Revista Galega de Administración Pública, EGAP
Núm. 70_xullo-decembro 2025 | pp. 273-276
Santiago de Compostela, 2026
https://doi.org/10.36402/regap.v1i70.5343
©Eduardo Marcos Martínez
ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371
Recibido: 01/07/2025 | Aceptado: 16/12/2025
Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License
Foà, S. (2025). Il nuovo merito amministrativo. Torino, Italia: Giappichelli Editore.
Eduardo Marcos Martínez
Doutorando en Dereito Administrativo na Università degli Studi di Roma Tor Vergata (Roma II).
O volume obxecto desta recensión é unha obra colectiva baixo a dirección do catedrático de Dereito Administrativo Sergio Foà, membro do Departamento de Dereito da Universidade de Turín. A sólida traxectoria académica de Foà, constituída ao longo de décadas de docencia e investigación, permitiu convocar un conxunto de autores de recoñecido prestixio na disciplina. Este proxecto editorial aspira a ofrecer unha nova definición do concepto de mérito administrativo, atendendo tanto ás recentes exixencias normativas como ás tensións propias entre discrecionalidade administrativa e control xurisdicional.
Antes de adentrarnos na análise do contido, resulta pertinente examinar a elección terminolóxica e as referencias interpretativas que sustentan o proxecto editorial dirixido polo profesor Foà. En primeiro lugar, o termo coraggioso empregado no título Il nuovo merito amministrativo evidencia, a xuízo do autor, a vontade de adoptar un enfoque audaz fronte á evolución do mérito administrativo. Desde a perspectiva de Massimo Severo Giannini en L’interpretazione dell’atto amministrativo e la teoria giuridica generale dell’interpretazione (Milán, Giuffrè, 1939), constátase que o mérito administrativo non é unha noción estática, senón que experimentou sucesivas transformacións ao longo do tempo, o cal xustifica a división do volume en dúas partes: a) unha parte inicial dedicada á reconstrución filosófico-histórica do mérito e b) unha parte final orientada á súa configuración contemporánea.
Así mesmo, desde o enfoque semántico de Santi Romano en Fragmenti di un dizionario giuridico (Milán, Giuffrè, 1947), establécese unha distinción precisa entre os conceptos xurídicos “indeterminados” e as normas de carácter máis pechado, subliñando que o termo meritum require unha interpretación que excede a literalidade legal e que debe nutrirse de prácticas consuetudinarias e do contexto social vixente. Esta dobre referencia interpretativa – gianniana y romaniana – constitúe, polo tanto, a pretensión fundamental do profesor Foà: ofrecer unha análise que, partindo da evolución histórica e semántica do mérito administrativo, permita delimitar con precisión o seu alcance normativo e fáctico na actualidade.
Pois ben, partindo destas premisas, a obra desagrégase en capítulos que afondan no mérito administrativo desde as súas raíces históricas e filosóficas ata a súa proxección actual, atendendo ás dúas dimensións sinaladas (procedemental/procesual e condutual/dinámica). A continuación, proponse un posible esquema capítulo a capítulo, cunha breve exposición do seu contido e alcance.
Na primeira parte, titulada Il merito amministrativo tra procedimento e processo, Sergio Foà inaugura a análise examinando o papel das cláusulas xenerais –como as de boa administración e finalidade pública– fronte aos principios constitucionais do bo funcionamento da Administración (art. 97, apartado 2, da Constitución italiana) e o Dereito da Unión Europea. Neste capítulo, sublíñase a necesidade dun “neoempirismo temperato”, onde a conxunción entre principios extraxudiciais e o principio de resultado se traduce nunha dobre exixencia: que toda actuación pública se oriente á consecución efectiva de fins e, ao mesmo tempo, que respecte valores axiomáticos que non poden ser sacrificados na procura da eficacia.
A continuación, o presidente de sección do Consello de Estado italiano, Giancarlo Montedoro, aborda a evolución do mérito no ámbito dos contratos públicos. O seu estudo rastrexa o tránsito desde unha concepción clásica, segundo a cal o mérito se contrapón á discrecionalidade non suxeita a control, ata a actual visión contida no novo Código de contratación (d.lgs. n. 36/2023), onde os criterios de adxudicación se orientan de xeito crecente a resultados concretos e verificables. Montedoro conclúe que, malia a sofisticación normativa, subsiste un ámbito residual de discrecionalidade en que o xuíz administrativo non pode substituírse ao criterio de oportunidade fixado pola propia lei.
No terceiro capítulo desta sección, Antonio Chiarella afonda no carácter “inesaurible” do poder público, distinguindo entre o “merito amministrativo” e a Administración dirixida a resultados (“amministrazione per risultati”). Chiarella proba a demostrar como a revogación e a revisión de oficio, ao dependeren de parámetros valorativos múltiples, sitúan o mérito nun nivel de complexidade maior, dado que o funcionario non só debe interpretar normas, senón que ha de equilibrar intereses contrapostos sen que iso implique un “mérito xudicializado”.
Michele Ricciardo Calderaro, na súa contribución sobre “tutela cautelare” e “sindacabilidad” do mérito, analiza os límites do control xudicial preventivo: a comparación de intereses, aínda que reforce a protección preventiva, non debe transformarse nun exame profundo de mérito que mine a autonomía decisoria administrativa. A cautela, polo tanto, integra razóns de eficacia e de xustiza, sen devir nun mecanismo de intervención de fondo que reconfigure a esfera do mérito.
O apartado continúa con Alessandro Ciatti Càimi, quen aborda a “sindacabilidad” do motivo en actos unilaterais de natureza colexial ou societaria, extrae analoxías co mérito administrativo e pon de relevo que o control xudicial se expande cando os actos adoptados nos devanditos ámbitos vulneran principios de transparencia e de proporcionalidade. Pola súa banda, Flavia Risso examina os modelos “partenariales” –especialmente a “finanza di progetto”– e advirte como os criterios de conveniencia e factibilidade técnica, se non están debidamente delimitados, poden erosionar os bordos do mérito, deixando menos espazo á discrecionalidade razoada.
O último capítulo desta primeira parte, a cargo de Beatrice Bessone e Valentina Galliano, ofrece dúas perspectivas complementarias: Bessone centra a súa análise na tensión entre transparencia e equilibrio de intereses contrapostos, sinalando como esas dinámicas afectan a “sindacabilidad” do mérito, mentres que Galliano se interna na decisión algorítmica e na legalidade algorítmica que comporta a menor discrecionalidade técnica. A súa reflexión acerca da intelixencia artificial e os algoritmos administrativos sitúa o mérito nun contexto de automatización crecente, onde a capacidade interpretativa do funcionario se ve desafiada pola obxectividade aparente de sistemas baseados en datos.
A segunda parte, titulada Il merito amministrativo come comportamento, aborda o mérito desde unha óptica de ciencias do comportamento e de responsabilidade contable. Ilaria Giannone introduce as nocións de nudging e boosting aplicadas á actividade administrativa, sinalando que a burocracia defensiva e o “scudo erariale” non deben interpretarse unicamente como mecanismos de protección do funcionario, senón tamén como síntomas dun déficit de confianza na racionalidade institucional. Giannone propón alternativas baseadas en incentivos condutuais que recuperen o sentido de responsabilidade ética e profesional do administrador público.
Emanuela Andreis, pola súa banda, delimita o alcance do sindacato contable, mostrando como, a través da Corte dei conti, se erosionou a reserva de administración e a tutela do déficit público. A súa análise permite entender que a discrecionalidade, lonxe de ser patrimonio exclusivo da xurisdición contencioso–administrativa, se reparte entre múltiples instancias de control, producindo a miúdo solapamentos e baleiros que só un criterio de mérito ben definido pode emendar.
Finalmente, Paolo Evangelista e Davide Vitale examinan a eximente política e técnica, poñendo o foco na distinción entre indirizzo político e actividade técnica. Esta dicotomía, subliñan, reforza a autonomía dos órganos políticos no deseño das liñas xerais de actuación, mentres que a responsabilidade contable se circunscribe á dilixencia ordinaria. Nas conclusións, a cargo do profesor emérito Carlo Emanuele Gallo, sintetízase a tensión entre a eficacia administrativa e o control xurisdicional, advertindo os límites dunha “sindacabilidad ampliada” que podería poñer en risco a flexibilidade do mérito como instrumento de xestión pública.
En suma, esta obra colectiva, coordinada por Sergio Foà, ofrece un percorrido interdisciplinario que vai desde as raíces históricas do mérito administrativo ata as súas manifestacións contemporáneas, que abranguen desde a contratación pública e a actuación algorítmica ata a dimensión condutual e contable da función pública. Cada capítulo contribúe a redefinir o mérito administrativo como un fenómeno dinámico, en permanente diálogo coas exixencias de transparencia, eficacia e responsabilidade que caracterizan o dereito administrativo do século XXI.
Non obstante, máis alá da análise temática, o volume ten a virtude adicional de posicionarse como un intento de renovación metodolóxica na forma de abordar categorías xurídicas que tradicionalmente foron tratadas de xeito marxinal ou secundario. O mérito administrativo, neste contexto, deixa de ser unha noción residual –vinculada á oportunidade ou conveniencia– para converterse nun eixe estruturador da actividade pública, na medida en que articula valores constitucionais, garantías procesuais e exixencias técnicas de resultados. A perspectiva adoptada por Foà e os distintos autores contribúe así a esvaecer as fronteiras ríxidas entre control xudicial e acción administrativa, sen caer por iso nun reducionismo xudicializador.
Pola súa vez, o enfoque plural do volume permite identificar unha constante transversal: a necesidade de reconsiderar a función administrativa á luz de novos criterios avaliativos, en que a eficacia non sexa sinónimo de eficiencia cega, nin a discrecionalidade un espazo inmune ao control. Neste sentido, a obra formula interrogantes cruciais para o futuro do dereito administrativo: pode falarse dunha responsabilidade por falta de mérito? Ata que punto pode o xuíz penetrar na racionalidade técnica da decisión administrativa sen substituírse o órgano competente? Como debe interpretarse a legalidade cando os algoritmos substitúen o xuízo humano?
A atención a estas cuestións non é meramente especulativa. Nunha Administración crecentemente gobernada por datos, estándares de resultado e intelixencia artificial, o redescubrimento do mérito como categoría xurídica operativa representa un desafío ineludible. Desde esta óptica, o volume non só recolle un estado da arte, senón que se proxecta como unha proposta dogmática de longo alcance, destinada a influír tanto na práctica administrativa como na evolución futura da doutrina. Así, Il nuovo merito amministrativo convértese nunha referencia ineludible para os que investigan ou interveñen no campo do dereito público contemporáneo, pola súa capacidade de unir profundidade histórica, rigor analítico e sensibilidade institucional.