Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ó servizo da Comunidade Autónoma

Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ó servizo da Comunidade Autónoma.1

A Disposición Adicional primeira da Lei 4/1988, do 1 de xuño, da Función Pública de Galicia, creou na Comunidade Autónoma os corpos de administración especial, entre os que se deben encadrar, pola súa singularidade e especialidade, os que corresponden ó persoal sanitario.

A racionalización da política de xestión de persoal suscita a necesidade de proceder á unificación dos corpos e escalas de persoal sanitario transferidos das distintas Administracións Públicas á Comunidade Autónoma, corpos e escalas que quedan integrados nos corpos da Comunidade, e será esta a que defina o seu rexime xurídico e a que lles asigne atribucións dentro do ámbito das funcións que ten asumidas a Xunta de Galicia en materia de sanidade.

Doutra banda, o desenvolvemento do Servicio Galego de Saúde e a conseguinte reestructuración de toda a infraestructura sanitaria de Galicia demandan a creación, dentro dos corpos da administración especial, de dúas escalas que permitan ordena-lo persoal de xeito coherente coas necesidades reais nos ámbitos de atención primaria e especializada e da administración de saúde: escala sanitaria de atención primaria especializada e escala de saúde pública.

De acordo co previsto no artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e 24 da Lei reguladora da Xunta e do seu Presidente, sanciono e promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma.

Artigo 1

Os corpos e escalas de funcionarios da Administración transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia que prestan servicios na Consellería de Sanidade integraranse nos corpos de administración especial, de conformidade co establecido nas Disposicións Adicionais primeira e segunda da Lei 4/1988, do 26 de maio, da Función Pública de Galicia.

Artigo 2

Créanse nos corpos relacionados as escalas seguintes:

a) Escala sanitaria de atención primaria e especializada:

Integraranse nesta escala, no corpo que lles corresponda, os funcionarios ó servicio da Comunidade que á entrada en vigor da presente Lei ocupen postos de traballo no ámbito da atención primaria e especializada de saúde.

Corresponderanlles ós funcionarios desta escala as funcións de atención integral á saúde no ámbito da atención primaria e especializada.

b) Escala de saúde pública e administración sanitaria:

Integraranse nesta escala, no corpo que lles corresponda, os funcionarios ó servicio da Comunidade que á entrada en vigor da presente Lei ocupen postos de traballo que non correspondan á atención primaria nin á especializada de saúde e que desempeñen funcións obxecto da súa profesión ou oficio sanitario específico.

Corresponderanlles ós funcionarios desta escala as funcións de saúde pública e administración especializada asumidas pola Comunidade Autónoma de Galicia que, para mellora-lo nivel de saúde, sexan aplicadas sobre a comunidade e o medio ambiente, en apoio de toda a estructura sanitaria, especialmente da atención primaria.2

Artigo 3

O persoal interino ou contratado administrativo, facultativo sanitario, axudante facultativo e auxiliar técnico que na actualidade presta servicios en postos dependentes da Consellería de Sanidade manterá a súa relación xurídico-administrativa e os dereitos inherentes á súa condición de interino nos corpos e as escalas a que se refire o artigo 2 desta Lei, e nas condicións alí reseñadas.

Disposición transitoria primeira

O persoal ó que se refire a presente Lei que prestase servicios como interino ou en rexime de contratación administrativa na Comunidade Autónoma de Galicia poderá acceder á condición de funcionario dos corpos da administración especial, na súa correspondente escala, mediante a participación e superación dun concurso-oposición libre, que na súa convocatoria deberá respeta- -los principios de mérito e capacidade e no que se valorarán os servicios prestados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria segunda

O persoal que non supere a dita proba selectiva terá dereito á valoración dos servicios prestados noutras dúas convocatorias consecutivas e, no caso de que se atopase prestando servicios na data de entrada en vigor da presente Lei, a continuar na dita situación en calidade de interino, en tanto non se celebren as probas selectivas.

Tal situación non condicionará a consideración de vacante do posto de traballo que viñese desempeñando.

A puntuación obtida na valoración dos servicios prestados polo persoal ós que se refire a Disposición anterior, en ningún caso poderá exceder do 45% do máximo alcanzable na fase de oposición das probas selectivas correspondentes, a razón de 0,75% por mes de servicios, que se lles aplicará unicamente ós que superen a fase de oposición das probas.

Disposición transitoria terceira

A Consellería de Sanidade realizará a primeira das convocatorias aludidas no prazo de seis meses, contados a partir da entrada en vigor da presente Lei, e as dúas seguintes no termo de un ano, contado desde a celebración da primeira.

Disposición transitoria cuarta

Ó persoal funcionario que se integre nos corpos e escalas e ó interino ou contratado administrativo ó que se refire o artigo 3 da presente Lei seralles de aplicación o sistema retributivo derivado da catalogación de postos de traballo que establece a Lei 4/1988, agás aquel que ocupe postos de traballo que leven aparellada relación profesional retribuída polo INSALUD, que continuará co seu rexime retributivo actual ata que se acorde polo Consello da Xunta a homologación de retribucións básicas dos funcionarios.

Disposición transitoria quinta

O persoal que ingrese nos corpos e escalas de referencia mediante as correspondentes probas terá a obriga de participar no primeiro concurso que se convoque con posterioridade ó seu ingreso e neste os funcionarios que xa fosen transferidos á Comunidade Autónoma terán, por unha soa vez, dereito preferente a ocupa-las prazas que soliciten respecto do persoal de novo ingreso.

Disposición derradeira primeira

Autorízase á Xunta de Galicia para dicta-las normas de carácter regulamentario e demais disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta Lei.3

Disposición derradeira segunda

Esta Lei entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 1989

Fernando Ignacio González Laxe
Presidente4


1 Publicada no DOG núm. 206, do 26 de outubro de 1989.

2 En relación con esta escala ha de terse en conta tamén a previsión contida no artigo 17 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación (DOG núm. 28, do 9 de febreiro de 2017), a teor do cal:

“Artigo 17. Persoal licenciado ou diplomado da escala de saúde pública e administración sanitaria

O persoal funcionario de carreira licenciado ou diplomado da escala de saúde pública e administración sanitaria poderá ocupar con carácter temporal, mediante comisión de servizos voluntaria, postos de traballo dunha clase diferente á que pertenza, dentro da referida escala, sempre que a titulación de acceso da súa clase orixinaria sexa a mesma que a requirida para o acceso á clase correspondente ao posto de que se trate. En todo caso, outorgarase prioridade ao persoal funcionario que pertenza á mesma clase do posto que sexa obxecto de cobertura.”

3 Téñase en conta o Decreto 303/1990, do 31 de maio, polo que se desenvolve a Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma.

4 Respecto do personal funcionario regulado nesta lei tamén pode citarse a disposición adicional décimo terceira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 (DOG núm. 249, do 31 de decembro de 2013), que ten vixencia permanente conforme a disposición derradeira cuarta desta lei, a teor da cal:

“Disposición adicional décimo terceira. Reestruturación de unidades administrativas da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde

O persoal funcionario da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma, con destino na Consellería de Sanidade ou no Servizo Galego de Saúde, poderá con carácter voluntario pasar a prestar servizos en postos de traballo nos distintos departamentos das consellerías da Xunta de Galicia cando como consecuencia da reestruturación de unidades administrativas da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde non haxa postos de traballo vacantes nela e sexa necesaria a súa adscrición noutras consellerías que necesiten cubrir postos de traballo con persoal funcionario da mesma especialización. Este persoal terá dereito a percibir as retribucións correspondentes ao posto de traballo que pase a desempeñar e aos complementos persoais que teña recoñecidos.”