sen efecto (logo do correspondente procedemento contraditorio), xerándose, ademais, as responsabilidades pertinentes. Estas mesmas responsabilidades concorrerán no suposto de que a fabricación en serie non se correspondese co prototipo homologado31.

4. Conclusión

A posición xeoestratéxica da Unión Europea en xeral, e de España en particular, vénse vendo comprometida desde a invasión rusa de Ucraína, e, lonxe de ir despexándose a situación que nos atenazaba, viuse aínda máis comprometida coa negativa de Trump de que os Estados Unidos sigan contribuíndo á defensa europea nas mesmas porcentaxes orzamentarias en que o viñan facendo ata agora.

Este novo escenario está provocando o incremento moi significativo do gasto público en defensa no seo de todos e cada un dos Estados socios do club atlántico. Unha parte fundamental deste gasto está destinado ao fortalecemento da industria de armamento europea e nacional, incrementando exponencialmente as súas capacidades, de tal maneira que poidamos pensar en tender a unha busca da nosa soberanía neste importante segmento industrial durante os próximos anos.

Esta situación en que agora estamos a entrar exixe, indefectiblemente, dispor dunha industria militar de materiais onde, igual que na civil, poidamos empregar dúas estruturas esenciais para o seu desenvolvemento: por un lado, a realización de normas técnicas destinadas a rexer a fabricación de produtos en España e na OTAN (tolerancias, interoperabilidade, seguridade, etc.); e, por outro, o establecemento de sistemas públicos de avaliación da conformidade ou, máis abreviadamente, homologacións dos produtos e materiais con respecto ás referidas normas.

Estas técnicas puxéronse moi de moda na industria civil, pero non sabemos aínda realmente moito do seu crucial papel na esfera militar. Este oco é, precisamente, o que se tende a empezar a cubrir coas liñas que anteceden.

Bibliografía básica

Álvarez García, V., La normalización industrial, Tirant lo Blanch, Valencia,1999.

Álvarez García, V., Industria, Iustel, Madrid, 2010.

Álvarez García, V., “La técnica administrativa de la homologación de productos”. En Soriano García, J. E. e Estepa Montero, M. (Coords.), Por el derecho y la libertad. Libro homenaje al Profesor Juan Alfonso Santamaría Pastor, Iustel, Madrid, 2014.

Carrillo Donaire, J. A., El derecho de la seguridad y de la calidad industrial, Marcial Pons, Madrid, 2000.

Franck, P., La normalisation des produits industriels, P.U.F., París, 1981.

Izquierdo Carrasco, M., La seguridad de los productos industriales, Marcial Pons, Madrid, 2000.

Pavón, R, “La normalización en España y en el mundo”, Economía Industrial, 1986.

Tarrés Vives, M., Normas técnicas y ordenamiento jurídico, Tirant lo Blanch, Valencia, 2003.


  1. 1 Entre a literatura xurídica española sobre a normalización industrial e sobre os seus froitos, as normas técnicas, pode verse Álvarez García (1999 e 2010), Carrillo Donaire (2000), Izquierdo Carrasco (2000) e Tarrés Vives (2003).

  2. 2 Sobre os controis técnicos, véxanse, por todos, Álvarez García (2010), Carrillo Donaire (2000) e Izquierdo Carrasco (2000).

  3. 3 Artigo 4 do Regulamento de normalización militar de materiais (RNMM), aprobado pola Orde PRE/2507/2010, do 23 de setembro.

  4. 4 Art. 1 RNMM.

  5. 5 Art. 6 c) RNMM.

  6. 6 Art. 7 a) RNMM.

  7. 7 Art. 8 RNMM.

  8. 8 Art. 12 RNMM.

  9. 9 Art. 14 RNMM.

  10. 10 Art. 13 RNMM.

  11. 11 Art. 15.1 RNMM.

  12. 12 Ídem.

  13. 13 Art. 15.3 RNMM.

  14. 14 Art. 8.7 da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria.

  15. 15 O art. 149.1.4.ª CE establece que: “O Estado ten competencia exclusiva sobre as seguintes materias: (...) 4.ª Defensa e Forzas Armadas”.

  16. 16 Art. 1.1 do Regulamento de homologación de produtos de específica utilización no ámbito da defensa, aprobado polo Real decreto 165/2010, do 19 de febreiro (RHD).

  17. 17 Art. 5.1 RHD.

  18. 18 O Regulamento de homologación de produtos de específica utilización no ámbito da defensa refírese aos materiais coa denominación de “produto”, que se define como “sistema de armas, equipamento, produto propiamente dito ou proceso técnico, e incluirá materiais, artigos, elementos, compoñentes, conxuntos e subconxuntos” (art. 2).

  19. 19 Art. 7 RHD.

  20. 20 Art. 8 RHD.

  21. 21 Art. 9 RHD.

  22. 22 Art. 10 RHD.

  23. 23 Art. 11 RHD.

  24. 24 Art. 11.6 RHD.

  25. 25 Art. 14 RHD.

  26. 26 Art. 15, apartados 1 e 2, RHD.

  27. 27 Art. 15, apartados 4 e ss., RHD.

  28. 28 Art. 14.3 RHD.

  29. 29 Art. 16 RHD.

  30. 30 Art. 18 RHD.

  31. 31 Arts. 13.2 e 16.6 RHD.