REVISTA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA (REGAP)
Núm. 58 (xullo-decembro 2019)
Sección: Recensións
DOI https://doi.org/10.36402/regap.v1i58

Responsabilidad patrimonial de la Administración y privatización de servicios públicos

María Victoria Álvarez Buján

Avogada

Doutora en Dereito

Universidade de Vigo

Recibido: 27/11/2019 | Aceptado: 19/12/2019

DOI: https://doi.org/10.36402/10.36402/regap.v1i58.74

YÁÑEZ DÍAZ, C.: Responsabilidad patrimonial de la Administración y privatización de servicios públicos, Aranzadi, Cizur Menor (Navarra), 2018, 432 pp. ISBN 978-84-1309-045-0.

A obra que comentamos, cuxo prólogo foi redactado por Juan José Rastrollo Suárez, consiste nunha monografía da autoría individual de Carlos Yáñez Díaz, letrado da Comunidade Autónoma de Madrid, e reviste especial interese para todo xurista que se dedique ao eido do dereito administrativo, xa que se centra no estudo en profundidade dunha das institucións máis importantes para o dereito público, como é a responsabilidade patrimonial, que, como vén indicar RASTROLLO SUÁREZ, malia as deficiencias da súa articulación que se deben corrixir, constitúe unha das principais razóns de ser do dereito administrativo porque permite “controlar los excesos del poder y garantizar que nada ni nadie se encuentre por encima de la ley”.

Centrándonos agora na estrutura da propia obra, extensa necesariamente debido á densidade dos seus contidos, pero non por iso menos amena e útil, debemos referir que, tras as abreviaturas empregadas, a redacción do prólogo e unha introdución que sintetiza os aspectos máis salientábeis desta monografía, esta se atopa distribuída en dez capítulos, organizados dunha forma moi ben enfocada, que resulta clarificadora e didáctica para o lector ou lectora.

En resumo, no primeiro deles realízase un estudo aproximativo acerca do fenómeno da privatización a través da análise do seu concepto na economía e na socioloxía global para descender ao seu sentido no dereito administrativo español, onde se desenvolve un exame dos pasos emprendidos para proceder á privatización no noso país dende o século XIX, coas reformas de LÓPEZ-RODÓ até os nosos días, onde curiosamente segue a destacar a ausencia dun marco regulador.

A continuación, no segundo capítulo, trátase a privatización como método empregado polo dereito privado para o cumprimento de fins públicos. Detense aquí o autor, entre outros extremos e dende unha óptica crítica, no concepto funcional de privatización e neste fenómeno como fuxida do dereito administrativo.

No capítulo terceiro, que na nosa opinión é un dos quids da monografía, acláranse cuestións de tanta relevancia como aquelas que atinxen ás diferenzas entre dereito público e dereito privado, aos problemas que suscita a privatización noutros modelos de dereito comparado, á relación da privatización co Estado social de dereito, á necesidade dun control público das actividades privadas, e ao mecanismo da responsabilidade patrimonial como un dereito da cidadanía e das usuarias e usuarios de servizos públicos externalizados.

O capítulo cuarto desenvolve ese concepto de responsabilidade patrimonial dos poderes públicos, partindo do postulado consagrado no artigo 9.3 da nosa Carta magna, para acto seguido continuar afondando, no capítulo quinto, no ámbito subxectivo da aplicación da responsabilidade patrimonial do Estado. Estuda aquí o autor a súa aplicación aos distintos poderes públicos e o complexo concepto de “servizos públicos”. Máis concretamente, resalta problemáticas relativas aos organismos autónomos, ás entidades públicas empresariais e ás sociedades mercantís públicas, facendo así mesmo alusión á relación de dependencia e á teoría de levantamento do veo como mecanismos de imputación de responsabilidade polos actos de entes instrumentais á Administración matriz. Detense ademais no exame de tres supostos prácticos no campo xudicial: “Correos y Telégrafos, S.A.”, “Metro de Madrid, S.A” e o “Canal de Isabel II”; realiza propostas de reforma neste eido e estuda cun interesante enfoque o artigo 35 da LRXSP, poñendo sobre a mesa a interrogante de se se trata dunha solución ou máis ben dun espellismo.

Alén do anterior, no capítulo sexto incídese na actuación indirecta da Administración, facendo peculiar mención á problemática responsabilidade de contratistas e concesionarios tanto no marco do dereito civil como do dereito administrativo.

Complementariamente, no capítulo sétimo, estúdase a actuación de suxeitos privados, denominados “colaboradores” da Administración, xunto cos riscos que entraña esa colaboración entre administracións públicas e entes privados, levando a cabo, tras facer referencia á liberalización de servizos a partir da Directiva “Bolkenstein”, unha análise das posicións existentes na doutrina sobre a responsabilidade destas entidades e a resposta xurisprudencial dada polos nosos tribunais, así como unha comparativa dos modelos existentes sobre a responsabilidade deste tipo de entidades noutros ordenamentos xurídicos da nosa contorna.

Os últimos capítulos resérvanse para ser dedicados a determinadas entidades e figuras. Así, no capítulo oitavo alúdese ás mutuas colaboradoras coa Seguridade Social e ao mutualismo administrativo, poñendo o acento no caso “Muface”, como suposto de responsabilidade derivada da asistencia sanitaria prestada no seo do mutualismo administrativo. No capítulo noveno recóllense consideracións de interese no que se refire aos notarios e notarias, como funcionarios/as públicos/as cuxa actividade está regulada polo dereito privado, e aos rexistros da propiedade na súa calidade de entes que proporcionan un servizo público. Finalmente, no capítulo décimo, trátanse as entidades urbanísticas como colaboradoras da Administración pública, destinando unha epígrafe a profundar na figura das xuntas de compensación e entidades urbanísticas de conservación, á súa natureza e responsabilidades.

Como colofón á súa obra, o autor plasma unha serie de reflexións finais, a modo de conclusións, sobre a necesidade de reformular a responsabilidade patrimonial, a súa configuración e regulación no ámbito xurídico español, onde destaca especialmente, entre outras ideas, conectadas cos problemas que xa anunciaba na introdución, a necesidade de “una reacción del derecho administrativo que, eliminando rigideces innecesarias, posibilite que los ciudadanos no se vean privados de derechos ni de garantías”.

En suma, á vista do contido global da obra obxecto de comentario, podemos concluír que, sen lugar a dúbidas, estamos perante un excelente traballo de investigación, levado a cabo con moito rigor científico e académico e cun pulcro manexo das fontes bibliográficas e xurisprudenciais, pero non por iso fica nun libro de mera aplicación teórica, senón que reviste asemade un marcado carácter práctico que o enriquece notablemente.

Por todo o aquí exposto, non podemos facer outra cousa que non sexa recomendar encarecidamente a lectura desta obra xurídica a todos/as os/as profesionais do dereito e, con singularidades, a aqueles/as que teñan interese ou curiosidade por afondar nas temáticas relativas á responsabilidade patrimonial da Administración e a privatización de servizos públicos, así como á relación entre ambas as acepcións, tendo en conta como horizonte que, como xa apunta na introdución YÁÑEZ DÍAZ, “Procede una reflexión sobre el objeto del derecho administrativo que cada vez resulta más difícil limitar a las relaciones entre una Administración con naturaleza jurídico-pública y los ciudadanos. Las nuevas formas de prestación de los servicios públicos exigen una actualización de este derecho para evitar que pierda su indiscutible carácter garantista”.