Revista Galega de Administración Pública, EGAP

Núm. 70_xullo-decembro 2025 | pp. 277-282

Santiago de Compostela, 2026

https://doi.org/10.36402/regap.v1i70.5346

©Vicente A. Sanjurjo Rivo

ISSN-e: 1132-8371 | ISSN: 1132-8371

Recibido: 19/07/2025 | Aceptado: 16/12/2025

Editado baixo licenza Creative Commons Atribution 4.0 International License

ARIAS MARTÍNEZ, M. A. y RIQUELME VÁZQUEZ, P. (dirs.), VILAS VILLAMARÍN, A. (coord.), Juventud y derechos fundamentales. Las personas jóvenes y menores de edad como colectivo vulnerable, Aranzadi, Madrid, 2024

Vicente A. Sanjurjo Rivo

Profesor titular de Dereito Constitucional

Universidade de Santiago de Compostela

https://orcid.org/0000-0003-3087-967X

va.sanjurjo@usc.es

A obra colectiva dirixida polos profesores María Antonia Arias Martínez e Pablo Riquelme Vázquez e coordinada polo profesor Andrés Vilas Villamarín baixo o título Juventud y derechos fundamentales. Las personas jóvenes y menores de edad como colectivo vulnerable constitúe unha valiosa achega para comprender a complexa intersección entre a condición xuvenil e a protección dos dereitos fundamentais no contexto social e xurídico actual. A través dunha pluralidade de enfoques, os distintos capítulos desta obra abordan con rigor académico e sensibilidade social os desafíos normativos, institucionais e culturais que afrontan estes grupos etarios no exercicio dos seus dereitos. Lonxe de ofrecer unha mera xustaposición de estudos illados, o volume logra articular un discurso coherente que transita entre a protección de dereitos fundamentais, a integración social e os novos retos que presenta a era dixital, e pon en evidencia a necesidade de repensar a ordenación xurídica relativa á xuventude como colectivo vulnerable desde unha perspectiva inclusiva.

O marco xurídico de protección da xuventude e a infancia abórdao a profesora Noemi García Gestoso no capítulo 2 da obra baixo o título «A protección xurídica das persoas menores de idade e os seus dereitos fundamentais. Unha análise desde a perspectiva da Constitución española de 1978». A partir do artigo 39.4 CE e da Convención das Nacións Unidas sobre os dereitos do neno de 1989, a autora afonda na cuestión da titularidade e o exercicio dos dereitos fundamentais das persoas menores. Efectúase unha exhaustiva análise da Lei orgánica 1/1996, de protección xurídica do menor, e das sucesivas reformas de 2015 e 2021, que, globalmente, representan unha orientación cara a un modelo de pleno exercicio de dereitos por parte dos menores, reforzándose o interese superior do menor, o dereito de audiencia, así como tamén de protección fronte a riscos específicos, como a violencia ou a migración infantil. García Gestoso advirte, non obstante, que persisten desafíos e novos retos, especialmente relacionados co mundo dixital. Pola súa banda, Gabriel Vidal Cernadas intérnase no capítulo 11 –«O mandato de inclusión xuvenil da Constitución española de 1978»– na análise do artigo 48 CE como precepto constitucional de referencia no relativo á participación xuvenil en sentido amplo e a súa materialización en políticas e institucións públicas dedicadas á xuventude, ofrecendo unha visión panorámica que abrangue a súa xénese, alcance e significado, así como as controversias científicas arredor da súa interpretación. A súa análise ampla do precepto revela tanto o seu potencial como principio reitor da política social e económica como as súas limitacións derivadas da súa formulación aberta e a falta de desenvolvemento lexislativo. Este mandato xeral de inclusión xuvenil a través do específico ámbito do acceso á cultura é explorado pola profesora Ana López Navío en «Cultura, ciencia e xuventude. O dereito á cultura como ferramenta de inclusión social das persoas mozas» (capítulo 8). A autora reivindica o dereito á cultura como ferramenta de inclusión e cohesión social, en particular para os mozos, analizando o seu recoñecemento nos ordenamentos xurídicos nacionais, supranacionais e internacionais. Destaca os beneficios do dereito á cultura no desenvolvemento individual e social da mocidade, e conclúe cunha visión optimista e esperanzada sobre o seu potencial integrador, na medida en que fomenta o desenvolvemento persoal e profesional, a participación, o entendemento da diversidade e a interculturalidade e o desenvolvemento de habilidades sociais necesarias para a integración na sociedade, o que redundará, en definitiva, nunha maior e máis sólida cohesión social.

A vulnerabilidade da xuventude, auténtico leitmotiv que percorre toda a obra desde o seu prólogo escrito pola profesora Alba Nogueira, atopa na tensión entre os mozos como suxeitos de dereitos constitucionais e a súa infrarrepresentación nos procesos decisorios unha das súas expresións máis evidentes e politicamente máis relevantes. O profesor Miguel Á. Presno Linera, no capítulo 1 –«A reforma da idade mínima para votar»–, analiza a posibilidade de rebaixar a idade electoral aos dezaseis anos. O seu traballo remóntase ao noso constitucionalismo histórico, adéntrase no dereito comparado, explora a Resolución 1826, do 23 de xuño de 2011, da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa que lles pediu aos Estados membros o estudo da posibilidade de rebaixar a idade de voto para todo tipo de eleccións, examina criticamente as propostas realizadas en sede parlamentaria para a redución da idade para votar e conclúe cunha suxestiva proposta de reforma da LOREX para ampliar a idade de votar aos dezaseis anos, que invita a unha reflexión profunda sobre a capacidade cívica e política dos mozos. En suma, Miguel Presno cuestiona a rixidez da LOREX e propón unha reforma que visibilice politicamente a xuventude como actor con dereito a participar nos mecanismos propios da democracia representativa. A súa análise compleméntase co rigoroso estudo de Andrés Vilas Villamarín (capítulo 6: «A participación cidadá das persoas mozas no ámbito local»), que indaga nos mecanismos de participación xuvenil no ámbito local, especialmente a través de consultas non referendarias, sen eludir os problemas asociados á delimitación dos asuntos de interese público, a identificación de participantes lexítimos e á inscrición en rexistros de participación con relación a este tipo de consultas. Vilas reclama mecanismos áxiles e un marco legal máis coherente para neutralizar a desafección. Ambos os dous traballos coinciden en sinalar a infrarrepresentación dos mozos nos procesos democráticos e a necesidade de mecanismos que fortalezan a súa implicación na vida pública.

A dixitalización aparece como fenómeno transversal en varios capítulos, non só como contexto, senón como obxecto de regulación e dereito. De aí que a irrupción do contorno dixital e as súas múltiples implicacións para a xuventude constitúa na obra un bloque temático de gran calado. Neste sentido, o profesor José Agustín González-Ares Fernández defende no capítulo 5 –«Xuventude, dereitos dixitais e cibercidadanía»– a necesidade de recoñecer os dereitos dixitais da xuventude como parte integrante da súa cidadanía. Aborda o impacto das novas tecnoloxías na vida dos mozos, argumentando que a análise dos seus dereitos non pode desligarse do estudo dos dereitos dixitais. E recórdanos que as tecnoloxías non son neutrais: poden incrementar as desigualdades se non se acompañan de formación, infraestruturas e políticas que protexan datos, privacidade e liberdade de expresión. O autor sostén que o uso axeitado das tecnoloxías pode axudar aos mozos a exercer os seus dereitos civís, políticos, culturais, económicos e sociais, e propón orientacións para reducir a desigualdade dixital e avanzar cara a unha cidadanía dixital máis informada e crítica. A súa proposta dunha cibercidadanía crítica e reflexiva compleméntase co traballo da profesora María Hylma Alcaraz Salgado –capítulo 3: «Superando obstáculos virtuais: a inclusión dixital como ferramenta de integración para a xuventude migrante»–, quen analiza, no ámbito dos fluxos migratorios e os problemas que suscitan, a inclusión dixital da xuventude migrante como ferramenta de integración social, ou o que é o mesmo, a súa necesaria alfabetización dixital como medio para a súa integración en sociedades altamente dixitalizadas. Fronte á barreira do acceso, propón a inclusión dixital como dereito e ferramenta indispensable para a participación cívica e o pleno exercicio doutros dereitos. A autora defende a capacitación dixital como vehículo fundamental para a participación na vida cívica, política e comunitaria, e advirte sobre as complicacións derivadas da nova brecha dixital, que afecta especialmente a este colectivo dobremente vulnerable. Os dous autores coinciden en sinalar precisamente esta brecha dixital como un factor de exclusión que debe ser combatido desde políticas públicas inclusivas.

Nunha vertente máis específica, relacionada coa saúde mental e mesmo sen saír do ámbito dixital, José Miguel Diéguez Rodríguez aborda a preocupante relación entre «Xuventude, saúde mental e redes sociais» (capítulo 4) e examina a conexión entre redes sociais e benestar psicolóxico dos mozos. O seu estudo destaca a necesidade dunha regulación equilibrada que protexa os menores sen restrinxir desproporcionadamente a súa liberdade de expresión, e subliña a necesidade dunha regulación efectiva que protexa os mozos dos riscos asociados ao uso de redes sociais e plataformas dixitais. O autor sintetiza a doutrina científica sobre desenvolvemento cognitivo e riscos psicosociais, e ensaia un balance crítico da regulación europea (Regulamento de servizos dixitais) e das iniciativas españolas para influencers e streamers, colectivos predominantemente xuvenís. Conclúe que, malia os avances en moderación de contidos e auditorías, a velocidade da innovación dixital exixe un enfoque máis preventivo e centrado nas persoas vulnerables. A protección de datos persoais dos mozos neste contexto dixital é analizada por Paula María González Chorén no capítulo 13 –«A protección dos datos persoais das persoas mozas e menores de idade: Especial referencia á monetización dos seus datos persoais»–. Indágase aquí nunha cuestión de sumo interese, xa que a recompilación e o pagamento por datos persoais tamén afecta ás persoas menores de idade como suxeitos implicados neste intercambio de datos por servizos. A autora aborda a protección dos datos persoais de menores e mozos, a interrelación entre os dereitos dos titulares e os dereitos dos consumidores, con especial atención á monetización dos seus datos en contornos dixitais, o que suscita interrogantes sobre o consentimento informado e a responsabilidade dos operadores. A autora revisa a normativa xeral da Lei orgánica de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais e o Regulamento xeral de protección de datos, e subliña o reto de conciliar o consentimento informado coa lóxica comercial de plataformas que comercian con datos de adolescentes. Ambas as dúas achegas poñen de manifesto a necesidade dunha regulación e unhas políticas públicas que garantan un espazo dixital seguro, inclusivo e habilitador para a xuventude.

A obra presta tamén unha atención significativa ás vulnerabilidades específicas e á inclusión social da xuventude en diversos ámbitos, tales como a discapacidade no contexto educativo, o acceso á vivenda ou o desenvolvemento persoal harmónico no ámbito urbano. Na contribución «Os estudantes con discapacidade e a realidade do sistema universitario español: desde a Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade á Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario (LOSU)» (capítulo 12), a profesora Tamara Álvarez Robles traza a evolución normativa e a percepción da discapacidade no ámbito universitario, destacando o cambio de paradigma desde unha perspectiva médico-asistencial cara a un enfoque baseado en dereitos, que persegue a igualdade de oportunidades e a plena inclusión. A súa pormenorizada análise desde a Convención de 2006 ata a LOSU de 2023 documenta esta transición cara a un modelo de dereitos, que recorre aos axustes razoables e ás medidas de adaptación como instrumentos clave no proceso de integración de estudantes con discapacidade na vida universitaria, o que sen dúbida representa un avance notable. Con todo, Álvarez Robles insta a unha implicación activa de toda a comunidade académica que debera traducirse nunha acción coordinada de todos os actores do sistema universitario para pechar brechas persistentes e asegurar así que a educación superior sexa verdadeiramente accesible e equitativa. Outro aspecto de vulnerabilidade crucial é o acceso á vivenda, que o profesor Andrés Carrera Hortas aborda na súa contribución «Xuventude e vivenda: precariedade e estigmatización» (capítulo 10). O autor realiza un rigoroso exame estatístico sobre a situación económica da xuventude e o acceso á vivenda e analiza a correlación entre o aumento do prezo da vivenda e a cobertura e estigmatización mediática do “fenómeno da ocupación”. Examina distintas figuras delituosas relacionadas coa vivenda –a violación de morada e a usurpación pacífica de inmobles– e as canles procesuais para a súa recuperación. Advirte acerca da necesidade de distinguir entre incumprimentos civís e actos delituosos e desmonta a narrativa alarmista – en boa medida artificial– sobre a ocupación, mostrando como esta contribuíu a estigmatizar os mozos en situación de vulnerabilidade no debate público sobre a vivenda. O autor propón unha lectura crítica do tratamento xurídico e mediático do fenómeno, subliñando a necesidade de dotar a Administración de xustiza de maiores e mellores recursos e implementar políticas de vivenda que respondan ás necesidades reais da xuventude. A profesora Paula Gamallo Carballude, pola súa parte, no capítulo 9 –«A protección ambiental e a planificación da paisaxe urbana como elementos para fortalecer as políticas sociais, en especial a igualdade e a saúde mental dos mozos: enfoques científicos e contexto xurídico internacional»–, introduce unha perspectiva innovadora ao propor incorporar o impacto psicosocial na planificación urbana, cuxa relevancia científica e xurídica apenas foi explorada e, con iso, atender á protección ambiental –a paisaxe e os espazos verdes– como elemento clave para fortalecer as políticas sociais, especialmente no relativo á igualdade, pero tamén á saúde mental dos mozos vulnerables. A autora critica a escasa atención que recibiu este tema na xurisprudencia e na doutrina, e subliña a importancia de fomentar estudos sobre o impacto psicosocial da disposición ou a configuración do espazo urbano e os elementos naturais na resiliencia mental dos mozos.

Finalmente, a obra detense na relación da xuventude coa Administración pública e o seu contorno en dous capítulos complementarios. A profesora Alejandra Boto Álvarez, en «Fobia administrativa, xuventude e emprego público» (capítulo 7), analiza a “fobia administrativa” como reflexo dunha relación pouco satisfactoria entre a cidadanía e a Administración. A autora examina a fatiga extrema nas relacións entre os particulares e a Administración e a percepción negativa que, en particular, os mozos teñen do sector público, o que se traduce nunha desconexión entre a Administración e os mozos e nunha menor vocación polo emprego público. Boto Álvarez advirte sobre a importancia de abordar esta problemática para garantir a renovación xeracional na Administración e, con carácter xeral, mellorar as relacións entre a cidadanía e o sector público. O profesor Mauricio Ruiz Ceniceros, pola súa banda, complementa este enfoque en «Procedemento administrativo electrónico: o reto xeracional pendente» (capítulo ١٤), expondo o insuficiente aproveitamento das TIC para innovar e simplificar os procedementos administrativos. O autor denuncia o anquilosamento do procedemento administrativo tradicional e avoga por unha reforma estrutural que o adapte ás exixencias da era dixital, o que debera traducirse nun redeseño integral do procedemento administrativo común en clave dixital, e insta as novas xeracións a que emprendan esta tarefa na procura dun procedemento xenuinamente electrónico. Ambos os dous traballos coinciden en sinalar a necesidade dunha Administración máis accesible, eficiente e próxima ás novas xeracións.

Por todo o antedito, podería concluírse sen temor a exaxerar que Juventud y derechos fundamentales. Las personas jóvenes y menores de edad como colectivo vulnerable é unha obra de referencia, que non só diagnostica os desafíos actuais a que se enfrontan os mozos e menores no exercicio dos seus dereitos, senón que tamén propón vías de reflexión e acción para unha protección efectiva e unha participación plena na sociedade. A súa principal virtude radica na capacidade de cohonestar un discurso xurídico rigoroso cunha sensibilidade social que interpela tanto o lexislador como a comunidade académica. Os distintos capítulos compleméntanse entre si, ofrecendo unha visión holística sobre os problemas e desafíos que ameazan os mozos na sociedade actual, que abrangue, entre outros aspectos, a protección xurídica, a participación política, a integración social, a igualdade de oportunidades, a saúde mental e o benestar, a educación, os dereitos dixitais, o emprego público, o dereito á cultura ou os problemas de vivenda. Esta pluralidade de voces e a rigorosidade das análises fan desta obra unha valiosa ferramenta para o debate e a implementación de políticas públicas orientadas a garantir o pleno desenvolvemento e a protección dos mozos e nenos como suxeitos de dereitos fundamentais. Esta diversidade de enfoques, non obstante, lonxe de fragmentar o volume, enriquece a análise e facilita unha comprensión global da complexidade do fenómeno xuvenil no século XXI. Polo demais, e máis alá desta necesaria visión poliédrica dos desafíos que afrontan hoxe os mozos e os menores de idade, os autores coinciden na necesidade de adaptar o marco normativo e as políticas públicas aos novos retos que presenta a sociedade actual, co fin de garantir o pleno desenvolvemento e a integración deste colectivo vulnerable.

En definitiva, están ante unha obra de consulta obrigada para académicos, profesionais do dereito, responsables políticos e, en xeral, para calquera persoa interesada en comprender e promover os dereitos das novas xeracións na sociedade dos nosos días. Constitúe unha contribución fundamental para o debate público e académico neste ámbito, cuxa lectura non só é recomendable, senón imprescindible para avanzar cara a un ordenamento xurídico máis xusto, inclusivo e adaptado ás necesidades das novas xeracións.