Introdución

INTRODUCIÓN

Trancorridos máis de corenta anos da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, preséntase esta obra cuxo obxecto fundamental é recoller a versión vixente das principais leis e normas con rango de lei autonómicas ditadas ao abeiro das competencias da Comunidade Autónoma galega asumidas estatutariamente.

Nela se inclúen todos os textos legais e con rango legal (leis e decretos lexislativos) autonómicos vixentes, coas únicas excepcións motivadas, ben polo carácter coxuntural e a vixencia temporalmente limitada da norma (como é o caso das leis anuais de orzamentos), ben por tratarse de normas de contido total ou esencialmente modificativo e, polo tanto, carentes de contido substantivo propio ou cun contido substantivo propio moi restrinxido (como é o caso das leis de medidas fiscais e administrativas) ou ben por tratarse de normas cun alcance moi limitado (como serían, por exemplo, as leis de creación de diferentes colexios profesionais). Agora ben, pese a non incluírse nestes casos o texto normativo correspondente, si se recollen, alí onde procede, as correspondentes referencias aos ditos textos legais.

Sobre esta base, a obra estrutúrase en dúas grandes partes: a relativa ao Dereito Civil Galego e a referida ao Dereito Público Autonómico. Á súa vez, esta última parte divídese en varios bloques, en atención aos diferentes ámbitos sectoriais sobre os que se proxecta a lexislación autonómica vixente no eido do Dereito Público.

Tanto a primeira parte da obra como cada un dos bloques nos que se divide a segunda parte inícianse cun estudo preliminar no que se aborda unha aproximación ao marco competencial e normativo no que se insertan os textos normativos compendiados. Tras o estudo preliminar, dentro de cada parte e bloque recóllese a versión vixente ou consolidada dos textos normativos, con referencia expresa, alí onde procede, ás normas modificativas e á súa publicación oficial. Tamén se inclúen referencias a outros extremos de interese como son as principais normas de desenvolvemento regulamentario, pronunciamientos xudiciais relacionados (singularmente do Tribunal Constitucional) así como acordos acadados no seo das comisións bilaterais do artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional.

Trátase así de ofrecer unha visión de conxunto do marco normativo de rango legal vixente na Comunidade Autónoma de Galicia, e de subministrar á vez elementos que faciliten a comprensión do sentido e alcance deses textos normativos así como a súa adecuada aplicación.

Descargar PDF