Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia

Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia1

O artigo 11 do Estatuto de Autonomía para Galicia debuxa as liñas fundamentais da constitución e composición do Parlamento de Galicia e establece tamén que unha Lei de Galicia determinará os extremos que deben constituí-las normas electorais da nosa Comunidade. É obxecto da presente Lei desenvolver esa previsión estatutaria que habilita ó propio Parlamento de Galicia para dictar aquelas normas que coide máis axeitadas ás necesidades e á idiosincrasia da nosa sociedade.

De acordo co devandito artigo, o Parlamento de Galicia pode regula-los prazos e o procedemento para a elección dos seus membros, establece-lo número dos Deputados, así como tamén as causas de inelixibilidade e incompatibilidade que os afecten.

De acordo con estas directrices, considérase que a normativa electoral non debe introducir excesivas modificacións no regulamento xeral que ordena os mais dos procesos electorais con relevancia estatal.

Neste senso é preciso elimina-los factores que puidesen suscitar inseguridades xurídicas, sobre todo na práctica, nos soportes persoais do sistema electoral. Polo demais cómpre ter en conta que unha maior claridade e sinxeleza nos regulamentos especiais vai en beneficio das forzas políticas que concorren ás eleccións e, loxicamente, dos propios electores, que precisan normas claras e facilmente comprensibles.

Por todo o cal, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de Eleccións ó Parlamento de Galicia.

Título preliminar

Artigo 12

1. Esta lei é aplicable ás eleccións a deputados e deputadas do Parlamento de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 11 do Estatuto de autonomía para Galicia.

2. A materia relativa a gastos e subvencións electorais rexerase polo disposto na lei que regula o financiamento de formacións políticas e de fundacións e entidades vinculadas a elas.

Título I Disposicións xerais

Capítulo I Electores

Artigo 2

1. Son electores os que, ostentando a condición de galegos conforme ó artigo 3 do Estatuto de Autonomía, sexan maiores de idade e gocen do dereito de sufraxio activo.

2. Para o exercicio do dereito de sufraxio é indispensable a inscrición no censo electoral.

Capítulo II O censo electoral

Artigo 3

Nas eleccións ó Parlamento de Galicia rexerá o censo electoral único referido ás catro circunscricións electorais da Comunidade Autónoma.

Capítulo III Elixibilidade

Artigo 43

1. Serán elixibles os cidadáns que, tendo a condición de electores, non estean incursos nalgunha das causas de inelixibilidade recollidas na lexislación electoral xeral.

2. Son inelixibles tamén:

a) O conselleiro maior e os conselleiros do Consello de Contas de Galicia.

b) O valedor do pobo e o seu adxunto4.

c) Os alcaldes, presidentes de Deputación e deputados provinciais.

d) Os secretarios xerais técnicos e os directores xerais das consellerías, os directores dos gabinetes da Presidencia e das consellerías, así como os altos cargos de libre designación da Xunta de Galicia nomeados por decreto da Xunta.

e) Os presidentes e directores xerais ou asimilados dos organismos autónomos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, agás que a dita presidencia a exerza un membro do Consello do Goberno.

f) Os delegados xerais da Xunta, os delegados provinciais ou territoriais das consellerías e os secretarios das súas delegacións.

g) O director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, os directores das súas sociedades e os seus delegados territoriais.

h) O delegado territorial da TVE en Galicia, así como os directores dos centros de radio e televisión que dependan de entes públicos.

i) Os membros da Policía Autónoma en activo.

j) O presidente, vicepresidente, ministros e secretarios de Estado do Goberno central.

k) Os parlamentarios das asembleas doutras comunidades autónomas.

l) Os membros dos consellos de goberno das demais comunidades autónomas, así como os cargos de libre designación dos citados consellos.

m) Os que exerzan funcións ou cargos conferidos e remunerados por un Estado estranxeiro.

Artigo 5

1. A calificación das inelixibilidades establecidas no artigo anterior, verificarase de conformidade co Réxime Xeral Electoral.

2. Quen formando parte dunha candidatura accedese a un cargo ou función declarada inelixible, deberalle comunicar esta situación á correspondente Xunta Electoral, quedando excluído da candidatura.

Capítulo IV Incompatibilidades

Artigo 65

1. As causas de inelixibilidade sono tamén de incompatibilidade.

2. A condición de deputado do Parlamento de Galicia é incompatible coa de parlamentario europeo, deputado do Congreso e senador, salvo os senadores elixidos en representación da Comunidade Autónoma.

3. Así mesmo son incompatibles:

a) Os membros do Consello de Administración da Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

b) Os Presidentes de Consellos de Administración, Conselleiros, Administradores, Directores Xerais, Xerentes e cargos equivalentes de entes públicos e empresas de participación pública maioritaria, calquera que sexa a súa forma, incluídas as Caixas de Aforro de fundación pública.

Os cargos ós que se refire o parágrafo anterior non constituirán causa de incompatibilidade cando se posúan por representación sindical ou pola súa condición de membro do Goberno autónomo ou de Corporación local.

4. O mandato dos deputados do Parlamento de Galicia é compatible co desempeño de actividades privadas, salvo nos supostos seguintes:

a) As actividades de xestión ou dirección ante a Administración Pública galega, os seus entes ou organismos autónomos en asuntos que teñan que resolver estes, que afecten directamente á realización dalgún servicio público ou que estean encamiñados á obtención de subvencións ou avales públicos. Exceptúanse as actividades particulares que, en exercicio dun dereito recoñecido, realicen os directamente interesados, así como as subvencións ou os avales dos que a súa concesión derive da aplicación regrada do disposto nunha norma de carácter xeral.

b) A actividade de contratista ou fiador de obras, servicios ou subministracións públicos que se paguen con fondos da Comunidade Autónoma ou o desempeño de cargos que leven anexas funcións de dirección ou representación en compañías ou empresas que se dediquen ás devanditas actividades.

c) A celebración con posterioridade á data da súa elección como deputado de concertos de prestación de servicios de asesoramento ou de calquera outra índole, con titularidade individual ou compartida, en favor da Administración pública galega.

d) A participación superior ó dez por cento, adquirida en todo ou en parte, con posterioridade á data da súa elección como deputado, agás que fose por herdanza, en empresas ou sociedades que teñan concertos de obras, servicios ou subministracións con entidades do sector público.

5. Os deputados que desempeñen, por si ou mediante substitución, calquera outro posto, profesión ou actividade, públicos ou privados, por conta propia ou allea, retribuídos mediante soldo, salario, arancel, honorarios ou calquera outra forma, só percibirán, con cargo ós presupostos do Parlamento de Galicia, as indemnizacións e axudas de custo que sexan correspondentes para o cumprimento da súa función.

6. Garantiráselle-la reserva de posto ou praza de destino, nas condicións que determinen as normas específicas de aplicación, ós deputados que, como consecuencia da súa dedicación parlamentaria, estean na situación de excedencia voluntaria ou servicios especiais.

7. Os deputados deberán formular declaración de tódalas actividades que poidan constituír causa de incompatibilidade conforme o establecido na lexislación vixente e de calquera outra actividade que lles proporcione ou poida proporcionar ingresos económicos, así como dos seus bens patrimoniais, tanto ó adquiriren coma ó perderen a súa condición de parlamentarios, así como cando modifiquen as súas circunstancias.

As declaracións sobre actividades e bens formularanse por separado conforme o modelo que aprobe a Mesa do Parlamento e inscribiranse nun Rexistro de Intereses, que estará baixo a dependencia directa do presidente da Cámara.

O contido do Rexistro de Intereses terá carácter público, a excepción do que se refire a bens patrimoniais.

Artigo 7

1. Ningún electo poderá adquiri-la condición de Deputado se está incurso nalgunha causa de incompatibilidade.

2. O Deputado galego que aceptase un cargo, función ou situación constitutiva de incompatibilidade, cesará na situación de Deputado.

Título II Sistema electoral

Artigo 8

De acordo co artigo 11.4 do Estatuto de Autonomía de Galicia a circunscrición electoral será a provincia.

Artigo 9

1. O número de Deputados do Parlamento de Galicia fíxase en 75.

2. A cada unha das catro provincias de Galicia correspóndelle un mínimo inicial de 10 Deputados.

3. Os 35 Deputados restantes distribúense entre as provincias en proporción á súa poboación, conforme ó seguinte procedemento:

a) Obtense unha cuota de reparto resultante de dividir por 35 a cifra total da poboación de dereito das provincias de Galicia.

b) Adxudícase a cada unha das catro provincias tantos Deputados como resulten, en números enteiros, de dividi-la poboación de dereito provincial pola cuota de reparto.

c) Os Deputados restantes distribúense asignando un a cada unha das provincias, o cuociente das cales, obtido conforme ó apartado anterior, teña unha fracción decimal maior.

4. O Decreto de convocatoria debe especifica-lo número de Deputados que se elixirá en cada circunscrición, de acordo co disposto neste artigo.

Artigo 106

A atribución de escanos en función dos resultados do escrutinio realízase de acordo coas seguintes regras:

a) Non se teñen en conta aquelas candidaturas que non obtiveron, cando menos, o cinco por cento dos votos válidos emitidos na circunscrición.

b) Ordénanse de maior a menor, nunha columna, as cifras e os votos obtidos polas restantes candidaturas.

c) Divídese o número de votos obtido por cada candidatura por 1, 2, 3, etc., ata un número igual de escanos correspondentes á circunscrición, formándose un cadro semellante ó que aparece no exemplo práctico que se recolle na correspondente disposición adicional. Os escanos atribúenselles ás candidaturas que obteñan os cocientes maiores no cadro, atendendo á súa orde decrecente.

d) Cando na relación de cocientes coincidan dous correspondentes a distintas candidaturas, o escano atribuiráselle á que obtivese maior número total de votos. De haber dous candidatos con igual número de votos, o primeiro empate resolverase por sorteo e os sucesivos de maneira alternativa.

e) Os escanos correspondentes a cada candidatura adxudícanselles ós candidatos incluídos nela, pola orde de colocación na que aparezan.

Artigo 11

En caso de falecemento, incapacidade ou renuncia dun Deputado en calquera momento da lexislatura o escano será atribuído ó seguinte da mesma lista atendendo á súa orde de colocación.

Título III Convocatoria de eleccións

Artigo 127

1. A convocatoria de eleccións ó Parlamento de Galicia realizarase mediante decreto.

2. O decreto de convocatoria sinalará a data das eleccións, que se deberán celebrar entre o quincuaxésimo cuarto e o sesaxésimo día posterior á convocatoria, a duración da campaña electoral, así como a data constitutiva do Parlamento, que terá lugar dentro do prazo de un mes, contado desde o día da celebración das eleccións.

3. Salvo no suposto de disolución anticipada, o decreto de convocatoria expedirase o vixésimo quinto día anterior á expiración do mandato do Parlamento.

4. O decreto de convocatoria publicarase o día seguinte da súa expedición no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación.

Título IV

Xuntas electorais

Artigo 13

1. A administración electoral correspóndelles á Xunta Electoral de Galicia, ás Xuntas Provinciais e de Zona e ás mesas electorais.

2. A Xunta Electoral de Galicia terá a súa sede na do Tribunal Superior de Xusticia.

Artigo 148

1. A Xunta Electoral de Galicia é un órgano permanente e está composto por:

a) Presidente: o Presidente do Tribunal Superior de Xusticia de Galicia.

b) Vicepresidente: o elixido polos vocais, de entre os de orixe xudicial, na sesión constitutiva que se celebrará a convocatoria do Secretario.

c) Catro Vocais, Maxistrados do Tribunal Superior de Xusticia.

d) Catro vocais, profesores en activo das facultades de Dereito, de Ciencias Políticas ou de Socioloxía das universidades de Galicia.

2. As designacións dos vocais, no non previsto polo apartado anterior, realizaranse nos noventa días seguintes á sesión constitutiva do Parlamento, conforme ás seguintes normas:

a) Os Maxistrados do Tribunal Superior de Xusticia serán designados por sorteo efectuado perante o Presidente do Tribunal.

b) Os profesores das facultades de Dereito, de Ciencias Políticas ou de Socioloxía serán designados por proposta conxunta dos partidos, federacións, coalicións ou agrupacións de electores con representación no Parlamento. Cando a proposta non teña lugar no prazo establecido no parágrafo primeiro deste apartado, a Mesa do Parlamento, oídas as forzas políticas presentes na Cámara, procederá á súa designación, en consideración á representación existente nela.

Artigo 15

1. Os membros da Xunta Electoral de Galicia serán nomeados por Decreto ó comenzo de cada lexislatura e continuarán o seu mandato ata a toma de posesión da nova Xunta Electoral.

2. O Secretario da Xunta Electoral de Galicia é o Letrado Maior do Parlamento. Participa con voz e sen voto nas súas deliberacións e custodia a documentación correspondente á Xunta Electoral.

Artigo 16

O Parlamento poñerá a disposición da Xunta Electoral de Galicia os medios persoais e materiais para o exercicio das súas funcións.

Artigo 17

1. Os membros da Xunta Electoral de Galicia son inamovibles e só poderán ser suspendidos por delitos ou faltas electorais, mediante expediente incoado pola propia Xunta en virtude de acordo da maioría absoluta dos seus componentes, sen prexuício do procedemento xudicial correspondente.

2. No suposto previsto no número anterior, así como no caso de renuncia xustificada e aceptada polo Presidente, procederase á substitución dos membros da Xunta Electoral da Comunidade Autónoma conforme ás seguintes regras:

a) O Vicepresidente e os Vocais serán substituídos polos mesmos procedementos previstos para a súa designación.

b) O Letrado Maior do Parlamento será substituído polo Letrado máis antigo, e, en caso de igualdade, polo de maior idade.

Artigo 189

Ademais das competencias establecidas na lexislación vixente, correspóndelle á Xunta Electoral de Galicia:

a) Cursarlles instruccións de obrigado cumprimento ás xuntas provinciais na materia electoral obxecto desta lei.

b) Resolver, con carácter vinculante, as consultas que lle elevan as xuntas provinciais na mesma materia.

c) Revocar de oficio, en calquera momento, ou por instancia de parte interesada, dentro dos prazos previstos no artigo 21 da Lei orgánica do réxime electoral xeral, as decisións da xuntas provinciais, cando se opoñan á interpretación da normativa electoral realizada pola Xunta Electoral de Galicia.

d) Unifica-los criterios interpretativos das xuntas provinciais na aplicación da normativa electoral.

e) Aprobar, por proposta da Administración da Xunta, os modelos de actas de constitución de mesas electorais, de escrutinio, de sesión, de escrutinio xeral e de proclamación de electos. Tales modelos deberán permiti-la expedición instantánea de copias das actas, mediante documentos autocopiativos e outros procedementos análogos.

f) Resolve-las queixas, reclamacións e recursos que se lle dirixan conforme a presente lei ou calquera outra disposición que lle atribúa esa competencia.

g) Exercer potestade disciplinaria sobre tódalas persoas que interveñan con carácter oficial nas operacións electorais.

h) Corrixi-las infraccións que se produzan no proceso electoral, sempre que non sexan constitutivas de delicto, e impoñer multas ata a contía de 250.000 ptas.

i) Expedírlle-las credenciais ós deputados nos supostos de vacantes por falecemento, incapacidade e renuncia unha vez terminado o mandato das xuntas electorais provinciais.

j) Aplicar e garanti-lo dereito do uso gratuíto de espacios nos medios de comunicación de propiedade pública, no suposto previsto nos artigos 27, 28 e 29 da presente lei, e en xeral garanti-lo exercicio das liberdades públicas durante o proceso electoral.

Título V

Procedemento electoral

Capítulo I

Representantes das candidaturas perante a administración electoral

Artigo 19

1. Os partidos, federacións, coalicións e agrupacións que pretendan concorrer ás eleccións ó Parlamento de Galicia, designarán ás persoas que deban representalos perante a administración electoral, como representantes xerais ou de candidaturas.

2. Os representantes xerais actúan en nome dos partidos, federacións, coalicións e agrupacións concorrentes.

3. Os representantes das candidaturas sono dos candidatos incluídos nelas.

Ó seu domicilio, ou ó lugar que designen a eses efectos, remitiránselle-las notificacións, escritos e emprazamentos dirixidos pola administración electoral ós candidatos, dos que reciben, pola soa aceptación da candidatura, un apoderamento xeral para actuar en procedementos xudiciais en materia electoral.

Artigo 20

1. Ós efectos previstos no artigo anterior, os partidos, federacións, coalicións e agrupacións que pretendan concorrer ás eleccións ó Parlamento de Galicia designarán por escrito, perante a Xunta Electoral de Galicia, un representante xeral, antes do noveno día posterior á convocatoria de eleccións. O mencionado escrito deberá expresa-la aceptación da persoa designada.

2. Cada un dos representantes xerais designará, antes do undécimo día posterior á convocatoria, perante a Xunta Electoral de Galicia, os representantes das candidaturas que o seu partido, federación, coalición ou agrupación presente en cada unha das circunscricións electorais.

3. No prazo de dous días a Xunta Electoral de Galicia comunicaralles ás Xuntas Electorais Provinciais os nomes dos representantes das candidaturas correspondentes á súa circunscrición.

4. Os representantes das candidaturas presentaranse persoalmente perante as respectivas Xuntas Provinciais, para acepta-la súa designación, antes do décimo quinto día posterior á convocatoria de eleccións.

Capítulo II

Presentación e proclamación de candidatos

Artigo 21

1. Para as eleccións ó Parlamento de Galicia, a Xunta Electoral competente para tódalas actuacións previstas en relación á presentación e proclamación de candidatos é a Xunta Electoral Provincial.

2. Cada candidatura presentarase mediante lista de candidatos.

3. Para presentar candidaturas, as agrupacións de electores precisarán, cando menos, a sinatura do un por cento dos inscritos no censo electoral de circunscricións.

4. As candidaturas presentadas e as candidaturas proclamadas das catro circunscricións de Galicia publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 22

1. A presentación de candidatos deberase realizar mediante listas que deben incluír tantos candidatos coma cargos a elixir e, ademais, un número de suplentes non superior a cinco.

2. En calquera caso, as listas deberán conte-lo número exacto de escanos que deban ser cubertos, sen que se poida admitir ningunha lista que non cumpra tal requisito.

3. As Xuntas Electorais Provinciais inscribirán a candidatura facendo consta-la data e hora de presentación da mesma. Expedirán documento acreditativo deste trámite se se lles solicita.

Artigo 23

As candidaturas electorais non poderán ser obxecto de modificación unha vez presentadas, agás no prazo establecido para a reparación de irregularidades e só por pasamento ou renuncia do titular, operando automaticamente a reparación pola orde dos suplentes, agás que o representante dixese outra cousa.

Capítulo III

Campaña electoral

Artigo 24

Enténdese por campaña electoral, a efectos desta Lei, o conxunto de actividades lícitas levadas a cabo polos candidatos, partidos, federacións, coalicións ou agrupacións en orde á captación de sufraxios.

Artigo 2510

1. A campaña electoral terá unha duración non inferior a quince días nin superior a vinteún.

2. Terminará, en todo caso, ás cero horas do día inmediatamente anterior ó da votación.

3. Durante a campaña electoral os poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia poderán realizar unha campaña institucional destinada a informar e fomenta-la participación dos electores na votación, sen influír na orientación de voto. Queda prohibida a utilización polos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que concorran ás eleccións dos elementos identificativos da campaña institucional, dos que serán informados con anterioridade ó inicio da mesma.

4. A propaganda e os actos de campaña electoral axustaranse ó disposto na Lei orgánica do réxime electoral xeral.

Capítulo IV

Utilización dos medios da Compañía de Radio-Televisión de Galicia

Artigo 26

Non se poderán contratar espacios de publicidade electoral nos medios de comunicación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

Artigo 2711

1. Durante a campaña electoral os partidos, federacións, coalicións ou agrupacións que concorran ás eleccións teñen dereito a espacios gratuítos de propaganda nas emisoras de televisión e radio da Compañía de RTVG, conforme o establecido neste artigo e nos seguintes.

2. A distribución dos mencionados espacios faise en función do número total de votos obtidos por cada partido, federación ou coalición nas anteriores eleccións ó Parlamento de Galicia.

3. Se as eleccións ó Parlamento de Galicia se celebran simultaneamente coas eleccións municipais, para a distribución de espacios nas emisoras da Compañía de RTVG só se teñen en conta os resultados das anteriores eleccións ó dito Parlamento.

Artigo 28

1. A Xunta Electoral de Galicia é a autoridade competente para distribuí-los espacios gratuítos de propaganda electoral que se emitan polos medios de comunicación da Compañía de RTVG a proposta da Comisión a que se refire o apartado seguinte deste artigo.

2. A Comisión de Control Electoral de RTVG será designada pola Xunta Electoral da Comunidade Autónoma de Galicia e estará integrada por un representante de cada partido, federación, coalición e agrupación que concorran ás eleccións convocadas ó Parlamento e conten con representación no mesmo. Os devanditos representantes votarán ponderadamente de acordo coa composición do Parlamento.

Artigo 2912

1. A distribución do tempo gratuíto de propaganda electoral en cada medio de comunicación da Compañía de RTVG e nos distintos ámbitos de programación que estes teñan efectuaranse conforme ó seguinte baremo:

A) Na TVG:

a) Dez minutos para os partidos, federacións e coalicións que non concorreron ou non obtiveron representación nas anteriores eleccións ó Parlamento de Galicia.

b) Vinte minutos para aqueles que, obténdoa, non acadaron o cinco por cento do total de votos válidos emitidos na Comunidade Autónoma.

c) Trinta minutos para os partidos, federacións e coalicións que obtiveron representación nas anteriores eleccións ó Parlamento de Galicia e acadaron entre o cinco e o quince por cento do total de votos a que se fai referencia no apartado precedente.

d) Corenta e cinco minutos para os partidos, federacións e coalicións que obtiveron representación nas anteriores eleccións ó Parlamento de Galicia e acadaron, polo menos, un quince por cento do total de votos a que se fai referencia no parágrafo b).

B) Na Radio Galega:

a) Trinta minutos para os partidos, federacións e coalicións que non concorreron ou non obtiveron representación nas anteriores eleccións ó Parlamento de Galicia.

b) Corenta minutos para aqueles que, obténdoa, non acadaron o cinco por cento do total de votos válidos emitidos na Comunidade Autónoma.

c) Sesenta minutos para os partidos, federacións e coalicións que obtiveron representación nas anteriores eleccións ó Parlamento de Galicia e acadaron entre o cinco e o quince por cento do total de votos a que se fai referencia no apartado precedente.

d) Oitenta minutos para os partidos, federacións e coalicións que obtiveron representación nas anteriores eleccións ó Parlamento de Galicia e acadaron, polo menos, un quince por cento do total de votos a que se fai referencia no parágrafo b).

2. O dereito ós tempos de emisión gratuíta, enumerados no apartado anterior, só lles corresponde ós partidos, federacións e coalicións que presenten candidatura, cando menos, en tres circunscricións electorais da Comunidade Autónoma.

3. As agrupacións de electores que se federen para realizar propaganda nos medios da Companía de Radio-Televisión de Galicia terán dereito a quince minutos en Televisión de Galicia e corenta minutos na Radio Galega de emisión, se cumpren o requisito de presentación de candidaturas esixido no apartado 2 precedente deste mesmo artigo.

4. Para a determinación do momento e da orde e emisión dos espacios gratuítos de propaganda electoral a que se refire este artigo, a Xunta Electoral de Galicia terá en conta as preferencias dos partidos, federacións ou coalicións en función do número de votos que obtiveron nas anteriores eleccións ó Parlamento de Galicia.

Capítulo V

Papeletas e sobres electorais

Artigo 30

1. As Xuntas Electorais Provinciais son os órganos competentes para aproba-lo modelo oficial das papeletas correspondentes á súa circunscrición.

2. A Xunta de Galicia asegurará a disponibilidade das papeletas e dos sobres de votación conforme ó disposto no artigo seguinte, sen prexuício da súa eventual confección polos grupos políticos que concorran ás eleccións.

Artigo 31

1. A confección das papeletas e os sobres de votación iníciase inmediatamente despois da proclamación de candidatos.

2. Se contra a proclamación de candidatos se interpoñen recursos perante o órgano xudicial contencioso-administrativo competente na provincia, a confección das papeletas correspondentes posponse na circunscrición electoral onde se interpuxeron, ata a resolución destes recursos.

3. As primeiras papeletas confeccionadas entregaránselle á Delegación do Goberno para o seu envío ós residentes ausentes que viven no extranxeiro.

4. Os Delegados Xerais da Xunta aseguran a entrega de papeletas e sobres en número suficiente ás mesas electorais, polo menos unha hora antes do momento no que se deba inicia-la votación.

Artigo 32

As papeletas electorais destinadas á elección de Deputados ó Parlamento de Galicia deben expresa-las indicacións seguintes:

a) Denominación, sigla e símbolo do partido, federación, coalición ou agrupación de electores que presente a candidatura.

b) Os nomes e apelidos dos candidatos e dos suplentes, segundo a súa orde de colocación, así como, no seu caso, a condición de independente dos candidatos que concorran con tal carácter ou, no caso de coalicións, a denominación do partido ó que pertenza cada un se así se esixiu para a presentación da lista.

Capítulo VI

Interventores e apoderados

Artigo 33

1. O representante de cada candidatura pode nomear, ata tres días antes da elección, dous interventores por cada mesa electoral, para que comproben que a votación se desenvolve conforme ás normas establecidas.

2. Para ser designado interventor é esixible a condición de elector de acordo co artigo 2 da presente Lei, debendo pertencer á circunscrición electoral na que se atope a mesa na que vaia desempeña-las súas funcións.

3. O nomeamento farase mediante a expedición de credenciais talonarias, coa data e sinatura ó pé do nomeamento.

4. As follas talonarias por cada interventor deberán estar divididas en catro partes: unha como matriz para conservala o representante; a segunda entregaraa o interventor como credencial; a terceira e cuarta serán remitidas á Xunta de Zona, para que esta faga chegar unha delas á mesa electoral de que formen parte e outra á mesa na que teñan dereito a votar para a súa exclusión da lista electoral.

5. As credenciais de nomeamento de interventores enviaranse ás Xuntas de Zona ata o mesmo terceiro día anterior ó da votación.

6. As Xuntas de Zona farán a remisión ás mesas de maneira que obren no seu poder no momento de constituírse as mesmas o día da votación.

7. Para integrarse na mesa o día da votación, comprobarase que a credencial é conforme coa folla talonaria que se atopa en poder da mesa. De non ser así ou de non existir folla talonaria poderá dárselle posesión, consignando o incidente na acta.

Neste caso, sen embargo, o interventor non poderá votar na mesa na que estea acreditado.

Se o interventor concorre sen a súa credencial, unha vez que a mesa recibiu a folla talonaria, logo de comproba-la súa identidade, permitiráselle integrarse na mesa, tendo, neste caso, dereito a votar na mesma.

Artigo 34

1. Os interventores, como membros das mesas, colaborarán no bo funcionamento do proceso de votación e escrutinio velando co Presidente e os vocais para que as actas electorais se realicen de acordo coa lei.

2. Os interventores poderán:

a) Solicitar certificación da acta de constitución da mesa e da acta xeral da sesión ou dun extremo determinado delas. Non se expedirá máis de unha certificación por candidatura.

b) Reclamar sobre a identidade dun elector, o que deberá realizar publicamente.

c) Anotar, se o desexa, nunha lista numerada de electores, o nome e número de orde en que emiten os seus votos.

d) Pedir durante o escrutinio a papeleta lida polo presidente, para o seu exame.

e) Formula-las protestas e reclamacións que coide oportunas, tendo dereito a facelas constar na acta xeral da sesión.

Artigo 35

1. O representante de cada candidatura pode outorgar poder a favor de calquera cidadán, maior de idade, que se atope en pleno uso dos seus dereitos civís e políticos co obxecto de ostenta-la representación da candidatura nos actos e operacións electorais.

2. O apoderamento formalízase perante notario ou perante o secretario da Xunta Electoral Provincial ou de Zona, os cales expiden a correspondente credencial conforme ó modelo oficialmente establecido.

Artigo 36

Os apoderados teñen as mesmas facultades que os interventores, se ben deberán votar na sección e mesa que lles corresponda conforme á súa inscrición no censo.

Artigo 37

Os apoderados deben mostrárlle-las súas credenciais e mailo seu Documento Nacional de Identidade ós membros das mesas electorais e demais autoridades competentes.

Capítulo VI bis

Do escrutinio

Artigo 37 bis13

1. As xuntas electorais provinciais realizarán o escrutinio xeral o oitavo día seguinte ao da votación.

2. O escrutinio deberá realizarse na forma prevista na Lei orgánica do réxime electoral xeral e concluirá non máis tarde do décimo primeiro día posterior ás eleccións.

Capítulo VII

Dos deputados proclamados

Artigo 38

A presidencia da Xunta Electoral de Galicia remitiralle ó Parlamento a lista de parlamentarios proclamados nas circunscricións electorais.

Título VI

Gastos e subvencións electorais14

Disposición adicional primeira

Facúltase á Xunta de Galicia para dicta-las disposicións precisas para o cumprimento e execución desta Lei.

Disposición adicional segunda

Ós efectos previstos no artigo 10, ofrécese o seguinte exemplo práctico: 360.000 votos válidos emitidos nunha circunscrición que elixa 17 Deputados. Votación repartida entre catro candidaturas:

 

1

2

3

4

5

6

7

8

9

10

11

12

13

14

15

16

17

A

(1)

160. 000

(3)

80.000

(5)

53.333

(7)

40.000

(10)

32.000

(12)

26.666

(14)

22.857

(16)

20.000

17.777

16.000

14.545

13.333

12.307

11.428

10.666

10.000

9.411

B

(2)

98.000

(6)

49.000

(9)

32.666

(13)

24.500

19.600

16.333

14.000

12.250

10.880

9.800

8.909

8.166

7.538

7.000

6.533

6.125

5.764

C

(4)

62.000

(11)

31.000

(15)

20.666

15.500

12.400

10.333

8.557

7.750

6.889

6.200

5.636

5.166

4.769

4.428

4.123

3.875

3.617

D

(8)

40.000

(17)

20.000

13.333

10.000

8.000

6.666

5.714

5.000

1.111

4.000

3.636

3.333

3.076

2.857

2.666

2.500

2.350

 

 

A...................................8

B...................................4

C...................................3

D...................................2

 

Disposición transitoria primeira

Mentres non se constitúa o Tribunal Superior de Xusticia de Galicia, tódalas referencias ó mesmo contidas nesta Lei entenderanse referidas á Audiencia Territorial da Coruña.

Disposición transitoria segunda

1. No prazo de un mes a partir da entrada en vigor desta Lei procederase ó nomeamento dos vocais da Xunta Electoral da Comunidade Autónoma.

2. Designados os vocais da Xunta Electoral de Galicia, procederase á constitución da mesma no prazo de cinco días.

Disposición transitoria terceira

O réxime de incompatibilidades disposto nesta Lei entrará en vigor a partir das próximas eleccións ó Parlamento de Galicia.

Disposición transitoria cuarta

Ós efectos previstos no artigo 27, nas primeiras eleccións que se celebren a partir da entrada en vigor da presente Lei enténdese que os Grupos Parlamentarios existentes no momento da disolución da Cámara asumen a representación proporcional dos electores que, no seu día, votaron ó partido ou coalición polos que se presentaron os Deputados que constitúen os Grupos.

Disposición transitoria quinta

Nas primeiras eleccións a celebrar despois da entrada en vigor da presente Lei, o número de Deputados do Parlamento de Galicia é de 71, dos que corresponderán 22 á provincia da Coruña, 15 á de Lugo, 15 á de Ourense e 19 á de Pontevedra.

Disposición final primeira

En todo o non previsto na presente Lei serán de aplicación as normas vixentes para as eleccións lexislativas ó Congreso dos Deputados das Cortes Xerais, coas modificacións e adaptacións derivadas do carácter e ámbito da consulta electoral ó Parlamento de Galicia e, neste senso, enténdese que as competencias atribuídas ó Estado e ós seus órganos e autoridades se asignan ás correspondentes da Comunidade Autónoma verbo das materias que non son competencia exclusiva daquel.

Disposición final segunda

Esta Lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 1985

Gerardo Fernández Albor
Presidente


1 Publicada no DOG núm. 156, 16 de agosto de 1985. Corrección de erros publicada no DOG núm. 185, do 26 de setembro de 1985.

2 Redacción do artigo 1 dada pola disposición derradeira primeira da Lei 9/2015, do 7 de agosto (DOG núm. 165, do 31 de agosto de 2015).

3 Redacción do artigo 4 dada polo artigo único apartado 1º da Lei 15/1992, do 30 de decembro (DOG núm. 1, do 4 de xaneiro de 1993).

4 Redacción do apartado 2.b do artigo 4 dada polo artigo 2 da Lei 10/2012, do 3 de agosto (DOG núm. 154, do 13 agosto 2012).

5 Redacción dos apartados 2, último parágrafo do apartado3.b, e apartados 4, 5, 6 e 7 dada polo artigo único.2º da Lei 15/1992, do 30 de decembro (DOG núm. 1, do 4 de xaneiro de 1993).

6 Redacción do artigo 10 dada polo artigo único apartado 3º da Lei 15/1992, do 30 de decembro (DOG núm. 1, do 4 de xaneiro de 1993).

7 Redacción do artigo 12 dada polo artigo único apartado 41 da Lei 15/1992, do 30 de decembro (DOG núm. 1, do 4 de xaneiro de 1993).

8 Redacción dos apartados 1.d e 2.b do artigo 14 dada polo artigo único apartado 5º da Lei 15/1992, do 30 de decembro (DOG núm. 1, do 4 de xaneiro de 1993).

9 Redacción do artigo 18 dada polo artigo único apartado 6º da Lei 15/1992, do 30 de decembro (DOG núm. 1, do 4 de xaneiro de 1993).

10 Redacción do artigo 25 dada polo artigo único apartado 7º da Lei 15/1992, do 30 de decembro (DOG núm. 1, do 4 de xaneiro de 1993).

11 Redacción do artigo 27 dada polo artigo único apartado 8ª da Lei 15/1992, do 30 de decembro (DOG núm. 1, do 4 de xaneiro de 1993).Lei 15/1992, do 30 de decembro.

12 Redacción do artigo 29 dada polo artigo único apartado 9ª da pola Lei 15/1992, do 30 de decembro (DOG núm. 1, do 4 de xaneiro de 1993).

13 Artigo 37 bis engadido polo artigo único da Lei 12/2004, do 7 de decembro ( DOG núm. 243, do 16 decembro de 2004).

14 Artigos 39, 40, 41, 42, 43, 44, 45, 46 e 47, (Título VI), derrogados pola disposición derrogatoria única, apartado 1, da Lei 9/2015, do 7 de agosto.