Revista Galega de Administración Pública, EGAP
Núm. 70_xullo-decembro 2025 | pp. 87-115
Santiago de Compostela, 2026
https://doi.org/10.36402/regap.v1i70.5340
©Esther Seijas Villadangos
ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371
Recibido: 25/06/2025 | Aceptado: 16/12/2025
Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License
A lingua galega no Estatuto de autonomía de Castela e León
La lengua gallega en el Estatuto de autonomía de Castilla y León
The Galician language in the Statute of Autonomy of Castilla y León
Esther Seijas Villadangos
Catedrática de Dereito Constitucional. Universidade de León
ORCID: 0000-0001-7043-3168
Resumo: Este ensaio aborda a recepción estatutaria da lingua galega no Estatuto de autonomía de Castela e León. Para iso, procédese a redefinir o marco teórico sobre o que se constrúe a regulación do patrimonio lingüístico dunha comunidade autónoma, evidenciando a importancia dun novo referente como é a extraterritorialidade, fronte á tradicional exixencia de radicación na respectiva comunidade autónoma. Analizaranse as dúas repercusións máis latentes deste, descritas a partir da tensión entre autonomismo cooperativo versus autonomismo competitivo.
Palabras clave: Lingua galega, leonés, Estatuto de autonomía de Castela e León, cooperación.
Resumen: El presente ensayo aborda la recepción estatutaria de la lengua gallega en el Estatuto de autonomía de Castilla y León. Para ello, se procede a redefinir el marco teórico sobre el que se construye la regulación del patrimonio lingüístico de una comunidad autónoma, evidenciando la importancia de un nuevo referente como es la extraterritorialidad, frente a la tradicional exigencia de radicación en la respectiva comunidad autónoma. Se analizarán las dos repercusiones más latentes del mismo, descritas a partir de la tensión entre autonomismo cooperativo versus autonomismo competitivo.
Palabras clave: Lengua gallega, leonés, Estatuto de autonomía de Castilla y León, cooperación.
Abstract: This essay deals with the statutory reception of the Galician language in the Statute of Autonomy of Castile and León. To do so, it redefines the theoretical framework on which the regulation of the linguistic heritage of an Autonomous Community is built, highlighting the importance of a new referent such as extraterritoriality, as opposed to the traditional requirement of being based in the respective Autonomous Community. The two most latent repercussions of this will be analysed, described on the basis of the tension between cooperative autonomism versus competitive autonomism.
Key words: Galician language; Leonese, Statute of Autonomy of Castilla y León, cooperation.
SUMARIO: I. MARCO TEÓRICO: CLAVES CONCEPTUAIS PARA A SÚA COMPRENSIÓN: DESDE A ESENCIALIDADE Á EXTRATERRITORIALIDADE DAS LINGUAS. 1. Valor esencial. 2. Identidade. 3. Oficialidade. 4. Patrimonio lingüístico. 5. Radicación e extraterritorialidade lingüística. II. MARCO NORMATIVO DO PATRIMONIO LINGÜÍSTICO EN CASTELA E LEÓN: UNHA REGULACIÓN MULTINIVEL (EUROPA, ESPAÑA E CASTELA E LEÓN). 1.Consideracións xerais. 2. Marco europeo: a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias. 3. Marco constitucional. 4. Marco estatutario. III. A LINGUA GALEGA NO PATRIMONIO LINGÜÍSTICO DE CASTELA E LEÓN 1. O castelán. 2. O leonés. 3. A lingua galega. IV. REFLEXIÓN FINAL. V. BIBLIOGRAFÍA.
A lingua galega fálase en Castela e León, en particular nas provincias de León e Zamora. Esta normalidade ten un reflexo, normatividade, no Estatuto de autonomía e nunha das dimensións do Estado autonómico máis inexploradas, como son as relacións intergobernamentais, o autonomismo cooperativo. Tamén poderemos observar que a súa proxección abrazou outra dimensión menos benévola, pero realista, do noso modelo territorial, como é o autonomismo competitivo. A proposta que realizamos pasa por abordar desde un parámetro xeral, cunha dobre face, teórica e normativa, o marco en que se insire esta singularidade, para, nun segundo estadio, abordar un estudo de dereito particular onde se analizará o variado patrimonio lingüístico de Castela e León, cunha mención máis detallada ao obxecto deste traballo, a lingua galega. Con iso, pretendemos desmontar un mito, o do monolingüismo de Castela e León e alentar a translación da realidade ao marco xurídico, contribuír a consolidar unha cultura constitucional, que esta vez fala en galego.
Entender a regulación estatutaria do patrimonio lingüístico de Castela e León, en particular a regulación da lingua galega, require recompilar uns referentes teóricos que configuran o marco instrumental para a súa análise.
O significado de valor esencial no artigo 4.º do Estatuto de Castela e León, aplicado ao castelán, desmárcase dunha acepción xurídico-constitucional de valor superior do ordenamento xurídico, ex artigo 1.1 CE (STC 187/1999, do 25 de outubro, referido ao pluralismo político), ou piar do Estado de dereito que postula (STC 122/2021, do 2 de xuño, referido ao principio de publicidade ex art. 24.2 CE) e subsúmese á súa consideración como elemento nuclear da identidade dunha comunidade autónoma, a súa “idiosincrasia”. Nesa construción reivindicativa da identidade castelán-leonesa como alter a outras comunidades autónomas, pensemos en Cataluña, País Vasco ou Galicia, articuladas sobre feitos diferenciais. O feito diferencial de Castela e León é o elemento común a lingua castelá; niso estriba a súa singularidade. Este dato preséntase como un auténtico oxímoro, porque se vincula a unha pluralidade lingüística. Isto é o que realmente singulariza este estatuto de autonomía.
A función comunicativa é o principal labor que se predica dunha lingua. Non obstante, a esa función primaria fóronselle agregando outros labores, sendo un dos máis visibles a súa conversión en elemento identitario. É consecuencia de como as condicións culturais interveñen de xeito decisivo na organización e articulación dunha unidade política. Nesa conversión da lingua en elemento identitario debemos diferenciar unha parte obxectiva e outra subxectiva. O elemento obxectivo será a lingua, como sistema de comunicación verbal propio dunha comunidade humana e que conta xeralmente con escritura (RAE). Nel focalízase o elemento neutro de identidade común, acoutada a un territorio administrativo ou a unha parte deste. O elemento subxectivo apunta cara á mensaxe a transmitir, a vontade de sentirse singulares a través da apropiación e utilización consciente dese elemento identitario, que prioriza a súa mensaxe diferencial. Mentres o dato material, por si só, non deixaría de ser un compoñente máis da idiosincrasia, da súa caracterización, o referente volitivo-identitario dálle un plus, unha significación nova que se reforza cando se consigna normativamente, neste caso estatutariamente. O nexo entre ambos os dous, o feito e o dereito é, non o esquezamos, a política. Esa xuridificación das identidades lingüísticas nunca foi neutra, ten unha clara mensaxe e unhas meridianas aspiracións, recordando un artificial modelo belga, onde “a lingua define a comunidade”.
O carácter oficial dunha lingua leva consigo unha serie de dereitos e de deberes, que varían se se refiren á lingua oficial do Estado ou á oficial nunha comunidade autónoma. Respecto ao castelán, poderiámolo sintetizar en que o seu carácter común lexitima a súa utilización con plena validez e eficacia xurídica ante todos os poderes públicos de todo o territorio español. Respecto ás linguas cooficiais, implica o dereito a usalas –respecto aos poderes públicos e entre eles– e un deber para os poderes públicos para garantir ese dereito dos cidadáns, que non deber de coñecemento (STC 31/2010, FX 14). No caso de Castela e León, non cabe falar dunha dobre oficialidade do castelán, pero si dun plus da súa consideración como valor esencial da Comunidade, integrante do seu acervo cultural, que deriva nun paradoxo de converter o común en feito diferencial.
Ao fío desa cooficialidade, pódese falar das linguas propias, que deben gozar dun recoñecemento estatutario, explícito ou mediato, desde o que non se pode desenvolver un dereito de opción lingüística para os cidadáns, nin un deber de dispoñibilidade lingüística para os poderes públicos. Os atributos dunha lingua propia derivan do uso natural, orixinal e histórico. Será o lexislador autonómico o que habilite un réxime xurídico de protección para estas (art. 7 da Lei orgánica 5/2007, do 20 de abril, de reforma do Estatuto de autonomía de Aragón), que pode levar consigo “determinados efectos” (STC 75/2021, do 18 de marzo, FX 2) (no exercicio das funcións parlamentarias ou relacións dos cidadáns coas administracións públicas, pero non con carácter xeral). Así, a Lei 3/2013, do 9 de maio, de uso, protección e promoción das linguas e modalidades lingüísticas propias de Aragón. A diferenza do caso aragonés, o Estatuto de Castela e León non identifica como lingua propia nin o leonés nin á lingua galega.
O patrimonio lingüístico alude ao modo de expresión, lingua, que se consolidou nun determinado territorio e que pola súa transmisión propiciou un nexo de unión entre os que o falaban, o que contribúe á súa identificación. Pola súa vez, foi unha canle para a transmisión doutros valores culturais e de coñecemento. Este patrimonio lingüístico é variado, ao integralo a diversidade lingüística que conflúe nun territorio. O patrimonio lingüístico é unha especie do xénero patrimonio cultural, acepción moito máis complexa que incorpora elementos materiais e inmateriais. Así, o artigo 1.2 da Lei 12/2002, do 11 de xullo, de patrimonio cultural de Castela e León, descríbeo como “os bens mobles e inmobles de interese artístico, histórico, arquitectónico, paleontolóxico, arqueolóxico, etnolóxico, científico ou técnico. Tamén forman parte deste o patrimonio documental, bibliográfico e lingüístico, así como as actividades e o patrimonio inmaterial da cultura popular e tradicional”. A súa definición precisa, no caso de Castela e León, alude ás “diferentes linguas, falas, variedades dialectais e modalidades lingüísticas que tradicionalmente se viñesen utilizando no territorio da Comunidade de Castela e León” (art. 64). A garantía institucional que o lexislador lle dispensa céntrase na súa protección e difusión. Os seus atributos veñen debullados pola UNESCO, desde unha concepción inmaterial, arredor dos seguintes apelativos: tradicional, contemporáneo, vivente, integrador, representativo e baseado na comunidade.
Un dos efectos da cooficialidade é o dereito de opción lingüística, a potestade de “utilizar a lingua oficial que prefiran ante o poder público radicado na comunidade autónoma en condicións de igualdade” (STC 337/1994, FX 6). Radicar significa estar situado ou establecido dentro dos límites territoriais da comunidade autónoma marcados estatutariamente. Afecta, por conseguinte, non só aos poderes autonómicos, senón aos dependentes da Administración central ou doutras institucións estatais (STC 31/2010, FX 14). Unha explicación da radicación desde un halo negativo implica que os actos realizados nas linguas cooficiais fóra do territorio da respectiva comunidade autónoma non terán validez xurídica. Iso implicaría os órganos doutras autonomías e os órganos constitucionais. A excepción achámola nunha regulación específica, xa sexa do lexislador estatal ou doutro lexislador autonómico que modifique esa presunción xenérica amparando a proxección extraautonómica da lingua cooficial. Nesa deriva transfronteiriza da lingua, perderá o seu carácter oficial, para adquirir un novo status, respecto ao que se habilitará unha garantía institucional de respecto e protección cun triplo fundamento. Por un lado, a súa condición de oficial na respectiva comunidade autónoma. Por outro, o seu uso normal en territorios limítrofes. Finalmente, por un recoñecemento simbólico á pluralidade lingüística do Estado, en institucións comúns ou en institucións externas onde se trata de reflectir esa diversidade. Nese ámbito, podemos sinalar as excepcións que se aplicaron. A nivel estatal subscribíronse diferentes acordos administrativos coas institucións europeas. A partir das Conclusións do Consello, do 13 de xuño de 2005, relativas ao uso oficial doutras linguas no Consello e, se é o caso, noutras institucións e órganos da Unión Europea, nas cales se explicita que “os custos directos ou indirectos que deriven da aplicación polas institucións e órganos da Unión destes acordos administrativos correrán a cargo do Estado membro solicitante” (art. 5), poderanse utilizar esas linguas cooficiais na publicación dos actos adoptados mediante codecisión polo Parlamento Europeo e o Consello, as intervencións orais nas sesións do Consello e, se é o caso, doutras institucións ou órganos da Unión ou as comunicacións escritas coas institucións e órganos da Unión. Para que os cidadáns poidan dirixirse ás institucións europeas nas linguas cooficiais, os Estados membros designarán un órgano para que faga a tradución ao castelán, concretamente dentro de cada comunidade autónoma –por exemplo, no caso de Cataluña, é o Departamento de Acción Exterior e Unión Europea–, protocolo que se aplicará á resposta. Sobre esta base asinaríase o 30 de outubro de 2006 o Acordo administrativo entre o Reino de España e o Defensor do Pobo Europeo, en virtude do cal as comunicacións entre o Defensor do Pobo Europeo e os cidadáns españois ou residentes en España poden facer uso oficial das linguas que, ademais do español ou castelán, teñen estatuto de linguas oficiais de acordo co establecido pola Constitución española de 1978. En agosto de 2023, o Goberno español solicitou ao Consello Europeo a modificación do réxime lingüístico da Unión Europea, co obxectivo de que o catalán, o éuscaro e o galego sexan incluídos como linguas oficiais na Unión Europea (UE). Para iso sería necesario reformar o Regulamento n.º 1, polo que se fixa o réxime lingüístico da Comunidade Económica Europea, que na actualidade cifra en 24 as linguas oficiais. O artigo 352 do Tratado de Funcionamento da UE require unanimidade para este proceso. O Consello de Asuntos Xerais, órgano preparatorio das posteriores reunións do Consello, debateuno o 19 de setembro de 2023.
A reforma do Regulamento do Senado, en vigor desde 1 de setembro de 2005, á que nos referimos, é outro exemplo de extraterritorialidade das linguas cooficiais. A creación do Consello das Linguas Oficiais na Administración xeral do Estado e a Oficina para as Linguas Oficiais, polo Real decreto 905/2007, do 6 de xullo, cuxo labor se identifica no artigo 1.2 ao sinalar que lle compete “a análise, impulso e coordinación técnica entre os diferentes departamentos da Administración xeral do Estado en relación co uso das linguas oficiais das comunidades autónomas, co obxectivo de lograr o mellor cumprimento das exixencias derivadas da existencia de distintas linguas oficiais e do seu recoñecemento na actividade dos departamentos que a integran e dos organismos públicos dependentes ou vinculados a ela, para procurar unha mellor atención aos dereitos dos cidadáns”, é a resposta orgánica a esta práctica extraterritorial. Igualmente, a programación desde o INAP, a partir de 2009, de cursos de formación das linguas cooficiais (Memoria de Actividades INAP, 2009) é outra actuación conducente a implementar esa dimensión exorbitante desde o punto de vista territorial das linguas cooficiais.
No ámbito autonómico, a excepción a ese principio de radicación achámolo a nivel estatutario ou na lexislación autonómica. Con iso procedeuse a regular un novo principio, o da extraterritorialidade. No Estatuto de autonomía de Castela e León, onde a lingua galega se converte en obxecto de respecto e protección “nos lugares onde habitualmente se utilice” (art. 5.3 ECeL). Poderiamos dicir que hai unha anotación interna dese principio de radicación, que ten as seguintes consecuencias. Non se extrapola o status de cooficial a outra autonomía. A súa protección cínguese aos lugares da comunidade autónoma onde se utiliza con habitualidade, coincidan ou non coas divisións provinciais, co que se habilitaría un novo ámbito lingüístico non territorial. Comparte o atributo de “uso normal”, o Estatuto fala de uso habitual, cunha lingua cooficial, polo que podería ter o status de lingua propia territorialmente acoutada, como lingua natural usada nesa zona, ao compartir o atributo de “particular” dese territorio extraautonómico en que se fala e sobre o que se proxecta a garantía institucional estatutaria de habilitar canles para o seu respecto e protección. Non obstante, o lexislador estatutario castelán-leonés non lle atribuíu o carácter de lingua propia a ningunha lingua.
Pola súa banda, o galego/asturiano ten o recoñecemento de modalidade lingüística propia na Lei 1/1998, do 23 de marzo, de uso e promoción do bable/asturiano (art. 2), do Principado de Asturias, pero sen posuír un reflexo estatutario, dado que o artigo 4 da Lei orgánica 7/1981, do 30 de decembro, de Estatuto de autonomía para Asturias, só se refire ao bable.
Unha situación similar podémola predicar do catalán en Aragón. Malia o silencio estatutario no que se refire ao catalán, a Lei 3/1999, do 10 de marzo, do patrimonio cultural aragonés, facía referencia no seu artigo 4 ao catalán. Non obstante, o silencio, tachado de “regresivo” da Lei 3/2013, do 9 de maio, de uso, protección e promoción das linguas e modalidades lingüísticas propias de Aragón, ao omitir esa identificación expresa, foi obxecto de recurso ante o Tribunal Constitucional, que o desestimou ao entender que as sucesivas reformas deste, grazas á Lei 2/2016, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Aragón, e, anteriormente, á Lei 14/2014, explicitaban esa referencia (STC 56/2016, do 17 de marzo, FX 3).
A “extraterritorialidade” lingüística segue o ronsel do dereito constitucional comparado (ex. revisión total da Constitución suíza de 1999, coa incorporación do romanche), se ben articula un réxime lingüístico singular que cómpre analizar caso a caso.
As tres pautas fundamentais que marcarán o seu desenvolvemento remiten, por un lado, á Constitución –fundamentalmente, ao contido do seu artigo 3–; por outro, ao significado da regulación autonómica na materia –basicamente, estatutaria e a través das diferentes leis de normalización e regulación das modalidades lingüísticas–; e, como referente normativo de peche, especialmente relevante no caso que nos ocupa, á regulación europea da man da Carta Europea das linguas minoritarias, ratificada por España en 2001. Empezaremos a narración por esta última, seguindo un esquema descendente, tras esbozar unhas liñas contextualizadoras.
A finais do século XIII quedaban definitivamente configuradas as liñas xerais do mapa lingüístico da Península Ibérica1, no que se dan cita raíces celtas, iberas, romanas (coa excepción do éuscaro2, cuxa orixe caucásica o converte na única lingua anterior ao latín que subsiste na Península), visigodas, árabes e mozárabes3.
A evolución posterior podémola sincopar arredor dos seguintes datos. O establecemento do castelán como lingua da Administración4 e da cultura, á vez que dos niveis superiores da sociedade se podería fixar no século XVIII, tendo que esperar ao século XIX para constatar a súa progresiva expansión entre as clases populares, fundamentalmente debido á xeneralización do ensino. De igual xeito, esta última centuria alberga o renacer das outras linguas que depuran a súa utilización e o seu ámbito de aplicación.
Unha boa proba dos paradoxos con que nos sorprende a historia puidese ser a constatación da seguinte coincidencia. En 1833, Javier de Burgos, a través dos respectivos reais decretos do 30 de novembro, apuntala o piar decisivo do que será a aposta española por un modelo de organización territorial centralizado, uniforme e esencialmente xacobino. Nese mesmo ano, 1833, Buenaventura C. Aribau, empregado dun financeiro catalán instalado en Madrid, compuxo un poema en catalán, Oda a la Pàtria, que, publicado posteriormente en Barcelona, xeraría unha forte conmoción, daquela, inicial detonante dun movemento imparable –Jocqs florals (1859), Lo catalanisme (Valentín Almirall, 1866), La Atlántida (Verdaguer, 1877), La nacionalitat catalana (Prat de la Riba, 1892)– que transcendería o exclusivamente cultural para situarse no terreo das consciencias, dos feitos diferenciais, das asimetrías.
Este renacer, e paralelo fortalecemento das “outras linguas españolas”, non foi patrimonio exclusivo do catalán, senón que se estendeu ao éuscaro –El doctor Peru Abarca (Juan Antonio Moguel)–, ao galego –Cantares gallegos (Rosalía de Castro, 1863)– e, máis tardiamente, ao valenciano –Nosaltres els valencians (J. Fuster)– e ao balear.
Sobre este substrato lingüístico básico proxectaremos a estrutura xurídico-política ideada pola Constitución de 1978 no que respecta á organización territorial, as comunidades autónomas, a regulación estatutaria, todo iso orquestrado e visado por un Consello de Europa que vela pola conversión da pluralidade lingüística nun nexo que fortaleza a unión entre os Estados e os seus pobos. O complexo resultante desa combinación entre lingua, dereito e política facilitará a comprensión global dun modelo suxestivo e poliédrico: o Estado autonómico, en particular o da Comunidade Autónoma de Castela e León.
A Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias asinouse en Estrasburgo o 5 de novembro de 1992 e foi ratificada por España no ano 2001. Foi promovida polo Consello de Europa co obxectivo de conseguir unha unión máis estreita entre os seus membros mediante a salvagarda e promoción do seu patrimonio común, sendo un elemento clave deste a lingua. Dous son os principios xerais que a impulsan: a democracia e a diversidade cultural. Estes principios matrices desagréganse noutra serie de obxectivos e principios ancilares, entre os que desexamos destacar o recoñecemento das linguas rexionais ou minoritarias como expresión da riqueza cultural, a non consideración da organización administrativa como un obstáculo á súa protección e a articulación de diferentes medidas tendentes á súa valorización, no ámbito da aprendizaxe e do uso (art. 7). Todo iso enmárcase no obxectivo primordial que é a protección da diversidade lingüística interna nos Estados signatarios5.
O primeiro que fai cada Estado que ratifica a devandita carta é identificar cales son as linguas rexionais ou minoritarias ás que se vai aplicar ese tratado. No caso español serán as linguas recoñecidas como oficiais nos estatutos de autonomía das comunidades autónomas do País Vasco, Cataluña, Illas Baleares, Galicia, Comunidade Valenciana e Navarra. Así mesmo, España declara, para os mesmos efectos, que tamén se entende por linguas rexionais ou minoritarias as que os estatutos de autonomía protexen e amparan nos territorios onde tradicionalmente se falan6. É este último inciso o que podemos proxectar en Castela e León, onde non existe unha lingua cooficial. Non obstante, a súa aplicación resulta moi minguada neste caso, dado que o contido substantivo desta –parte III da carta– (ensino, xustiza, servizos públicos, medios de comunicación, servizos culturais e no ámbito da vida económica e social) se vai limitar ás linguas identificadas estatutariamente como oficiais. En consecuencia, unicamente a parte II da carta se aplica a Castela e León, focalizándose a protección do seu patrimonio lingüístico no Estatuto de autonomía e no desenvolvemento que deste se realice7. A dita parte II articúlase a partir dun lacónico artigo 7 onde se insta á adopción dun xenérico compromiso a lexislar, establecer políticas e aplicar ambas as dúas desde presupostos que parten do recoñecemento das linguas rexionais minoritarias como expresión da riqueza cultural, de fomentar o seu emprego tanto na vida privada como na pública, do ensino e estudo destas en diferentes niveis educativos ou a promoción do seu estudo e investigación a nivel universitario. No que podería ser unha delimitación negativa destas actuacións, ínstase a eliminar calquera actuación que poña en perigo o mantemento ou desenvolvemento destas. A laxitude desta regulación, “no caso destas linguas, a natureza e o alcance das medidas que se deberán tomar para a aplicación desta carta determinaranse de xeito flexible” (art. 7.5) contribúe a valorar con moita cautela a eficacia desta carta en Castela e León, máis alá dunha atribución a esta dunha natureza programática.
A concepción que, por outro lado, ten a Carta das linguas rexionais ou minoritarias baséase nun criterio cuantitativo, “faladas tradicionalmente nun territorio dun Estado por nacionais dese Estado que constitúen un grupo numericamente inferior ao resto da poboación do Estado”, e nun ambiguo atributo de seren linguas diferentes das linguas oficiais do Estado, excluíndo os dialectos e as linguas faladas polos inmigrantes (art. 1).
Desde o 1 de xullo de 2019, os Estados signatarios deben presentar informes exhaustivos cada cinco anos e dous anos e medio despois. No informe intermedio de decembro de 2020, ínstase a “tomar medidas inmediatas para protexer o galego en Castela e León. Actuar decididamente para protexer e facer promoción do leonés en Castela e León, especialmente en educación”8.
Nesta referencia supraestatal á protección do patrimonio lingüístico non podemos ignorar o artigo 3.3 do Tratado da Unión Europea ao establecer que “A Unión respectará a riqueza da súa diversidade cultural e lingüística e velará pola conservación e o desenvolvemento do patrimonio cultural europeo”. Vexamos como España é un referente neste aspecto.
A Constitución española do 29 de decembro de 1978 ocúpase e preocúpase da cuestión lingüística en varios dos seus apartados. É destacable que xa desde o preámbulo9 se afirme que “A Nación española (...) proclama a súa vontade de: (...) Protexer todos os españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas e tradicións, linguas e institucións”. Porén, será no título preliminar onde se inclúa a pedra angular na materia, o artigo terceiro. A todo iso cómpre engadir unha serie de preceptos que modulan o seu contido conformando a base normativa constitucional da pluralidade lingüística española10. Así, o artigo 20.3, que asegura a presenza das distintas linguas nos medios de comunicación social dependentes do Estado ou en calquera ente público ou a inclusión do ensino da lingua da comunidade autónoma no bloque de materias susceptibles de poder ser asumidas polas autonomías, sen necesidade de que transcorresen cinco anos desde a aprobación dos seus estatutos, isto é, polas comunidades que accederon á autonomía pola vía ordinaria (art. 148.1.17). En último lugar, tal como se recoñecía nun dos estudos pioneiros que se desenvolveron sobre esta cuestión11, a disposición derradeira12, completa un total de cinco referencias ao pluralismo lingüístico efectuadas desde a nosa carta magna13.
Un repaso á andaina do actual artigo terceiro da Constitución debe situarse inicialmente no artigo 4.º do documento presentado por UCD aos traballos do relatorio encargado de redactar o anteproxecto do texto constitucional. Tras ter sido obxecto de diferentes matizacións por parte de “todos os membros do Relatorio”14, lograríase alcanzar un acordo na redacción, desde o seu tratamento como un elemento de traballo que non prexulgaría a súa localización no texto do articulado. A redacción do citado precepto era a seguinte:
“Artigo 4.º: O castelán é a lingua oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de coñecelo e o dereito a usalo.
As restantes linguas de España serán tamén oficiais no ámbito das nacionalidades e rexións que as asuman como tales, nos seus respectivos réximes autonómicos.
España recoñece na riqueza das distintas modalidades lingüísticas do Estado un patrimonio cultural que debe ser obxecto de especial respecto e protección”.
Este texto suscitaría as reservas do representante de Alianza Popular no relatorio, Manuel Fraga, motivadas pola inclusión da palabra “nacionalidades”. A publicación o 5 de xaneiro de 1978 no Boletín Oficial de las Cortes do Anteproxecto de Constitución situou de forma xa definitiva o precepto, presentándoo como artigo terceiro. No que atinxe ao seu contido, as variacións que se advirten respecto ao borrador que o precedeu concéntranse (á marxe de puntuais expresións como a substitución de “as restantes linguas de España” por “as demais linguas de España” ou a ordenación de suxeito, verbo e predicado no inciso terceiro, relegando o suxeito “España recoñece na riqueza...” a un rol de adxectivo, precisamente, desa riqueza que será obxecto de especial respecto e protección) na supresión, no inciso segundo do dito artigo, da expresión “nacionalidades e rexións”, como ámbito da oficialidade das demais linguas. Igualmente, a locución “as respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos” suplirá e concretará a difusa referencia aos respectivos “réximes autonómicos” que deberían determinar tal oficialidade. Dos debates, desexamos extraer unha petición: a atribución da calidade de exclusividade no territorio autonómico no uso desde a cualificación dunha lingua como oficial15. Ese foi un dos grandes problemas do plurilingüismo, a dificultade para conxugar o uso das linguas, a obsesión por ser lingua preeminente, o que leva consigo o desprazamento, cando non eliminación, das demais. Finalmente, o texto do vixente artigo 3 reza do seguinte xeito:
“1. O castelán é a lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen deber de coñecela e o dereito a usala.
2. As demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos.
3. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección”.
Unha síntese dos mandatos deste precepto, que recordemos que está pseudoblindado polo procedemento agravado de reforma constitucional, lévanos a extraer os seguintes mandatos, que non suxestións. Primeira. A oficialidade do castelán para todo o Estado. Tendo como fundamento que o castelán é o idioma común de todos os españois, constitucionalízase ese status de lingua oficial do Estado, que coexiste con outras linguas oficiais no Estado16. O castelán poderá utilizarse con plena validez e eficacia xurídica en todo o territorio español e ante todos os poderes públicos (STC 82/1986, FX 2). Será ao lexislador nacional ao que lle corresponde ir precisando o alcance desa oficialidade (STC 88/1983, FX 4). A consecuencia máis importante que debemos extraer dese status de oficial é un deber, o do seu coñecemento, e un dereito, o do seu uso, cuxos titulares somos todos os españois, incluídos os que forman parte de todas as institucións públicas, manifestacións que salientan que o atributo de oficial xera distintas consecuencias a partir do referente (lingua oficial/cooficial) ao que se lle aplique. Segunda. A oficialidade do castelán coexistirá coas das demais linguas españolas, a partir da súa estatutorización e da súa anotación na respectiva comunidade autónoma, por iso a designación como linguas cooficiais. A norma competente para a designación dunha lingua como oficial no seu respectivo territorio é o estatuto de autonomía. O seu desenvolvemento corresponderalle ao lexislador autonómico. Non obstante, con iso non se xera unha blindaxe cara ao Estado, porque a transversalidade da súa capacidade de actuación o habilita a incidir dun modo corrector ou restaurador cando, tomando como referencia a lingua, se vulnere a igualdade dos españois no exercicio dos seus dereitos ex artigo 149.1.1 CE (STC 6/1982, FX 10). Os cidadáns poderán usar esa lingua oficial con todos os poderes públicos radicados no seu territorio, non só cos autonómicos (STC 82/1986, FX 4). En terceiro lugar, a constitucionalización do pluralismo lingüístico en España expándese e reforza as denominadas modalidades lingüísticas sobre as que se compromete a garantir a dispensa dunha especial protección e respecto. Esa garantía vai ser mediata porque, como acontece coas linguas cooficiais, serán os respectivos estatutos de autonomía os encargados desa tarefa. Sobre o alcance da expresión modalidades lingüísticas na Constitución, abriuse un debate arredor dunha acepción ampla, que abranguería a totalidade das linguas do Estado, fronte a unha estrita que se limitaría desde un patrón xerárquico a referir as variedades lingüísticas non incluídas nos artigos precedentes, isto é, tería unha clara natureza residual que implicaría unha gradación na función garantista e tuitiva da Constitución. O importante é identificar o contido da garantía constitucional que diso deriva, “a non interferencia dos poderes públicos nas manifestacións individuais ou colectivas das peculiaridades lingüísticas”17.
Esta base constitucional resalta a función comunicativa das linguas en España, buscando potenciar o común, a partir da oficialidade do castelán, e recoñecer o diferente, desde a cooficialidade estatutaria e a protección das distintas modalidades lingüísticas, nunha exemplar operación agregativa e integradora, que vai determinar unha das facetas estatais no que se describiu como a configuración asimétrica do sistema de comunidades autónomas18, que para ser completada normativamente desde o parámetro de bloque de constitucionalidade nos remite aos estatutos de autonomía, neste caso centrarémonos na Lei orgánica 14/2007, do 30 de novembro, de reforma do Estatuto de Castela e León.
Emporiso, o espírito19 e a literalidade da Constitución parece mudarse ao saltar desde esta regulación á estatutaria e, sobre todo, ao seu desenvolvemento normativo, ao abandonar a lingua a súa función primaria comunicativa e introducirse no corpo que forxa a identidade dese territorio por confrontación cos elementos comúns. Unha volta de rosca máis prodúcese cando o troco político utiliza as linguas para os seus asuntos (negociacións de orzamentos, de leis, de investiduras). Neste sentido, cómpre referir a reforma do Regulamento do Congreso dos Deputados publicada no Boletín Oficial del Congreso de los Diputados o 25 de setembro de 2023. Deixando de lado os aspectos procesuais, lectura única e trámite de urxencia, a lexitimación que a esta reforma lle conferiu o preámbulo é que se pretende avanzar pola senda da pluralidade lingüística, como elemento de respecto ao plurilingüismo que recoñece e ampara a Constitución. Nada que obxectar, aínda que tería sido necesaria unha explicación ad hoc de por que se quebra o principio de radicación que consigna o artigo 3.2 CE e se extrapola o ámbito de eficacia das linguas cooficiais fóra do territorio da comunidade autónoma. O precedente do Senado20, como cámara de representación territorial, é un aval insuficiente, de cara ao bicameralismo asimétrico que opera entre ambas as dúas e que, lonxe de reforzar o carácter territorial do Senado, parece esvaecelo. Non contribúe ao mellor entendemento na cámara porque porcentualmente os deputados que falan conxuntamente castelán e éuscaro, catalán e galego e o comprenden sen necesidade de tradutores é mínima, porcentaxe que se achega ao cero absoluto se buscásemos un deputado que fale e comprenda á perfección as catro linguas. Como elemento simbólico, podería ser admisible, pero, se o que buscamos é que se entendan, converter a riqueza e pluralidade lingüística en instrumento de troco parécenos unha mutación contra legem que altera o papel das maiorías e minorías nunha dubidosa interpretación da democracia21.
A regulación estatutaria do patrimonio lingüístico da Comunidade de Castela e León proxéctase en dous artigos, o artigo 4 e o 5, da vixente Lei orgánica 14/2007, do 30 de novembro. Tras o silencio en materia de patrimonio lingüístico da redacción orixinal de 1983, a súa inserción estatutaria remóntase á LO 4/1999, do 8 de xaneiro, de reforma do Estatuto de autonomía de Castela e León, que establecía o seguinte22:
“Artigo 4. Valores esenciais.
1. A lingua castelá e o patrimonio histórico, artístico e natural son valores esenciais para a identidade da Comunidade de Castela e León e serán obxecto de especial protección e apoio, para o que se fomentará a creación de entidades que atendan a este fin.
2. Gozarán de respecto e protección a lingua galega e as modalidades lingüísticas nos lugares en que habitualmente se utilicen”23.
A inserción da referencia á lingua galega realizaríase na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado, esgrimindo razóns técnicas e un reflexo estatutario do que ocorre na realidade24.
Será na reforma de 2007 onde pasen a desagregarse en dous artigos, desde o dito apartado segundo, coa incorporación da modificación substantiva de incluír o leonés na súa redacción:
“Artigo 4. Valores esenciais.
A lingua castelá e o patrimonio histórico, artístico e natural son valores esenciais para a identidade da Comunidade de Castela e León e serán obxecto de especial protección e apoio, para o que se fomentará a creación de entidades que atendan ao dito fin.
Artigo 5. A lingua castelá e o resto do patrimonio lingüístico da Comunidade25.
1. O castelán forma parte do acervo histórico e cultural máis valioso da Comunidade, estendido a todo o territorio nacional e a moitos outros Estados. A Junta de Castilla y León fomentará o uso correcto do castelán nos ámbitos educativo, administrativo e cultural.
Así mesmo, promoverá a súa aprendizaxe no ámbito internacional especialmente en colaboración coas universidades da Comunidade, para o cal poderá adoptar as medidas que considere oportunas.
2. O leonés será obxecto de protección específica por parte das institucións polo seu particular valor dentro do patrimonio lingüístico da Comunidade. A súa protección, uso e promoción serán obxecto de regulación.
3. Gozará de respecto e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice.
A súa redacción non sufriu alteración ningunha desde a súa inicial presentación no Pleno das Cortes de Castela e León, o 5 de setembro de 2006 (BOCCyL, n. 290, do 7 de setembro de 2006, p. 21093). Do seu exiguo debate podemos extraer a dialéctica, no que se refire ao leonés, de se lingua ou dialecto26, optando o lexislador pola vía do medio, ao referirse simplemente ao “leonés”, orfo de calquera cualificación27. Ese texto e esa concepción mantívose ata a súa aprobación final o 21 de novembro polo Pleno do Senado (Diario de Sesiones n.º 139, 21 de novembro de 2007, p. 8729, onde erroneamente se cualifica como proxecto de lei).
A regulación estatutaria da lingua castelá, do leonés e da lingua galega merece un comentario conxunto, para logo proceder á súa análise singular. A primeira apreciación refírese a que a regulación estatutaria da lingua castelá e do resto do patrimonio lingüístico da Comunidade se produce fóra do título concernente aos dereitos e, por conseguinte, o forzado de falar de dereitos lingüísticos neste estatuto, dado que nin se caracterizan como tales nin, o que resulta decisivo, se benefician dos instrumentos tuitivos vinculados a estes. Por iso resulta máis axeitado falar de “valores lingüísticos”, “pseudodereitos lingüísticos” ou “garantías institucionais”28. O marco xeral determinador dos valores esenciais para a identidade da Comunidade de Castela e León pondera a lingua castelá a un status identitario (art. 4.º). Se o conectamos co artigo de apertura estatuario “contribuíu de modo decisivo á formación de España como Nación”, lévanos a pensar que o lexislador o fixo máis de cara ao marco xeral autonómico que nunha mirada ad intra. No artigo seguinte regúlase con máis detalle a importancia do castelán para esta Comunidade, vinculado ao “acervo histórico e cultural”, pero hai un matiz interesante, e é que parece abandonarse un esquema de presentación ordinal ou gradual que se albisca no artigo 3 CE29, e que se incorporou ao estatuto da man do artigo 4.º da LO 4/1999, do 8 de xaneiro (castelán, galego e modalidades lingüísticas), expresión esta última que emulaba a Constitución e que desaparece. A vixente presentación formal deste patrimonio lingüístico parece buscar unha asepsia ao referirse ao castelán, ao leonés e á lingua galega, que impide graduar a súa importancia estatutaria, polo menos nos dous últimos, aínda que si tanto cualitativa como cuantitativamente respecto ao castelán.
Como análise particular do patrimonio lingüístico de Castela e León, abordaranse os aspectos específicos do castelán, o leonés e, sobre todo, da lingua galega.
A primeira referencia debe orientarse á especificidade constitucional e estatutaria do castelán. Para iso, debemos remontarnos á Constitución da II República, ao ser o primeiro texto de natureza constitucional que define expresamente a lingua oficial do Estado español. Influenciada polos argumentos sostidos por Menéndez pelayo, o artigo 4 da dita Constitución establece no seu primeiro apartado que “o castelán é o idioma oficial da República”30. A polémica estaba servida31, tal como se reflectiu no debate constituínte. Dous aspectos clave polarizaron a proposta do constituínte: a oficialidade do castelán para toda a República e a posibilidade dun recoñecemento lingüístico, por parte das leis do Estado, ás diferentes provincias ou rexións en función de que estas utilizasen o dereito dispositivo ou facultativo de integrarse en rexións autónomas.
No que atinxe á oficialidade do castelán, os diferentes votos particulares32 e, especialmente, as emendas presentadas tiñan como denominador común a polémica entre o binomio “castelán versus español” e a precisión das posibles consecuencias que derivan de tal atributo de oficial. A dialéctica referida, “castelán versus español”, personificouse nos nomes propios dos seus principais defensores, D. Marcelino Menéndez Pelayo, no que respecta ao castelán, e D. Ramón Menéndez Pidal, ao español. En apoio das teses deste último, o deputado Sr. Ovejero presentou a seguinte emenda ao artigo 4.º: “o español é o idioma oficial da República española”33. As teses castelanistas escoitáronse na Cámara en boca do deputado Alomar, daquela discípulo de Menéndez Pelayo, centrándose nun lacónico argumento: “Tan lingua española é a castelá como a catalá e a portuguesa”34. A contrario sensu, asimilar o castelán ao español sería negar a condición de españolas ás outras linguas35. Esta postura sería a definitivamente incorporada á Constitución do 9 de decembro de 1931, trasladándose igualmente ao vixente texto constitucional.
A regulación estatutaria da lingua castelá (art. 4) e o castelán (art. 5.1)36 verifica a vontade da resaltar como referente identitario, non diluído nun patrimonio cultural ou lingüístico, senón como elemento especial nun marco patrimonial que nos leva á Historia, a arte e a natureza. A ancoraxe constitucional deste precepto achámolo no preámbulo da Constitución, o artigo 44 e, sobre todo, o analizado artigo 3.
Podemos atopar tres dimensións desa regulación: en primeiro lugar, o seu recoñecemento como integrante do acervo histórico e cultural da Comunidade, que se expande desde a súa consideración como lingua oficial do Estado español e a nivel internacional. En segundo lugar, unha dimensión instrumental, focalizada no obxectivo da comunidade autónoma, concretamente do seu órgano colexiado de goberno, a Junta de Castilla y León de fomentar a corrección no seu uso, nos ámbitos educativo, administrativo e cultural. Nese sentido, creouse a Fundación Siglo, para el Turismo y las Artes de Castilla y León (10 de setembro de 2012), entre os fins da cal destaca a protección, fomento, financiamento e desenvolvemento de actividades relacionadas coa lingua. Pola súa parte, o Instituto Castellano y Leonés de la Lengua, con sede en Burgos, defínese como unha institución que traballa pola promoción e a difusión da lingua española e a literatura da Comunidade. A súa proxección materializouse nun convenio de colaboración entre as Cortes de Castela e León e o citado instituto, dentro do cal a Comisión de Estilo Alfonso X supervisará os textos lexislativos que lle sexan remitidos para tal fin polas Cortes de Castela e León e fronte aos que a Comisión proporá, se é o caso, as correspondentes alternativas gramaticais, léxicas ou discursivas, debida e oportunamente razoadas. O momento será a fase de relatorio, polo que no seu informe se poderán incorporar as ditas observacións, que deberán ser asumidas polo órgano lexislativo, so pena de vulnerar a súa autonomía parlamentaria37.
En terceiro lugar, unha dimensión pedagóxica, de promoción da súa aprendizaxe no ámbito internacional, para o que solicitará a cooperación das universidades radicadas na comunidade autónoma. Non seguiu o estatuínte na súa redacción a recomendación do Consello Consultivo de ampliar ese marco cooperativo con institucións non universitarias, cuxos fins específicos estean relacionados coa difusión do castelán (Ditame 673/2006, p. 19). Organicamente, cómpre referenciar a creación en 2007 do Comisionado para a Lingua Española, un órgano unipersoal que traballa no impulso do ensino do idioma castelán a estranxeiros e a súa planificación na rexión (Decreto 92/2007, do 20 de setembro, polo que se crea o Comisionado para a Lingua Española). A xeito de exemplo, a Junta de Castilla y León subscribiu (decembro de 2022) un convenio coa RAE, coa Universidade de Salamanca e co Concello desta cidade para impulsar o Centro Internacional del Español como referencia nacional no ensino do castelán, centro (CIEUSAL) que arrancou no ano 2016. Sería conveniente potenciar a participación de todas as universidades públicas da Comunidade, existindo precedentes como o convenio entre a Universidade de Washington e a Universidade de León. Desde a Consellaría de Educación impúlsase un programa de español para estranxeiros que implica as escolas oficiais de idiomas, as universidades públicas de Castela e León, Educación de Persoas Adultas, programa ALISO, para alumnado inmigrante escolarizado.
A llengua dos leoneses é de factura próxima ao bable. A caracterización da llengua leonesa pivotaría arredor de dous trazos lingüísticos básicos, a ditongación38 e a palatalización39, consecuencia da evolución diferenciada que o latín experimentou na súa zona de difusión e que a singulariza respecto ao galego e ao castelán. Estes trazos específicos mesmo levaron a que, a comezos deste século, unha autoridade lingüística como Menéndez Pidal40 sustentase a idea de que non estamos ante unha lingua de transición, senón que se trata dunha lingua con entidade propia.
A maioría das falas leonesas pertencen á variedade dialectal occidental do dominio lingüístico asturleonés, que abrangue tamén os dialectos do occidente asturiano e a lingua de Miranda do Douro en Portugal –alí chámase mirandés e é lingua oficial–. Na Comunidade localízase en boa parte da provincia de León, nas bisbarras occidentais da provincia de Zamora e no sueste de Salamanca, “palra d’El Rebollal”, que se atopa estreitamente vinculada co estremeñu do norte de Cáceres. Dentro do dominio asturleonés, tamén se poden integrar este último, estremeñu, asturleonés oriental de Estremadura e o cántabru, asturleonés oriental41. A recepción estatutaria do leonés tivo un escaso percorrido. A nivel administrativo, a garantía estatutaria materializouse na aprobación dunha serie de subvencións, cuxo destinatario é fundamentalmente a Cátedra de Estudos Leoneses, creada desde 2017 na Universidade de León e o labor da cal é a análise, a investigación, a docencia e a difusión dos aspectos específicos da cultura no ámbito leonés desde todos os puntos de vista que se estimen relevantes, particularmente a lingua.
O mandato dunha regulación de desenvolvemento das medidas tuitivas que marca o Estatuto non se cumpriu42. As tentativas canalizáronse mediante unha Proposición non de lei, PNL 1163_I, presentada polo Grupo Parlamentario Socialista, relativa a actuacións en favor do leonés, publicada no Boletín Oficial de las Cortes de Castilla y León n.º 293, do 8 de marzo de 2010, que sería aprobada unanimemente pola Cámara en sesión do 25 de maio. Sorte ben distinta correron senllas proposicións non de lei presentadas en 201643 e 201944 na Comisión de Educación, que serían rexeitadas. A tarefa de estandarización que acometeu a Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) é un excelente referente a seguir. O traballo de distintas asociacións e o exiguo apoio institucional, fundamentalmente provincial, non cobren o baleiro do incumprimento estatutario a este respecto.
Dentro da implementación da proposta estatutaria da súa protección, é de destacar a publicación en 2003 dunha versión da Constitución española en leonés45.
Como análise desta situación, non podemos entender que o compromiso coa protección do patrimonio lingüístico autonómico se esgotase nun artigo do Estatuto de autonomía46. A plenitude dunha norma alcánzase cando é dotada de contido. Cousa ben distinta é aproveitar un elemento da cultura para facer ideoloxía e magnificar proxectos políticos. O leonés afianza a singularidade dun territorio e as súas xentes, pero, se desaparece47, por uso ou por abuso, pasará ao espazo do recordo, e iso é precisamente o que unha implementación rigorosa do mandato estatutario debería previr.
A lingua galega fálase en Castela e León, concretamente nas provincias de León e Zamora. Na Provincia de León, é a comarca do Bierzo a que concentra a zona de uso da lingua galega. Nunha vintena de municipios do occidente da comarca concéntrase o número de falantes. Respecto á súa cuantificación, só podemos trasladar estimacións que flutúan dependendo dos seus relatores. Fala Ceive, unha asociación berciana implicada en temas culturais, estima que son unhas 35.000 persoas as que falarían galego no Bierzo48. Outro estudo realizado en 2007 –Francisco Fernández– cifraba un número aproximado deses falantes, aínda que os distribuía entre León e Zamora49).
O Estatuto de autonomía, desde a súa reforma de 1999 (art. 4.2), xuridificou esta realidade. Argumentos históricos, etnográficos e económicos avalan esa natural conexión entre as linguas de dúas comunidades autónomas limítrofes. A garantía institucional que dispensa o Estatuto é a do seu respecto e protección acoutada a “aqueles lugares en que habitualmente se utilice” (art. 5.3). A iso debemos unir a regulación estatutaria das relacións institucionais da Comunidade de Castela e León, marcadas polos principios de solidariedade, lealdade institucional e cooperación (art. 57.1), para cuxa materialización poderá establecer relacións de colaboración en asuntos de interese común, especialmente coas limítrofes, como é Galicia, sendo evidente que a lingua é un vínculo cultural concreto entre ambas as dúas (art. 60.1).
A reflexión sobre a regulación estatutaria da lingua galega afrontarémola desde dúas acepcións contrapostas de autonomismo: o cooperativo e o competitivo50.
Autonomismo cooperativo e lingua galega
Desde o autonomismo cooperativo, dous son os ámbitos máis salientables desta colaboración: o educativo e o administrativo.
No terreo educativo, a Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, mantén no apartado quinto da disposición adicional trixésimo oitava que “as comunidades autónomas en que existan linguas cooficiais que non teñen ese carácter en todo o seu territorio ou linguas non oficiais que gocen de protección legal poderán ofrecelas nos termos que determine a súa normativa reguladora”. Este é o caso tanto do leonés como do galego, pero só o galego tivo unha receptividade neste aspecto. Igualmente, cómpre recuperar a citada Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello, cuxo artigo 7.1.f establece, dentro dos obxectivos e principios mínimos que deben seguirse para a protección das linguas minoritarias ou rexionais de España, a provisión de formas e medios axeitados para o ensino e o estudo das linguas rexionais ou minoritarias en todos os niveis apropiados.
Os dous territorios periféricos da comunidade autónoma onde se fala galego son Las Portillas/As Portelas da Alta Seabra e El Bierzo/O Bierzo. Ademais, o artigo 46.4 indica que “unha lei das Cortes de Castela e León regulará a comarca do Bierzo, tendo en contas as súas singularidades e a súa traxectoria institucional”. Neste sentido, entre esas singularidades atópase a presenza do idioma galego. Desde Galicia, segundo a Lei de normalización lingüística de Galicia (1983), a Xunta de Galicia “fará uso do previsto no artigo 35 –relativo á celebración de convenios con outras comunidades– do Estatuto de autonomía co fin de protexer a lingua galega falada en territorios limítrofes coa comunidade autónoma” (art. 21.2, do título IV. Galego exterior). Esta previsión desenvolveuse no Plan de Normalización Lingüística de Galicia (setembro de 2004), onde se insire un apartado “Área ٢. Relacións con outros territorios de lingua galega”, con obxectivos e medidas concretas para a promoción do galego no Bierzo.
É doadamente comprensible que un colectivo ou unha minoría lingüística reclame que a súa lingua sexa recoñecida na actividade escolar51, como obxecto e como canle de transmisión das ensinanzas. Igualmente, se extrapolamos a Castela e León a situación descrita na Galicia “anterior á autonomía, a maior cultura máis uso do castelán, a menos cultura máis uso do galego”52, a actuación educativa na protección do galego faise máis necesaria.
A situación do galego en Castela e León, malia non ter tido un desenvolvemento lexislativo, si tivo un desenvolvemento normativo por parte da Administración autonómica que se plasmou fundamentalmente nun Acordo de Cooperación entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e a Consellaría de Educación e Cultura da Junta de Castilla y León para a promoción do idioma galego nos territorios limítrofes das comunidades autónomas (O Bierzo e Sanabria), asinado en Vilafranca do Bierzo o 18 de xullo de 200153. A iso cómpre agregar un Protocolo Xeral de Colaboración entre a Xunta de Galicia e a Comunidade de Castela e León para a promoción da lingua galega nos territorios occidentais das provincias de León e Zamora (O Bierzo e Sanabria) onde esta lingua se fala, mediante o ensino de e en lingua galega nos centros de ensino non universitario destas zonas. Este asinaríase en Ponferrada o 30 de agosto de 2006. A súa prolongación realizaríase mediante a Instrución do 26 de setembro de 2006, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Educativa, pola que se determina a promoción da lingua galega, nos centros de ensino non universitario de Castela e León a partir do curso ٢٠٠٦-٢٠٠٧. O ٢٠ de xaneiro de ٢٠١٠ rubricaríase un Protocolo Xeral de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León, cuxa cláusula sétima.12 manifesta o compromiso das partes de continuar a colaboración acordada en 2006 e que se integra neste instrumento de alcance máis xeral. A compilación deste marco normativo lévanos a reparar na habilitación aos centros para desenvolver proxectos de autonomía que personalicen e adapten a acción educativa ao contexto socioeducativo, que concreta ese programa para a promoción da lingua galega nos centros autorizados (Orde EDU/1075/2016, do 19 de decembro, pola que se regulan os proxectos de autonomía en centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade de Castela e León que imparten segundo ciclo de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato). A comezos de 2024 procederase á sinatura dun novo convenio que adapte este marco ás exixencias derivadas da promulgación da LOMLOE (Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación).
A diferenza entre ambas as dúas figuras xurídicas lévanos en primeiro lugar a poñer atención no establecido no artigo 145.2 CE, ao identificar como fórmulas de relación horizontal entre comunidades autónomas os convenios e acordos de cooperación. Formalmente, os convenios só necesitarían a comunicación ás Cortes Xerais, mentres que os acordos requirirían a súa autorización. Materialmente, “os convenios versarán sobre xestión e prestación de servizos no ámbito de competencias executivas das comunidades autónomas; e serían acordos os que incidisen sobre competencias lexislativas e aqueloutros que, mesmo afectando só a potestades executivas, deseñasen un marco permanente de cooperación sobre un amplo abano de materias”54. Non parece que neste caso esa diversidade material acompañe a natureza xurídica do acordo, ao centrarse nun tema como é a lingua galega e o seu ensino nela e dela en Castela e León.
Coherentemente con este marco xeral, o Decreto 39/2022, do 29 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade de Castela e León, insire, no que se refire ao cuarto curso da ESO, a materia de Lingua e Cultura Galega, como unha materia optativa, que “unicamente se poderá cursar nos centros autorizados para o desenvolvemento do programa para a promoción da lingua galega” (art. 16.2), con dúas horas semanais. A nivel de bacharelato, o Decreto 40/2022, do 29 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade de Castela e León, establece no seu artigo 20 a impartición da materia de Lingua e Cultura Galega nos centros autorizados para o desenvolvemento do programa para a promoción da lingua galega. Os alumnos poderán cursar, ademais das materias establecidas na organización das diferentes modalidades, a materia Lingua e Cultura Galega I, en primeiro curso, e Lingua e Cultura Galega II, en segundo curso. A carga lectiva da materia optativa Lingua e Cultura Galega será de tres períodos lectivos semanais en primeiro curso e de 4 períodos lectivos semanais en segundo curso, incrementándose o horario semanal en cada curso ata os 33 e 34 períodos respectivamente55.
Deste xeito, máis dunha decena de centros de Educación Primaria do Bierzo e As Portelas, catro institutos de Secundaria e a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada imparten programas de promoción de lingua e cultura galegas. A isto únese outras actuacións, como a irmandade de centros ou o desenvolvemento de actividades culturais conxuntas entre centros de Galicia e destas zonas de Castela e León. Esta proxección educativa foi obxecto de control parlamentario, impulsado desde o Grupo Parlamentario Mixto, polo representante do partido Unión del Pueblo Leonés56, evidenciando as arestas políticas da cuestión.
Unha segunda liña de implementación deste mandato estatutario focalízase na Administración e na organización territorial. Esta dimensión administrativa toma como referente a Lei 1/1991, do 14 de marzo, pola que se crea e regula a Comarca do Bierzo, modificada por Lei 17/2010, do 20 de decembro. No que concirne á lingua galega, esta regulación acouta ao seu ámbito competencial a previsión estatutaria, nos mesmos termos de habilitar unha garantía institucional, agregando un compromiso autonómico de incluír a Comarca nas actuacións de promoción da lingua galega57. En maio de 2005, unha resolución do Consello Comarcal do Bierzo solicitáballe á Junta de Castilla y León a posibilidade de dotalo de competencias en materia lingüística, coa finalidade de protexer e fomentar este idioma en diversos eidos, como a propia Administración ou a toponimia.
A Junta de Castilla y León aprobaría o Decreto 76/2006, do 26 de outubro, polo que se delega o exercicio de determinadas funcións en materia de alteración do nome e capitalidade do municipio na Comarca do Bierzo, todo iso respecto aos municipios que formen parte da comarca (art. 2.1). Este decreto estaba supeditado á súa aceptación por parte do Consello Comarcal do Bierzo, materializado pola Orde PAT/27/2007, do 2 de xaneiro, pola que se fai pública a aceptación da dita delegación. A inserción de topónimos en lingua galega é unha interpretación de tal delegación (v. gr. O Bierzo Ceibe), que tería a súa coherencia coa normativa aprobada noutras comunidades autónomas, como Aragón, cuxa Lei 3/2013, do 9 de maio, de uso, protección e promoción das linguas e modalidades lingüísticas propias de Aragón, establece que “nas zonas de utilización histórica predominante das linguas e modalidades lingüísticas propias, a denominación oficial dos topónimos poderá ser, ademais da castelá, a tradicionalmente usada no territorio” (art. 22.1). Non obstante, a Lei 1/1998, do 4 de xuño, de réxime local de Castela e León, establece meridianamente que “a denominación dos municipios deberá ser en lingua castelá” (art. 24.1). Por conseguinte, a marxe de cambio nominativo dos municipios por parte do Consello Comarcal non abrangue a súa denominación en galego. Esta posibilidade abre a porta ao seguinte estadio da reflexión, a lingua galega no marco dun autonomismo competitivo. Así, o cambio de denominación aprobado o 26 de marzo de 2023, con respecto ao municipio de Candín, por Valle de Ancares desatou un conflito, polo que a deputación lucense acudiu á xurisdición contenciosa, alegando, precisamente, a vulneración da propia lexislación de Castela e León, que proscribe a coincidencia ou confusión con outras do territorio do Estado (art. 24.1 in fine da Lei de réxime local de Castela e León).
Autonomismo competitivo e lingua galega
E é que esa conexión lingüística non só xerou colaboración, senón que foi xerme de conflito. O que máis chama a atención é a súa conversión nunha ponte pola que transitar cara á anexión a Galicia. Esta posibilidade considerábase no Estatuto galego de 1936, plebiscitado o 28 de xuño, cuxo artigo 2 estipulaba que “poderá agregarse a Galicia calquera territorio limítrofe de características históricas, culturais, económicas e xeográficas análogas, mediante os requisitos que as leis xerais establezan”. Unha Proposta do BNG de decembro de 2005 volvía recuperar esa proposta, ademais de reclamar a cooficialidade do galego nas ditas comunidades58. Destes vimbios non resultou ningunha modificación estatutaria. Porén, a súa mensaxe si calou nalgúns municipios que reivindican ese cambio de adscrición. Por exemplo, A Cernada, municipio da Veiga de Valcarce, solicitou en 2023 a súa anexión a Pedrafita do Cebreiro. Mesma reivindicación de Otero ou da pedanía de Valboa, Fonte de Oliva, que en 2020 solicitou formar parte do municipio lucense de Cervantes. Esta cuestión considérase no Estatuto de Castela e León (DT 3.ª), pero unicamente para un territorio ou municipio que constitúa un enclave pertencente a unha provincia da Comunidade. Estes municipios non teñen de ningún xeito a consideración xeográfica de enclaves e adicionalmente, o acto xurídico complexo que leva consigo a segregación e agregación a outra Comunidade (STC 99/1986, do 11 de xullo, FX 6) non se prevé desde o estatuto galego (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, de Estatuto de autonomía para Galicia), competente para a xestión das alteracións de termos municipais comprendidos no seu territorio (art. 27.2).
España non é so un país homologable aos da nosa contorna no que concirne á protección da diversidade lingüística, senón que poderiamos catalogalo como un referente internacional no respecto e atención a un patrimonio lingüístico variado e normalizado, status que alcanzou non sen afrontar innumerables problemas e dificultades.
A consideración da forma territorial do Estado español como asimétrica ten as asimetrías de tipoloxía lingüística como referente fundamental. Estas asimetrías contribuíron a singularizar e a facer máis complexo o Estado autonómico. O problema, como expuxemos, aflora cando estas asimetrías mudan en disimetrías, incorporando un matiz pexorativo desde o que se quere converter esas diferenzas lingüísticas en cotas de poder ou en piares para proxectos políticos que buscan consolidarse a partir do acantoamento ou a aniquilación do outro. Cando as linguas deixan de ser reguladas desde a súa importancia para a comunicación e a cultura e se utilizan, a partir dunha auténtica metamorfose, como ferramentas para a construción política de diferentes propostas negacionistas, segregativas ou, máis bastamente, para o troco partidista, afástanse do patrón constitucional co que en 1978 se consignou esta riqueza lingüística de España, un modelo de xestión e ordenación do plurilingüismo altamente descentralizado59.
Este patrón corre o risco de reproducirse a escala autonómica e, mesmo, a escala comarcal e provincial. No caso de Castela e León, o rico patrimonio lingüístico que incorpora ten diversas lecturas. Coa estatutorización, desde 1999, pero, sobre todo, desde 2007, das diversas linguas que se falan no seu vasto territorio desmóntase un mito, o do monolingüismo castelán en Castela e León, e desde este oxímoro articúlase un referente, o da exemplar translación estatutaria desa realidade multilingüe. Non podemos eludir o seu carácter incompleto ao non incorporar o éuscaro que se fala na zona limítrofe co País Vasco ou as sombras políticas que se proxectaron nos debates estatutarios acerca desta recepción (lingua versus dialecto, respecto ao leonés). Un referente exemplar é a recepción estatutaria da lingua galega. Se obviamos a non implementación en normas con rango de lei dos mandatos estatutarios da súa regulación e con iso se debilita esa fortaleza da norma institucional de Castela e León, si que hai unha encomiable xestión administrativa para a súa implementación. Xa evidenciamos que alí a onde non chega o lexislador si chega a Administración, neste caso as administracións de Castela e León e de Galicia.
Chegado o caso dese salto normativo, como proposta lege ferenda e sobre a base das distintas tarefas que se están a acometer, que se verían reforzadas, blindadas, por unha rede normativa que as estruture e racionalice, así como un referente que as protexa da súa manipulación para outros fins espurios que se afasten dos labores da súa protección uso e promoción, evitando a súa extinción e enriquecendo o noso patrimonio, neste caso lingüístico, o de Castela e León e o de Galicia. Por iso a nosa responsabilidade ha de vincularse ao que fixemos, estamos a facer e nos gustaría facer, obviando o que que nos gustaría que outros fixesen ou non fixesen. Só así cabe afrontar un futuro alentador marcado pola solidez democrática e o pluralismo cultural, o que nos permite gozar dun rico patrimonio lingüístico, neste caso o que ofrece a lingua galega en Castela e León.
BARCIA LAGO, M., Soberanía nacional y lengua. Constitución española y cooficialidad lingüística. Dykinson. Madrid, 2021.
BROHY, C. (et. al.), Carta Europea de las lenguas minoritarias o regionales. Consello de Europa, Estrasburgo, 2019.
DÍEZ HERRERO, L., “La argumentación jurídica en el procedimiento legislativo: la idoneidad de la Ponencia en la aplicación de los principios de técnica legislativa. Un caso singular en Castilla y León” en Corts. Anuario de Derecho parlamentario, 2008, pp. 297-315.
ENTWISTLE, W. J., Las lenguas de España: castellano, catalán, vasco y gallego-portugués, Madrid, Itsmo, 1973.
FERNÁNDEZ CAÑUETO, D. (Coord.), El régimen lingüístico español, Cátedra de Buen Gobierno e Integridad Pública. España Juntos Sumamos. Murcia, 2023.
FERNÁNDEZ GARCÍA, A., “Nacionalismo y representaciones lingüísticas en Ceuta y en Melilla”, en Revista de Filología Románica, 33(1) 2016: 23-46.
GARCÍA CASCÓN, A., Reflexiones sobre las minorías lingüísticas de Castilla y León, 2013.
(https://es.slideshare.net/ibercasteller/reflexiones-sobre-las-minoras-lingusticas-de-castilla-y-len).
GONZÁLEZ ALONSO, B., Sobre el Estado y la administración de la Corona de Castilla en el Antiguo Régimen, Madrid, Siglo XXI de España Editores, S.A., 1981.
JARDÓN, M., La “normalización lingüística”, una anormalidad democrática. El caso gallego. Siglo XXI Editores, 1993.
LÓPEZ BASAGUREN, A., “La Carta Europea de lenguas regionales o minoritarias: ¿un modelo para las sociedades multilingües más allá de la protección minoritaria?”, en LÓPEZ CASTILLO, A., (Dir.), Lenguas y Constitución Española, Tirant lo Blanch, Valencia, 2013, pp. 129-149.
MICHELENA, L., “Normalización de la forma escrita de una lengua: el caso vasco”, en Revista de Occidente, n.º 10-11, 1982, pp. 54-75.
MILLIAN I MASSANA, A., “La regulación constitucional del multilingüismo”, en R.E.D.C., n.º 10, 1984, pp. 129 e ss.
MILIAN I MASSANA, A., Derechos lingüísticos y derecho fundamental a la educación. Un estudio comparado: Italia, Bélgica, Suiza, Canadá y España. Civitas. Madrid. 1994
MILIAN I MASSANA, A., Más sobe derechos lingüísticos. Reflexiones sobre los límites constitucionales y su interpretación por el Tribunal Constitucional. Tirant lo Blanch, Valencia, 2016.
MODERNE, F., “L’elaboration d’un “modele linguistique” dans l’Espagne des autonomies: à propos des decisions du Tribunal Constitutionnel espagnol du 26 juin 1986”, en Annuaire International de Justice Constitutionnelle, n.º 2, 1986.
PÉREZ FRANCESCH, J. L., “El marco constitucional del pluralismo. Especial consideración del plurilingüismo”, en Cuadernos de la Cátedra Fadrique Furió Ceriol, n.º 3, 1993,
PLA BOIX, A., “Derechos lingüísticos en España: balance y perspectivas”, en BARCELÓ I SERRAMALERA, M. e STRAPAZZON, C. L., Escritos sobre derechos individuales y colectivos. Atelier, Barcelona, 2015, pp. 63-79.
ROSALES FERNÁNDEZ, A.,” El multilingüismo en España más allá de las lenguas cooficiales: Análisis jurídico del diasistema asturleonés “(pendiente de publicación en Universidade de Valladolid).
SEIJAS VILLADANGOS, E., La configuración asimétrica de las Comunidades Autónomas, León, Universidade de León, 2003.
SMUK, P., “Do We Like Majority Decisions? Aspects of the Majority Principle in Voting on the Different Levels of Political Systems” en Hungarian Yearbook of International Law and European Law 2022 (10) 1, pp. 409-423
SOLOZABAL ECHAVARRÍA, J. J., “El régimen constitucional del bilingüismo: la cooficialidad lingüística como garantía institucional”, en Revista Española de Derecho Constitucional, n.º 55, 1999, pp. 11-41.
SOLOZABAL ECHAVARRÍA, J. J., “El modelo lingüístico constitucional como conjunto categorial específico”, en LÓPEZ CASTILLO, A. (Dir.), Lenguas y Constitución española. Tirant lo Blanch, Valencia, 2013, pp. 35-50.
SIGUÁN, M., España plurilingüe, Madrid, Alianza Editorial S. A., 1992.
SMUK, P., “Do We Like Majority Decisions? Aspects of the Majority Principle in Voting on the Different Levels of Political Systems” en Hungarian Yearbook of International Law and European Law 2022 (10) 1, pp. 409-423. doi: 10.5553/HYIEL/266627012022010001023
TAJADURA TEJADA, J., El preámbulo constitucional, Granada, Edit. Comares, 1997.
TASA FUSTER, V., “El sistema español de jerarquía lingüística. Desarrollo autonómico del artículo 3 de la Constitución: Lenguas cooficiales, otras lenguas españolas y modalidades lingüísticas. Teoría y praxis” en Revista de Derecho Político, n.º 100, septiembre-diciembre 2017, pp. 51-79.
VERNET, J. e PUNSET, R., Lenguas y Constitución, Iustel, Madrid, 2007.
1 ENTWISTLE, W. J., Las lenguas de España: castellano, catalán, vasco y gallego-portugués, Madrid, Itsmo, 1973, p. 7.
2 O éuscaro é o resultado do proceso de unificación das variedades dialectais da lingua falada polo pobo vasco. Estas variedades foron inicial e curiosamente sistematizadas por Luis Bonaparte, sobriño de Napoléon I, que postulaba unha agrupación arredor dos seguintes dialectos: biscaíño, guipuscoano, alto-navarrés (setentrional e meridional), labortano, baixo-navarrés (occidental e oriental) e suletino. Os tres últimos amplíanse polo sur co aezcoano, o salacense e o roncalés, respectivamente. A Academia da Lingua Vasca, reunida en 1971 en Aránzazu (Guipúscoa), tras un frustrado intento sete anos antes, adoptou uns principios xerais e creou unha serie de comisións encargadas de elaborar propostas concretas cuxa final aceptación, avalada polo bo facer do lingüista Koldo Michelena, configuraron un éuscaro común –éuscaro ou euskara batúa–, baseado principalmente na tradición escrita dos dialectos centrais, guipuscoano e labortano, e incorporando achegas dos máis periféricos. Vid. MICHELENA, L., “Normalización de la forma escrita de una lengua: el caso vasco”, en Revista de Occidente, n.º 10-11, 1982, pp. 54-75. Esta situación de facto inspirou críticas de talante radical, como a formulada por Vidal-Quadras, sintetizada na súa afirmación de que “as chamadas linguas nacionais son case sempre construcións semiartificiais e, en ocasións, practicamente inventadas”. Cfr. VIDAL-QUADRAS, A., Amarás a tu tribu, Barcelona, Planeta, 1998, p. 58.
SIGUÁN, M., España plurilingüe, Madrid, Alianza Editorial S. A., 1992, p. 18.
3 SIGUÁN, M., España plurilingüe, Madrid, Alianza Editorial S. A., 1992, p. 18.
4 Para un estudo pormenorizado, vid. GONZÁLEZ ALONSO, B., Sobre el Estado y la administración de la Corona de Castilla en el Antiguo Régimen, Madrid, Siglo XXI de España Editores, S.A., 1981, pp. 34-50.
5 LÓPEZ BASAGUREN, A., “La Carta Europea de lenguas regionales o minoritarias: ¿un modelo para las sociedades multilingües más allá de la protección minoritaria?”, en LÓPEZ CASTILLO, A., (Dir.), Lenguas y Constitución Española, Tirant lo Blanch, Valencia, 2013, p. 133.
6 INSTRUMENTO de ratificación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, feita en Estrasburgo o 5 de novembro de 1992, do 2 de febreiro de 2001.
7 BROHY, C. (et al.), Carta Europea de las lenguas minoritarias o regionales. Consello de Europa, Estrasburgo, 2019, p. 18. Unha solución simplista apúntase neste traballo, e é a de ampliar o status de oficial a todas estoutras linguas minoritarias. “Con respecto das linguas non oficiais, podería resultar beneficioso para a súa protección concederlles o status de lingua oficial. Isto implicaría modificar os estatutos de autonomía nos territorios onde se falan e que os falantes solicitaron en numerosas ocasións. O futuro destas linguas a medio prazo é incerto”. Non cremos que esta sexa a solución, porque chocaría coa realidade, neste caso, da Comunidade de Castela e León e contribuiría a desvirtuar a consideración de lingua oficial, se todas elas son oficiais. Si é máis realista potenciar e promover o ensino e a consideración destas linguas como elementos enriquecedores do patrimonio lingüístico.
8 REPORT ON THE RECOMMENDATIONS FOR IMMEDIATE ACTION MADE BY THE COMMITTEE OF MINISTERS OF THE COUNCIL OF EUROPE IN ITS DECISION OF 11 DECEMBER 2019 REGARDING THE APPLICATION OF THE EUROPEAN CHARTER FOR REGIONAL OR MINORITY LANGUAGES BY THE KINGDOM OF SPAIN. Pp. 10-12. Curiosamente, neste refírense distintas actuacións culturais para a promoción da lingua leonesa e a portuguesa en León e Zamora, realizadas polas súas respectivas bibliotecas públicas, dando a entender que o galego e o portugués se poderían equiparar. https://mpt.gob.es/gl/politica-territorial/autonomica/Lenguas-cooficiales/Consejo-Europa-Carta-lenguas/ConsejoEuropa.html.
9 Sobre o valor e o significado xurídico do preámbulo das constitucións, véxase TAJADURA TEJADA, J., El preámbulo constitucional, Granada, Edit. Comares, 1997, pp. 7-51.
10 Unha concreción, subliña Pérez Francesch, da promulgación do pluralismo político efectuada no artigo 1.1 CE como un dos valores superiores do ordenamento xurídico “despois de definir o modelo de Estado como Social e Democrático de Dereito, definición que incorpora necesariamente a aceptación do pluralismo”. PÉREZ FRANCESCH, J. L., “El marco constitucional del pluralismo. Especial consideración del plurilingüismo”, en Cuadernos de la Cátedra Fadrique Furió Ceriol, n.º 3, 1993, p. 31.
11 Cfr. MILLIAN I MASSANA, A., “La regulación constitucional del multilingüismo”, en R.E.D.C., n.º 10, 1984, pp. 129 e ss.
12 “Esta Constitución entrará en vigor o mesmo día da publicación do seu texto oficial no Boletín Oficial del Estado. Publicarase tamén nas demais linguas de España”.
13 A relación entre todos eses preceptos é descrita por Franck Moderne a partir do binomio esencial versus accesorio, sendo o artigo 3.º o catalogado baixo o primeiro termo, relegando as restantes referencias constitucionais á cuestión lingüística ao cuestionable status de “plus accesoire”. MODERNE, F., “L’elaboration d’un “modele linguistique” dans l’Espagne des autonomies: à propos des decisions du Tribunal Constitutionnel espagnol du 26 juin 1986”, en Annuaire International de Justice Constitutionnelle, n.º 2, 1986, p. 311.
14 Cfr. “Minuta dos acordos do Relatorio de Constitución na súa sesión do día 30 de agosto de 1977”, en Revista de las Cortes Generales, n.º 2, segundo cuadrimestre 1984, p. 258.
15 Do Sr. Trías Fargas na Comisión primeiro e posteriormente no pleno do Congreso cabe subliñar, pola significación que condensan, os seguintes extractos: “Por iso na emenda propoñemos que no ámbito de actuación dos organismos autonómicos dos territorios que teñan esta consideración sexa o respectivo idioma oficial en exclusiva, o que non quere dicir que non poida ser cooficial co castelán nos órganos do Estado que actúen no territorio autónomo e que non poidan idearse fórmulas prácticas en axuda dos castelanparlantes” D.S.C.D., Comisión de Asuntos Constitucionais e Liberdades Públicas, n.º 66, 12 de maio de 1978, compilado en Constitución española. Traballos Parlamentarios, vol. I, op. cit., p. 866...”, pero si o momento de anunciar que este é o noso obxectivo; que non se diga que ocultamos obxectivos finais, D.S.C.D., Sesión Plenaria n.º 33, n.º 66, 5 de xullo de 1978, compilado en Constitución Española. Traballos Parlamentarios, vol. II, pp. 1940-1.
16 FERNÁNDEZ CAÑUETO, D. (Coord.), El régimen lingüístico español, Cátedra de Buen Gobierno e Integridad Pública. España Juntos Sumamos. Murcia, 2023, p. 7.
17 VERNET, J. “El pluralismo lingüístico”, en VERNET, J. e PUNSET, R., Lenguas y Constitución, Iustel, Madrid, 2007, p. 56.
18 SEIJAS VILLADANGOS, E., La configuración asimétrica del sistema de las Comunidades Autónomas, León, Universidade de León, 2003.
19 A expresión “espírito da Constitución” integrouse na xurisprudencia do Tribunal Constitucional (STC 128/1995, do 26 de xullo, FX 3) e é unha expresión que, distanciándose dos seus aspectos formais, transcende o seu contido substantivo, para proxectarse sobre todo o seu articulado, imprimíndolle un ton homoxéneo, indiscutiblemente marcado polos seus principios estruturais, en particular a democracia e o Estado de dereito.
20 A reforma do seu regulamento, que entrou en vigor o 1 de setembro de 2005, ampliaba o ámbito do uso das linguas cooficiais na Cámara Alta. Na súa redacción inicial de 1994 considerábase esa posibilidade para o presidente electo da Cámara ao que autorizaba a utilizalas na súa primeira intervención, na sesión constitutiva (art. 11 bis) e nas intervencións que tivesen lugar no debate sobre o estado das autonomías que se desenvolve na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas (art. 56 bis 7, 2). Así mesmo, os cidadáns e as institucións poden dirixirse por escrito ao Senado en calquera das linguas cooficiais (DA 4). A partir de 2005, amplíase o uso da lingua cooficial á totalidade das sesións da dita Comisión Xeral das Comunidades Autónomas (56, bis 9) e expándese aos instrumentos de control (pregunta, interpelación, moción) cuxa publicación debe realizarse de igual modo en ambas as dúas linguas (art. 191.2).
21 Como recorda SMUK, “a unanimidade é imposible; o goberno dunha minoría, como acordo permanente, é totalmente inadmisible; de modo que, rexeitando o principio da maioría, o único que queda é a anarquía ou o despotismo nalgunha das súas formas”, recuperando a Liphard. Desde esa base, o seu obxectivo é reflexionar sobre gobernos de maioría que integren e non lesionen as minorías, para o que postula habilitar permanentes garantías institucionais. P. 410. Non obstante, a situación complícase cando esa hipótese inadmisible se consolida da man dos xogos da democracia parlamentaria. SMUK, P., “Do We Like Majority Decisions? Aspects of the Majority Principle in Voting on the Different Levels of Political Systems” en Hungarian Yearbook of International Law and European Law 2022 (10) 1, pp. 409-423. doi: 10.5553/HYIEL/266627012022010001023.
22 O Pleno das Cortes de Castela e León, na súa sesión do día 12 de decembro de 1996, aprobou unha resolución, consecuencia do debate de política xeral sobre a Comunidade, pola que se creou, no seo da Comisión Permanente Lexislativa de Estatuto, un relatorio con representación de todos os grupos parlamentarios da Cámara para o estudo e, se é o caso, proposta de reforma do Estatuto de autonomía de Castela e León no marco da Constitución española. Nesa sesión afírmase que “o produto culturalmente máis competitivo de Castela e León é a súa propia lingua” (Diario de Sesiones n.º 33, p. 1870), á par que a reivindicación á lingua leonesa, que non se reflectiría no texto, tamén se realizou (Farto Martínez, p. 1926). O Pleno do Congreso dos Deputados, na súa sesión do día 22 de decembro de 1998, aprobou, de conformidade co establecido no artigo 90 da Constitución. Boletín oficial de las Cortes Generales. Congreso dos Deputados. N.º 199-12, do 30 de decembro de 1998. Pp. 91-102.
23 Na proposta inicial, publicada no BOCCyL n. 178, introducíase un novo artigo 4 en que o primeiro parágrafo subliñaba o carácter do castelán como valor esencial da comunidade autónoma, pero non facía referencia á identidade. Nun segundo parágrafo aludíase ás modalidades lingüísticas, pero sen identificar ningunha delas (pp. 10678-9). A omisión do leonés cualificouse como “un intento de esvaecer ou un intento de abolir calquera sentimento leonés”. Farto Martínez. Comisión de Estatuto. Diario de Sesiones. IV Lexislatura. N.º 343, 1998, p. 9824.
24 Diario de Sesiones del Senado. VI Lexislatura. N.º 116, 18 de decembro de 1998, p. 5485.
25 O texto elaborado inicialmente titulaba este artigo “La lengua castellana y el patrimonio lingüístico de la Comunidad”. A obxección do Consello Consultivo indicaba que “parece que a lingua castelá non forma parte do patrimonio lingüístico da Comunidade” e si o leonés, ao que se cualifica como modalidade lingüística. Ditame 713/2006, pp. 15-16.
26 A posición de Santiago Juárez, sostendo que era un dialecto, rebatida por Otero Pereira e Rodríguez de Francisco, recordando que é unha lingua, recoñecida como cooficial en Portugal. Diario de Sesiones de las Cortes de Castilla y León, n.º 82, p. 4125-4176. Unha emenda á totalidade, con proposta dun texto alternativo, impulsada desde o Grupo Mixto polo procurador da Unión del Pueblo Leonés Otero Pereira insería un artigo 8.º que establecía o seguinte: “1. O castelán, como lingua oficial do Estado, serao tamén da Comunidade Autónoma de León e de Castela. 2. A lingua leonesa gozará de especial protección e será cooficial en todo o territorio do Reino de León, sen que ninguén poida ser discriminado polo seu coñecemento ou descoñecemento, promovéndose o seu ensino e uso, de xeito voluntario e impulsando a cooperación coas institucións públicas do resto do dominio lingüístico. A Administración terá a obriga de atender en leonés todo cidadán que así o solicite. Igualmente gozarán de respecto as linguas das Comunidades veciñas nos termos establecidos na Constitución española”. Sería desestimada polo Pleno das Cortes o día 24 de outubro de 2006 (BOCCyL, 6 de novembro de 2006, n.º 313, p. 23937).
27 Non podemos eludir algunha secuela política, que non precuela. Así, o Acordo UPL-PSOE para a gobernabilidade do Concello de León na lexislatura 2007-2010. Pacto asinado o 14 de xuño de 2007 e cuxo punto 3.º das estipulacións de carácter político establecía o seguinte: “O goberno municipal promoverá, desenvolverá e fará promoción dos sinais de identidade leoneses, a súa cultura tradicional, a súa lingua e a súa historia, tanto no marco da cidade de León como na proxección exterior desta. Como consecuencia deste programa, o curso académico 2008-2009 será o primeiro en que nalgúns centros educativos se lles ofrecerá aos alumnos de primaria a materia de leonés, con carácter extraescolar, gratuíto e voluntario.
28 Entendemos que, máis alá dun dereito subxectivo, a categorización xurídica do contido do artigo 5 do ECyL é o dunha garantía institucional que protexe un ben colectivo, unha institución, a lingua castelá e o resto do patrimonio lingüístico da Comunidade, cuxos trazos esenciais quedan asegurados fronte á súa supresión, baleirado ou desvirtuación.
29 A pesar do esforzo do deputado centrista MEILÁN GIL “a sistemática deste artigo non supón unha gradación xerárquica de tres realidades distintas”. Constitución española. Trabajos parlamentarios, 1.1, Cortes Xerais, Madrid, 1989, 2.ª ed., pp. 903-4. Na mesma liña, no Debate no Pleno do Congreso dos Deputados, GÜELL DE SENTMENAT (t. II, p. 1948).
30 A redacción íntegra do dito artigo cuarto é a seguinte: “O castelán é o idioma oficial da República. Todo español ten obriga de sabelo e dereito de usalo, sen prexuízo dos dereitos que as leis do Estado lles recoñezan ás linguas das provincias ou rexións. Salvo o que se dispoña en leis especiais, a ninguén se lle poderá exixir o coñecemento nin o uso de ningunha lingua rexional”.
31 Diario de Sesiones de las Cortes Constituyentes (D.S.C.C.), apéndice 4 ao n.º 22, 18 de agosto de 1931, p. 1.
32 Presentados polos deputados Alomar, Xiráu e Valle –D.S.C.C., apéndice 14, n.º 25, 26-VIII-1931–, retiraríanse no debate que unicamente se centraría na discusión das emendas ao dito artigo –D.S.C.C., n. 40, 17-IX-1931, p. 989–.
33 O apoio desta emenda concretábase fundamentalmente nos dous argumentos seguintes: a) A vocación internacional do texto da Constitución no contexto da cal a lingua de España se identifica como español; b) A postura da Academia Española, reflectida no dato de que a 15.ª edición do seu dicionario optou pola substitución do termo “castelán” polo termo “español”. Así, dicía o Sr. Ovejero: “Se a Academia emprende unha nova orientación, vai seguir a Cámara unha orientación vella? E a Academia presídea a autoridade de Menéndez Pidal, incontestable en este orden de estudios”, en D.S.C.C., n.º 40, 17-IX-1931, pp. 993-994.
34 D.S.C.C., n.º 40, 17-IX-1931, pp. 992-997.
35 Sic. o deputado Sr. Pascual Leone, avalando as teses castelanistas de Alomar, afirma: “Cidadáns deputados da República, non nos digades que non podemos ser españois se falamos castelán e falamos valenciano, catalán ou galego co mesmo amor de españois”. D.S.C.C., n.º 40, 17-IX-1931, pp. 997-998.
36 Se o lexislador autonómico fala indistintamente de lingua castelá e castelán, poderiamos inferir que leonés (art. 5.2) e lingua leonesa teñen o mesmo recoñecemento estatutario, reforzado cando se fala de lingua galega e non de galego a secas.
37 DÍEZ HERRERO, L., “La argumentación jurídica en el procedimiento legislativo: la idoneidad de la Ponencia en la aplicación de los principios de técnica legislativa. Un caso singular en Castilla y León” en Corts. Anuario de Derecho parlamentario, 2008, pp. 297-315.
38 Con iso alúdese á evolución dun “o-” ou un “e-”, breves situados nunha posición tónica, “portam”, “ferrum, que o leonés converte en ditongos, xeralmente “ue-” para o caso do “o-” e “ie-” no caso do “e-”. Deste xeito, formaranse as palabras “puerta” e “fierru”, fronte ao galego, caracterizado pola aditongación, que dirá “porta” e “ferro”. Fronte ao castelán, o leonés, como outras linguas romances, conserva o “f-” dicindo “facer”, en lugar de “hacer”. Outro caso sería cando unha palabra latina presenta o que se denomina un grupo “lj-”, como “mulierem”, que en castelán chega a ser un “j-”, mentres que en leonés se converterá en “muyer”.
39 Un trazo que distingue o leonés fronte ao galego e ao castelán é o tratamento do “l-” en posición inicial. Os idiomas veciños non o modifican, mentres que o leonés a palataliza, converténdoa nun “ll-”. Así, a evolución desde o latín de termos como “lupum” manterá no galego e no castelán o “l-”, converténdose en “lobo”, mentres que no leonés se converterá en “llobu”.
40 No ano 1907, Menéndez Pidal publicou unha obra, El dialecto leonés, onde se identifica nitidamente, a partir do seguimento deses trazos lingüísticos fundamentais, unha ampla zona que vai desde Asturias ata Zamora, incluíndo territorios portugueses. A cualificación como dialecto –cuestión que suscita gran controversia no ámbito lingüístico, optándose pola ecléctica cualificación de falas nos casos en que a fronteira entre lingua e dialecto non resulta nidia– implica distinguir dentro da lingua común “ástur-leonesa” tres zonas diferenciadas, en virtude das súas características fónicas, que se poden establecer arredor de tres grandes bloques (Cfr. Menéndez Pidal (1957): 58-70). Seguindo o seu maxisterio:
O bloque occidental, que se estende polo occidente de Asturias, León, Zamora e as localidades portuguesas de Miranda do Douro, Rionor ou Guadramil. Caracterízase pola conservación dos ditongos decrecentes “ou-” e “ei-”, como en “caldeiru” ou “cousa”. Neste bloque cómpre destacar a elevación a rango de lingua cooficial do “mirandés” ou “cazurro”, para os municipios portugueses de Miranda do Douro e Vimioso, aprobada polo Parlamento luso o 19 de novembro de 1998. O Decreto 303/VII de Reconhecimento oficial de direitos lingüísticos da comunidade mirandesa foi ratificado polo presidente da Asemblea da República o 19 de novembro de 1998, Antonio de Almeida Santos. Trátase dun breve decreto que consta de só sete artigos presididos pola seguinte declaración: “A Asemblea da República decreta para valer como Lei xeral da República”. O máis importante dos artigos, ademais do artigo 1.º, onde se procede a recoñecer a lingua mirandesa, é con seguridade o artigo 4.º, no cal se establece que “as institucións públicas localizadas ou situadas no Concello de Miranda do Douro poderán presentar os seus documentos acompañados dunha versión en lingua mirandesa”.
O bloque central agrupa os dialectos da zona centro de Asturias e os da leonesa de Argüeyos. Fronte ao bloque occidental, reduce os ditongos decrecentes, “calderu” e “cousa”. Aínda que a súa extensión territorial é menor, a súa expansión pola zona máis poboada de Asturias convértea na variante que máis falantes ten.
Un terceiro bloque, o oriental, agrupa os dialectos do oriente de Asturias e da cornixa nororiental da provincia de León. A súa principal característica é que comeza a aspirar o “f-” en posición inicial, dando lugar a termos como “haba” ou “haber”.
Para un afondamento nesta materia, véxanse: Menéndez Pidal, R., El dialecto leonés, León, Excma. Deputación Provincial de León, 1990; Facendera pola LLingua, Algunas cuestiones básicas en torno a la lengua autóctona de León, León, Conceyu de Falantes de Llionés, 1999; García García, J., “Los límites entre el gallego y el astur-leonés”, en Lletres Asturianes, n.º 64, 1997, pp. 9-23; Martins, C., “A vitalidade de línguas minoritároas e atitudes linguísticas: o caso do mirandés”, en Lletres Asturianes, n.º 62, 1997, pp. 7-42; Miguélez Rodríguez, E., Diccionario de las hablas leonesas, León, Universidad de León, 1993; Bardón, C. A., Cuentos en dialecto leonés, León, Lancia, 1987; Álvarez, G., El habla de Babia y Laciana, 2.ª edic., León, Edic. Leonesas, 1985; García Rey, V., Vocabulario del Bierzo, León, Nebrija, 1979 e, sen esgotar as referencias, Orazi, V., El dialecto leonés antiguo, Madrid, Universidade Europea-CEES, 1997.
41 TASA FUSTER, V., “El sistema español de jerarquía lingüística. Desarrollo autonómico del artículo 3 de la Constitución: Lenguas cooficiales, otras lenguas españolas y modalidades lingüísticas. Teoría y praxis” en Revista de Derecho Político, n.º 100, setembro-decembro 2017, pp. 51-79. P. 56. ROSALES FERNÁNDEZ, A., “El multilingüismo en España más allá de las lenguas cooficiales: Análisis jurídico del diasistema asturleonés” (pendente de publicación en Universidade de Valladolid), p. 13.
42 ROSALES FERNÁNDEZ, A., “El multilingüismo en España más allá de las lenguas cooficiales: Análisis jurídico del diasistema asturleonés” (pendente de publicación en Universidade de Valladolid). Hai diferentes resolucións do Procurador do Común de Castela e León, de 2016, 2019 e 2023 que instan a esa regulación.
43 Proposición non de lei, PNL 786, presentada polas procuradoras dona Lorena González Guerrero e dona Adela Pascual Álvarez, para instar a Junta a elaborar un proxecto de lei para regular a protección e o uso da lingua leonesa, implantando a materia de Lingua e Cultura Leonesa no ensino primario e secundario, publicada no Boletín Oficial de las Cortes de Castilla y León, número 167, de cinco de setembro de dous mil dezaseis.
44 Proposición non de lei, PNL 258, presentada polos procuradores dona Laura Domínguez Arroyo e don Juan Pablo Fernández Santos, para instar a Junta de Castilla y León a elaborar un proxecto de lei destinado a regular a protección, uso e promoción da lingua leonesa e a implantar a materia de “Lengua y Cultura Leonesa” dentro das materias do bloque de libre configuración nos centros de ensino primario e secundaria que así o soliciten, publicada no Boletín Oficial de las Cortes de Castilla y León número 34, de vinte e catro de outubro de dous mil dezanove.
45 Constitución española. Concello de León. Depósito legal LE-1494-2003. O artigo 3 preséntase do seguinte modo: 21. “El castellanu ye la llingua española oficial del Estáu. Todos españoles tienen el deber de conocerla y el drechu a emplegala. 2. Las outras llinguas españolas sedrán también oficiales nas respeutivas Comunidaes Autónomas d’alcuerdu conos sous Estatutos. 3. La bayura de las desemeyadas modalidades llingüísticas d’España ye un patrimonio cultural que sedrá oxetu d’especial respetu y protección”.
46 O 24 de outubro de 2012, o Comité de Ministros do Consello de Europa encargado de avaliar o cumprimento deste tratado internacional en España aprobou as recomendacións para España contidas no Terceiro informe sobre o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e expresou a súa preocupación sobre a situación do leonés, xa que dixo que as “autoridades autonómicas non adoptaron ata a data as normas para a protección e promoción do leonés previstas polo Estatuto de autonomía, nin desenvolven medidas prácticas para protexer lingua”, e indicou tamén, entre outras cuestións, que “o leonés non se ensina na escola. O Comité de Expertos anima as autoridades a tomar medidas para ofrecer o leonés como unha parte integral do plan de estudos, polo menos como unha materia e con carácter preferente nas zonas onde se fala”. Nun informe do 20 de xaneiro de 2016 o dito Comité de Expertos reiterou a petición de que o leonés sexa incorporado como materia, polo menos nas zonas onde se fala, no sistema educativo da comunidade autónoma.
47 O Atlas Lingüístico da Unesco inclúe o leonés como lingua en perigo de extinción.
48 A efémera provincialización da Comarca do Bierzo sitúase no ínterim do trienio liberal do século XIX. Da man de Bauzá e Larramendi, O Bierzo, ou Vierzo nalgúns textos, era unha das 52 provincias, sendo Vilafranca a súa capital. No Decreto do 27 de xaneiro de 1822 integrábanse catro partidos xudiciais nesa unidade provincial (Villafranca, Ponferrada, Toreno e O Barco de Valdeorras). A inestabilidade política, a rivalidade entre vilafranquinos e ponferradinos conduciría a que en 1833, da man de Javier de Burgos, fosen as provincias de León e Ponferrada as que adscribisen os municipios bercianos.
49 GARCÍA CASCÓN, A., Reflexiones sobre las minorías lingüísticas de Castilla y León, 2013. (https://es.slideshare.net/ibercasteller/reflexiones-sobre-las-minoras-lingusticas-de-castilla-y-len).
50 TAJADURA TEJADA, J. (2000): El principio de colaboración en el Estado Autonómico, Granada, Comares, p. 79.
51 MILIAN I MASSANA, A., Derechos lingüísticos y derecho fundamental a la educación. Un estudio comparado: Italia, Bélgica, Suiza, Canadá y España. Civitas. Madrid. 1994, p. 52.
52 JARDÓN, M., La “normalización lingüística”, una anormalidad democrática. El caso gallego. Siglo XXI Editores, 1993, p. 4.
53 Como antesala á formalización deste acordo, podemos referir o eco a nivel estatal desta colaboración da man da Resolución da Comisión de Educación e Cultura do Congreso dos Deputados (9 de abril de 1997), presentada polo BNG, a favor do ensino do idioma galego no Bierzo, proposición non de lei, co seguinte texto “O Congreso dos Deputados insta o Goberno a que, en colaboración coa Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León, posibilite o estudo da lingua galega nos centros de ensino non universitario da comarca do Bierzo, na súa zona occidental. Nesa mesma liña, a Comisión de Educación e Cultura das Cortes de Castela e León (30 de novembro de 2000) adoptaría unha Resolución que instaba a Junta de Castilla y León a promover o ensino do galego no Bierzo.
54 GONZÁLEZ GARCÍA, I., “Un distingo constitucionalmente relevante: convenios de colaboración vs. acuerdos de cooperación entre comunidades autónomas “, en Revista de Estudios Políticos (nueva época) ISSN: 0048-7694, Núm. 145, Madrid, xullo-setembro (2009), páxs. 97-118, p. 116.
55 Isto supón que as 30 horas semanais que teñen estes alumnos de Bacharelato se poden incrementar respectivamente a 33 e 34, de modo excepcional, cando cursan esta materia.
56 PE/009394-01: Pregunta para resposta escrita formulada á Junta de Castilla y León polo procurador D. Luis Mariano Santos Reyero, relativa ao sistema de provisión de prazas do profesorado da materia “Lingua e Cultura Galega” e Administración que retribúe o profesorado nas zonas limítrofes do Bierzo e Sanabria. Boletín Oficial de las Cortes de Castilla y León, IX Lexislatura, n.º 435, do 22 de xuño de 2018, p. 58713.
57 Art. 1.4, “Na Comarca do Bierzo gozará de respecto e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice.
A Comunidade de Castela e León facilitará a participación da Comarca do Bierzo nas actuacións que realice para a promoción da lingua galega no seu ámbito territorial”.
58 “Disposición derradeira segunda. O Parlamento de Galiza reclamará aos parlamentos das comunidades autónomas ás que actualmente pertencen as comarcas limítrofes de fala galega que a declaren cooficial no territorio dos concellos desas comarcas e nos órganos institucionais centrais das respectivas comunidades autónomas.
Disposición derradeira terceira. Poderán incorporarse a Galiza aqueles concellos limítrofes de características históricas, culturais, económicas e xeográficas análogas, mediante procedementos democráticos que serán regulados por lei”.
59 PLA BOIX, A., “Derechos lingüísticos en España: balance y perspectivas”, en BARCELÓ I SERRAMALERA, M. e STRAPAZZON, C. L., Escritos sobre derechos individuales y colectivos. Atelier, Barcelona, 2015, p. 75.